13/10/2006

Pontecorvo

Finou Gillo Pontecorvo, o partisano director que nos emprestou algunhas estampas para comprender o mundo. Con el soubemos das cruezas das primeiras independencias e tamén das dolorosas segundas liberacións. Deixou menos pegada a súa ollada do que nos era máis próximo, quizais porque xa eramos testemuños da loita serodía contra o ditador. Sumaba 86 anos e aínda hoxe A batalla de Árxel, Queimada e a Operación Ogro se deixan querer no videoclube sentimental de toda unha xeración de inconformes resistentes.

3 comentários:

Martin Pawley disse...

Alén do seu poderoso pulso cinematográfico, "A batalla de Arxel" é unha lección de verdadeiro multiculturalismo: deulle voz a quen non a tiña, para contar a realidade arxelina desde unha óptica afastada da perversa ollada eurocéntrica.

Marcos Valcárcel López disse...

Creo que poucas películas nos impactaron tanto (perdón pola palabrota, que horrorizaba a don Vicente) como A batalla de Alxer: crúa, descarnada, realista... E quizais ningunha do chamado "cine político" tan efectiva, tan contundente.

Ian disse...

Concordo, claro está, coa converxencia coruñesa-ourensá que trazades os dous. Gosto moito da «Batalla», pero en «Queimado» atopou un non-sei-moi-ben-que de proximidade que me atrae poderosamente. Unicamente a visionei unha vez e quizais a teña un pouco idealizada de máis.