Mostrar mensagens com a etiqueta Problemas malditos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Problemas malditos. Mostrar todas as mensagens

02/12/2009

6 a 1

Dolores Reig adianta en El caparazón un resumo persoal dalgunhas ideas forzas do último libro de Manuel Castells, unha potente reflexión na que desmiuza os vencellos entre o exercicio do poder e a a xestión da información. En Comunicación y poder, Castells fai por demostrar que as relacións de poder, as relacións primordiais da orde social ao longo da historia e en todas as culturas, se constrúen na mente das persoas a través de procesos de comunicación, de xeito que os vencellos entre a formación das crenzas e os fluxos e formatos de comunicación ben poderían ser consideradas, na súa idea, como «o código fonte da condición humana».

Así, para o mestre da UOC, quen «gaña a batalla da mente, gana a batalla do poder», sabendo que «o poder é algo máis que comunicación e comunicación é algo máis que poder. Pero o poder depende do control da comunicación, do mesmo xeito que o contrapoder depende de romper o devandito control».

680 páxinas ateigadas de suxestivas achegas e matinacións que agardan próximas lecturas. Como adianto rescatar tan só unha. Castells indaga sobre as estruturas fondas do que chama a «política do escándalo» que, no sufrinte Estado español, adoita vir encapsulada coa sonada «estratexia da crispación» e co uso electoral do medo. O sumatorio de escándalo, crispación e medo ten sempre por obxectivo a destrución (da imaxe, valores, propostas...) do antagonista máis que a afirmación do liderado, programa ou identidade política propia.

En Galiza sabemos ben como se conducen as estratexias de escándalo como primeira onda do desarme (in)moral do opoñente. Escándalo, deslexitimación, perda de crédito entre os propios, envalentonamento dos alleos, derrota. Ciclo que o Partido Popular xestionou con mestría fronte ao goberno bipartito coa axuda inestimábel da maioría dos grandes grupos de comunicación de Galiza ou daqueles cun peso determinante na audiencia galega.


Manuel Castells desvela unha relación contudente: un feito negativo ten 6 veces máis impacto que un feito positivo. A explicación bota raíces nas aprendizaxes primeiras da especie humana: a economía da atención dos homínidos estivo, desde as súas orixes, moitísimo máis polarizada cara aos elementos negativos da súa contorna, cara a todo aquilo que representaba risco ou ameaza para a súa supervivencia, que cara aos elementos que inducían a relaxación das alertas.

6 a 1. Traducido (sen maiores refinamentos): cada acción política negativa (xa sexa de pensamento, palabra, obra ou omisión) require para ser compensada de 7 accións políticas positivas. A inflación de erros, ou reiteración dos mesmos erros, fai aínda fai máis gravosa a relación de custes. Unha auténtica realpolitik da esquerda e o nacionalismo pasa por enfrontarse intelixentemente a esta desvantaxosa relación.

O abraio que nos produce que se valoren tan pouco as moitas e tan boas cousas que se fixeron, non ten en conta os descontos que producen os erros cometidos, os problemas desatendidos ou as demandas maltratadas. O xogo é bastante máis complicado: os exitos e acertos están desvalorizados, os fracasos cotizan moitísimo máis. Hai anos un redactor dun xornal sudista deixouno escapar como quen non quería a cousa: «Se tes un amigo que manda e, de verdade, queres axudalo non lle aplaudas os éxitos, apláudelle os erros e apúpalle os logros.» A min parecérame unha excentricidade enxeñosa, canta razón levaba.

Dirase, con razón, que os gobernos de dereita enfrontan tamén o 6 a 1, certo; hai, non obstante, tres elementos que axudan a rebaixar os custes dos seu erro dos gobernos conservadores.


Primeiro, segundo salienta unha morea de estudos de psicoloxía cognitiva ou política, a nosa primeira lectura dos medios máis que procurar nova información o que persegue é ratificar as nosas crenzas, hábitos ou puntos de vista. Imos chamarlle o principio de «Así digo eu tamén».

A lectura ou visionado dos medios non é tanto comprensivo como afirmativo, procuramos a validación do nosos «así digo eu tamén».
Emparentada co anterior, as persoas somos máis reticentes fronte aos cambios que perante a conservación do existente, as mudanzas multiplican os riscos e as incertezas. Hai áreas especialmente sensíbeis e refractarias ao cambio: a política, a relixión e a ética do cotiá que lle dá fundamento ás nosas condutas de convivencia.

Moitas das lóxicas profundas da mantenza dos comportamentos inmobilistas poden (re)lerse en «O conservador país onde non existen os conservadores», a famosa serie de Manuel Rivas coa que obtivo o Premio Fernández Latorre de Xornalismo en 1991 ­(coas xenreiras actuais do señor de Sabón o tería moito máis difícil / imposíbel).


«Así digo eu» e «Para que cambiar se así nos vai ben» definen dous comportamentos colectivos que atenúan os descontos dos gobernos conservadores. A terceira cuestión ten que ver co papel macroscópico dos medios de comunicación: está na súa man facer de dominio público o balance de acertos ou erros, e tamén agochalos, camuflalos, naturalizalos, ningunealos. Dando por certo que hai medios transparentes (aínda que son escasos), a maioría o que fai é xestionar información para empardecela ou tornala traslúcida.

A mediaesfera galega, en xeral, e o seu grupo de comunicación líder, especialmente, está altamente especializada na prestidixitación informativa: facendo aparecer ou desaparecer temas da axenda que resultan máis desvantaxosos ou máis benévolos para que goberna.


A nove meses do 1-M, nada do dito serve para exculpar os erros cometidos no trienio do bipartito, nin o desnorte no que compracidamente vivimos na actualidade. Sabendo que as cousas son (máis ou menos) así (éxitos deprezados, custes polos erros magnificados, resistencia ao cambio), teñámolo en conta cando tomemos as nosas decisións e non só cando tratemos de explicar as nosas derrotas. Mellor nos irá.

18/11/2009

As vítimas do Alakrana


Hai que vender grandeza aínda que o asunto sexa miserento. Titular grandioso: «Los héroes del Alakrana vuelven a casa...». Hai que enxalzar a españolidade da solución, fala a filla do patrón, Cristina Blanch: «Nosotros somos España, un país en que todo el mundo sabía que íbamos a salir del secuestro. Otros barcos están apresados desde hace meses y nadie los va a sacar de allí.» Heroicidade e españolidade, combinación infalíbel e corroboración (unha máis) de que a Enciclopedia Álvarez segue formateando os espíritos decentes.


Sería bastante prudente deixar de lado a afirmación da españolidade da solución xa que é fácil retrucala lembrando que o capital non ten patria (o proletariado tampouco segundo indicación dun barbado señor de Treveris e do seu amigo Federico, o Bo). É mellor non despistarse, o problema (secuestro) resolveuse grazas á xenerosa entrega dun gorentoso capital (rescate) á empresa corsaria.

O patrioterismo español é unha variábel irrelevante na resolución aínda que é posíbel que asistamos a unha graciosa expresión de españolidade, mais para iso teremos que agardar para ver como se resolve o tratamento penal dos dous piratas detidos. Hai moitas papeletas para iso teña, efectivamente, unha «solución española», a da tortura da lei e da intelixencia.


