Mostrar mensagens com a etiqueta Nacións. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Nacións. Mostrar todas as mensagens

14/03/2007

Identidades de gardarroupa

En As cidades invisíbeis Italo Calvino escribe: «É inútil decidir se hai que clasificar a Zenobia entre as cidades felices ou entre as infelices. Non ten sentido dividir as cidades nestas dúas especies, senón noutras dúas: as que a través dos anos e das mutacións seguen dando a súa forma aos desexos e aquelas en que os desexos ou ben logran borrar a cidade ou son borrados por ela.» Quizais esta tipoloxía das cidades sexa válida para as nacións e haxa que preguntar a cal dos dous tipos pertence Galiza.

Somos incluíbeis entre as nacións que seguen a modelar os desexos colectivos dos seus cidadáns? Hai que contarse entre os malfadados países que son esborranchados polas querencias dos seus habitantes? ou, noutra sorte, Galiza era unha nación pero xa borrou de vez as vontades e degoiros de ser dos seus cidadáns?

Unha lectura de orde da nosa historia dirá que a cidadanía galega acadou unha forma estábel nos 25 anos da Galicia autonómica, callando un espazo de participación democrática e exercicio do autogoberno compatíbel, sen maiores estridencias, coa pertenza ao Reino de España. Arquitectura cidadá que ten expresión nunha sorte de identidade política tenue que se funda máis nunha dupla nacionalidade que no conflito dunha comunidade cismada pola convivencia de dúas identidades (digamos) nacionais claramente confrontadas.

Desde 1985 os cidadáns que, en Galiza, din ser «só españois» se sitúa no 5%; o Barómetro da USC de 2006 sumou o 5,8%. Desde mediados dos noventa, os que se consideran «máis españois que galegos» acantóanse no 5%.

Os «só galegos» tiveron unha fase alcista, de 1985 a 1997, cando se pasou do 7 ao 10%; e unha regresiva até o seu mínimo de 3,5% en 2006. A baixa afecta tamén os que se apuntan como «máis galegos que españois»: en 1985 eran o 27% e o 23% en 1997, atinxían o seu mínimo –19%– en 2001 e no último quinquenio asentáronse no 22%.

Quen din ser «tan galegos como españois» teñen o seu máximo en 2005 –66%– e o seu mínimo en 1993 –52%–. A sondaxe de 2006 rexistrou un 61,5%.

O quiñón dos «tan galegos como españois» é o caladoiro electoral fundamental das forzas políticas galegas. En 2005, o PPdeG arrepañou entre eles o 69% dos seus votos; mentres que a súa fracción electoral españolista sumaba tan só o 11%. O PSdeG contabiliza nos «tan galegos como españois» o 71% dos seus votantes; e o BNG suma neles o 49% dos seus sufraxios.

A industria da conciencia nacional galega, ao que se ve, tivo nos últimos cinco lustros un pobre impacto. Formateada como opción militante e operando cun tramado cultural e mediático moi fráxil, foi impotente para tornar o sentimento diferencial dos galegos nunha identidade política máis comprometida co país. Como acción civil achegou unha proposta moi rebaixada nas súas capacidades de inclusión social e como oferta institucionalizada nunca foi practicada.

Non ha estrañar logo que no (fallido) novo Estatuto de Autonomía a cuestión identitaria tivese unha centralidade absoluta xa que sería quen de achegar lexitimidade e recursos de goberno para promover unha identidade galeguista máis xenuína. Malia que se quixo presentar como un extravío na floresta dos símbolos, o debate identitario estaba cargado de razóns prácticas ao igualar competencialmente a Galiza con outras nacións do Estado, pero sobre todo porque outorgaba ás institucións galegas unha nova posibilidade para activar cidadanía en clave nacional e para retomar o galeguismo como estratexia de cementación da sociedade civil ao redor das nosas capacidades de autogoberno.

O galeguismo na era Fraga tornouse nunha «ideoloxía de gardarroupa» destinada a cambiar a apariencia para deixar, tras o ritual institucional, todo tal e como estaba antes. O noso recoñecemento (mesmo preambular) como nación sentaba as bases de lexitimación para enterrar 25 anos de construción de Galiza como unha «comunidade de antroido»; en ocasións solemnes vestida simbolicamente como «nacionalidade histórica» pero obrigada cotiamente a non se expresar xamais como proxecto cidadán soberano. Co Novo Estatuto, Galiza podería darlle forma nacional ao desexos dos seus cidadáns; un convite á imaxinación democrática que, malfadadamente, os donos de negacións pasadas se ocuparon de eivar.

