Mostrar mensagens com a etiqueta Incendios. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Incendios. Mostrar todas as mensagens

12/05/2009

Trilos: Coartada incendiaria

A autoinculpación como grandeza moral: mellor puteros que incendiarios.

17/08/2006

De números e virtudes

Os ciclos da natureza transpóñense á política. Despois dos lumes, chuvia. Chuvia de cifras. Tras as chuvias, erosión. Erosión do goberno. O Partido Popular apresurouse coa súa contabilidade catastrófica: 175.000 hectáreas. Con todo, os números son aterradores mesmo nas súas magnitudes máis modestas: 77.000 hectáreas, o 2,6% da superficie de Galiza; máis de 1.200 vivendas estiveron ameazadas polo lume; houbo catro mortos e unha manchea de feridos; consumiuse o 6% das reservas de auga do país nas tarefas de extinción... e as perdas dos moitos damnificados aínda non comezaron a ser sumadas.

O Partido Popular maximiza a destrución e minimiza o número de incendios para agrandar así o fracaso do dispositivo de extinción. Houbo poucos lumes pero ardeu moito, fallou a organización e a dirección do servizo de extinción. Desvíase a atención dos incendiarios cara aos responsábeis políticos, rexéitase a excepcionalidade da campaña de lumes de 2006 e non se recoñece a existencia dos chamados lumes estratéxicos, menos aínda de nada que poda ser tildado como terrorismo forestal. Incapacidade, ineficacia, inexperiencia. Un argumentario simple, facilmente usábel. Como subprodutos de consumo popular: satanización de Nunca Máis, camuflaxe de responsabilidades na política forestal de varias décadas, aparicións espectaculares nas zonas cero de crise pero só en controlados cotos electorais do PP. Santificación dos alcaldes. Glorificación dos gobernantes do Prestige, das vacas tolas e de dezais anos de lumes estivais.


Os clásicos estimaban a prudencia como a principal virtude política. A nosa dereita non é nada clásica, é moi moderna, modernísima e, en consecuencia, frívola, epidérmica e falsaría. Grazas á dereita (pero non só), a democracia tórnase en moitas ocasións nun vertedoiro de demagoxia e desinformación. Cando o Partido Popular se instala no goberno practica como norma suprema non a prudencia senón a pasividade; cando lle tocan as bancadas da oposición simplemente se entrega ao oportunismo e ao seu irmán bastardo o alarmismo.


Desbotada polos conservadores, a esquerda das liberdades e das nacións debería tomar a prudencia como bandeira propia, a prudencia e mais a súa irmá nada compracida, a crítica. Como deixou escrito Octavio Paz: «A prudencia está feita de sabedoría e enteireza, afouteza e moderación, discernimento e persistencia na actuación.» A crítica será necesaría para idear unha política contra o lume e a prol dos nosos bosques que sexa un exemplo notábel de coherencia, claridade de obxectivos, teimosía nos medios destinados, persistencia nas vontades, habilidade negociadora, capacidade de integración, e intelixencia para comunicarlla aos cidadáns. Os números unicamente nos deixan ese camiño. Todo o resto aínda o podemos elixir libremente nós.

13/08/2006

Os dous alfredos

A primeira ofensiva da campaña de lumes de 2006 cuase infartou o dispositivo de extinción artellado pola Consellaría de Medio Rural, pero este verán de lapas e fumes ademais puxo en primeiro plano o déficit de seguridade que padece Galiza.

Cando melloren as cousas, compriría non perder de vista a carencia de políticas de seguridade que magoa na actualidade ao Autogoberno galego. Galiza non ten trazado un Plan de Riscos, pero podemos recoñecer ben evidentes déficits; problemas de siniestrabilidade vial; incendios e abundantes delitos ambientais de baixa e mediana intensidade; e inseguridade marítima e carencia de medios de socorro e protección no litoral sinalan algúns dos principais capítulos. Problemas de seguridade cidadá que deberían dimensionar as funcións e recursos da Polícia Autonómica que realmente necesitamos. Toca investir en seguridade vial, ambiental e marítima.