Volvamos aos heroes. Unicamente son heroes se aceptamos a óptica do poeta e diplomático Paul Claudel: «Os individuos só son heroes cando non poden actuar doutra maneira.» Unha idea que completou con brillantez Umberto Eco: «O verdadeiro heroe é sempre heroe por engano; soñou con ser un covarde honesto como todos os outros.»

A tripulación do Alakrana son vítimas. Vítimas en estado puro. Vítimas múltiples.


Son, primeiro de nada, vítimas dun secuestro.
Pero tamén son vítimas dun modelo de explotación (capitalista express) dos recursos mariños coa que que procuran os maiores beneficios cos menores custos e poucas (ningunhas) rendas económicas ou sociais para o países (ultraempobrecidos) que están na veciñanza dos caladoiros.

Hoxe Público ofrece algúns números do fabuloso negocio: 200.000 toneladas –cun valor facturado de 180 millóns de euros– que cobre o 40% da demanda das conserveiras que con elas fan unha caixa duns 600 millóns de euros ao ano. O risco das tripulacións cóntase por millóns. As desgrazadas vítimas son unicamente un investimento fracasado.


Son vítimas ademais das inconsistencias políticas, diplomáticas, xudiciais e militares do goberno do Estado español. Un Estado fallido, moi marrado neste lamentábel asunto.

Son vítimas adicionais da política da morriña (segunda acepción: «corpo morto en estado de descomposición.») do Partido Popular que devece por tirar rédito electoral da prea que producen os erros do goberno.

E, desde o momento en que aos mariñeiros do atuneiro se lles impoña a heroicidade, serán vítimas mediáticas.

André Malraux, sabido en cousas da fama, xa advertiu que «non existe heroe sen platea» e a medida que se achegue a arribada do Alakrana agrandarase o teatro mediático para vender heroicidades, españolidades ou o que toque para disparar a venda de xornais ou o orgasmo do share.


Desde a liberación e até que chegue a porto, seremos machucados polo balbordo dos medios que xa nos terán despistado da orixe deste asunto (piratas, secuestro, dubidosa eticidade do negocio pesqueiro, incapacidades políticas...) de xeito que, cando a amarra abrace o norai, os homes do Alakrana xa serán inevitabelmente fashion victim. Vítimas da máis merdenta das modas, a que converte en banal entretemento e distracción todos os problemas malditos aos que gobernantes e poderosos se negan a buscar dignas solucións.

30/08/2009

Prognóstico 2000

Peneirando en Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, dou cun prognóstico que Xesús Alonso Montero recupera de entre os apéndices de Os anos escuros de Xosé Luís Franco Grande. Cronometra case catro décadas, titúlase «Proxecto de constitución dunha editorial galega» e vaticina:
Se se quer que a nosa lingua –e todo o que con ela vai– non desapareza para o ano 2000, é indispensable establecer un circuíto co tipo de poboación que vai predominar decontado: o vilego (cidadán) de «clase media», ou «obreiro consciente», xa pouco ligado ao agro, con estudos de «formación xeral básica», con sensibilidade para os temas socio-políticos, atento ás modas e prestixios. A experiencia ata agora [é] que este tipo de home desertou en masa do galego. Se non se conquire evitar isto en diante, a causa da lingua galega­ –e o que con iso vai­– é unha causa perdida.
Esta previsión evoca outras como a de John Berger sobre a desaparición do campesiñado en Europa por volta do ano 2005; o calendario non as certifica pero para todos é unha evidencia de que en ambos os dous casos estamos vivindo unha xenerosa prórroga e que galegofalantes e campesiños compartimos a mesma condición de sobreviventes. Zafamos da data terminal de 2000, certo, pero aquí seguimos case coa mesma formulación dese noso maldito problema e moitísimo menos tempo de reacción.

11/08/2009

Vazquismo 2.0 e outros erros

Mariola Moreno pregunta pola relación co BNG e Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, exercendo do duro Clint Eastwood, camúflase na indiferenza: «A mesma que con calquera outro partido. Somos unha formación con vocación de goberno maioritario.» A xornalista de Público quere saber se hai marxe para reeditar o bipartito e recibe unha rotunda negativa: «Non haberá máis bipartitos» e, de agasallo, unha declaración de principios gratuíta: «O PSdeG non é partido de coalicións.» Da nova doutrina Vázquez tírase unha conclusión terribelmente desalentadora: con semellante estratexia o Partido Popular empoleirarase durante unha boa tempada no goberno de Galiza.

A doutrina Vázquez 2.0 defínese con absoluto desprezo dos resultados electorais e da cartografía de poder real do PSdeG. O PSdeG só ten maiorías absolutas en 2 de cada 5 concellos que goberna, no resto acadou o bastón de mando como consecuencia de coalicións activas ou pasivas (cun apoio puntual do BNG ou outras forzas para non impedir a investidura do candidato socialista).

Ademais Vázquez ponlle números á «vocación de goberno maioritario» do PSdeG: sumar o 40% dos votos dos galegos. É logo dunha vocación maioritaria relativa que requirirá do apoio activo ou da pasividade opositora do BNG. Pero ademais de ser unha maioría relativa non doado logro: na convocatoria electoral autonómica de maior bonanza (1989) os socialistas galegos atinxiron o 32,7% dos sufraxios emitidos; a distancia mínima que os conservadores quitaron ao PSdeG nunca baixou de dez puntos (1981) e desde as autonómicas de 1985 o PPdeG nunca sumou menos do 40% dos votos. No mellor dos casos, a aspiración electoral de Pachi Vázquez é empatar co PPdeG

Vazquismo 2.0

A doutrina de (Manuel) Vázquez comparte ADN estratéxico coa doutrina de (Francisco) Vázquez coa que se tornou ao PSdeG nunha acomodada e lealísima oposición ao PPdeG na primeira andaina da era Fraga. Con toda certeza, a doutrina Vázquez 2.0 non lle dará ao PSdeG maiores beneficios que a doutrina Vázquez 1.0 que, negándose por activa e por pasiva a calquera acordo co BNG engordaba estratexicamente o goberno da candidatura máis votada.

Se Pachi Vázquez, se non se quere ver na lea dunha coalición de goberno cos nacionalistas, só lle quedará un camiño: acordar politicamente co Partido Popular que, tras as próximas municipais e en convocatorias electorais futuras, goberne sempre a listaxe máis votada. A aceptación do goberno da listaxe máis votada é o atallo menos doloroso para chegar a onde Vázquez, rexeitando as coalicións co BNG, conducirá ao PSdeG: ser un partido complementario pero en ningún caso alternativo ao Partido Popular de Galicia.

Dicía outro Manuel Vázquez (Montalbán) que en política ademais de imposturas hai posicións, posturas e posturiñas. Por máis voltas que lle dea Manuel Vázquez, se non se quere ver abandonado polos seus electores máis progresistas e galeguistas, ao PSdeG só lle resta unha posición ­–ser un partido de goberno alternativo ao PPdeG– e dúas posturas: asinar un acordo de goberno ou subscribir un pacto de lexislatura co BNG. Na Galiza electoral de hoxe e, probabelmente, na de dentro dun cuadrienio para ser alternativa de goberno ao PPdeG, o PSdeG ten que ser necesariamente un partido de coalicións. Toda outra estratexia ou vocación de goberno maioritario será unha posturiña que beneficiará á hexemonía do Partido Popular, favores polos que Feijóo xa lle pode ir anticipando grazas a Manuel Vázquez (Fernández).

