Despediuse un marzo maieante e estreouse un abril de días-non días. Xornadas na súa máis minguada expresión, sen tempo para case que nada, fóra dunha febre fabril de sobrados desalentos e esixencias. Días que empatan cos versos de Brecht: «Tan breve era o tempo / que entre a mañá e a noite / non había mediodía». Aínda así, nas súas firgoas, recuperei vencellos con activismos pasados, recibín unha encomenda dunha consultora esquecida e deixeime enlear nunha manda civil na que terei que gastar letras. Haberá que pedir tempo prestado ao soño para chegar vivo a un vindeiro maio que marceará.
08/04/2006
Tempos taxados
Despediuse un marzo maieante e estreouse un abril de días-non días. Xornadas na súa máis minguada expresión, sen tempo para case que nada, fóra dunha febre fabril de sobrados desalentos e esixencias. Días que empatan cos versos de Brecht: «Tan breve era o tempo / que entre a mañá e a noite / non había mediodía». Aínda así, nas súas firgoas, recuperei vencellos con activismos pasados, recibín unha encomenda dunha consultora esquecida e deixeime enlear nunha manda civil na que terei que gastar letras. Haberá que pedir tempo prestado ao soño para chegar vivo a un vindeiro maio que marceará.
26/03/2006
Unha nova ONG: Repsol
Algúns datos para explicar tanto altruismo
- A finais del 2002, Repsol YPF poseía en Bolivia dereitos mineiros sobre 38 bloques: 13 bloques de exploración, cunha superficie neta total de 13.670 quilómetros cadrados e 25 bloques de explotación cunha área total neta de 1.770 quilómetros cadrados.
- A producción neta en 2002 foi de 6,9 millones de barrís de petróleo, incluíndo condensados e líquidos separados do gas natural, e 88,5 billóns de gas natural. As reservas probadas netas de petróleo e gas natural a fin dese año estimábanse en 1.293 millones de barrís.
- Repsol posúe o 30% das reservas de hidrocarburos bolivianos e, a través del grupo Andina, controla o 25,7% das reservas de gas natural, uns 49 trillóns de pés cúbicos que significan perto do 1% das reservas mundiales. Repsol, British Gas, a francesa Total e Petrobras controlan o 70% del gas boliviano.
- A produción neta do ano 2002 foi de 6,9 millones de barrís de petróleo, incluíndo condensados e líquidos separados do gas natural, e 88,5 billóns de gas natural.
- O custe promedio para a produción dun barril equivalente de petróleo é de 5,6 dólares a nivel mundial, pero en Bolivia o custe redúcese no caso de Repsol-Ypf a tan só 1 dólar. As transnacionais que operan en Bolivia teñen así os custes máis baixos na busca e obtención dun barril equivalente de petróleo, que é de 8,58 dólares a nivel mundial e de 5,66 dólares na media latinoamericana. O custe de Repsol-Ypf é de 0,40 dólares por barril equivalente de petróleo, isto é, 20 veces máis baixo que o promedio internacional e 14 veces máis baixo que o latinoamericano.
- A taxa de éxito para atopar gas e petróleo en Bolivia é unha das máis baixas do mundo, xa que chega ao 50%, na maioría dos paises produtores sitúase no 20%. Isto significa que 8 de cada 10 intentos por encontrar gas e petróleo están condenados ao fracaso, mentres que en Bolivia cinco de cada dez culmínanse con éxito.
- As petroleras estranxeiras que explotan os recursos naturais non renovabeis de Bolivia pagan moi poucos impostos. Entre 1998 e 2002, Repsol-ypf pagou apenas 4,3 millóns de dólares como promedio anual.
Publicidade de Repsol en Perú, aínda que tamén podería ser en Bolivia: "Repsol ofrece cousas moito máis difíciles de obter que o petróleo: experiencia, tecnoloxía e compromiso... Compromiso de crear produtos e servizos de óptima calidade e seguridade, con rigoroso respecto ao medio ambiente."
Sen rastro
24/03/2006
Cesamento permanente do fogo
20/03/2006
Faraldo 1978 / 1998
19/03/2006
Ao lonxe
Castores acurralados
03/03/2006
Cartas boca arriba
Son amador do xénero epistolar, ese antecedente ilustre e ilustrado do posteo virtual, de aí que viole reincidentemente o correo privado de sonadas personalidades. Gusto moi especialmente da Correspondencia de Manuel Antonio e das Cartas desde o cárcere de Antonio Gramsci. Hoxe comecei o asalto ao voluminoso epistolario que Ricardo Carballo Calero compuxo, entre 1932 e 1984, para Francisco Fernández del Riego. Avancei tan só nas cartas escritas até 1933 pero nelas descúbrese unha xeración de mozos que, de non fallarlle a época (coma faldadamente ocorreu), estaban dispostos a paparse o mundo. Nas letras enxérgase un hiperactivo Carballo Calero, mergullado paixonalmente na acción político-cultural do galeguismo ferrolán, publicista incansábel e estudante por libre que (abusivamente) recorre aos servizos do correspondente del Riego para conseguir apuntamentos e programas académicos cos que enfrontarse aos exames. Mandados de servizo que un xenerosísimo Paco atende sen maiores demoras malia ter que sufrir pouco amigábeis observacións sobre o uso de palabros como cordileira, atafeigado ou ser reprendido por descoñecer o significado do verbo aturar. Aturar si que lle aturou unhas cantas o bo de don Francisco a un terríbel Ricardo que naqueles efervescentes anos gastaba mesmo palabras acedas para o home a quen en 2006 dedicamos o Día das Letras cando lle espetaba a del Riego: «Quen fixo a barbaridade de conceder 500 pesetas para un cursillo dado polo ignorantón de Lugrís?» Son as cousas que ten poñer as cartas boca arriba.
27/02/2006
Sondaxes X
Unha notábel discrepancia sobre o grao de soberanismo/rexionalismo que alenta a cidadanía galega deveu en guerra de papel. O contraste de resultados entre a sondaxe do CIS e os estudos encargados polo Secretarío Xeral da Vicepresidencia, Antón Losada volveron poñer en primeiro plano a finalidade das enquisas. Teño para min que hai dous tipos de sondaxes: as que se fan para influír na opinión pública; e as que se fan para coñecer as valoración dos cidadáns e influír ao mesmo tempo na opinión cidadá. A enquisa neutral, positivista e obxectiva hai tempo que non se practica nas sociedades do consumo e a infrainformación. As análises de opinión realizadas lembran ao estilo do trompetista Joe King Oliver que adoitaba a tocar cun pano sobre a man para evitar que lle copiasen os seus virtuosos exercicios jazzísticos. O pano cubre a análise real e nas enquisas só temos acceso a unha virtuosísima interpretación. Dick Morris, un dos máis sobranceiros asesores políticos estadounidenses, subliñou categoricamente a relevancia das sondaxes na escolla das súas estratexias, valorando o traballo do seu equipo de campañá escribiu: «Nós traballamos xuntos, cada quen se expresa e cando non estamos de acordo sometemos a decisión ao mestre absoluto de Occidente: as enquisas.» A autoridade do Meste Absoluto tamén é en Galiza o recurso supremo de lexitimación das estratexias e posicións políticas; de aí as paixóns interpretativas que xera. Eu non acredito nelas pero non por iso deixo de lelas e analizalas con firme devoción xa que forman parte do discurso político de quen as encarga e publicita. As dúas máximas sobre as que se fundamentan a investigación dos Expedientes X de Danna Scully e Fox Mulder valen tamén para achegarnos as nosas sondaxes de opinión. «Nós queremos crer», pero «a verdade está aí fóra».
24/02/2006
Dez anos
Vieiros cumpre hoxe 10 anos. Naceu como o barrio galego na rede en 1996 e axiña mudaría a súa natureza para ser o primeiro xornal dixital en lingua galega. Centovinte anos antes, Lamas Carbajal daba ao prelo O tío Marcos da Portela, o xornal fundacional da prensa en galego. Co gallo do centenario do nacemento de Lamas Carbajal, López Cuevillas anota: «Tiña un xornal agudo e destemido como unha donicela, e dende el atacaba aos inimigos e defendía aos amigos, en prosas cheas de graza e intención.» A nosa donicela na rede ten xa dez anos. Destemida e aguda, armada de prosas cheas de coraxe e intención. Coidemos da donicela e mimemos a súa aufoutada liberdade.
23/02/2006
23-F, o Partenón e dona Lola
16/02/2006
Poetizarse
Roubolle a miña directora Poetízate xa que ela non o precisa. Esta antoloxía da poesía galega é o último esforzo de Cabrafanada por facernos mellores persoas. Reúne a 80 poetas por (case) rigorosa orde de aparición e achega un restra de poemas pensados para os que non estamos afeitos a ler poesía. A escolma axunta a poetas clásicos e modernísimos, aos épicos e aos experimentais, aos formais e aos desestruturantes, aos gamberros e aos orixinais, aos provocadores, aos subvertidores... Todos e todas convocadas con letras para se divertir, cantar, rapear, musicar, rebelarse e entreterse. Se son tan pouco líricos coma min cambiarán de parecer sobre a (nosa) poesía tras ler este libro. Palabra, dillo un hooligan prosaico.
07/02/2006
Teimando
Co retorno de Lolo ao blogmillo activo ven o mandado de facer un catálogo mínimo das miñas teimas. Ao xeito de galano polo seu regreso, estas son:
- Pedir os cafés fervendo e deixar esmorecer a súa quentura até tomalos fríos (para poder liquidalos dun único grolo).
- Non usar nunca o envés das páxinas dos cadernos nos que escribo.
- Aborrecer aquel libro ao que, por descoido, lle fago unha enruga na capa, e procurar un novo exemplar para compensar a baixa.
- Trabar nas unllas con paixón caníbal.
- Pampar, ollando pola ventá, despois de poñer os carpíns.
O político
Na sobremesa, perdo tempo zapeando até dar con O político, unha cinta de Robert Rossen que foi gañadora de tres oscar en 1949. Co título orixinal de All the King´s mens, foi a terceira peza cinematrográfica de Rossen, tras Johny O'Clock e Body and Soul. O político está baseada nunha novela, coa que Robert Penn Warren ganou o Pulizter, onde se narra o fulgurante ascenso de Willie Starks, un afoutado político local que contudentemente se abre paso na carreira electoral até chegar a ser gobernador. Para manterse no cumio do poder, Starks bota man da chantaxe, a extorsión e mesmo do asasinato. Un alegato ferozmente crítico contra o todo vale con tal de gañar que tan ben caracteriza a berlusconización da política dos nosos tempos. O filme ten momentos memorábeis como ese no que Starks afirma que «a merda sempre teima por quedarse pegada», unha cínica sentenza que nos advirte, non obstante, sobre unha das máis comúns tentacións do exercicio do poder: o seu irmanamento coa corrupción. O seu pasado esquerdista e as acedas denuncias desta película fixeron de Robert Rossen unha doada presa na caza de bruxas impulsada polo senador MacCarthy que nestes días volve ás pantallas con Boas noites e boa sorte de George Clooney. Axiña poderemos ver tamén o remake de All the King´s mens que dirixe Steven Zaillian e protagonizan Sean Penn, Jude Law e Kate Winslet, e comparar co orixinal de Rossen.
29/01/2006
Paixóns estatutarias
As cores das paixóns políticas
Derrota da paixón vermella
22/01/2006
Cinema solidario
O amigos da Coordinadora de ONGD piden unhas letras para presentar un ciclo de cinema que acompaña a súa campaña sobre os Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio. Os films de Oito olladas para o milenio son unha aproximación, á súa maneira, a cada un dos Obxectivos. Proxectaranse: O pesadelo de Darwin, Nin un menos, Moolaadé, O sangue do condor, No mundo a cada rato, A princesa Mononoke e A toma. As películas poderán verse os días 9, 10, 11 e 12 de febreiro, no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, en dous pases: ás 21 e 23 h. Aí quedan as letras...Olladas para outro mundo, tan necesario como posíbel
A vista chega antes que as palabras. Os seres humanos ollamos e vemos antes de falar. Ademais John Berger, o grande escritor e artista plástico británico, lémbranos que a nosa ollada é a que establece o noso lugar no mundo e dalgún modo a que informa o noso coñececemento e explicación do mundo. As imaxes chaman polas palabras. A ollada reclama logo pola voz. Quizais de aí proceda a enerxía cultural das imaxes e o poderío comunicativo que o cinema e a televisión teñen na nosa sociedade.
Neste noso planeta globalizado, a invisibilidade é un dos máis nefastos nutrintes das desigualdades abismais, da distibución darwinista dos bens e riquezas, do mantemento dunha meirande parte da Humanidade nos arrabaldes da pobreza extremosa. Os pobres, no Norte e no Sur, son as máis das veces cidadáns e cidadás invisíbles, persoas ninguneadas ás que se lle negan imaxes e voz. Causas, dignidades, países, comunidades e persoas son agochadas, empardecidas, negadas.
Moitos dos medios, que recrean as imaxes que nos informan ou entreteñen, constrúen de modo cómplice e interesado panos de fume, enganos autocompracentes, ilusións virtuais de doado consumo, que invisibilizan a pobreza e as súas causas, que toldan as políticas e as organización que idean e materializan solucións solidarias na loita contra a pobreza e as desigualdades.
Moitos, pero non todos. Hai quen traballan na factoría dos espellismo, pero hai tamén moitos outros cineastas e realizadores televisivos que imaxinan e recuperan historias, voces e imaxes que enfrontan os problemas da humanidade e os chaman polo seu nome, asentando compromisos, valores de liberdade e vontades de transformación igualitaria das relacións internacionais, da cooperación entre os países, dos diálogos entre as diferentes culturas, dos vencellos comunitarios e da convivencia entre as persoas.
Este é hoxe o cine que nos convoca, as imaxes que nos chaman a deitar a nosa ollada sobre as razóns que animan a construción dun mundo máis xusto, igualitario e equitativo. Son películas que chaman á solidariedade e regalan as súas imaxes, palabras e ilusións ás causas, dignidades, países, comunidades e persoas que son agochadas, excluídas, negadas na visión compracida da actual (des)orde mundial.
Cidadáns e cidadáns da nosa casa-mundo aos que os Obxectivos de Desenvolvemento Milenio achegan compromisos, políticas e esperanzas para erradicar a pobreza extrema e a fame, para acadar a educación primaria universal, para garantir a igualdade de xénero e a autonomía das mulleres, para minguar a mortalidade infantil e mellorar a saúde materna, para combater a SIDA, o paludismo e outras doenzas mortíferas, para asegurar a sustentabilidade ambiental, e para fomentar a mancomunidades mundial de esforzos a prol do desenvolvemento.
Eses son o Obxectivos que hoxe nos convidan ao cine, que nos chaman a compartir películas con historias, imaxes e palabras –ficcionadas e reais– que renovan o noso compromiso con outro mundo que é tan necesario como posible para tornar a pobreza en historia pasada.
15/01/2006
Escenarios futuros
- A Pax americana. Os Estados Unidos confirman o seu papel como potencia hexemónica, nun contexto internacional onde o Estado-nación continuará a ser a estrutura básica da orde planetaria, aínda cando a centralización da información e o coñecemento, grazas á expansión das TIC, contribuirá a erosionar a súa preponderancia. Avivecerase a inmigración aleitando o multiculturalismo e a creación de Estados multiétnicos. Afondaranse nas desigualdades e proliferarán democracias incertas.
- A onda de Davos. China e mais A India protagonizarán un vizoso crecemento económico, tinxindo de orientalismo a mundialización económica. Os xigantes asiáticos acurtarán distancias coas economías de Europa Occidental e os EUA e converterán os seus mercados no epicentro da tecnoloxía e o comercio planetario. Malia as turbulencias económicas recorrentes, os factores de estabilidade lograrán imporse e permitirán buscar solucións a problemas como a reciprocidade económica China-EUA ou a converxencia económica na Unión Europea.
- O novo Califato. Nos países islámicos o crecemento do radicalismo relixioso sentará as bases dunha nova autoridade supraestatal, ao xeito dos antigos califatos, que desafiará os valores e modo de vida occidental ao conformarse un bloque de poder agresivo e hostil cara a maioría de países veciños non musulmáns.
- Apocalipse now. A proliferación de armas de destrución masiva e o medo aos ataques terroristas, xunto coa consolidación do Califato, servirán de pretexto para a construción dunha orde orwelliana na que se reforzarán os sistemas de democracia autoritaria e a imposición de drásticas medidas de control sobre os cidadáns so o pretexto de garantir a seguridade nacional. Neste escenario asistiríase a unha xeneralización da violencia entre os Estados e a un desfiuzamento das economías dos países desenvolvidos que alentaría desavinzas entre eles que poderían desembocar nunha guerra de dimensións mundiais.
13/01/2006
Futuros desgobernados
08/01/2006
Na mortalla
Viaxo á fronteira oriental para repoñer forzas e desconectar da rede fabril. Acóllenme hospitalariamente na casa do J.A.S., Eduvigis, Concha e Moriquitiña, na Veiga de Cascallá. Son días da matanza do marrao e acudimos a axudar, un pouco, e coa idea de entorpecer o menos posíbel. Os primeiros días de xaneiro son frescos pero o sol, cando parte o día, é agarimoso. Axúntase a familia, o clan estenso e a veciñanza para ordenar a mortalla nun tríptico laboral tallado por habelencias milenarias e tradicións indiscutíbeis. É a penúltima matanza da aldea, só fica para mediados de mes o sacrificio dos animais de Luís. O San Martiño chega vagaroso ás terras de Rubiá. Estampa
A mortalla é unha ilustración da vella Europa campesiña. John Berger deixou, en Porca terra, unha estampa da matanza nas montañas da Alta Saboia: «Unha noite de xaneiro meu avó tomou a decisión. "Mañá", dixo, "imos matar o porco". O día que matabamos o marrao todo mundo tiña unha tarefa. E desde ese día sabiamos que, por moi lonxe que aínda estivese, a primavera comezaba achegarse. (...) Fun co avó botarlle unha ollada ao cocho. "É tan grande coma unha bancada da igrexa", dixo Pépé con fachenda. "É máis grande que o do ano pasado", dixen eu desexoso de compartir a súa ledicia. "É o máis grande que lembro. Son todas esas balocas que lle deu Mémé. Quedaría sen comer por el, se tivese que facelo." Pasou a man polo lombo do porco, coma celebrando nel as virtudes de miña avoa.» Dos días e os seus labores
Frío e algo neboento, o primeiro día acorda coa matanza de catro marraos. Dous marchan para lonxe, dous quedarán na casa. Un piadoso cambio de horario fai que perdamos o sacrificio dos animais. Non recorreron á tecnificada pistola, morreron con mazo e coitelo, tarecos máis tradicionais que aseguran boa morte ao marrao e non deturpan gravemente a calidade do seu sangue, visceras e carne, segundo me convence Álvaro co asentimento cómplice de Ricardo que fixo as veces de matachín. O becho despelicado, unha vez pendurado, é baleirado dos seus liviáns, riles, figado e tripallada. O sangue recollido será materia prima para unhas gorentosas filloas. Ao pé da sombra do marrao preparase inmediatamente a asadura co seu fígado e abondoso pimento doce e picante. Cando demedia o día, o padal agradece o pan branco e a quentura picante da asadura acompañada dun grolo de viño doméstico. Non rematan os labores sen limpar a tripallada na friaxe das augas mansas do río. Augas abaixo marchan os derradeiros bocados dos marraos e a bile verdosa da súa agonía. A noite foi de ceo raso e, co dealbar, a escarcha sela os campos e padrerías e traza a liña alba dos cumes. No alpendre, os marraos pasaron a noite ao frío e agardan para ser despezados. Obando mañexa coitelo e machada coa precisión dun cirurxán plástico e o animal descomponse nun complexo quebracabezas de músculos, tecidos grasos e osos. A carnadura ten a friaxe da morte e das primeirizas horas do día. Na mesa corrida, as mans das mulleres forman unha precisa cadea de produción que dirixe unha sabedoría antiga: curtan as pezas, retallan e clasifican os anacos de carne e graxa en diferentes cubetas, á espera de que o adubío de especias e aceite faga o seu macerante traballo. A machada tronza os ósos da cachucha e as costela que repousarán no botelo e nas androias. Fóra das mans, a única máquina complexa é a picadora eléctrica que remoe na carne e nos coiros. Vagarosamente ímponse a orde esnaquizada do animal que pendura en pezas enteiras ou nas cubetas do adubo co arrecendo da zorza. A festa dos sabores é honrada pola febras fritidas dun porco que soubo de castañas, patacas e outros naturais alimentos. Os grolos de viño valdeorrés sinalan pracenteiros relanzos a un padal que cata unha carne que lembra a tenrura da manteiga. O orballo saúda a terceira xornada que será de labores embutidos. Fritir coas primeiras horas de día a zorza para calibrar sales e pincantes, e encher logo as tripas e o bandullo, segmentar e atar os intestino, e colgar as restras de chourizos e as pezas do salchichón, tamén o botelo e as androias. Salgar lacóns, xamóns e panceta. Deixar repousar na espera do afumado e outras mil pequenas tarefas que aos inexperienciados se nos escapan. A aldea esvaecida
Houbo momentos para a andadura polas rúas estreitas, as congrostras da aldea e pouco transitados camiños de pescador. No lugar aínda manda o que é propio da arquitectura tradicional: lousado, pedra, madeira en portas, contras, galerías e solainas. Tamén paredes de palla-barro nalgunhas construcións abandonadas á ruína do tempo. Informan de que hai sesenta casas, corenta delas con lume e moradores; a inmensa maioría con máis de sesenta anos. JAS faime saber que na Veiga e os outros lugares da contorna ninguén mantén facenda animal, agás algúns cochos e pitas, e que son poucos os que cultivan a terra. Hai coidado das vides, recóllense castañas no outono e mesmo hai quen anda na crianza silvestre de paspallás, pero o gando desapareceu para deixar as cortes a burras solitarias que cada vez cargan fardeis máis lixeiros. O devalo demográfico anuncia difíciles porvires. A sentenza é repetida e reiterada por moitas e diferentes voces: á aldea quédanlle dez ou quince anos; un horizonte demasiado estreito para unha comunidade que só recibe contados reforzos por causa das xubilacións e o retorno dos emigrados noutrora ás zonas industriais do Estado. Coa súa deshumanización a aldea leva camiño de converterse nun non-lugar. Unha desértica utopía. As xentes na mesa da memoria
Ao redor da mesa séntanse todas as mans que axudan na mortalla e de quen queda en casa para garantir a loxística da mantenza e a despensa. Sopa de caldo, cocido, carne asada, bacallao, pescada fritida e os primeiros produtos da matanza: zorza, frebas e costelas, arman a ementa dos días de labor, dos xantares e as súas ceas. Pero a mesa é ademais foro faladoiro que reúne retallos de moitas vidas, visións fraccionadas dunha comunidade de parentesco e solidariedades primarias que teima por seguir sendo unha unidade de vida e convivencia. Co ritmo da culler e o garfo paútase o relato de historias familiares, de anécdotas que ilustran os caracteres e de lembranzas particulares que xa son patrimonio inmaterial de todos os convocados pola mortalla. Voces diferentes que se suman para narrar un memorial de futuros incertos que procuran a súa solución en pasados compartidos.O futuro que non nos deixa ser
A estadia na Veiga váleme para moito. Para o descanso e para recuperar abandonados praceres: as camiñadas breves, escoitar historias doutras vidas, reparar na paisaxes e imaxinar futuros para aldeas deixadas pola xente. Tamén para verficar outra volta a coñecida tese bergeriana sobre os campesiños como unha clase de sobreviventes, sobreviventes que despois dunha milenaria historia, poden deixar de ser. No «Epílogo histórico» que cerra Porca terra, Berger faise eco da ameaza exterminista que axexa ás comunidades campesiñas: «Durante o último século e medio, a teimosa capacidade dos campesiños para sobrevivir confundiu aos administradores e teóricos. Aínda hoxe pódese dicir que os campesiños compoñen a maior parte dos habitantes do globo. Pero este feito oculta outro máis importante. Por primeira vez na historia suscítase a posibilidade de que esa clase de sobreviventes poida deixar de existir. Poida que dentro dun século os campesiños desaparezan. Na Europa Occidental, se os plans saen conforme foron previstos polos economistas, en vinte e cinco anos non quedarán campesiños.» O prazo mortífero hai meses que se cumpriu: Porca terra escribiuse en 1979, xa can aló vinte e seis anos, e eles, ende ben, seguen aí. Mais por canto tempo? Dez, quince anos, máis? Canto durará a prorroga? A cantas mortallas máis teremos a fortuna de asistir?
06/01/2006
Pasado e presente
Fútbol e memoria
O antifraguismo retrospectivo
O futuro conservador xa está aquí
O muíño e o vento
Subscrever:
Mensagens (Atom)