17/09/2009

Mastigar o xornal

Manuel Vázquez Montalbán rebaixaba a cualificación de estatista de Gerald Ford porque era incapaz de facer dúas cousas ao mesmo tempo: ler o xornal e mastigar chicle, por exemplo. Entre nós hai editores e administradores de xornais que son auténticos mestres facendo dúas cousas na mesma tirada: machicar o xornal e ler o chicle, por exemplo.

Hai semanas don Santiago revelounos as súas capacidades, onte (e hoxe) El País formateou os seus editoriais como negra imitación dunha ameazante profecía de Nostradamus ou dunha fulminante maldición cigana. O xornal que contramaestrea Juan Luis Cebrián editorializou sobre o devalo político-existencial dese home e (pre-)(ex-)presidente do goberno que noutrora popularizaron como ZP. Pasaron os tempos felices do Zapatero Presidente. Hoxe, a sombra amarga do desamor de PRISA entolda os futuros improbábeis de Rodríguez Zapatero.

Multitarefas, os mandaríns mediáticos mastigan e len a actualidade con desempeños excelentes cando se trata de pastorear a opinión pública e determinar o que o goberno opina ou debería opinar. Como capitáns de empresas os resultados son bastante menos eficientes á hora de achegar solvencia, sustentabilidade e rendibilidade os seus negocios. Agora mergullados na Depresión (Mediática) 2.0 os balances son moito peores e cheiran en moitos casos a creba, a solución máis innovadora é despedir xornalistas. Así non lles van saír as contas.

Ninguén (nin o máis destemido) será quen de verbalizar o que moitos (a inmensa maioría) pensa intimamente: as grandes corporación de comunicación son merecentes dun plan gobernamental de rescate e saneamento semellante ao do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria. Non serán necesarios tantos millóns pero cantos máis haxa, mellor. A condición fundamental é a mesma que fixeron valer os banqueiros: que se poda operar unha reordenación e redimensionamento do sector sen interferencias do goberno.

Despropositado? Non crean, asístelles a forza da comparanza: os xornais son ao mercado de ideas e opinión o equivalente aos bancos no mercado dos diñeiros: dan crédito, impoñen hipotecas, avalan operacións, crean novos valores, traballan con depósitos tóxicos, certifican crebas... Un novo FROM (Fondo de Reestruturación Ordenada Mediática), con xenerosa caixa, poucas contrapartidas e sen interferencia gobernamental é a solución inmellorábel para capear a crise. Os xerentes mediáticos queren, iso si, un FROM difuso, como orballo, sen notoriedades, sen luz e sen taquígrafos, sen notarios da actualidade que para iso eles sós ben se valen.

Materialismo gastronómico

Amadeo Bordiga, comunista italiano de menor finezza que Antonio Gramsci, dicía que era capaz de adiviñar a opinión política de calquera persoa se lle dicían o que comera. Sei que para moitos o materialismo gastronómico de Bordiga ten hoxe aínda menos crédito que o materialismo histórico do barbado de Treveris, pero non deixa de fornecernos de pistas para intentar explicar algúns dos fenómenos normais e paranormais que conmoven os consellos de administración das factorías da opinión pública.

A maioría dos mortais que vivimos as cativezas do capitalismo sabemos que a incerta licitación da impresión do DOG ou unha previsión negativa de absorción de refugallos audiovisuais por parte da (empobrecida) TVG son detonantes suficientes para facer estourar a tronante voz da rúa e para arrincar ao Dragón de Sabón da súa pracenteira dixestión de prebendas oligárquicas. Unha licenza de TDT de pagamento a destempo antóllasenos causa suficiente para que un executivo global desate a súa furibunda prosa profética. As nosas miserias fannos solidarios coas teses gastronómico-ideolóxicas da mala besta de Bordiga.

Aos que lles pareza rústica a explicación de Bordiga poden achegarse a Antonio Gramsci e han de atopar nas súas letras da cárcere sobre o cesarismo delicadas explicacións para as iradas paixóns editoriais destes tempos. Cesarismo, hoxe en día dicímoslle «presidencialismo», esa desequilibrada tendencia que teñen os xestores do poder político a colocarse por riba do ben e do mal, a autonomizarse dos gobernados plebeos e dos poderosos patricios; entregados á soberbia de atender unicamente as razóns propias, crendo que só responden diante da Historia, que os xulgará con beneficio sempre grazas ás súas magnas obras; entusiasmados unicamente por unha desmedida querenza polo liderado sen condicións, sen tomas a terra, sen transaccións; mergullados por ese espléndida espellismo que confunde gobernar e mandar.

Os máis extremos conclúen dicindo que o presidente tornou en deus, de ZP (Zapatero Presidente) a ZD (Zapatero Deus). Ás patoloxías da divinización está dedicada o primeiro e ferinte editorial de El País. Hai razóns sobradas para someter a Rodríguez Zapatero á crítica democrática, non se discute iso, pero baixo ese pouso de lexitimidade emerxe a maldita pregunta: por que agora e non antes? E esta pregunta só a contesta o estómago predictivo de Amadeo Bordiga.

A Juan Luis Cebrián ou a Santiago Rey amólalles pola vida a divinización dos presidentes, o «endeusamento» de Zapatero ou de Feijóo. Si, Feijóo tamén, o seu irresistíbel ascenso no escalafón do PPdeG, a súa inmellorábel posición no delfinato sucesorio de Rajoy, colócao no ollo do furacán. Hai semanas Feijóo gabábase nas páxinas de Público: «Prefiro escoitar. Seguro que escoitando non erro.» A estas alturas o presidente galego debe ter xa claro que don Santiago cre que non o escoita o suficiente, e que por iso comeza a errar. O Terceiro Sermón de Sabón tiña moitos destinatarios, o máis principal: Alberto Núñez Feijóo.

Segundo o balance de egos e beneficios, a ira agroma non só porque os presidentes non coiden como deben dos seus intereses empresariais senón porque non toman aos patricios mediáticos en toda a consideración que lles deben; non se lles seguen os consellos; non se lles aplauden os enxeños; non lles escoita con agarimo os seus sabidos consellos... Todos recoñecemos os síntomas do poder sen límite e da ira sen mesura. Incúbase por igual na sede do Goberno e nos Consellos de Administración das grandes corporacións de comunicación; PRISA ou La Voz de Galicia non son a excepción (e posibelmente non haxa excepción ningunha).

A utopía de Jefferson

Hai 222 anos, Thomas Jefferson escribiulle a Edward Carrington:
O modo de evitar tales indisposicións irregulares do pobo consiste en proporcionar informacións completas sobre os seus asuntos mediante o canal dos xornais públicos e procurar que cheguen a toda a masa do pobo. Como a base dos nosos gobernos se atopa na opinión do pobo, a súa primeira finalidade debe consistir en manter o devandito dereito e, se se deixara ao meu albedrío decidir entre un goberno sen xornais ou uns xornais sen goberno, non dubidaría un instante en elixir o segundo.

Un desexaría estar conforme coa elección do pai da Declaración de Independencia dos Estados Unidos, aínda que só fose por san republicanismo, mais a visita diaria ao quiosco ultimamente non axuda moito á utopía jeffersoniana. A propósito da teatralización de 1984 de George Orwell, o actor e director, Tim Robbins, reflexionaba nas antípodas do seu compatriota:
Estou a falar dos que verdadeiramente mandan nos xornais. Eles crean a opinión pública e prexudican a moitas persoas. Para empezar, danan aos xornalistas que traballan para eles. En EEUU, moitos profesionais da información perden o seu traballo cando tentan explicar a verdade, cando tentan ensinar as mentiras dun sector moi poderoso. [...] Se queremos que o país cambie, que o mundo funcione un pouquiño mellor, hai que empezar a sacudir as redaccións. Se queremos un cambio real, hai que cambiar o funcionamento dos medios de comunicación.
Máis que sacudir as redaccións sospeito que hai que abanear a moitos dos que están acantoados nos consellos de administración, moi especialmente a esa especie de oligarcas da opinión pública que fan por gobernar o terreal e o celeste sen someterse a ningunha caste de elección cidadá. A súa aspiración suprema é facer dos xornais unha sorte de sottogoberno. De seguir alimentando o seu negocio coa confusión actual de papeis, comezaremos a matinar sobre se nas vindeiras elección votaremos a El País, El Mundo, Público, La Voz de Galicia ou Xornal. E o máis peor, acabaremos por ir ao quiosco para afiliarnos ao PSOE, ao BNG ou vai ti saber a que. Algo (radical) teremos que facer para darlle a razón a Jefferson e quitarlla a Rey, Cebrián, Ramírez e compañía, multiatarefados mastigadores de xornais e lectores de chicle.

3 comentários:

arume dos piñeiros disse...

Que boa a coincidencia!
E teño que recoñecer que non revisei a miña bibliografía favorita: Il principe. Voulle dar unha volta. Que seguro que Nico ten algo para estes casos.

Ian disse...

Sobre a última reviravolta estratexia de Cebrián: «Quen engana encontrará siempre quen se deixe enganar.» Il Principe cap. XVIII. Sobre o grao do castigo imposto a ZP: «"Aos homes hai que acariñalos ou destruilos, pois vengarán un insulto leve, pero quedarán indefensos se se lles aplica un golpe duro.» (idem. cap. III)

xOsse dorrío disse...

Non sei si se pode dicir que é radical pero algo si se está facendo xa: cada día consúmese menos prensa escrita.

A desinformación é tan descarada que, a estas alturas, artigos como os de Rey en La Voz ou as editoriais de El País contra Zapatero, fanlle tanto dano ou máis o medio que que ó político de quenda.

Agora que, si do que se trata é de morrer matando, van polo bo camiño.