Mostrar mensagens com a etiqueta PPdeG. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta PPdeG. Mostrar todas as mensagens

22/01/2010

Feijóo e os esquimós

O presidente Feijóo non sabe como os esquimós cazan os seus inimigos os lobos. De saber non había de deixar que o seu conselleiro cualificase de apoucada e ensimesmada á nosa cultura. Tampouco permitiría que outro seu conselleiro puxera en cuestión a excelencia do sistema universitario e as razóns de investir en coñecemento. Habería de calar ao seus homes de confianza por arroutar que foi o medo e non a defensa da lingua galega o que ateigou a praza do Obradoiro. Mesmo había de medir as súas propias declaracións sobre a radicalidade nacionalista dos que se animan a discutir o disparatado decreto de desnormalización lingüística no ensino. E habería de impoñerse maior prudencia e proscribir outros moitos exercicios de maltrato gobernamental da intelixencia. Seguir lendo.

19/01/2010

Desmontando o autogoberno do benestar

Eficacia e credibilidade dise que son os principios activos do bo goberno. Todo indica que Xunta conservadora unicamente é eficaz na demolición da herdanza política do Bipartito; só é críbel para quen non cre no autogoberno galego. «Sente que a sua vida está a melhorar?» Mia Couto rexistrou a contestación que un paisano seu deu á TV mozambiqueña: «Está a melhorar, sim senhor, pero está a melhorar muito mal.» O mesmo balance vale para o goberno do PPdeG: Galiza mellora, si, mais mellora para mal. Seguir lendo.

23/12/2009

Política Cero

É improbábel que Núñez Feijóo saiba de Laureano X. Vidal, un rudo político priísta, autor duns desapiadados aforismos que sintetizan o ADN dos gobernos amantes da «política cero»: «O poder gáñase, non para facer cousas, senón para non perdelo.» «Un goberno non produce nada, agás antigüidade.» «O que teño que ofrecerlles realmente non é visíbel nin palpábel. E é que o único que teño que ofrecerlles é a idea de que teño algo que ofrecer.» Aquí os principios da gobernanza que máis lle reinan ao noso presidente.

Nunca teimou tanto o Partido Popular en baleirar de política a sociedade e o goberno galego. O seu ideal é a cancelación da política, unha sorte de expropiación difusa dos dereitos de cidadanía, para impoñer a primacía do goberno como simple administración e un xogo clientelar, sen marxes maiores de participación, co que satisfacer demandas brandas e a concesión de favores atendendo a outra máxima do ideólogo priísta: «En política un nunca ofrece; debes esperar a que pidan. A xente sempre está disposta a apoiarte por moito menos do que imaxinas.»

A hiperpolitización é sempre un dos compoñentes da estratexia de asalto ao poder do PP. Daquela todo vale, forme parte ou non da axenda política, para maximizar os réditos electorais.; no goberno, a idea dos tecnoconservadores é outra; unha sociedade eficiente ha de ter un abaixado perfil político, o seu resumo é unha máxima de democracia mínima: «Os cidadáns queren solucións, non debates.»


Achicar espazos á política é un obxectivo principal da Nova Política Informativa (NPI) do goberno do PPdeG. Reparemos nos boletíns informativos da CRTVG: os únicos debates que se enfatizan son os da política do Estado e, singularmente, os temas desvantaxosos para o PSOE: crise económica, desemprego, conflitos con produtores, turbulencias financeiras, inseguridade cidadá... A política –e o que pasa por ser o seu núcleo duro, a economía– é un asunto do Estado que se acouta ao xogo antagonista entre o mal goberno e a boa oposición.


A NPI aprovéitase da perda de credibilidade dos partidos, avivecida pola vaga da corrupcións e corruptelas, para esluír a axenda política galega, banalizar os debates e sobre todo enxalzar os temas de «interese social e humano». A política, dise, non amplía audiencias nos medios públicos e o debate de ideas, de existir, ha ser un sucedáneo do entretemento, para adormecer máis que para informar, que ten que servir, esencialmente, para distraernos das malas noticias e dos discursos críticos ou disidentes.

Á carón da narcotización da información, dáselle primacía ás «declaracións» do goberno a penas confrontadas coas opinións da oposición e, cando se exhibe pluralidade de voces, é basicamente para evidenciar unanimidades. Como ilustrou Drummond de Andrade: «A unanimidade comporta uma parcela de entusiasmo, uma de conveniência e uma de desinformação». A NPI, por mor da falta de entusiasmo cidadán coa bendicida acción de goberno, explota as conveniencias (as desvantaxes dos rivais) e, sobre todo, a desinformación.

A falta de credulidade nas solucións do goberno conservador compénsase, logo, coa construción ficticia de unanimidades. Esta é a nova misión dos medios públicos galegos e dunha boa parte dos privados que atenden ás súas directrices de Política Cero. A imposición da unanimidade é un servizo informativo que se presta xenerosamente ao país. Quizais, sen sabelo, os estrategos de comunicación da Xunta e a CRTVG comparten filosofía co afoutado Laureano X. Vidal: « Tras unha historia rica en desacordos [...], entre bandos e no mesmo bando, toda discrepancia é vivida como unha crise. Cada vez que alguén disente o país sente irse á deriva. Non en balde somos o país dos monolitos.»

A NPI de Feijóo está ao servizo dun goberno sen discusión, dunha política en nada interactiva e do formateado da mediasfera galega como factoría de consensos obrigados e como negación, en definitiva, dunha cidadanía que unicamente é tal se se constrúe sobre a base da información de calidade, da participación plural, da deliberación esixente e da discusión libre de pareceres, intereses e políticas. O seu obxectivo: unha Galiza monolítica, obediente, submisa e eternamente conservadora.

15/12/2009

Ariete, arsenal...

Palabras dos medios, medias palabras nos xornais de hoxe que axudan a lembrar que a información é a continuación da guerra por ouros medios.

Ariete

s. m. Máquina de guerra deseñada para derribar tramos de muralla dunha fortificación, composta por unha trabe reforzada no seu extremo por unha peza de bronce ou de ferro en forma de cabeza de carneiro.
Galiza como ariete. Cando a vella dereita se acantonou na Xunta para facer de Galiza unha nova baviera, Manuel Fraga armouna como un sólido ariete fronte ás dinámicas expansivas dos autogobernos de Euscadi e Cataluña. A terceira nacionalidade histórica ofrecíase para fender calquera espiral soberanista. Coa nova dereita apousentada en San Caetano Feijóo recupera o noso autogoberno como ariete, agora fronte ao goberno do Estado.

Ariete rotundo no asedio ao PSOE, forza de asalto para liquidar calquera oportunidade á política de Estado como un goberno compartido como editorializa con claridade meridiana ABC, doutrina a prol da desresponsabilización dos autogobernos nas políticas económicas e de creación de emprego. Para o PPdeG, cando estaba na oposición a crise é un problema para arrebolarlle á cabeza do bipartito que eles resolverían nun abrir e pechar a boca, agora ocupada a Xunta pola súa eficacia demostrada é un problema que só lle compete ao goberno do Estado.

Magnífico o titular de El Correo Gallego: «Feijóo e o Partido Popular fan fracasar o cume de presidentes», novo mérito para un presidente cordial que só atende á estratexia de reconquista da Moncloa por parte do Partido Popular e non á defensa dos intereses de Galiza. O cadro de mando de Galiza non está en San Caetano, está na rúa Xénova. Obediencia que a Feijóo lle vale para engordar o seu currículo como segundo de Rajoy (á espreita de ser o primeiro), o seu interese por riba dos dos galegos.

Arsenal
s. m. Depósito de armas e municións.
Berlusconi é un animal político excesivo e de grandes excesos. A información coa que se debulla a súa agresión tamén é hiperbólica. Italia teme volver á violencia política titula El País, evocación nada subliminal dos anni di piombo e os oposti estrimisti. Convídanos a esvarar perigosamente cara á consideración da (brutal) agresión como tentativa de magnicidio e, a pouco que nos despistemos, a aceptar a súa fabulación mediática como loita armada.

Anota Miguel Mora, correspondente de El País, ao parecer sen intención irónica:
Despois sóubose que, nos petos e nunha maletiña, levaba un estraño arsenal: unha lámina de pichiglás de 20 centímetros, un crucifixo de escaiola de 30 centímetros, un calcapapeis de cuarzo, un chisqueiro de mesa e un bote de spray urticante (...) A arma elixida para a agresión é o recordo máis vendido na praza [unha reprodución do Doumo de Milán en alabastro].
Fálannos de armas, non hai caso para o arsenal como «conxunto numeroso de cousas». Mora pecha a súa crónica cunha desas frases rotundas coas que se arman os partes de guerra: «Tras a súa acción disparatada, nada en Italia volverá ser como antes.» Palabras grandes como se falásemos do asasinato de Aldo Moro.

Cando foi detido, Massimo Tartaglia, enxeñeiro de 42 anos, exerceu de fool shakesperiano e fixo unha declaración que é unha emenda á totalidade do novo exceso berlusconiano que se está montando: «Eu non fun, eu son un ninguén.» Xa se sabe que os ninguén non son quen de cambiar a historia, para evitar iso están neste mundo os berlusconi, donos da información, da economía e da política, donos da santa trindade que ordena a nosa vida de ninguéns.

11/12/2009

Cronicando

Algúns dos titulares do día que remata:

Ferrín, que non ten un apoio unánime, postúlase cunha carta aos académicos

Sabemos pola boca mesturadora de Sabón que Ferrín non ten o aplauso plenario da RAG e tamén que existe un pacto que esixe o acordo por «unanimidade» dos académicos para designar ao novo presidente. Teiman: o candidato debe axuntar todas as sensibilidades. Semella que Méndez Ferrín non cumpre os requirimentos integradores suxeridos polos vencedores do 1-M. Non hai mellor candidato que el precisamente por non satisfacer o principio de unanimidade submisa. Ao redor da súa coraxe e rebeldía hai unha maioría suficiente e afoutada que non se rendirá a San Caetano cada vez que haxa que tomar unha decisión en defensa da nosa lingua ou cultura, e iso é bo para a Academia e para o país. Eu daría por boas cen derrotas (camiño imos delas) se Ferrín fose o novo presidente da Real Academia Galega, outro dos nomes da República das Nosas Letras.

Rajoy sobre o secuestro en Mauritania, «cos terroristas non se negocia nunca»

Si, trátase do presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, o mesmo que se sentaba como ministro da Presidencia no gabinete de José María Aznar que abriu unha mesa de negociación con ETA en 1998. Por certo, o fracaso daquelas negociacións levouno ao fronte do ministerio de Interior. No vocabulario conservador, «nunca» significa, exactamente, «mentres eu non o faga».

Berlusconi, un "súper" primeiro ministro "con dous collóns"

Falaba Rajoy nos corredores do Congreso del Partido Popular Europeo, onde Berlusconi fixo alarde de afouteza testicular. Segundo o tigre de Vila Certosa, á condición de gobernante con dous collóns accédese por liderar a «terceira economía europea», presidir un goberno «forte» e ter unha maioría parlamentaria «cohesionada». Desde agora, xunto á existencia de Estados exitosos e de Estados marrados, funcionará a súa soberbia distinción entre gobernantes con dous collóns e gobernantes castrati. Respecto da nova taxonomía berlusconiana descoñécese a opinión de Angela Merkel, ­lideresa da primeira economía europea, presidenta dun goberno fortísimo e con sólida presenza no Bundestag.

A Xunta vende Galicia en Brasil cun vídeo realizado hai 20 anos

Aínda que se abraie Fernanda Tabarés, a enxeñosa iniciativa de reciclaxe da imaxe (trastempada) de Galiza encádrase perfectamente na nova política do PPdeG, non na da cacarexada carestía e eliminación de gastos suntuarios e superfluos, senón nesa outra que insiste en vender o pasado como única alternativa de futuro.

04/12/2009

Fotoeditorial


Hai fotografías que son máis definidoras (e definitivas) que calquera editorial. A estampa de Xoán A. Soler, que presidía a portada de onte de La Voz de Galicia e coroaba a posta en escena do consenso das nosas forzas políticas ao redor da fusión das caixas galegas, sintetiza o xuízo do todopoderoso xornal sobre o papel que lle corresponde a cadaquén na repartición de poderes no noso país.

O retrato presídeo (non podía ser doutro xeito) Núñez Feijóo que busca cámara e ponlle dálle voz a solución de «galeguidade e solvencia» que o xornal que máis ordena aplaude e desexa adevecidamente. Vázquez (Manuel), á dereita do protagonista, abaixa a ollada para saber da hora. En, harmoniosa simetría, Vázquez (Guillerme), con non menor elegancia, procura con ollos deitados a mesma feliz hora que o líder do PSdeG.


Max Aub dicía que hai tres categorías de persoas: os que contan a súa historia; os que non a contan; e os que non a teñen. É doado asignar papeis. Quen conta a historia. Quen non a conta. Quen non a ten. Nin o máis entregado asesor presidencial soñaría cunha escenificación máis gloriosa para zafar dunha situación tan complicada e espiñenta. Feijóo tenlle que estar eternamente agradecido aos dous Vázquez. Santiago Rey Fernández Latorre un pouco menos porque, no derradeiro prazo da letra, Roma nunca paga nin a cándidos nin a traidores.


Que Feijóo se pregue á estratexia da Corporación non ten maior ciencia. Que o PSdeG se sume obrigado tampouco. Que o BNG se decida pola solución do lobby dos poderosos que, cando menos desde 2007, procura por todos os medios a súa aniquilación política obriga a Guillerme Vázquez e algúns outros a contar unha boa historia que xustifique unha cambiada de xogo que pasa por solidarizarse cos intereses dunha das caixas (onte non se escenificaba unha solución de integración senón un ultimato aos «irredutíbeis localistas» de Caixanova) e apostar pola fusión como única fórmula para asegurar a galeguidade das entidades financeiras.

Alén diso, o máis rechamante é a falta da máis mínima vontade de sumarse ao consenso explicitando condicións, singularizando unha esixencia, acoutando a marxe de manobra de Feijóo; moi ao contrario, graciosamente as achegas máis singulares do BNG foron para ampliar dar aire ao protagonismo e discrecionalidade do presidente do PPdeG, para liberalo de presión política e mesmo para blindalo ante un posíbel fracaso.

De prosperar a «solución Feijóo-Méndez-Fernández Latorre» que se despida Guillerme Vázquez de calquera loureiro, se tiña algunha esperanza que repare na magnifica fotografía de Xoán A. Soler.
Se fracasa a fusión por mor da negativa de Caixanova, Feijóo compartirá os custes con Vázquez e Vázquez. O noso presidente formalizou unha sociedade de intereses con eles dous co mesmo obxectivo que Méndez-Fernández Latorre impulsan unha OPA hostil (baixo a xentil denominación de fusión) contra Caixanova: a socialización das súas perdas pola derrama do seu modelo de negocio financeiro. A sabedoría popular explícao con poucas palabras: «Benditos sexan os listos que dos burros se apoderan.»

Cústame crer que todo esta cantinflada sexa consecuencia dun acordo entre o presidente, o presidente-editor e a UPG no papel de partido-guía do BNG, como expresión torcida dun pacto (secreto/discreto e inconfesábel) con contraprestacións políticas e melloramentos de trato mediático. Paréceme que obedece máis a un mal aínda maior que compromete seriamente o futuro do BNG: a cancelación da política e a imposición do imperio do clixé ideolóxico.

Mal nos vai e peor nos irá, se cremos que convertendo ao BNG nunha expendiduría de receitas ideolóxicas imos recuperar audiencia e peso político. As «solución en clave de país» ou o rol das caixas como «axentes financeiros nacionais» non resisten o primeiro round coa teimuda realidade. Méndez, Rey ou Gayoso non atenden a ningún país ideal, teñen intereses, posicións de privilexios, beneficios que protexer e débedas que escamotear, e arman estratexias e alianzas para gañar eles e non para que se beneficie ningún outro país que non sexa o do seu clan.

Está por ver a primeira participación activa de calquera das caixas nun dos tan vindicados proxectos de país, nas operacións comprometidas non nas benéficas obras sociais e culturais. As caixas non teñen unha natureza decisional diferente da dos bancos, nin a súa lóxica de negocio é máis altruísta, non se deben aos seus impositores, Galiza non é a súa empresa colectiva senón o seu principal mercado. Cantinflas sintetizou maxistralmente a relación dos xestores da nosas caixas co país onde fan lucrativos negocios: «Se se necesita un sacrificio... renuncio a miña parte e collo a súa.»


A ideoloxía ocúpanos o lugar da política, o país imaxinado impídenos ver o país real, Teresa de Cálcuta tomou o relevo do Lenin da análise concreta da situación concreta. Sobraría con ver o que fixo politicamente o Partido Popular no pasado trienio para saber o que non había que facer. Quedáronlle entaladas as mans a Touriño e a Quintana de tanto tenderllas a Feijóo para procurar consensos mínimos no novo Estatuto, nas infraestruturas, na axilización dos traspasos de competencias, na busca dunha saída para a Cidade da Cultura, na sinatura de acordos operativos para enfrontar a crise...


Sei que cómpre non mesturar allos con bugallos pero se rastrexamos cal foi o último gran acordo «en clave de país» que subscribiron PPdeG, PSdeG e BNG, consenso bendicido por organizacións sociais e cidadáns de amplo espectro, posibelmente acabásemos por dar co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2005. Ese mesmo consenso lingüístico que Núñez Feijóo enterrou para sempre como primeira decisión da súa estratexia de desnormalización cultural.


Ben abonda con reparar nos nove meses gloriosos de gobernación da novísima dereita para saber até onde chega a súa política cordial, o seu reformismo conservador, o galeguismo amigábel, a eficacia como principio reitor das súas actuacións e a prometida coalición de goberno cos cidadáns.

Por se aínda nos resistimos a aceptar como funciona a cousa, aquí temos o resumo que nos deixou un dirixente do PRI pouco escrupuloso: «A política é como unha pelexa de galos: só un gana e o outro morre. Quen lle apostou ao perdedor ten que pagar. E nós nunca perdemos e, se perdemos, non pagamos.»

Podemos estar certos que está primeira rolda das caixas imos pagalas nós. Quen teña dúbidas que mire para a foto dun presidente presta a súa voz ao poderosos e dous líderes da oposición que só miden o tempo fuxidizo que nos achega, se non o remediamos con intelixencia, a novas derrotas.

26/11/2009

Galiza, liquidación de existencias

Na súa historia Galiza madureceu máis como nación cultural que como unha nación política. A comunidade galega afirmouse na lingua propia e nun vizoso patrimonio cultural inmaterial común pero, malia súa solidez identitaria, a formación de Galiza como nación política foi serodia e estivo ditada por avances lentos e fráxiles debidos á falta de continuidade das institucións do Reino de Galiza e ao compromiso das nosas clases dirixentes co fortalecemento da monarquía centralizadora e do Estado liberal.

Acceder aos centros de decisión do Estado foi a vía privilexiada polas elites galegas para exercer o poder político. A adhesión compracida a un poder foráneo drenou historicamente a vontade de autogobernarnos e de pouco serviu para promover políticas do Estado coidadosas cos nosos intereses económicos ou políticos. Nación sen Estado, pero tamén unha nación abandonada polo Estado, en Galiza os cidadáns anticiparon a formación das nosas institucións e, até a aprobación do Estatuto de 1981, a construción de espazos de decisión política ou económica guiados polos intereses do país debeuse, case en exclusiva, ao emprendemento cívico dos galegos.

Como sociedade política Galiza foi, primeiro de nada, a expresión da autoorganización política da súa sociedade civil. O desexo de autogoberno como liberdade do pobo non naceu historicamente dunha descentralización administrativa do Estado nin dunha estratexia para socializar os seus poderes; ao contrario, a loita polos dereitos democráticos e os dereitos de Galiza e os seus cidadáns foi, e aínda é, unha das forzas de democratización radical do Estado español.

Dise que os pobos desposuídos de Estado buscan a súa salvación nos símbolos e por razón diso a conciencia diferencial dos galegos fincou historicamente na nosa solidez como nación cultural e foron a nosa cultura e lingua os elementos sobre o que se fundamentou a idea de Galiza como suxeito político nacional e a súa vontade de soberanía. O referendo de Estatuto de autonomía en 1936 e a aprobación do Estatuto de 1981 sinalan dous momentos fundacionais de Galiza como suxeito político, como país autogobernado, e son expresión da nosa libre determinación nacional e da madureza política dunha vella nación cultural.


Galiza é a día de hoxe un proxecto nacional inacabado en termos de soberanía política e normalización cultural pero, mesmo coas súas limitacións e cativezas, as institucións do noso autogoberno ofrécense como un instrumento decisivo para a construción de Galiza como nación no mundo. A cultura e a lingua seguen a ser a clave que ordena o arco institucional do autogoberno, a cerna simbólica da nación política. Desde o seu retorno á Xunta, os conservadores impoñen unha concepción regresiva do autogoberno que ten a súa faciana máis grotesca no ataque á lingua galega como chave da nosa identidade colectiva. A demolición de Galiza como nación cultural pasa polo rebaixamento do galego á lingua secundaria do país e o abafamento e desvalorización das nosas industrias e manifestacións culturais como catalizadores de conciencia comunitaria.

O PPdeG está ademais entregado a desactivar o autogoberno como garantía de acceso ao benestar en condicións de igualdade e como instrumento de provisión de rendas sociais para os galegos e galegas que menos teñen; constituíron un goberno para a desigualdade. Máis que unha contrarreforma a nosa novísima dereita practica unha liquidación de existencias e desexa reverter os avances operados na construción de Galiza como nación política proclamando, coa súa pasividade, a utilidade marxinal das institucións propias á hora de enfrontar os desafíos da sociedade galega en relación co benestar, a igualdade e o desenvolvemento económico.

Toda a súa idea pasa por cancelar as razóns do noso autogoberno. O resultado verificábel da Segunda Modernización de Galiza que publicita Núñez Feijóo non será outro que a derrama das nosas capacidades para decidir e a conversión de Galiza nunha autonomía administrativa. As políticas do retrogoberno do Partido Popular negan a Galiza como nación cultural e política; fronte ao seu involucionismo o único vieiro esperanzador é a recuperación da nosa sociedade civil como asento e forza motriz do autogoberno.

Tempos Novos # 150

06/11/2009

Negociar co medo

O Alakrana foi secuestrado a comezos de outubro. A situación dos mariñeiros detidos deu nas últimas horas un xiro inesperadamente dramático. A estas alturas ninguén sabe se estamos en defcon 2 ou defcon 1 pero a situación pinta moi fea e paira sobre os tripulantes do atuneiro unha ameaza de morte.

Ante unha malfadada crise de reféns, o goberno do Estado non parece ter estado moi feliz nas estratexias seguidas, nin nas diplomáticas, nin nas militares, nin nas informativas. Para nada axudaron tampouco as luminosas ocorrencias da maxistratura, nin o sempre pulcro traballo de oposición do Partido Popular que, por boca de Soraya Sainz de Santamaría, parece decidido a facerse cun lugar destacado na historia universal da infamia.


Como eran poucos a fozar sen proveito no asunto, o noso eficaz presidente Núñez Feijóo decidiu sacar peito e tomou unha primeira decisión para blindar a súa imaxe –suspender unha viaxe promocional a Florida–, aínda que di que só o move o seu desexo de estar a carón das familias dos 8 mariñeiros galegos. E unha segunda para reclamar protagonismo: esixe que un representante da Xunta se sente no comité de crise.


Segundo Feijóo: «Non é posíbel exercer o autogoberno nunha comunidade cando hai galegos implicados e non ter información de primeira man». O presidente argumenta: «Temos dereito a dar a nosa opinión e a informar aos galegos.» De la Vega xa dixo que se estudará a petición.


O noso presidente xa quedou como un rei, arroupado por unha postura sensata. Moito mellor quedaría se a defendese hai un mes con igual ardor mediático e con maior convicción política; agora chega moi desvalorizada e ten fasquía de ser unha posturita. O presidente pérdese en posados e marra nos tempos de reacción.


Compárese co que fai Pachi López. Curto e pego de El País: «O lehendakari pediu onte ás autoridades xudiciais que estuden a posibilidade de devolver aos piratas encarcerados en España ao seu país ou a outro da zona, como Quenia, "para que sexan xulgados alí". Tras reunirse coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, o presidente vasco asegurou que o traslado podería facerse "dentro da máis absoluta legalidade"». Uns buscan solucións; outros, que buscan?


As negociacións para a liberación da tripulación do
Alakrana comezaron en Quenia hai uns días. Os expertos din que, en situacións así, as familias pensan co corazón e os secuestradores co peto. De actuar con fría e estrita racionalidade, os piratas poden amagar o que queiran pero sería absolutamente prexudicial facer mal ningún aos mariñeiros; nada gañarían e perderíano todo: non lograrían o diñeiro do rescate, nin a liberación dos seus, serían obxecto dunha acción militar de represalia e darían azos ás políticas de tolerancia cero coas súas actividades por parte dos estados veciños cos que, a día de hoxe, se contrabandean complicidades.

Todo indica que os secuestradores provocan esta escalada de tensión para forzar unha resolución máis rápida e máis rendíbel. A súa estratexia pasaría por avivecer os terrores das familias como un elemento desequilibrante e multiplicar, co estado de alarma, a presión sobre as autoridades para lograr a liberación dos piratas detidos e para afrouxar máis a bolsa. O manual de racionalidade indica que esta sería a conduta que máis os beneficia pero a marxe para a irracionalidade é, con todo, inmenso.

É máis doado saber como poden pensar os piratas que saber como pensa saír desta o goberno. Tamén é ben dificultoso determinar se o Partido Popular pensa, ou se pensa unicamente en que, con tal de erosionar ao PSOE, todo vale. O goberno á parte de gobernar esta difícil situación, debe tamén render contas e informar con transparencia. A oposición... Nada, mellor imos deixalo.


A falta de entendemento de goberno e oposición indican unha cativeza de miras políticas que provoca pavor e tristeza e fannos acredores das palabras que Eça de Queirós dedicou ao seu país:
Em Portugal não há ciência de governar nem há ciência de organizar oposição. Falta igualmente a aptidão, e o engenho, e o bom senso, e a moralidade, nestes dois factos que constituem o movimento político das nações.
Chegado a este punto, un só confía en que o armador, co mellor dos sentidos, puxera o asunto en mans de negociadores profesionais que estean a facer caladamente o seu delicado traballo de mediación, sen ningún outro interese que a rápida liberación dos mariñeiros secuestrado e o seu feliz retorno cos seus.

29/10/2009

Honestidade presidencial

A wikipedia. A honestidade é unha calidade humana que consiste en comportarse e expresarse con coherencia e sinceridade, e de acordo cos valores de verdade e xustiza. No seu sentido máis evidente, a honestidade pode entenderse como o simple respecto á verdade en relación co mundo, os feitos e as persoas; noutros sentidos, a honestidade tamén implica a relación entre o suxeito e os demais, e do suxeito consigo mesmo.»

O caso. Efectivamente estamos falando de Alberto Núñez Feijóo, o verdadeiro mentireiro, e da tentativa (marrada) de eliminar o «complemento autonómico» das pensións non contributivas, mostra miúda da súa nova política de «austeridade social».

Cando o Bipartito acordou o complemento, o PPdeG saíu da gruta para quitarlle importancia, mesmo houbo medios de comunicación que despois dunha sisuda investigación concluíron que os douscentos euros non daban para mercar a barra de pan de todos os días ao ano. A contabilidade panadeira desautorizaba toda mínima medida de xustiza á espera de que o Partido Popular chegase novamente a San Caetano co corno da abundancia.


E chegou... para propagandear felizmente a derrogación do complemento. Anunciouno a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, foi argumentada olfactivamente polo voceiro parlamentario do PPdeG, Ruíz Rivas, e bendicida polo mesmo Feijóo apenas unhas horas antes de trasacordar a súa suspensión e facer, en sede parlamentaria, unha cambiada de xogo para santificar solemnemente o mantemento do complemento e, como bonus, a súa suba ao son da medra do IPC.


Antes a Secretaria Xeral de Benestar, Susana López Abella, volvera facer as contas da vella para desprezar os 0,5 euros diarios que percibían os pensionistas con menos ingresos. Os honestos conservadores prometían, a cambio da derrogación benefactora, ríos de leite e mel e financiar cos dez millóns aforrados novos servizos de proximidade e, como non, adoptar políticas de axuda que fosen sustentábeis e duradeiras polos séculos dos séculos, amén. Moito lles ían render os dez millóns dos pensionistas galegos,
dos que menos cobran no Estado.

O noso presidente só cede ao engado do espello mediático. Feijóo máis preocupado pola súa imaxe que polo benestar dos pensionistas reparou no alto prezo que podía pagar por eses dez millóns releados. Decatouse (tarde) de que expropiación dos 200 euros a 50.000 galegos podíalle saír carísima pero, sobre todo, revirou o fociño ao descubrir que acababa de emendar á totalidade á súa fábula sobre uns felices orzamentos pensados para o gasto social e as persoas.

Feijóo é home de principios e autoridade. Así que retornou ao principio, afeoulle a conduta á súa obediente conselleira e ao seu voceiro parlamentario, e ratificou ante a parroquia popular que unicamente hai que salvar a súa auctoritas e imaxe pública. Cambiou de idea e rectificou a decisión anulatoria pero faltoulle a honestidade de recoñecer que realmente trasacordara.

No debate de investidura Núñez Feijóo, aínda pre-presidente, sentou cátedra: «Señoras e señores deputados, coincidirán comigo en que o principal combustíbel para manter o avance deste país é a verdade.» Alguén debería dicirlle ao Señor Presidente que lle comeza a faltar dramaticamente o subministro de combustíbel. O país permanece entalado mentres o Presidente segue virando ao redor do seu embigo mediático, movido unicamente pola imparábel forza das súas
verdades mentireiras.

22/10/2009

Grandes coalicións, alianzas cativas e soidades

O 1-M certificou que ás eleccións non só concorren as candidaturas partidarias. As manobras políticas dos poderosos evidenciaron que as súas consecuencias son demasiado importantes como para deixarlle todo o protagonismo aos partidos; por iso a dereita galega realmente existente fraguou unha coalición invisíbel (pero claramente audíbel) que Feijóo bautizou como Movemento 1 de Marzo, unha formidábel acumulación de forzas políticas e sociais para lograr (con éxito) o retorno dos conservadores ao goberno.

O Movemento 1-M amalgamou o PPdeG cos intereses de grandes corporacións empresariais, directivos de entidades financeiras, poderosos grupos mediáticos e organizacións contrarreformistas como Galicia Bilingüe ou as extensións sociais da Igrexa católica máis reaccionaria. Conglomerado conservador que serviu para fidelizar os apoios electorais herdados do fraguismo e tamén para erosionar gravemente os fráxiles alicerces do goberno bipartito, ensimesmado e xordo ás demandas críticas dos cidadáns.

En 2005, BNG e PSdeG foron ás eleccións acompañados da sociedade civil que mobilizara Nunca Máis e que despois tornou, con Hai que botalos, nunha alternativa cidadá para o cambio político. En 2009 acudiu en solitario o goberno bipartito, mesmo mal acompañado dos partidos que lle tiñan que ter dado asento social, dramaticamente divorciado da maioría dos axentes civís, non adscribidos a PSdeG ou BNG, que foran unha forza decisiva na derrota de Fraga.

O Bipartito non callou coalición ningunha cos sectores cidadáns que se comprometeran coa procura do cambio en Galiza e fracasou estrepitosamente na socialización das políticas de goberno. Cedendo a un exitoso lema comercial, socialistas e nacionalistas non foron quen de concretar na Xunta a fórmula Ikea que asegura que «onde caben dous, caben tres».

Polo seu, as expresións críticas da sociedade civil, agromadas entre 2005 e 2009 –serva como referencia Galiza Non Se Vende– traducíronse nun factor de desconto de apoios electorais ao Bipartito. A crenza de que se estaba a producir unha transferencia de lealdades de votantes conservadores cara ao BNG e PSdeG que compensaba esas perdas «críticas» foi un dos moitos espellismos que nos impuxemos e que conduciron ao fracaso de marzo.

En 1993 Manuel Vázquez Montalbán retratou unha situación á que se asemella a de Galiza hoxe: «A esquerda real debe dedicarse a dar máis papel aos movementos sociais que ás formacións políticas convencionais. [...] Sinto a necesidade dunha articulación e dunha certa coordinación do que poderiamos chamar a vangarda crítica da sociedade civil, a través de movementos sociais. De feito, a única garantía que nos pode quedar nun momento concreto de defensa ante unha tentación involucionista [...], ante un involucionismo profundo, é que a vangarda da sociedade civil tivese instrumentos para propiciar unha reacción de carácter social. E niso estamos espidos.»

Á febleza da sociedade civil crítica hai que sumar a influencia multiplicada das organizacións, medios e corporacións que compartiron coalición electoral co PPdeG e son arestora influentes grupos de presión involucionista que, ao tempo, que se proclaman fedatarios únicos da sociedade civil, da voz da rúa ou dos axentes económicos emprendedores, aspiran a forzar un rumbo aínda máis conservador das xa moi conservadoras políticas do goberno Feijóo. A día de hoxe a política lobbista que abeira o Movemento 1-M determina as decisións gobernamentais infinitamente máis que a oposición parlamentaria e os movementos sociais progresistas.

Se se quere dar unha nova oportunidade ás políticas de cambio en Galiza, o mellor camiño non é unha alianza cativa entre BNG e PSdeG, é precisa unha gran coalición que recupere iniciativa política e de arrastre electoral a partir do protagonismo dos axentes da sociedade civil crítica. Crer que só os partidos se presentan ás eleccións e que a oferta espida e en solitario de BNG e PSdeG é suficiente para lograr un cambio de goberno en 2013 unicamente ha de servir para que a alianza do PPdeG cos lobbies conservadores agranden o seu dominio. Teñámolo claro, non haberá dous sen tres.

Tempos Novos # 149

19/09/2009

Grande eloxio do mercado de favores

Abondan os ensaios (auto)críticos que debullan a relación da esquerda co mercado e a democracia para saber das pexas que coutan os progresos da súa oferta de igualdade en liberdade. Suxírese que é un problema que a dereita saldou con ben hai décadas; mais a apoloxía do liberalismo económico, coa que arroupa o seu entusiasmo por unha democracia dominada por un mercado de favores, non cancela a distinción radical de Giovanni Sartori: «Esquerda é facer o ben para os demais; dereita, facer o ben para si.»

A decisión de Núñez Feijóo de revogar o concurso formalizado polo goberno bipartito para a concesión da explotación de case 2.300 megavatios de enerxía eólica vale tanto para poñer en claro a súa renuncia a que Galiza teña unha política enerxética de seu como para certificar a súa entrega ao mercado de favores e aos desexos dos brókers mediáticos que asumiron a defensa das macrocorporacións.

