26/03/2007

Tempos incertos

Agarimosamente, Cesare teima por facer de min un bo liberal e achégame, desde as terras altas, Tempos incertos. Democracia, liberdade e dereitos humanos no século XXI do controvertido e multimillonario pensador George Soros. O seu ensaio é un alegato sobre a necesidade de construír sociedades abiertas, sabedoras das súas imperfeccións como garantía da súa capacidade de progreso e xeración dun mundo mellor. Á luz desa idea forza, Soros fai un repaso especulativo dos problemas malditos da humanidade no século XXI.

O home sábese poderoso e practica unha arrogancia expositiva que, con frecuencia, resulta amolante e convida ao abandono da lectura. As dúas primeiras liñas do limiar son exemplares: «Moita xente soña con facer do mundo un lugar mellor; pero eu realmente podo.» Se non abandonas é debido a que Soros é rabudamente intelixente.

Reivindícase como un «estadista sen Estado» e achega visión inconformes, vale dicir alternativas, á política global do noso tempo. Tamén dá conta da súa implicación na campaña electoral presidencial dos Estados Unidos para lograr a derrota de George Bush. Soros escribe: «O obxectivo último ha ser rescatar ao Partido Republicano dos extremistas conservadores e relixiosos que actualmente o controlan. A democracia estadounidense baséase en dous partidos que compiten por un terreo neutral; pero o sistema viuse socavado cando os extremistas se fixeron co control do Partido Republicano. Se queremos recuperar o equilibrio, hai que derrotar aos extremistas.»


É difícil non facer unha lectura presentista de parágrafos de Tempos incertos como este e apegalos ás manifestacións últimas de Jesús de Polanco. Histerias do Partido Popular á parte, Polanco comparte moitos dos atributos de George Soros: é endiañadamente intelixente, é rico, sábese influente e está investido como un demiurgo da arquitectura e equilibrios dos poderes realmente existentes no Estado español. El coñece dos fluxos e centros de poder decisivos que condicionan, desde os sumidoiros decisionais, a nosa epidérmica democracia e determinan as liñas do terreo de xogo.

As palabras de Polanco son especialmente incómodas porque desvelan toda a súa capacidade para actuar á marxe do escrutinio dos cidadáns, no labirinto inaccesíbel dos sottogovernos e nos grandes mercados de favores. Ese tipo de poder é temíbel cando se exerce na sombra, pero produce espanto aínda maior cando sae á luz. Opaco e incontrolábel infunde abraio cando se manifesta sen máscaras e pantallas.


Branko Crvenkovski, presidente de Macedonia, cualificou a George Soros como un «estadista sen Estado» e alegou a prol da súa etiquetaxe que os estados teñen intereses, pero non principios, e que Soros tiña «principios, pero non intereses». É mellor non caer no atordoamento idealista de Crvenkovski, Soros e Polanco teñen tantos principios como intereses, iso é o que os fai poderosos, temíbeis e, como sabe Mariano Rajoy e troupe, tan desmedidamente perigosos. Moito máis agora, cando xa teñen máis pasado que futuro vital que xestionar. Sen ataduras, con recursos sobrados, nada teñen que perder e poden permitirse a liberdade de exercer o seu poder á luz do sol. E son moitos os que se poden verse queimados polo sol, ou o que é o mesmo, queimados por un poder que se vira contra ti.

25/03/2007

No fondo do búnquer

Acobadado na barra dun bar, un paisano repara nas imaxes das manifestacións do Partido Popular que pasan pola televisión. As caras máis populares dos populares entre flamexantes bandeiras e acendidas proclamas sobre a fin de España e do Estado de Dereito da dereita. Tórcelle a cara a pantalla, abandona o quinto de cervexa e comparte con quen quera oír a súa sentenza editorial: «Coma non gañen as próximas eleccións, mátannos a todos.»

A guerra fría civil, que o Partido Popular cataliza, lévao á periferia arrabaldizada do sistema democrático: en apenas un quinquenio pasou de ser un partido fundamental do bipartidismo constitucionalista a converterse nunha sorte dunha forza de extramuros, aqueixada dun revisionismo reaccionario que a torna nunha alternativa ultraconservadora e posconstitucional.

O paisano editorializante intúe que unha nova derrota nas vindeiras eleccións xerais entregaría ao Partido Popular a estratexias aínda máis feroces e cainitas. Entre a esquerda ben pensante confíase en que un novo revés provoque unha catarse, a depuración dos elementos ultradereitistas e unha reorientación estratéxica cara á moderación e ao sentido común.


Se o Partido Popular se inmola, sen que haxa unha disidencia significativa, na súa estratexia guerracivilista e se esta se salda cunha nova derrota electoral, a súa bunquerización será (case) inevitábel e a corrección estratéxica moi improbable e, en todo caso, moi lenta xa que haberá que purgar a toda unha camada de dirixentes sen que se teña visualizado previamente o seu relevo político e xeracional.


A unamidade búlgara, que xa reinou no Partido Popular para decidir a participación na guerra de Iraq ou a defensa da fraude informativa e política do 11-M, pexará decisivamente e doutra volta a súa capacidade de rexeneración e cambio. O pensamento único do partido da dereita realmente existente despluraliza e esteriliza as súas opcións de futuro.

Por iso resulta tan incómoda a interpelación á disidencia que realizou Jesús de Polanco na xunta de accionistas de PRISA: «Opino que puidesemos nós, o Grupo PRISA, colaborar para que en España houbese un partido de dereitas moderno, laico, con ganas de conservar o que hai que conservar, e transformar o que hai que transformar, os apoiariamos.» Incómoda e disolvente.


En resposta, a cúpula do Partido Popular xuramentouse e decidiu suicidarse toda ela en irmandade unánime no seu búnquer da rúa Xénova e para saúdar a ruptura de pontes co principio de realidade anunciaron o boicot ás empresas de PRISA. Un exercicio de illacionismo mediático e un desventurado desprezo á liberdade informativa que evidencia que a dereita posconstitucionalista está entregada aos máis desenfocados despropósitos.


Sería hixiénico que no Partido Popular algúns dixeran o que moitos pensan, que abriran a porta e sairán de semellante casa de tolos á procura dun espazo político para unha dereita centrista e reformista. É difícil crer que á sombra da FAES e do triunvirato de Rajoy, Acebes e Zaplana xermole calquera outra caste de dereita que non sexa esa mestura de autoritarismo, nostalxía franquista, centralismo imperial, confesionalismo católico e resentemento revanchista.

Sacodida a colmea da dereita, nada parece indicar que esta vaia deitar doce mel. Ha sobrar, de certo, fel, moita fel. A aguilloada de Polanco, lonxe de alindala cara á senda constitucionalista, embocouna cara ao seu máis odioso e temíbel pasado reaccionario. Leva media razón o paisano, se perden mátannos... A outra metade di que se ganan, máis nos matarán. Derrotémolos e fagámoslle un favor á dereita intelixente.

17/03/2007

Paixóns numerarias

Hai poucos temas máis apaixonantes que a medición do noso crecemento económico. As cousas deben marchar ben xa que o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, acordou elevar tres décimas o crecemento previsto para o ano 2007. De cumprirse as súas expectativas, Galiza medraría o 3,7%. Segundo as contas do Instituto Galego de Estatística en 2006, a nosa crecenza foi do 4,1%, a maior dos últimos seis anos, pero aínda distante do máximo de 2000 cando se acadou o 4,6%.

O optimismo gobernamental apóiase na boa evolución do emprego (en 2006 creáronse 34.100 novos postos de traballo e a taxa paro é a máis baixa desde hai 25 anos: 8,5%); no medre das actividades industriais (+4,7%) e a construción (+4,2); no pulo da exportacións (+18%); e no comportamento minguante da inflacción (-2% no mes de febreiro). Pexa as boas expectativas unicamente a cativa progresión da nosa agricultura, gandeiría e pesca que tan só se acrecentou nun 1,9%.

O conselleiro aproveitou a ocasión para retrucar e corrixir os datos ofrecidos pola Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) nos seus Indicadores de Converxencia Real para as Rexións Españolas: o medrío de Galiza foi dúas décimas maior que o da media española e non unha menos. Fernández Antonio sacudiulle a poeira ás cifras das Caixas e negouse a comentar a fondo as súas magnitudes por non ser datos «oficiais». Como non podía ser doutra maneira, el tenlle toda confianza ás cifras achegadas polo INE e o IGE que, como todos sabemos, nunca pasan pola Corporación Dermoestética para seren embelecidas nin retoucadas. Niso ciframos as esperanzas do noso medre.

16/03/2007

Cando?

Manuel Rivas faise unha pregunta luminosa: «Cando se fodeu Galiza?». O tema dá para organizar un congreso internacional interdisciplinar de longa duración e identifica a materia prima do máis ambicioso programa de investigación que puidesemos iniciar. Cando se preguntou Leonardo Sciascia sobre como se podía ser siciliano, respondeuse cun lacónico «con dificultade». Esta resposta é tamén acaída para achegar unha explicación practicábel ao noso caso. Somos nación con dificultade e con dificultade compoñemos un espazo cidadán enfeblecido, pouco esixente, vencido polas idades e os abandonos pasados.

Como sexa, Galiza debeu foderse hai bastante tempo. Así, Aureliano Pereira, xa no recuado ano de 1886, escribiu:
Con moitos elementos conta, en verdade, o que pesimista, queira trazar un negro cadro de Galicia. Non han faltarlle, seguramente, datos exactos e numerosos que lle permitan asegurar que toda idea xenerosa fracasa entre nós, que todo proxecto se malogra.

Con tintas sombrías pode presentarse ese cadro, sen que haxa dereito a protestar pola esaxeración. O asunto é en realidade así.

Do noso atraso culpamos sempre a quen, se bastante responsabilidade ten, pode descartala apoiando a súa defensa na nosa indolencia, na nosa funesta quietude.

Os gobernos son para moitos os únicos responsables de cantos nos ocorre; eses gobernos que non nos dispensaron protección.

Pero, ¿solicitámola en forma? Non, e, polo tanto, baixo ese punto de vista, non debemos queixarnos tan amargamente.
O atranco é o desenvolvemento

Desde aquela a cousa mellorou e son abondosas as vindicacións correctamente fundamentadas que non foron satisfeitas polos gobernos amigos de Madrid, polos decisores distantes de Bruxelas e pola nosa veciñeira gobernación en San Caetano. A última fodedura ten data de antonte. O Secretariado Técnico Conxunto Hispano Luso terá a súa sede en Badaxoz.

A candidatura de Vigo foi desbotada. Un delirio que acendeu as protestas da Cámara de Comercio e do Club Financeiro que se laia de que a Xunta non fixese valer o peso económico e social das relacións entre Galiza e Portugal para convencer o goberno español da necesidade de que a oficina de cooperación estivese en Vigo, a área fronteiriza que a nivel estatal máis intercambios comerciais realiza con Portugal.
Ao que se ve, nin pesamos demasiado na grande política nin nos mercados por moito que solicitemos as cousas en forma.

O secretario de Estado de Desenvolvemento Rexional de Portugal, Rui Baleiras, ofreceu unha explicación desconcertante: «A cooperación entre o Norte de Portugal e Galiza xa está moi desenvolvida e organizada, e vai seguir crecendo; optouse por Badaxoz, nunha zona de dinámica máis débil e con maior necesidade de desenvolvemento.» Unhas veces o pedido non chega por que estamos pouco desenvolvidos e cando estamos moito tampouco dá chegado.

Gz & Pt


Baleiras e Touriño réstanlle importancia á descapitalización xa que o Secretariado Hispano Luso non é un organismo de xestión dos fondos, tan só unha oficina técnica. O candidato socialista á alcaldía de Badaxoz complementa esta ollada despreocupada afirmando que «será unha ventaíña situada na fronteira pola que deberán entrar todas as candidaturas de proxectos que se presenten ao novo programa operativo desde cualquera punto da fronteira hispano portuguesa».

A conexión Galiza-Portugal administrativamente transitará, a partir de agora, por Badaxoz, malia que os informes económicos din que Galiza é o principal mercado «rexional» de Portugal e que o segundo mellor cliente de Galiza son os veciños de alén Miño.
Galiza faille caixa a Portugal por valor de 1.750 millóns de euros.

Baixo o suxestivo título «A Galiza dos ovos de ouro», o semanario Expresso apuntaba hai uns días que “se Galiza fose un Estado independente sería xa o sexto destino das exportacións portuguesas, logo do Reino Unido». Pola súa parte, as empresas galegas poñen en Portugal produtos e servizos por valor de 2.000 millóns de euros.


La Voz de Galicia achega algunhas outras cifras de interese: Galiza-Norte de Portugal suma un PIB de case 90.000 millóns de euros (o quinto maior da península Ibérica); o seu volume demográfico chega aos 6,5 millóns de habitantes; as provincias de Ourense e Pontevedra, no 2006, comerciaron máis con Portugal que con calquera outro lugar de España; en Portugal están instaladas xa 600 empresas galegas; e 40.000 portugueses traballan en Galiza e 3.000 galegos fano en Portugal.