Sistema político de 2 e medio

A dificultosa situación política do BNG alenta a tentación de redeseñar o sistema de partidos galego cunha fórmula bipartidista máis plena. Unha nova recaída electoral do BNG nas vindeiras municipais deixaría o campo aberto para limitar o xogo a dúas forzas políticas: unha consolidada como goberno (PPdeG) e outra confirmada como oposición (PSdeG) á espera dunha demorada alternancia. O resultado final sería un sistema de partidos na esfera autonómica de 2 e medio, onde o BNG representaría unha elección marxinal e sen posibilidade ningunha de condicionar maiorías de goberno. En máis de cinco lustros de devir do noso autogoberno a sopa de letras partidaria reduciuse radicalmente e non é logo de estrañar que moitos soñen con ver encaixado ao BNG nun papel político semellante ao que lle corresponde a IU no cadro do Estado.

Queda por ver como se sedimenta a estratexia política do BNG respecto do PSdeG, o que é tanto como dicir como se define respecto da gobernabilidade futura do país. O distanciamento crítico do PSdeG e identificación expresa, ou baixo corda, do Partido Popular e do PSOE producirá, ao meu entender, máis mal que ben. Ademais a cousa empeorará se, ante as impotencias do labor opositor do BNG, se alimenta unha estratexia de descrédito do Parlamento e se intensifican as políticas de resistencia. A recuperación, por moito restyling verbal que haxa, do vello libro de consignas («PSOE, PP a mesma merda é!», «Parlamento Galego, parlamento de cartón!») e das «políticas do non» só servirá para, indirectamente, intensificar a xibarización bipartidista da representación política de Galiza.

Alguén ideou un oxímoron para definir o obxectivo ao que pode, nas actuais circunstancias e sempre e cando haxa melloría, aspirar o BNG: ser unha «minoría maioritaria», minoría canto ao seu peso electoral e na representación parlamentaria, maioritaria canto sexa quen de dar voz ás demandas e esixencias dunha maioría social, e moi singularmente dunha maioría cidadá que discuta a hexemonía e políticas da dereita gobernante en Galiza. Mais cómpre non enganarse non hai posibilidade ningunha de conformarse como esa minoría maioritaria se artella tamén unha estratexia colaborativa que sume maiorías de goberno alternativas ás do Partido Popular. O BNG farase minoría maioritaria procurando unha relación de cooperación vantaxosa co PSdeG, á marxe dela só lle ha de quedae ser unha minoría minorizada.


Suma cero e coopetencia

A PSdeG e BNG calquera política que non os sinale como socios estratéxicos os levará, máis pronto que tarde a ser, respectivamente, un partido complemento e a unha alternativa minorizada. Agochar vergoñentamente o seu paso polo goberno tampouco axudará a súa recuperación electoral. A desmemoria do goberno bipartito e das súas políticas de cambio (limitado e mesmo fallido en moito ámbitos) traballan en favor do imaxinario do Partido Popular como única alternativa de goberno factíbel. A esa política desmemorizada entregouse con abandono suicida o PSdeG tras a derrota do goberno tripartito en 1989. O BNG semella hoxe está aqueixado tamén dunha sorte de alzheimer voluntario. A vindicación da acción de goberno compartida e saberse partidos de goberno na oposición é, ao meu entender, parte dunha estratexia intelixente para non aceptar unha fabricación artificial da hexemonía do PPdeG.

Hai uns días Fermín Bouza alertábanos sobre a aceptación mansa da hexemonia da dereita á que se entregou a «esquerda galega» tras a derrota do 1-M. Tamén apuntaba que o xogo PSdeG-BNG debía ser de suma cero de xeito que as perdas derivadas dos desacertos dun dos dous beneficiasen ao outro pero que, en ningún caso, activasen fugas de electores cara á abstención. Na situación actual a vía de fuga principal do desencanto dos votantes progresistas e galeguistas alimenta a transferencia de lealdade cara a outra opción das forzas do cambio senón que se traduce maioritariamente no abandono electoral de ambas as dúas.

O punto de suma cero, «onde se perde votos un teñan que ir ao outro», do que fala Fermin Bouza non é posíbel sen que BNG e PSdeG se asuman como «socios estratéxicos», non valen relación indiferentes como se tratase de «calquera outro partido». Cando Manuel Vázquez di que a relación do PSdeG co BNG é semellante a que manteñen con calquera outro partido, homologa ao BNG co PPdeG, ese outro partido ao que se lle quere discutir a súa hexemonía e goberno. A vía é outra asociarse ao xeito dun cluster de forzas para o cambio político, social e económico en Galiza.

Tratarse como outro calquera partido significa aceptar un terreo de relación que é o máis favorábel ao PPdeG: a oposición competindo entre si no canto de competir co goberno. Ese é exactamente o cadro de relacións sobre a que Manuel Fraga construíu o réxime de ultradominio político da dereita en Galiza.

Dirase que unha estratexia de cooperación plena entre BNG e PSdeG é unha ilusión utópica, posibelmente si, pero hai outro camiño, alguén mesmo lle inventou un palabro: coopetencia. Se BNG e PSdeG lle queren dar algún porvir a un discurso galeguista, de esquerdas e optimista co que remover os alicerces do dominio social do Partido Popular e rebater as súas políticas van ter que pensarse reciprocamente e outra volta en termos de coopetencia, nunha mestura de consenso básicos e conflitos pactados, de colaboración e competencia, de acordos programáticos troncais.

Haberá que facelo diferente, e bastante mellor, que durante a etapa do goberno bipartito onde só houbo cooperación para chegar ao poder e competencia feroz desde que se iniciou a acción de goberno. A coopetencia ha ser continua na oposición e sustentábel nos gobermos municipais que a día de hoxe se comparten, senón o único duradeiro serán os mandatos do PPdeG. Unha estratexia coopetitiva de xeito inmediato favorecerá acadar un punto de suma cero fronte á sangría abstencionista. A coopetencia é a estratexia do cluster de políticas do cambio.

Postos a innovar e a errar é mellor intentar experiencias coopetitivas que resucitar o vazquismo ou o enroque resistencialista. No peor dos casos, xa o grafitou alguén nos muros da nosa cidade global: «Por que cometer erros antigos, se há tantos erros novos a escolher?» Os dous Vázquez (Guillerme e Manuel) deberían, aproveitar o que queda de verán para darlle unha pensada a estratexia coa que pretender devolver a ilusións aos electores que noutrora apostaron polo cambio en Galiza.

20/07/2009

Galiza, o novo Sur

O arranxo sobre o financiamento autonómico puxo en destaque os graves problemas de «bastanteo» que padecemos. Galiza non peso político bastante para condicionar as decisións estratéxicas do Goberno central. Non temos capacidades económicas nin financeiras bastantes para corrixir os déficits en servizos e infraestruturas que nos impiden competir en igualdade de condicións nos mercados e que nos pexan na converxencia en termos de benestar coas comunidades máis ricas. E Núñez Feijóo non ten liderado bastante para representar os intereses de Galiza sen subordinalos aos mandados de Mariano Rajoy e outras comenencias xenovesas.

No futuro inmediato a nosa posición de desvantaxe verase acrecentada como consecuencia de dous logros de Núñez Feijóo; un na oposición feroz (a negativa reforzar o noso autogoberno cun Novo Estatuto), outro xa como presidente do goberno (a incapacidade para negociar a nosa autosuficiencia financeira). Sobre o noso precario «bastanteo» e as súas
negativas consecuencias respecto da posición de Galiza na cartografía do benestar reflexiono na entrega de hoxe de «Disparando aos reloxos».

O vedraño xornalista Enric Juliana sabe desde hai tempo que o compás está totalmente desnortado e o Sur empobrecido e desfiuzado se enxerga en calquera outro punto cardinal; de feito, fálase dun Sur Global que nos permite xeolocalizar en parte calquera condicións de vida misérrimas. O determinismo xeográfico non rexe, no presente, a identificación das bolsas de pobreza e prosperidade. Por iso, hai un días, nun artigo onde avaliaba o acordo de financiamento autonómico, Juliana anotaba: «No Noroeste (interior de Galiza, Asturias e boa parte de Castela e León) hai unha forte sensación de retroceso polo despoboamento e o envellecemento social. Aí está o novo Sur.» Con matices a nova cartografía é plenamente aceptábel.

Como consecuencia da marrada estratexia negociadora de Feijóo e da súa política de entalamento e obstrucionismo do noso autogoberno xa sabemos co que Galiza terá que gobernarse e enfrontar a crise económica. Tocaranos apandar cun Estatuto de Autonomía de primeira xeración que suma máis dun cuarto de século de existencia, e cun financiamento de Serie B, de baixos orzamentos para pobres realizacións. Grazas a estes dous logros debidos á intelixencia do PPdeG, a estación término de Galiza para os catro próximos anos está infelizmente clara: ser Sur e ser máis Sur no Norte.

09/06/2009

Teses felices

En expansion.com pasáronse o traballo de verificar a tese Pajín que explica a caída electoral do PSOE como consecuencia da crise económica. Relacionaron a taxa de desemprego cos apoios electorais do partido do Goberno e conclúen que a crise non é o (único) factor explicativo: «Nin o paro nin a caída do PIB explican por completo os resultados. Tampouco foron decisivos na abstención ou o voto en branco.» E santifican: «A sensación final é a de que outras motivacións interviñeron no voto, como, por exemplo, a fortaleza dos líderes políticos.» A sensación final é que hai tanta solidez na tese Pajín como na análise de Expansión.

Hai uns días na «Contra» de La Vanguardia, Howard Davis, o director da London School of Economics, manifestaba: «A percepción de desigualdade fainos infelices –sobre todo se somos nós os que temos menos– e máis aínda se percibimos esa desigualdade como o resultado dunha retribución inxusta do talento e o esforzo.»

Quizais os analistas de expansion.com deberían relacionar a recuada electoral do PSOE con algún indicador de (in)felicidade. Seguro que todo se explicaría mellor, especialmente se aceptamos a definición de felicidade que fixo o estoico Epíteto de Frixia: «A felicidade depende de tres cousas: a vontade, as ideas respecto dos acontecementos nos que estás envolvido e o uso que fagas desas ideas.»

A vontade política (ou a súa falta), o (des)acerto das ideas sobre o que nos acontece e o bo ou mal uso das nosas ideas respecto do mundo, de certo, explican todo infeliz resultado electoral moito mellor que calquera comunicado oficial. Ou quizais non sirvan tampouco, e nin así poidamos dar conta das razóns últimas que latexan nos itinerarios políticos que Cesare resumiu nos seus aforrismos.

26/05/2009

Brotes verdes, pardos e negros

Brotes verdes? «Entre os nacionalistas, CiU é o peor parado. Perde dúas décimas e, aínda que pequena, a caída arrastra á federación catalana ao seu peor resultado do ano. O BNG, pola contra, é o máis beneficiado. Tras o descalabro que acompañou á súa derrota nas galegas, sigue subindo pouco a pouco. ERC e PNV a penas se moven. Os republicanos repiten resultado e os vascos perden unha décima. As catro forzas nacionalistas repiten resultados case idénticos a xaneiro deste ano».

Brotes pardos. Incapaces de atopar unha partida orzamentaria para construír un hospital pero como inquisidores sanitarios son magníficos.
Pilar Farjas, sempre na vangarda, anuncia que vai estudar cancelar a gratuidade da pilula poscoital.

Brotes negros.
Outro na «Contra» de La Vanguardia, Santiago Niño Becerra, autor do bestseller económico El crash del 2010, domesticándonos o animal spirit con previsións megaoptimistas outra volta reiteradas: «A mediados do 2010 é cando verdadeiramente empezará a crise, cando vexamos que as medidas que se están tomando non funcionan [...] [En 2011,] en España, un país moi dependente, a crise será durísima pola estrutura do PIB baseado no ladrillo, o turismo, o automóbil e en infraestruturas baratas xa insustentábeis. Ou hai un cambio do modelo produtivo capaz de absorber a toda esa poboación ou imos a unha taxa de paro do 30%».

28/04/2009

Por terra, mar e aire

Nun recompilatorio de ignorancias e saídas enxeñosas de alumnos portugueses rexistraban esta pregunta: «Como chegou a peste negra a Portugal en 1348?» e súa espelida resposta: «Por terra, mar e aire.» Respecto da gripe porcina, a Organización Mundial da Saúde ofrece respostas igualmente vagas pero menos ocorrentes. Na procura de explicacións centos de milleiros de internautas fixeron ferver a rede. Para rematar un día, que non debería ter constado no almanaque, dos montes e moreas de arquivos dispoñíbeis escollo dúas pezas: a provocadora columna «Ya sólo falta el meteorito» de Isaac Rosa, en Público, e «La gripe porcina y el monstruoso poder de la gran industria pecuaria», un artigo de Mike Davis aparecido en The Guardian e que está facendo rular entre nós a revista Sin Permiso. A primeira permite rebaixar, con agudeza, os tons apocalípticos e milenaristas de moitas das informacións coas que nos atordoamos. A segunda ofrece, como pouco, unha explicación do fracaso da estratexia de constrainsurxencia viral impulsada pola OMS e unha denuncia do poder incontrolado dos grandes conglomerados empresariais avícolas e gandeiros.

23/03/2009

Xenealoxías dunha esquerda

Co X Congreso do Partido da Revolución Democrática como pano de fondo, o escritor, xornalista e historiador Héctor Aguilar Camín (HAC) escribiu en agosto de 2007 unha decena de artigos que apareceron no diario Milenio. Ese material revisado e enriquecido con varios intercambios (máis ou menos) polémicos, algunhas pezas novas sobre a esquerda, o futuro, o progreso e mais o indixenismo revolucionario, e un ensaio sobre «a esquerda mexicana realmente existente», que publicou a revista Nexos en 2005, foron compilados en Pensando en la izquierda, un libro de dimensións cativas pero de substancioso e incómodo contido que circula desde marzo de 2008 co selo do Fondo de Cultura Económica.

Aguilar Camín constata como punto de arrinque que os partidos políticos mexicanos non teñen unha ideoloxía explícita e que «hai grandes intelectuais na esquerda, pero non grandes ideas nas organizacións da esquerda en México» e que «a ideoloxía ou o proxecto histórico pesan menos nos partidos da democracia mexicana que a poxa electoral e a busca de posicións de goberno».


