25/02/2010

Obediencia debida

José María Aznar é un líder indiscutíbel a quen non lle falta quen lle faga caso, aínda que logo se penalice a obediencia que lle é debida. Foi en 2007, en Valladolid, na entrega da medalla de ouro da Academia do Viño de Castela e León. O presidente da FAES, exaltado «liberal» en defensa das potestades individuais, sentou cátedra para deixar claro que a el que non lle gusta que lle digan a que velocidade pode conducir ou cantas copas de alcohol pode beber. Unha chamada á desobediencia civil fronte á insá inxerencia do malgoberno na vida das persoas. »Seguir lendo.

24/02/2010

Triunfo da política obscena

O aceno glorioso de Aznar e a xustificación wikipédica de Núñez Feijóo argumentando a raigame do «digitus impudicus» na cultura grecolatina. A declaración de ingresos e bens do presidente Camps. A descualificación de Rosa Díez que considera Rodríguez Zapatero «galego» en sentido pexorativo. E algunhas outras manifestacións que, de certo, se lles van sumar nos próximos días, evidencian a deteriorada calidade da nosa democracia e dos líderes que a monopolizan ao mesmo tempo que a deturpan. » Seguir lendo.

21/02/2010

Entrevista en Xornal de Galicia


Xornal de Galicia interesouse polas miñas opinións sobre a novísima dereita e o goberno da deleiba que preside Núñez Feijóo. A entrevista é de Rodri Suárez.

19/02/2010

A saga/fuga de JB

A vida é moito máis pracenteira se tes ao teu carón un Celestino [Corbacho] que te borboriñe ao oído un prognóstico agarimoso: «Pepe é o futuro». Sen sabelo, Celestino fala do futuro ao xeito de Ambrose Bierce no Dicionario do Diabo: «Ese período de tempo no cal os nosos negocios prosperan, os nosos amigos son verdadeiros e a nosa felicidade está garantida. De cumprirse o vaticinio (Celestino coas previsións extravíase sempre con gran precisión), moitos pasarán días enteiros engulindo retallos de hemeroteca nos que noutrora se dedicaron a ridiculizar e abaixar a valía do xefe de cociña do PSOE. » Seguir lendo.

18/02/2010

Redes sociais ou de camuflaxe?

Valorando as tendencias que moldearán a vindeira década en FP, Juio Alonso escribe: «Segundo se pasa máis tempo en Internet, a personalidade defínese tamén pola identidade dixital, por quen somos on line, por como nos representamos a nós mesmos.» Os gudaris tiñan perfil en facebook. Certificación de que a arañeira engole de todo, mesmo do máis subversivo? Na súa identidade dixital posaban coa camisola da roja. Será o fútbol unha desas paixón arrebatadoras que fan perder o norte (ideolóxico)? Ou trátase dunha simple trampa de camuflaxe e contrainformación? » Seguir lendo.

16/02/2010

Maiorías silenciosas e medos electorais


Acurrunchado socialmente e sen compaña ningunha fóra do seu fiel partido, o presidente Feijóo distrae a súa soidade política na defensa das bases do seu decreto de (des)normalización do galego no ensino non universitario argumentando o apoio da maioría silenciosa da cidadanía galega á súa iniciativa. Non hai maioría silandeira ou clamorosa que bendiga semellante disparate, Méndez Ferrín, o novo presidente da Real Academia Galega, deixoullo ben claro: non goberna cunha maioría silenciosa, faino cunha maioría precaria. » Seguir lendo.

15/02/2010

Bipartidismo esterilizante

Diante da crise que asola a economía do Reino, as declaracións colaborativas de María Dolores de Cospedal confirman a sabida opinión de Jacques Benigne Bossuet para quen «a política é un acto de equilibrio entre xente que quere entrar e aqueles que non queren saír». A fórmula da Secretaria Xeral do Partido Popular é dunha simpleza abraiante: «Que admitan as propostas do PP o que deixen paso a outros.» Fai a miña política ou déixama facer a min: pensamento único liña manchega; toda unha oferta de futuro esperanzado. » Seguir lendo.

09/02/2010

Non penses en Sabón

No ano 2004 George Lakoff publicou Non penses nun elefante, un texto destinado a convencer a dirixentes e electores do Partido Demócrata de que se querían aspirar a calquera éxito político futuro debían, primeiro de nada, abandonar (e combater radicalmente) os enmarcados, temas e termos de debate sobre os que xiraba a política norteamericana e que foran impostos como algo natural polo Partido Republicano. » Seguir lendo.

08/02/2010

Zapatero no Titanic

Tras sete días que estremeceron a economía do Reino de España, somos moitos os que nos preguntamos cal é a doenza que atorda ao PSOE, ao seu goberno e ao seu presidente? Como é posíbel que, diante da enxurrada de respostas negativas que provoca toda e cada unha das súas accións, non haxa reacción ningunha? Instalados na corrente principal dunha cada vez máis próxima catástrofe electoral ninguén advirte o perigo? Non hai quen active o freos de emerxencia e impoña unha xestión fría e máis medida das propostas do goberno? Entre o anuncio do atraso da idade de xubilación o pasado 30 de xaneiro e o avance do proxecto de reforma laboral o pasado venres 5 de febreiro acoutase unha semana de paixón na que se afianzou a idea de que o grupo dirixente do PSOE padece a síndrome da orquestra do Titanic. » Seguir lendo.

05/02/2010

A crise? Unha anécdota

Núñez Feijóo, eficacia probada. Magnífica marca político-comercial. Abducido pola exaltación electoralista, Feij009 ofreceuse a rematar cos males endémicos da economía galega nun abrir e pechar de urnas. Mágoa da falta de resultados. Transcorrido un ano desde a súa vitoria electoral, o presidente, impasíbel, contempla acougado como a recuada económica prosegue e o país é máis vulnerábel ás súas consecuencias sociais. Os milagres aínda tardarán en chegar. »Seguir lendo.

04/02/2010

Feijóo: axenda imposíbel

«A semana que vén non teño tempo para crises: a miña axenda xa está ateigada.» O sarcasmo atribúese a Henry Kissinger, diplomático guerreiro. A Feijóo ocórrelle o mesmo, amoréanselle expedientes negros na mesa; non hai lugar para máis.

A súa cordial política abriu sobrados frontes de malestar. Fusión imperativa das caixas, decreto de anormalización lingüística no ensino preuniversitario, programación frustrante do Xacobeo... Algúns están dormentes (decreto eólico...), outros son desclasificados por fieis profesionais do silencio que eximen a Feijóo de toda responsabilidade na xestión da crise económica. Se fose outro goberno o que tería que aturar... » Seguir lendo.

03/02/2010

Rolda da Rebeldía. Un desafogo

Hoxe na sección de opinión de El Correo Gallego hai dúas pezas dignas de ser conservadas. Por razóns bens diferentes. Unha («Yo discrepo») está asinada por Luís Pousa. A outra («Masoquismo-leninismo») débese a Carlos Luís Rodríguez. Pousa expresa a súa solidariedade con Roberto Blanco Valdés, fai unha rotunda defensa do dereito que lle asiste a expresarse libremente. A seguir, explicita con limpeza a súa discrepancia coas opinións que adoita manter en La Voz de Galicia e arreponse contra os que teiman en criminalizar a todos os que disinten das opinións de Blanco Valdés. » Seguir lendo.

02/02/2010

Caciques, os outros

No Congreso Democrático Exemplar do PPdeOU nada se anotou na auga, todo quedou apuntado na barra de bronce, para ser lembrado, para non esquecer. No día despois, aínda quentes, falaron algúns dos protagonistas da batalla de Ourense. Invicto, o clan Baltar non semella disposto a facer exercicios de integración e cordialidade partidaria. No bando derrotado, Rodríguez Miranda intenta abaixar a tensión e fabula lealdades colaborativas que non van pasar das (boas) palabras. » Seguir lendo.

01/02/2010

Neobaltarismo

Un exemplo de democracia. O Congreso do Partido Popular de Ourense. Máis que un congreso de compromisarios foi congreso de comprometidos, uns coa trama de poder que se tece desde a Deputación, outros coa que se anima desde o despacho do superdelegado da Xunta en Ourense. Máis dun mes de duras retesías intestinas no PPdeOU no que se fixo uso de todo o repertorio de medios do novo e do vello caciquismo, un tráfico tan público como intenso de lealdades e débedas de favor, de ameazas e promesas.