Publicado en Tempos Novos # 117 (febreiro 2007), pp. 89-90

07/11/2006

RG # 2: Outras voltas

Coa alborada radiofónica valoramos a constitución do goberno de Entesa que hoxe estrean ilusionados os antigos socios do pacto do Tinell. É unha sorte que a cidadanía lles outorgase unha segunda posibilidade para dirixir o autogoberno de Cataluña, unha fortuna que non deberan derramar nesta súa segunda estadía no poder. Ponse fin así ás especulacións estratéxicas do PSOE, evidenciase unha maior autonomía da esperada por parte do PSC e confírmase a agre decepción de CiU que fica fóra do goberno outra volta.

O triunfo (aparente) do zapaterismo neutralizando a Pascual Maragall vólvese teimudamente agora na súa contra. Substituíuse a Maragall para reeditar o que Maragall faría mellor e en mellores condicións. A solución Moncloa –promover a alianza socioconverxente– fracasou pola recuada electoral do PSC que se viu privado dun dos seus principais capitais: o President.

A maior sorpresa para moitos analistas foi verificar que as caixas de contabilidade electoral do PSC e do PSOE non son coincidentes. Non todo o excelente para o PSOE é bo para o PSC, nin todo o que é óptimo para o PSC é beneficioso para o PSOE. A asimetría de interese causa ronchas na Moncloa, desautoriza a Ferraz e intranquiliza aos baróns consolidados (Chaves), flotantes (Ibarra) e mergullados (Bono).

A tentativa da dirección do PSOE de impoñer un cogoberno socialista-converxente con Artur Mas como President e José Montilla en papel de socio complementario tería consecuencias desastrosas para o PSC e unicamente sería razoabelmente practicábel para os intereses dos socialistas cataláns se Montilla ficaba electoralmente por diante de Mas ou se a suma de PSC+ERC+Iniciativa non fose suficiente para garantir unha nova coalición gobernamental.

Entesa ou suicidio

O PSC foi durante lustros un partido de goberno fóra do goberno, con capacidade, lideratos, poderes locais e apoios sociais suficientes para soster unha alternativa gobernamental en Cataluña. O dominio do pujolismo bloqueou durante vintecatro anos que a súa presenza gobernamental se tornase realidade. Aceptar agora unha posicición subordinada a CiU sería tanto como aceptar a súa excepcionalidade como forza gobernante e deixar aberta a porta á inmediata hexemonización por parte de Mas de toda a acción da Generalitat. A aperta do oso baixo a forma dunha Gross Koalition suicida.

Montilla mira pola súa supervivencia e a do PSC, sabedor de que toca superar as turbulencias da etapa constituínte do primeiro tripartito e que a esa mesma estratexia está máis que disposta ERC que padeceu, coma ninguén, o seu arredamento do goberno, a soidade da defensa das posición soberanistas cando o Referendo do Estatut e que ademais estaba ameazada por una irreversíbel devaluación dos seu apoios parlamentarios en Madrid. A estratexia cooperativa beneficia a todos e moito máis beneficia cando se fai efectiva entre iguais.

Agravíos e opcións de futuro

Certo é que a decisión do PSC entala a materialización franca da nova política de alianzas moncloviana que pasaba por procurar socios menos estridentes e que tiña postos os seus ollos en Galeuscat. Agora CiU, burlada e abandonada á súa sorte, pode estar tentada a procurar acordos (de momento imposíbeis) co Partido Popular; mesmo hai quen entende que a decepción converxente é un excelente argumento para que Mariano Rajoy force, ou tente, un xiro centrista que permita antes das eleccións xerais reconstruír o imaxinario dunha plural confederación de dereitas autónomas para evitar o triunfo do PSOE.

Especulacións interesadas, ou proxectos de futuro tanto ten, os problemas electorais do PSOE non proveñen do espazo da esquerda senón da súa capacidade de cativar o voto centrista, morno, moderado que non se dá decidido a entregarse aos imprecisos proxectos de Rodríguez Zapatero.