Na plural e enramada tradicións esquerdista recoñece catro liñaxes: a «esquerda revolucionaria» (ER); a «esquerda comunista» (EC), a «esquerda estatista e nacionalista» (EEN), e a «esquerda utópica clásica» (EUC).


A ollada de HAC detense ademais a reconsiderar o papel da esquerda intelectual e da esquerda indixenista en México, ao tempo que certifica o raquitismo e febleza no seu país da tradición socialdemócrata que, para a súa idea, é a única que «podería poñer a esquerda mexicana a tempo co seu presente e en sintonía posíbel co futuro». O seu posicionamento é rotundo, o que falta é precisamente o que é máis necesario en México: unha esquerda socialdemócrata «intransixentemente igualitaria a forza de querer instransixentemente todas as liberdades para todos».


A esquerda e a violencia revolucionaria


A ER anima un proxecto de emancipación que tiña/ten na violencia o seu camiño e a súa fachenda, violencia que no imaxinario histórico de México segue a ser un «recurso lexítimo e celebrado». Malia que se conten a menos os defensores explícitos da acción armada revolucionaria, a violencia como «instrumento válido para protestar, resistir e combater as inxustizas do mundo» conforma unha sorte de lexitimidade soterrada nos continxentes da esquerda mexicana.


«Poucos van á guerrilla, pero poucos a condenan sen dubidar», sentenza Aguilar Camín, quen sostén que «non son as condicións obxectivas as que impoñen a violencia», senón que a loita armada «é a elección de grupos e persoas concretas». Non nega a violencia como factor de cambio e mesmo que xogou un papel no camiño á democracia, pero salienta que para a ER non era a democracia o que se procuraba. Refuta asemade a violencia revolucionaria como catalizador histórico positivo: non hai dúbida de que aceleran a historia, pero «non está claro que o fagan na dirección correcta».


Fronte á ER o pronunciamento de HAC é contudente: «o inherente ao compromiso democrático é rexeitar a violencia, non validala como inevitábel nin como culpa ou responsabilidade de outros», ao tempo que subliña que «as deformidades da democracia deben ser corrixidas cos instrumento da democracia, ningún dos cales inclúe a violencia».


A esquerda comunista


A tradición que entronca co Partido Comunista Mexicano é despachada expeditivamente: «non é revolucionaria nin subversiva», non quería facer a revolución, senón gañar un espazo público e un lugar político de seu para defender o «socialismo real» e enxalzar as causas contra o imperialismo norteamericano.


Salienta HAC que o maior espazo pública gañado pola EC foi na vida intelectual e na opinión pública («libros, revistas xornais e editoriais») e nas universidades («na súa tripla dimensión: burocrática, académica e sindical»). Así, a «confraría comunista» era, atendendo á lectura de HAC, «máis intelectual e burocrática que popular, máis reformista que rupturista, máis eurocomunista que estalinista»; de aí que se tornase na «maior ponte da esquerda mexicana coa democracia» xa que non esixía «a ruptura da orde, senón tolerancia, legalidade, espazos democráticos».


O nacionalismo revolucionario


O estatismo e o nacionalismo revolucionario, xunto co discurso antineoliberal, son consideradas por HAC como «o verdadeiro corazón da esquerda mexicana». O proxecto histórico nacido da revolución de 1910 que aspiraba facer do Estado «o instrumento da xustiza social contra os poderes privador e o baluarte de defensa da nación contra a ameaza exterior» é a cerna da cultura da esquerda mexicana e o PRD representaría versión dese proxecto como priismo de esquerdas, unha proposta que non aspiraba a revolución, senón a ocupar o poder do Estado para a defensa da soberanía nacional e as causas populares fronte ás estratexias neoliberalizadoras aleitadas pola globalización.


A esquerda utópica


Tamén identifica HAC unha esquerda utópica, «altar de poucos cregos e moitos fieis», que reivindica «a certeza histórica, filosófica e moral de que a historia camiña cara á sociedade sen clases e que o socialismo ten que ser o punto de chegada da historia; a fin plenamente humana da historia». É minoritaria como proxecto de política práctica, pero é a reserva moral dun franxa tan numerosa como ben intencionada da esquerda mexicana, nela bota as súas raíces «os únicos trazos autenticamente autocríticos do PRD [...] denunciando a corrupción, o clientelismo, o pragmatismo electoral, o esquecemento dos principios; o triunfo dos politicastros e a manipulación da vida partidaria».


A esquerda intelectual


A cultura e a intelectualidade mexicana, segundo a anatomía debuxada por Aguilar Camín, ten «o corazón botado á esquerda»; malia iso, ningún partido da esquerda mexicana acompañou a súa acción cun «potente debate de ideas». A esquerda ten os recursos intelectuais para facelo, pero HAC sinala que carece da liberdade para facelo, adoece de capacidade crítica e autocrítica. Os intelectuais de esquerda contan cun afinado arsenal crítico pero tamén cunha audiencia entre as bases militantes pouco dada ao consumo de reflexións matizadas. O resultado é unha esquerda intelectualmente entalada que pasou polo derrumbe do socialismo real sen facer a crítica do sucedido.


En opinión de HAC, «a xente de esquerdas oe máis aos seus xornalistas que aos seus intelectuais», e, para el, o xornalismo de esquerdas deixou de ser unha forza renovadora ao encerrarse nos lindeiros da causa e as súas crenzas, ao derramar a súa pluralidade e ao ser cada vez máis reiterativo, autorreferencial e impermeábel a debater ideas, proxectos, medios e fins.


A esquerda indixenista


A insurrección en Chiapas, segundo HAC, engordou a aceptación da violencia como instrumento lexitimo do cambio e entregou a esquerda ao que denomina «unha utopía particularista»: un indixenismo radical, non integracionistas e multicultural que se levou por diante «a tradición intelectual máis nobre da esquerda: o seu universalismo progresista», eivando á esquerda como «a ala radical do proxecto universalista de liberdade, igualdade e fraternidade».

Sostén Aguilar Camín que a esquerda mexicana é desde 1994 «obrigadamente indixenista» por unha dupla vía: «polo rexeitamento da pobreza, o racismo e a desigualdade» e pola súa «consagración acrítica e particularista» do mundo indíxena «como o repositorio venerábel dun México profundo»; e laméntase a seguir da perda do vello internacionalismo e de que se tornase en resistencia á internacionalización, ao facer da globalización o «demo recorrente» da esquerda e da deriva indixenista a mostra máis clara de que «a esquerda mexicana quere fronteiras nacionais».

Asinaturas pendentes da esquerda realmente existente


Entre outras asinaturas pendentes da esquerda mexicana, HAC sinala:

  1. Cambiou a súa linguaxe pero non a matriz das súas conviccións, a esquerda deixou de ser expresión política nos marxes, é formalmente unha opción de goberno pero non deseña nin goberna o cambio, o resiste, e tórnase, mesmo desde os gobernos, nunha sorte de oposición.
  2. Cre na democracia tan só como un medio e a lealdade ás institucións está condicionada a que as institucións lle sexan favorábeis.
  3. Non fixo a paz co mundo da empresa e mercado, denuncia a pobreza pero non sabe dar unha resposta positiva á privación das maiorías creando riqueza para acrecentar a accesibilidade a bens e servizos e mellorar a oportunidade dos máis.
  4. Ten unha resposta pobre, cando non arcaica, para as dúas realidades claves do mundo moderno: democracia e globalización. Non remata de ter un proxecto eficaz no económico, garantindo taxas altas de crecemento, e, no político, asegurando altos índices de gobernabilidade democrática.
Coda

Hai intelectuais de dereitas, de esquerdas, e incómodos. Héctor Aguilar Camín gañouse merecidamente a súa clasificación, cando menos, entre os intelectuais incómodos. Coñecedor das normas e usos do poder –político, mediático e económico– non é un observador inxenuo nin un incauto anotador de realidades. A súa (suposta) veciñanza política e persoal a Carlos Salinas de Gortari, que HAC nega con vehemencia, pode empardecer entre nós a recepción das súas opinións sempre controvertidas.


Pensando en la izquierda
axunta descricións, ás veces esquemáticas pero non grotescas nin caricaturizadas das tradicións da esquerda mexicana, que evidencian as súas carencias democráticas e as súas inconsistencias e fraquezas ideolóxicas. Non vale contentarse pensando que a súa versión da esquerda socialdemócrata non resiste nin unha crítica livián e que calquera pode trazar un panorama igualmente pouco grato dos herdeiros e epígonos da Segunda Internacional. Certo é tamén que aquilo que describe é a esquerda mexicana, pero non é menos verdade que esa esquerda maniféstase con acentos propios entre nós.


Moacyr Scliar sostén provocadoramente que «o escritor é aquele que olha para a banana e come a casca». Esa corrosiva e autocrítica descrición non é aplicábel a Héctor Aguilar Camín que non se queda na pelica da (nosa) esquerda (mexicana). Fala do substancial e a sua lectura crítica convida á relectura crítica da nosa propia esquerda.

16/03/2009

Facendo un nó

No Cuartel Xeral de Sabón non tiveron ocasión para descorchar champán. O Consello Nacional que estaba chamado a rematar como a matanza caníbal dos garrulos lisérxicos culminou cun inusual consenso que senta na mesa das decisións a (case) todas as familias políticas do BNG. Abandonadas as estratexias de Destrución Mutua Asegurada, máis que imporse a correlación de forzas dominou a correlación de debilidades.

Atendeuse sensatamente o consello que nos deu Franklin Delano Roosevelt: «Cando chegues ao final da túa corda, fai un nó e aguanta.» As decisións substancianse niso: afirmarse nun punto de apoio e resistir para recomezar un proceso no que se ten que pensar globalmente a organización política do nacionalismo galego. Non se produciu o big crunch do BNG, pero todo indica que aínda está moi lonxe un novo big bang político e electoral do nacionalismo.

A estas alturas ninguén pode enganarse pensando que se zafará cunha reacomodación táctica e unha nova repartición de poderes entre as distintas correntes, partidos e colectivos. Toca reconsiderar radicalmente lideratos, modelo de organización e estratexia. Hai que atender tamén a sabia distinción do xadrecista Savielly Tartakower: «A táctica consiste en facer algo cando hai algo que facer; a estratexia consiste en saber que facer cando non hai nada que facer.» Non é o tempo da táctica senón da estratexia, pero nas señerdades do partido-guía ou na recreación emotiva do frontismo do frontón non imos atopar moitas solucións estratéxicas con futuro.


En materia de estratexia é ben non deixar caer en saqueta rota outro dos moitos consello intelixentes de Savielly Tartakower: «Temor a arriscarse e preferir a extrema tranquilidade é un xerme da derrota.» Hai que repensarse con valentía e sen ataduras e quizais o futuro pase por buscar novas formulas como a que se apunta en Nygardsvej. Mentres o champán enfría en Sabón.

04/03/2009

Despois do naufraxio (2): O país ideal e o país material

Versionando o título da película dos irmáns Cohen e do libro de Cormac McCarthy, un boa amiga condénsame o seu balance electoral: «Galiza, non é un país para nacionalistas». Interésame agora a idea de país como tag da cuestión identitaria e da nosa representación colectiva para chamar a atención sobre a fenda que separa o país ideal do país material, e digo país material e non país real porque o país ideal é tan real como o material, aínda que finalmente non pese tanto electoralmente un coma o outro. O noso país imaxinario e o noso país material teñen unha zona de intersección cativa. E é nesa zona de intersección sobre a que opera a eficacia das nosas políticas.

Tras o naufraxio é habitual escoitar como corolario da valoración do noso revés electoral algunha amargada queixa sobre o país que temos. Non é un trazo do mal perder dos nacionalistas, malfadamente está moito máis estendido, un recoñecido blogger do PSdeG-PSOE, José Luís Prieto, anotaba no seu twitter: «Los pueblos siempre tienen los Gobiernos que se merecen. Y el pueblo gallego ha cambiado poco desde que lo caricaturizó Castelao».


O reconto de papeletas reflicte a faciana política da Galiza que temos: conservadora e maiormente pouco galeguista. Adoitamos esquecernos desa natureza e reemprazámola por unha versión ideal seguindo o procedemento do señor Keuner que describiu Bertold Brecht:
—Que fai vostede –preguntaron un día ao señor K.– cando ama a alguén?
—Fago un bosquexo desa persoa –respondeu o señor K.– e procuro que se lle asemelle o máis posible.
—O bosquexo?
—Non -contestou o señor K.–. A persoa.
Co país facemos, en primeira instancia, algo semellante, temos feito un debuxo e procuramos que se lle pareza; para de seguido substituír o país pola imaxe que pintamos del. Descoñecemos (en gran medida) ou ignoramos (maiormente) as estruturas e dinámicas políticas e sociais da Galiza que queremos representar e transformar e operamos politicamente sobre un imaxinario e non sobre a súa base material e mesmo, ás veces, tomamos por material o que é puramente ideal.

Identidades practicábeis e identificación imposíbeis

Valga como exemplo. As sondaxes deixan claro que Galiza non é país para nacionalistas e que queda moito por facer até lograr que sexa un país dos nacionalistas. A última entrega do CIS (xaneiro-febreiro de 2009) ofrece a mesma imaxe que todas as súas precedentes. Un 28,2% dos galegos entrevistados declara ser nacionalista, o 67.8% maniféstase como non-nacionalista. Os que se senten unicamente galegos suman un 4,9% fronte a un 5.1% que se consideran só españois. Máis galego que español: 19,4%. Máis español que galego: 3,6%. Tan español como galego: 65%. Máis ou menos, tan só 1 de cada catro galegos di ser nacionalistas ou di sentirse máis galego ou tan só galego.

Os entrevistados valoran o seu nacionalismo –1: mínimo, 10: máximo– nun 4,56%; e estiman coa mesma escala o nacionalismo do Partido Popular (3.07), do PSdeG-PSOE (4,73) e do BNG (7,99). O elector medio considerase tan nacionalista galego como o PSdeG e case que a metade de nacionalista que o BNG. Traducindo: o elector ao que nos diriximos ten que duplicar a súa identificación nacionalista para votar BNG pero sen apenas modulala pode votar PSdeG.