Pretextando grave inseguridade xurídica, «chatas graves e insalvábeis de legalidade» e, mesmo, inconstitucionalidade por vulnerar a «liberdade de empresa», a Xunta do PPdeG decidiu abortar a tentativa do BNG de materializar unha nova política enerxética baseada no desenvolvemento das renovábeis, a mingua dos impactos ambientais e o reinvestimento dos beneficios da explotación dos seus recursos.

Fendeuse ademais a participación da Xunta na explotacións eólicas a través do INEGA e a estratexia de encadeamento das concesións co impulso de novas iniciativas enerxéticas, agrogandeiras e industriais, lideradas por grupos empresarias galegos e as caixas de aforro do país, que estimaban a creación de 8.300 novos empregos. E, singularmente, liquídanse as cautelas para evitar a concentración monopolista (o maior adxudicatario no concurso finiquitado non sobardaba o 10,3 por cento do total).

Quedan por ver se os resultados da vella nova política, que o presidente Feijóo prognostica, se traducen en garantías xurídicas máis sólidas, mellor protección ambiental ou un maior impacto na reactivación da economía produtiva e non da depredatoria. Como testemuño da acusación crítica fica o negro balance das concesións de 4.000 megavatios que o Partido Popular distribuíu discrecionalmente durante a gobernación de Manuel Fraga. As políticas pasadas abeiran poucos motivos para a esperanza.


Tampouco é de agardar unha mudanza radical da cartografía da explotación das renovábeis nin do balance de forzas das poderosas megacorporacións enerxéticas. O cadro, que asinan Albino Prada e Santiago Lago en Galicia, unha economía europea, non sufrirá ningún gran redeseño:
Tal ausencia de investidores galegos está a trasladarse ao emerxente vector eólico no que Galiza é líder español e europeo. Entidades españolas como BBVA, Caja Madrid ou ACS controlan a maioría dos parques, e teñen unha presenza importante empresas holandesas, italianas e norteamericano-xaponesas. Só o 5 por cento da potencia instalada o é por empresas galegas [...] Isto tería importantes consecuencias na fixación de rendas ambientais e sociais do recurso e no desenvolvemento industrial ou tecnolóxico que puidera vir asociado.
Luigi Zingales, da Universidade de Chicago, caracterizou o liberalismo oligárquico dos nosos tecnoconservadores: «Moitos partidos políticos din que son pro mercado e en realidade só son pro negocios: pro negocios duns poucos empresarios que adoitan ser os seus amigos. Iso non é ser partidario de libre mercado, senón deturpalo [...] Por iso, agora hai que salvar ao capitalismo dalgúns capitalistas. Hai que regular ben e restablecer a libre competencia nun libre mercado, xusto e honesto.» Ese é o ecosistema económico do presidente Feijóo; acompáñase ademais dun manso liderado do goberno na regulamentación dos mercados e o deseño de políticas públicas para a xestión ecosocial dos bens comúns.

Desde o 1-M, a Xunta de Galicia é un convidado pasivo na mesa das megacorporacións, acode ás súas esixencias e cede gozosa ás presións mediáticas do brókers no revitalizado mercado de favores. Co PPdeG o autogoberno encadéase ás contas de resultados dos poderosos e ofrécese como unha democracia defectuosa para ser o autogoberno dos grandes grupos de presión e non dos cidadáns.

Tempos Novos # 148

29/08/2009

Galiza non é...

«Galiza non é nacionalista, maioritariamente.» Non vaia ser o demo, Feijóo repite a sentenza como un mantra salvífico, un infalíbel remedio para liberar a mente do fluxo constante de pensamentos que a confunden. Cal era a pregunta? Querían saber se Galiza aspiraba a un nivel de autogoberno homologábel ao de Cataluña. A ben entender: como Galiza non é nacionalista (maioritariamente) non debe aspirar a máximos de autogoberno. Feijóo avoga por unha «vía galega propia». A vía quietista. Quietos parados até que as máis altas autoridades se pronuncien, sexa o TC, sexa Mariano Rajoy.

A Núñez Feijóo pérdeo a súa condición de dobre presidente, de presidente da Xunta e de presidente do PPdeG. O primeiro está obrigado a xestionar as aspiracións máximas de Galiza, o segundo imponlle un autogoberno mínimo. O primeiro foi elixido, o segundo é quen manda. A «vía galega propia» para ser tal ten que aspirar inequivocamente a un Estatuto, competencial e financeiramente, comparábel ao de Cataluña.

A vía do PPdeG é o minimalismo e a afirmación ideolóxica de que Galiza non é nacionalista, maioritariamente.
E que é Galiza, maioritariamente? Case nada grazas a ter un goberno que, ademais de mínimo e quietista, é tamén irresoluto. O sermón do pai António Vieira acáelle ben á xestión diaria da Administración Feijóo:
A peste do governo é a irresolução. Está parado o que havia de correr, está suspenso o que havia de voar, porque não atamos nem desatamos.
Arrandeado polo coro que certifica a banalidade dunha mellora do autogoberno para enfrontar os auténticos retos de Galiza, aínda se lle axusta moito máis estoutro sermón, resumo do seu xeito de gobernar fachendeando do abandono das súas responsabilidades:
Nós somos o que fazemos. O que não se faz não existe. Portanto, só existimos nos dias em que fazemos. Nos dias em que não fazemos apenas duramos.
Temos un goberno galego que dura moito máis do que existe. Pero lembren: «Galiza non é nacionalista, maioritariamente. E co presidente Feijóo leva camiño de non ser case nada.

28/08/2009

Non parece pero é

Ten engado cos xornalistas dos medios exteriores. Cos de aquí ten cargos de nómina ou subvencións. Hai unha semana, en Público rendéuselle Jesús Miguel Marcos: «Alberto Núñez Feijóo, o flamante novo temoeiro de Galiza, non parece do PP.» Afeita a retina aos conservadores pre-constitucional de Pujalte e Zaplana ou aos liberais antidemocráticos como Aguirre ou Camps, explícase a xentileza e o cándido extravío.

De Toro inspeccionou xa a alquimia do experimento Feijóo para rexistralo entre a «dereita nihilista». Antonte Anxo Guerreiro lembrounos a perspectiva longa coa que se move e ponlle deberes: «Se Feijóo aspira, como parece, a liderar no futuro a dereita española e a dirixir un partido moderno ha de enfrontarse a outro gran dilema: encartarse á actual deriva política do PP ou romper amarras coa involución aznarista de Rajoy». De momento segue en wait and see e atende con mansedume ás prioridades e desacougos marianistas.

O ecosistema político de Galiza acubilla moitas variedades de dereita, democrática e nada democrática, pero os engaiolados xornalistas con praza na capital poden estar seguros de que Feijóo non é o modelo de dereita progresista ningunha, el é a emerxente e novísima dereita, o prototipo do Partido Popular 4.0, versión aggiornata do parademocrático PP 1.0 de Fraga, do exitoso neocon 2.0 de Aznar e do abaneante 3.0 de Rajoy; un híbrido de todos e a superación de ningún.

27/08/2009

Prioridades

A política como ensaio de prioridades obriga a elixir o futuro desexábel ao que se lle quere dar materialidade no presente. Vitor Hugo sostiña que saber exactamente que parte do futuro pode ser introducida no presente era o segredo de todo bo goberno. Para subliñar a súa autoridade suprema, Mariano Rajoy aproveitou (extensamente) os micrófonos da Radio Galega para avaliar se Alberto Núñez Feijóo estaba facendo ben os seus deberes gobernamentais. Aprobouno con nota.

Como todo dirixente ten que ter prioridades, don Mariano sinalou os novos deberes ao presidente galego: «A prioridade é a crise nun momento tan delicado e a outra prioridade a medio ou longo prazo é a educación.» Tamén apuntou unha parte de futuro que non debe ser introducida no presente: o Novo Estatuto de Galiza. Sentenciou: «Eu non me opoño, pero non é a prioridade hoxe, a prioridade é a crise.» Non hai perigo, Feijóo é un firme partidario de adialo até que o Tribunal Constitucional santifique co seu cuño que é tolerábel no Estatut. Sobre o padrón catalán, mais cun par de tallas menos, deseñarase o autogoberno de Galiza, cando toque e deus mediante.

Seguido ao autor de Os miserábeis pode concluírse que a clave dun mal goberno é o seu empeño en impoñer no presente as solucións caducadas do pasado. Nesa onda traballa o TC e con esa intencionalidade presentou o Partido Popular o seu recurso de inconstitucionalidade. Á transposición de pasado como solución de futuro dedica unha boa parte dos seus esforzos o consello de administración que preside Núñez Feijóo.

Para os heraldos conservadores pedir un «adianto de futuro» é sairse da orde natural.

Se o futuro é a perdición, a salvación ha de estar nas orixes, non é de estrañar, logo, que para o Partido Popular, como escribiu Karl Krauss, «a orixe é a meta». Non por iso produce menos abraio albiscar cal é a orixe que revindica unha facción da dereita mediática coa que se entende Rajoy. Hai pasados e pasados ben pasados e, se non me cren, activen o seu arrepío ante a futurista visión política que abandeira Agapito Maestro:
O proceso de desintegración [de España], que comezou coa aprobación dunha das Constitucións máis perversas que deu a historia de Europa, a do 78 español, terminou o mesmo día que se aprobou o Estatuto de Cataluña.
ou perante a renovada mestría do capataz dos peóns negros, Luis del Pino:
Todo o golpe de réxime que estamos a sufrir pivota ao redor do Estatuto catalán, para aprobar o cal se están incumprindo até as normas máis elementais de procedemento.
Con estes arrolos mediáticos, Rajoy elixe futuro e fixa prioridades, entrementres Feijóo toma nota.

20/08/2009

Unha oposición de goberno

Ralf Dahrendorf estaba convencido de que os gobernos sen oposición son unha ameaza para a democracia. Un goberno que non enfronta un desafío eficaz por parte da oposición é moito máis dado a embarrancar na autocompracencia, na corrupción e no autoritarismo. Aos ollos da sociedade civil, unha democracia madura é aquela onde os cidadáns contan con dous tipos de axentes políticos, os mandatarios que gobernan e a oposición que quere ser goberno. Galiza aínda semella estar á procura dese logro democrático.

Exemplo dos peores augurios de Dahrendorf, Valencia tornouse, sen unha oposición parlamentaria competitiva, nunha satrapía sometida aos caprichos de Camps. Madrid ofrécese tamén como modelo dunha democracia sen controis favorecida por unha oposición de esquerda desgonzada. As eleccións europeas sinalaron que os liderados conservadores parecen ser inmunes ao labor da oposición, ás denuncias dos seus desmandos e á visualización da súa corrupción clientelar; o seu desgaste é molecular e pouco manca ás súas bases electorais. Berlusconi, coa súa política autoritaria, desacomplexada e sen ataduras, é o patrón de éxito a imitar.

En Galiza Núñez Feijóo mídese con forzas opositoras aprendidas en labores de goberno. O inicio da oitava lexislatura mostrou unha Xunta ancorada en políticas de oposición e unha oposición con acenos gobernamentais. Até agora, o gabinete Feijóo gastou máis en desmantelar os logros do Bipartito que en materializar un programa en positivo. A estampa primeira é a dun partido con mentalidade de oposición instalado no goberno e dous partidos con haberes de goberno fincados na oposición; mais cómpre desenganarse, o Partido Popular activouse xa para cancelar esta situación paradoxal.

A estratexia de anulación da oposición no Hórreo ten tres eixos: presión regulamentaria para acoutar o poder de control e iniciativa de BNG e PSdeG; uso intensivo da réplica rifante e agresiva para que o escándalo das formas empardeza as palabras; e mingua da opinión crítica coa posta en circulación dunha información parlamentaria insubstancial á que se pregan case todos os medios. O resultado é unha caricatura do Parlamento como contrapoder obstrucionista, tribuna para vocear malestares estériles e escenificar debates sen interese, reduto de políticos «ociosos» dedicados a limitar a uns gobernantes laboriosos.

Tamén nisto Berlusconi é referente e vangarda. Hai pouco acusou ao seu parlamento de ser soporte de «asembleas pletóricas que son totalmente inútiles e mesmo contraproducentes». Deslexitimación de todo instrumento de control para fixar o centro de gravidade da política no presidente e o seu equipo. Nas súas palabras: «Por vez primeira o Goberno está rexido por un emprendedor e uns ministros que parecen membros dun consello de administración pola súa eficiencia.» A Feijóo comprácelle esta idea tanto como Ruíz Rivas ou a Pilar Rojo.

No próximo período de sesións intensificarase a desvalorización do Parlamento e a apoloxía do tecnogoberno. Feijóo elixirá os media para presentar os plans de choque e iniciativas que comprometeu para antes de finalizar os cen primeiros días de goberno. A axenda mediática será usada para encorar a axenda parlamentaria por máis que esta anote no outono un debate do estado do autogoberno e a presentación do primeiro orzamento do PPdeG reinstalado na Xunta.

A PSdeG e BNG non lles bastará coa denuncia para combater o malgoberno do PPdeG. Apuntouno atinadamente Gianfranco Pasquino: «Canto ás políticas, as oposicións serán críticas cos contidos que achegue o goberno e propositivas de contidos distintos, pero tamén conciliadoras cando existan espazos de intervención, mediación, colaboración e melloras recíprocas».

Unha oposición acantoada sempre na oposición non terá maior crédito cidadán que o goberno; así, BNG e PSdeG han de medirse coa Xunta conservadora demostrando ser un goberno alternativo e ofrecendo unha política que sirva ao país e non só a unha estratexia de control do goberno; á sociedade civil prestaranlle máis as súas iniciativas lexislativas e de impulso dunha acción de goberno positiva que as súas denuncias.

