12/10/2006

Pasado futuro

Pasaron desapercibidos. 834.000 millóns de euros. É o saldo do gasto militar mundial. Nunca se investira tanto na industria bélica. Nin nos anos máis entolemiados da Guerra Fría houbo semellante gasto nos tarecos da morte e da destrución. No cuadrienio 2000-2004 as vendas das empresas armamentísticas acrecentáronse nun 70%. Un lucrativo e espectacular salto cara a ningures. No envés da mesma páxina do xornal anuncian que a esta altura do calendario, a Humanidade xa gastou os recursos ecolóxicos que lle correspondían para 2006. Abocados por este sobreconsumo nos trimestres que resta tocará tirar do capital ecolóxico de vindeiros anos e das vindeiras xeracións. Todo isto ocorre nos mesmos días en que a pantasma nuclear ocupa primeiras planas de xornais e moitas horas de emisión. Parece un apresurado devalo cara ás décadas do mundo bipolar dos anos sesenta e setenta. Carreira armamentística, ameaza nuclear e desbaldo dos bens naturais... aínda que pareza un retorno ao pasado, quizais só sexa un malagoirante anuncio do futuro, agora que se despexan os últimos espellismos da fin da historia e do advenimento do capitalismo feliz. Acaso só sexa unha mala semana...

Sem comentários: