Mostrar mensagens com a etiqueta Galeguismo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galeguismo. Mostrar todas as mensagens

27/07/2009

De muros e pontes

Descubrín a John Carlin seguindo o trazo que, cada fin de semana, deixa escrito o balón. Empatei axiña coas súas magníficas crónicas africanas. Heroica terra cruel, un extraordinario libro, levoume da súa man até O factor humano, un fragmento magnificamente ampliado daquel: o fío condutor é a admiración por Nelson Mandela e súa política, alquimia de sedución, dignidade e coherencia. Agora Morgan Friedman e Clint Eastwood andan a voltas coa conversión de O factor humano nun filme.

Ima Sanchís entrevistou a John Carlin na «Contra» de La Vanguardia. Alí subliña que «a autoridade devén da coherencia» e tamén que «a política, en esencia, é persuasión». Para el: «A lección que nos deixa Mandela é que un pode ser unha excelente persoa, xenerosa e boa, e un político brillantemente eficaz. Ter os valores tan claros axudoulle a tomar decisións políticas esenciais.»


No festexo triunfal dos 100 días hai pouca persuasión e abonda fraca coherencia entre as palabras de cordialidade galeguista e a demolición controlada do noso inacabado país e a súa identidade. O heroica terra cruel de Carlin vale para Suráfrica pero lle acae igualmente ben a Galiza. Bragado reitera desde Galicia-Hoxe que «gañar as eleccións non lexitima a destruír unha base da nosa convivencia» pero, até agora, ao Movemento 1-M a única política que lle reina é da couza. O balance é farturento en (des)realizacións aínda que a algúns aínda lle sabe a pouco.

Isaac Newton insistiu en que construímos demasiados muros e poucas pontes. As ensinanzas de Mandela teñen ese mesmo sentido. O discurso do sábado solleiro unicamente nos convidou a acantoarse tras fráxiles muros. Non podemos contentarnos cunha política de resistencia e a súa trama de muros defensivos; ben é certo que tampouco lle temos que escapar ao esforzo mancomunado que fai posíbel valos como o de Manselle, mais cómprennos a arquitectura colaborativa das pontes e a sedución de portas abertas que conviden a entrar.

14/07/2009

Facendo amigos (galeguistas)

Ao noso presidente réinalle adxectivar o galeguismo. Segundo sexa a ocasión é cordial, outras veces é amigábel, conciliador cando non integrador, plural ou construtivo. A min praceríame máis que o galeguismo de Feijóo fose máis substantivo e menos adxectivo pero hai que aterse ao que hai.

En actos solemnes Feijóo predica a idea (piñeirista?) do galeguismo como «meeting point» aínda que cando ten ocasión de dirixirse a unha audiencia, que presume que é maiormente galeguista, aproveita para facer ríspidas advertencias sobre o «provincianismo», o mantemento de contraproducentes «misións de resistencia cívica» ou a fabulada tentación de «facer do galeguismo un reduto selectivo ou unha distinción que algúns comparten con avaricia». Unha anómala forma de xerar confianza e seducir ao auditorio.

Na clausura do XXV aniversario da creación do Consello da Cultura Galega, Feijóo deitou palabras que a unha boa parte dos asistentes lle pareceron de todo menos amigábeis. Con ese suceso como estampa dunha nova decepción,
matino en «Disparando aos reloxos» sobre a estratexia marrada do presidente de facer amigos galeguistas.

Galeguismo meeting point

Malia o discurso da cordialidade e a integración, aínda está por saberse da primeira iniciativa do actual goberno que poda ser etiquetada como «galeguista» e sobran declaracións e actuacións de contrarreforma que en nada axudan á normalización da lingua e a cultura galega. Tampouco pode cualificarse como exitosa a súa pretendida política de recrutamento de galeguistas independentes para pluralizar os cadros do goberno, fóra da incorporación de Anxo Lorenzo, unha notábel excepción que perde valor exemplar xa que cada día que pasa Lorenzo parécese máis ao soldado Ryan, un home de valía para a familia galeguista que, á espera de rescate, sobrevive tras as liñas inimigas.
Fernández Albor e Fraga tiveron moito máis engado galeguista nos seus gabinetes.

Sobre o papel non é difícil concibir o galeguismo como un espazo de pluralidade, de diálogo e mínimo común denominador ao redor do noso país e os seus desafíos e, mesmo, como principal plataforma para a transferencia e converxencia de ideas ao servizo de Galiza, para pensar os nosos problemas en clave de país e procurar solucións integradoras das achegas das diferentes marcas partidarias. Tamén é verdade que baixo pavillón galeguista trafícase con diversos e pouco clarificados fretes, desde a simple descentralización administrativa do rexionalismo forte a un galeguismo que se sitúa, segunda feliz expresión do finado Cuíña, na fronteira da autodeterminación.


Mentres non remita a retropolítica lingüística do goberno do PPdeG e non se reconstrúa o consenso basal que respectaron (máis ou menos) os anteriores presidentes e gobernos, vai resultarlle difícil a Alberto Núñez Feijóo prosperar en seducións galeguistas. Oficia na actualidade de zapador que non de arquitecto do pretendido «meeting point» e, de seguir así, Feijóo acadará un triste recoñecemento: será o primeiro presidente de Galiza que remate o seu mandato sendo menos galeguista que cando o comezou.

Tampouco hai motivo para que se estrañe se a súa pretensión de fosilizar e museificar a lingua e cultura galega activa movementos de resistencia e mesmo de disidencia, e tampouco debería abraiarse se a disensión galeguista remata por botar raiceiras en sectores do propio Partido Popular, moi especialmente entre os que xa foron derrotados (cuiñistas) ou nos que están chamados a ser os vindeiros derrotados (baltaristas).


Cerebros ao servizo do país

Hai uns días Jacques Attali pasou por Barcelona e expresou a súa perplexidade porque Piqué non fose chamado a colaborar activamente cos labores de Montilla e a Generalitat tripartita. Attali fala desde a súa experiencia como antigo asesor de Mitterrand que agora, por encomenda de Sarkozy, preside a «Comisión para a liberación do crecemento», xa coñecida como a «Comisión Attali», un espazo para a imaxinación de novas estratexias de desenvolvemento socioeconómico para Francia. El ten claro que «ningún cerebro debe reservarse só para un partido» e que «a vocación de servizo a toda a sociedade debería estar por enriba de calquera partidismo».

Posibelmente nunha sociedade normalizada Attali leve razón, pero nun país como este tan demediado todo resulta moito máis difícil; máis aínda se o galeguismo remata por converterse no que Bauman cualificou como «ideoloxías de gardarroupa», un complemento de quitar e poñer segundo as circunstancias, e se o destino dos cerebros galeguistas é someterse a unha política de lobotomización cultural e lingüística. Jacques Atalli caeu na tentación da oferta de Sarkozy pero é máis que dubidoso que se entregase ao galeguismo minguante de Feijóo.

15/11/2008

Sempre na proa

Retruque de Castelao sobre a necesidade dunha política centrista. Pode lerse nos seus Cadernos (1938-1948). «Salvador de Madariaga para defender a política de centro, contra dos estremistas da dereita e da esquerda, dicía que a política de centro era comparábel coa quilla dos barcos, entre babor e estribor. Esqueceuse Madariaga de que o centro do barco non está entre babor e estribor, senón entre a proa e a popa. E nós non queremos ser a popa...»

08/11/2008

A cadeira de don Valentín e a alegría

O Molt Honorable Jordi Pujol participa no ciclo Conversas con... A súa disertación déitase humorada e sen rumbo definido nun repaso eslaiado dos cambios tecnolóxicos, sociais e políticos do mundo (pre/proto)globalizado. No fío das súas palabras anóanse dúas achegas memorábeis.

A primeira é unha frase feliz: «A alegría é un activo económico fundamental.»

A segunda foi a súa sentida homenaxe a don Valentín Paz Andrade, a quen Pujol recoñece toda a súa grandeza no feito de ter sido «un home fiel ao seu país» nun tempo en que as lealdades a Galiza cotizaban ben pouco.


Rememorou o ex-President que, cando se organizaron os primeiros diálogos da oposición democrática con Adolfo Suárez para tramar a Transición, na mesa sentábase o PNV para dar voz a Euscadi e Convergència para dar conta de Cataluña. Galiza tiña unha cadeira pero non había unha opción galeguista organizada que a ocupase.

Ese baleiro encheuno a fidelidade de don Valentín Paz Andrade á espera dunha representación política de Galiza que, como ben sabemos, tardou moitos anos en chegar. Non é mala cousa que alguén de fóra veña lembrarnos a débeda que temos con don Valentín por ter coidado,
en soidade, daquela abandonada cadeira de Galiza.