Estamos de paso e sen folla de ruta. Xogamos ao ensaio e ao erro. Non pretendemos quedarnos. «Ninguén chega tan lonxe como cando non sabe onde vai» deixou dito don Oliverio Cromwell. Abofé que el foi ben lonxe, mesmo chegou a executar a un rei, a un auténtico rei inglés. Unha revolución que se (auto)estime non pode aspirar a menos. Nós contentámonos con menos, válenos ben estar tan só de paso. A nosa é unha camiñada anónima e sen grandes aspiracións. Facer calquera cousa modesta (como cortarlle a cabeza a un rei inglés) e despois desaparecer.A camiñada dura xa cinco anos e nunca pensei certamente en chegar tan lonxe. Neste tempo xogamos ao ensaio e ao erro e apuntámonos éxitos modestos, grandiosos erros e monumentais fracasos. Coma ninguén chega tan lonxe como cando non sabe onde vai, sigo de paso, tentando facer cousas aínda máis modestas que decapitar un rei.
Houbo unha tempada na que polas miñas ocupacións como perito da política estiven en ningures. Mais retornei e voume quedando.
Non hai grande cousa que celebrar pero un quinquenio é un quinquenio e era de xustiza facer un galano aos lectores e transeúntes que nos acompañaron de paso. Un algo que poidan conservar cando De paso desapareza que tamén lle ha de tocar. Ese galano é A novísima dereita e nós, un modesto libro en formato pdf, onde se acolle escritos publicados en De paso e Caderno de paso, spin off que aniña agarimosamente A Nosa Terra Dixital, mais tamén axunta as «Noticias de ningures» que acolle Tempos novos e artigos de «Disparando aos reloxos» que publico en galiciadiario.com.Por deformación profesional sei que non hai nada máis arbitrario que un acoutamento cronolóxico. Os textos que reproduzo están encaixados entre dous marcos discutíbeis: a sesión de investidura como presidente de Alberto Núñez Feijóo e a celebración da manifestación convocada por Queremos Galego o 18 de outubro. É dicir que van desde o inicio do goberno da novísima dereita e a data na que masivamente se lle deu contestación a unha das súas políticas centrais: o abandono por parte da Xunta de Galicia do mandato normalizador da nosa lingua e cultura.
O ascenso da nosa novísima dereita, que fixo triunfar o Movemento 1 de Marzo, acompáñase do apodrecemento da dereita postaznarista que tenta liderar Mariano Rajoy. Emerxencia e devalo son a día de hoxe dous procesos abertos, sen concluír. A penas está iniciada tamén a procura, por parte das forzas progresistas e nacionalistas, dunha estratexia colaborativa para impedir a consolidación da hexemonía dos conservadores en Galiza.
Por esa razón, seguiremos facendo exercicios cos que pensar escribindo e, de paso, axudar a que abrolle un tempo novo para as políticas de transformación e avance do noso autogoberno.
- Aquí pode descargarse A novísima dereita e nós (.pdf, 996 Kb).




