27/11/2005

Fatalismos bolivarianos

Pode que leven razón Seoane&Patiño e que a orixe é o no xeratriz. As lecturas arrástranme ao territorio orixinario e ás páxinas fatalistas do seu libertador. Canso e terminal, cando cae o 9 de novembro de 1830 en Barranquilla, Bolívar escribe unha derrotada carta ao xeneral Juan José Flores. As letras teñen a tintura da morte e trázanse cangadas de fatalismo. «Vostede sabe que mandei vinte anos e deles non tirei máis que poucos resultados certos: América é ingobernábel para nós. (...) Quen serve a unha revolución ara no mar. (...) A súbita reacción da ideoloxía esaxerada vainos encher de cantos males nos faltaban ou máis ben vai completalos.» A entrevista de Tempos Novos con Xosé Manuel Beiras refréscame esa vella memoria de derrota e desgana. É doado compartir o enunciado do problema que expresa Beiras: «Os interrogantes que se abren refírense a se estará o nacionalismo, nesta lexislatura que se acaba de abrir, en condicións para marcar o roteiro para o cambio político en Galiza, tanto na dirección dun cambio para a esquerda canto na dirección de dar un salto adiante a partir de estarmos no goberno autónomo, para avanzar na consecución de institucións políticas realmente capaces de exercer o autogoberno». E non é difícil concluír que, polo de agora, os avances son fráxiles, moi propios de todo o que feblemente nace e que hai unha desmedida dispersión de vigores que non anuncia nada bo. Con todo, aos tribunos que mandan no BNG e no nacionalismo gobernante non lles viría de todo mal pasar do esperpento bolivariano e ler, pola contra, a carta que, desde Guaiaquil, enviou Bolívar ao xeneral Daniel F. O'Leary en 1829. Alí deixou escrito: «Observemos o estado da república, que presenta desde logo, por unha parte un caos próximo, e por outra un aspecto triunfante. (...) Os cidadáns que teñen o mando, a influencia e a preponderancia son os mesmos que me acompañaron nos sacrificios da guerra e nos traballos domésticos. Eles están en todo o seu vigor e forza moral: atópanse revestidos da autoridade pública; posúen os medios necesarios para sostela; e a opinión máis xeral acompáñaos e axuda a salvar a patria. Estes persoeiros están agora gozando de mocidade e de vigor intelectual; polo mesmo, xa que logo, teñen a capacidade que se require para defender o estado e o seu propio posto. Non será así dentro de catro ou seis anos máis; eles serán daquela o que eu son agora: a idade aniquilaraos e sometéraos á mercé dos seus inimigos ou ben dos seus sucesores. Chegada aquela época faltaría eu indefectibelmente e comigo todos os que me apoian.» Creo que Beiras pode asinar desde o seu forzado retiro todas e cada unha destas letras actualizadas nos primeiros tempos do posfraguismo. E entendo que á nova e emerxente clase política nacionalista lle faría moito ben reflexionalas. Doe que Beiras non poida poñer o seu nome debaixo destas outras liñas: «Eu farei, non obstante, canto dependa de mi para sostela [a República], velarei ao redor do goberno cun ceo infatigábel, prestarei á autoridade suprema toda a miña influencia: volarei ás provincias a defendelas coas armas que me confien para iso. O goberno, en fin, sería forte en canto dependa de min e dos meus amigos, a quen comprometerei polo ben da causa.» Que ninguén crea que se non o fai é só por cousa do seu soberbio e soberano ego, hai outros moitos responsábeis.

26/11/2005

Vitoria inmaterializada

Do andel escorregou Hai suficiente infinito, o ensaio-manifesto que escribiron Antón Patiño e Xavier Seoane. O azaroso accidente chama a súa lectura. Na novena páxina ficou impreso: «Vivimos nun tempo de antimemoria. Nun presente que xera un turbillón de amnesia, un páramo de lembranza.» Onte a UNESCO dediciu que as nosas tradicións culturais inmateriais non serán, polo de agora, patrimonio da Humanidade toda. Mágoa. Con todo, a leda, teimosa e humilde reivindicación iniciada polas boas xentes de Ponte nas Ondas permitiu tecer unha mesta rede civil para a recuperación da memoria, activando unha poderosa vacina contra a amnesia e a favor do cultivo das nosas lembranzas. Todo un éxito. Unha vitoria inmaterial tan grandiosa como o patrimonio que agarimosamente querían protexer, preservar e aleitar de futuro. Silenzo para os que gastan no esquecemento do propio. Parabéns aos que investiron na esperanza e na imaxinación como contrapoder.

21/11/2005

Nas estremeiras da sociedade civil

Vou a terras estremeiras de Valdeorras convidado pola presentación dun libro dunha amiga e o seu mestre. Axunto palabras coas que chufar un libro empaquetado con agarimosas lembranzas, non en ván foi a miña derradeira encomenda na factoría de Brétemas.
A intifada parisiense apégalle renovado interese á leitura de Concha e Sabucedo sobre as razóns fondas que animan á participación social e á acción colectiva, revalorizando a súa investigación sobre os recursos e medios dos que os cidadáns botan man nas mobilizacións e actos de protesta, ao tempo que achega luces sobre a importancia que teñen as formas de identidade nos novos movementos sociais.
Héctor Aguilar Camín escribiu que «o periodismo é unha forma frenética de saber o que pasa sen entender o que sucede.» Isto ocórrelle aos periodistas pero tamén a moitos científicos sociais e pásalles con frecuencia pasmosa a economistas e políticos. Do descontento á acción dá explicacións e pautas para interpretar cales son os mecanismos que operan na construción social dunha protesta e cal é a arquitectura de motivacións, valores e incentivos que nos levan ás persoas a sumarnos a unha acción reivindicativa. Tamén repara en como se forxan as novas identidades e suxeitos colectivos, como reaccionamos ante a privación e a inxustiza, como atribuímos responsabilidades, como recoñecemos aos adversarios e sinalamos aos responsábeis dos males sociais ou políticos. Igualmente fornece reflexións sobre a indignación moral, sobre a ira e a dignidade como combustíbeis emocionais que permiten o arranque dos movementos sociais e o seu mantemento. E mesmo achega leccións do que podemos denominar contabilidade social; é dicir, os cálculos que facemos, consciente ou inconscientemente, antes de sumarnos a unha acción de protesta: como valoramos os riscos ou a eficacia que pode ter a nosa participación, como estimamos os seus beneficios e os seus custes, como medimos as posibilidades de triunfo ou avaliamos as perdas que nos pode acarrexar a nosa participación nunha mobilización que finalmente resulte derrotada.
É, en definitiva, un libro que convén frecuentar nestes nosos tempos incertos e que nos permite explorar intelixentemente as zonas estremeiras da sociedade civil. Auténtico territorio comanche onde a política convencional non se atreve a pisar.

14/11/2005

Verne (2)

Chegou o tempo da despedida. O Novara, un paquebote suízo, desembarcounos en Suez. Alí finou a expedición anglo-rusa que Verne imaxinou aventurada polas inhóspitas terras da África Austral. Ás imaxes infantís axúntanse agora palabras que me (re)descubren a Verne como un intelectual do tempo dos imperios, fachendoso da suposta superioridade do home branco e hipnotizado polo suposto papel civilizador das nacións europeas no continente africano. É doado ficar engaiolado coas súas estampas naturalistas na ilustración das variadas especies animais e vexetais, coa minuciosidade das súas descricións paisaxísticas, produto das lecturas maceradas das viaxes de Livingstone, e mesmo coa erudición astronómica e científica que constrúe o tramado de Aventuras de tres rusos e tres ingleses.... Á par de todo isto, resulta inxenuamente conmovedor o seu alegato a prol da ciencia como ben supremo, por riba das retesías nacionais e dos desencontros personais, como expresión do triunfo da cooperación entre os saberes e da colaboración entre os homes amadores da ciencia; todo isto ben exemplarizado na amizade indestrutíbel entre o ruso Mijail Zorn e o inglés William Emery. Moito menos fascinantes son as súas observacións etnográficas enchoupadas da pretendida superioridade moral dos europeos cando non dun abusivo racismo paternalista que malla por igual nos aborixes bochjesmen e makalolos. Resulta especialmente insufríbel a súa apoloxía da estatura civilizatoria de británicos e rusos que nese mesmo tempo estaban destripándose na guerra de Crimea. Con todo, agradézolle as horas de distendida e divertida lectura que me permitiron superar o tedio dunha gripallada mal chegada. Ao final, a mesma elección de cando era cativo: máis que de Verne, eu son de Salgari.

12/11/2005

Pintura / Esgrima

Van Groten e o (non tan) novo aprendiz hai tempo que só ven os trazos tenebristas dos lenzos do outro. Decidiron renunciar cada quen, ao seu xeito, á luz e á cor. Usan de tempo acó pinceis como dagas e o xogo da pintura tornou en ruda esgrima. Ningún dos dous é quen de ver canto amor hai nas estocadas e todo o que hai de agarimosa caricia nas cicatrices que se deixan nos amolecidos corpos. Eu que son cego daría parte do resto da miña vida para que comprendesen toda a inútil beleza que encerra o seu duelo. O (non tan novo) aprendiz non quere saber que é xa un grandioso mestre. Van Groten sábeo ben, pero cálao xa que o seu peor pesadelo é velo partir para levar luz, cor e esceas nunca imaxinadas a calquera outro deses estudios que andan a montar para a súa mellor gloria os necesitados condottieros do novo goberno da nosa cidade-Estado. No cansanzo do combate, Van Groten confesa ao cego que non pode ver, nin pode dicir, que mesmo a pesar da dor das feridas matina en entregarlle ao (non tan novo) aprendiz a mellor paleta de pinturas, o seu máis querido xogo de pinceis, a dirección do estudo que nos dá de comer. Faino cun oco na caixa do peito que só pode encher a confianza ou o receo. E na enconada pelexa non hai tregua para acalmadamente elixir. Parece comprender nas súas angustiadas lucideces que co seu sangue nunca han de pintar o fermoso cadro que reclama o lenzo branco da memoria futura e a amizade. O cego, que non pode dicir, hai anos que non cre na bondade do mundo nin nos finais felices que o burgueses adoitan encargar para os seus cadros, pero sabe da vontade de homes e mulleres por gañarse no día a ración de felicidade e das doorosas pegadas que isto na alma deixa. O cego, que perdeu a vista en atroces batallas que agora lle relembran o duelo dos noutrora amigos pintores, desexaría ser xuíz para deter o estéril combate. Mais non é xuiz, tan só e cego e ten comprometido o seu silenzo. Con todo, as súas mans son aínda libres e por iso escribe estas as súas últimas vontades.

11/11/2005

Verne

Cen anos despois do seu pasamento, Xulio Verne chega a Vigo. Coa súa visita recollo frangullas das miñas memorias infantís. Da súa memorábel obra gosto especialmente, e sen moitas razóns que me asistan, dunha obra menor; as miñas querencias fican ancoradas en Aventuras de tres rusos e tres ingleses en África Austral. Non gardo recordo do libro senón dos tebeos que publicaba a editorial Bruguera xunto con outros clásicos como O Corsario Negro. A xente de Bruguera eran, para a miña idea, uns auténticos mestres da síntese e da didáctica redución e nunhas poucas páxinas e viñetas apertadas eran quen de adelgazar calquera obra sen lle facer perder un gramo de emoción e paixón. Gardo como daguerrotipos familiares as imaxes da expedición anglo-rusa remontando o río Orange e as súas fascinantes fazañas nun curruncho do mundo tan fermoso como fero. Para celebrar a visita de Verne vou ás librarías de vello na procura dun exemplar de Aventuras de tres rusos e tres ingleses en África Austral que atopo sen problema ningún na rede. No mundo non-virtual fracaso na miña tentativa por conseguir o tebeo ou o libro de Bruguera, pero doume por contento ao facerme cunha edición do Clube Internacional do Libro que arrastra as súas páxinas desde 1987. Hoxe, nun día de tregua laboral, embarco no Raiña e tzar con William Emery, o coronel Everest, Murray, Strux, Palander e Mijail Zorn para dar inicio a nosa expedición pola rilada da África Austral. Confío en estar de volta e con ben dentro de 225 páxinas. Partimos.

05/11/2005

Gut estaría contento

Estes días o máis vello impresor ten motivos para sentirse ledo. Nun foro de editores, blogueiros, estudantes curiosos e tecnólogos, María Yánez, a quen non coñece don Xesús Alonso Montero, presentou, aínda quente do forno, a primeira editora virtual galega. Si, a primeiriña. A conexión Yáñez-Yáñez anima a creación da nosa primeira editora virtual (real). Gut atreveuse coa máquina e cun título de mercado garantido, postos a trasgredir a todista-trazadora-de-tendencias e o audaneiro-emprendedor estréanse cunha obra e autor máis arriscado (e non escribo máis para que non me acusen de laretas). Foi no cabo dunha mesa redonda sobre blogs na que poidemos comprobar como batían dúas culturas, unha ancorada no elitismo e na oligárquica compracencia, e a outra rebelde, disidente e afeita ao intercambio entre iguais. Francisco Castro-Náufrago, Martin Pawley, María Yáñez, Uxía Casal e Xabier Cid. Todos ben moderados por Manuel Bragado, cabeza pensante e man organizadora dun gorentoso simposio no que, ende mal, só puiden sentarme dúas veces para comprobar a fondura da señerdade que aínda teño polo papel, e a vertixiniosa velocidade que nos achega o presente dixital. Na sa e nos corredores gozamos da presenza de Lolo, Folerpa, Peke, Cesare, Brétemas, Jaureguizar, en plena mudanza volteriana, e uns cantos máis. Que a quentura do debate, o dicir libre, a imaxinación arroutada e vontade de cambiar as cousas coiden do proxecto redondo, rotondo e rotundo que nos presentaron. Hoxe Gut estaría contento ao seu carón, coma todos nós. Contentos e sanmente envexosos. Parabéns e felicidade que ben a merecen.

01/11/2005

Ela, maldita alma

Grazas á invitación dunha radio, nas mañás dos martes intento participar nos monólogos de María Antonia Iglesias. Os convidados de pedra facemos esforzos para converter o seu soliloquio nunha tertulia e, ás veces, case que o conseguimos. Do seu paso pola dirección de TVE quédanlle abondosos pousos autoritarios e lealdades filipistas incombústibeis. Non a sigo nas súas participacións estelares con María Teresa Campos, pero pola rede comprobo que colleita paixóns. Rufina é esmagadora: «María Antonia Iglesias, lo peor de la mesa de debate de Cada Día. Es imposible ser más demagoga que esta mujer. Espero que algún día aprendas a ser un poquito imparcial, ya que se supone que eres periodista.» Leo as notas sobre o seu monumental libro e tampouco é que, nos eloxios, quede moi ben parada: «Victoria Prego, por su parte, aseguró que la obra tiene tanta "carga histórica y emocional" para el PSOE que la "única periodista" que podía tener éxito en su redacción era María Antonia Iglesias por su cercanía con la formación.» A única firgoa de solidariedade que me arrinca é cando lembro a súa agresión no boicot da presentación do libro de don Santiago Carrillo. No recordo fica tamén a memorábel e impertinente entrevista que lle fixo a Anxo Quintana para El País. Saber que comparto micro (é unha esaxeración que ela case que non se deixa) cunha das xestoras do lado escuro do outrora todopoderoso filipismo, fai que conte os días agardando o próximo martes para acudir ás súas leccións de tolerancia e pluralismo. Cando vou cara a San Marcos repítome tres veces o dito africano: «A mosca tímida é enterrada co morto.» E unha vez alí procuro zafarme dos silencios impostos e defender as miñas palabras fronte a Ela, maldita alma da intolerancia.

30/10/2005

Patrimonio

Fomos antes palabra que signo. Moito antes dicir que escribir. Unha cultura oral antes que cultura letrada. O valor da palabra dada fundamentou durante séculos o código existencial da cultura campesiña. Logo viñerons os papeis a remexelo todo: os testamentos, as partillas, as contribucións... A palabra era de todos e a letra foi durante moito tempo só de quen a escribía e de quen podía interpretala. John Berger matinou, dixo, escribiu: «A computadora converteuse no depósito, a "memoria" da información urbana: nas culturas rurais o depósito equivalente é a tradición oral que se traspasa de xeración en xeración.» Agora o computador acode en auxilio da palabra dita. Quérese facer desa nosa cultura fonda patrimonio da humanidade, para iso debemos reunirnos, dicir, escribir, asinar, e deixarnos ver. Quérese que a UNESCO recoñeza a riqueza da nosa cultura inmaterial para que o mundo enteiro poida saber dela. Sería o maior recoñecemento que nunca recibirá a nosa cultura, moito máis ca un principiño asturiano , sería coma nos dar un Premio Nobel colectivo e milenario. É un recoñecemento da cultura extensa na que nos atopamos con Portugal, das raices fondas da vella Gallaecia. Tamén a certeza de que a vella nación campesiña que somos temos futuro no século da rede e no foro das sociedades virtuais, unha confirmación de que a estandarización global nunca dará arrincado as raigames primeiras.

De cine

Esta semana tivemos un abraio de de cine. Facemos xornadas maratonianas para dar conta dun guión que alguén nos escribiu sen contar con nós. Comeza cun zoom laboral grandioso que nos mergulla nun caótico escenario de sorpresas, presas, vertixe, carreiras, tropezóns e repetidas caídas moi propias das películas mudas. E coma no cine silenciado nada podemos dicir, apenas nos queda seguir o ritmo frenético do piano. Afogado (polo traballo), unha sucesión ininterrompida de imaxes reconstrúe o último ano e medio e lembro a Harold Lloyd en O home mosca, agatuñando e escorregando mil e unha veces pola fachada dun rañaceo imposíbel de vencer. Cando a caída parece definitiva e final, as agullas do tempo son o asideiro solidario que te axudan outra volta a comezar a afusquinada subida. Como Harold rodamos sen rede e sen especialistas que nos dobren nas esceas de risco. Debe ser que os especilistas somos nós. Aí van os créditos: Cesare, A12, o programador que regresou do frío, os matrix ferroláns, a mociña silenciosa do equinocio, aduaneiro homeless e o letrista de gorgullos. Todos compoñen unha troupe grandiosa, (case) invencíbel na adversidade. Mágoa de que amadora de Vermeer ande lonxe en xixonescos labirintos. Se a fortuna non nos deixa tirados na derradeira volta, o mércores subirá o pano e comezará en Compostela o espectáculo das luces que contan historias. Historias mudas como as nosas, e das outras. The End.

20/10/2005

Corryveckran

Fito achégame unhas agarimosas notas sobre o remuíño que se forma no estreito de Corryveckran, entre as illas Xura e Scarba, na costa occidental escocesa. O Corryvreckan é o sexto remuíño máis grande do mundo. Segundo a mitoloxía céltica, unha meiga, Cailleach Beara, utilizaba o golfo para lavar a súa roupa, deixando branquísimos os seus panos, que maxicamente se tornaban no manto de neve cubre as terras altas de Escocia durante a invernía. Ilustres navegantes que cataron as súas augas do remuíño foron o escritor George Orwell e, en 1945, os cineastas Michael Powell e Emeric Pressburger que teimaron en gravar alí algunhas escenas da súa película I Know Where I'm Going!, aínda que a perigosidade do Corryvreckan os fixo finalmente desistir. Aquel feroz turbillón de auga épicas foi tamén escenario das proezas de Breachan, un rei viquingo, que ousaba amarrar o seu barco preto das engulintes augas do Corryvreckan para impresionar a un bélida (e atá aquel momento desinteresada) princesa. Nun lance desafortunado, as centripetadas augas tragaron o barco e a Breachan que salvou a vida grazas á intervención providencial dun can que o arrastrou até a firme terra. Moitas veces o remuíño parece engulirnos de vez, pero sempre acode un amigo, un can ou unha cativa esperanza que nos tira dalí e nos deita na terra, nesa firme e acolledora terra que axiña abandonamos porque de novo Corryveckran chama por nós.

15/10/2005

Treboada perfecta

A finais de outubro e principios de novembro, na costa oriental norteamericana, grandes masas de ar frío continental baten con correntes quentes procedentes do océano Atlántico formando frecuentemente fortes treboadas que son chamadas Nordeasters. En outubro de 1991 as Nordeasters en formación avivecéronse pola súa converxencia co furacán Grace dando orixe á Treboada Perfecta ou a Halloween Storm. A Treboada Perfecta emerxeu cun poder destrutivo estarrecedor e os contábeis das catástrofes estiman que os seus estragos sumaron varios centos de millóns de dólares e un cento de vitimas mortais en terra, mar e nos negocios. Sobre ela, Sebastian Unger escribiu un sonado best-seller que co tempo serviu de guión da película que dirixiu Wolfgang Petersen e protagonizou George Clooney. Unger e Petersen recrean e ficcionan a odisea terminal do Andrea Gail, un barco pesqueiro que foi engulido por unha onda xigante formada pola treboada.

Ondas vagabundas

A existencia de ondas xigantes, babilónicas, de vinte ou máis metros de altura habita as narracións mariñas desde tempos inmemoriais. Do encontro brutal con elas quedan contos pero poucos sobreviventes. Testemuñas de ondas maiúsculas foron a tripulación do Queen Elizabeth II, que tivo que surfear cunha de 29 metros, e os traballadores da plataforma petrolífera Draupner, no Mar do Norte, que sofriron o abaneo doutra que tallaron en 21 metros. Nos contos mariños e no mar as ondas xigantes existen, os especialistas bautizáronas como rogue waves, ondas vagabundas. Tamén lles chaman, segundo me di B., ondas non negociábeis, porque o barco non responde a goberno ningún e a derrota máis probábel ten conduce ao ventre da onda e ao fondo do mar.

O seu ronsel desde o ceo

A súa procura dedicouse con especial acerto a Axencia Espacial Europea que impulsou o programa de investigación MaxWave e dispuxo dun arsenal de satélites para seguirlles o seu ronsel. Agora as lendas e a ciencia están de acordo: as ondas xigantes existen e maniféstanse cada vez con maior rapidez. Noutrora críase que, estatisticamente, se producía unha cada 10.000 anos, non é tal: son moito máis frecuentes e estudos, perdidos na literatura gris da Axencia Espacial Europea, levan identificado, nos últimos anos, dez ondas de alturas superiores ao 25 metros. Fórmanse naquelas zonas onde vagas ordinarias se atopan con correntes oceánicas, que concentran a súa enerxía, aleitando así unha ondaxe aínda maior. Outro mecanismo de formación son ventos que se manteñen durante máis de doce horas no seo de grandes treboadas e que axudan a agrandar as ondas que se moven co mesmo paso ca eles. A onda vagabunda que, hipoteticamente, papou o Andrea Gail durante a Halloween Storm tiña esta orixe.

Coda

Reparo nas ondas vagabundas porque este é o seu tempo, na veciñanza dos Santos e Difuntos, co alento do Samaín na caluga. Na miña contorna levan tempo formándose frontes de treboada de signo distinto que camiñan con paso dedicido ao encontro de furacáns menores, maiores e medios. Nutrida de ventos e correntes fondas a job wave que se aproxima é formidábel, altísima e abusiva. Un xa non reza, pero cruza os dedos para convocar a sorte do Queen Elizabeth II ou da Draupner e zafar coma ben se poda para non acabar como xerfa derrotada pola vaga laboral. Pero non é a única onda brutal, cando se achegan os cen días de Nova Xunta, o balance de expectativas deita aos meus pés, unha ondiña cativeira, frouxa e eslaiada de cambio político, cangada de prudencias excesivas e inxustificadas, de silencios cómplices, de explicacións políticas sempre tan complicadas, e sobre todo dese tristón aggiornamento gobernamental que ameaza con clonar os faceres e dicires da Vella Xunta. A onda de desencanto medra rapidamente en min e adopta, intransixente, a forma dunha onda non-negociábel, ingobernábel e voceira de adiantadas derrotas.

11/10/2005

Urxencias sanitarias

Leo en El País de hoxe unha reportaxe sobre as condicións de traballo dos Médicos Internos Residentes nos servizos de urxencia. A miña experiencia de campo destes días pasados indica que todo o que se conta é verdade e que non se conta toda a verdade. Lolo ponme ao tanto, telefonicamente, da súa viaxe ao inferno das urxencias viguesas con Cabrafanada e corrobora os males do sistema. Listas de espera, calidade da atención primaria e mellora dos servizos de urxencia deberan ser prioridades sanitarias da Nova Xunta. Está en xogo a nosa saúde e a de servizos públicos fundamentais. Tamén a credibilidade do novo goberno. Os gobernantes son valorados polos gobernados polo que lle poñen no plato e, tamén, polo trato que lle dan en caso de doenza, catástrofe e guerra. Agás en materia bélica, o bipartito ten responsabilidades e competencias en todo o demais. Urxen solucións.

Segunda vaga

Regresou para vingarse. Con maior fiereza. chea de rancor. Estomballoume durante hora e media na que o venceu todo: a bolsa da auga quente, a buscapina, o baño fervendo... Cando me dou unha tregua marchei a urxencias co repertorio de consellos de Brétemas baixo o brazo. O «pitufo» cortou de vez a dor. E alí ficou o meu corpo durante dez horas de observación, analíticas e ecografías. A mesma diagnose: cólico nefrítico. O mesmo tratamento: auga, nolotil, antibióticos preventivos e descanso. Ela retirouse prudentemente. Segue aí. Ela quere volver. Eu seino.

09/10/2005

Dor

Entre unha chamada de Cesare que pasea por Atocha e a escrita dunha nota sobre as eleccións autárquicas en Portugal, sinto a trabada da dor. Coñezo os síntomas: os afiados dentes dun cólico que prende no meu ril. É sabida esa agonía, é a segunda vez que asalta. Chámanlle «o parto dos homes», alguén me ilustrará máis tarde. Tardo vinte minutos, que parecen vinte días, en botar fóra a onda da dor. Despois comeza peregrinaxe polo sistema sanitario. Chego ás 9.50. Tardan 30 minutos en clasificarme. O corredor está ateigado de xente. Convócanos polo altofalante ante un médico que pregunta pouco e anota silandeiramente nun formulario. Anuncia unha análise de mexo, outra de sangue, e esquécese da pertinente placa de raios X. Retorno ao corredor cun botiño de plástico e a promesa dunha chamada. A dor minguou pero segue aí. Deito o meu mexo doorosamente no botiño. Análise de sangue, trinta minutos máis tarde. Son as 22.50. Un ATS amigábel extrae tres tubiños de sangue e anuncia apesarado que tal e como están de petados no laboratorio, os resultados tardarán de dúas ou tres horas. O anuncio é unha chamada á fuga que el desaconsella por razóns legais e administrativas; hidratación e analxésicos propón a cambio da miña permanencia. A dor sabe que vou facer algo contra dela e contrataca con ferocidade. Mareo e trousada. O nolotil marcha polo baño abaixo. Esbrancuxado fago vinte minutos máis de corredor. Unha médica (novísima) repasa o meu caso. Auscúltame e dilixentemente fai preguntas para precisar unha diagnose que é sabida pero que non me comunica. A dor dime ás claras que un cólico nefrítico e ela unicamente me anuncia que me van facer unha placa. É atenta e interesase pola dor. Doulle conta do fracasado tratamento analxésico e dáme buscapina. Retorno ao corredor. A paisaxe é pouco prometedora. Aumentan as caras novas, pero ninguén marcha mentres os altofalantes seguen boureando nomes e números de sala. Sabedora da ofensiva da buscapina a miña dor arreponse e sulágame nunha segunda onda de sufrimento e bocalladas. A buscapina segue a mesma rota que o nolotil. Transparente, vou dar a un corredor do abatemento, a espera e o abandono. A megafonía segue coa súa ladaíña. Perdo a noción do tempo até que son chamado a Raios. A calidez de trato do radiólogo que fai pensar nos mellores amigos. Resolve eficientemente e confiando nas persoas, que non no sistema, volvo a miña bancada no corredor. Na espera a dor adormece e teño tempo para ler prensa gratuíta e comprobar o podente negocio que existe naquel cemiterio da paciencia: bocadiños, cafés, botes de refresco, froitos secos, patatillas, augas, pasteis... unha enxurrada de produtos contra a fame e o fastío que caen co mesmo ritmo que os cartos miúdos dos que agardan. A dor retorna desganada coa nana do altofalante. Pasan horas. Sen noticias das probas, coa paciencia liofilizada polo sono, cando son as 3.50 horas, L. asalta ao amigábel ATS para se ocupe do meu caso. As caras do corredor mudaron, un mozo motorista, unha palida muller que terma do seu pai, un matrimonio idoso resisten o reconto de caras familiares. Baixo o pressing anuncian que xa vai. Nuns minutos, cando faltan dez para as 4 da mañá, escoito o meu nome pola megafonía, agardan por min na sala 2. Un doutor novísimo, inexperto e desbordado dime o que xa sei: foi cun cólico nefrítico, hai unha lixeira inflamación no ril. Hidratación, analxésicos, dieta e coidados preventivos. Consulte ao seu médico de cabeceira. Preguntamos pola demora na atención e na entrega dos resultados. Deféndese cun mitin sobre os políticos e a falta de medios. Recoméndanos que votemos por quen quere que haxa máis médicos en urxencias e outros enxeños na mesma liña populista e autoesculpatoria. Preguntamos polas follas de queixa. Retruca que alí non hai follas de reclamación que aquilo é un hospital, que diso hai nos restaurantes... Segue farfullados contra os políticos e reivindicando máis médicos e mellores condicións laborais. Entereirase por nós da existencia do Servizo de Atención ao Doente. Sae para saber onde podemos facer a reclamación. Infórmanos. Agradece que protestemos pero advirtenos por activa e pasiva de que non vai servir de nada. Pregúntame se me vai o nolotil. Dígolle que si. Está nervioso e receita buscapina. Pregúntame se son pensionista (Dóeme máis que o cólico, tan vello me vexo?). Ás catro saimos rumbo á casa. Parada auxiliar nunha farmacia para procurar buscapina e seguranza. Chega unha mensaxe polo móbil. O médico quedou cos papeis da miña alta. Asumo a miña nova condición de sen-papeis sanitarios. Prométome non volver alí. Non, non esta noite.

08/10/2005

A necesidade dos estraños

Hai 21 anos des que Michael Ignatieff escribiu A necesidade de estraños, libro no que reflexiona sobre o vencello que unha boa parte da Humanidade ten respecto de persoas estrañas, alleas e foráneas, das que dependen para poder sobrevivir. As ONGD son un instrumento do que se valen persoas estrañas para achegar condicións de benestar e sobrevivencia aos cidadáns inexistentes dos países empobrecidos do Sur. Noutra parte, Ignatieff moe no mesmo gran e anota: «Se queren sobrevivir non teñen máis remedio que depositar a súa esperanza na máis terríbel relación de dependencia: a caridade de persoas descoñecidas.» Hai uns días a Coordinadora Estatal de ONG de Desenvolvemento daba a coñecer o Informe Percepción social de las ONG. Así nos ven que achega moita luz sobre a consideración que a cidadanía ten da cooperación internacional e das organizacións da solidariedade non gobernamental. Conmove decatarse do grao de descoñecemento que as persoas consultadas teñen sobre as ONGD (máis dun terzo non atinan a dar o nome de ningunha delas), ou sobre os (moderados) esforzos que os gobernantes fan por dotar dos fondos necesarios ás políticas de axuda e desenvolvemento (moitos cren que o Goberno español achega xa o 0,7% dos seus orzamento a axuda oficial ao desenvolvento). Moito máis abraia, se temos en conta o impacto producido no seu día pola Campaña a prol do 0,7% ou se atendemos á proliferación exponencial das organizacións-non-gobernamentais na nosa contorna. É un agre paradoxo pero que descoñecidos seguen a ser os que axudan a eses pobres descoñecidos.

Recursos e humanos

Din que a economía é a ciencia da asignación de recursos escasos e susceptíbeis de usos alternativos para a satisfacción de distintas necesidades; se é así, levo unha semana moi económica, dedicando unha boa parte da miña xornada laboral a ver como podemos facer moitos cestos con poucos bimbios e aínda menos cesteiros. Asisto a milagres económicos e a descubertas fascinantes produto da contabilidade creativa, e enxergo apampado que alguén suma 2,5 persoas onde eu dou contado até catro. Handicap insatisfactorio? Posibelmente. Pero tamén, grazas ao andazo gripalleiro e a vacacións serodias que deixan o cadro de persoal trufado de ausencias, podo exercer de xornalista a tempo parcial e escribir sobre sondaxes e temas dos que gosto e aos que hai meses que non lle podo dedicar apenas tempo.

07/10/2005

CSI-Galiza: autopsia electoral

O CIS achega cun certo atraso as conclusión dunha sondaxe feita na resaca da derrota do Partido Popular en Galiza. Unha presada de datos que desmiuzan unha sorte de autopsia electoral no tempo final do fraguismo e botan luz sobre o posicionamento e posibilidades de futuro de cada unha das forzas políticas en Galiza.

A enquisa, antes que nada, verifica a mesma tendencia ao cambio político que triunfou nas urnas o 19-X, ofrece unha lectura moi crítica da xestión terminal de Manuel Fraga e ratifica que a maioría das persoas consultadas cren nas bondades dun cambio de goberno que se entendía como «bastante necesario» ou «moi necesario».

Case un 59% dos enquisados valoraban a xestión do PP na Xunta como «regular, mala ou moi mala», pero o 75% desas mesmas persoas cualificaban a acción de goberno de Rodríguez Zapatero como «regular, mala ou moi mala», unha avaliación fortemente negativa. A contundencia deste dato bota por terra a tese, aplaudida e compartida pola maioría dos analistas, de que o avance electoral socialista en Galiza era unha consecuencia do «efecto ZP».

Se lle facemos caso aos resultados do CIS, a meirande parte dos electores atribúen escasa relevancia á calidade dos líderes ou á idoneidade dos candidatos, tan só o 8% dos encuestados decide o seu voto atendendo a este factor, e a capacidade de xestión do partido tampouco é moi significativa á hora de definir as preferencias xa que apenas un 8% a toma en consideración na súa elección.

As tres variábeis que máis pesan na elección da candidatura son a súa capacidade para defender e representar os intereses de Galiza (para un 39% dos encuestados), a coincidencia de ideolóxica (para un 21%), e a lealdade ás opcións de voto practicadas con anterioridade (para un 15%). Capacidade de protexer intereses e de conseguir beneficios, proximidade ás ideas e valores, e lealdade ás escollas previas sinalan os termos de referencia do comportamento electoral da maioría dos galegos e galegas. Eses factores explican o avance socialista máis cabalmente que o «efecto ZP».

Na consideración do factor de proximidade (ideolóxica ou de intereses), o PSdeG é o partido máis favorecido: un 27,2% dos entrevistados valórao como unha organización cercana ou moi cercana, mentres que o Partido Popular ten esa mesma consideración unicamente para o 24,9, e o BNG –«a forza da xente»– éo tan só para o 21,6% dos consultados.

A coincidencia ideolóxica beneficia igualmente ao Partido Socialista. O 29,8% dos entrevistados identifícanse cunha política de centro, o 26,3 coa esquerda, un 7,5 coas posicións máis radicais da esquerda, un 14 coa dereita, e un 3,8% coa dereita máis conservadora. Aos ollos dos electores o BNG preséntase coma unha organización xenuinamente de esquerdas, mentres que o PSdeG ten clarisimamente un perfil de «centro-esquerda».

A brecha que arreda a posición atribuída a cada partido e a posición ideolóxica que se outorga cada elector a si mesmo é moito maior no caso do BNG que do PSdeG (e mesmo que na do Partido Popular). O deslocamente que ten que facer a franxa de votantes desencantados, maioritariamente situados no centro e a dereita, é inmenso para achegarse ao BNG. Por outra banda, a marca de identidade –«nacionalismo galego»– que máis subliña o BNG é unicamente compartida por unha de cada catro persoas consultadas.

A tradición, baixo a súa forma de lealdade ás opcións electorias previas, favorece ao Partido Popular e ao PSdeG e moito menos ao BNG a organización que ofrece unha evolución histórica máis cismática e fracturada.

Unha ollada as dúbidas de elección que aleitan aos indecisos achega razóns substanciais que explican a recuperación electoral do PSdeG e as dificultades do BNG. Máis dun terzo dos dubitativos non tiñan claro se decantarse polo BNG ou polo PSdeG, e un 13% máis non se decidía por apoiar ao PP ao PSOE. Marxinais, tan só o 2,5% dos consultados, eran os que se debatían entre entregar o seu apoio ao BNG ou ao PP. A fronteira que o BNG ten co PSdeG no segmento dos indecisos é significativamente ampla e, polo tanto, moi inestábel baixo os efectos do voto útil. Unha utilidade do voto que, finalmente, se inclina a prol do PSdeG como consecuencia da súa maior proximidade aos cidadáns.

En fin, que o CIS deixa un nobelo embarullado de causas nas que deberían remoer os ideólogos da estratexia de diferenciación de marca que agora mandan no BNG, os mesmos que aleitan a ideoloxización extrema e inoperante da organización, os que recean da busca de novos mediadores sociais ao tempo que se entregan á fascinación do poder mediático (que agora garante a presenza na Xunta) e que asisten hipnotizados ao xurdimento dunha podente «nova clase política nacionalista». O CIS ofrece razóns para reflexionar e os outros motivos para preocuparse.

02/10/2005

O Consello de Pontevedra

Coma se se trátase dun reality show, El Correo Gallego saca á luz as denuncias de José Manuel Pereira contra os finados Castro Sampedro e Filgueira Valverde. Pereira acúsaos de «fraude intelectual de grandes dimensións» por falsificar a historia de Pontevedra, máis en concreto naquilo que toca á constitución do gremio de Mareantes, que ambos os dous polígrafos fan xermolar no século XVI e que Pereira data moito máis serodiamente no século XIX. Dos beneficios que lle reportou a Sampredro semellante deturpación histórica nada di o xornal, que recolle, non obstante, declaracións de Pereira que indican que «Filgueira levou a invención até as súas derradeiras consecuencias, a raiz de nomearlle o gremio socio honorífico». A historieta xornalística evoca a trama da fábula O Consello de Exipto de Leonardo Sciascia, onde o abade Vella, que malvive vendendo lotaría, promove unha falsificación dun códice que remexe os alicerces da sociedade palermitana do século XVIII, deslexitimando os dereitos de propiedade das familias nobres e reforzando o papel da Monarquía Absolutista en Sicilia que se mostrará especialmente xenerosa co fraudulento historiador. Sciascia recorre á historia dunha impostura para lembrarnos que, na maioría dos casos, a mesma Historia é unha impostura.
Coda. É unha mágoa que o celo pola historia do xornalista que redactou esta apaixonante reportaxe se vexa empardecido por un descoido: nunha das "claves" coas que adorna o seu artigo, escribe: «Fue Enric Hobsbwan [sic] a principios do século XVII o que acuñou o termo "gremio"...». Eric J. Hobsbawm certamente é vello, naceu no 17, non no século XVII, senón no ano 1917. Deberían corrixilo urxentemente, calquera podería acusar a El Correo de «fraude histórico de grandes dimensións».

01/10/2005

Accidentes laborais

A factoría semella estes días a pista dun aereoporto, hai un tráfico continuo. Unhas parten e outras aterran. Hoxe tivemos despegue con destino a San Caetano. E antes de quince días outra tera un de cine. Alguén bromea que a xente entra e sae tan rapidamente que non tes tempo de aprenderlles o nome. Hoxe, accidentalmente, tamén descubro o aprezo que me teñen algúns dos colegas da fábrica. Compobo unha vez máis que (afortunadamente) non falta enxeño e humor. Grazas a eles despido a semaña laboral cun sorriso. O luns algún vaise enteirar... o outro tardara algo máis, está lonxe gozando de vacacións e amoríos (suponse).