06/04/2008

Cazadores de cogumelos

Son moitos os que cren que a visualización da soidade do presidente Zapatero no cumio da OTAN xustifica un despido inmediato dos seus asesores de imaxe e do seu xefe de protocolo.

A fotografía é demoledora pero o vídeo aínda o é moito máis. Préstanse a un uso fácil polos adversarios e non é doado retrucar positivamente o horror vacui que coroa a súa expresión grave, desvalida e orfa de cariño.



O illacionismo foi a fórmula dos gobernantes norteamericanos para conducir a súa política exterior até a Grande Guerra. Nun mundo turbulento isolarse era un bendición para a Republica Continental dos Estados Unidos. Na actualidade, se es un Estado mínimo e de consecuencias intrascendentes, podes ficar pracidamente á marxe de todo e mesmo autoproclamarte un dos derradeiros paraísos; pero na era da globalización, a centralidade nas alianzas e facerse nodo nas redes é vital para calquera Estado e máis aínda se te andas chufando no mercado interior das autoestimas como oitava potencia mundial.

Hai mesmo quen di que o poder máis importante dos Estados é hoxe en día o seu poder relacional, moito máis relevante que as súas capacidades decisionais e executivas. Nas canchas de fútbol ese principio foi revelado xa hai tempo polo estratega Valdano que nos obrigou a pensar o xogo en termos de asociación. Un xogador é mellor canto maior é a súa capacidade de asociarse a outros. Dos actores internacionais dísenos que lle ocorre outro tanto. A política como partenariado ou a capacidade relacional do Estados é un valor en alza e non só na construción das politicas sociais e do benestar.

Como lle gusta sinalar a G. Búster, Rodríguez Zapatero prefire a xestión en frío, ou o que é o mesmo, é excelente nas xogadas a balón parado, pero as súas prestacións no xogo colaborativo son infinitamente menores.

Na truculenta política interior salvouse grazas ao talento dos industriais da imaxe que nos venderon canto poideron o seu talante dialogante, conciliador e aperturista. Tras o 11-M, a lembranza negra do Aznarato e a autocondena do Partido Popular ao ostracismo facilitaron espectacularmente o éxito da mercadotecnia do talante, mais a ruptura da tregua e a voadura da T-4 levouse por diante o bambismo como imaxe da nova política. Cando se trata de sumar, Zapatero non rende tanto.

O PSOE gañou as eleccións do 9-M e, aínda que o novo escenario non se rematou de montar, todo parece indicar que persiste esa fraxilidade estratéxica para chegar a acordos reais cos outros. Ás dificultades para sumar apoios na formación da mesa do Congreso e na elección do Bono, engadíronse as negativas para desconxestionar o Grupo Mixto. Os negociadores bateron cun PSOE inaccesíbel, convencido de que pactar é dar mostras de debilidade e que está obsesionado por non ceder fronte aos nacionalistas nin a outra esquerda un plano de visibilización política.

Enrocados nunha maioría absoluta imaxinaria están convencidos de que poden aguantar a turrada confiando unicamente nos seus apoios parlamentarios. A ficcionada maioría constrúese sobre a imposibilidade das demais forzas políticas para pechar acordos co Partido Popular. O PSOE prómetese unha lexistura feliz como resultados da correlación de debilidades e imposibilidades que ancora ás demais forzas políticas.

Os estrategos máis elásticos de Ferraz cren que neste momento toca firmeza e despois transacción, que no debate dos orzamentos de 2009 haberá que facer abondosas concesións e que por iso agora hai que blindar o cofre e pechar o micro aos que están chamados a ser futuros socios.

Os máis ríxidos cren que frear a espiral reivindicativa dos nacionalistas é o único vieiro practicábel para lograr dentro de catro anos a maioría absoluta: hai que gobernar con amplísima autonomía, transferir os custes dos posíbeis votos de castigo ás forzas que sumen os seus votos ao Partido Popular e seguir achicándolles espazos ás forzas minoritarias escenificando grandes consensos co PP. Na súa opinión o grande éxito das eleccións foi impoñer o imaxinario bipartidista e crebar a capacidade condicional de Euscadi e Cataluña na gobernabilidade do Estado. Crése en Ferraz que coidar dese logro e non dar marcha atrás é o principal activo do PSOE.

Os comunicadores filosocialistas insisten en que o acontecido no Cumio da OTAN foi simplemente un espellismo. Un dito dos ashanti advírtenos que non se debe preguntar ao cazador que tal lle foi se o ves regresar con cogumelos. Zapatero volveu de Bucarest con cogumelos e agárdanlle moitos máis cogumelos no Congreso dos Deputados.

Quizais en política exterior Zapatero non estea tan só como aparenta, pero non deberan extraviarse, na política interior está moito máis só do que os dirixentes do PSOE realmente cren. E deberían coidarse de tanta soidade estratéxica. É unha excelente ocasión para que Valdano se pase pola Moncloa e poida expoñer a súa doutrina da asociación. Iso ou a seguir cazando máis cogumelos.

Sem comentários: