Mostrar mensagens com a etiqueta Da amizade. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Da amizade. Mostrar todas as mensagens

31/12/2009

2010


Quería axuntar palabras nunha composición de bos desexos para o ano que imos estrear pero por cousa da amizade quixo que mas puxera nas mans Antón Baamonde. Nunha peza da súa
A rosa sen por qué, que titulou «O difícil», pódese ler o que ben desexo para 2010:
Hai un poder que ten sempre que ser vencido, e aínda que non poidamos ser enteiramente satisfactorios, e aínda que, como o escribiu Eliot, «ninguén é tan perfecto para pretender cambiar a outras persoas», temos que supoñer que os demais agardan unha resposta, e admitir que todas as existencias están interconectadas, e que non sería honroso recear de que non está aí o alivio, nin a voluble bondade.

E aínda que fagamos o terríbel descubrimento de que a «a xustiza non é suprema, e a inocencia non constitúe ningunha protección», como o fixo nunha apracible tarde da súa infancia Robert Fry, tamén debemos saber que existen a compañía, a modestia e a cortesía do corazón, e que o menos que podemos facer con algunhas persoas é rodealas, abrazalas e bicalas: dicirlles que as queremos.
Que en 2010 sexan abrazados, bicados e queridos.

28/11/2009

Obituario

Entregouse ao silencio, di que de vez, lonxe da galheira. Era un dos grandes desde que se roturou a primeira blogleira. Comecei a lelo nos tempos bravos nos que don Xesús Alonso Montero non sabía quen era María Yáñez. Sumando retallos de vida entre as súas letras souben da identidade carnal de Cesare para logo telo como compañeiro en impensábeis labores, como amigo dos que cómpre non perder e, agora tamén, como tío agarimoso de meu fillo Henok que agarda polo seu regreso para que lle aprenda inglés. Non vou dar tecleado todo o que lle debe o dono deste curruncho de paso. Con tristura mansa teño que aceptar esa súa decisión de suicidar posibelmente as mellores balas literarias da imposíbel blogoesfera galega, quizais Cesare non necesitase delas pero moitos de nós aínda si. Mais seguirá facéndonos felices coas peciñas que talla coa súa navalla, coas ocorrencias do amigo Moore, con algunhas traducións impensábeis, con ensaios provocadores, coas súas literaturas inconvenientes e cos seus fugaces trilos. A perda d'As túas balas é tristeiramente tolerábel, o insoportábel sería a desaparición de Cesare.

22/05/2009

Trilos: A Voz

Camiño da (outra) Voz, da voz da amizade e a da liberdade, das voces das que sempre coida Marcos.

08/01/2009

Bueno

A poucos días da morte de Marijé Díaz, antiga compañeira de aventuras militantes, chega coa noitébrega a mala nova do pasamento de Agustín Bueno. Todo o que se diga da bondade de Agustín ha de quedar en testemuño apoucado. Non podo gabarme de ser o seu amigo, nin de tratos persoais maiores, funlle un admirador na distancia longa e benefícieime da súa bondadosa achega a través de persoas interpostas que o tiñan por amigo de corazón.

Crente galego, de tolerancia infinita, de modestia amigábel e entregas xenerosas, Bueno era un facilitador das mellores causas e unha peza imprescindíbel para calquera iniciativa social ou solidaria que botase raíz no barrio do Castiñeiriño, un dos máis vizosos laboratorios da acción comunitaria en SCQ.


Estou certo que Bueno compartía a cartografía que tracexou o teólogo valenciano José Ignacio González Faus cando fixou que «a terra está dividida en tres únicos continentes: o das vítimas, o dos indiferentes e o dos comprometidos». Unha forma humildosa de describir a vida de Agustín sería dar conta da súa enxeñaría solidaria para tender pontes entre o continente do compromiso e o das vítimas, e para roubarlle terra, aire e razóns ao mundo dos indiferentes.


Como o premio Nobel da Paz, Elie Wiesel, sabía que «actualmente a crueldade máis grande é a indiferenza» e que «coñecer pero non actuar é unha forma de consentir as inxustizas». Ao coidado da xustiza dedicouse con enteireza, foi unha loita admirábel e de logrados froitos. Raiola, Irimia, a Asociación de Veciños do Castiñeiriño, o movemento de crentes galegos... e mil iniciativas máis tecéronse coa axuda das mellores fibras de Agustín Bueno, un home bo ao servizo do ben dos demais. A súa familia, amigos e conveciños están de loito, o mellor da humanidade tamén, perdeu a un dos seus.

23/10/2008

Caro Amigo escribe

Caro Amigo escribe sobre invisíbeis emocións de seres anónimos que se apagan nun non-lugar desmemorizado e atemporal. Nun arrabalde avellentado e envellecido, nunha casa ausente con paredes que coutan todas as súas lembranzas, Home Vello entrégase cada día a unha ollada instalada na rutina e nunha espera pautada por automutilacións, dores de baixa intensidade e pouco sangue que se acompañan coa escoita xorda das voces do televisor.

A fiestra (in)discreta enmarca a unha penélope en fase terminal, Muller Vella, que tece un pano de negrura no balcón. Ao veciño de soidades fronteirizas Muller Vella vaille armando (sen sabelo) outro horizonte, recuperándolle a Home Vello un tempo para si. Da desmemoria retorna unha canción wolof que saúda cada pór do sol e Home Vello revive. Mentres Muller Vella malla un tramado de pano que a desaparece, un envurullo que consome a súa solporizada vida e alumbra, con axuda da cesarea dun final Home Vello, o primeiro fío do destino solitario dunha outra Muller Vella chamada a tecer a todas as horas.

Caro amigo escribe e fai así máis luminosa a cerna do xornal co que remato un día que foi sinalado tamén polo recoñecemento grande das letras doutro admirado imaxinador de emocións. Súmome aos parabéns.

01/10/2006

Capa / contracapa

Da liquidación de existencias compostelás de Cesare tócame como aloumiño unha instantánea enmarcada de Robert Capa. É a debatida fotografía do miliciano anarquista abatido (ou non) no Cerro Muriano o 5 de setembro de 1936. Procuro as referencias da imaxe no álbum Fotografías de Robert Capa que editou Aperture en 1996. Un agasallo doutro benquerido amigo que vai acompañado duns versos de Jaime Gil de Biedma, pertencen ao seu poema «Volver»: «Porque sueños y recuerdos tienen fuerza / para obligar la vida / aunque non sean más que un límite imposible». Mentres escribo reparo no escorzo imposíbel do miliciano Federico Borrell García que cae. Sobre el, pendurada, está a marcha firme e decidida do Quarto Stato de Giuseppe Pelliza da Volpedo. Ao seu carón, Jorge e Diana agatúñanse na estatua dun idoliño de illa Zapatera. Estampas dunha educación sentimental que me deixa moitos cariños aprendidos que serven de pano de fondo á erudita, algo excesiva e clásica máxima de Marco Tulio Ciceron: «Un amigo é un segundo eu.»

22/09/2006

Saída

Hai tempo escribiu: «Este é un espacio baleiro. Non teño necesidade de dicir nada. Quizais só necesito buscar a saída correcta da cidade, antes de que estean todas cortadas polos operarios do asfalto.» Agora si que ten razón: deixounos hoxe cun infinito espazo baleiro. Xa atopou a saída correcta da cidade. Hai tanto que dicir, pero non será dito. De cando en vez bote a ollada atrás, sentirá os pasos latexantes da súa nosa tribo. Será inmensamente libre e, ao tempo, estará amarrado a nós pola corda da amizade e a memoria. Ninguén dos nosos vai aliviarlle eses atumes; ao contrario, apertaremos con firmeza os nos. Que a fortuna faga como a maré, que o leve e nolo traiga de volta, axiña, urxentemente, unha e outra vez. Desista, nunca se poderá ir tan lonxe como para que deixe de estar con nós. Non insista.

01/09/2006

Cara ao equinocio

A nave aos poucos baleirase. R. marchou hoxe para entregarse a súa aventura equinocial. Se os clientes son minimamente amadores da beleza, haberá de irlle ben, moi ben. Que a fortuna lle multiplique graciosamente toda a xenerosidade que ela inviste. Pasou unha tormentosa e intensa tempada mirando pola caligrafía das nosas imaxes. Como noutrora fixera Penélope, teceu píxeles para dar cor e forma aos nosos ollos. A diferenza da raposeira grega, R. remataba sempre as súas faenas dixitais sen agardar polo retorno serodio de extraviados viaxeiros. Foise cunha presada de amigos e amigas deibaxo do brazo e cun fardel ateigado de agarimos e ilusións. Ela sempre gustou de propoñer viaxes por espazos indómitos, hoxe sentimos algo de tristura por non poder acompañala nesta súa nova singladura de indomesticábel liberdade. Sempre terá un porto de recalada na querencia da nosa desorganizada cuadrilla de albaneis da información. No malecón, uns sentimos a anguria da despedida, outros teñen as maletas a medio facer, ela xa partiu.

29/08/2006

Xan

Sei por Brétemas do seu pasamento. Una semana antes dixéronme da maldita doenza que o levou. A algúns afortunados coidounos sempre coa súa inqueda curiosidade, cunha viva intelixencia e cunha agarimosa apertura de ideas. Sen el moitos non veriamos o mundo como hoxe o vemos. Sen el a Galiza que se adianta aos tempos e que vive no mundo tampouco sería como esperanzadamente hoxe é.

07/06/2006

Nada máis importante

Releo Servabo, as mínimas memorias de Luigi Pintor, cando van alá tres anos do seu silandeiro pasamento. Un libro non venal co que agasallaba a revista Debats a principios dos incertos anos noventa. Alí o idoso militante anota: «O que máis conta son as cousas cotiás que artellan a vida e lle dan continuidade. Son innumerábeis cousas que apreman cada vez máis a medida que pasan os anos, os meses, os días. Poñer orde, proxectar, distraer, frecuentar persoas, lugares e estacións, e despois acompañar e soster cando as forzas fallan e o corpo se prega sobre si mesmo. En toda a vida non hai nada máis importante que inclinarse para que outro, pasando o brazo polo teu pescozo, poida volver levantarse.» Acompañando a unha amiga que vén de perder ao pai, reparo na importancia de sumar pescozos amigábeis e queridos.

14/12/2005

Lázaro, letras, loito

Por Brétemas sei do pasamento de Lázaro Enríquez. Confío, e prego, en que na noite dos premios da edición honren o seu nome. Ninguén o merece máis cá el. A súa valía humana é máis grande que a nosa dor que hoxe é moita, moitísima, infinita. Pendurado da parede máis vistosa da casa está o galano caligráfico dos amigos cando abandonei a fabrica de libros: as feitucas letras de Lázaro reproducen palabras propias e a feliz palabra de todos: Liberdade. O seu trazo alegre, rebelde, teimoso e combativo vaime acompañar sempre, na vida e na memoria da súa grandeza como persoa e artista.

12/11/2005

Pintura / Esgrima

Van Groten e o (non tan) novo aprendiz hai tempo que só ven os trazos tenebristas dos lenzos do outro. Decidiron renunciar cada quen, ao seu xeito, á luz e á cor. Usan de tempo acó pinceis como dagas e o xogo da pintura tornou en ruda esgrima. Ningún dos dous é quen de ver canto amor hai nas estocadas e todo o que hai de agarimosa caricia nas cicatrices que se deixan nos amolecidos corpos. Eu que son cego daría parte do resto da miña vida para que comprendesen toda a inútil beleza que encerra o seu duelo. O (non tan novo) aprendiz non quere saber que é xa un grandioso mestre. Van Groten sábeo ben, pero cálao xa que o seu peor pesadelo é velo partir para levar luz, cor e esceas nunca imaxinadas a calquera outro deses estudios que andan a montar para a súa mellor gloria os necesitados condottieros do novo goberno da nosa cidade-Estado. No cansanzo do combate, Van Groten confesa ao cego que non pode ver, nin pode dicir, que mesmo a pesar da dor das feridas matina en entregarlle ao (non tan novo) aprendiz a mellor paleta de pinturas, o seu máis querido xogo de pinceis, a dirección do estudo que nos dá de comer. Faino cun oco na caixa do peito que só pode encher a confianza ou o receo. E na enconada pelexa non hai tregua para acalmadamente elixir. Parece comprender nas súas angustiadas lucideces que co seu sangue nunca han de pintar o fermoso cadro que reclama o lenzo branco da memoria futura e a amizade. O cego, que non pode dicir, hai anos que non cre na bondade do mundo nin nos finais felices que o burgueses adoitan encargar para os seus cadros, pero sabe da vontade de homes e mulleres por gañarse no día a ración de felicidade e das doorosas pegadas que isto na alma deixa. O cego, que perdeu a vista en atroces batallas que agora lle relembran o duelo dos noutrora amigos pintores, desexaría ser xuíz para deter o estéril combate. Mais non é xuiz, tan só e cego e ten comprometido o seu silenzo. Con todo, as súas mans son aínda libres e por iso escribe estas as súas últimas vontades.

26/07/2005

Domingos, mestre de xadrez

Houbo cea de amizade e homenaxe a Domingos Merino Mexuto. Anunciounos que el non se retiraba. Que así sexa. Houbo que armar palabras de saúdo e agarimo. Domingos, no remate do acto, pediu que todas aquelas gabanzas as puxeramos por escrito para que servira como aval por se tiña que pedir un préstamo. Recupero da memoria improvisada estas palabras polas que non creo que lle adianten nin un peso.
Todo dirixente político ten unha estrutura profuda que é a que, por cabo, lle acaba dando forma á súa acción pública. A estrutura fonda de Domingos Merino é a dun mestre de xadrez. O xadrez é un xogo de normas indiscutidas, de regras inquebrantábeis, por iso é con moita diferenza o deporte máis limpo, o máis nobre, o único no que está proscrita de vez calquera trampa ou trapallada. Hai espazo para a estratexia, para as estrataxemas, para a intelixencia e a creatividade mais non para o trangallada fuleira, a mentira e o xogo sucio. A acción política, pública, partidaria e persoal de Domingos Merino armouse con libre intelixencia, pensadas estratexias e mesmo habelenciosas estrataxemas, pero nunca sobre base da falsidade e a impostura. Iso ensinounos o mestre xadrecista que leva dentro.
A lexitimidade das normas libremente aceptadas é parte constitutiva do ser político de Domingos Merino. O recoñecemento incondicional das regras, das regras como fundamento do proxecto político e a lealdade inquebrantábel caracterizan a andaina de Domingos no PSG, na primeira Unidade Galega, no PSG-EG, na segunda Unidade Galega e no BNG. Tocoulle, ás máis das veces, xogar coas pezas negras, disputar nunha posición de desavantaxe á que sempre se enfrontou con ilusión e na que colleitou, en non poucas ocasións, amarguras e inxustas derrotas. De Domingos aprendemos a necesaria lealdade aos proxectos do país mesmo cando nos toca apandar coas negras. O xadrecista que viaxa baixo a súa pel foi nesta difícil arte un teimudo mestre.
Con todo, hai un xogada na que nunca se prodigou Merino: o enroque. No debate e na confrontación de ideas nunca gustou de se encastelar, de pecharse na seguranza do enroque dogmático e, moi ao contrario, foi amigo de se embarcar en arriscadas aperturas. Novas ideas e dialogos sen atumes coa sociedade e as súas emexerxentes demandas trazan a biografía política de Domingos. Nada máis lonxe do resistencialismo dos «poucos pero escollidos» que a disposición dialogante e aperturista do noso mestre de xadrez.
Como bo xadrecista, Merino gusta tamén de repasar as partidas perdidas, co seu ronsel de dores, maniotas na intelixencia e leccións frustrantemente adeprendidas. A historia do primeiro alcalde nacionalista da Coruña volve unha e outra vez en forma de agre biografía, pero tamén como un monumento ao compromiso coa política limpa, socialmente entregada e entendida como servizo público a prol dos cidadáns menos favorecidos.
No taboleiro do xadrez Domingos aprendeu axiña que o sacrificio de pezas é un lance imprescindíbel e obrigado. A entrega de fichas de gran valor como paso necesario para salvar outras de menor valoración pero maior importancia en estratexias futuras foi unha achega na que nos tivo que convencer o mestre xadrecista. Hai que dicir que o único sacrificio ao que se mostrou proclive Domingos foi á imnolación da propia ficha e así o demostrou nos procesos de renovación polos que sempre avogou deixando o seu posto dispoñíbel. Privándose el de voz deunola a moitos outros que poidemos ser donos dos nosos acertos e erros, acertos que sempre aplaudiu e erros dos que nos axudou a tirar o maior proveito.
Si, para a miña idea, a alma profunda de Domingos Merino é a dun mestre do xadrez. E non hai maxisterio sen dignidade como cada día nos ensina Domingos Merino. Grazas mestre.

28/05/2005

Elas

Son a visualización da renovación do BNG. Malia ter un curriculo vedraño na acción política, social e cultural, ambas as dúas achegan unha forma nova de estar e facer política: directa, amábel, ilusionante. Imaxinación igualitaria. Intelixencia mesturada con solidaria humanidade. Saben ben que a felicidade é tan indispensábel para a cidadanía como a liberdade. Son a forza emerxente do País Novo. Se queremos un futuro mellor, cabaleiros, fáganse a un lado!

13/03/2005

Reencontros

Vou ao sur para acompañar a dor dunha amiga. Recupero parte do meu modus vivendi de anos pasados: acordar cedo; tren; lecturas; escribir con liñas abaneadas polo avanzado estado de descomposición dos carrís. Descuberta de artefactos como o Nexios e de novos controis de acceso (para lembrarnos a traxedia do 11-M?). Verifico o intento fallido da alcaldesa por converter a miña nunha cidade-repolo. Atopo a vellos colegas da fábrica de palabras. Cabrafanada abandonou a súa invernación e recupera o pulso literario coa primavera e a chegada da liña teléfonica ao rural, e iso é unha moi boa noticia entre tanta dor. Intercambio perplexidades con Lolo sobre a marcha da nosa cousa común. Recupero algo de paz no xantar cos do meu clan e reconto a idade dos meus e a miña propia idade. Tren. Lecturas. E escribo en caderno abaneado este post que agora transcribo cun acusado mal de señardade. Boto unha última ollada á ría dos galeóns.

04/02/2005

Tipografia da amizade

O proxectista da fábrica retorna da súa razzia meridional. No fardel, un galano, unha desas pezas que abren a porta da señardade: o Manual tipográfico de Giambattista Bodoni. Un librino feituco, editado máis para acariñar que para ler. João Bicker mándalle un limiar (útil) que titulou «O duro desejo de durar», polo que di nel sei que, para Bodoni, a beleza dos textos residía na letra e asentaba en catro virtudes fundamentais: Regularidade, Nitidez, Bo Gusto e Graza. Regularidade, Nitidez, Bo Gusto e Graza, sabía Giambattista da existencia de Cesare? Quizais a amizade non sexa máis que o duro desexo de durar na memoria. Durará.