Mostrar mensagens com a etiqueta Viaxes. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Viaxes. Mostrar todas as mensagens

13/04/2006

Santacara

Rodamos oitocentos quilómetros até a Navarra Media. Buscamos acougo nas súas achantadas terras e atopamos acollida en Santacara, unha vila de traspapelada historia que contabiliza pouco máis de mil veciños, tres bares, unha farmacia e unha sonada fábrica de repostaría. Campos de cebada, alfalfa e, na valga máis rica, gorentosas esparragueiras, videiras, amendoeiras e oliveiras. Fundada no século I a.C. como poboación romana co nome de Kara, logo foi cristianizada como Santacara. Unha torre medieval, demediada, que sobreleva con fachenda a súa ruína, vixía os seus horizontes. A ollada pérdese cara ás Bardenas, á chaira que arrodea a canle do río Aragón e ás vilas veciñas de Mélida, Traibuenas e Rada. Chegamos coa noite e nas rúas de Santacara manda o silencio e un ceo raso.

22/08/2005

Benvidos ao inferno

O periplo asturiano vai acompañado de cincentas novas sobre as ardidas en Galiza. Chegados a casa, albiscamos a Amaía entoldada por unha neboeiro de fume. Na televisión suman ás nosas angurias as dos veciños do sur. Unha imaxe resúmeo todo: no cartel sinalizador de Pampilhosa da Serra alguén escribiu «Welcome to Hell». Un infermo que se amplía, todo o horizonte é lume. Pasadas crónicas ambientais indicábanos: «Pampilhosa da Serra é a rainha da um pinhal que nem sempre existiu. Em tempos idos havia castanheiros mansos e matas de medronheiros e os terrenos baldios ocupavam 7% da área do concelho, sendo a castanha elemento básico da alimentação. Pela década de 20, os castanheiros começaram a ser atacados pela "malina", a doença-da-tinta e, pouco depois, iniciou-se o repovoamento florestal de grande parte desta superfície predominantemente montanhosa». Todo indica que os terrenos baldíos na próxima década van ocupar moito máis que 7%. Tristemente.

Na vila calvinista

Hai vilas que se agochan do horizonte e outras que son todo horizonte. O excepcional de Cuideiru é que pertence a ambas as dúas categorías e xa que logo ten sobrados méritos para ser incluída no imposíbel catálogo urbano que compilou Calvino. Se unha noite de verán un viaxeiro procura a vila dos pixíns encaixarase unha rúa desfiladeira que lle extraviará a liña da horizonte. As casas agatuñan rabiosamente cara ao ceo e o espazo é tan escaso que mesmo semella que non queda nin o máis mínimo oco para a especulación inmobiliaria. Se un tenta escapar da rúa principal, soamente atopará unha rede de calexas e canellóns como sendeiros do niños de arañas e unha amalgama de casas construídas a xeito dun Pombal. Con todo, o teu camiñar rematará nun porto que, en realidade, é un castelo de destinos cruzados que miragreiramente te mostra a vila toda como un horizonte único, unha cávea de laminadas construcións e unha sucesión elouquecida de encostas e escaleiras. Os nosos antepasados tiñan a idea de Cudillero como unha vila mariñeira, hoxe vive grazas ao seu Plan de Excelencia Turística. Baixo o sol xaguar terás dificultades para sentante nunha terraza para catar a sidrina ou fartarte de xoubas, luras e chipiróns e terás que facer moitos números na escuridade para pagar a factura. Non hai rastro da nube de smog pero a sensación de abafamento invita a marchar. Se me deixasen escribir unha de Seis propostas para o próximo milenio proporía facer un Plan de Excedencia Turística para Cudillero, cousa imprescindíbel para disfrutar humanamente do seu horizonte e deixar de sentirse un cabaleiro inexistente, abusivamente canibalizado polo mercado turístico. Calviño convénceme de abandonar a vila e volver sobre os nosos pasos na procura de Ribanova.

21/08/2005

Democracia mariñeira

A memoria garda en Luarca vellas formas da democracia dos mariñeiros. Cando empeoraban as condicións climatolóxicas e había que decidir se se saía ao mar, o gremio de mareantes reuníase ao redor dunha mesa. Nun extremo debuxábase unha casa e no contrario unha barca. Quen cría que, a pesar do mal tempo, había que saír a faenar, púñase do lado da barca, os que pensaban que había perigo se axuntaban a carón do debuxo da casa. Se sumaban máis os da barca, dábase autorización pasar facerse á mar e facíano unicamente aqueles mareantes que querían. Se eran maioría os da banda da casa, impoñíase a prohibición de faenar até que mellorase o estado do mar. Unha mestura de libre decisión, respecto das normas e solidariedade na toma de decisións que moito ben nos faría recuperar para revitalizar a amémica democracia bipolar na que nos varan uns máis e outros algo menos.

19/08/2005

As ameazas mariñas

A derrota lévanos até a foz do río Negro, onde se levanta paradoxalmente a Vila Branca. As xentes de Valdés cancelan as festas do san Roque preparando os festexos do san Timoteo nunha sucesión de balbordo e xolda que agradecen hosteleiros e restauradores. Recoméndannos ir ver a Aula do Mar que sostén a Coordinadora para o Estudo e a Protección das Especies Marinas (CEPESMA). A coordinadora creouse en 1996 e desde 1998 mantén a Aula do Mar, un proxecto didáctico e museístico, e un centro de recuperación de especies mariñas mancadas. A atracción da Aula é a maior colección mundial de luras xigantes, as irmás cativas e menos agresivas dos temíbeis kraken que poboan desde o inicio dos tempos as lendas mariñeiras do mundo enteiro. Non menos interese ten a sala dedicada a pesca da baleas, que de ameazante ser mariño tornouse no século que andamos nunha especie ameazada de extinción. A modestia dos medios contrasta coa grandeza do esforzo e dos resultados logrados pola CEPESMA, en todo debidos a que a Aula do Mar ten o mesmo ADN –mestura de dignidade e rebeldía– que identificou a maré cívica de Nunca Máis.

17/08/2005

Black Hawk Down

Hai que deterse onde remata a Gallaecia, no lindeiro da Galiza extensa. Caemos coas festas locais en pleno apoxeo. O recuncho acougado de Campoamor desapareceu de vez e tornouse nun destino máis da lucrativa e emerxente industria do turismo do Principado. Sexa pola fernandoalonsomanía, pola boanza económica ou porque os accesos a Asturies melloraron notabelmente, Navia está ateigada de visitantes e atopar un camastro onde durmir convertese nunha epopea. Informámonos de que «Navia estaba habitada por elementos indígenas que eran hombres y mujeres completamente idénticos a nosotros, con una economía primitiva basada en la subsistencia a partir de la recolección, la caza, la pesca y la producción a partir de la incipiente agricultura y ganadería.» Os elementos indíxenas viven nestes días das tribos veciñas que se achegan accidental ou voluntariamente á vila e as que ofrecen bens e servizos inflaccionados con aumentos do máis do trinta por cento. Cunhas ben pagadas torradas con manteiga soubemos do «incidente» de Herat por La Nueva España e mergullámonos na relambida xustificación da presenza do exército español na «guerra humanitaria» de Afganistán. Napoleón cría que a liberdade viaxaba coas baionetas do seu exército imperial e o Bono, para non ser menos, sostén que a soberanía popular e a democracia en Afganistán repousan no canón dos cetmes da Brilat. A intelixencia está de loito.

16/08/2005

Na vía estreita

Sigo os consellos de Cesare e, desconectado durante uns días, aproveito para facer unha travesía transcantábrica pola vía estreita. Non é a aventura do tren de xeo e lume de Manu Chao pero para espabillar a rutina da factoría é máis que suficiente. Teño para min que o ferrocarril é o máis humano dos medios de transporte e tamén o que pode resultar máis infrahumano. Catro anos de uso ininterrumpido do comboio fixéronme acreditan nas súas bondades e aleitan un feroz resentimento contra os que deixan esmorecer os camiños de ferro. No estaleiro ocupamos un dos dous vagóns monovolume e, contrariamente aos peores agoiros, a saúde dos carrís e dos ferranchos móbiles é máis que satisfactoria. Os enrolados no FEVE cubrimos un variado espectro social, marxinal e maiormente en vía estreita. Maiores, moitas mulleres maiores que viaxan soas. Retirados, prexubilados postindustriais e lumpenproletariados idosos que viven nos concellos arrabaldizados de Ferrolterra. Celtics junkies que retornan derrotados do tratamento da metadona. E logo, familias incomodadas, e incomodas, que se viron privadas dos medios propios e turistas accidentais que, entre a observación antropolóxica e a entrega ao sono, deixamos pasar o tempo e sucesivos destinos na procura de onde lindamos con Gran Bretaña mar por medio.

02/07/2005

A dama nos Açores

Hoxe L. saíu cara aos Açores. A mesma viaxe que fixen hai doce anos con X. para coñecer as illas. A primeira cousa que lin sobre o arquipélago foi Dama de Porto Pim de Antonio Tabucchi. Un libro que logo se fixo película. O italiano narrou os motivos polos que escribiu a Dama de Porto Pim: «Hai vinte anos, pouco máis ou menos, fixen unha viaxe ás Illas Açores, un arquipélago que me pareceu máis imaxinario ca real. Mellor dicho, tan "fóra de lugar" respecto a todo, que, cando regresei, tiña a impresión de que tamén a miña viaxe fora imaxinaria. Vira baleas, que até daquela me parecían animais imaxinarios; escoitara historias de vidas tráxicas, desas que un pensa que non existen máis que na literatura; ollara paisaxes estrañas, que cría exclusivas dos manuais de xeografía fantástica, onde os ananás, as árbores da piña, mesturábanse con hortensias. Co obxecto de que todo aquilo que vira e vivira non se esvaecese no ar coma un espellismo, pensei en relatalo. Así naceu un pequeno libro que se chamaba (e se chama aínda) Dama de Porto Pim, e sentinme moi fachendoso, porque pensei que á fin a miña viaxe adquiría entidade real, comezaba a existir de verdade. Con enorme abraio, en cambio, cando o libro foi publicado, puiden decatarme reléndoo de que todo parecía aínda máis fantástico. A literatura, con seu poder de transformar o real en hiper-real, volvíao todo aínda máis irreal do que me parecera a min.» Daquela navegación trasatlántica nunca escribín nada, por iso agora todo me parece aínda máis irreal que a Tabucchi. Lembro, con todo, os golfiños nadando a nosa par, as hortesias agatuñando aba arriba, as lagoas de dúas cores e o sol mergullándose no mar como unha brasa na noite. Agora anoto tamén a ausencia de L.