03/01/2007

Lume baixo as cinzas

Hai unha cara oculta da sociedade civil que só en contadas ocasións se enxerga. Está poboada por cidadáns inexistentes, tolleitos nos seus dereitos políticos e sociais. Os gobernantes non os atenden, a súa política tórnaos en discurso baleiro ou nunha renuncia á igualdade. Viven nos arrabaldes do Norte e nos slums do Sur Global, en non-lugares cartografados pola exclusión social, a pobreza e a segregación espacial. Hai pouco máis dun ano a revolta das banlieues alumeounos coas súas labaradas; desde aquela nada mudou e baixo a cinza segue habendo lume.

A morte de Zyad Benna e Bouna Traoré, electrocutados cando fuxían da polícia, detonou en novembro de 2005 o estourido das banlieues; en días, a revolta estendeuse á totalidade dos arrabaldes parisienses; nun mes a 300 concellos. A protesta deitou unha contabilidade impactante: 10.000 vehículos incendiados; 233 edificios públicos con destrozos; un morto; 4.402 persoas detidas; 422 condeas de prisión; 200 millóns de euros en danos económicos...

A revolta só foi sorpresiva para a clase política de Francia, un dos países europeos cunha das fendas entre gobernantes e gobernados máis insalvábeis e cunha política patricia cada vez máis institucionalizada. Asistidas por poderosas burocracias e mass media, fortalecidas por mecanismos de represión e integación cultural forzosa, as elites francesas buscan desactivar as garantías de protección social e a expropiación de dereitos políticos inaugurando unha nova democracia censataria: se non estás no mercado, non es cidadán, non existes na política. Francia é hoxe un despropositado modelo social de fabricación de non-cidadáns e de marxinación urbanística, segregación étnica e pobreza estrutural.

William Gamson analizou como a inxustiza torna en indignación moral, nunha ira «que pon lume no estómago e ferro na alma». Sábese ademais que a atomización social, a carencia de organizacións e redes sólidas, é suplida pola imitación. A protesta medra así polo mimetismo de pequenos grupos que se apropian do repertorio de loita dos motíns: ataques vandálicos ás sedes gobernamentais e destrución polo lume. Francia experimentou hai un ano a primeira manifestación á grande escala das formas de protesta dos cidadáns inexistentes.

Podemos crer que Galiza nada ten que ver con Francia, que nas nosas cidades aínda non aniñan arrabaldes desgonzados e apartheids sociais; podemos compracernos co espellismo do noso benestar, mais o certo é que o mundo rural galego é hoxe a nosa banlieue. Deixado á súa sorte durante décadas, sometido a unha esmagadora creba das solidariedades comunitarias, envellecido e debruzado no baleiramento demográfico, subsidiado para deixar de producir e deixar de ser, invisibilizado tanto nas políticas macroeconómicas como nas microsociais, o mundo campesiño foi entregado á nada.

Os lumes do verán pasado iluminaron a fraxilidade produtiva do noso agro e tamén botaron luz sobre esa cara agochada do país, arrumbada na periferia da nosa fráxil sociedade do benestar, cangada de dependencias desatendidas, derrotada polo abandono histórico dos poderes públicos. O rural galego vai camiño de converterse nun non-lugar, nun espazo anónimo de convivencias desequilibradas, socialmente moi vulnerábel, habitat dunha cidadanía inexistente desfiuzada no exercicio dos seus dereitos... Fóra do foco das megapolíticas, demasiado pasivizado para ser masa crítica dun estourido social, non é terra abonada para a protesta nin a ira, como moito, é un territorio para a súa irmá extraviada: a loucura. Con todo, aínda hai lume baixo a cinza.

Publicado en Tempos Novos # 115 (Decembro 2006), pp. 91-92

Sem comentários: