08/06/2006

Relevos no canto de renovación

Todo indica que o BNG vivirá un outuno quente. Na prensa abrollan xa pronunciamentos críticos, vellas e renovadas disidencias. Na Asemblea Nacional haberá que discutir a eficacia e impacto das políticas practicadas para mudar liderados, propostas políticas e modelo organizativo, para ampliar a audiencia social do nacionalismo e as súas capacidades gobernamentais.
O debate sobre a renovación volverá ao centro da axenda. En primeiro lugar, no que toca aos liderados. A desaparición forzada da maior parte do antigo grupo dirixente —con Xosé Manuel Beiras á cabeza— e o desaproveitamento do seu capital político na organización ou nas institucións constitúe unha causa principal dos descontentos e dos desconcertos.
Coa excepción de Quintana, Rodríguez, Jorquera, Aymerich e Bugallo, todos os demais membros da (nova) dirección carecen de proxección pública e, peor aínda, de autoridade política sobranceira na organización. O pase á reserva forzada dunha parte deses capitais políticos empobreceu o proxecto político do BNG e reduciu a pluralidade de voces e ideas.
Se había algunha marxe para a renovación da dirección executiva truncouse coa chegada do BNG á Xunta de Galicia. A absorción do equipo dirixente polas tarefas de goberno agravou aínda máis as carencias.

No BNG hai moitos que cren que a iniciativa política e a presenza pública do Vicepresidente e dos Conselleiros suplen a fraxilidade da dirección política da fronte, non é tal e, moi ao contrario, condenan á organización a unha existencia pantasmal, sen voz e sen presenza de seu diante dos cidadáns. Para unha organización de electores chega e mesmo sobra con iso, pero se o que se procura é ser unha fronte de cidadáns constitúe unha pexa insuperábel.

A estratexia política do BNG non se define nos seus organos de dirección, fráguase no ámbito gobernamental e, subsidiariamente, no grupo parlamentario. Nada distinto do que ocorre no Partido Popular (cando estaba no poder) ou no PSOE, dise compracentemente; e isto constitúe en si mesmo unha proba indiscutíbel da fondura do problema xa que formas semellantes xeran políticas semellantes. Se o BNG non ten outro modelo de participación e toma de decisións diferente ao do PSdeG e do PP, pois é mellor renunciar ao asemblearismo retórico, á importancia decisional da militancia e a ese entrampallado modelo de colectivos, partidos, instancias territoriais e sectoriais.

A maiores, imponse a evidencia de que BNG houbo relevos, pero non renovación e a pouco que se sexa democraticamente esixente se chega á conclusión de que mesmo houbo involución. Unha involución que deixa a porta aberta a unha sorte de caudillismo consorciado.
O caudillismo de maior proxección pública que protagoniza na área gobernamental Quintana; na área parlamentaria por Aymerich e á sombra do aparato por Rodríguez e os seus.
De momento, a necesaria renovación só deu para institucionalizar na dirección do BNG esa troika. O empobrecemento da oferta de liderados canga o futuro do BNG. Nas alianzas internas nas troikas, dous gañan e un perde. Co estado actual de cousas gaña Rodríguez e Aymerich, perde inevitabelmente Quintana. Dos tres, Quintana foi o único que se comprometeu a renovar algo.

3 comentários:

Marcos Valcárcel López disse...

"Caudillismo consorciado": un acerto de definición conceptual, sen dúbida.

Unknown disse...

interesante análise. ¿permitenme unha aportación, profesor+s?

Ollemos no exterior: González dille a Blanco que se quede "fora" para resolver o de fora, e que non lle pase o de Guerra. Blanco humilde ou interesadamente quédase fora, e vencella a súa presencia na política activa ao sustento a Jose Luis.

Jorquera vaise aonde xa estivo e a-prendeu Quin.

Varela entra, pero no sector que coñece ...e o que lle fixo gañar as fabas (lugo e ourense sube a uxt sube o soe)

¿que máis fichas se moven?

Anónimo disse...

nice post. thanks.