O proceso congresual estivo pautado por coaccións e a lembranza institucionalizada de fidelidades e ameazas, impúxose o imperio da sospeita e garantiuse a creba de toda confianza na libre decisión dos compromisarios. Tan gloriosas condutas tamén conduciron ao presidente Núñez Feijóo a cualificar a democracia orgánica do PPdeOU como exemplar. Tamén lle valeu para santificar as honestas prácticas dos Soprano: «Este non é o partido dos caciques.» Se chega a ser… » Seguir lendo.

22/01/2010

Feijóo e os esquimós

O presidente Feijóo non sabe como os esquimós cazan os seus inimigos os lobos. De saber non había de deixar que o seu conselleiro cualificase de apoucada e ensimesmada á nosa cultura. Tampouco permitiría que outro seu conselleiro puxera en cuestión a excelencia do sistema universitario e as razóns de investir en coñecemento. Habería de calar ao seus homes de confianza por arroutar que foi o medo e non a defensa da lingua galega o que ateigou a praza do Obradoiro. Mesmo había de medir as súas propias declaracións sobre a radicalidade nacionalista dos que se animan a discutir o disparatado decreto de desnormalización lingüística no ensino. E habería de impoñerse maior prudencia e proscribir outros moitos exercicios de maltrato gobernamental da intelixencia. Seguir lendo.

21/01/2010

Lecturas micropolíticas

Leo no Magazine de El Mundo unha entrevista con Gonzalo Miró, unha celebrity deste noso mundo-escaparate. As súas palabras teñen como pano de fondo a sombra protectora de Felipe González e El-Rei e o prestixio aínda vivo da súa nai defunta. Respasa distendido os seus problemas emocionais, amoríos novos e vellos, proxectos profesionais difusos e tampouco escapa a unha pregunta sobre a súa identificación política que resposta con claridade meridiana. Seguir lendo.

19/01/2010

Desmontando o autogoberno do benestar

Eficacia e credibilidade dise que son os principios activos do bo goberno. Todo indica que Xunta conservadora unicamente é eficaz na demolición da herdanza política do Bipartito; só é críbel para quen non cre no autogoberno galego. «Sente que a sua vida está a melhorar?» Mia Couto rexistrou a contestación que un paisano seu deu á TV mozambiqueña: «Está a melhorar, sim senhor, pero está a melhorar muito mal.» O mesmo balance vale para o goberno do PPdeG: Galiza mellora, si, mais mellora para mal. Seguir lendo.

18/01/2010

Un disparate lombrosiano

Os Estados Unidos son como as prima donas da ópera que son sublimes ou son ridiculamente extemporáneas. Hai tempo que as axencias de intelixencia e seguridade da primeira potencia mundial deixaron de ser sublimes para entregarse con regular puntualidade ao exercicio dos maiores ridículos. O último, que non o derradeiro, é a difusión do retrato robot de Ossama Bin Laden que calcaba o patrón facial de Gaspar Llamazares. Seguir lendo,

16/01/2010

Bensaïd, Haití, Munilla e Zapatero

O martes soubemos do pasamento de Daniel Bensaïd. Era un dos pensadores máis solventes da esquerda da esquerda actual. Aínda non cumprira 64 anos. Deixounos case que corenta libros que son unha referencia intelixente para reflexionar sobre a necesaria emancipación dos que historicamente sempre foron vencidos. Bensaïd callou o seu compromiso militante no maio do 68 francés e desde aquela non cesou no seu activismo político, ao abeiro da IV Internacional, na LCR e no Novo Partido Anticapitalista. Hai uns meses presentou en Barcelona unha das súas últimas obras, Eloxio da política profana, nas súas páxinas escribiu: «A política [profana] é “ao mesmo tempo que unha esixencia”, unha aventura incerta, privada do socorro de calquera trascendencia; un campo sementado de incertezas e dúbidas, onde a míudo fins e medios se desaxustan. Esa é a súa tráxica dignidade.» Seguir lendo

12/01/2010

Mudanza

Para facerlle caso a Henri Bergson que dicía que «mudamos logo somos», cambiamos de enderezo na rede e procuramos acomodo no predio duns amigos. De paso trasládase a blogaliza. Serán agarimosamente atendidos en dpaso.blogaliza.org. Grazas mil por acompañarnos.