09/05/2005

Outra idea de Galiza

A tregua dominical permíteme avanzar na lectura do último libro de Suso. Non adianto moito debido a que cada páxina invita a pensar. A súa apariencia fragmentaria agocha unha proposta reflexiva que é todo un careo con tres enunciados: un urxente –a necesidade de atopar unha nova formulación do nacionalismo galego–, un incomodo –a pertinencia de contribuír á construción dun novo «nacionalismo español» integrador–, e un anticipador –a futura pero obrigada ideación dun nacionalismo europeo que lle dea sostenibilidade identitaria á UE–. Polo que levo lido, Outra idea de España é moito máis que outra idea de España, tamén supón outra idea de Europa e de Galiza. Unha fértil achega aos problemas da identidade nacional, da libre asociación en novos e vellos espazos políticos, e da imaxinación dunha cidadanía inclusiva, participativa e plural. Non sei que efectos lle estará a producir ao todopoderoso lector da Moncloa pero a min, felizmente, está dandome moito que remoer. A vindicación dun «galeguismo republicano» é suxestiva e permite un diálogo non esencialista co mellor do nacionalismo de preguerra, con Antón Villar Ponte e co pouco reivindicado Lois Peña Novo, a quen moito me reina ler. Nas páxinas de El Pueblo Gallego en 1926 escribía: «Galiza é unha riqueza sen explotar, un dereito sen articular...». Eis un orixinal enunciado dos problemas dunha vella nación que aínda hoxe sinalan a cerna da súa axenda política e teimudamente agardan solución.

Sem comentários: