16/06/2009

Caderno de paso

En A Nosa Terra publícase, desde hoxe, Caderno de paso, un spin off deste blog que compartirá tamén teimas e temas con outras escritas. Grazas mil para os anfitrións dixitais. Seguiremos escribindo indistintamente por aquí e por acolá. Por cousa da idade De paso gozará dunha maior anarquía temática e en Caderno de paso irei anotando reflexións (que tentarei ilustrar con garabatos propios) sobre o novo tempo político que se inaugurou en Galiza o 1 de marzo.

Estreamos remoendo no Movemento do 1 de Marzo (M1M) como o ensaio galego do contragolpe conservador que Thomas Frank estudou en Kansas. Un contragolpe que, para a miña idea, ten como obxectivo principal erradicar toda raíz cultural, política ou social alentadora de cambios transformadores e mesmo calquera memoria do desexo de cambio en Galiza. Nun país como o noso, inacabado ou a medio facer, renunciar ao cambio é renunciar a Galiza como nación.

O M1M de Feijóo ofrécese, fundamentalmente, para gobernar un tempo que dun pasado cancelado quere construír o futuro. Futuro pasado, unha ruína de tempo. En «Como o vento», os Diplomáticos e Josito Pereiro (antes con Radio Océano) sumaron gorxa, letra e música para explicar mellor do que se tratará en Caderno de paso: «Saír das ruínas dun tempo ou polo menos tentar». Esta será a nosa banda sonora.


2 comentários:

Lúa Neghra disse...

Benvido e parabéns!

Xaime Subiela disse...

Alégrome moito Manolo, a crear discurso que falta fai, e dispor de filtros para interpretar a sobreinformación, e comprendernos nós. Eu tamén son un fascinado de "Como o vento", eu prefiro a versión máis ochenteira de Radio Oceano no fabuloso "Nin falta que fai".
http://www.listengo.com/song/8449275