23/07/2009

Do retrogoberno á Galiza Potemkin

John Berger converteu o bulldozer na icona das políticas regresivas. No primeiro trimestre de mandato de Núñez Feijóo, o bulldozer traballou a todo gas. A demolición dos logros e símbolos do goberno bipartito foi o fío condutor da política primeira dun presidente que solemnemente anunciara: «Nós non vimos derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores.» Á luz da intensa política de deconstrución na que se prodigou Feijóo e compañía, pouco debeu ser o que o goberno do PSdeG e BNG fixo ben.

En Caderno de paso fago balance trimestral e prognostico o próximo proxecto da dereita no goberno: a construción da Galiza Potemkin á imaxe e semellanza da política tsarista desenvolvida en Crimea a fins do século XVIII. Os instrumentos do novo espellismo gobernamental para a campaña outono-inverno han ser o Xacobeo, o Plan Galicia 2.0 e a nova reprogramación informativa da CRTVG: asfalto, cemento, requintadas programacións cosmopolitas de cartón pedra e vídeos apoloxéticos.

Até que non comece con entusiasmo a propaganda das glorias e ventureiros logros do Quinto Presidente, os «conservaduros» seguirán dándolle gas ao bulldozer e uso á bóla de demolición. O bulldozer seguirá amoreando entullos institucionais e lexislativos e a bóla seguirá esnaquizando todo trazo de identidade e solidariedade que fique ao seu paso facéndonos abanear entre un presente demoledor e un futuro arrepiante. Mentres a parroquia hooligan, civil e mediática, non deixará de corear o sabido «Non pares, non pares!!!», e todos eles, familia feliz, gabaranse de que iso é gobernar ben un país.

14/07/2009

Facendo amigos (galeguistas)

Ao noso presidente réinalle adxectivar o galeguismo. Segundo sexa a ocasión é cordial, outras veces é amigábel, conciliador cando non integrador, plural ou construtivo. A min praceríame máis que o galeguismo de Feijóo fose máis substantivo e menos adxectivo pero hai que aterse ao que hai.

En actos solemnes Feijóo predica a idea (piñeirista?) do galeguismo como «meeting point» aínda que cando ten ocasión de dirixirse a unha audiencia, que presume que é maiormente galeguista, aproveita para facer ríspidas advertencias sobre o «provincianismo», o mantemento de contraproducentes «misións de resistencia cívica» ou a fabulada tentación de «facer do galeguismo un reduto selectivo ou unha distinción que algúns comparten con avaricia». Unha anómala forma de xerar confianza e seducir ao auditorio.

Na clausura do XXV aniversario da creación do Consello da Cultura Galega, Feijóo deitou palabras que a unha boa parte dos asistentes lle pareceron de todo menos amigábeis. Con ese suceso como estampa dunha nova decepción,
matino en «Disparando aos reloxos» sobre a estratexia marrada do presidente de facer amigos galeguistas.

Galeguismo meeting point

Malia o discurso da cordialidade e a integración, aínda está por saberse da primeira iniciativa do actual goberno que poda ser etiquetada como «galeguista» e sobran declaracións e actuacións de contrarreforma que en nada axudan á normalización da lingua e a cultura galega. Tampouco pode cualificarse como exitosa a súa pretendida política de recrutamento de galeguistas independentes para pluralizar os cadros do goberno, fóra da incorporación de Anxo Lorenzo, unha notábel excepción que perde valor exemplar xa que cada día que pasa Lorenzo parécese máis ao soldado Ryan, un home de valía para a familia galeguista que, á espera de rescate, sobrevive tras as liñas inimigas.
Fernández Albor e Fraga tiveron moito máis engado galeguista nos seus gabinetes.

Sobre o papel non é difícil concibir o galeguismo como un espazo de pluralidade, de diálogo e mínimo común denominador ao redor do noso país e os seus desafíos e, mesmo, como principal plataforma para a transferencia e converxencia de ideas ao servizo de Galiza, para pensar os nosos problemas en clave de país e procurar solucións integradoras das achegas das diferentes marcas partidarias. Tamén é verdade que baixo pavillón galeguista trafícase con diversos e pouco clarificados fretes, desde a simple descentralización administrativa do rexionalismo forte a un galeguismo que se sitúa, segunda feliz expresión do finado Cuíña, na fronteira da autodeterminación.


Mentres non remita a retropolítica lingüística do goberno do PPdeG e non se reconstrúa o consenso basal que respectaron (máis ou menos) os anteriores presidentes e gobernos, vai resultarlle difícil a Alberto Núñez Feijóo prosperar en seducións galeguistas. Oficia na actualidade de zapador que non de arquitecto do pretendido «meeting point» e, de seguir así, Feijóo acadará un triste recoñecemento: será o primeiro presidente de Galiza que remate o seu mandato sendo menos galeguista que cando o comezou.

Tampouco hai motivo para que se estrañe se a súa pretensión de fosilizar e museificar a lingua e cultura galega activa movementos de resistencia e mesmo de disidencia, e tampouco debería abraiarse se a disensión galeguista remata por botar raiceiras en sectores do propio Partido Popular, moi especialmente entre os que xa foron derrotados (cuiñistas) ou nos que están chamados a ser os vindeiros derrotados (baltaristas).


Cerebros ao servizo do país

Hai uns días Jacques Attali pasou por Barcelona e expresou a súa perplexidade porque Piqué non fose chamado a colaborar activamente cos labores de Montilla e a Generalitat tripartita. Attali fala desde a súa experiencia como antigo asesor de Mitterrand que agora, por encomenda de Sarkozy, preside a «Comisión para a liberación do crecemento», xa coñecida como a «Comisión Attali», un espazo para a imaxinación de novas estratexias de desenvolvemento socioeconómico para Francia. El ten claro que «ningún cerebro debe reservarse só para un partido» e que «a vocación de servizo a toda a sociedade debería estar por enriba de calquera partidismo».

Posibelmente nunha sociedade normalizada Attali leve razón, pero nun país como este tan demediado todo resulta moito máis difícil; máis aínda se o galeguismo remata por converterse no que Bauman cualificou como «ideoloxías de gardarroupa», un complemento de quitar e poñer segundo as circunstancias, e se o destino dos cerebros galeguistas é someterse a unha política de lobotomización cultural e lingüística. Jacques Atalli caeu na tentación da oferta de Sarkozy pero é máis que dubidoso que se entregase ao galeguismo minguante de Feijóo.

26/06/2009

Padriños

Co pano de fondo dunha reflexión de Gianfranco Pasquino sobre políticos afeccionados e políticos lobbistas, reflexiono en Caderno de paso sobre a fábrica conservadora de líderes. O presidente da Xunta gábase de non ter patrocinadores. O patrocinador é aos negocios o mesmo que o padriño á política. Núñez Feijóo foi disertar ao Foro ABC e ao seu carón acudiron todos os seus padriños políticos: Romay, Cascos, Rajoy e Fraga. Agora Feijóo non foi como apradiñado senón como apadriñador da causa de Mariano Rajoy. Tamén foi para facer valer, diante dos líderes da opinión conservadora, os seus novos poderes como gobernador de Galiza e para significarse por se no futuro Rajoy volve extraviarse no camiño da Moncloa e o PP precisa de alguén que saiba gañar eleccións.