18/08/2005

Aduaneiros

Desandamos un treito do Camiño do Norte para achegarnos até a que foi a primeira alfandega de Asturias. Conserva incolume, malia o paso do tempo, o espírito mercantilista doutrora e o pequeno porto abeira no presente unha voraz industria turística e abrollantes negocios inmobiliarios. Con todo, Puerto de Vega ostenta dous galardóns envexábeis: foi elixido en 1995 «Pueblo ejemplar de Asturias» e, en 1998, «Pueblo más guapo de Asturias». A oferta restauradora funciona en réxime de oligopolio e quizais por iso a táboa de prezos pugna en inaccesibilidade coa skyline da vila. Unha torada de bonito á grella custa 10 euros. Unha aborixe confésanos apesarada que na lonxa o quilo de bonito se paga a 4,5 euros e que nos restaurantes xa non lle serven cafés aos veciños porque gañan máis atendéndonos aos visitantes. Para compensalo todo, pódese visitar unha antiga fábrica de conservas que alberga o Museo Etnográfico Juan Pérez Villamil, un espazo dedicado a vida no mar, o campo e na emigración. O museo é un monumento á memoria colectiva feito con retallos de pasado e un voluntarismo civil exemplar. Para negar a mercantilización realmente existente na vila, a entrada é de balde e a guía do museo vale a metade do que unha roda de bonito. Existe vida fóra do mercado, cousa de agradecer.