04/01/2007

Memoria da lingua

Este nadal, a xenerosidade ilustrada dos Couceiro agasalla aos seus clientes coa edición facsimilar de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional de Antón Vilar Ponte. Ao opúsculo achégalle Antón Capelán unha introdución na que debulla o labor xornalístico de Vilar Ponte en defensa da lingua galega e presenta algúns dos debates lingüísticos das primeiras décadas do século XX que foron pano de fondo dos seus esforzos normalizadores.

A edición da obra de Vilar Ponte é unha inicativa feliz pola recuperación dun texto referencial do proxecto normalizador da lingua galega pero tamén polo que ten de afirmación nacional na idea de que «os problemas galegos han de formularse e resolverse Galiza, dando as costas a Madrid». Esa suficiencia decisional e a vontade de ser donos de seus aínda é hoxe materia política minorizada nun país que abdica de responsabilidades e que se comprace en crer que tanto problemas como solucións son produtos foráneos que hai que agardar con resignación e entrega suicida.

Na interpelación propagandística de Vilar Ponte subliño tres retallos. [1] A súa interrogación sobre a tentación suicida do país: «En que tratado de histoloxía social pode sinalarse, nin como excepción, o caso de organismos con células suicidas que atenten contra o seu propio ser, fóra da nosa terra?». [2] A súa sabida afirmación da lingua como escudo identitario: «O escudo da autonomía espiritual, máis forte que as armas, é a lingua.» [3] A cita de autoridade de Teófilo Braga coa que pecha a súa exposición: «A Galliza perde a sua existencia política, e por tal acto apaga-se sua cultura.»

Proscribir a tentación e a deixación liquidacionista do país respecto da súa cultura; activar o autogerno como instumento político da cidadanía e a nación galega; e valorizar a lingua como un dos nosos capitais intanxíbeis máis valiosos para sermos un nó vivo no mundo-rede seguen a ser, malia o moito que se avanzou, persistentes capítulos da axenda política galega do século XXI.

Quizais unha forma de contemplar máis optimistamente o noso futuro colectivo pase por relativizar o desexo coa medida da memoria e así tomar consciencia de que de saber da nosa insatisfactoria situación actual, ao afoutado Vilar Ponte, cos ollos de 1916, habíalle de parecer unha inalcanzábel e feliz utopía.

1 comentário:

Nygard disse...

Primeiro de nada darlle ánimos nestes momentos que sempre son tristes.

Ao fío do que vostede nos conta de Antón Vilar Ponte, víñame a cabeza o enorme contraste co manifestado polo presidente do principal xornal de Galicia nun artigo onte.

Ante a afirmación de Vilar Ponte o susodito non fai máis que encubrirse dunha patética bandeira provinciana, facendo do "o que non chora non mama" toda unha filosofía mediática e política.

En fin, é verdade que -como vostede ben di- calquera tempo pasado neste caso foi peor. Mais hai cousas que nunca mudan.