Leccións aprendidas?


Da experiencia catalá pódense tirar algunhas leccións aplicábeis ao teatro de operacións galegas.

Primeira. Os cidadáns valoran positivamente as gobernabilidades tranquilas, refugan dos gobernos crispados e inestábeis. Estase disposto a apostar por unha coalición sempre e cando se ofrezan garantías de sostenibilidade ao longo prazo.

Segunda. A cidadanía estima máis a política como acción que como marco de acción, quérese dicir que valora máis os esforzos por trazar liñas de políticas públicas que atallen, resolvan ou palien problemas, que os esforzos por construír as arquitecturas do poder; ao claro: vale máis un ben gobernar que un excelente Estatuto.

Terceira. Quen rompe o equilibrio paga, quen renove liderados atendendo a cuestións exclusivamente domésticas (PSC) ou se instale por moito tempo nas políticas simbólicas (ERC) acaba por ver minguada a súa audiencia, quen ofrece unha política con menores derivas e estridencias ideolóxicas, quen aposta
polo proxecto conxunto de goberno resulta, en caso de crise electoral, premiado (Iniciativa per Cataluña).

Cuarta. Se se impón unha axenda política moi selectiva, sen atender a problemas emerxentes e agudos, déixase marxe suficiente para o xurdimento de alternativas como Ciutadans, aparentemente antisistémicas, que han de servir para expresar políticas e necesidades non satisfeitas. Coma botón de mostra, o lema do Partido Galeguista de Manuel Soto é tan claro como intelixente: «Nin os de antes, nin os de agora».

Quinta. Só en contadas ocasións os cidadáns defraudados polas promesas de cambio [de réxime] están dispostos a renovar a súa confianza nos partidos que non cumpriron. Non estou certo de que, como dicía
Jean-Baptiste Alphonse Karr, a felicidade se compoña de infortunios evitados; estou máis convencido, iso si, de que que os gobernos triunfantes se aleitan de expectativas non frustradas.

21/09/2006

Pequeno, grande, imperio e nación

Ferran Sáez Maezu, nas Culturas de La Vanguardia, repara no ensaio Grandes imperios, pequeñas naciones que Josep M. Colomer entregou á fábrica de Herralde. Achéganos unha lectura amábel e empática para presentar a tese nuclear de Colomer. Non é orixinal, pero é certeira: grandes imperios e cativas nación son dúas realidades emerxentes, determinantes do máis próximo futuro.

Fronteiras mutantes e democracia afianzadas delimitan un escenario político que fai posíbel o autogoberno de comunidades de pequeno tamaño agora liberadas dos corsés da moeda propia, do seu inevitábel exército e mesmo da blindaxe alfandegaria das súas fronteiras económicas. Estes agromantes espazos de autogoberno amplíanse além dos patróns esgotados dos vellos Estados-nación.

O estado de carimbo westfaliano non dá para máis: demasiado cativo para garantir un tramado económico e produtivo solvente para garantir unha provisión sostíbel e equitativa de bens e servizos aos seus cidadáns; demasiado grande para animar procesos participativos e estruturas democraticas tan eficaces como accesíbeis ás demandas da sociedade civil.

A asociación supranacional, obviamente, non ten porque desembocar nunha forma imperial, moi ao contrario a República imperial é unha organización política antagonista e non catalizadora dunha democracia sólida, esixente e fundada na participación dos seus cidadáns. O Imperio encora sempre o exercicio das soberanías plurais que aniñan no territorio do seu dominio.

Ferran Sáez formula a pregunta –«Que significa hoxe a soberanía?»– e ofrece unha contundente resposta: «Estar ou non estar na mesa onde se toman as grandes decisións. Colomer e Sáez non se extravían: esa mesa é a Unión Europea. Colomer vai un pouco máis alá: «Un catalanista [léase tamén galeguista] consecuente debería ser «máis europeísta, máis atlantista». Non concordo. O atlantismo é un dos principios activos do Imperio. O europeísmo pode ser unha eficaz vacina para protexer a nosa democracia e as nosas capacidades de autogoberno fronte á absorvencia negadora e autoritaria do Imperio, de calquera imperio, teña este a súa capital en Washington ou en Bruxelas.