Agora o servizo de prevención-extinción está tolleito por non dispor ademais dun dispositivo de investigación e persecución do crime focalizado nos lumes provocados. O binomio prevención-extinción é insuficiente, necesitamos dunha triade para ser realmente eficaces: prevención-extinción-investigación policial. A Xunta de Galicia e mesmo o Estado adoecen actualmente de capacidade punitiva para a persecución da criminalidade que convoca esta ondada de incendios. A impunidade favorece a reiteración criminosa e o dano multiplicado.

Na actualidade, un eixo de necesidade política une aos dous Alfredos: a Pérez Rubalcaba e Suárez Canal, a combinación do labor policial e da acción de extinción apúntase hoxe en día como a única estratexia practicábel para atallar os incendios criminais e o incendios debidos á neglixencia e ás causas naturais. Despois haberá tempo para enfiar planos máis requintados.

Cando se levante o fume da crise do verán de 2006, paradoxalmente moitas destas cuestión volverán ser invisíbeis ou acabarán engulidas polas rutinas das políticas que arrastramos do pasado. Na Xunta de Galicia, as inercias aínda poden máis que a vontade innovadora, o convencional cotiza máis que o rupturista, o cortopracismo embafa a ollada estratéxica.

Para enfrontar os incendios necesitamos un novo modelo de política forestal e de extinción, para encarar aos incendiarios unha nova Policía Autonómica e para corrixir a desestruturación social que fende as comunidades rurais novas políticas de benestar que reduza a vulnerabilidade das persoas maiores ás que deixamos abandonadas ás súas forzas nas nosas aldeas e casaríos. Se non o facemos así a campaña do lume de 2007 será aínda moito máis destrutiva e rematará por consumir as limitadas enerxías que fixeron posíbel o cambio político en Galiza.

12/08/2006

A procura da trabe de ouro

Hoxe rebrotou un lume cativo no bosque encinzado que temos a carón da casa. Afogámolo sen problemas. Aproveito a camiñada para percorrer o que queda da que foi unha fermosa carballeira. Unhas voces chaman a miña atención. Vou á súa procura. Dous homes e unha muller, nos sesenta ou setenta anos. Pregúntanse polos marcos, traen planos das partillas e unha bolsa na que se asoma un spray. Afusquinadamente procuran as pedras cardinais das súas herdanzas e están listos para poñer marcas de propiedade na madeira queimada. Veñen cartografar o territorio das súas futuras indemnizacións. Nos anos que tiveron que limpar o monte nunca apareceron. O día do lume tampouco. Acoden agora, chamados pola economía da catástrofe que lles anuncia –como na lenda pero ao revés– que a trabe da cinza pode tornarse na súa trabe de ouro.

Política de terra queimada

Cesare esta empeñado en facerme pai da teoría da conspiración, pero non creo que me dea convencido para que acepte semellante paternidade. Estratexia difusa (como afirma Vázquez Pumariño) ou concentrada (como el teima en imputarme), tanto me ten, pero estou convendido, iso si, de que hai é unha lóxica de intereses diferentes / complementarios / alternativos que constitúen un combustíbel delitivo suficiente para prenderlle lume ao monte todo. Que non haxa un centro reitor que organiza a tropa incendiaria e que funcione como franquía ou concesionario de resentementos paréceme secundario. Sería espectacular que a mafía incendiadora tivese unha única cabeza con capacidade para trazar e operativizar un plan tan maleficamente medido. Espectacular porque nun país no que predomina o microfundio organizativo e descoordinación como cultura resultaría abraiante dar semellante salto adiante estrutural.

