Mostrar mensagens com a etiqueta Goberno galego. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Goberno galego. Mostrar todas as mensagens

20/08/2009

Unha oposición de goberno

Ralf Dahrendorf estaba convencido de que os gobernos sen oposición son unha ameaza para a democracia. Un goberno que non enfronta un desafío eficaz por parte da oposición é moito máis dado a embarrancar na autocompracencia, na corrupción e no autoritarismo. Aos ollos da sociedade civil, unha democracia madura é aquela onde os cidadáns contan con dous tipos de axentes políticos, os mandatarios que gobernan e a oposición que quere ser goberno. Galiza aínda semella estar á procura dese logro democrático.

Exemplo dos peores augurios de Dahrendorf, Valencia tornouse, sen unha oposición parlamentaria competitiva, nunha satrapía sometida aos caprichos de Camps. Madrid ofrécese tamén como modelo dunha democracia sen controis favorecida por unha oposición de esquerda desgonzada. As eleccións europeas sinalaron que os liderados conservadores parecen ser inmunes ao labor da oposición, ás denuncias dos seus desmandos e á visualización da súa corrupción clientelar; o seu desgaste é molecular e pouco manca ás súas bases electorais. Berlusconi, coa súa política autoritaria, desacomplexada e sen ataduras, é o patrón de éxito a imitar.

En Galiza Núñez Feijóo mídese con forzas opositoras aprendidas en labores de goberno. O inicio da oitava lexislatura mostrou unha Xunta ancorada en políticas de oposición e unha oposición con acenos gobernamentais. Até agora, o gabinete Feijóo gastou máis en desmantelar os logros do Bipartito que en materializar un programa en positivo. A estampa primeira é a dun partido con mentalidade de oposición instalado no goberno e dous partidos con haberes de goberno fincados na oposición; mais cómpre desenganarse, o Partido Popular activouse xa para cancelar esta situación paradoxal.

A estratexia de anulación da oposición no Hórreo ten tres eixos: presión regulamentaria para acoutar o poder de control e iniciativa de BNG e PSdeG; uso intensivo da réplica rifante e agresiva para que o escándalo das formas empardeza as palabras; e mingua da opinión crítica coa posta en circulación dunha información parlamentaria insubstancial á que se pregan case todos os medios. O resultado é unha caricatura do Parlamento como contrapoder obstrucionista, tribuna para vocear malestares estériles e escenificar debates sen interese, reduto de políticos «ociosos» dedicados a limitar a uns gobernantes laboriosos.

Tamén nisto Berlusconi é referente e vangarda. Hai pouco acusou ao seu parlamento de ser soporte de «asembleas pletóricas que son totalmente inútiles e mesmo contraproducentes». Deslexitimación de todo instrumento de control para fixar o centro de gravidade da política no presidente e o seu equipo. Nas súas palabras: «Por vez primeira o Goberno está rexido por un emprendedor e uns ministros que parecen membros dun consello de administración pola súa eficiencia.» A Feijóo comprácelle esta idea tanto como Ruíz Rivas ou a Pilar Rojo.

No próximo período de sesións intensificarase a desvalorización do Parlamento e a apoloxía do tecnogoberno. Feijóo elixirá os media para presentar os plans de choque e iniciativas que comprometeu para antes de finalizar os cen primeiros días de goberno. A axenda mediática será usada para encorar a axenda parlamentaria por máis que esta anote no outono un debate do estado do autogoberno e a presentación do primeiro orzamento do PPdeG reinstalado na Xunta.

A PSdeG e BNG non lles bastará coa denuncia para combater o malgoberno do PPdeG. Apuntouno atinadamente Gianfranco Pasquino: «Canto ás políticas, as oposicións serán críticas cos contidos que achegue o goberno e propositivas de contidos distintos, pero tamén conciliadoras cando existan espazos de intervención, mediación, colaboración e melloras recíprocas».

Unha oposición acantoada sempre na oposición non terá maior crédito cidadán que o goberno; así, BNG e PSdeG han de medirse coa Xunta conservadora demostrando ser un goberno alternativo e ofrecendo unha política que sirva ao país e non só a unha estratexia de control do goberno; á sociedade civil prestaranlle máis as súas iniciativas lexislativas e de impulso dunha acción de goberno positiva que as súas denuncias.

08/05/2009

As laranxas máis laranxas

Outro día máis Ignacio Escolar borda a súa estratexia oblícua en Público. O malabarismo con laranxas sírvelle para evidenciar a estratexia á que se debe o presidente Zapatero no próximo debate do Estado. En comunicación política, como no xogo malabar, as dificultades –e posibilidades de fracaso– medran exponencialmente canto maior é o número de proposta-laranxa que se lanzan ao aire. Por iso é máis doado, e prudente, executar o exercicio cunha soa laranxa, cunha única, feliz e impactante laranxa, de gorentoso consumo por parte dunha ampla maioría cidadá, para que produza unha inmediata recompensa electoral. É o que lle toca tentar a Rodríguez Zapatero.

A metáfora do xogo cítrico faime matinar sobre cal é, ou debe ser, o exercicio malabar das forzas políticas acantoadas na oposición e lémbrame unha pasaxe dos Cadernos do Cárcere de Antonio Gramsci.

Chaparradas vs. orballo

As estratexias opositoras «todistas», concibidas como unha pormenorizada emenda de totalidade da acción do goberno, son como o orballo, esixen de moito tempo para ser quen de calar no corpo electoral. É un exercicio global e extensivo de incertos resultados, facilmente caricaturizábel («Son os do non») e perigosamente proclive ao esvaecemento. Non enchoupa de raiz, tan rápido como molla, seca.


Outra alternativa é a que practicou con éxito o Partido Popular de Galicia. A diferenza do xogo de Zapatero, o malabar hai que ensaialo con catro ou cinco ideas-laranxas. Hai que adestrarse teimudamente no dominio de catro ou cinco ideas que, co tempo, se converterán (se están ben escollidas) en imbatíbeis evidencias. Goberno divido; goberno ineficaz; goberno desbaldador; goberno propagandista; goberno que non está a altura das circunstancias e do que Galiza precisa. Ese foi o adn narrativo da oposición parlamentaria do PPdeG durante tres anos e medio. Nada de pacientoso orballar, cinco ou seis ballóns torrenciais en cada período de sesións. Chuvia de alta intensidade que converxen logo na enxurrada de ataque no momento electoral. Funcionoulles.

Laranxas, ovos e pan con manteiga


No seu día Felipe González popularizou a estratexia de «iso mesmo e un ovo». Ofrecer as alternativas comúns e achegarlle un plus cativo. Ese é un dilema do que o BNG debe zafarse con intelixencia. Non lle bastará con ofrecer o mesmo que a outra oposición e un ovo adicional con xema identitaria.
Nun dos seus cadernos carcelarios, Gramsci anotou unha anécdota tirada de Holanda, un libro de viaxes de Edmundo De Amicis. Aí temos tamén unha proveitosa contraestratexia parlamentaria para derrotar a oferta das laranxas máxicas presidenciais e para ofrecer algo máis que un ovo.

De Amicis narra o encontro entre un xeneral español e un campesiño holandés. Fachendoso o militar móstralle unha laranxa e gábase de que no seu país se producen laranxas dúas veces ao ano. O labrego amosándolle un pan con manteiga retrúcalle: «No meu país prodúcese este froito dúas veces ao día.»

Para a miña idea, os esforzos do BNG e do PSdeG debería focalizarse na busca e presentación de alternativas concretas con beneficios dobrados para Galiza e os seu cidadáns. Cómprelles non aceptarse como partidos de oposición, senón como alternativas de goberno (temporeiramente) na oposición. Mellor a chaparrada que o orballo, mellor con cinco laxanxas que con unha, e un ovo máis se se quere, pero sobre todo ofrecer pan con manteiga dúas veces ao día.

24/04/2009

Interese minguante

Para Gide o xornalismo é «todo o que interesará mañá menos que hoxe». Os gobernos tamén padecen de interese minguante. Feijóo dunha sentada nomeou o 70% das secretarías e das direccións xerais e deixou para a semana que vén a designación dos cinco superdelegados, seica para darse un tempo no que precisar as súas funcións. A demora ten un valor adicional: manterá a expectación ao redor da formación plena do goberno. As primeiras entrevistas aos conselleiros de Economía e Industria, Educación, e Cultura e Turismo non alentan entusiasmo. Ideas propias poucas e algunhas ben perxuizosas. Non hai pauta que non sexa as ordes do presidente. Valor engadido cero. A auctoritas de Feijóo está perfectamente custodiada. Xa se sabe que un goberno decente é un goberno obediente.

