Mostrar mensagens com a etiqueta Lecturas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Lecturas. Mostrar todas as mensagens

14/12/2009

A lectura do mundo de Maalouf

Os escritores de ficcións discuten, cada vez máis, as interpretacións que expoñen politólogos, sociólogos ou analistas das relacións internacionais. A deleiba do mundo é unha mostra inmellorábel. Nas súas páxinas Maalouf preséntase como un «incondicional das Luces», «un apaixonado da liberdade», «un partidario da diversidade harmoniosa» e «un namorado da vida» que non quere resignarse á deleiba da civilización que paira sobre nós. Non é esta a súa primeira incursión ensaística, antes deunos dúas pezas imprescindíbeis –As cruzadas vistas polos árabes e Identidades asasinas– que mudaron a óptica dos temas considerados: a historia nas palabras dos outros e o agromar de identidades depredadoras.

O novo libro é, antes de nada, un grito de alarma que rebate, compromete e quere convencer e non adormecer, unha historia para animar a busca de «solucións globais inéditas» coas que crear novas oportunidades políticas, sociais ou culturais nun mundo incerto e ameazado por unha regresión descivilizadora. É tamén un pensar para a acción, un escribir para pensar e unha reacción fronte ao relato deshumanizado (e tamén desvalorizado) que da marcha do mundo nos dan as ciencias sociais da academia, as análises dos think tank ou a literatura gris das chancelerías. Unha nova narrativa para combater o decompressive storytelling que sostén as visións conformistas do que acontece con retóricas fraudulentas, certezas rancias e axendas que son irrelevantes para mudar a vida das persoas.


Tras un exordio de tinturas apocalípticas, Maalouf repara nas vitorias enganosas (a primeira, a do mundo libre sobre o socialismo real), as lexitimidades perdidas (no mundo árabe-musulmán e Estados Unidos) e as certezas imaxinarias (dacabalo da relixión, as pertenzas impermeábeis e as identidades excluentes) das que se vale para taxar a desfeita intelectual, económica, ética, ambiental e xeopolítica que magoa á humanidade nun tempo en que a penas hai nada que indique que se «saberán superar as diverxencias, elaborar solucións imaxinativas e logo unirse e mobilizarse para poñelas en práctica».


No epílogo, argumentos para retrucar a tentación do precipicio –o ánimo suicida dos oprimidos e excluídos decididos a arruinar unha festa á que non están convidados–; a tentación da parede –a fortificación das nosas fráxiles (in)seguridades até que pase o trebón– e a tentación do cume, a crenza compracente na fin da historia; outra é a súa idea: estamos ante a fin da prehistoria dunha humanidade derramada na afirmación teimosa de identidades negadoras dos outros.


E catro razóns para a esperanza que Maalouf cifra no avance imparábel da ciencia; no abandono do subdesenvolvemento por parte dalgunhas das nacións máis poboadas do planeta; nunha integración europea quen de crear solidariamente un espazo común que prefigura «o que podería ser mañá unha humanidade reconciliada»; e nos novos Estados Unidos que se albiscan nas promesas de Obama e na súa oferta dun new deal mundial. Nas dúas últimas razóns Maalouf abranda (moito) as esixencias críticas, non para ofrecer un final feliz senón para deixar un final aberto que nos permite empatar con ese proverbio africano que nos lembra que «a esperanza é o piar do mundo».

29/11/2009

Pan de Rivas

Hoxe fun ben lonxe mercar o pan. Até A Coruña. No vello solar de Cultur.gal, na zona cero da súa desfeita, unha resistencia voluntariosa montou unha nova panificadora. Alí, entre mil moletes diferentes, estaba o último que Manuel Rivas deitou no acolledor forno de Xerais: Episodios galegos. Tempos de esperpento. Bragado e Pereiro gabaron o seu arrecendo e quentura. E Rivas lembrou que o pan das nosas liberdades está feito de palabras levedadas pola imaxinación. Pan para rematar coa fame negra deixada por tanta deconstrución e subtraccionismo. Non agardei a chegar a casa, na escuridade do Castromil enceitei a bóla. Pero antes de retornar á chuvia de Compostela, houbo tempo para a música de César Morán e os poemas de Rivas.

21/11/2009

Mestre Sciascia

De non ser por Juan Cruz o cabodano pasaría desapercibido: hai vinte anos morría en Palermo Leonardo Sciascia. Para epitafio elixiu unha frase de Villiers de l'Isle-Adam: «Lembrarémonos deste planeta.» En O mestre de Regalpetra, a súa biografía de Sciascia, Matteo Collura di que lle sería acaido un parrafeo de Antonio Borgese: «Para cando estea morto, aspiro a unha loanza: que ningunha das miñas páxinas fai propaganda dun sentimento vil ou malvado.»

Merecíao con toda xustiza. Todas as súas páxinas son un monumento á dignidade, un exercicio de radical liberdade. Hoxe poden lerse tamén como un rexistro de intelixencia esperanzada. Cando a morte lle descontaba horas, nunha conversa con Domenico Porcio, Sciascia afirmáballe rotundo:
Porque non hai pesimismo que sexa definitivo cando se escribe. Escribir é sempre un acto de esperanza. No máis fondo hai sempre esperanza.
Algunhas das lacónicas respostas que lle entrega a Porcio, compiladas en Lume na alma, teñen unha actualidade devecida:
—Un cretino é un cretino, dous cretinos son dous cretinos, dez mil cretinos son unha forza histórica.
—Segundo ti, cretino e estúpido son o mesmo?
—Cretino supón unha integridade, é máis forte; é a estupidez de vintecatro quilates. O estúpido é de dezaoito.
—No seu ensaio sobre a estupidez, incluído en Allegro ma non troppo, Carlo Cipolla, ocúpase entre outras cousas da relación entre estupidez e poder.
—Ah, certamente! O poder apóiase moito na estupidez. Cando non está xestionado directamente polos estúpidos.
—Que exemplo lle veñen á cabeza, entre os máis próximos?
—Os gobernos italianos, desde Gasperi en adiante, foron gobernos estúpidos.
—Incapaces de gobernar a cousa pública?

—Estúpidos en canto eran carentes da capacidade de simplificar os problemas e en consecuencia de afrontalos polo lado xusto. Porque o estúpido é complicado, é máis complicado que o intelixente [...] A estupidez é complicada. A conclusión terríbel é que estamos máis en mans dos estúpidos que dos intelixentes.
En Italia hai vinte anos, na Galiza de hoxe tamén, desgraciadamente.

Non podemos esquecer ao mestre Sciascia, os seus libros, o seu exemplo de radical dignidade.

08/11/2009

Testemuño

3C3 distribúe estes días, entre as súas novidades editoriais, Facendo historia con memoria de Lourenzo Fernández Prieto. Unha obra intelixente, de lectura absolutamente recomendábel para reflexionar sobre como se construíu e deconstruíu a memoria do franquismo e da democracia republicana. Non vou estenderme en gabanzas porque o autor e o editor, Amancio Liñares, son bos amigos desde os anos das aulas universitarias e o meu xuízo é (afortunadamente) radicalmente parcial. Quero comentar un dos moitos acertos do autor e o editor: a elección da imaxe da cuberta do libro. É ben difícil facer, cun único fotograma, un balance tan logrado do significado histórico do golpe militar contra a legalidade republicana.


A fotografía acouta o palco presidencial do desfile militar celebrado na Coruña o 14 de abril de 1936 para conmemorar o quinto aniversario da II República. De esquerda á dereita compoñen o grupo de autoridades: o alcalde da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín; o xeneral en xefe da VIII División, Enrique Salcedo Molinuevo; Juana Capdevielle, pedagoga e bibliotecaria, casada con Francisco Pérez Carballo; Rogelio Caridad Pita, xeneral da 15 brigada de infantería; e Francisco Pérez Carballo, avogado e dirixente de Izquierda Republicana, no que era un dos seus primeiros actos públicos como gobernador civil da Coruña. Todos eles serían asasinados tras o golpe de estado do 18 de xullo.


O escrito arxentino Oswaldo Soriano dixo dunha volta que «o fotógrafo é o mellor amigo do home»; tamén é un dos amigos máis fieis da memoria. O cámara que fixou aquel momento da primavera de 1936 non sabía que estaba a deixarnos un testemuño que, a día de hoxe, conserva toda a súa forza para reivindicar a república como único referente ético da nosa democracia e autogoberno. Esa fotografía traza, afortunadamente, a fronteira moral que nos arreda dos exemplares da novísima dereita desmemoriada e desmemorizadora que, como Carlos Negreira, aspiran a gobernar a cidade da Coruña á sombra de Millán Astray. Quen queira unha razón máis para procurar a súa derrota democrática pode deter a súa ollada durante un par de minutos neste retrato da legalidade republicana, raíz fonda das nosas liberdades.

02/10/2009

A cañeira de Caneiro

Galaxia habilitou no seu blog un recanto aberto á opinión de autores e colaboradores da editorial; aberto e libre para o exercicio de crítica e reflexión coa cultura e as letras de Galiza como preocupación troncal, un indiscutíbel valor engadido aos contidos informativos da editorial. Hai días que non os visitaba; descubro serodiamente que sumaron novas autorías, a de Xosé Carlos Caneiro, entre outras. A súa estrea é unha peza sobre o compromiso político dos intelectuais e as súas relacións co poder, un tema clásico que nunca deixa de ser de actualidade e ao que na súa edición de hoxe El País dedica unha ampla reportaxe asinada por José Andrés Rojo.

A liquidación moral da banda dos catro

Hai que ler a libérrima opinión de Caneiro aínda que aos mansos nos pareza que ten as feituras dun axuste de contas co estilo de Antonio Burgos, mestre de camorristas mediáticos. «¿Onde estaban?» é un texto de xuízo sobre o comportamento dalgúns dos intelectuais galegos máis relevantes no tempo de (des)goberno do Bipartito. Sen chamalos polo nome, Caneiro desestímalle compromisos, silencios, revindicacións e aplausos a Manuel Rivas (suponse), Suso de Toro (presumibelmente), Jaureguizar (aparentemente) e Antón Reixa (presuntamente). Todos eles maiores de idade con lombo ancho para cargar coas críticas e sobradas artes para contestalas, todos tamén con dereito a ser criticados sen omitirlles o nome.


Interésame menos a opinión que Caneiro ten do maltratado cuarteto que a que ten de si mesmo como intelectual que se retrata irado («Detesto ao intelectual orgánico») e arreponse porque os intelectuais orgánicos cando «gobernan os seus, calan», son «fieis ao partido e non á propia conciencia», facendo «do silencio o seu aliado», ao tempo que «castigaban aos discrepantes», se entregaban á haxiografía e á apoloxía dos poderosos, e «condenaban [aos disidentes] en nome da doutrina».

Onde estaban? Onde foi dar o compromiso de Rivas-de Toro-Jaureguizar-Reixa-et alii coas liberdades nos malfadados tempos que o opinador ourensán etiqueta como «neofraguismo», canda campaba «neste recanto do Noroeste» un goberno bipartito que «nos partía a alma». A banda dos catro é a responsábel principal da creación dun clima intelectual intolerante e inquisitorial e pregúntase Caneiro que credibilidade poden ter os intelectuais que tanto calaron e «que agora saíron do seu agocho e falan de novo en nome das liberdades».

Antes e despois de Caneiro

Na reportaxe de El País, Santiago Roncagliolo confésalle a Rojo que prefiere contar historias a establecer xuízos, ese non é exactamente o caso de Caneiro que compatibiliza a construción de densas historias ficcionadas e o oficio da opinión en La Voz de Galicia e que gasta tanto no xuízo da realidade como na fabulación.
Interésame sobre todo o Caneiro-opinante, moito máis a partir da publicación de «¿Onde estaban?».

Sería doado cribar a hemeroteca e tirar da desmemoria unha restra de artigos nos que el mesmo loou os méritos dos mandatarios do Bipartito, críticas datadas, iso si, todas antes de que o capricho de don Santiago Rey mudase o humor da ecuánime La Voz de Galicia. Pero atrás queda tamén a lembranza das malas artes do Bipartito que quixo domalo sumándoo forzadamente a unha deostada listaxe de intelectuais orgánicos e escritores menores como Rosalía de Castro, Cunqueiro, Castelao, Fernández Paz, Ferrín, Fina Casalderrey, Casares, Conde, Rivas, de Toro, Blanco Amor, Miguel-Anxo Prado, Teresa Moure ou Neira Vilas. El rexeitou as glorias e preferiu o abeiro humildoso do señor de Sabón, mecenas e profeta desarmado das letras libres de Galiza e da voz da rúa.


O novo intelectual inorgánico

Todo iso carece agora de interese, o historicamente significativo é a (auto)vindicación de Xosé Carlos Caneiro como novo intelectual inorgánico de Galiza. A seguir o catálogo vivo das súas virtudes: A opinión sen as ataduras dos poderosos, a liberdade incondicional no uso da crítica, a exquisita independencia das forzas do mercado, a actitude desafiante ante todo abuso, a defensa intransixente da tolerancia, a súa fortuna vencellada aos padecementos dos discrepantes, voz e ánimo dos disidentes, mantedor incorruptíbel da orde xusta e o xuízo fundado na obxectividade, a intelixencia desposuída de toda caste de poder terrenal, a modestia como código de vida, a xenerosa entrega ao ben dos demais; unha emenda á totalidade do «mundo falsario e hipócrita» dos intelectuais orgánicos.

En El País José Andrés Rojo titula interrogándose: «Intelectuais domados?». O malpocado descoñece o advenimento providencial do noso intelectual inorgánico. Pola súa indocilidade e libertaria independencia Xosé Carlos Caneiro sábese condenado. E síntese «máis só, máis raro...» pero tamén «máis libre». Todo indica que se achega malfadadamente o tempo do seu martirio. Mentres non chega, eu (aínda que mergullado nas miñas necidades) acudirei puntualmente á lectura das súas columnas de liberdade e verdade en La Voz de Galicia para que, polo menos, o noso salvífico intelectual inorgánico non se sinta só na súa cañeira.

14/08/2009

As bolsas de Saviano

Supoño que Manuel Rivas segue á procura do maletín de Walter Benjamin. A valixa errante que se perdeu tras o seu destino final en Portbou. Na súa alma gardaba os tesouros do exiliado. Extraviouse. Conservabamos, non obstante, o currículo que Benjamin mandou, en xullo de 1934, ao Comité Danés de Axuda aos Refuxiados. O seu SOS rexistra os labores e méritos que vai punteando co desacougo dos fuxitivos.

Nas primeiras liñas anota: «Os trastornos políticos non só me arrebataron dun golpe a base da miña existencia como escritor e investigador independente, senón que ademais, aínda que son disidente e non pertenzo a ningún partido, puxeron en cuestión a seguridade da miña liberdade persoal.» O seu inventario de bens é mínimo: «Non teño fortuna ningunha; a miña única propiedade é unha pequena biblioteca de traballo.»


En Público atopo traducidas algunhas confesións abatidas coas que Roberto Saviano se sincerou a The Times. A voz da canseira do salmón que non ten nacente onde ir. O éxito de Gomorra como maldición e condena a morte. Vivir entre seguridades prestadas por alleos, baixo a custodia do medo. A señardade da vida simple e o agarimo das amizades. Non hai camiño cara ao benestar primeiro. Sábeo: a fuxida non pode ter raíces.


Saviano encarta a súa vida nómade en tres bolsas. Unha para roupas e calzados. Outra para os tarecos do aseo e a farmacopea. Unha máis para os libros, o computador e os seus papeis. Abeiro. Saúde. Saber. A morriña dos días que te sabías libre, a equipaxe como nación, a vida ameazada que cabe na biblioteca mínima e na maleta de Walter Benjamin. A confianza fráxil en que o seu compás non o deite nun Portbou sen horizonte.

27/07/2009

De muros e pontes

Descubrín a John Carlin seguindo o trazo que, cada fin de semana, deixa escrito o balón. Empatei axiña coas súas magníficas crónicas africanas. Heroica terra cruel, un extraordinario libro, levoume da súa man até O factor humano, un fragmento magnificamente ampliado daquel: o fío condutor é a admiración por Nelson Mandela e súa política, alquimia de sedución, dignidade e coherencia. Agora Morgan Friedman e Clint Eastwood andan a voltas coa conversión de O factor humano nun filme.

Ima Sanchís entrevistou a John Carlin na «Contra» de La Vanguardia. Alí subliña que «a autoridade devén da coherencia» e tamén que «a política, en esencia, é persuasión». Para el: «A lección que nos deixa Mandela é que un pode ser unha excelente persoa, xenerosa e boa, e un político brillantemente eficaz. Ter os valores tan claros axudoulle a tomar decisións políticas esenciais.»


No festexo triunfal dos 100 días hai pouca persuasión e abonda fraca coherencia entre as palabras de cordialidade galeguista e a demolición controlada do noso inacabado país e a súa identidade. O heroica terra cruel de Carlin vale para Suráfrica pero lle acae igualmente ben a Galiza. Bragado reitera desde Galicia-Hoxe que «gañar as eleccións non lexitima a destruír unha base da nosa convivencia» pero, até agora, ao Movemento 1-M a única política que lle reina é da couza. O balance é farturento en (des)realizacións aínda que a algúns aínda lle sabe a pouco.

Isaac Newton insistiu en que construímos demasiados muros e poucas pontes. As ensinanzas de Mandela teñen ese mesmo sentido. O discurso do sábado solleiro unicamente nos convidou a acantoarse tras fráxiles muros. Non podemos contentarnos cunha política de resistencia e a súa trama de muros defensivos; ben é certo que tampouco lle temos que escapar ao esforzo mancomunado que fai posíbel valos como o de Manselle, mais cómprennos a arquitectura colaborativa das pontes e a sedución de portas abertas que conviden a entrar.

25/07/2009

Compostela transparente

Segundo a ONG Transparencia Internacional, Santiago de Compostela é un dos concellos máis transparente do Estado e o máis de Galiza. A nova chégame cando estou entregado á lectura distraída do Libro do Concello de Santiago (1416-1422) no que Ángel Rodríguez González transcribiu con dedicación a primeira documentación dispoñíbel do goberno municipal compostelán.

O códice, en lingua galega, ficou moito tempo extraviado entre alfaias bibliográficas atesouradas por Neira de Mosquera quen o espremera para confeccionar Monografías de Compostela. En 1967 retornou á orde do Arquivo Municipal de Santiago de Compostela e, en 1992, o Consello da Cultura Galega imprentou a paciente composición de Rodríguez González.
O Libro do Concello pide unha lectura vagarosa xa que é moito o que hai que debullar nas súas reviradas e solemnes letras.


Verdugos, canteiros e carpinteiros


Singularmente gorentosa é a composición e avatares da RPT do concello daquel tempo; ademais dos «políticos» e cargos de confianza, anótanse as condicións salariais e laborais doutros servidores municipais.


Un dos casos literariamente máis felices é o de Afonso da Cana, un honrado carniceiro que ampliou negocio como verdugo da cidade. A (s)elección de Cana dátase o 23 de outubro de 1416 e acompañouse dun estrito código de incompatibilidades e deberes, un salario anual considerábel (300 maravedís en tres cotas de 100) e a súa promoción interna ao posto de pregoeiro de finar Domingos Longo quen daquela se ocupaba de dar as voces oficiais do municipio.

Reflíctese tamén con precisión o catálogo de funcións de Afonso de Cana para que «faça e cumpla o que mandaren as ditas justiças ennos homes e molleres que eles prenderen ou mandaren prender e foren presos e posto enna cadea do conçello [...] enforcando e açoutando ou degolando ou deçepando aquelas persoas que foren sentençiadas enna dita cadea por los alcaldes». Entre as obrigas, a de residencia e non ausencia do termo municipal, a incompatibilidade con calquera outro servizo a «cavaleiro nen escudeiro, dona ou donzela, nen de outra persoa poderosa».


Resolta a selección de persoal rexístrase relixiosamente o pagamento pautado dos seus soldos, os primeiros 100 maravedís sen que chegasen a transcorrer dúas semanas, certificando así que houbo un tempo no que o Concello de Santiago era un excelente pagador de provedores. En anotacións posteriores documéntase a libranza, máis ou menos puntual, dos salarios do verdugo até que comezan a xurdir problemas de liquidez na tesourería municipal por causa duns impagos do arcebispo. Nunca foi duradeira a felicidade de quen cobra do erario público.


A maiores, o municipio tivo que mellorar os seus equipamentos para que o carniceiro-verdugo puidese facer cumpridamente o seu traballo; así, en maio de 1417, atendendo ás indicacións do arcebispo Lope de Mendoza, mándaselle construír ao pedreiro Álvaro da Rocha un novo rollo ou picota no monte Ouriz nas abas da Almáciga. A licitación é rápida, como veloz é o pagamento dos labores do canteiro no mes de xuño. E, xa remantando o ano, faise contrato a Lopo Gómez, carpinteiro, para que faga as escaleiras do rollo.


O financiamento da obra de carpintería había de proceder do cobro dunha débeda que Gil Peres, ex-procurador municipal, tiña pendente co cabildo. Non consta por ningures que Lopo Gómez cobrase, cousa á que non deben ser allea as dificultades para saldar a débeda. Todo hai que dicilo, tampouco hai constancia documental ningunha de que as escaleiras do rollo fosen rematadas. Problemas de recadación e de demora de obras que nos regresan inevitabelmente aos nosos tempos.


Materia literaria farturenta


O Libro acolle outras historias exquisitas como a da manda, remunerada con 150 maravedís, ao crego Juan de Boado para que armase o reloxo da cidade ou a exención de tributos que se lle fai ao bretón Oliver Morín, bulseiro, como agasallo por dedicirse a morar en Compostela. Tamén o adiantados que eran ao seus tempos os rexedores municipais cando a Lionor Garrida –parella de feito do mestre Fernando, cirurxán municipal, «a quen Deus perdon»– lle fixeron recoñecemento de dereitos para eximila de pagar rendas xa que «husava do dito offiçio e era muy conplideyra en el aos visiños [...] e non era casada e eso meesmo era poble e non comprava nen vendya». Nota de que, malia a santidade da cidade, había consideración coas vidas de moral relaxada.

Non sei se as transparencias administrativas coas que se engalana actualmente SCQ resultarán tan gozosas para os lectores de séculos vindeiros; en calquera caso, nas microhistorias da Compostela transparente do século XV hai unha mina literaria, un tesouro para a creación tan ricaz como a materia de Bretaña, cousa que ben nos demostrou Marcos S. Calveiro coa súa magnifica Festina lente ambientada na igualmente transparente Compostela dos séculos XVI e XVII.

18/05/2009

Benedetti, horizontes e liberdades

Remato o día como o principiei: lendo necrolóxicas agarimosas sobre Mario Benedetti. Todos choran a morte a persoa digna que soubo ser, sempre ao lado dos que tiñan fame de pan, libertades ou xustiza. Son máis os que choran o pasamento do poeta, algúns, poucos menos, os que lamentan a marcha do narrador.

Teño que recoñecer que a min cativoume como lector o Benedetti ensaísta. O meu atume primero coa súa obra foron El escritor latinoamericano y la revolución posible, El ejercicio del criterio e, sobre todo, El recurso del supremo patriarca, libros dos que coidou a editorial Nueva Imagen na segunda metade dos oitenta. Nos seus ensaios de crítica cómplice descubrín letras e escritores impensábeis como Fernández Retamar, Paco Urondo ou Haroldo Conti, e tamén ao Benedetti poeta e narrador.

Hoxe procuro aqueles amartelados libros e repaso os parágrafos subliñados hai máis de dúas décadas. Copio dous. Un como reivindicación do humor popular como medio subversivo:
En América Latina, é difícil sobrevivir ao ridículo, máxime cando o xuízo demoledor é ejercido desde a razón e a xustiza. O chiste que parte da clase dominante pode facer rir, pero ten vida breve: en cambio, a burla que arrinca do pobo, no camiño vaise enriqueciendo e depurando. Pode comenzar como un conto e rematar nun ataque ao Pazo.
E este outro que el fixo cerna da súa vida:
Cada oficio ensina un modo de ver o horizonte e tamén unha variante de ser libre.
Foise despois de anchear coas súas letras moitos horizontes e tras aleitar as nosas máis firmes libertades.

02/05/2009

A fin da fronteira

A comezos de abril, compartimos con Bouzafría e familia uns días feirados nas terras da Paradanta. A casa familiar acubilla unha biblioteca que foi arrebatada ao trapeiro e que semella suspensa no tempo da transición política. Máis de dous centos de volumes de editoriais, coleccións e revistas nas que fixen unha boa parte das miñas lecturas de adolescencia: Argos Vergara, Ruedo Ibérico, a colección «Reno» de Plaza y Janés, Grijalbo, Galaxia e, como non, Bruguera. Non podían faltar tampouco exemplares de Tiempo de historia e Historia 16. Literatura, clásicos e outros novísimos que xa nesta hora son clásicos, historía divulgativa, xornalísmo de investigación, memorias e obras de pensamento político. Alí descansan en ordenada anarquía Jack Kerouac e León Trotsky, Risco, Llorenç Villalonga e Sven Hassel, acaroados, entre outros, a Curzio Malaparte ou Harold Wilson.

A ollada detívoseme en Cabos sueltos de Enrique Tierno Galván, unha edición de Bruguera-Zeta de 1981. Unhas memorias que o vello profesor renuncia a etiquetar como tales para outorgarlles, en cambio, a modesta condición de ser fíos de lembranzas desnobelados sen maiores pretensións. As súas letras comezan co golpe militar contra a República e ponlles fin cunha cea compartida con Felipe González na que se decidiu a converxencia do PSP co PSOE en 1978.

Don Enrique tivo unha vida intensa e hai un mundo de cousas en Cabos sueltos que poderíamos reseñar. No capítulo 30 détense a comentar a aparición de El País que cualifica como «un xornal liberal, discreto e equilibrado» e do que salienta que se converteu «en certo modo, no orientador da clase dirixente en canto ao descubrimento do camiño máis sensato e moderado» e nun «espello de equilibrio e xuízo». O vello profesor non economiza gabanzas: «El País representaba o liberalismo permanente, e aínda, malia todo, representa se non o liberalismo permanente, si cando menos a crítica obxectiva e neutral fronte ás posicións que se exceden do tolerábel».

O eloxio ten moito máis mérito xa que Tierno Galván non deixa tamén de consignar a súa queixa amigábel: «Ao PSP, El País nunca lle foi propicio [...] Ao chegar as eleccións, o xornal inclinouse abertamente polo PSOE, como partido socialista maioritario, e contribuíu a que se debilitara o noso partido. Pensaría, creo eu, o elenco político do diario, que os partidos menores facían máis dano que ben á política nacional.» Hai unha última afirmación do vello profesor que ten un valor engadido nestes días: «El País presentouse ponderado na exposición e correcto canto á delimitación das fronteiras do permitido moralmente e do non permitido.»

Dáse por certo que o xornal madrileño negouse a publicar, o pasado xoves, unha columna dun dos seus máis brillantes xornalistas, Enric González, que contiña a seguinte afirmación: «Calquera día, en calquera empresa, van rebaixar o soldo aos obreiros para financiar a ludopatía bolsista dos donos. Xa sei que esaxero, que esas cousas non pasan».

Entristece saber que esas cousas pasan e produce arrepío comprobar a susceptibilidade dos donos de PRISA. Pero o que máis dano fai é verificar que as fronteiras entre o que está moralmente permitido e o que non semellan estar, a estas alturas, esvaecidas cando non borradas de vez nese medio que, noutrora, foi un espello de equilibrio e xuízo. Triste de asombrar. Como para deixar de ir ao quiosco.

01/05/2009

Piñeiro e nós

Nos dez últimos días roubeille ao sono algunhas horas para a lectura dun lote de libros sobre Ramón Piñeiro cos que poder compoñer unha reseña crítica para o buitrón literario de Ana e Aurelio. Tamén reparei nun atado de artigos de Manuel Rivas, Suso de Toro e de Antón Baamonde que foron salpicándose nos últimos meses en El País.

No premiado «A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick», Rivas revela unha ecuación simple:
Piñeirismo = democracia + autonomía + europeísmo.
De Toro gravura un epitafio magoante para o dono terminal da mesa de braseiro máis famosa de Galiza:
E, con todo, faltándolle días nada máis, sabendo que todo concluíra, penso que sabía que non era comprendido. Maiormente non era comprendido polo mundo ao que pertencía, o galeguismo, que pasara de ser o seu galeguismo cultural a un nacionalismo dunhas esquerdas que non podía comprender, nin sequera eran unhas esquerdas parecidas ás que el coñecera na República e na clandestinidade.
E nunha peza enchuoupada de provocadora (auto)crítica, Baamonde sostén:
Aínda que tamén podería un inquirir se acertaron os nacionalistas que, no período crítico da Transición, no canto de encabezar a loita pola Autonomía se embarraron nun radicalismo xestual que hipotecaba a súa capacidade de influír. As oportunidades píntanas calvas e caben poucas dúbidas acerca do moito que se equivocou nas súas opcións estratéxicas o nacionalismo contemporáneo. Poderiamos imaxinar que sucedese de contar Galicia cun gran partido nacionalista á maneira catalá ou vasca.
Piñeiro é hoxe reivindicado por case todos. Andivo na boca de Núñez Feijóo na investidura e na súa toma de posesión como presidente; e Pachi Vázquez, sentindo que lle roubaban a un propio, quixo deixar claro que
Todo o mundo reclámase galeguista, pero este é só o triunfo póstumo de Ramón Piñeiro, unha das moitas cousas que teremos que agradecerlle. E Ramón Piñeiro onde estivo sentado foi nas bancadas do Partido Socialista.
Onde hai problemas é co case, por máis verosímil que resulte a incómoda conclusión que Baamonde lle ofreceu a Daniel Salgado:
Hai que recoñecer que o nacionalismo moderno, retórico e culturalista, non é tan diferente do piñeirista.
De certo que hai unha morea de matizacións e retruques que facerlle pero ao fío destas lecturas non deixo de pensar nun enxeñoso experimento politolóxico que se realizou nos Estados Unidos, se non lembro mal, a finais do anos setenta. Organizouse unha ampla enquisa na que se lle presentaba un retallo dun discurso de George Washington e dábaselle unha relación de posíbeis autorías. En tempos de emerxencia da onda conservadora, a inmensa maioría das persoas entrevistadas dixeron que aquelas palabras eran un fragmento do Manifesto Comunista que asinaron Carlos Marx e Federico Engels.

Se realizásemos en Galiza unha proba semellante, no arro da ofensiva contra a lingua galega que promoven os hooligans de Gloria Lago e executa o novo presidente, a que corrente política cremos que a inmensa maioría ía asignarlle o copyright destas manifestacións:
Este prexuízo sociolóxico antigalego –de tan remota orixe, de tan persistente acción e de tan graves resultados– debe ser o obxectivo máis urxente dos nosos esforzos de promoción de Galiza. Só así poderemos liberar ao noso pobo do sentimento colectivo de inferioridade e dese dobre servilismo da resignación vencida ou da fuxida mimética. Temos que lle devolver o sentimento da propia dignidade e, como consecuencia, a confianza solidaria en si mesmo, xa que este é o punto de partida necesario para levar a cabo a mobilización das enerxías colectivas na procura do progreso económico, social e cultural que nos demandan os tempos.

17/04/2009

Con Walter no relanzo

Na presentación de A desaparición da neve, Manuel Rivas defendeu que o lema dunha cultura crítica debería ser: «Temos que atopar o maletín de Walter Benjamin». Estou certo de que grazas a Rivas popularizase entre nós o maletín do alemán e con el a súa vida e obra. Hoxe, no seu groucho, anuncia que marcha na procura do sonado maletín e con el das faíscas da esperanza que tanto lle reinaban a Benjamin.

Inducido por Rivas retomo a lectura de Los nombres secretos de Walter Benjamin de Gershom Scholem. Moito do que sabemos da vida do dono do maletín debémosllo a Scholem con quen trenzou unha duradoira amizade. O libro reúne tres pezas, a primeira –«Walter Benjamin»– é unha conferencia panorámica e de proximidade sobre a personalidade do autor de Infancia en Berlín ao redor de 1900; as outras dúas –«Walter Benjamin y su ángel» e a que lle dá título ao volume– xiran ao redor de Agesilaus Santander, o famoso anxo benxaminiano ao que fixo referencia primeira nun breve escrito elaborado en Ibiza no ano 1933; un tempo singularmente duro en que, segundo Scholem, Benjamin estaba nunha situación que «era a dun refuxiado que en todo sentido levaban unha vida á beira da desesperación» e na que lle viría á cabeza unha e outra vez a descrición que da súa vida fixo a Scholem uns meses antes: unha vida feita de «vitorias no pequeno» e «derrotas no grande».

Hoxe despedínomos, os caixóns quedan baldeiros nesta estación de paso e no ánimo manda a melancolía. Vou indo que Walter me agarda no relanzo para lembrarme unhas palabras súas: «
Ser feliz significa poder percibirse a si mesmo sen temor».

02/04/2009

Cousas que facer en Florencia...

Cedo á tentación e entro na libraría da vila para mercar Florencia Insurgente de Nicolás Maquiavelo, versión editorial dos libros II e III da súa Istoria Fiorentina, traducidos con recoñecidos honores por Félix Fernández Murga e que, despois de trinta anos, recuperou a editorial Capitán Swing. Súmase feliz á morea de libros que agardan polo seu tempo e nos que a sección maquiavélica comeza a resultar desafiante. Na cola de lecturas está a tradución galega de O príncipe que preparou Isabel González Fernández, o seu Epistolario privado e Discursos sobre la primera década de Tito Livio; dúas biografías do pensador italiano, a de Marcel Brion e mais o La sonrisa de Maquiavelo de Maurizio Viroli; e un clásico sobre a influencia da súa obra na conformación do republicanismo, El momento maquiavélico de J.G.A. Pocock.

Para ir entrando en materia releo a carta que Maquiavelo manda, desde o seu exilio en San Casciano in Val di Pesa, ao seu colega Francesco Vettori en decembro de 1513 e que ben podería ter titulado Cousas que facer en Florencia cando estás (politicamente) morto (ou case).
Aquí a deito a súa fermosa escrita:

Nas miñas terras estoume, e desde as miñas últimas desventuras non permanecín, xuntándoos todos, nin vinte días en Florencia. Érgome co sol e vou ao bosque meu que están tallando, onde paso dúas horas, inspeccionando os traballos do día anterior e conversando cos leñadores, que sempre teñen algún preito entre eles ou cos seus veciños.

E deixando o bosque, diríxome a unha fonte, e de alí ao sitio onde dispoño as miñas trampas para cazar paxaros, cun libro debaixo do brazo: Dante, Petrarca, ou un dos poetas menores, como Tibulo ou Ovidio. Leo dos seus amores e paixóns que, ao recordarme as miñas, entretéñenme saborosamente neste pensamento. Tomo logo o camiño da hospedaxe, onde falo cos pasaxeiros e pídolles noticias dos seus lugares, co que oio diversas cousas e noto os varios gustos e humores dos homes. Chega nisto a hora do xantar, no que consumo coa miña familia os alimentos que pode dar esta pobre terra e o meu minguado patrimonio. Logo de comer, volvo á hospedaxe, onde co pousadero están, polo común, un carniceiro, un muiñeiro e dous panadeiros. Con eles me encanallo xogando ás cartas ou ás damas, do que nacen mil disputas e infinitas ofensas e palabras inxuriosas, e moi miúdo combátese por un centavo, e hai veces que desde San Casciano nos oen berrar. E nesta piollada hei de mergullarme para que non acabe de amofarse o cerebro, e para desafogar esta malignidade da miña sorte.

Á noitiña, volvo a casa e entro no meu estudo, no limiar desposúome daquel traxe da xornada, cheo de barro e manchas, para vestirme roupas de corte real e pontificia; e así ataviado honorabelmente, entro nas cortes antigas dos homes da antigüidade. Recibido por eles agarimosamente, nútrome daquel alimento que é privativamente meu, e para o cal nacín. Nesta compañía, non me avergoño de falar con eles, interrogándoos sobre os móbiles das súas accións, e eles, con toda humanidade, respóndenme. E por catro horas non sinto o menor fastío; esquezo todos os meus coidados, non temo a pobreza nin me espanta a morte: a tal punto todo eu síntome transportado a eles. E guiándome polo que di Dante, sobre que non pode haber ciencia se non retemos o que aprendemos, puxen por escrito o que da súa conversación apreciei como o máis esencial, e compuxen un opúsculo De Principatibus, no que aprofundo até onde podo os problemas deste tema: que é a soberanía, cantas especies hai, e como se adquire, se conserva e se perde.

23/03/2009

Xenealoxías dunha esquerda

Co X Congreso do Partido da Revolución Democrática como pano de fondo, o escritor, xornalista e historiador Héctor Aguilar Camín (HAC) escribiu en agosto de 2007 unha decena de artigos que apareceron no diario Milenio. Ese material revisado e enriquecido con varios intercambios (máis ou menos) polémicos, algunhas pezas novas sobre a esquerda, o futuro, o progreso e mais o indixenismo revolucionario, e un ensaio sobre «a esquerda mexicana realmente existente», que publicou a revista Nexos en 2005, foron compilados en Pensando en la izquierda, un libro de dimensións cativas pero de substancioso e incómodo contido que circula desde marzo de 2008 co selo do Fondo de Cultura Económica.

Aguilar Camín constata como punto de arrinque que os partidos políticos mexicanos non teñen unha ideoloxía explícita e que «hai grandes intelectuais na esquerda, pero non grandes ideas nas organizacións da esquerda en México» e que «a ideoloxía ou o proxecto histórico pesan menos nos partidos da democracia mexicana que a poxa electoral e a busca de posicións de goberno».


Na plural e enramada tradicións esquerdista recoñece catro liñaxes: a «esquerda revolucionaria» (ER); a «esquerda comunista» (EC), a «esquerda estatista e nacionalista» (EEN), e a «esquerda utópica clásica» (EUC).


A ollada de HAC detense ademais a reconsiderar o papel da esquerda intelectual e da esquerda indixenista en México, ao tempo que certifica o raquitismo e febleza no seu país da tradición socialdemócrata que, para a súa idea, é a única que «podería poñer a esquerda mexicana a tempo co seu presente e en sintonía posíbel co futuro». O seu posicionamento é rotundo, o que falta é precisamente o que é máis necesario en México: unha esquerda socialdemócrata «intransixentemente igualitaria a forza de querer instransixentemente todas as liberdades para todos».


A esquerda e a violencia revolucionaria


A ER anima un proxecto de emancipación que tiña/ten na violencia o seu camiño e a súa fachenda, violencia que no imaxinario histórico de México segue a ser un «recurso lexítimo e celebrado». Malia que se conten a menos os defensores explícitos da acción armada revolucionaria, a violencia como «instrumento válido para protestar, resistir e combater as inxustizas do mundo» conforma unha sorte de lexitimidade soterrada nos continxentes da esquerda mexicana.


«Poucos van á guerrilla, pero poucos a condenan sen dubidar», sentenza Aguilar Camín, quen sostén que «non son as condicións obxectivas as que impoñen a violencia», senón que a loita armada «é a elección de grupos e persoas concretas». Non nega a violencia como factor de cambio e mesmo que xogou un papel no camiño á democracia, pero salienta que para a ER non era a democracia o que se procuraba. Refuta asemade a violencia revolucionaria como catalizador histórico positivo: non hai dúbida de que aceleran a historia, pero «non está claro que o fagan na dirección correcta».


Fronte á ER o pronunciamento de HAC é contudente: «o inherente ao compromiso democrático é rexeitar a violencia, non validala como inevitábel nin como culpa ou responsabilidade de outros», ao tempo que subliña que «as deformidades da democracia deben ser corrixidas cos instrumento da democracia, ningún dos cales inclúe a violencia».


A esquerda comunista


A tradición que entronca co Partido Comunista Mexicano é despachada expeditivamente: «non é revolucionaria nin subversiva», non quería facer a revolución, senón gañar un espazo público e un lugar político de seu para defender o «socialismo real» e enxalzar as causas contra o imperialismo norteamericano.


Salienta HAC que o maior espazo pública gañado pola EC foi na vida intelectual e na opinión pública («libros, revistas xornais e editoriais») e nas universidades («na súa tripla dimensión: burocrática, académica e sindical»). Así, a «confraría comunista» era, atendendo á lectura de HAC, «máis intelectual e burocrática que popular, máis reformista que rupturista, máis eurocomunista que estalinista»; de aí que se tornase na «maior ponte da esquerda mexicana coa democracia» xa que non esixía «a ruptura da orde, senón tolerancia, legalidade, espazos democráticos».


O nacionalismo revolucionario


O estatismo e o nacionalismo revolucionario, xunto co discurso antineoliberal, son consideradas por HAC como «o verdadeiro corazón da esquerda mexicana». O proxecto histórico nacido da revolución de 1910 que aspiraba facer do Estado «o instrumento da xustiza social contra os poderes privador e o baluarte de defensa da nación contra a ameaza exterior» é a cerna da cultura da esquerda mexicana e o PRD representaría versión dese proxecto como priismo de esquerdas, unha proposta que non aspiraba a revolución, senón a ocupar o poder do Estado para a defensa da soberanía nacional e as causas populares fronte ás estratexias neoliberalizadoras aleitadas pola globalización.


A esquerda utópica


Tamén identifica HAC unha esquerda utópica, «altar de poucos cregos e moitos fieis», que reivindica «a certeza histórica, filosófica e moral de que a historia camiña cara á sociedade sen clases e que o socialismo ten que ser o punto de chegada da historia; a fin plenamente humana da historia». É minoritaria como proxecto de política práctica, pero é a reserva moral dun franxa tan numerosa como ben intencionada da esquerda mexicana, nela bota as súas raíces «os únicos trazos autenticamente autocríticos do PRD [...] denunciando a corrupción, o clientelismo, o pragmatismo electoral, o esquecemento dos principios; o triunfo dos politicastros e a manipulación da vida partidaria».


A esquerda intelectual


A cultura e a intelectualidade mexicana, segundo a anatomía debuxada por Aguilar Camín, ten «o corazón botado á esquerda»; malia iso, ningún partido da esquerda mexicana acompañou a súa acción cun «potente debate de ideas». A esquerda ten os recursos intelectuais para facelo, pero HAC sinala que carece da liberdade para facelo, adoece de capacidade crítica e autocrítica. Os intelectuais de esquerda contan cun afinado arsenal crítico pero tamén cunha audiencia entre as bases militantes pouco dada ao consumo de reflexións matizadas. O resultado é unha esquerda intelectualmente entalada que pasou polo derrumbe do socialismo real sen facer a crítica do sucedido.


En opinión de HAC, «a xente de esquerdas oe máis aos seus xornalistas que aos seus intelectuais», e, para el, o xornalismo de esquerdas deixou de ser unha forza renovadora ao encerrarse nos lindeiros da causa e as súas crenzas, ao derramar a súa pluralidade e ao ser cada vez máis reiterativo, autorreferencial e impermeábel a debater ideas, proxectos, medios e fins.


A esquerda indixenista


A insurrección en Chiapas, segundo HAC, engordou a aceptación da violencia como instrumento lexitimo do cambio e entregou a esquerda ao que denomina «unha utopía particularista»: un indixenismo radical, non integracionistas e multicultural que se levou por diante «a tradición intelectual máis nobre da esquerda: o seu universalismo progresista», eivando á esquerda como «a ala radical do proxecto universalista de liberdade, igualdade e fraternidade».

Sostén Aguilar Camín que a esquerda mexicana é desde 1994 «obrigadamente indixenista» por unha dupla vía: «polo rexeitamento da pobreza, o racismo e a desigualdade» e pola súa «consagración acrítica e particularista» do mundo indíxena «como o repositorio venerábel dun México profundo»; e laméntase a seguir da perda do vello internacionalismo e de que se tornase en resistencia á internacionalización, ao facer da globalización o «demo recorrente» da esquerda e da deriva indixenista a mostra máis clara de que «a esquerda mexicana quere fronteiras nacionais».

Asinaturas pendentes da esquerda realmente existente


Entre outras asinaturas pendentes da esquerda mexicana, HAC sinala:

  1. Cambiou a súa linguaxe pero non a matriz das súas conviccións, a esquerda deixou de ser expresión política nos marxes, é formalmente unha opción de goberno pero non deseña nin goberna o cambio, o resiste, e tórnase, mesmo desde os gobernos, nunha sorte de oposición.
  2. Cre na democracia tan só como un medio e a lealdade ás institucións está condicionada a que as institucións lle sexan favorábeis.
  3. Non fixo a paz co mundo da empresa e mercado, denuncia a pobreza pero non sabe dar unha resposta positiva á privación das maiorías creando riqueza para acrecentar a accesibilidade a bens e servizos e mellorar a oportunidade dos máis.
  4. Ten unha resposta pobre, cando non arcaica, para as dúas realidades claves do mundo moderno: democracia e globalización. Non remata de ter un proxecto eficaz no económico, garantindo taxas altas de crecemento, e, no político, asegurando altos índices de gobernabilidade democrática.
Coda

Hai intelectuais de dereitas, de esquerdas, e incómodos. Héctor Aguilar Camín gañouse merecidamente a súa clasificación, cando menos, entre os intelectuais incómodos. Coñecedor das normas e usos do poder –político, mediático e económico– non é un observador inxenuo nin un incauto anotador de realidades. A súa (suposta) veciñanza política e persoal a Carlos Salinas de Gortari, que HAC nega con vehemencia, pode empardecer entre nós a recepción das súas opinións sempre controvertidas.


Pensando en la izquierda
axunta descricións, ás veces esquemáticas pero non grotescas nin caricaturizadas das tradicións da esquerda mexicana, que evidencian as súas carencias democráticas e as súas inconsistencias e fraquezas ideolóxicas. Non vale contentarse pensando que a súa versión da esquerda socialdemócrata non resiste nin unha crítica livián e que calquera pode trazar un panorama igualmente pouco grato dos herdeiros e epígonos da Segunda Internacional. Certo é tamén que aquilo que describe é a esquerda mexicana, pero non é menos verdade que esa esquerda maniféstase con acentos propios entre nós.


Moacyr Scliar sostén provocadoramente que «o escritor é aquele que olha para a banana e come a casca». Esa corrosiva e autocrítica descrición non é aplicábel a Héctor Aguilar Camín que non se queda na pelica da (nosa) esquerda (mexicana). Fala do substancial e a sua lectura crítica convida á relectura crítica da nosa propia esquerda.

20/02/2009

Lecturas en tempos de crise

Zygmunt Bauman é un pensador de grande engado editorial. Multiplícanse o número de títulos seus traducidos ao español e mesmo pezas menores son recuperadas para ser postas outra volta en circulación. Nesa onda, a editorial Katz ofrécenos Múltiples culturas, unha soa humanidade, onde axunta unha conferencia pronunciada polo sociólogo polonés no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona e unha entrevista que lle fixo Daniel Gamper Sachse.

En ambas as dúas pezas, Bauman reitera moitas das ideas motrices das súas obras maiores:
a idealización de comunidades refuxio e a obsesión coas fronteiras como resultado da van esperanza de poder garantirnos unha protección auténtica fronte aos risco globais; a imposición dun mundo global onde se institucionaliza unha política local sen poder e un poder global sen limitacións políticas; a confirmación das cidades como vertedoiros dos problemas que se producen a escala global e como campo de batalla principal da loita e tensión entre liberdade e seguridade pero tamén como escenario no que se pon en práctica e desenvolve (con desigual éxito) a arte da convivencia diaria e pacífica coa diferenza...

Tamén nesta ocasión Zygmunt Bauman lémbranos que, na orde líquida dos nosos tempos, a vida se configura como unha sucesión de proxectos efémeros, de curto prazo, de impacto inmediato e de epidérmicos calados. Sinálanos como nómades que transitamos dun proxecto cara outro e subliña que a lembranza do noso último proxecto, ou do noso último éxito, non dura moito. Así como as derrotas e fracasos fan pouso, os éxitos non sedimentan; de aí que haxa que seguir movéndose dun proxecto a outro na procura de novos caladoiros de novos éxitos e recoñecementos. O
autor de Modernidade líquida remítese con frecuencia á palabra alemá Unsicherheit como marca dos nosos tempos; Unsicherheit ten un significado múltiple: incerteza, inseguridade, vulnerabilidade e precariedade; é dicir, as materias constituíntes dos medos actuais.

Toda a obra de Bauman é suxestiva e estimulante, indicadora de tendencias certas da evolución das nosas sociedades mais, en tempos de bonanza como os felices noventa e o cambio de século, as súas descricións resultaban máis esperanzadas do que agora na cerna da primeira grande crise da globalización. As súas palabras mídense igual pero o peso da súa negrura é bastante maior. «Se perdemos a esperanza será a fin pero Deus nos libre de perder a esperanza». O que onte era unha sentenza para afirmarse con afouteza, hoxe semella unha ladaíña para que unha forza superior nos abeire. Tal que son malos tempos para a lírica...

22/12/2008

Señardades xornalísticas

En Volevo la luna, Pietro Ingrao, o veterano dirixente comunista italiano, rememora o seu primeirizo contacto cos xornais que inzaban a Italia dos anos vinte. Lembra, con saudades, a «terceira páxina» que as principais cabeceiras dedicaban aos debates culturais; planas entintadas de vontade vangardista, innovación rupturista, pluralismo e mesmo de liberdade de opinión a pesar dos rigores inquisitoriais do fascismo dominante. «Unhas páxinas de xornal que facían ás veces de mestres». Tentado transitoriamente pola linguaxe cinematográfica, Ingrao vencellaríase definitivamente ao xornalismo exercendo como redactor clandestino, xunto con Gillo Pontecorvo, de L’Unità da que despois sería director entre 1947 e 1956. Daquel tempo escribe:
Eu, un ex-combatente que non dispara un só tiro, convertinme en redactor xefe tras exercer como xornalista sen título nas breves e queridas páxinas de L’Unità clandestina. Tiña serías dúbidas no tocante ás miñas capacidades xornalísticas; a miña forma de ser era «lenta», o que non casaba coa rapidez de decisión e realización necesaria nun diario [...] Con todo, atraíame aquel xornal «vermello» que combinaba de forma tan curiosa os sucesos diarios e a exhortación á loita política, a crónica fría e a ardente invitación a actuar. Gustábame traballar naquela mestura explosiva de información e comentario, e chegar cada amencer aos fogares e á xente [...]
Antes de facerse cargo da dirección de L’Unità, Ingrao escribiu crónicas e «historias negras», foi enviado especial en lugares onde estouraban dramas sociais e ocupouse da información parlamentaria nos tempos da redacción da constitución republicana. Unhas sesións constituíntes das que escribe: «Todo me parecía novos e á vez anticuado (ás veces mesmo cheirábame á naftalina): as palabras sobre as que discutían para fixar as leis da República eran novas, pero a solemnidade oratoria dos discursos estaba murcha [...] Todo tiña un aire a medio camiño entre o incerto e nebuloso futuro e a oratoria pomposa de inspiración decimonónica.»

Naqueles días de palabras novas e inercias trastempadas Ingrao fíxose co oficio escribindo «xornadas políticas» e «sucesos do país» e a súa foi unha achega determinante para facer de
L’Unità «un dos mellores xornais comunistas europeos de todos os tempos», onde «naceu un xornalismo culto, informado, comprometido e combativo». As cualificacións son de Francisco Fernández Buey, a quen debemos un feliz Eloxio de Pietro Ingrao –«un comunista incómodo, independente, con pensamento propio, brillante na análise escrita e brillantísimo na comunicación oral das ideas»–, que é unha máis que recomendábel e emotiva introdución á lectura de Pedía la luna [Ediciones Península, Barcelona, 2008].

Xornais como mestres e colectores de explosivas mesturas de información e comentario, son hoxe señardades necesarias para poder renovar o vello oficio de ocuparse da verdade.

21/11/2008

O mozo do pixama de raias e outras crónicas

O mozo do pixama de raias azuis e brancas estaba sentado na cama, soprando burbullas. Non coa boca, senón a través do pescozo Estabamos na sala número oito do hospital de Natalspruit, en Katlehong, onde xacía xunto a outros 34 doentes, todos apuñalados ou tiroteados co sorte de haber sobrevivido a peor noite de violencia política que se viu este ano en todos os distritos negros de Sudáfrica [...] O mozo do pixama de raias azuis e brancas tiña un tubo e 7,5 centrímetros inserido na gorxa, xunto enriba da noce. O orificio polo que entraba un tubo fíxollo unha bala. Respiraba, gurgullaba, polo tubo. De aí as burbullas. Unhas burbullas de cor rosa claro, polo sangue.

O retallo é dunha peza xornalística que John Carlín escribiu en xullo de 1993. Carlín, que foi correspondente de diversos medios europeos en Sudáfrica entre 1989 e 1995, reuniu en Heroica tierra cruel (2004) unha escolma dos seus artigos, reportaxes e entrevistas sobre a fin do apartheid e sobre a Ruanda que sobreviviu ao xenocidio. No limiar Nelson Mandela lembra as arriscadas denuncias que facía nas súas crónicas sobre a existencia dunha «Terceira Forza», en complicidade cos poderes fácticos brancos de Pretoria, dedicada a desestabilizar o país, provocar a guerra civil entre os partidarios do Congreso Nacional Africano e Inkatha, e asegurar así a continuidade do apartheid.

Un magnífico libro. A miña lectura fica no seu ecuador pero estou ansioso por chegar ás páxinas que dedica a Ruanda, onde anuncia a súa admiración por Paul Kagame, un controvertido e fascinante personaxe que volve estar no ollo do furacán por causa da terceira guerra do Congo. Veremos se o xuízo de Carlin resiste a evolución do personaxe e a súa implicación na convulsa historia do país do corazón das tebras. As entregadas páxinas que dedica a Mandela, todo hai que dicilo, lense coa frescura do orballo outonizo e renovan a confianza na humanidade de Madiba.

14/11/2008

Talladas de Manguel

Releo Diario de Lecturas de Alberto Manguel, unha peza literaria exquisita. Do libro ao autor. Procuro na wikipedia talladas da súa biografía. Gardo tres. A primeira: o seu primeiro oficio como lector de Borges a quen alivia a cegueira achegándolle letras entre 1964 e 1967. A segunda: non fixo estudos universitarios porque os consideraba aburridos. A terceira: en 2000 Manguel mudouse a Poitou-Charentesen, onde el e o seu compañeiro compraron e rehabilitaron unha granxa medieval, alí armaron unha biblioteca de carballo para almacenar 30.000 libros.

Diario de Lecturas comeza cunha viaxe a Arxentina do poscorralito en xuño de 2002; de volta a Poitou-Charentesen, Manguel comeza a desencaixar libros para ocupar unha inmensidade de andeis. «Estou na miña biblioteca, arrodeado de andeis baleiros e de torres de libros cada vez máis altas. Ocorréseme que puido rastrexar todas as miñas lembranzas a través destes volumes que se amorean. De súpeto, todo parece superfluo, tanta acumulación de papel impreso.» Lendo o Diario non queda a menor dúbida de que tanto libro deixa un pouso que, en ningún caso, pode ser cualificado como «superfluo».

Calquera páxina que escollas é unha mina de sabedoría e intelixencias.
Citas contundentes como unha, datada en 1916, de Lugones que, neste días de arrecendo preelectoral, serve para fertilizar un pesimismo escéptico: «A política! Velaí o azoute nacional. Todo o que no país representa atraso, miseria, inquinidade, provén dela ou é ela quen o explota.» Eruditas sorpresas, algunha moi próxima: «Dise que quen non visita en vida a capela de San Andrés de Teixido terá que facelo despois de morrer. A San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo.» E anécdotas cotiás de brillante representatividade: «Hoxe, durante o almorzo, meu irmán dime que só o 10 por 100 da xudicatura está corrompido. “Excluíndo, por suposto –engade–, ao Tribunal Supremo, aí todos os membros son corruptos”.»


22/10/2008

Xustiza e historia

Tzvetan Todorov, na presentación editorial de O medo aos barbaros, deixounos unha sentenza memorábel: "A verdade da xustiza redúcese a dúas palabras: culpábel ou inocente, e a da Historia esixe tomos e tomos para expresarse e pode acadar xuízos moito máis cribados». Consecuentemente, Todorov maniféstase «en contra da tentación do xuízo e a favor da paixón polo coñecemento».

Gústame moito o estilo de Todorov, ese intelixente serpenteado entre dicotomías que aparentemente son moi próximas e que en realidade están ben arredadas: Xustiza/Historia, Política/Cultura.


Velaí outra mostra: «O concepto de diálogo entre culturas ás veces é tenso, ou simplemente parece unha esperanza piadosa, porque lle pedimos o imposible: solucionar conflitos políticos avivecidos. O diálogo, por máis benevolente que poida ser, non pode resolver cuestións relacionadas coa liberdade de movemento da xente, ou con compartir o territorio ou os recursos naturais. Política e cultura non funcionan no mesmo nivel: a primeira goberna a acción, a segunda inflúe nas mentalidades; a primeira ocúpase das emerxencias, á segunda pode levarlle xeracións producir algún resultado.» Intelixencia que non se deixa atrapar polas apariencias de afinidade.

30/06/2008

Libros, búmerangs e patinadores

Sergio Ramírez decidiuse a encadernar as entradas do blog que aniña en boomeran(g). A edición de Alfaguara compila desde o posteado inaugural de xaneiro de 2007 até os de xaneiro do presente 2008, pouco máis dun ano de creación dixital na que se suman 228 pezas. A papelización do blog ofrécenos un «libro duplicado», como tería a ben cualificalo Calidonia, sen maiores engadidos que un prefacio onde Ramírez repara nos vellos e novos instrumentos da escritura e o transcendental cambio –cultural, crítico e democrático– que significa poder tirar libremente botellas ao mar dixital que inventou Internet.

A preguiza editorial podería ter sido vencida para achegarnos (aínda que só fose) un índice onomástico e temático para facilitar outras lecturas e procuras diferentes da simple sucesión cronolóxica dos textos. Elixiuse unha económica e simple transposición de contidos cara outro soporte; con todo, ademais de ser «outra obra de arte xenerosamente agasallada aos editores para a súa [proveitosa] comercialización», Cuando todos hablamos é tamén unha sorte de libro búmerang e a traxectoria da súa lectura condúcenos inevitabelmente ao punto de partida xa que quen guste do libro procurará a ligazón case diaria co blog e a web do escritor de Masatepe.

Do blog ao libro e do libro ao blog; xogo de pantalla-papel-pantalla que serve para fidelizar lectores e para ampliar o seu número, pero sobre todo para subliñar que, cada vez máis, o labor do editor orixinal repousa fundamentalmente no coidado do contido e non na natureza formal do soporte, de xeito que a súa tarefa nuclear é a busca de contidos que poidan ser conxugados en diferentes formatos, facilitando o seu nomadeo dun medio a outro e lograr deste xeito unha distribución cada vez máis porosa, capilar e estendida.

Na actualidade, a tea de araña que tecen autores, axentes literarios e editores vese obrigada a ter unha estrutura multimedia. Son precisos diferentes ganapáns para atrapar distintos graos de atención literaria: puntuais, seriados, compactos, volateis, liquidos ou solidamente fidelizados. Máis preto de nós, a edición en triplo soporte –papel-prensa, xornal dixital e libro– de Os grouchos de Manuel Rivas abonda intelixentemente nesta estratexia relacional e multimediática. Os que gustamos do grouchos de Rivas temos así numerosas baiucas editoriais onde catalos.

Necesítanse soportes, diferentes e complementarios, para sumar á audiencia a novos lectores cada vez máis sometidos aos rigores dunha atención parcial continua que se impón como consecuencia da cultura dixital. Como salienta Vicente Verdú, «os nativos da era dixital compoñen un grupo diferente de consumos e coñecementos, tamén de acelerado consumo do coñecemento [...] Os suxeitos da era dixital non son máis parvos pero si máis superficiais, animais patinadores. As novas tecnoloxías formáronlles un cerebro tendente a gañar axilidade e recordar menos, a viaxar moito sen afondar en ningures». Canto máis se multipliquen as formas de presenza dun contido máis doado que entre no campo de atención do animal patinador e máis posibilidades haberá de que deteña a súa veloz marcha para entregarse a súa lectura ou botar un groucho.