Para a estratexia difusa abonda con espontaneismo, a imitación e unha complicidade suicida, e diso o país está provisto de máis. Hai poderosos intereses económicos, previsións de lucro, perda de ingresos previstos... Hai grupos e persoas descontentas, hai xente atrapada nos males da cabeza, hai sobradada capacidade para saber facer o mal moi ben, hai explicacións exculpatorias suficientes, hai omertá familiar para evitar que a desgraza tinture a todos os do clan. Hai, en definitiva, un sumatorio de recursos anticomunitarios o suficientemente grande como para soster unha política de terra queimada. Non creo que haxa un Plan Director da Política de Terra Queimada, nin tampouco o seu Consello de Administración ou Estado Maior.

Sospeito, logo, que o foco principal da desputa en torno á teoría da conspiración céntrase sobre se hai intencionalidade política en toda esta guerra de lumes e devasas. Non creo que sexa discutíbel que en converxencia coa campaña do lume está a campaña do Partido Popular que entende que esta é unha excelente ocasión para erosionar ao Goberno Bipartito (Algo máis claro que a tese fraguiana da correlación gobernos de coalición = máis incendios?). O partido dos conservadores desexa aproveitar a catástrofe para legalizar a súa política de desfiuzamento do monte galego e a santificación da industria do lume que axudou a crear. A súa base militantes está implicada activamente na descalificación revanchista de Nunca Máis, ao tempo que pretende rehabilitar aos seus dirixientes da súa incompetencia identificando a crise do Prestige coa guerra incendaria. E, en medio do caos, quere reforzar o papel salvador dos seus alcaldes cos ollos postos nas vindeiras eleccións municipais.

Trátase dese mesmo Partido Popular que se opon frontalmente ás tres políticas que a ofensiva incendaria quere levarse por diante: unha nova política de desenvolvemento que non nos desertice o monte e o rural, unha xestion sustentábel do territorio e os seus recursos; e a contención do urbanismo salvaxe.

Sen hai aire non hai lume. Ben que me gustaría saber quen achegaron as chamas primeiras que iniciaron esta guerra despiadada, pero non teño ningunha dúbida sobre quen lle dá aire, moito aire político e mediático. Son eses mesmos señores que nos desgobernaron durante décadas e que agora se ofrecen para salvarnos do lume, da incompetencia e da falta de políticas. Terríbel retorno ao pasado.

Estes días, as xentes das brigadas repítennos que ao lume nunca hai que perdelle a cara, que é un ser traizoeiros, que sempre quere gañar, e que non lle importa o prezo da súa vitoria. Magnifica definición da talentosa estratexia do Partido Popular. Ao eles tampouco se lle pode perder nunca a cara.

O principal efecto negativo da confirmación da trama incendiaria (difusa/concertada/concentrada –rísquese o que non proceda) é crer que todo o que se fixo está ben feito, que basta con persistir e non que non hai nada que emendar, corrixir e mellorar. Neste coma noutros moitos casos, queima máis a compracencia que a reflexión autocrítica.

10/08/2006

A visita

Produciuse a visita esperada pero nunca desexada. Revivíronse os medos de hai dous anos cando o lume quixo papar a aldea nova. As lapas achegáronse vorazmente pola ruta prevista e previsíbel. Sen resistencia. Sen oposición. Para tornar o lume só había mangueiras de xardín e ramallada; motobombas insuficientes e persoal da extinción canso e derrotado, vencidos pola teimosía dos incendarios. E moitas mans baleiras. Mans baleiras espantando Impotencias, raibas e pánicos colectivos/personais intransferíbeis.

Desde a anterior visita do lume nada mellorou. Cercados por matogueiras e bosque abandonado que nunca se rareou, onte libraron a autorización para proceder a limpeza do perímetro da aldea. Chegou cando xa non era necesario. As labaradas fixeran o seu traballo. A burocracia é máis lenta que o lume. Fallou a prevención. Funcionou penosamente a extinción. Confiemos ter mellor fortuna coa repoboación e a reconstrución forestal.