Compensación

Con todo, xa se buscou unha solución compensatoria de segundo rango: Vigo será capital da Agrupación Territorial Galiza-Norte de Portugal, un novo organismo que (si) xestionará 60 millóns de euros e que activará o investimento privado en proxectos transfronteirizos. A iniciativa capitalina ten a beizón da comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hubner, e haberá fumata branca para a designación oficial de Vigo en xullo (Deus mediante).


Cando se fodeu Galiza? Vai ti saber...
Hai cousas dun pasado que non cesa.

14/03/2007

Identidades de gardarroupa

En As cidades invisíbeis Italo Calvino escribe: «É inútil decidir se hai que clasificar a Zenobia entre as cidades felices ou entre as infelices. Non ten sentido dividir as cidades nestas dúas especies, senón noutras dúas: as que a través dos anos e das mutacións seguen dando a súa forma aos desexos e aquelas en que os desexos ou ben logran borrar a cidade ou son borrados por ela.» Quizais esta tipoloxía das cidades sexa válida para as nacións e haxa que preguntar a cal dos dous tipos pertence Galiza.

Somos incluíbeis entre as nacións que seguen a modelar os desexos colectivos dos seus cidadáns? Hai que contarse entre os malfadados países que son esborranchados polas querencias dos seus habitantes? ou, noutra sorte, Galiza era unha nación pero xa borrou de vez as vontades e degoiros de ser dos seus cidadáns?

Unha lectura de orde da nosa historia dirá que a cidadanía galega acadou unha forma estábel nos 25 anos da Galicia autonómica, callando un espazo de participación democrática e exercicio do autogoberno compatíbel, sen maiores estridencias, coa pertenza ao Reino de España. Arquitectura cidadá que ten expresión nunha sorte de identidade política tenue que se funda máis nunha dupla nacionalidade que no conflito dunha comunidade cismada pola convivencia de dúas identidades (digamos) nacionais claramente confrontadas.

Desde 1985 os cidadáns que, en Galiza, din ser «só españois» se sitúa no 5%; o Barómetro da USC de 2006 sumou o 5,8%. Desde mediados dos noventa, os que se consideran «máis españois que galegos» acantóanse no 5%.

Os «só galegos» tiveron unha fase alcista, de 1985 a 1997, cando se pasou do 7 ao 10%; e unha regresiva até o seu mínimo de 3,5% en 2006. A baixa afecta tamén os que se apuntan como «máis galegos que españois»: en 1985 eran o 27% e o 23% en 1997, atinxían o seu mínimo –19%– en 2001 e no último quinquenio asentáronse no 22%.

Quen din ser «tan galegos como españois» teñen o seu máximo en 2005 –66%– e o seu mínimo en 1993 –52%–. A sondaxe de 2006 rexistrou un 61,5%.

O quiñón dos «tan galegos como españois» é o caladoiro electoral fundamental das forzas políticas galegas. En 2005, o PPdeG arrepañou entre eles o 69% dos seus votos; mentres que a súa fracción electoral españolista sumaba tan só o 11%. O PSdeG contabiliza nos «tan galegos como españois» o 71% dos seus votantes; e o BNG suma neles o 49% dos seus sufraxios.

A industria da conciencia nacional galega, ao que se ve, tivo nos últimos cinco lustros un pobre impacto. Formateada como opción militante e operando cun tramado cultural e mediático moi fráxil, foi impotente para tornar o sentimento diferencial dos galegos nunha identidade política máis comprometida co país. Como acción civil achegou unha proposta moi rebaixada nas súas capacidades de inclusión social e como oferta institucionalizada nunca foi practicada.

Non ha estrañar logo que no (fallido) novo Estatuto de Autonomía a cuestión identitaria tivese unha centralidade absoluta xa que sería quen de achegar lexitimidade e recursos de goberno para promover unha identidade galeguista máis xenuína. Malia que se quixo presentar como un extravío na floresta dos símbolos, o debate identitario estaba cargado de razóns prácticas ao igualar competencialmente a Galiza con outras nacións do Estado, pero sobre todo porque outorgaba ás institucións galegas unha nova posibilidade para activar cidadanía en clave nacional e para retomar o galeguismo como estratexia de cementación da sociedade civil ao redor das nosas capacidades de autogoberno.

O galeguismo na era Fraga tornouse nunha «ideoloxía de gardarroupa» destinada a cambiar a apariencia para deixar, tras o ritual institucional, todo tal e como estaba antes. O noso recoñecemento (mesmo preambular) como nación sentaba as bases de lexitimación para enterrar 25 anos de construción de Galiza como unha «comunidade de antroido»; en ocasións solemnes vestida simbolicamente como «nacionalidade histórica» pero obrigada cotiamente a non se expresar xamais como proxecto cidadán soberano. Co Novo Estatuto, Galiza podería darlle forma nacional ao desexos dos seus cidadáns; un convite á imaxinación democrática que, malfadadamente, os donos de negacións pasadas se ocuparon de eivar.

Publicado en Tempos Novos # 117 (febreiro 2007), pp. 89-90

13/03/2007

O castiñeiro de Ana

Acordaron talar o castiñeiro co que Ana Franck medía os días e o avance das súas esperanzas. Unha doenza roe imparábel a vedraña árbore. A inevitabilidade da tala é consecuencia do desleixo, se a árbore tivese a mesma importancia para as autoridades de Amsterdam que tivo para a cativa Ana, o castiñeiro sería, desde hai décadas, obxecto de agarimosos coidados para protexelo das pragas e das agresións da contaminación. Coidado como un monumento á memoría tería aínda máis longa vida.

Escribo da árbore cando tiña que estar expresando a miña máis radical disconformidade co expediente de expulsión que o BNG da comarca de Vigo incoa a Pedro Gómez Valadés, militante nacionalista e presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel. Se o BNG coidase agarimosamente da súa pluralidade con toda certeza nunca se tería iniciado este proceso cangado de sobrado dogmatismo inquisitorial.

Adianto que sinto escasas simpatías históricas polos gobernos de Israel e menos aínda polas súas políticas nos territorios ocupados. Agradezo, con todo, que haxa unha asociación galega que nos achegue contraste de opinións e que o faga coa vontade ademais de contribuír á procura dunha saída pacífica, negociada e perdurábel que recoñeza tanto a existencia e dereitos do Estado de Israel como os dereitos e existencia dun Estado palestino. Veríalle nula utilidade a calquera asociación que se dedique a xustificar os desmandos de Israel e que aplaudise, sob pretexto da súa seguridade nacional, a vulneración dos dereitos humanos ou o militarismo expansionista.

Até onde sigo o seu labor, apaixonamentos e quenturas tácticas á parte, AGAI pertence á caste de asociacións democráticas e útiles. Digo máis, para min constitúe un motivo de tranquilidade que o seu presidente sexa un militante do BNG, a quen teño por persoa respetuosa coas liberdades e os dereitos dos pobos, de todos os pobos, comezando polo seu.

O BNG vigués nunca debería aberto este proceso disciplinario que, lonxe de achegar calquera claridade ideolóxica, embafa moi ao contrario a credibilidade democrática da fronte nacionalista. Faille máis mal a intentona depuradora que a mantenza mesmo dunha discrepancia interna sobre AGAI, o seu presidente e as súas posicións políticas amigábeis co Estado hebreo. Non é o «antiimperialismo» do BNG o que está posto en cuestión, é a súa capacidade de conducir un debate de ideas sen mordazas, corsés ideolóxicos e imposicións de partida. Non é o pluralismo, senón a inconsistencia das posicións políticas do BNG sobre o que acontece no mundo o que dana a súa fondura democrática.

Teño unha confianza. ás veces excesivamente ilusa, sobre a intelixencia colectiva das organizacións e confío en que non se adoite decisión ningunha que prive a Pedro Gómez Valadés dos seus dereitos, do seu fundamental dereito a defender libremente as súas ideas na sociedade galega e no BNG. Quero poder contar coa súa liberdade de decir e debater; se non considero atinadas as súas posicións políticas retrucareillas con tanta paixón como razóns atope, coa mesma forza coa que agora lle achego a miña solidariedade e o meu apoio.

Se tivesen prestado maior atención á importancia que o castiñeiro tiña para Ana, compridamente coidado, hoxe non habería que talalo. O desleixo democrático apodrece ás organizacións, moito máis se non sei coida delas cun debate plural, tolerante e construtivo e se estigmatizan as posicións menos compartidas. A pluralidade é un sinal da viveza e a intelixencia colectiva das organizacións, unha condición irrenunciábel da súa democracia.

Baixo unha árbore morta ninguén procura abeiro. Baixo unha organización que descoida a súa plural liberdade, tampouco.

11/03/2007

Memoria derrubada

Desaloxada a resistencia, a Ungdomshuset [Casa da Mocidade], no barrio de Noerrebro, foi finalmente derrubada. En 1982 o concello cedera o vello edificio para crear un centro social autoxestionado que se tornou nunha referencia fundamental da cultura alternativa danesa. Agora no seu predio erguerase unha igrexa da seita cristiá Casa do Pai. Ruth Evensen, voceira dos fundamentalistas, cualificou a Ungdomshuset como «a maior bomba incendiaria e o sitio máis perigoso para a saúde de Copenhague». Era moito máis.

O edificio construirase en 1897 como Folket Hus [Casa do Pobo] e foi un centro do movemento obreiro e socialista danés até os anos sesenta do pasado século. Nese palacete de rudos tixolos, o 29 de agosto de 1910, durante a Segunda Conferencia das Mulleres da Internacional Socialista, Clara Zetkin e Rosa Luxemburgo proclamaron o Día Internacional da Muller Traballadora. Un curruncho memorioso da vontade de emancipación agora reducido a unha especulativa morea de entullos. Unha mágoa.

10/03/2007

Mad World

No vídeoclip Mad World de Gary Jules, con ollos de paxaro, as persoas que ocupan a beirarrúa adquiren diversas formas: unha cara, un monicreque que camiña, unha casa, a ondada do mar, un barco dacabalo das augas... Os moitos que hoxe marcharon por Madrid compoñen unha imaxe bastante menos amigábel que nos alerta sobre os numerosísimos coidadores que teñen os ovos da serpe.

09/03/2007

Un casares no asento de atrás

Débolle dous escritores a Pedro, meu pai. Un deles é Xosé Luís Méndez Ferrín, o outro é Carlos Casares a quen hoxe lembro pola feliz iniciativa de Marcos Valcárcel. Meu vello gañou a vida no tráfico entolemiado de Vigo como taxista nun tempo en que a COPE aínda non colonizaba as esculcas radiofónicas dos profesionais do volante e no que era posíbel escoitar na Radio Popular de Vigo o desafío democrático e galeguista diante do resistente tardofranquismo.

Ao taxi 159 correspondíalle a parada da Gran Vía, a carón da cafetaría –aquí falla a memoria– Paquetá ou Gran Vía (?) (que Brétemas me asista). Alí tertuliaba Ferrín camiño do Santa Irene ou retornando logo das aulas á casa. Non sei cantos sentaban á mesa para compartir o café, a charla e as sabedorías do cartógrafo de Tagen Ata, sei que nun segundo auditorio silencioso procuraban as súas palabras meu pai e algúns outros abraiados taxistas.

Fascinado pola súa oratoria e cultura, Pedro quería saber máis do home da palabra apaixonada e sometíame a riguroso interrogatorio. Galeguista e roxo, eu debía coñecelo. Canso de agochar como podía a miña ignorancia e de esquivar malamente as preguntas do meu pai, comecei a informarme sobre Méndez Ferrín e cun emprestado Percival comecei a frecuentalo.

Se a entrada de Ferrín no meu pobre horizonte literario foi consecuencia da teimuda curiosidade paterna, a de Carlos Casares foi un produto accidental, resultado dun involuntario bookcrossing.

Descoñezo canto libro galego circulante había á altura de 1978. Teño para min que o libro en galego era un obxecto íntimo destinado a ser degulido pracenteiramente no dominio doméstico. Como fose, alguén (unha muller), tirou a pasear un exemplar de Vento ferido e, no cabo dunha carreira ao centro de Vigo, deixouno perdido no asento traseiro do taxi do meu pai. Como outros restos de abandonos involuntarios -paraugas, bolígrafos, chaveiros...–, aquel libro de Casares foi dar a miña mesa. Foi o meu primeiro casares e quizais do que mais gostei.

O Vento ferido era dunha descoñecida Lucía que riscou o seu nome na páxina de honra e, a xulgar pola cantidade de palabras subliñadas, fóralle libro esforzado e de dedicada atención. A miña lectura seguía as historias de Carlos Casares e, á par, o telegrafeo morse das palabras sinaladas por Lucía con trazos firmes e letras redondas de sinonimia aclaratoria.

O libro accidentalmente liberado uniuse así á que era unha raquítica biblioteca persoal en lingua galega na que Rosalía, Silvio Santiago e Ferrín, agora coa incorporación de Casares, xa daban para un tute literario.

Nunca crucei palabra con Carlos Casares, aínda que algunhas veces, seguindo a miña tradición familiar, unínme ao segundo auditorio de escoitantes anónimos da súa tertulia na cafetería Alameda (creo que esta vez non me falla a memoria). Sentencioso, divertido e informado, Casares debullaba o noso tempo, as cousas da vida e facía memoria viva de letras e autores. Así o recordo...

Non descarto que hoxe para honrarlle, non deixe abandonado nun taxi calquera un exemplar de Vento ferido. Para pechar o círculo ou, non sei, se para darlle aínda máis traballo aos da centraliña do Radiotaxi e aos de obxectos perdidos...

07/03/2007

Crecemento extraordinario

O Presidente visitou a José Montilla e concedeulle unha entrevista a La Vanguardia. Preguntado sobre se foi a Cataluña á procura de investimentos, Pérez Touriño declarou: «Sí, porque temos un balance extraordinario cun crecimiento do 4% e unha estabilidade que ofrece boas oportunidades de negocio.» Hai uns días anunciou perante un lobby de empresarios galegos que nun quinquenio Galiza acadará a media de renda europea. Segundo o cálculo de Manuel V. Sola habería que triplicar o crecemento (extraordinario) actual para poder acadar ese obxectivo (envexábel).

Onte, os medios recollían os Indicadores de Converxencia Real para as Rexións Españolas da Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) que fixaban o crecemento medio do Estado nun 4,2. Galiza medrou (extraordinariamente) un décima menos: o 4,1 por cento.


O informe de Funcas fixa os medras máximas en Madrid (4,5 por cento), Murcia (4,41), Andalucía (4,39), Extremadura (4,31), Castela-A Mancha (4,29), País Vasco (4,29) e Comunidade Valenciana (4,2), A economía galega ten un ritmo expansivo maior que a de Cataluña (4,05) e estamos por riba do medre medio da Unión dos 15 que se quedou nun 2,4 por cento.

Vistas así as cousas, a posición de Galiza é moi boa en termos europeos e boa no conxunto do Estado. Será extraordinaria cando crezamos como Madrid e megaextraordinaria, de acordo coas previsións presidenciais, no momento en que multipliquemos por tres o noso crecemento económico. E nós que o vexamos.

04/03/2007

Clío nas ondas

Fai saber a editorial TresCtres que co mes de marzo verá a luz o libro do historiador e presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares Paz. En Clío nas ondas. De libros, persoas e sazóns axúntanse as súas colaboracións no Diario cultural da Radio Galega. O libro virá acompañado dun CD coas gravacións das súas intervencións radiofónicas.

Inicieime na lectura da prosa civil de don Ramón por esixencias académicas e continuei, por interese e amizade, a frecuentar os seus escritos historiográficos e culturais. Os seus posteos radiofónicos, non obstante, escaparon a miña devoción por causa dun horario laboral incompatíbel coa escoita do Diario cultural. Había que elixir entre xantar con tempo ou escoitar o magnífico programa de Ana Romaní e amigos. Só ocasionalmente, grazas ao convite doméstico de Cesare, era compatíbel prato e radio. A estatística non xogaba a favor e poucos foron os comentarios de Villares que puiden escoitar ao vivo mentres gozaba da hospitalidade da casa de Poza de Bar.

Na actualidade tería menores dificultades para seguir o labor radiofónico de Villares
(de continuar) grazas á edición dixital da Radio Galega. Agardo así a novidade editorial para resarcirme e poder ler a don Ramón e tamén poder escoitalo como feliz consecuencia da bulideira iniciativa de Amancio Liñares e demais patróns de 3C3. Reciban parabéns dun futuro lector agradecido.

03/03/2007

O Gran Salto Adiante

Nun farturento xantar coa elite empresarial que convocou a Asociación para o Progreso da Dirección, o presidente Touriño decidiu quedarse coa audiencia e anunciou o Gran Salto Adiante: nun quinquenio máxico Galiza acadará á media da renda europea. O último balance de Eurostat situounos entre as catro comunidades máis pobres do Estado. O PIB de Galiza suma tan só o 81% da renda media da Unión Europea. Acompáñanos nas posicións máis recuadas Castela-A Mancha cun 79,1%; Andalucía cun 77,6% e Extremadura co 67,1%. Para cumprir a súa promesa, a economía galega terá que triplicar o seu crecemento actual. Non sei se o Presidente cativaría o interese dos rudos capitáns da empresa e as finanzas cos que se sentou á mesa, pero no mellor xornalista económico do país deixou un aquel de retanqueira desconfianza.