O imaxinario dos nosos destinatarios: unha maioría social galeguista. A idea que eles –a inmensa maioría dos electores– teñen do BNG é como unha alternativa de nacionalismo forte. A nosa oferta identitaria está na extrema pero o elector promedial a que nos diriximos está no centro do arco identitario, moito máis próximo en calquera caso ás propostas de galeguismo máis ou menos rebaixado do PSdeG ou do Partido Popular. A cousa complícase porque mesmo os nosos votantes se autoidentifican ideoloxicamente cun grao de nacionalismo máis rebaixado que o que lle atribúen ao BNG.


O paso polo goberno non mellorou a nosa comprensión do país material, nin serviu como observatorio privilexiado para enxergar as súas tendencias de futuro. Manda o impresionismo estratéxico e descubrimos novas realidades unicamente grazas a unha dolorosa espiral de ensaio-erro. Os nacionalistas non destacamos como habelenciosos coolhunters, pódennos as lecturas retrospectivas do país, obviamos as realidades presentes que non encaixan na nosa ollada, resolvemos os desenfoques botando man dos nosos imaxinarios e prestámolles pouca atención ás realidades emerxentes e ás tendencias de desenvolvementos futuros.


Agárdase de nós que ofrezamos identidades practicábeis e identificacións políticas verosímiles; e d
ificilmente se pode practicar un nacionalismo de proximidade sen salvar esa fenda entre o noso país imaxinario e o país material, entre como nos vemos, como nos ven e como se ven os electores galegos. Con esta pedra batemos unha e outra vez. E sempre nos abraiamos.

20/02/2009

Lecturas en tempos de crise

Zygmunt Bauman é un pensador de grande engado editorial. Multiplícanse o número de títulos seus traducidos ao español e mesmo pezas menores son recuperadas para ser postas outra volta en circulación. Nesa onda, a editorial Katz ofrécenos Múltiples culturas, unha soa humanidade, onde axunta unha conferencia pronunciada polo sociólogo polonés no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona e unha entrevista que lle fixo Daniel Gamper Sachse.

En ambas as dúas pezas, Bauman reitera moitas das ideas motrices das súas obras maiores:
a idealización de comunidades refuxio e a obsesión coas fronteiras como resultado da van esperanza de poder garantirnos unha protección auténtica fronte aos risco globais; a imposición dun mundo global onde se institucionaliza unha política local sen poder e un poder global sen limitacións políticas; a confirmación das cidades como vertedoiros dos problemas que se producen a escala global e como campo de batalla principal da loita e tensión entre liberdade e seguridade pero tamén como escenario no que se pon en práctica e desenvolve (con desigual éxito) a arte da convivencia diaria e pacífica coa diferenza...

Tamén nesta ocasión Zygmunt Bauman lémbranos que, na orde líquida dos nosos tempos, a vida se configura como unha sucesión de proxectos efémeros, de curto prazo, de impacto inmediato e de epidérmicos calados. Sinálanos como nómades que transitamos dun proxecto cara outro e subliña que a lembranza do noso último proxecto, ou do noso último éxito, non dura moito. Así como as derrotas e fracasos fan pouso, os éxitos non sedimentan; de aí que haxa que seguir movéndose dun proxecto a outro na procura de novos caladoiros de novos éxitos e recoñecementos. O
autor de Modernidade líquida remítese con frecuencia á palabra alemá Unsicherheit como marca dos nosos tempos; Unsicherheit ten un significado múltiple: incerteza, inseguridade, vulnerabilidade e precariedade; é dicir, as materias constituíntes dos medos actuais.

Toda a obra de Bauman é suxestiva e estimulante, indicadora de tendencias certas da evolución das nosas sociedades mais, en tempos de bonanza como os felices noventa e o cambio de século, as súas descricións resultaban máis esperanzadas do que agora na cerna da primeira grande crise da globalización. As súas palabras mídense igual pero o peso da súa negrura é bastante maior. «Se perdemos a esperanza será a fin pero Deus nos libre de perder a esperanza». O que onte era unha sentenza para afirmarse con afouteza, hoxe semella unha ladaíña para que unha forza superior nos abeire. Tal que son malos tempos para a lírica...

29/12/2008

Palabras compartidas

John Berger: «Ante a matanza en curso en Gaza» [La Jornada, 28/12/08]

Somos espectadores do máis recente –e talvez penúltimo– capítulo do conflito entre Israel e o pobo palestino, que dura xa 60 anos. Sobre as complexidades deste tráxico conflito pronunciáronse milleiros de millóns de palabras en defensa dun ou doutro bandos. Hoxe, ante os ataques israelís contra Gaza, o artificio esencial, que estivo aí encuberto tras o conflito, queda revelado flagrante e burdamente: a morte dunha vítima israelí parece xustificar a matanza de 100 palestinos. Unha vida israelí equipárase en valor a 100 vidas palestinas.

É isto o que o Estado israelí e o que os medios mundiais, máis ou menos, repiten insensatamente, aínda que hai cuestionamientos marxinais. E esta pretensión, que acompañou e xustifica a máis prolongada ocupación de territorio estranxeiro ningún na historia europea do século XX, é visceralmente racista. Que o pobo xudeu deba aceptar isto, que o mundo deba estar de acordo e que os palestinos deban someterse a isto, é unha das ironías máis negras da historia. Non lle vexo a risa por ningún lado. Con todo, podemos refutarla en voz máis e máis alta.

Fagámolo.

10/11/2008

Globalizar a amenaza

A ministra de Defensa Carmen Chacón declarou que os terroristas que atacaron aos militares en Afganistán «ameazan a liberdade e ameazan a seguridade de todos, tamén das nosas familias». Hai tempo o Consello Económico para a Defensa de Francia deu consigna a esta política: Non hai ameazas para as nosas fronteiras, pero tampouco hai fronteiras para as nosas ameazas.

Semellante teoría xustificativa vale para asegurar a presenza de tropas españolas en Afganistán pero tamén en Iraq ou alí onde nos reine o capricho xeoestratéxico.
Se a presenza das tropas é un indicador de amenazas, o resultado é cando menos choqueiro; actualmente hai tropas ou observadores militares do Estado español en Bosnia-Herzegovina, Kosovo, Libano, Afganistán, Chad-República Centro Africana e República Democrática do Congo.

A cartografía de ameazas non é xeopoliticamente moi congruente, pero tanto ten.
En termos de comunicación, a globalización da ameaza é unha eficaz estratexia para xustificar a presenza militar española polo mundo adiante e a ministra Chacón sabe que canto máis se xeneralice o imaxinario de inseguridade máis medrará o consenso ao redor da participación militar española en Afganistán.

A
comparativa de resultados das sondaxes realizadas polo Real Instituto Elcano en novembro de 2007 e en abril de 2008 ofrece un cambio radical de pareceres.

Hai un ano a sondaxe achegaba o seguinte balance: a presenza de tropas española en Afganistán é moi positiva (2,7%), positiva (44,2%), negativa (39,8), moi negativa (9,4%). Co envío de máis tropas a Afganistán están moi de acordo (2,8%), de acordo (19,3%), en desacordo (46,4%) e moi en desacordo (25%). Un 75% dos entrevistados estarían a favor da retirada das tropas de Afganistán se se producisen baixas en combate e un 17% en contra.

