Mostrar mensagens com a etiqueta Políticas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Políticas. Mostrar todas as mensagens

17/Jul/2008

A roda do poder

Existen numerosos iesebenes sobre o Poder político e os seus usos e relacións, un amplísimo abano de páxinas que cobren desde as ciencias sociais e as memorias ao xornalismo ou á matinación ensaística; tamén na literatura de ficción é doado compilar un feixe de excelentes obras que debullan de xeito preciso como facerse co poder político, como mantelo e tamén como se pode derramar e perder de vez; ou onde se realizan precisas diseccións sobre a súa natureza, compoñentes, dinámicas e impactos.

Entre outras, a factoría literaria mexicana tennos achegado numerosos títulos que diagnostican as tramas do Poder ao que deu vida a Revolución de 1905 e o seu usufruto polo PRI. O xornalista, novelista e historiador Héctor Aguilar Camín entregounos, polo de agora, unha tríade de pezas imprescindíbeis nas que inspecciona as relación do Poder político co Poder do Petróleo (Morrir en el golfo); co Poder Mediático (La guerra de Galio) e do Poder Político coas súas propias vísceras (La conspiración de la fortuna).


Na exitosa e cinematográfica Morrir en el golfo, Anabela Guillaumin, esposa de Francisco Rojano Gutiérrez, un desafiante e emerxente dirixente priísta, ofrece unha fórmula para facerse oco na Columna do Poder: «Non fales de fracaso. Ti sabes como é a política. Vai e vén, é unha roda da fortuna [...]. Que é o fracaso político? É un pretexto para os pusilánimes. Un verdadeiro político non fracasa nunca, está sempre na xogada. É unha rolda da fortuna e o que importa é non soltarse. Ás veces estás arriba, ás veces abaixo. Pero iso non é o importante. O importante é seguir pegado a roda, manterse aferrado á roda. Non soltarse, carallo. Non soltarse.»


Mariano Rajoy, que tivo en Manuel Fraga a un dos máis insignes mestres na arte de supervivencia política en condicións electorais extremas, é un seguidor incombustíbel desta fórmula. Tras o fracaso do 9-M, aferrouse a roda e segue na xogada á espera de novas oportunidades. Esperanza Aguirre subestimou a súa impoñente capacidade de adherencia a máis mínima fibra de poder. Grande erro. Rajoy agarda agora a que o devalar da credibilidade de Zapatero e a agudeza da crise económica o coloquen novamente na crista da onda. Poucos, coma el, saben que a política vai e vén.

9/Jun/2008

O novo arsenal


Relato, argumentos e valores, diálogo na rede e novas formas de dirixirse ás audiencias salientan no novo arsenal da comunicación política que se testou nas primarias demócratas.
«O relato é a chave de todo»; a partir desta sentenza de Greenberg, Gutiérrez-Rubí tracexou o brillante eloxio da política como relato. Unha política «que interprete, que dea sentido á realidade e que converta en comunicación o proxecto político, é unha nova oportunidade para a humanización da política no século XXI». O poder das imaxes, os valores, o diálogo e as palabras ao servizo dos proxectos de cambio político.

Outro analista, Silva-Herzog Márquez, amais de recoñecer o habelencioso uso da Rede e a súa intelixente estratexia para captar doadores, conclúe que o éxito de Obama foi inserir o argumento no «centro da política»: «A súa campaña non é emisión de frases baleiras, ladaíñas pegañentas e imaxes trilladas. Por suposto, concreta o seu discurso en lemas, melodías e estampas. [...]. O notábel é que, alén desas mercadorías, reivindica a política argumentativa nun tempo que decretou a morte da deliberación racional e que se entrega ao tráfico mediático das emocións. Barack Obama reviviu a figura do home que razoa en público en busca da persuasión».


Gutiérrez-Rubí reparou tamén no engado da súa voz, «unha voz moi peculiar que parece case un rumoreo. A reacción psicolóxica das persoas que lle oen é pensar que cada unha delas é a destinataria única das súas palabras». Para el, a mellor arma de Obama foi o clásico micro de bóla na man co que se pasea polos escenario, sempre rodeado de seguidores que case absortos «cren que escoitan a voz do futuro Presidente dos Estados Unidos». Xa o dixo Miguel Torga: «Somos a voz que temos.»

12/Mar/2008

Lonxe/perto

O futuro xa está aquí. Importamos o máis peor das campañas electorais made in USA. Presidencialismo forzado e reforzado. Xogo político sometido a un permanente trastorno bipolar. Debates en paralelo, sen converxencia, e con axendas altamente selectivas. Mobilización de medos máis que de valores, ou o que é máis extremo: conversión do medo nun valor electoral central. Importancia crecente das políticas coactivas e reactivas fronte ás políticas propositivas e proactivas. Paquetes de medidas estrelas que se impoñen aos programas mediante a mercantilización das ofertas electorais. Ao contrario do hip-hop na confrontación electoral o menos importante é a letra, a música é a que manda.

Triunfo do soporte audiovisual sobre a prensa papel, acelerado avance cara unha sorte de videocracia. Os novos formatos falan do esmorecemento da política de cara a cara e da prima dunha política unidireccional, sen retornos. Algúns medios ofrecen maiores posibilidades democráticas e a política na rede aínda non desequilibra o conxunto en favor dunha maior ligazón, interrelación e participación. Ao que parece as urnas acabarán converténdose en receptáculos para sumar os silencios dos cidadáns e non as súas voces.

Consolídase a fenda gobernantes e gobernados ou entre políticos e cidadáns ao tempo que se consagra o papel dos medios audiovisuais como nexos fundamentais da relación. A política de proximidade e de encontro pertence ao pasado, a política de plató é o presente e o futuro. Política participasiva, asentada nos electores como consumidores, e campañas electorais cun final moderadamente interactivo: co voto podes alterar o final non o argumento nuclear, non podes cambiar os actores, nin os diálogos nin o escenario tan só fica o consolo de poder elixir entre un the end ou outro. Iso ou apagar a caixa boba democrática e absterse.

Quizais aínda leve razón Sartre e o campo do posible sexa máis amplo do que a realidade nos permite sospeitar. Quizais haxa marxe abondo para ensaiar unha política entre iguais, P2P, unha política novamente personalizada e instalada democraticamente no cara a cara. Unha política de compromisos directos, de complicidade cidadá, non como alternativa global á política mediática, si cando menos como un necesario elemento corrector. A xente do Partito Democratico en Italia anda ensaiando algunhas políticas de proximidade das que deberiamos coidar tamén na fronteira oeste de Europa.

1/Set/2007

Fake policy

George Bernanos afirmaba que prefería perder lectores antes que enganalos. As conviccións do escritor son pouco compartidas entre as nosas clases dirixentes moito máis dispostas a mentir que a perder electores; temerosos, os máis, a dicir verdades incomodas que lles resten audiencias. Sei que o dilema non ten porque adquirir unha fasquía tan maniquea; pódese dicir a verdade e gañar electores e, mesmo, dicir mentiras e perdelos a mancheas. Aínda así, o formateado que máis se leva na política oficial fai abuso da media verdade e da mentira enteira para minimizar os custos das decisións impopulares.

Os adiantos orzamentarios do presidente Zapatero (se o debate parlamentario non o remedia) engrosarán a política de ambiguedades calculadas que é esa forma mol, anestésica e amábel da mentira/media verdade coa que o Goberno se relaciona cos cidadáns electores dos feudos electorais secundarios. Nos caladoiros primarios as promesas sostéñense nunha verosimilitude orzamentaria moito máis sólida.

Outro escritor, Elbert Hubbard, advertiunos cinicamente: «a mentira é un triste substituto da verdad, pero é o único que se descubriu polo de agora». Así o cren tamén os estrategos do centro gobernamental. A dinámica mentira/media verdade está tan institucionalizada que non é de estrañar que os resignados cidadáns sinalen a política como un territorio privilexiado da falsidade e que Xavier Queipo dese cunha reveladora pintada na que unha man anónima escribiu: «Queremos mentiras novas.» Xa que fronte á política mentira non se pode esixir a verdade, pidamos cando menos un chisco de imaxinación.

8/Jul/2006

Boomerang

Convídanme a participar nun curso estival. Teño unha cadeira na mesa redonda que ten que dar conta da pregunta: «Favorece Internet a relación da Administración coa cidadanía?». Levo horas ordenando información e remoendo nela malia que a resposta é tan doada como afirmativa. Con todo, xunto unha boa restra de matices críticos sobre a intensidade, calidade e oportunidade das relacións que entre cidadáns e poderes públicos estimulan as infotecnoloxías. A pregunta incomódame porque é asimétrica e unilateral. Máis pertinente é unha outra: «Favorece internet a relación dos cidadáns coa Administración?» ou outra aínda mellor: «porque os gobernos están só interesados en arrebolar o boomerang e nada lles preocupa que nunca volva?» Tampouco é que atope estimulantes respostas pero aprendo cousas ben interesantes sobre os boomerangs e así descubro que os de caza, os chamados kylie, nunca volven. E iso case que o explica todo: máis que cidadáns somos presas que zafamos como podemos no medio dunha cazata neotecnolóxica desmedida e democraticamente pouco interesada.

17/Nov/2004

Constitucion furtiva

Comezo a ler La Constitución furtiva, un libro de Xavier Pedrol e Gerardo Pisarello para cargarme de razóns e votar NON no referendo que se anuncia. Argumentos para convencer a Cessare (e a min mesmo) de que para facer realidade o noso imaxinario de Europa é urxente –e necesario– aleitar unha cidadanía crítica antes que a servidume civil e o desinterese pro-europeísta. Para a miña idea o que fará posíbel a nova Constitución é a súa discusión e non o aplauso unánime e pechado que se nós propón.