Mostrar mensagens com a etiqueta Liderato. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Liderato. Mostrar todas as mensagens

3/Jun/2008

Taxonomías

Diferenza entre un político e un líder? A resposta é de López Burniol: «Sinxelamente, que un líder percibe con claridade a situación en que se atopa o seu país, conforma un proxecto de futuro, expono sen rodeos e a xente séguelle porque ten credibilidade e, en consecuencia, identifícase con el. En cambio, un político esgota o seu quefacer na conquista e a preservación do poder, utilizando métodos de mercadotecnia.» O proxecto Globe investigou os atributos dun liderato eficaz nas diferentes culturas e atoparon patróns de conduta que definen o líder en todos os países: 1) liderado carismático ou baseado en valores (inclúe condutas relacionadas coa inspiración, a visión e o autosacrificio); 2) liderado orientado ao equipo (inclúe condutas como colaboración, integración e diplomacia); 3) liderado auto-protector (define ao líder centrado en si e consciente do status); 4) liderado participativo (define a un líder democrático con tendencia a delegar); 5) liderado humano (define ao líder modesto e orientado cara aos demais) e 6) liderado autónomo (define ao líder individualista e independente). Que elemento impide que o líder torne en caudillo? A madureza da cultura organizativa que o arrodea. Que fai que se converta nun «político»? A natureza desa mesma cultura organizativa.

11/Abr/2008

Talento e cazatalentos

Pasou pola XXV Semana de Filosofía pero non tiven tregua para poder ir escoitalo. Jorge Riechmann nacido en Madrid en 1964. Poeta, tradutor, filósofo, matemático e politólogo, pensador e activista ecosocialista da tribo de Manuel Sacristán e Francisco Fernández Buey.

En Canciones allende lo humano Riechmann formulou un principio ético fundamental: hai que tratar aos demais como un fin en si mesmo e non como medios para os nosos propios fins. Outro principio que lle gusta lembrar apóiase nunha luminosa cita de John Berger e Nella Bielski: «Un debe chamar polo seu nome a todo o que ve. Nunca se deben ignorar as consecuencias. Esa é a única posibilidade de enfrontarse á barbarie. Ver as consecuencias». As persoas como fin en si, e as persoas como elas mesmas e as súas consecuencias. Sobre esas consideracións constrúese un esixente código ético e de conduta emancipatoria.


Riechmann non lle ten medo ás palabras fortes e exprésase con claridade: «Creo que un socialismo do século XXI debe seguir ancorándose nos valores básicos de sempre: igualdade, liberdade, democracia en canto autogoberno, e engadir o valor básico de sustentabilidade ecolóxica.» Outra declaración súa que é toda unha declaración de guerra: «O capitalismo é unha orde social caníbal, e eu aspiro a deixar de devorar aos meus semellantes.»


A Riechmann préstalle vitalmente unha máxima que atopou nunha carta que Giner de los Ríos enviou en 1906 a José Castillejos: «Esperar ben pouco e traballar coma se esperásemos moito».


Cazatalentos


Ten 42 anos. Declarase liberal e católico. Casado e con dous fillos. É un dos cazatalentos de maior sona mundial. Chámase Ignacio Bao e naceu en Vigo. Ama os riscos e non lle escapa ao perigo. Ten afeccións inalcanzábeis para a maioría dos mortais: cazar feras e conducir automóbeis de custes millonarios. Como todo headhunter trafica coas capacidades e habelencias doutros.

Unha nómina de 260 présas en trece anos de oficio ao servizo de financeiros, avogados e consultores acreditan un grao de excelencia dificilmente discutíbel. A intelixencia operativa cotiza, sábeo ben, Bao calcula os seus beneficios cunha simple fórmula: a empresa que ficha ao talento págalle unha cantidade equivalente a un terzo da primeira retribución completa anual do talento, cun teito de 250.000 euros. Certificando o que cobran as pezas capturadas –«Pechei operacións nas que o talento foi fichado por un millón e medio de euros anuais»– seguro que é doado atopar milleiros e milleiros de présas dispostas a participar neste tentador safari mercantil.

Bao vive atento ás novas necesidades do mercado: «O clásico era buscar rainmakers, pero agora cotízanse máis os starmakers: o primeiro é quen logra que sucedan cousas, o segundo é quen sabe crear equipos brillantes.» Facedores de chuvia (de cartos?) ou de estrelas (de ouro?), Bao ten as ideas ben claras: «Por suposto que a xeración de negocio segue sendo vital pero o que importa agora é a capacidade de dar servizo continuo ao cliente no tempo a través do desenvolvemento do talento entre as persoas do equipo, non máis xogadores individuais que se anoten os éxitos. O que importa é que a xente este motivada por traballar para alguén que teñan como maior ambición desenvolver ao seu equipo, é dicir capaz de desenvolver estrelas, un xenuino starmaker».

Canto de proveitoso sería un debate entre Reichmann e Bao...

6/Abr/2008

Cazadores de cogumelos

Son moitos os que cren que a visualización da soidade do presidente Zapatero no cumio da OTAN xustifica un despido inmediato dos seus asesores de imaxe e do seu xefe de protocolo.

A fotografía é demoledora pero o vídeo aínda o é moito máis. Préstanse a un uso fácil polos adversarios e non é doado retrucar positivamente o horror vacui que coroa a súa expresión grave, desvalida e orfa de cariño.



O illacionismo foi a fórmula dos gobernantes norteamericanos para conducir a súa política exterior até a Grande Guerra. Nun mundo turbulento isolarse era un bendición para a Republica Continental dos Estados Unidos. Na actualidade, se es un Estado mínimo e de consecuencias intrascendentes, podes ficar pracidamente á marxe de todo e mesmo autoproclamarte un dos derradeiros paraísos; pero na era da globalización, a centralidade nas alianzas e facerse nodo nas redes é vital para calquera Estado e máis aínda se te andas chufando no mercado interior das autoestimas como oitava potencia mundial.

Hai mesmo quen di que o poder máis importante dos Estados é hoxe en día o seu poder relacional, moito máis relevante que as súas capacidades decisionais e executivas. Nas canchas de fútbol ese principio foi revelado xa hai tempo polo estratega Valdano que nos obrigou a pensar o xogo en termos de asociación. Un xogador é mellor canto maior é a súa capacidade de asociarse a outros. Dos actores internacionais dísenos que lle ocorre outro tanto. A política como partenariado ou a capacidade relacional do Estados é un valor en alza e non só na construción das politicas sociais e do benestar.

Como lle gusta sinalar a G. Búster, Rodríguez Zapatero prefire a xestión en frío, ou o que é o mesmo, é excelente nas xogadas a balón parado, pero as súas prestacións no xogo colaborativo son infinitamente menores.

Na truculenta política interior salvouse grazas ao talento dos industriais da imaxe que nos venderon canto poideron o seu talante dialogante, conciliador e aperturista. Tras o 11-M, a lembranza negra do Aznarato e a autocondena do Partido Popular ao ostracismo facilitaron espectacularmente o éxito da mercadotecnia do talante, mais a ruptura da tregua e a voadura da T-4 levouse por diante o bambismo como imaxe da nova política. Cando se trata de sumar, Zapatero non rende tanto.

O PSOE gañou as eleccións do 9-M e, aínda que o novo escenario non se rematou de montar, todo parece indicar que persiste esa fraxilidade estratéxica para chegar a acordos reais cos outros. Ás dificultades para sumar apoios na formación da mesa do Congreso e na elección do Bono, engadíronse as negativas para desconxestionar o Grupo Mixto. Os negociadores bateron cun PSOE inaccesíbel, convencido de que pactar é dar mostras de debilidade e que está obsesionado por non ceder fronte aos nacionalistas nin a outra esquerda un plano de visibilización política.

Enrocados nunha maioría absoluta imaxinaria están convencidos de que poden aguantar a turrada confiando unicamente nos seus apoios parlamentarios. A ficcionada maioría constrúese sobre a imposibilidade das demais forzas políticas para pechar acordos co Partido Popular. O PSOE prómetese unha lexistura feliz como resultados da correlación de debilidades e imposibilidades que ancora ás demais forzas políticas.

Os estrategos máis elásticos de Ferraz cren que neste momento toca firmeza e despois transacción, que no debate dos orzamentos de 2009 haberá que facer abondosas concesións e que por iso agora hai que blindar o cofre e pechar o micro aos que están chamados a ser futuros socios.

Os máis ríxidos cren que frear a espiral reivindicativa dos nacionalistas é o único vieiro practicábel para lograr dentro de catro anos a maioría absoluta: hai que gobernar con amplísima autonomía, transferir os custes dos posíbeis votos de castigo ás forzas que sumen os seus votos ao Partido Popular e seguir achicándolles espazos ás forzas minoritarias escenificando grandes consensos co PP. Na súa opinión o grande éxito das eleccións foi impoñer o imaxinario bipartidista e crebar a capacidade condicional de Euscadi e Cataluña na gobernabilidade do Estado. Crése en Ferraz que coidar dese logro e non dar marcha atrás é o principal activo do PSOE.

Os comunicadores filosocialistas insisten en que o acontecido no Cumio da OTAN foi simplemente un espellismo. Un dito dos ashanti advírtenos que non se debe preguntar ao cazador que tal lle foi se o ves regresar con cogumelos. Zapatero volveu de Bucarest con cogumelos e agárdanlle moitos máis cogumelos no Congreso dos Deputados.

Quizais en política exterior Zapatero non estea tan só como aparenta, pero non deberan extraviarse, na política interior está moito máis só do que os dirixentes do PSOE realmente cren. E deberían coidarse de tanta soidade estratéxica. É unha excelente ocasión para que Valdano se pase pola Moncloa e poida expoñer a súa doutrina da asociación. Iso ou a seguir cazando máis cogumelos.

16/Mar/2008

Lideratos glaciares

A autopsia da malfadada noite electoral de Mariano Rajoy, que hoxe publica Jaime E. Cúe en El País, finaliza co anuncio que Ernest Shackleton supostamente publicou nos xornais británicos solicitando voluntarios para a súa expedición antártica. Un desesperanzado aviso de recrutamento que vale para quen decida acompañar a Mariano Rajoy na súa viaxe cara ao centro-reformista. «Procúranse homes para unha viaxe perigosa. Soldo baixo. Frío extremo. Longos meses de absoluta escuridade. Perigo constante. Non é certo volver con vida. Honra e recoñecemento en caso de éxito.»

A expedición cara ao sur antártico do Endurance que capitaneaba Shackleton converteuno nun modelo de liderado para situacións de imposíbeis supervivencias. Bloqueado preto da costa antártica na baía de Vahsel, entalado na banquisa, tras 281 días a presión do xeo rematou por esnaquizar o seu navío, obrigando aos 28 membros da expedición a realizar unha épica viaxe en zorra polo xeado mar de Weddell e logo en bote até a illa Elefante, no arquipélago das Shetland do Sur, e desde alí á illa Xeorgia do Sur. Shackleton non perdeu nin un só home nos tres anos que durou a súa expedición. Un prodixio de iniciativa, intelixencia, resistencia e teimosía.

Existe unha abondosa literatura que, a partir da experiencia da expedición trasantártica de Shackleton, tira proveitosa leccións para a dirección empresarial ou política; Dennis Perkins, por exemplo, resumiu as dez estratexias de Shalckleton:
  1. Nunca perda de vista a última meta e concentre a súa enerxía en obxectivos a curto prazo.
  2. Dea exemplo persoal con símbolos e condutas visíbeis e fáciles de recordar.
  3. Inspire optimismo e autoconfianza, pero aférrese á realidade.
  4. Coide de si mesmo: manteña a súa resistencia e déixese de complexos de culpa.
  5. Reforce constantemente a mensaxe de grupo: somos un e viviremos ou morreremos xuntos.
  6. Minimice as diferenzas de status e insista na cortesía e o respecto mutuo.
  7. Domine o conflito. Manexe o enfado en doses pequenas; atraia aos disidentes e impida loitas de poder innecesarias.
  8. Atope algo que celebrar e algún motivo co que rir.
  9. Estea disposto a asumir o Gran Risco.
  10. Nunca abandone, sempre hai outro movemento.
Non sei se Rajoy, mesmo atendendo todas e cada unha das recomendacións de Shackleton, será quen de levar a bo porto a Gran Transformación do Partido Popular. En calquera caso, xa deu un gran paso adiante ao seguir o sabio consello de Winston Churchill: «O éxito non é definitivo, o fracaso non é fatídico. O que conta é o valor para continuar». O que lle queda.