Na enquisa de abril a presenza militar é moi positiva para o 5,2%, positiva para o 58,3%, negativa para o 27,8% e moi negativa para o 3,3%. Un 3,6% cre que hai que aumentar as forzas, o 37,6% mantelas, un 15,5% disminuílas e agora só o 36,3% pensa en que hai que retiralas.


A
ultima sondaxe de Elcano procura novos argumentos de ameaza e inclúe unha rechamante pregunta: Cre que o cultivo de opio en Afganistán representa unha ameaza para España? O 52,6% dos entrevistados considérano unha ameaza, o 33% non, o 13,7% Non saben/Non contestan.

O medo é unha materia estratéxica para formatear novas conciencias. Estamos avisados polo mestre Bauman: «
Medo é o nome que damos á nosa incerteza: á nosa ignorancia con respecto á ameaza e ao que hai que facer -ao que pode e non pode facerse- para detela en seco, ou para combatela, se parala é algo que xa está máis aló do noso alcance.» Asusta que algo queda.

31/10/2008

O mundo de Sofía

As declaracións «confidenciais» coas que Pilar Urbano compaxinou La reina muy de cerca son o biocombustíbel dun incendio mediático finisemanal que contribuirá, de certo, a engordar os beneficios do editor e a facer, de paso, máis redondos os dereitos de autora da (in)oportuna e (in)exacta xornalista. Tócalle agora ao Samain ocuparse de arrefriar as convulsións mediáticas para restablecer o sentido de Estado na súa clásica manifestación como silencio de Estado.

Os retallos das opinións reais descúbrennos a Sofía de Grecia como unha avantaxada alumna da Escola de Partido da rúa Xénova e evidencian que á monarquía española hai tempo que se lle parou o reloxo da historia. Con todo, González Pons, deixando as cousas branco sobre negro, á parte de considerar a Raíña unha muller-bandeira, quixo subliñar que esas opinións son as dunha «muller de setenta anos católica». Efectivamente, son opinións retrogradas que a Raíña transmite en confianza a unha supernumeraria do Opus Dei de 68 anos. Opinións que se comparten por proximidade ideolóxica e xeracional.

O inmobilismo dinámico é a esencia da Casa Real e, en materia de avances sociais, Sofía de Borbón segue a doutrina da Raíña Vermella que atopou Alicia tras o espello: «Fai falta correr todo canto unha poida para permanecer no mesmo sitio.» O noso caos constitucional outorga a Monarquía un papel moderador e desa nobre misión equilibradora arredáronse en Santa Compaña Pilar e Sofía para espanto das nomemklaturas do bipartidismo benpensante.


O papel reservado é dar unha aparencia de modernidade coidando dunha cerna de pousado tradicionalismo segundo os canóns dunha monarquía parlamentaria de baixo perfil. O papel publicado por Pilar Urbano indica que no Pazo da Zarzuela reina soberana a monarquía católica, fórmula máxica de todo o pensamento reaccionario español.

As manifestacións son todas elas desgrazadas pero de escasos efectos prácticos por non ser (afortunadamente) case que ningún dos asuntos materia da súa competencia; agás, claro está, esa forma mol de eutanasia política que se chama abdicación. Sofia teno claro e Filipe de Borbón (por se non o tiña) xa o pode ter tamén: «A El-Rei só pode xubilalo a morte.»

Son as leis da bioloxía e non as da oportunidade política as que xestionan os relevos monárquicos dos Borbóns; as forzas da natureza gobernan o destino do reino. A mesma Sofía de Grecia é unha forza da natureza, da natureza máis reaccionaria da monarquía española.

10/09/2008

Economía vacacional

Malia estar convocado como un gran debate parlamentario para expor as solucións á crise económica, rematou informativamente como unha agre desputa doméstica sobre as preferencias de lecer e os gastos vacacionais do presidente Touriño e de Núñez Feixóo. Aguilloado pola provocación do líder do PPdeG, Pérez Touriño entregouse a unha escalada verbal de dubidosa utilidade pública. Nivelazo argumentativo de La Noria. Para poñerlle colofón, só faltou que algún dos antagonistas recuperase (e adaptase) as enxeñosas definicións de Ronald Reagan quen dicía que depresión económica é cando perdes o teu emprego; recesión cando un veciño está no paro; e recuperación cando está sen traballo Jimmy Carter / Pérez Touriño / Núñez Feixóo [chátese o que máis preste].

03/07/2008

Palabra sen dono

Na súa comparecencia forzosa para render contas da súa política fronte á crise económica, Rodríguez Zapatero deixou pasar unha inmellorábel ocasión para ser recoñecido como «o dono das palabras». Ese dominio verbal absoluto que permite atribuirlle ás palabras un significado cambiante, tuneado de acordo coas preferencias e caprichos, era un dos comportamentos políticos e mediáticos que máis engaiolaban ao finado Manuel Vázquez Montalbán.

Humpty-Dumpty


O texto fundacional desta estratexia comunicacional, como lle gustaba recordar a Montalbán, é o diálogo entre Alicia e Humpty-Dumpty recollido en Alicia a través do espello:
—Cando uso unha palabra –insistiu Humpty-Dumpty cun ton de voz máis ben desdeñoso– quere dicir o que eu quero que diga..., nin máis nin menos.

—A cuestión –insistiu Alicia– é se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.

—A cuestión –sentenciou de vez Humpty-Dumpty– é saber quen é o que manda..., iso é todo.
Agocharse das palabras

Onte ZP non se atreveu a exercer como Humpty-Dumpty para apropiarse da palabra «crise» e atribuirlle o significado que mellor lle petase nesta ocasión. Como xa fixo nun cínico adianto dominical en El País, negou a maior e proscribiu do seu vocabulario a palabra maldita. Se non a nomeas non existe. A mediados de xaneiro deste ano Rodríguez Zapatero sentenciou que falar de crise é «unha falacia, puro catastrofismo» e a súa actuación de onte escenificou, con menor credibilidade e capacidade de convicción, esa mesma mensaxe.

A psiquiatra Lydie Salvayre documentou entre os poboadores novos das banlieues parisienses o que é unha manifestación extrema de impotencia cognitiva: «O que máis me conmove dos mozos é que non teñen palabras, é terríbel; non saben poñer palabras ao seu desamparo.»


Para desconsolo do Presidente Zapatero a xente do común é perfectamente capaz de dar cunha palabra que identifica a situación económica que comeza a padecer. A palabra é crise.


Nin palabras, nin ideas


O que unha inmensa maioría dos cidadáns percibe, denomina e comeza a vivir como unha aguda crise das súas economías familiares converteuse onte grazas á impotencia cognitiva do Presidente Zapatero nun «axuste severo», nunha «tendencia á baixa», en «serias dificultades», nun «deterioro» ou «empeoramento», en «tempos difíciles e complicados»...


A comparecencia presidencial foi moito máis que un triunfo esmagador do eufemismo. George Lakoff, un dos actuais pensadores de maior crédito no PSOE, escribiu: «Cando pensas que o único que te falta son palabras, o que realmente te faltan son ideas.» A cruel lección é que Rodríguez Zapatero non foi quen de pronunciar a palabra crise porque carece de ideas para enfrontar a crise. Humpty-Dumpty seguro que sería moito máis audaz, falaría de crise que sería definida como «unha molestia livián, transitoria e necesaria para acadar maiores cotas de prosperidade, benestar e riqueza». Nin máis, nin menos.