23/04/2009

Goberno 10? Non, Administración 1.0

Malia a discreción do recrutamento, había poucas dúbidas respecto de que caste de goberno compoñería Núñez Feijóo. No discurso de investidura propagandeou un único goberno e un único liderado que deixaba nula marxe a un executivo tecno-pop, cun delicado equilibrio entre tecnócratas e populares, mestura dos que noutrora se etiquetaron como «birretes» e «boinas». Revelada a nómina, ofrécese un goberno tecno sen ningunha incrustación pop.

Feijóo cumpriu cos requirimentos que el mesmo se fixou de inicio: xestores máis que políticos, proximidade xeracional e apoucados certificados penais de fraguismo. Pero o resultado final é un executivo cun perfil político máis abaixado e menos integrador do que se fachendeou por causa das negativas de moitos dos primeiros elixidos e que foron debidas tanto a razóns personais como ás gravosas cotizacións dos xestores no mundo da empresa. O engado deu para poucas fichaxes extramuros do Partido Popular e para un discutíbel axuste ao requerimentos legais de paridade.

Ao novo presidente pódelle o modelo estadounidense que se referencia máis a administracións que a gobernos. Feijóo máis que decisores políticos experimentados designou administradores xerais da Xunta de Galicia cuns poderes perfectamente xerarquizados: no vértice de maior autoridade, un presidente incuestionábel. Na cerna do xogo gobernamental, un rombo de catro megaconsellerías, en mans de Rueda, Hernández, Guerra e Mato, que abranguen as políticas claves para enfrontar a crise e as súas consecuencias sociais. E, por cabo, un sexteto de xestores auxiliares. Cadro de mando que se completa co nomeamento de cinco superdelegados do presidente, que cun perfil acusadamente político serán, na práctica, unha sorte de subpresidentes, con fío directo con Feijóo, e representarán, coordinarán e encaixarán, territorialmente e de xeito integrado, todas as políticas da Xunta de Galicia.


Na gobernación de Feijóo albíscanse, cando menos, tres liñas de alta tensión política.


A primeira: verificar a funcionalidade das megaconsellerías e a súa capacidade para vencer as inercias das estruturas administrativas mastodónticas que herdan, condición imprescindíbel para poder desenvolver de xeito áxil e eficiente as políticas estratéxicas e de choque comprometidas polo presidente.

A segunda pasa polas dificultades para harmonizar as decisións das diferentes consellerías e a súa operativización no territorio a través dos subpresidentes, experiencia inédita que pode derivar en roces competenciais e conflitos de protagonismo político que implicará nun triángulo maldito a conselleiros, aos superdelegados, e aos alcaldes e presidentes das Deputacións de obediencia conservadora.

E unha última derivada da maior ou menor accesibilidade do sector pop á segunda liña de mando das consellerías, garantía de estabilidade e paz interna entre as familias do Partido Popular de Galicia, que habelas, hailas.


Do correcto tratamento destas liñas de tensión dependerá, en gran medida, a eficacia, a cohesión e o impacto das políticas do novo executivo galego. Que o feliz lema non extravie ao presidente Feijóo: a día de hoxe non ten un goberno 10, ten unha administración 1.0.

16/04/2009

Feijóo. Guía de lectura (2)

Aplausos. Os aplausos son as negriñas dos discursos. A parroquia parlamentaria popular salientou con palmas os lances que máis lles sabían. Foron (é posíbel que eu fose xordo a algunha ovación, desculpen):
(1) O epitafio de Feijóo sobre a corrupción, o enchufismo, o caciquismo e outras tantas deficiencias clientelares que enchen volumes enteiros da historia do Partido Popular e das nosas institucións no pasado, no presente e (podemos adiantar sen medo a errar) no futuro.
(2) A primeira mención contra a imposición e o maximalismo lingüístico.
(3) A segunda mención agora co redobre do bilingüismo amigábel e o retorno da cordialidade ás aulas.
(4) A proposta de redución do IRPF para as rendas medias e baixas.
(5) O anuncio de rematar as obras contidas no Plan Galicia antes da fin da lexislatura.
(6) A vindicación do investimento estatal en Galiza daquelas infraestruturas orzamentadas pero non executadas en exercicios anteriores.
(7) A proclama agrarista gabando a Galiza campesiña que ten «que adaptarse ao clima, ao mercado, e ás regulacións» o que fai «que estea máis que xustificada unha especial atención dos poderes públicos a este sector».
(8) A revisión inquisitorial do concurso eólico para validar a súa (i)legalidade.
(9) O anuncio de medidas concertadas cos axentes sociais para superar as inercias e ineficiencias das políticas de promoción do emprego do goberno bipartito.
(10) A Lei de Apoio ás Familias Galegas.
(11) Os máximos de demora de 45 días para probas diagnósticas e 60 días para intervención cirúrxica.
(12) E a seguir, sen tregua, a creación de unidades sanitarias de atención integral á muller.
(13) A promesa de non gastar un só euro en publicidade da Dependencia.
(14) O respecto á legalidade constitucional na redacción reformada do novo Estatuto de Galiza.
(15) O desenvolvemento dos aspectos máis substanciais do Pacto local.
(16) A intención de pactar cos grupos desta Cámara o nomeamento do próximo Director Xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia.
(17) O agradecemento a moitos ilustres galeguistas polo seu traballo para lograr a identificación da Galicia intelectual coa Galicia popular e os dereitos políticos do noso pobo.
(18) A amabilidade lingüística, o respecto polo que fala cada quen, a crítica dos radicalismos estériles, e a necesidade de incidir na actitude exemplar dos falantes para que ninguén se sinta marxinado ou excluído.
(19) O anuncio da derrogación do decreto do galego no ensino.
(20) Grande ovación de peche.
Resumo: Cinco aplausos en materias económicas. Catro ovación para acompañar a sabida posición amigábel e cordial da Galicia Bilingüe/Trilingüe. Catro aplausos de corte rexeneracionista/revanchista (caciquismo, publicidade e CRTVG, legalidade eólico). Tres aplausos en materia social. Outros: 4 aplaudidas.


Autonomismo.
Xa se dixo, segundo Feijóo os catro puntos cardinais para nos guiar na procura dos horizontes de futuro de Galiza son: Deus, Democracia, Autonomía e Confianza nas nosas propias posibilidades. Feijóo é un crente autonomista e constitucionalista: «Nós cremos na Autonomía política, dentro dunha España que garante constitucionalmente a solidariedade entre as persoas» que está amparada por unha cláusula de garantía un tanto distorcida («A pertenza de Galicia á democracia española é unha garantía da súa autonomía).

Autonomía e autogoberno confúndense aparentemente na discursiva de Feijóo; con todo, queda claro que o autonomismo é a cultura política e o autogoberno o recipiente maior para o exercicio desa cultura. O autonomismo ten o mesmo principio activo que a Santa Trindade e é o que permite, «en perfecta síntese», gozar «con naturalidade» dunha tripla identidade galega-española-europea.


A Autonomía é un parteluz político («A sociedade galega iniciou unha nova situación política o 6 de abril de 1981, data da entrada en vigor do presente Estatuto de Autonomía») e xeracional (Feijóo reivindicouse como alguén «que naceu politicamente coa autonomía»).


O autogoberno non é un fin, é un simple medio rexido polo principio de eficacia para lograr «unha mellor xestión dos asuntos públicos, unha atención máis próxima aos cidadáns, unha defensa mais firme dos nosos intereses, unha participación máis intensa na política de Estado e, en definitiva, un benestar maior dos galegos». Este carácter instrumental acompáñase do solemne propósito de non alimentar a espiral reivindicativa: «a necesidade de cambiar ese discurso que mide o grao de compromiso autonomista só co baremo da reclamación, e non coa da boa xestión das competencias que xa se teñen.»


Non explica Feijóo como se pode facer unha «defensa máis firme dos nosos intereses» renunciando á reivindicación, pero sabendo das súas calidades personais ben se deduce que o conseguirá grazas a súa capacidade de sedución. O que aí lle queda a Manuel Chaves.


Tampouco é de estrañar que Feijóo non dedicase nin un minuto a falar da transferencia de novas competencias. A doutrina Feijóo repousa non tanto no principio de eficacia como no principio de suficiencia/sobreabundancia competencial e nunha eficiencia imposíbel: no que se refire ao autogoberno, non se pode facer máis (benestar/progreso/etc) con menos competencias e recursos financeiros pero Feijóo parece ignoralo.


Eficacia.
Principio directriz da proposta de goberno de Feijóo. Compromiso de eficacia: «Os 16.000 grandes dependentes cobrarán as axudas da Lei de Dependencia antes de rematar o ano [2009].» Problema insalvábel para ser eficaces: estar dramaticamente desinformado.

O Libro Branco sobre a Dependencia estimaba que en Galiza existían 16.000 grandes dependentes. Esa previsión está totalmente superada. A día de hoxe, en Galiza, están recoñecidos como grandes dependentes 28.100 persoas. Previsión, practicamente duplicada, en función da que Feijóo fixa o seu indicador de eficacia. Deses 28.100 grandes dependentes, uns 13.500 son xa perceptores das axudas. Con achegar nos próximos nove meses axudas a 2.500 grandes dependentes, Feijóo cumprirá eficazmente o seu compromiso. Mágoa que non se decatase de que hai outros 12.100 que fican fóra da súa magnánima eficacia.


Goberno. A boa gobernanza ten formato de pentagrama, cinco liñas definitorias para ordenar todas as melodías da acción de goberno. Citamos a Feijóo:

Un goberno que procurase a unión dos esforzos de todos os galegos en torno a unha idea conxunta e compartida do país.
Un goberno que impulsase un programa de acción que superase os estériles antagonismos e disensións ideolóxicas.
Un goberno que tivese como obxectivo o mantemento da cohesión social.
Un goberno que traballe por recuperar, tanto no público como no privado, o senso auténtico do Dereito e do respecto ás leis.
Un goberno forte, austero, cohesionado e dialogante, unido en torno a un único liderado.
Emenda á totalidade da imaxe negativa dos gobernos de coalición que con tanta eficacia se dedicou a propagar o Partido Popular coa axuda inestimábel de La Voz de Galicia e dos erros das dúas forzas gobernantes. Malia ter satanizado como poucos os gobernos de coalición, a grande innovación programática de Feijóo foi ofrecerse como presidente dun goberno «en coalición permanente cos cidadáns». Feliz paradoxo.

Tempos. Poucos compromisos de Núñez Feijóo estiveron acompañados de prazos temporais. No discurso fixou prazos de entrega antes de 100 días, de 180 días e de 4 anos. Compromisos para os cen primeiros días de grazas e gloria: o axuste orzamentario, a elaboración do programa estratéxico que concretará o Acordo de Competitividade e reforma do Imposto de Transmisións Patrimoniais, e suponse que a derrogación do decreto do galego e a revisión da legalidade do concurso eólico. Antes dun semestre: aprobará as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral; e un novo plan de Residuos Sólido Urbanos. Antes da fin da lexislatura: a execución das obras previstas no Plan Galicia.

Feijóo non é moi habelencioso no manexo do cronograma. Nun momento do seu Parlamento bota contas da duración da nosa Autonomía: entre o 6 de abril de 1981, día de entrada en vigor do Estatuto, e o 14 de abril de 2009, e sáenlle «Vintenove anos de profundas transformacións e de avances». Todos os demais galegos cronometramos unicamente 28 anos e oito días. Será cousa do redondeo?


Pendentes
Benestar; Crise; Cultura; Demolición; Estatuto; Lingua; Ortopedia; Plans; Reformismo; Rexeneracionismo.

13/04/2009

Semana fantástica

Desde a Torre Vixía, Xosé Luís Barreiro Rivas saúda o arrinque da «era Núñez Feijóo» e deséxalle a mellor das fortunas ao tempo que fai recordatorio das súas «promesas de austeridade, renovación, integración, rigor e eficacia». Efectivamente, estes son algúns dos termos de referencia da avaliación inicial á que lle toca someterse ao líder do Partido Popular de Galicia como presidente da Xunta. Barreiro Rivas fala do comezo da «era Núñez Feijóo» e son moitos os que temen que dure tanto como a «era Fraga». Diagnosticou Núñez Feijóo: «equivocáronse [PSdeG e BNG] crendo que ían ter Goberno para longo» e coa mesma vacinouse verbalmente contra a autocompracencia. Saberse cun contrato temporeiro de catro anos non é mala forma de comezar. Hoxe, como pouco, principia a semana fantástica de Alberto Núñez Feijóo.

As ideas de goberno

Na primeira tirada, na súa intervención de investidura, verificarase até onde alcanza o rigor, a renovación e a integración do seu programa de goberno. Unha parte da parroquia (ultra)conservadora, cos hooligans de Galicia Bilingüe á cabeza, escoitará axexante ás súas palabras para ter confirmación dun programa (contra)reformista forte ou comprobar se Núñez Feijóo pertence a esa categoría de políticos que, segundo Jardiel Poncela, son como os cinemas de barrio, que primeiro fan que entres e despois cambian o programa. Todos os demais agardamos que, superados os furores da campaña, ofreza, cando menos, as liñas fundamentadoras da súa estratexia para o avance do noso autogoberno e o combate da crise económica.

