14/03/2007

Identidades de gardarroupa

En As cidades invisíbeis Italo Calvino escribe: «É inútil decidir se hai que clasificar a Zenobia entre as cidades felices ou entre as infelices. Non ten sentido dividir as cidades nestas dúas especies, senón noutras dúas: as que a través dos anos e das mutacións seguen dando a súa forma aos desexos e aquelas en que os desexos ou ben logran borrar a cidade ou son borrados por ela.» Quizais esta tipoloxía das cidades sexa válida para as nacións e haxa que preguntar a cal dos dous tipos pertence Galiza.

Somos incluíbeis entre as nacións que seguen a modelar os desexos colectivos dos seus cidadáns? Hai que contarse entre os malfadados países que son esborranchados polas querencias dos seus habitantes? ou, noutra sorte, Galiza era unha nación pero xa borrou de vez as vontades e degoiros de ser dos seus cidadáns?

Unha lectura de orde da nosa historia dirá que a cidadanía galega acadou unha forma estábel nos 25 anos da Galicia autonómica, callando un espazo de participación democrática e exercicio do autogoberno compatíbel, sen maiores estridencias, coa pertenza ao Reino de España. Arquitectura cidadá que ten expresión nunha sorte de identidade política tenue que se funda máis nunha dupla nacionalidade que no conflito dunha comunidade cismada pola convivencia de dúas identidades (digamos) nacionais claramente confrontadas.

Desde 1985 os cidadáns que, en Galiza, din ser «só españois» se sitúa no 5%; o Barómetro da USC de 2006 sumou o 5,8%. Desde mediados dos noventa, os que se consideran «máis españois que galegos» acantóanse no 5%.

Os «só galegos» tiveron unha fase alcista, de 1985 a 1997, cando se pasou do 7 ao 10%; e unha regresiva até o seu mínimo de 3,5% en 2006. A baixa afecta tamén os que se apuntan como «máis galegos que españois»: en 1985 eran o 27% e o 23% en 1997, atinxían o seu mínimo –19%– en 2001 e no último quinquenio asentáronse no 22%.

Quen din ser «tan galegos como españois» teñen o seu máximo en 2005 –66%– e o seu mínimo en 1993 –52%–. A sondaxe de 2006 rexistrou un 61,5%.

O quiñón dos «tan galegos como españois» é o caladoiro electoral fundamental das forzas políticas galegas. En 2005, o PPdeG arrepañou entre eles o 69% dos seus votos; mentres que a súa fracción electoral españolista sumaba tan só o 11%. O PSdeG contabiliza nos «tan galegos como españois» o 71% dos seus votantes; e o BNG suma neles o 49% dos seus sufraxios.

A industria da conciencia nacional galega, ao que se ve, tivo nos últimos cinco lustros un pobre impacto. Formateada como opción militante e operando cun tramado cultural e mediático moi fráxil, foi impotente para tornar o sentimento diferencial dos galegos nunha identidade política máis comprometida co país. Como acción civil achegou unha proposta moi rebaixada nas súas capacidades de inclusión social e como oferta institucionalizada nunca foi practicada.

Non ha estrañar logo que no (fallido) novo Estatuto de Autonomía a cuestión identitaria tivese unha centralidade absoluta xa que sería quen de achegar lexitimidade e recursos de goberno para promover unha identidade galeguista máis xenuína. Malia que se quixo presentar como un extravío na floresta dos símbolos, o debate identitario estaba cargado de razóns prácticas ao igualar competencialmente a Galiza con outras nacións do Estado, pero sobre todo porque outorgaba ás institucións galegas unha nova posibilidade para activar cidadanía en clave nacional e para retomar o galeguismo como estratexia de cementación da sociedade civil ao redor das nosas capacidades de autogoberno.

O galeguismo na era Fraga tornouse nunha «ideoloxía de gardarroupa» destinada a cambiar a apariencia para deixar, tras o ritual institucional, todo tal e como estaba antes. O noso recoñecemento (mesmo preambular) como nación sentaba as bases de lexitimación para enterrar 25 anos de construción de Galiza como unha «comunidade de antroido»; en ocasións solemnes vestida simbolicamente como «nacionalidade histórica» pero obrigada cotiamente a non se expresar xamais como proxecto cidadán soberano. Co Novo Estatuto, Galiza podería darlle forma nacional ao desexos dos seus cidadáns; un convite á imaxinación democrática que, malfadadamente, os donos de negacións pasadas se ocuparon de eivar.

Publicado en Tempos Novos # 117 (febreiro 2007), pp. 89-90

1 comentário:

Nygard disse...

Moi dacordo Sr.Ian; o Fraguismo foi unha lousa no aumento da conciencia nacional galega...

Quizais difira na importancia que puidera ter o preámbulo do estatuto neste obxectivo; sen querer ser excesivamente determinista... tamén iso sería consecuencia da longa noite fraguiana.

Sobor do nacionalismo, téñoo mantido en máis dunha ocasión na defensa da aposta por ser goberno, por xogar sen complexos no establishment político. Para exemplo Euskadi e Catalunya... e o asentamento da súa identidade nacional nos seus governos "moderados" nacionalistas.