Mostrar mensagens com a etiqueta Non lugares. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Non lugares. Mostrar todas as mensagens

14/12/2009

A lectura do mundo de Maalouf

Os escritores de ficcións discuten, cada vez máis, as interpretacións que expoñen politólogos, sociólogos ou analistas das relacións internacionais. A deleiba do mundo é unha mostra inmellorábel. Nas súas páxinas Maalouf preséntase como un «incondicional das Luces», «un apaixonado da liberdade», «un partidario da diversidade harmoniosa» e «un namorado da vida» que non quere resignarse á deleiba da civilización que paira sobre nós. Non é esta a súa primeira incursión ensaística, antes deunos dúas pezas imprescindíbeis –As cruzadas vistas polos árabes e Identidades asasinas– que mudaron a óptica dos temas considerados: a historia nas palabras dos outros e o agromar de identidades depredadoras.

O novo libro é, antes de nada, un grito de alarma que rebate, compromete e quere convencer e non adormecer, unha historia para animar a busca de «solucións globais inéditas» coas que crear novas oportunidades políticas, sociais ou culturais nun mundo incerto e ameazado por unha regresión descivilizadora. É tamén un pensar para a acción, un escribir para pensar e unha reacción fronte ao relato deshumanizado (e tamén desvalorizado) que da marcha do mundo nos dan as ciencias sociais da academia, as análises dos think tank ou a literatura gris das chancelerías. Unha nova narrativa para combater o decompressive storytelling que sostén as visións conformistas do que acontece con retóricas fraudulentas, certezas rancias e axendas que son irrelevantes para mudar a vida das persoas.


Tras un exordio de tinturas apocalípticas, Maalouf repara nas vitorias enganosas (a primeira, a do mundo libre sobre o socialismo real), as lexitimidades perdidas (no mundo árabe-musulmán e Estados Unidos) e as certezas imaxinarias (dacabalo da relixión, as pertenzas impermeábeis e as identidades excluentes) das que se vale para taxar a desfeita intelectual, económica, ética, ambiental e xeopolítica que magoa á humanidade nun tempo en que a penas hai nada que indique que se «saberán superar as diverxencias, elaborar solucións imaxinativas e logo unirse e mobilizarse para poñelas en práctica».


No epílogo, argumentos para retrucar a tentación do precipicio –o ánimo suicida dos oprimidos e excluídos decididos a arruinar unha festa á que non están convidados–; a tentación da parede –a fortificación das nosas fráxiles (in)seguridades até que pase o trebón– e a tentación do cume, a crenza compracente na fin da historia; outra é a súa idea: estamos ante a fin da prehistoria dunha humanidade derramada na afirmación teimosa de identidades negadoras dos outros.


E catro razóns para a esperanza que Maalouf cifra no avance imparábel da ciencia; no abandono do subdesenvolvemento por parte dalgunhas das nacións máis poboadas do planeta; nunha integración europea quen de crear solidariamente un espazo común que prefigura «o que podería ser mañá unha humanidade reconciliada»; e nos novos Estados Unidos que se albiscan nas promesas de Obama e na súa oferta dun new deal mundial. Nas dúas últimas razóns Maalouf abranda (moito) as esixencias críticas, non para ofrecer un final feliz senón para deixar un final aberto que nos permite empatar con ese proverbio africano que nos lembra que «a esperanza é o piar do mundo».

18/11/2009

As vítimas do Alakrana


Hai que vender grandeza aínda que o asunto sexa miserento. Titular grandioso: «Los héroes del Alakrana vuelven a casa...». Hai que enxalzar a españolidade da solución, fala a filla do patrón, Cristina Blanch: «Nosotros somos España, un país en que todo el mundo sabía que íbamos a salir del secuestro. Otros barcos están apresados desde hace meses y nadie los va a sacar de allí.» Heroicidade e españolidade, combinación infalíbel e corroboración (unha máis) de que a Enciclopedia Álvarez segue formateando os espíritos decentes.


Sería bastante prudente deixar de lado a afirmación da españolidade da solución xa que é fácil retrucala lembrando que o capital non ten patria (o proletariado tampouco segundo indicación dun barbado señor de Treveris e do seu amigo Federico, o Bo). É mellor non despistarse, o problema (secuestro) resolveuse grazas á xenerosa entrega dun gorentoso capital (rescate) á empresa corsaria.

O patrioterismo español é unha variábel irrelevante na resolución aínda que é posíbel que asistamos a unha graciosa expresión de españolidade, mais para iso teremos que agardar para ver como se resolve o tratamento penal dos dous piratas detidos. Hai moitas papeletas para iso teña, efectivamente, unha «solución española», a da tortura da lei e da intelixencia.


Volvamos aos heroes. Unicamente son heroes se aceptamos a óptica do poeta e diplomático Paul Claudel: «Os individuos só son heroes cando non poden actuar doutra maneira.» Unha idea que completou con brillantez Umberto Eco: «O verdadeiro heroe é sempre heroe por engano; soñou con ser un covarde honesto como todos os outros.»

A tripulación do Alakrana son vítimas. Vítimas en estado puro. Vítimas múltiples.


Son, primeiro de nada, vítimas dun secuestro.
Pero tamén son vítimas dun modelo de explotación (capitalista express) dos recursos mariños coa que que procuran os maiores beneficios cos menores custos e poucas (ningunhas) rendas económicas ou sociais para o países (ultraempobrecidos) que están na veciñanza dos caladoiros.

Hoxe Público ofrece algúns números do fabuloso negocio: 200.000 toneladas –cun valor facturado de 180 millóns de euros– que cobre o 40% da demanda das conserveiras que con elas fan unha caixa duns 600 millóns de euros ao ano. O risco das tripulacións cóntase por millóns. As desgrazadas vítimas son unicamente un investimento fracasado.


Son vítimas ademais das inconsistencias políticas, diplomáticas, xudiciais e militares do goberno do Estado español. Un Estado fallido, moi marrado neste lamentábel asunto.

Son vítimas adicionais da política da morriña (segunda acepción: «corpo morto en estado de descomposición.») do Partido Popular que devece por tirar rédito electoral da prea que producen os erros do goberno.

E, desde o momento en que aos mariñeiros do atuneiro se lles impoña a heroicidade, serán vítimas mediáticas.

André Malraux, sabido en cousas da fama, xa advertiu que «non existe heroe sen platea» e a medida que se achegue a arribada do Alakrana agrandarase o teatro mediático para vender heroicidades, españolidades ou o que toque para disparar a venda de xornais ou o orgasmo do share.


Desde a liberación e até que chegue a porto, seremos machucados polo balbordo dos medios que xa nos terán despistado da orixe deste asunto (piratas, secuestro, dubidosa eticidade do negocio pesqueiro, incapacidades políticas...) de xeito que, cando a amarra abrace o norai, os homes do Alakrana xa serán inevitabelmente fashion victim. Vítimas da máis merdenta das modas, a que converte en banal entretemento e distracción todos os problemas malditos aos que gobernantes e poderosos se negan a buscar dignas solucións.

22/05/2009

Trilos: Lecer real

El-Rei na conserveira de Jealsa: «Alégrome de ver a tanta xente traballando». Faltoulle dicir: «Cousa que eu nunca fixen».

26/08/2008

A miseria dos zapatos

H. G. Wells publicou en 1907 A miseria dos zapatos, un opúsculo de vocación didáctica para difundir as ideas socialistas. Nas súas primeiras liñas, Wells defende a conveniencia de reflexionar sobre os zapatos. «“Non ten sentido, dicía un dos meus amigos, reflexionar sobre os zapatos”. A min, con todo, sempre me gustou miralos e reflexionar sobre eles. Teño a estraña idea de que as cuestións máis complexas poderíanse comparar cos zapatos, e quizais por isto os zapateiros son tan a miúdo filósofos.»

Limiar que abre unha matinación sobre os males do calzado na sociedade capitalista e un retruque contra a inevitabilidade das súas miserias: «Non crea que esas miserias son o resultado dunha maldición inevitábel. A proba pola contra vémola claramente. Hai xentes, non máis merecedoras que outras, que non sofren ningunha destas cousas. Pode ter a idea de que vostede non merece máis que unha vida miserábel e pobre na que os seus zapatos lle farán sempre dano; pero é que os nenos, as mozas e toda a multitude de pobres e honestas xentes non merecen nada mellor?»

E, finalmente, un alegato a prol dun socialismo de proximidade para mudar os zapatos e moito máis: «Socialismo significa revolución, cambio no curso da vida cotiá. O cambio pode ser moi gradual, pero será moi completo. Non se pode cambiar o mundo e ao mesmo tempo non cambialo, [...] O socialismo quere cambiar, non soamente os zapatos que leva a xente nos pés, senón tamén os traxes que teñen, as casas que habitan, o traballo que fan, a educación que reciben, a súa posición, as súas honras e todo o que posúen. O socialismo quere facer un mundo novo do vello.»

Parábola dos zapatos, eloxio da dignidade

Quizais porque Wells tivese razón e as cuestións máis complexas poden compararse cos zapatos, resulta tan suxestivas e reveladora as reportaxes que John Carlin dedicou a Sammy Gitau e na que os zapatos se converten nunca icona valorativa da cooperación para o desenvolvemento que practican algunhas ONGD. Carlin, á parte de narrar a vida de Gitau e a construción dun liderato social desde abaixo en Mathare, o barrio máis miserento da capital queniata, achega en Parábola dos zapatos, unha crítica das condicionalidades, imposicións e controis que se exercen no actual modelo de cooperación.

Hai dous ditos do Sur Global que deixan en claro a lóxica impositiva das axencias e ONGD do Norte: «A man que dá fica sempre por riba da man que recibe» e «Quen paga a orquestra elixe a música que se toca». Sammy Gitau afina máis: «O noso centro de recursos de Mathare é unha organización que nace desde abaixo; o inconveniente da maioría da ONG [...] é que queren controlalo todo desde arriba. Canto máis diñeiro gastan en ti, máis queren controlar. E o malo diso é que a xente quere, por enriba de todo, que se lle trate con respecto; queren ser donos do seu desenvolvemento, que non o sexan outros, por moi boas intencións que teñan.»

Despois explícase cos zapatos: «Creo que o mundo está demasiado obsesionado cos dereitos humanos e esqueceuse da dignidade humana. Regalar zapatos é paternalista. Prefiro camiñar descalzo que ser humillado desa forma. Quizais tarde un pouco en poder comprarme os meus zapatos, pero, cando o faga, escollerei os que queira, e coidareinos e querereinos porque os valorarei como froito dos meus esforzos. Moitas ONG son como zapatos que non sentan ben: unha cor equivocada, unha forma que non vai, e nunca imos querelos».

En Moriré, pero mi memoria sobrevivirá, Henning Mankell conta que, nunha viaxe que realizou ao norte de Moçambique, se atopou cun home que fixara toda a súa dignidade en poder calzar uns zapatos e, ante a imposibilidade de poder mercar uns, decidirase a pintar nos seus pes uns zapatos cheos de agarimosos pormenores. «Os seus pés. Pintara neles un par de zapatos con tinturas naturais; tentara preservar a súa dignidade. Non levaba zapatos, nin botas, nin nada, nin sequera un par de sandalias fabricadas cos refugallos dun neumático. E, xa que non tiña zapatos, el mesmo creounos. É dicir, pintounos nos pés e, así, pintou na súa consciencia a fortaleza, a certeza de que, malia o desastre, el era un ser humano que conservaba a súa dignidade.»

Existe unha abondosa reflexión crítica sobre os modelos de desenvolvemento e cooperación que se están ensaiando no Sur Global. Críticas desde abaixo e desde dentro que sinalan numerosas e necesarias liñas de corrección, reorientación e mellora da solidariedade que se practica. A rica reflexión (auto)crítica contrasta coa teimuda resistencia a introducir mudanzas por parte de moitas das máis podentes axencias de axuda oficial e ONGD. Esa teimosía para persistir no erro e a incapacidade para aprender das equivocacións lastra a cooperación tanto, ou máis, que as limitacións orzamentarias e fende a credibilidade do diálogo colaborativo entre o Norte e o Sur. Hai pouca explicación racional para manter semellantes prácticas, a non ser a confortábel comodidade dos zapatos que calzan os que toman as decisións no plenipotenciario Norte.

12/07/2007

Neve negra

Bos Aires sob a neve. Case nove décadas sen branca compaña. Chegou coas vacacións de inverno, precedida de alarmantes anuncios sobre a pouquedade de combustíbeis. Escaseza de calefactores e roupa de abrigo; disparáronse as vendas de luvas, camperas, gorros e bufandas de lá. A onda de frío polar non sabe de fronteiras pero si de clases. A ruda friaxe azoutou o altiplano, o cordal dos Andes e lambeu logo a estrema do Cono Sur con fame atrasada. Unha vintena de mortos na Arxentina e outros tantos sumados nos afriados países veciños. A estatística non é moi exacta porque os invisíbeis son difíciles de contar.

Son moitos, con moi pouco, non pode pagar os 20 pesos que cobran polo cuarto da pensión. Os indixentes fan noite no refuxio. Fóra, menos seis graos. E neve. «O clima, escribe John Berger, axuda en certa medida a regular a fronteira entre o público e o privado.» A vaga de frío permite trazar tamén a fronteira entre dentro e fóra, entre os que están ao coidado da calor e os que están entregados á morte certa. O frío sinala, mundo adiante, os lindeiros da exclusión. A democracia non vale para nada cando o mercurio cae por debaixo de menos seis graos.

15/02/2007

A tsunami de cemento

Unha desmandada tsunami de cemento desola a costa, estraga espazos naturais e imponse como motor dunha economía baseada no lucro depredador e no consumo seriado. Xera riqueza express, ordena veladamente intereses políticos e obedece paulovianamente a voraces promotores inmobiliarios. As grandes áreas metropolitanas do Estado foron banco de probas, colonizou logo a costa mediterránea e aleitou fabulosas fortunas. Eivadas as tradicionais bolsas de solo urbanizábel, a vaga urbanizadora ameaza o litoral galego.

Galiza posúe o 35% da liña costeira do Estado e soporta na súa beiramar unha cota de superficie urbanizada do 15,8%, sobardando en case tres puntos a media estatal. Os nosos concellos ribeiráns suman 816.000 vivendas e, en 2010, terán, de cumprirse as previsións, outras 620.000 máis.

O arquitecto Rem Koolhaas estudou as cidades xenéricas, produto urbanístico sen identidade, liberado da historia e afincado na ausencia de norma. A cidade xenérica comparte ADN co modelo urbanístico que devasta o noso litoral, xorde da táboa rasa e da proscrición do planeamento, descoida a calidade de vida dos cidadáns e alenta a corrupción.

As pequenas marbellas nadas da euforia urbanizadora son espazos políticos sedados, acalmados pola permisividade da infracción e por un clientelismo redistribuidor das frangullas marxinais da especulación. Son feudos domeñados por alcaldes con amplos poderes no mercado do solo e fixan autoritariamente o skyline do concello. A súa política despreza o coidado do público e dos servizos básicos, sabedores de que os novos enclaves só estarán ocupados temporalmente –segunda residencia, praza estival...– por cidadáns en tránsito que demandan ocio rotineiro, zonas de compra e seguridade, pero que non castigarán electoralmente o feismo construtivo ou o derrame do patrimonio natural. Unha democracia de esixencia cero.

A Xunta adiantou que impedirá desenvolver solo urbanizábel a menos de 500 metros do mar. A lei entrará en vigor a mediados de 2007 se a súa vontade política non abranda tras a guerra do ladrillo que iniciarán grandes promotores e alcaldes investidos como empresarios político-inmobiliarios. Combate desigual se non se encara coa axuda dunha cidadanía esixente e cun programa firmemente sostido por PSdeG e BNG.

No debate sobre a megaexplotación urbanística da costa non intervirá positivamente unha cidadanía atomizada por un raizado individualismo propietario que aplaude a liberalización absoluta do solo para gañar máis no zoco inmobiliario. Tampouco han ser sostén do goberno políticas reactivas, ao xeito de non-no-meu-patio, coas que, ás veces, coidamos do benestar próximo fronte aos desmandos ambientais ou a construción de maldeseñadas infraestruturas.

O urbanismo, invisibilizado pola súa xestión tecnocrática, é das políticas públicas menos accesíbeis e a que máis eficazmente reduce ás persoas aos roles de propietario ou consumidor. Coa prohibición non bastará, hai que armar consenso cívico. O goberno galego deberá investir máis en comunicación social e facer un esforzo na implicación dos cidadáns, se quere ter aliados fronte á coalición de intereses inmobiliarios, financeiros e mediáticos e os xestores políticos municipais.


Axendas locais para a habitabilidade, a humanización dos espazos urbanizados, a dotación de servizos de calidade ou a protección do medio poden parecer fráxiles diques diante da tsunami de cemento e ladrillo mais son, porén, unha peza imprescindíbel dun eco-urbanismo sustentábel co que evitar á destrución do país que, sen a implicación cidadá, non será posíbel.

Publicado en Tempos Novos # 116 (xaneiro 2007), pp. 87-88

11/02/2007

Dragona e outros mundos líquidos

Acudo, con Cesare e Tri, á presentación compostelá de Dragona de Xavier Queipo. No histórico Dado Dadá, coa minuciosidade dun ourivesario editorial, Brétemas introduce ao autor e a súa obra. Como pano de fondo, as músicas que se partiturean no interliñado do libro. Despois Queipo desvela a intrahistoria da novela, dos seus tempos e as súas fatigas; limiar dunha exposición sobre os trazos nomades, fluídos e cambiantes do mundo forzosamente globalizado que compartimos. Debulla unha análise precisa e inquietante sobre a dinámica fonda que (des)estrutura as relacións de convivencia, as personais e as comunitarias. Unha narración de gran forza e alcance sociolóxico, impactante e á altura dos textos do mestre Bauman sobre a modernidade líquida, os seus medos e a señerdade da comunidade como abeiro, afirmación de identidade e garantía de solidariedade.

Os que xa se asomaron ás páxinas de Dragona salientan o desacougo fondo da súa historia. Un pouso negro e pesimista, de busca sen saída que acompaña as vidas e encontros dos seus moitos personaxes. Nas palabras preliminares, Queipo conxurou os perigos dun caos catastrófico e confiou as súas previsións a que da caótica situación actual sairá con ben outro capítulo menos escuro da historia da humanidade.

Desafiante, ao pé da cama, Dragona agarda quenda de lectura. Un aquel de pesimismo demora o seu inicio.

Hoxe, remexendo na rede, dou cunha entrevista con Zygmunt Bauman na que aclara ideas respecto do optimismo e do pesimismo. «A xente optimista afirma que o mundo que temos é o mellor posíbel; os pesimistas son persoas que desconfían que os optimistas teñan razón. Así que, polo tanto, non son nin optimista nin pesimista porque creo firmemente noutra alternativa (e quizais mellor): de que un mundo mellor é posíbel para os meus conxéneres humanos, e que a posibilidade de lograrlo é real.»

E un pouco máis adiante explícase sobre os desafíos que nos agardan: «A chegada do novo século pode conducirnos á catástrofe final. Ou pode ser o tiempo no que se xestione un novo pacto entre os intelectuais e a xente. A elección entre estas dúas alternativas aínda se atopa do noso lado. Creo que, nestas circunstancias, a perda da esperanza é o maior desastre que lle pode acontecer á humanidade. Ter esperanzas é a nosa obrigación.»

Obrigados quedamos. Comezo a lectura da Dragona de Queipo.

01/07/2006

Monopoly do medo

Mil millóns de persoas viven en arrabaldes ou cidades miseria. O seu número duplicarase nas próximas dúas décadas. Un informe da ONU resume a contabilidade negra que resulta de cruzar pauperismo e urbanismo. O balanzo de contas entre a economía dos cidadáns inexistentes e a irracionalidade lucrativa do cemento non deixa firgoa ao engano: hai 2.000 millóns de pobres urbanos, a metade vivindo no desfiuzado territorio dos slums. A moi meritoria iniciativa Sen permiso publica, nas súas últimas entregas dixitais, unha entrevista co xeógrafo radical Mike Davis e un artigo de Joseph Choonara sobre o medre dos arrabaldes no Sur Global. Moi aconsellábeis para reparar como se está armando o escenario urbano onde se han representar caoticamente futuros pesadelos. Fronte a eles a enxeñaría de orde investe na arquitectura e ecoloxía do medo, desprezando darwnianamente ás capacidades dunha case que inexplorada arquitectura da solidariedade. O habitat da cidadanía é fraxil e altamente vulnerábel. E por todas partes Plan Xerais de Ordenación do Medo están encofrando a igualdade e liberdade cunha argamasa de exclusión social, segregación espacial, explotación económica, inacción política e banalización ética. Na primeira idade media as cidades eran espazos de liberdade. Todo parece indicar que en futuras idades demediadas certamente non será así.

02/06/2006

Slums

Robert D. Kaplan en O retorno da antiguidade. A política dos guerreiros, dando conta da capacidade militar dos Estados Unidos, reparaba en que as tácticas de combate estadounidenses están deseñadas para escenarios non-urbanos e advirtía do desfase que existía entra esa aplicación táctica e o feito de que, antes do 2010, máis da metade da poboación mundial vivirá en núcleos urbanos e vilegos. A loita pola hexemonía militar, na súa idea, non se dirimirá con combates librados en selvas, zonas pantanosas, montañas enramadas ou desertos, senón que será resolta nas rúas, canellóns, prazas, arrabaldes e barrios das megacidades. Desde aquela no Pentágono fixeron todo o posíbel por adaptarse a esa nova realidade demográfica e militar.
Os militares van uns cantos pasos por diante dos estrategas da cooperación para o desenvolvemento que seguen entalados nun modelo de intervención que focaliza a súa atención no mundo rural e desatende, aínda en grande medida, a pobreza urbana.
Hai un par de meses, Mike Davis tiraba do prelo Planet of slums, unha reflexión radical sobre as cidades da miseria no tempo da globalización. Nunha entrevista concedida a Tom Engelhardt, Davis enfatiza: «sen pretender minimizar as contradicións sociais explosivas que aínda subxacen nas zonas rurais, está claro que a futura guerrilla, a insurrección contra o sistema mundial, desprazouse á cidade. Ninguén entendeu isto con maior claridade que o Pentágono (...). Os seus estrategas están a anos luz na comprensión do fenómeno do mundo dos arrabaldes pobres con respecto aos xeopolitólogos e responsábeis internacionais cunha visión tradicional...».

Planet of slums finaliza cunha frase lapidaria: «Se o imperio pode utilizar tecnoloxías orwellianas de represión, os marxinados teñen aos deuses do caos da súa parte». Explícase Davis: «O caos non sempre entraña unha forza maligna. O peor escenario imaxinábel sempre é aquel en que a xente é silenciada. O seu desterro faise permanente. Estase producindo unha selección implícita da humanidade. Desígnase ás persoas que deben morrer e esquécese o asunto do mesmo xeito que esquecemos o holocausto da SIDA ou que acabamos sendo inmunes ás chamadas de socorro da fame negra. Hai que acordar ao resto do mundo, e os pobres das cidades miseria e arrabaldos degradados están experimentando cun amplo abano de ideoloxías, plataformas e modos de utilización da desorde: desde ataques case apocalípticos contra a propia modernidade até atentados de vanguarda para inventar novas modernidades, novas clases de movementos sociais. Pero un dos problemas fundamentais radica en que, cando se ten a tanta xente loitando por postos de traballo e espazo, a forma obvia de regulalos é mediante o xurdimento de padriños, xefes tribais, líderes étnicos, que operan sobre principios de exclusión étnica, relixiosa ou racial. Iso tende a crear guerras autoperpetuantes, case eternas, entre os propios pobres.» Neste inferno orwelliano, apocalíptico ou caótico ímonos xogar, máis pronto que tarde, as políticas de igualdade e as nosas liberdades cidadáns.