Onte pagámoslle o seu tributo ás eficientes lapas. Elas deixáronnos unha paisaxe de pesadelo, con formas reveladas pola cinsa e as chiscadelas quentes de xoguetonas lumieiras. Vixilámolas toda a noite exercendo de somatén cívico, facendo novos amigos e complicidades. Perdimos os bosques, gañamos lazos de veciñanza trenzados con solidariedade pero tamén cunha agrisada desesperanza. Un episodio máis da guerra contra o lume e o invisíbel exército de incendarios. Onte estivemos a piques de perdelo todo. Non foi así e ademais gañamos unha certeza: podemos vencer ao lume, pero o fundamental é ganarlles aos incendiarios, a eles e aos que lles tecen as coartadas.

09/08/2006

Onde hai fume, hai lume

Malia a teimosía de Cesare creo pouco nas teorías conspirativas. En calquera caso unha mala teoría (conspirativa ou non) é sempre mellor que a falta da teoría segundo afirmaba o vello Engels. Ademais son amador da novela negra e do folletín policiaco e de aí que diante dun feito criminal sempre me asalte a mesma pregunta: Quen ten un móbil? Neste caso a pregunta é: quen son os principais damnificados pola nova política de extinción prevención de Medio Rural?

Quizais, como no conto de Edgar Allan Poe, as evidencias incriminatorias están á vista de todos e por iso pasen doadamente desapercibidas. Moitas veces, a visibilidade excesiva agocha paradoxalmente a evidencia.

A escea do crime e o modus operandi

Na actual ondada de lumes forestais, mantéñense moitas das características dos incendios de pasados anos: unha inmensa maioría son provocados, pero a súa multiplicación intencional, na proximidade de núcleos de poboación e das vías de comunicación de gran capacidade, procura desta volta xerar alarma social, ademais de colapsar os dispositivos de extinción dos fogos entalando os seus efectivos e medios na atención preferente do lumes de nivel 1.

Ademais dos danos ambientais e económicos, procurase causar temor e, da man do malestar cidadán xerado pola inseguridade, provocar o desgaste político do Goberno bipartito.

A campaña de lume de 2006 aléitase, de certo, de moitas causas, pero procura, á vista de todos nós, un obxectivo eminentemente político: o fracaso da nova política de prevención e extinción de incendios ou, máis globalmente, o derrame da política agraria e forestal coa que está comprometida a Consellaría de Medio Rural.

Quen son os damnificados pola política agraria e forestal e a nova estratexia de extinción de incendios? Quen se sentirían máis motivados polo seu fracaso? Beneficiarios evidentes, pero aparentemente invisíbeis, son os propietarios e axentes inmobiliarios que procuran, directa ou indirectamente, unha recalificación dos terreos ardidos; os (des)empregados da «industria dos incendios» e os alcaldes que xestionaron de modo clientelar, nos últimos dezaseis anos, as brigadillas de loita contra o lume. De ser os damnificados, ou os principais beneficiarios dun fracaso da nova estratexia de prevención-extinción, a ser os autores materiais dos incendios hai un treito inmenso.

Por iso cómpre insertar unha advertencia preliminar.

Advertencia preliminar

Todo o aquí escrito é ficción que imita á vida real. Nada do dito é certo ou deixa de selo. Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. Non se dan nomes propios porque todo é anónimo. O que vén a seguir non é unha teoría, nin unha hipótese de traballo, simplemente é unha especulación, ou nin iso, é tan só a trama retorta dunha mala novela negra. Negra como a neboreira entolda o ceo da Amaía. Como o lume, as verdades incómodas queiman. Por iso non hai que xogar co lume. Nin coas verdades.