En campaña Núñez Feijóo gastou o seu tempo, como lle correspondía na súa condición de candidato retador, en dicir o que el non faría e en presentar o seu programa de demolición das políticas do goberno bipartito. As ideas de goberno, a contrario do que dicía John Steinbeck, non son como coellos, non basta con ter dúas, aprender a manexalas e ter, en pouco tempo, paridas unha ducia. O martes veremos se Feijóo se decanta pola retórica da solemnidade ou da eficacia; terá que elixir entre a presentación de boas intencións ou a exposición das medidas de choque que adoptará o seu executivo. Haberá das dúas colleitas, pero veremos onde pon énfase e como gradúa a súa (obrigada) oferta de consenso e colaboración aos partidos da oposición.

O equipo

Confíase en que, nesta semana, ademais se vaian sabendo os nomes do novo executivo que, outra volta, serán contrastados coas proclamas de renovación e integración. En materia de recursos humanos prometeu tamén caras novas con capacitación política e solvencia tecnocrática. Aínda que os confidenciais acollen quinielas, algunhas delas con nomes pavorosos e arrepiantes, a conformación da aliñación de Feijóo xestiónase coa maior das discrecións, entre outras cousas, debido á innovadora metodoloxía aplicada polo presidente do Partido Popular: Feijóo non ofrece cargos, indaga o grao de disponibilidade e condicións dos interlocutores para incorporarse a un gabinete xenérico e sen repartición definitiva de papeis. Malia as cualidades inicialmente ofertadas, do caderno de Alberto todo apunta que sairá un «tecnogoberno» feito a imaxe e semellanza do seu presidente: o novo executivo terá un Presidente e haberá «outros 10», a inmensa maioría de rebaixado peso político e inmaculados certificados de penais fraguianos.

Novo diálogo coa cidadanía?

Unha empresa de eventos traballa no acto público de toma de posesión do quinto presidente do autogoberno galego. Hai quen afía críticas á espreita de saber a canto ascende o custe da sesión sabatina. Feijóo está obrigado polas súas palabras a pregarse a un acto austero e sobrio, contido en gastos e grandioso en formas e palabras. Con todo, o máis importante é saber até que punto aproveitará a ocasión para formalizar solemnemente un novo estilo de relacións coa cidadanía. Na noite electoral ofreceuse como presidente de todos e todas as galegas, veremos como se visualiza nas bancadas e que sociedade civil é convidada ao bautismo presidencial. Saberemos, con toda certeza, se o auditorio é o dunha Galiza plural ou simplemente do Partido Popular de Galicia.

06/02/2009

Bandeira do noso país

Por Argallando souben da escea chave de No val de Elah. Nun edificio público, un bedel salvadoreño pendura invertida a bandeira dos USA. Hank Deerfield [Tommy Lee Jones], un policía militar retirado, explícalle: «Sabe o que significa cando a bandeira está izada ao revés? É un sinal de auxilio internacional. Significa: hai problemas, veñan salvarnos o cu porque non temos unha oración para salvarnos a nós mesmos.»

Des que estreamos Estatuto, o noso autogoberno colocouse á sombra dunha bandeira invertida, fomos o territorio de gobernos abaixados, de entregada conduta ante o Estado. Dígase que faltou autoestima e proxecto de país ou que simplemente houbo desconfianza nas capacidades propias, pero durante a maior parte da era Fraga emitiuse o mesmo sinal: goberno amigo ou curmá de Zumosol veña salvarnos o cu, temos problemas e non somos quen de valernos sós.

Desde 2005 ímola virando, uns días con máis fortuna que outros. Agora máis que un país á espera de axuda somos un país en construción, con moito que facer e bastantes cousas que mellorar. Tamén podemos dicir con Fran Alonso que somos un país a medio facer. O 1-M saberemos canto suman os que pensan que basta con recargar Galiza e canto os que cren, con diferente acento, que hai que pensar este curruncho en clave de país e meterse con ganas ás reformas e obras maiores (e menores) que precisamos.

29/08/2008

Latas e abrelatas

Rafael Reig lembrábanos hai poucos días que a invención do abrelatas se produciu con máis de cincuenta anos de atraso respecto da estandarización das latas de conserva en 1812. Até 1854 baionetas, navallas e outros instrumentos agudos ou contundentes (mesmo disparos) foron empregados para abrir as conservas enlatadas.

A lata do verán, o adianto electoral, padeceu unha falta de sincronización semellante. O PSOE ideou moito antes o produto que un instrumento para abrilo sen maiores riscos. Celebrar as eleccións galegas en outono era útil (basicamente para a estratexia de Ferraz), pero os adiantadores carecían do instrumento –unha razoábel xustificación de país e non partidaria– para abrir unha lata que tiña xuño como data de caducidade. Con todo, ensaiáronse toda sorte de agudas e contundentes presión para forzar a decisión presidencial con axuda de non poucos medios. Agosto foi escenario así dunha disputa pacega destinada a torcer a vontade de Pérez Touriño que deixa á luz varias conclusións:

1| O Congreso do PSdeG foi pechado en falso, a repartición de parcerías de poder non saciou ás apetencias da facción blanquista que quere ocupar o baleiro producido pola extinción do vazquismo antes de que o touriñismo se consolide cun segundo mandato.
2 | O episodio político que xerou maior inestabilidade gobernamental en Galiza desde 2005 non foi causado polas friccións co socio nacionalista senón polas tensións entre as diferentes bandeirías do PSdeG.
3 | Tristemente, o maior engrandecemento da figura presidencial de Touriño é debido a que achegou unha solución a un problema creado por el mesmo e o seu partido.
4 | A demostración de autoridade do Presidente será inevitabelmente respondida por un exercicio continuado de rebeldías de baixa intensidade e a desacreditación coa lingua pequena do liderato do Secretario Xeral do PSdeG.

Cando Pasqual Maragall foi elixido President preguntaron a Lluis Llach cal sería o principal problema que tería que enfrontar e o cantautor contestou, con enorme clarividencia, que o problema de Maragall sería o PSOE. Onte Touriño exerceu sorpresivamente de Pasqual Maragall. Decida agora ser Maragall por un día ou Maragall para sempre, Emilio Pérez Touriño pode estar certo de que os seus inamistosos amigos de Ferraz e a rúa do Pino agardan para saldar contas. Quizais, sen ser consciente, Pérez Touriño decidiu non abrir a lata electoral pero si abriu o melón sucesorio no PSdeG.

11/05/2007

Municipais07: Finezza

Nun brote de finezza, o Presidente Touriño instituíu a moratoria das accións publicitarias do seu gabinete no tempo electoral. Nos quince días da campaña cesará o axitprop gobernamental para evitar que se lles critique por utilizar fondos públicos en beneficio dos intereses partidarios de BNG e PSdeG.

Para que despois veña Romani Prodi a dicirnos que á política italiana lle sobra
finezza e que a do Reino de España ten moita menos falsa delicadeza e que por iso nos vai moito mellor. A loanza débese a que o Primeiro Ministro italiano non sabe das liviandades simbólicas que nos gastamos no curruncho galaico.

Nos tempos mediatizados que nos tocaron, a suspensión das accións publicitarias do goberno representan tanto como a suspensión do propio labor de goberno. Sen publicidade, as políticas que lle dicimos públicas deveñen en simple xestión administrativa. O Goberno cesará nas súas funcións na vindeira quincena e cederá felizmente a iniciativa á Administración. Se isto non é o Reino da
finezza xa me diran onde atopamos maior manifestación de sutileza.

A moratoria chega despois dunha afusquinada carreira propagandistica e inaugural que durou tanto como dous meses e medio. Inauguraron aqueles que tiñan calquera cousa que estrear e os que nada tiñan gastaron canto quixeron en papel cuché ou en papel periódico, en ondas ou fluxos catódicos. Non se acadaron as cotas eufóricas da Era Fraga pero ben que lle chegou. O exceso mercadotécnico forma parte do ritual democrático tanto como a pegada do primeiro cartaz ou o macadamado in extremis de canta corredoira desfiuzada hai no país. Despois da cagada dos cheques en man para a manutención dos votantes residentes ausentes, a emenda de Touriño máis que oportuna, resulta un tanto oportunista.


Confío en que non o tomen a mal os membros do meu goberno pero a moratoria publicista máis que unha
finezza resulta un sarcasmo. Hoxe mesmo, a conselleira Laura Sánchez Piñón fixo uns cantos quilómetros callados de esplendorosos anuncios. Ao seu paso deixaba unha enxurrada de promesas investidoras. Non era unha mala arte, debeuse simplemente ás forzas inerciais das semanas pasadas.

Que disgusto se vai levar don Emilio cando hoxe se asome ao mundo ou a súa sombra. De sabelo don Augusto Monterroso tería escribido: «Cando acordou o presidente, a publicidade aínda estaba alí.»

17/02/2007

Caso aberto

Leva camiño de converterse nun novo culebrón informativo. El País concédelle grande interese. O protagonista acumula encontronazos co xornal e todo augura que non haberá tregua. O caso aberto é un conflito de sinaléctica e de ocupación de espazos. Pero baixo a primeira tona hai máis.

Un vicepresidente...

O secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, quere que se singularice o papel e peso político do Vicepresidente Quintana no cogoberno, aspira a acurtar a distancia simbólica entre o Presidente e o Vicepresidente, e teima por agrandar a fenda institucional respecto dos demais conselleiros. Anxo Quintana non é o Vicepresidente da Igualdade e Benestar, é o Vicepresidente da Xunta de Galiza. Quintana non pode pasar por ser un conselleiro cunha nominación honorífica vicepresidencial; é, ao moi contrario, un Vicepresidente que ademais ten baixo a súa responsabilidade os asuntos de igualdade e benestar (que sexa dito de paso deberán ser bastantes transversais en todas as demais áreas de xestión do noso goberno). De aí que todo se rotule rotundamente como Vicepresidencia, sen letra miúda ningunha máis.

... ou un máis

O Conselleiro da Presidencia, o outro antagonista, vela polo seu estatus, pola rigorosidade da imaxe corporativa e, como non, pola grandeza do seu Presidente. Sabe ben que hai que raquitizar –no posíbel– a imaxe de Quintana como número dous e evitar que se impoña –mediática e sinalecticamente– unha americanización do goberno galego (xa saben, nos Estados Unidos o Vicepresidente é coma outro Presidente, con moitos poderes e mesmo cunha estrutura executiva propia). A menor proxección de Quintana, maior estatura de Touriño; de aí a tensión por poñer a cada quen debaixo do rótulo que, segundo o decreto de poderes e a imaxe corporativa, lle tocou tras o Pacto de Goberno de 2005.

Saberes

Debemos pensar que todo isto é un asunto banal, irrelevante mesmo pueril? Para deixarnolo ben claro, o psiquiatra Thomas Szasz afirma que «no reino animal a regra é devorar ou ser devorado, no humano a cuestión é definir ou ser definido». En asuntos de canibalismo político, protocolo institucional e taxanomía corporativa o criterio de autoridade do psiquiatra Szasz semella que debe ser tido moi en conta. Hai que elixir entre definirse ou ser devorado.

Un secretario xeral de Relacións Institucionais debe ocuparse destas cousas? No meu barrio dirían que se lle sobra o tempo si. Se non é así, mellor que se dedique a definir políticas, concretar novas iniciativas e gañar novos apoios cidadáns para os proxectos do Vicepresidente. Hai que concluír que lle sobra tempo e poderío?

O secretario xeral de Relacións Institucionais ten moito poderío pero non é popular. Quizais todo se deba a que sigue o consello de Nicolás Maquiavelo polo que «o príncipe ten que ser máis temido que amado». Sobrará quen me corrixa e sosteña que Antón Losada a base de enfouzarse nas guerras de definición e no canibalismo corporativo vai camiño de nunca ser amado e axiña deixará de ser temido porque a xente adoita temerlle ao poder pero non a unha caricatura do poder. Debería verse este problema de imaxe que embafa tanto o seu futuro político como damnifica o do Vicepresidente Quintana.

Pola parte de alén, ao señor Méndez Romeu tampouco non lle viría mal acougar: neste país
ninguén le a letra pequena –esa que pon da igualdade e o benestar– e ao señor Quintana hai dúas condicións que lle recoñece case que todo o mundo: é o Vicepresidente e é do BNG. Cómprelle ao conselleiro da Presidencia non herniarse con esta enleada nominalista e deixala correr.

Unha polémica de tres ies?

Segundo o medido criterio de Julian Barnes, as responsabilidadades dun escritor son: ser intelixíbel, ser interesante, ser intelixente. Teño para min que son características que igualmente debe ter calquera boa polémica política. Intelixibilidade, interese e intelixencia. Moito ten que mellorar este caso aberto sobre sinaléctica institucional para que sexa intelixíbel para os cidadáns, para que o atopen interesante e, xa non digo, para que se asuma que é intelixente. En fin, á vista de como están as cousas quizais o máis prudente sexa deixar de escribir para que non o devoren a un, quero dicir para que non me definan. En que diaño estarei pensando...

[Actualización 18/02/2007: Os que faltaban para elevar o nivel de intelixibilidade, interese e intelixencia xa chegaron]