26/11/2006

Pesos e medidas

A novidade da XII Asemblea Nacional do BNG é o seu pluralismo. Excelente ocasión para determinar pesos e medidas. Catro listaxes pugnarán por atinxir un lugar no Consello Nacional. Entre os analistas hai unanimidade, tan só unha está en condicións de acadar a maioría absoluta, é a que encabeza Anxo Quintana; pasa por ser a lista «oficial» e é un sumatorio de UPG e diversas presenzas que dificilmente poden abeirarse baixo o carimbo único de «quintanismo». A súa xestación foi complicada, máis por atoparse a UPG enfeblecida polo cisma do Movemento pola Base, que porque as esixencias de Quintana fosen especialmente extremas.

Se nos entregásenos á paciente reconstrución do «quen é quen?» da candidatura que apadriñan Quintana e Francisco Rodríguez comprobariamos que, no tramo de elixíbeis máis probábel –digamos os 35 primeiros–, a UPG coloniza a metade (mais un / menos un) da candidatura. Canto mellor sexa o resultado obtido, maior quiñón atinxen os partidarios do Vicepresidente, pero esa melloría é, en todo caso, insuficiente para inverter a hexemonización que padece a candidatura a mans da UPG. Calquera resultado que baixe dos 70-75% dos votos na Asemblea Nacional debilita o liderado público de Quintana e reduce os seus apoios sen que cheguen a roer significativamente nos dominios da UPG.

Se hai que crer aos ruxe ruxe negociador, a listaxe compleméntase cun documento aínda non público, fica celosamente gardado, no que a UPG obtén garantías políticas para fiscalizar a acción gobernamental do BNG e no que, ao parecer, se santifica unha intensa renovación dos organos executivos sen que iso signifique a desaparición dos mesmos de Francisco Rodríguez. A alianza entre a UPG e Quintana estéase logo nun acordo de nomes, no relatorio político da XII Asemblea e nesa poliza de garantías que rexerá as relacións entre a parte nacionalista do goberno e o BNG, vale dicir mellor a UPG.

Os máis calorosos quintanistas afirman que non está pechado un acordo coa UPG para compor a executiva e que se mantén aberta a posibilidade dunha lista de Quintana arredada da UPG se esta teima en hexemonizar a dirección política da fronte. O papel e a especulación todo o atura, pero semella improbábel esta saída que abondaría na erosión do liderado público de Quintana e acentuaría a súa soidade no aparato do BNG.

Á espera da repartición de pesos e presenzas, todo indica que ningunha das familias terá capacidade para obrar con independencia plena sen o concurso de outros. As posibilidades dunha dirección política autónoma do quintanismo derrámanse nas insalvábeis dificultades que ten para acordar co Encontro Irmandiño, coa Alternativa e co Movemento pola Base. No de agora, Quintana unicamente ten un aliado e a UPG, por moi sorprendente que resulte, pode ter máis de un, moi especialmente se Quintana decide botar a andar só.

A énfase crítica das outras candidaturas ten por obxectivo máis a Quintana que á UPG e a sabedoría frontista indica aos vellos rastrexadores de pactos que a Unión do Povo Galego, aínda que debilitada, segue a manter unha posición de centralidade que lle permitirá artellar, en caso de necesidade e supervivencias, acordos de reparto de poder con sectores da Alternativa ou co Movemento pola Base. Sábese ben que nunha situación de xogo revolto case que todo vale e que calquera negociación a vida ou morte pode ter un desenlace inesperado.

Hai unha vella sentenza anónima que afirma que «se goberna con persoas, non con ideas». Esa máxima mediu a lóxica negociadora de Quintana coa UPG. Como actor unitario a UPG é, nestes momentos, pouco asequíbel a Quintana, pero non é difícil recoñecer a veta dunha UPG máis pragmática e posibilista, empatada co goberno galego, coa que Quintana pode entenderse con proveito se o centralismo da UPG entra nunha vía de distensión. Esa é a reserva de autonomía que poderá ter o voceiro nacional e Vicepresidente da Xunta. A reserva sería maior se ademais dese sintonizado minimamente co Encontro Irmandiño e a Alternativa e sería aínda máis ampla se, no proceso de renovación dos Consellos Comarcais, é quen de propoñer candidatos propios que reequilibren ao seu favor a composición política do Consello Nacional.

Toca máis agardar polo desenlace das votacións que polo resultado dos debates de ideas. Todo indica que a solución asamblearia non será cousa de dous –UPG + quintanismo– senón de cinco coa influencia, non precisamente marxinal, da Alternativa, do beirismo e do Movemento pola Base. O pluralismo será nos tempos vindeiros un sinal de identidade activa no BNG e a multiplicidade de voces para ser ricaz debería ir acompañado da vocación de diálogo, transacción e acordo. Un BNG líquido xestionado por unha xeometria variábel de acordos e diferenzas presentará desvantaxes directivas pero será inclusivo e abriralle espazos de futuro. O Bloque sólido enrocado e con posicións acantoadas adoecerá da flexibilidade necesaria. Cómpre non extraviarse e recoñecer que tanto pluralismo é dificilmente compatíbel cunha acartonada política de bloques que bipolarice a vida interna e entregue todos os recursos de poder e organizativos en réxime de exclusiva a un dos polos.

3 comentários:

ladoescuro disse...

En efecto, boa ocasión para determinar pesos e medidas... mágoa que Quintana non queira subir á báscula e poidamos saber canto pesa realmente. Semella que teme descubrirse anoréxico: é probábel que o seu peso real non chegue ao 30% acadado no Consello Nacional no que presentou a súa proposta de asembleas por delegados, pois neste caso a balanza estaba trucada.

E nesta incapacidade de Quintana para pesarse evidénciase o verdadeiro drama de quen, seica, aspiraba a renovar o BNG: a carencia de aliados máis alá da UPG, rotas as pontes con case todos os sectores cos que se podía asociar para conseguilo, fóra do reducido grupo de persoas coas que comparte labores dirixentes no Goberno e no BNG, e que, descontados os afíns á U, se sitúan maioritariamente neses 35 primeiros postos da lista “oficial”.

Con estes vimbios, é posible que Quintana poida manter a posición, pero en absoluto poderá levar a cabo a verdadeira renovación que o BNG urxentemente demanda. Así as cousas, a reedición da alianza coa UPG resulta moito máis prexudicial que beneficiosa, ao impedir:

- que Quintana explicite dunha vez a “folla de rota”, pois a fe e a confianza cega son valores que non cotizan entre os afiliados ao bloque. Precisamos saber xa qué quere facer co BNG, cal é o seu proxecto, caso de o ter.
- realizar a imprescindible autocrítica, recoñecendo o mal que xestionou a necesaria renovación de persoas, e así:
- estañar feridas, recompoñer relacións, buscar novas alianzas. Emitir polo menos algún sinal de que se quere contar coa xente que se desprezou.
- acelerar os cambios: o osíxeno dentro do BNG acábase para os militantes a granel. Non é xa que o Bloque resulte refractario para a sociedade, impedindo o seu crecemento: é que resulta cada vez máis irrespirable para os xa afiliados.
- conformar unha nova maioría “que sitúe democraticamente á UPG na posición minoritaria”, e que permita ensaiar a fondo un programa político que saque ao Bloque do pozo: apertura a sociedade e incremento da participación a todos os niveis, especialmente local e comarcal.

E así o BNG segue aínda ancorado na X Asemblea da Coruña, aquela na que a UPG veu cambalear o seu poder e Paco Rodríguez comezou a botar tinta de lura cuestionando o liderado de Beiras. A renuncia de Quintana a gañarse a maioría de idade e a súa opción de seguir baixo a tutela da UPG (lembremos que non coñece outra: foi na que se criou politicamente e lle permitiu gobernar Allariz dez anos), volverá pechar en falso a XII Asemblea, e non fará máis que afondar na crise.

Julicheiro disse...

Na liña do dito por Leila, outro dos factores que contribúen a debilitar ó militante "a granel" (xa me gustou a expresión) é a confusión BNG-organización e BNG-goberno; que o 86% dos membros da coalición entre a UPG e Quintana sexan cargos é unha agresión á organización, e isto é algo que non se lle pode acatar só á U.
É unha magoa, e digoo sen sarcasmo, que Quintana non aproveitara a división da UPG e a incapacidade de EN e o Colectivo Socialista para acadarmos unha candidatura de consenso parar presentar unha lista propia. Vostede mesmo dixo que tiña que intentalo anque a U non lle regalase nada, pero el prefiriu manterse baixo o dominio de quen lle asegura a reelección. Se o portavoz nacional non tivese actuado coma un caudillo coa organización, agora podería contar co apoio dos partidos, correntes e militantes individuáis cos que non contou mentres se sinteu seguro.

Nygard disse...

Penso que si, que isto é a crónica dun pacto anunciado. A verdade é que un síntese un pouco defraudado, o cal vén sendo unha constante nas últimas asambleas nacionais.

Ben é verdade que o rebumbio montado nos últimos meses só alimentaba ese pacto.

En calquera caso coincido con Julicheiro que non se soubo (por soberbia ou incapacidade), por parte dos próceres etiquetados como Quintanistas, traballar as bases de cara a alcanzar unha maioría, que agora está dispersa.