12/07/2007

Neve negra

Bos Aires sob a neve. Case nove décadas sen branca compaña. Chegou coas vacacións de inverno, precedida de alarmantes anuncios sobre a pouquedade de combustíbeis. Escaseza de calefactores e roupa de abrigo; disparáronse as vendas de luvas, camperas, gorros e bufandas de lá. A onda de frío polar non sabe de fronteiras pero si de clases. A ruda friaxe azoutou o altiplano, o cordal dos Andes e lambeu logo a estrema do Cono Sur con fame atrasada. Unha vintena de mortos na Arxentina e outros tantos sumados nos afriados países veciños. A estatística non é moi exacta porque os invisíbeis son difíciles de contar.

Son moitos, con moi pouco, non pode pagar os 20 pesos que cobran polo cuarto da pensión. Os indixentes fan noite no refuxio. Fóra, menos seis graos. E neve. «O clima, escribe John Berger, axuda en certa medida a regular a fronteira entre o público e o privado.» A vaga de frío permite trazar tamén a fronteira entre dentro e fóra, entre os que están ao coidado da calor e os que están entregados á morte certa. O frío sinala, mundo adiante, os lindeiros da exclusión. A democracia non vale para nada cando o mercurio cae por debaixo de menos seis graos.

7 comentários:

O Fuco disse...

Tranquilos/as, a democracia está reaccionando: A Unión Europea acaba de proibir o uso do mercurio nos termómetros.

Ian disse...

Mentres non se lles ocorra prohibir directamente a existencia dos pobres, todo vai ben...

A.C. disse...

Podres democracias burguesas! Em Cuba nunca teriam morto de frio.

Ian disse...

Na podre monarquía alauita ou saudita tampouco terían morto de frío... :)

Torcinho disse...

Sim, sim, toda a gente sabe que nas dianhocracias latino-americans morre de frio ou de fome só quem quiser.

A.C. disse...

Entrei numha insolvível dúvida, Ian. Quando fala da monarquia alauita refere-se à monarquia de Marrocos ou à de Síria, pola seita da que som adeptos os Assad? :D

Ian disse...

Nada sabía da derivación siria, alauitas marroquinos. :)