25/02/2007

Conta atrás

Descontado o fracaso do Novo Estatuto; as eleccións municipais do 27 de maio sinalan o próximo desafío político e o barómetro de inverno de Sondaxe está aí para sinalar o inicio dunha nova xeira. A enquisa apunta, respecto á prospectiva de outono, unha tendencia de moderada baixa para o PSdeG, a estabilización do voto municipal do BNG e un avance limitado do PPdeG.

As dificultades (relativas) do PSdeG

En contraste, o pasado barómetro de outono ofrecía un saldo moi positivo para o PSdeG e unha creba de expectativas para os conservadores que estaban amenazados de perder as alcaldías de Vigo, Ourense e Ferrol. Pola súa parte, o barómetro da USC de 2006, feito público en decembro, achegaba tamén un considerábel avance electoral dos socialistas que ganarían seis escaños, sumando 31 deputados, e superarían en dous ao PPdeG. Segundo a prospectiva da USC, o BNG acrecentaría en dous escanos a súa representación parlamentaria pasando de 13 a 15 deputados.

A entrega de inverno de Sondaxe, non obstante, limita o optimismo sobre a consolidación do cambio político e do seu liderado polo PSdeG. Á mingua de crédito contribúe, sen dúbida, a perda de vigor do «efecto Zapatero» por mor da falta de empuxe da acción do seu executivo en case que todas as materias de interese cidadán –desemprego, vivenda, inmigración...– , o fracaso do seu proxecto de «España plural» para unha nova acomodación dos autogobernos das nacións do Estado, e a liquidación do proceso de paz en Euscadi tras o atentado da T4.

Neste tempo e malia a situación da boanza económica, o PSOE non foi quen de ampliar a súa vantaxe respecto do PPdeG que xa lle lambe electoralmente a caluga, contradicindo o vello principio segundo o cal os cidadáns xulgan aos seus gobernos en función do que «lle poñen no prato». A boanza económica presenta paradoxalmente no seu envés un crecente malestar político co Goberno Central. Carteira e voto marcan preferencias diverxentes.

En Galiza as dificultades do executivo de Rodríguez Zapatero non axudan a mellorar a súa percepción como un goberno preocupado polos problemas galegos. Nin o estudo postelectoral do CIS de 2005, nin o barómetro da USC ratificaron a súa imaxe como «goberno amigo» de Galiza. Os cidadáns galegos que consideran que ás políticas do goberno de Madrid son regulares, malas ou moi malas superaban os dous terzos en 2005 e o barómetro universitario non achegou unha melloría significativa.

O último encontro dos dous presidentes na Moncloa ofreceu un abaixado balance que non acrecentou a credibilidade de ningún dos dous dirixentes socialistas. A sintonía de Monte Pío coa Moncloa non achega vantaxe competitiva ningunha para o PSdeG, máis ben ao contrario, evidencia o pouco peso político e aínda menor capacidade de negociación que ten Touriño en comparanza co PSC e José Montilla.


Con todo, e de confirmarse a prospectiva da sondaxe de inverno, os resultados do PSdeG estarían lonxe de ser malos: confirmarían as alcaldías de Coruña, Lugo, Compostela e Vilagarcia; en Ferrol a posibilidade dunha vitoria fronte ao PP, co concurso de IU e BNG, mantense aberta e cun acordo co BNG podería facerse coa alcaldía de Vigo. A maiores estaría no goberno pontevedrés como socio menor do BNG. A recuada de apoios unicamente recurta a súa representación municipal en Ourense onde cedería un edil en beneficio do BNG. A batalla polas Deputacións seguiría aberta.

BNG, eleccións municipais: unha cita endiañada

A prospectiva outonal estaba tinturada de malos presaxios para o BNG. As eleccións locais son un escenario dificultoso para o nacionalismo, máis problemático nas grandes cidades onde os resultados de 1999 deixaron un listón que é moi improbabel que se acade no curto prazo. A perda das alcaldías de Ferrol e Vigo, e o abandono do goberno en Lugo en 2003 foi un duro revés que a «crise viguesa» coa saída da alcaldía de Ventura Pérez Mariño non fixo máis que amplificar.

O BNG resultou decisivamente danado como «forza gobernante»; desestimada como peza central da gobernación nos grandes municipios foi abaixada a un papel de complemento de goberno, entregada a unha posición de subalternidade que só foi quen de salvar en Pontevedra e nunha presada de concellos (Allariz, Fene, Carballo, Arzúa, As Pontes...).
Desde aquela o BNG ten dificultades para mellorar os seus rexistros electorais nos grandes concellos á par que se consolida nos municipios de tamaño medío, confirmándose como unha forza maís vilega que estritamente urbana.

Silenciadas as retesías internas, despois da XIII Asemblea Nacional, a nova executiva enfronta as eleccións sen ter forxado un sólido consenso e evidenciando unha gran febleza para retormar a iniciativa política do nacionalismo que segue a depender basicamente da súa acción na Xunta de Galicia. Ninguén descarta que uns malos resultados nas municipais de maio activen outra volta a crise latente na que está instalada a fronte nacionalista.


Cangadas de continuismo as listas do BNG nas grandes cidades ofrecen poucas esperanzas a avances electorais significativos. Sen dúbida, o mais relevante será o test ao que se somete Santiago Domínguez (xa que da súa capacidade para cativar ao electorado vigués depende a gobernación progresista da cidade) e a verificación da fortaleza do voto vilego do BNG.

De corroborarse os resultados da sondaxe, o vindeiro 27 de maio, o nacionalismo mantería a alcaldía da cidade do Lerez, malia ao seu presumíbel retroceso electoral; podería volver ao goberno de Vigo grazas á recuperación de apoios cidadáns da candidatura de Santi Domínguez; ratificaría a súa presenza institucional en Compostela; e, se as cousas se torcen un chisco mal para Juan Juncal, produciríase o retorno ao executivo local ferrolán. En Ourense, unica praza na que o PPdeG semella estar en condicións de garantir a maioría absoluta, o BNG podería ver confirmado o seu papel como principal partido da oposición, mentres que na Coruña, Lugo e Vilagarcía de Arousa, os resultados do nacionalismo semellan que non van ser decisivos para a conformación dos gobernos municipais.

Ratificación da hexemonía local conservadora?

A posición desvantaxosa do PPdeG nas cidades soamente poderá ser compensada polo voto nos pequenos e medianos municipios. O seu obxectivo estratéxico é ben claro: afortalar a súa posición hexemónica no poder local mantendo o 70% dos gobernos municipais e tres das catro Deputacións provinciais. O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, expresou nas páxinas de Galicia-Hoxe a súa confianza de que «a mala xestión da Xunta debería ter o seu traslado aos resultados nos concellos, porque saen prexudicados desa xestión e iso tense que notar». A rede municipal do PPdeG é a súa reserva de poder e o seu desexado retorno á Xunta de Galicia en 2009 depende decisivamente dos seus alcaldes e presidentes das deputacións á espera dos resultados que deparen as eleccións xerais.

Alfonso Rueda nas súas declaracións quítalle presión ao líder do PPdeG, pero salienta a importancia estratéxica dos comicios municipais: «Núñez Feijóo non se presenta ás eleccións, aínda que é presidente do partido isto non é unha proba persoal de ninguén. Hai que tomalo como un referendo de que os galegos seguen percibindo que seguimos sendo o partido de goberno en Galicia a nivel municipal, e a partir de aí, gañar outras eleccións.» Con todo, cando tomou posesión como presidente dos conservadores galegos, Núñez Feijoó non dubidou en cualificar as eleccións municipais como a súa reválida e unha proba da consistencia do proceso de renovación do Partido Popular de Galicia.

Resultados estratexicamente relevantes

No envés das valoracións, o presidente Touriño quere rebaixar a significación estratéxica dos comicios locais de maio. Diante do Comité Nacional Galego do PSdeG afirmaba o sábado que «as eleccións municipais non serven para nada máis que a sorte e o futuro de cada concello, non como din os estrategas da nada». Se así o cre, erra de vez e non sabe canto.

En primeiro lugar, as eleccións municipais serán decisiva para medir a correlación de forzas entre o PP e o PSOE e só ao presidente Touriño parece escaparselle que serán unha sorte de primarias das vindeiras eleccións xerais. Un revés significativo do PSOE nas grandes áreas metropolitanas e nas capitais de provincia fará abanear o goberno de Rodríguez Zapatero e deixará ao PP en inmellorábeis condicións para retornar á Moncloa. E, en segundo lugar, de validarse a posición hexemónica do PPdeG nas administracións locais de Galiza, o imaxinario popular recoñecerá ao cogoberno PSdeG-BNG como un goberno en situación de interinidade, co tempo contado e o futuro hipotecado polo que aconteza nas eleccións xerais. Unha primeira confirmación de que o «cambio político» é reversíbel en curto prazo.

O presidente Touriño debería saber xa que unha forma fantástica de perder as batallas é crer que só vai ser unha escaramuza miúda e que a súa resolución non vai ter consecuencia ningunha. Alguén debería prescibirlle ao inquilino de Monte Pío unha lectura intensiva de A arte da guerra de Sun Tzu ou un pouquiño máis de sentido común estratéxico que vén ser o mesmo.

4 comentários:

Cesare disse...

Particularmente me parece grave a situación do Bloque en compostela.E non tanto porque rifen, porque vaia portas ou non vaia, senón porque repiten practicamente os mesmos 6 ca na última vez, que é o mesmo que dicir que repiten os mesmos 6 ca hai 8 anos. 8 anos!!!

É terrible. Parecen os deputados da época beirista, que se mantiñan unha e outra vez nos mesmos cargos, non fose ser o demo... Pois ou o fixeron moi ben, e daquela deberían de aspirar a subir dous, ou o fixeron mal, e deberían mudar o equipo. É este o equipo de futuro que lles ofrece o bloque aos composteláns?? Vaia penuria...

E vostede sabe que a xestión de rego á fronte de cultura me parece moito máis ca boa. Pero se de entre todo o bloque compostelán non son capaces de atopar caras e empuxe novo, mal van.

J. Manuel Outeiro disse...

Achei estranho a recomendaçom de ler "A Arte da Guerra" mas pôr ligaçom para "El Arte de la Guerra".

Eis umha ligaçom para "A Arte da Guerra":

http://www.suntzu.hpg.ig.com.br/cap0c.htm

Ian disse...

J. Manuel Muito obrigado pola ligazón. E Cesare como xa comprobou pola prensa de hoxe a situación do BNG en Compostela complicouse extraordinariamente e, o peor, que non semella que haxa ningunha boa solución.

A.C. disse...

Deveriam aprender do PSOE. Só podes votar sim à cadidatura de Bugalho ou abster-se. Nada de votar "nom". E ainda assim de 90 votos tivo trinta e tantas abstençons.

Está bem embrulhada a situaçom do BNG santiaguês, mas eu por primeira vez estava por abster-me. Talvez agora nom tenha que o fazer.