Agardando un milagre económico

O obxectivo é ambicioso e ben que nos gustaría que fose atinxíbel no glorioso lustro que se nos promete. O optimismo presidencial precisaría dunha activísima política económica para fornecer solo empresarial, servizos avanzados de loxística, infraestruturas e vías de comunicación á altura dos tempos, e un mercado de traballo altamente cualificado. Os investimentos estatais deberían garantirse entorno ao 8% ao longo dese esperanzado quinquenio. E urxiría tamén unha revolución neokeynesiana para facer da Xunta de Galicia a clave da arquitectura das políticas económicas que se deben innovar para xerar capital humano, aumentar a capacidade competitiva das empresas, promover unha renovación do entramado produtivo sen que se traduza nun magoante medre do desemprego nos sectores afectados, e enriquecer decisivamente as nosas políticas de I+D+i.

Necesitamos un milagre económico e os milagres precisan sempre de fe e de doses inesgotábeis de esperanza. Hai case que oitocentos anos, Tomé de Aquino deixou claro que «a fe se refire a cousas que non se ven, e a esperanza, a cousas que non están ao alcance da man». O obxectivo de Pérez Touriño nin o vemos nin está ao alcance da nosa man. Nese terreo de inconcreción fedataria o noso Presidente síntese cómodo e seguro, pero non sei como recibirían o seu prodixioso anuncio os empresarios e financeiros cos que compartiu mesa e mantel, homes sen piedade que están ofrecidos ao realismo máis cru, desalmado e materialista.

Os outros atrasos e as súas políticas económicas

As comparacións son sempre odiosas, pero as outras tres comunidades que teñen un PIB por debaixo do 81% da renda media europea son autonomías nas que reinou tradicionalmente o Partido Socialista, feudos gobernados por sólidas maiorías absolutas dos socialistas, con dirixentes que sempre pesaron decisivamente na dirección política da rúa Ferraz: Chaves, Ibarra e, até hai ben pouco, José Bono. Son territorios mimados polos investimentos estatais dos gabinetes de Felipe González e agora polo equipo de José Luis Rodríguez Zapatero. E, con todo, a fenda do seu atraso non foi recurtada tan sensibelmente como nos anunciou que faría o noso marabillado Presidente.

Por outra banda, para facer realidade o seu milagre, Pérez Touriño non poderá inspirarse nas políticas dos seus homólogos de Andalucía, Extremadura e Castela-A Mancha, de pouco vai servirlle clonar as receitas da economía política do PSOE e terá que mirar cara a outros modelos.
Sempre demasiado apegado ao oficialismo do PSOE sería sorprendente que o (p)residente de Monte Pío se arredase do guión de muda acomodación que normalmente practica nas relacións co Goberno do Estado e as súas políticas micro e macroeconómicas. A ferida de Navantia é demasiado recente como para estenderlle un cheque de credibilidade e torta confianza; a morneza coa que se demanda a execución das infraestruturas ferroviarias disuade a máis entregada esperanza; a fantasmal sociedade do coñecemento á que lle gusta referirse non dá callado fóra do mundo virtual e da Second Life na que permanece emburullado Emilio Pérez Touriño...

Que é o que realmente precisamos?

Nun magnífico e esclarecedor artigo –«Obxectivo I+D+i», dous dos mellores economistas cos que conta Galiza –Santiago Lago Peñas e Albino Prada– identificaron unha listaxe de actividades que deberían ser prioritarias nas nosas políticas económicas: produtos alimentarios derivados do mar e a gandería, o complexo forestal-industrial, os minerais non-metálicos, a automoción, o sector naval, os servizos de loxística, a confección, a produción eléctrica e segmentos da industria química. Mesmo recomendaban facer «apostas selectivas» nos servizos audiovisuais, de comunicación e as industrias culturais que contan cun numeroso e competitivo capital humano e atesouran iniciativas empresarias emerxentes con vocación exportadora. Son estes os sectores que demandan unha concreción cotiá da milagreira política do Presidente.

Prada e Lago Peñas rematan o seu artigo reiterando o retrato robot do capital humano que, ao seu xuízo, precisa Galiza: «persoas que sexan quen de pensar de xeito orixinal, de recoñecer rapidamente o esencial dun problema e de propor e pór en marcha diversas e posíbeis vías de solución». Características que se lle deben esixir igualmente a un bo Presidente.

Xa ven como están as cousas, Pérez Touriño anuncia un milagre e nós, descridos, retrucamos coas teimosas estatísticas, con comparativas políticas e con desmandadas esixencias estratéxicas. Somos imposíbeis. Goethe escribiu que «as persoas felices non cren nos milagres». Somos incorrexíbeis no noso escepticismo ou é que simplemente somos felices?