06/02/2009

Bandeira do noso país

Por Argallando souben da escea chave de No val de Elah. Nun edificio público, un bedel salvadoreño pendura invertida a bandeira dos USA. Hank Deerfield [Tommy Lee Jones], un policía militar retirado, explícalle: «Sabe o que significa cando a bandeira está izada ao revés? É un sinal de auxilio internacional. Significa: hai problemas, veñan salvarnos o cu porque non temos unha oración para salvarnos a nós mesmos.»

Des que estreamos Estatuto, o noso autogoberno colocouse á sombra dunha bandeira invertida, fomos o territorio de gobernos abaixados, de entregada conduta ante o Estado. Dígase que faltou autoestima e proxecto de país ou que simplemente houbo desconfianza nas capacidades propias, pero durante a maior parte da era Fraga emitiuse o mesmo sinal: goberno amigo ou curmá de Zumosol veña salvarnos o cu, temos problemas e non somos quen de valernos sós.

Desde 2005 ímola virando, uns días con máis fortuna que outros. Agora máis que un país á espera de axuda somos un país en construción, con moito que facer e bastantes cousas que mellorar. Tamén podemos dicir con Fran Alonso que somos un país a medio facer. O 1-M saberemos canto suman os que pensan que basta con recargar Galiza e canto os que cren, con diferente acento, que hai que pensar este curruncho en clave de país e meterse con ganas ás reformas e obras maiores (e menores) que precisamos.

1 comentário:

Nygard disse...

Fiámonos das enquisas de Xornal ou non señor Ian?