1. Os «apoderados» do lume e o tentador lucro inmobiliario

Por máis que falte aínda unha axenda precisa e programas plenamente operativos, a nova política de medio rural da Xunta de Galicia quere garantir os usos forestais e gandeiros dos nosos montes. A superficie de uso forestal supón o 70% das terras produtivas galegas cando no conxunto do Estado representa tan só o 38%. En Galiza ademais a superficie forestal arborada –fundamentalmente de coníferas, eucaliptos e caducifolias– duplica á estatal (o 34% fronte ao 17%), e os montes galegos incultos, abertos e colonizados polas matogueiras atinxen o 36% da superficie mentres que no Estado representan unicamente o 21%. Esta enorme reserva de recursos permítenos achegar máis dun terzo da madeira española, así como produtos de primeira transformación –aserrados e taboleiros– que suman, segundo algunhas estimacións, o 6% do noso PIB.

Nunha Unión Europea deficitaria en recursos madeirábeis, unha explotación racional e sustentábel dos recursos do bosque ben poidera ser un dos alicerces nos que estear novas estratexias produtivas para o desenvolvemento rural. Esta política bate coas preferencias dos axentes económicos interesados na recualificación dos usos desas superficies.

A tese é ben simple: vale máis o terreo que o que nel se produce. A desvalorización dos produtos forestais contrasta coas elevadas plusvalías e os lucrativos beneficios xerados pola actividade inmobiliaria. A conversión de amplas zonas forestais nun parcelario de solo urbanizábel sinala un apetecíbel «nicho de negocio», unha oportunidade que non se pode deixar pasar por alto.

O esgotamento do modelo de marbellización do litoral mediterráneo favorece que os ollos se viren cara os litorais menos saturados de Galiza. Adicionalmente, a concentración demográfica que se está a producir na Galiza da AP-9 multiplica a demanda de solos urbanízabeis no corredor A Coruña-Vigo.

Certo é que, segundo as leis vixentes, as superficies arboradas destruídas polo lume non poden ser recualificadas e han manter o seu uso orixinario durante 30 anos. Con todo, hai baleiros normativos e aplicacións máis que dubidosas do planeamento urbanístico que permite recualificacións máis ou menos camufladas.

Por outra parte, a destrución masiva de zonas de monte aumenta a «presión moral» sobre os lexisladores e un dos efectos da «economía da catástrofe» é sempre a liberalización dos corsés legais para facer efectiva unha compensación ás vítimas que, a poder ser, non recaia nos enfraquecidos tesouros do Estado.

Desprovistas os terreos de valor produtivo, como negarlles aos malfadados propietarios que, ao menos, unha parte das estragadas superficies arboradas se poidan tornar en terreos urbanízabeis? Como oporse se ademais sirve para fixar poboación a concellos en claro retroceso demográfico, cun importante quiñón dos seus habitantes moi envellecidos, que viven en situacións de vulnerabilidade social e cunha elevada taxa de dependencia respecto do servizos públicos de benestar?

A economía da catástrofe universaliza e sacraliza as excepcións normativas e, ao abeiro dunha compasión crematística, procurará ao medio prazo a reclasificación de terreos desbaldados polos incendios, xerando así unha bolsa adicional de terreos urbanizábeis a baixo prezo. Da catástrofe agromarán abultadas fortunas. Entre os antigos propietarios dos montes desfiuzados? Case que non, pero algunhas frangullas da grande torta inmobiliaria hanlles de chegar, isto é o mínimo que garante o mecanismo redistribuidor da economía da catástrofe.

2. Os perxudicados pola reconversión da industria do lume

Nas últimas décadas armouse unha potente industria do lume: en 2005 no Estado español facturáronselle 307 millóns de euros. O 66% do gasto público queimábase en labores de extinción, o 34% consumíase en labores de prevención. Desde 1989 a 2005 en Galiza dedicáronse ás tarefas de extinción ao redor de 800 millóns de euros. A existencia de incendios xerou perdas millonarias en bens económicos e ambientais pero tamén gorentosos beneficios para unha poucas empresas e intemediarios.

Desde o cambio de goberno adoitáronse unha serie de medidas –unhas máis tímidas, outras moito máis afoutadas– para impulsar a reconversión da industria do lume nun servizo de prevención e extinción. A facturación deixaba estar en relación coa variábel lume/extinción para desprazarse cara a variábel explotación do monte / prevención. Atendéronse con desigual dilixencia as recomendacións mil vez reteiradas para a preservación das masas forestais e a súa protección fronte aos incendios.

Para o ano 2006 a Consellaría de Medio Rural fixouse como obxectivo investir a mesma contía –50 millóns de euros– na explotación dos recursos forestais que no operativo para a apagar os incendios. En febreiro, Medio Rural despregábanse 150 cuadrillas -que integraban 1.100 persoas- en zonas de risco para atender tarefas de prevención, vixilancia e extinción de lumes. O período laboral das cuadrillas ampliábase de febreiro a setembro, concreción dunha vella máxima no sector: os incendios apáganse no inverno.

Outras medidas viñeron a por en marcha unha reorganización das unidades de intervención, negociacións e mobilización sindicais incluídas para desprecarizar as condicións laborais dos traballadores de extinción e axentes forestais. Tamén mudou o sistema de selección de persoal e os procedementos de contratación.

Cambiou substancialmente a composición das brigadas? Non o creo, cambiaron as súas condicións laborais (posíbelmente non tanto como que quixeran) e a relación coa administración contratante, e si quedou fóra dos case 5.000 efectivos que actualmente loitan contra o lume unha parte significativa dos antigos traballadores da industria do lume. Unha bolsa de descontentos que sinala o segundo gran segmento de damnificados polas decisión da Consellaría de Medio Rural.

3. Alcaldes desprovistos dun antigo recurso clientelar

O novo sistema de contratación e de convenios cos Concellos para a formación das brigadas de extinción neutralizou un dos máis clásicos recursos de redistribución clientelar. As brigadas de incendios cumpre a mesma funcionalidade que o Plan de Empleo Rural en Andalucía ou Estremadura. Crean un emprego precario e temporeiro que, porén, achega importantes ingresos a numerosas familias nos concellos rurais. A cambio fideliza en termos políticos e nese intercambio clientelar de favores por lealdades estéase o novo e o vello caciquismo. O repertorio de recursos clientelares é máis amplo, pero na tempada de verán a brigadas foron peza fundamental de suxeición política e social. Este tramado entrou en crise co cambio de goberno.

O desencontro de Medio Rural coa alcaldes do Partido Popular ven de vello. A paralización de 247 expedientes de obras decididas in extemis polo Goberno de Manuel Fraga puxo a Suárez Canal no punto de mira do todopoderoso sindicatos de alcaldes populares. Nas manifestacións enfervoadas diante do Parlamento de Galicia en novembro de 2005 berraban indignadísimos: «Con Suárez Canal o rural vai mal». Esta sorte de enemistades tardan en esquecerse.

Por iso a significación deste dato non é menor: 30 concellos, gobernados polo Partido Popular, negáronse a subscribir as condicións dos convenios con Medio Rural. A razón: a súa negativa a adaptarse aos novos criterios de contratación establecidos pola consellaría, baseados no seguemento estreito do proceso, con presenza incluída de técnicos da Xunta, e a esixencia de formación axeitada, co fin de evitar prácticas de clientelismo denunciadas en anteriores campañas contra o lume.

Alcaldes e redes clientelares diminuídas en recursos e capacidades sinalan o terceiro segmento de damnificados polas políticas de Medio Rural.

Advertencia final e reiterada

Todo o aquí escrito é ficción que imita a vida real. Nada do dito é certo ou deixa de selo. Calquera parecido coa realidade é pura coincidencia. O anterior non é unha teoría, nin unha hipótese de traballo, simplemente é unha especulación, ou nin iso, é tan só a trama retorta dunha mala novela negra. Negra como a neboreira entolda o ceo da Amaía. Como o lume, as verdades incómodas queiman. Por iso non hai que xogar co lume. Nin coas verdades.