23/11/2006

El País entre nós

Na presentación en sociedade de El País de Galiza houbo achegas felices, entre elas unha cita moi esclarecedora de Arthur Miller: «Un bo xornal é unha nación falándose as si mesma». Houbo palabras que marcaron proximidade e algunhas mediron abismais distancias. Veciñanza no discurso inaugural de Félix Monteira que deixou en claro até onde estaría disposto a levar a El País galego en condicións de absoluta liberdade empresarial: usou unha lingua que non é a súa pero é a do país sobre o que quere informar e no que quere construír opinión. Un exercicio de profesionalidade, sabedoría e intelixencia.

Emendárono palabras de afastamento intergaláctico. Juan Luis Cebrián tirou da autoridade de Afonso X para ditarnos que en galego a poesía e a literatura, pero as leis en español. Un retorno ao pasado, abucharante senón traxicómico. Absoluta incomprensión sobre a lingua galega e o noso país, desgrazada manifestación da súa incapacidade para atender outra cousa que non sexan os seus propios intereses. Hai tempo que, ende ben, unha boa parte das leis que ordenan a vida dos cidadáns e cidadáns galegos están felizmente na nosa lingua.

Cebrián citou a outro Alfonso (Guerra) para subliñar que a «esta España no la recoñoce ni la madre que la parió». Errou, pola súa boca falou a España que non cambiou desde os delirios de Nebrija. Podemos alporizarnos canto queiramos pero maioría dos editores galegos de xornais opinan o mesmo que Cebrián. O recoñecemento da pluralidade é a grande asinatura pendente do Estado (oficial) español.

Se un «bo xornal é unha nación falándose a si mesma», Cebrián debería ser intelixentemente prudente e deixar facer a Monteira e aos bos xornalistas que o acompañan. Melloraría espectacularmente o seu diálogo coa nación dos galegos. Así habería de gustarnos máis, pero o bo non está reñido co mellor, senón co malo e co peor.

8 comentários:

Anónimo disse...

great

pero aínda poderías darlles máis

lantania disse...

Eu lembro nos meus tempos dos Salesianos, que dun grande mestre de Historia, afastado do protonacionalismo do talón de grelos, e proeuropeo, unha grande lección de historia:
Só os cegos e os ignorantes poden empregar cun rigor mortis a tabela de de reis casteláns para xulgar aos reis de España.
Porque sexamos sinceros, Alfonso X O sábio?; pero saben contar?
Historicamente, como integrantantes do Reino de León, tal rei é o noso alfonso IX.
Paletos e ignorantes que son.

A.C. disse...

Eis a razom, caro Ian, polo que eu leio La Vanguardia. Dedicidamente, nom se vê o mundo igual desde umha cachoupa que desde um paço, nem igual desde Madrid que desde Barcelona.

Eu nom estivem no "magno evento", mas lim a notícia na versom digital de El País. Algo chamou a minha atençom. Esse algo é que na quota de representaçom política havia pouco BNG, e o pouco BNG que havia nom era o actualmente no governo, senom eloquentemente os Sres. J.M. Beiras e Camilo Nogueira. Engano do jornalista que nom viu ao BNG-governo ou esquisita realidade?

Desde agora, reivindico a edicçom para Galiza de O Público. (Reintegracionismo obriga ;-)

A.C. disse...

E sim a "edicçom" sobra-lhe o "c" :)

Ian disse...

Paneleiro a inasistencia do BNG-goberno era absoluta. Ningún alto, medio ou baixo representante do BNG fixo acto de presenza. Estaba o alcalde de Pontevedra iso si, amais dos señores Beiras e Nogueira. A vostede compraceríalle (é un dicir) escoitar ao señor Cebrián identificar o compromiso co galego coa expansión do Grupo Prisa en Portugal e Brasil.

Marcos Valcárcel López disse...

Tralas eleccións, queixaranse (BNG e altos cargos inasistentes...) de que a prensa trata mal ó nacionalismo e boicotea todo o que fan...

A.C. disse...

"A vostede compraceríalle (é un dicir) escoitar ao señor Cebrián identificar o compromiso co galego coa expansión do Grupo Prisa en Portugal e Brasil"

Sinto-o, caro Ian, mas essa frase produz-me arrepios. E a visom do espanholíssimo (y olé) grupo Prisa espalhando-se como peste bu(r)bónica polo mundo lusófono nom faz senom estarrecer-me.

Pergunta com talvez resposta óbvia que eu nom vejo, porque qualquer das duas possíveis parece-me esquisita: nom convidárom ao BNG-GOV ou os nossos representantes nom assistirom desdenhosamente à festa de a El País.

Sejam bons.

Ian disse...

Paneleiro, un dos problemas diso que chaman CMO (comunicación mediada por ordenadores) é que se perden moitas significacións e significantes... O «A vostede compraceríalle (é un dicir) escoitar ao señor Cebrián identificar o compromiso co galego coa expansión do Grupo Prisa en Portugal e Brasil.» tiña –confío en que non se lle escape– un sentido manifestamente irónico... compracemento non tería ningún de ter estado alí. Arrepío e abraio antes as palabras de Cebrián de certo si que tería. Ao BNG-goberno seguro que o invitaron, non estiveron para non significarse cun medio que se entende que ven da man de Touriño e o PSOE, que desa man ven, mais con todo, cando abandonas o campo como apunta o amigo marcos logos non podes queixarte de que te ninguneen. Desculpe se entendeu mal a mal expresada ironía, sei dos seus pareceres sobre a nosa lingua e do pouco proveito que lle vai quitar da expansión empresarial de PRISA polo mundo mundial e, en especial, polas terras da lusofonía. Saúde