03/11/2008

Sofía dos presaxios

O estado da opinión pública nunha democracia esixente ten sentir republicano aínda que só fose pola razón subliñada por Daniel Afonso Castelao: «Nunha monarquía hai un rei; nunha república hai tantos reis como cidadáns»; de aí que calquera actuación que singularice e contraste a opinión da Casa Real coa opinión cidadá maioritaria remexe paixóns e fundamentos constitucionalistas e invita, sobre todo, a discutir a utilidade da voz da Monarquía.

Por máis que a familia política considere a polémica como unha «chorrada», canto máis se sabe do pensamento forte de Sofía de Grecia máis se apaga o verniz democrático da Coroa. Á parte da poxa de loanzas e (des)lealdades monárquicas ao que se entregaron Partido Popular e PSOE e da certeza de que algún secretario o vai pasar realmente mal, a enleada serviu basicamente para convencer a unha inmensa maioría de cidadáns de que o que máis lle reina á Casa Real é permanecer nun estado de invisibilidade e silencio mediático (case) permanente.

Maquiavelo sempre preocupado polo porvir dos príncipes reiteraríalle a Sofía a súa sabida sentenza: Qui nescit dissimulare nescit regnare [Quen non sabe disimular non sabe reinar]. Disimular, ficar inmóbil, facerse invisíbel, permanecer en silencio; eses son as máis intelixentes estratexias que ten a familia Borbón para garantirse un futuro confortábel. Calquera outro curso de acción e toda innovadora declaración de principios aleitan os peores presaxios sobre unha institución que, cada vez, é máis valorada como unha tradición ornamental e menos como unha necesidade democrática.

Sem comentários: