O vello Proudhon defendía que a política era a ciencia da liberdade. Seguramente a día de hoxe tería graves reparos para asignarlle un estatuto científico ao oficio da política, pero mantería con toda razón que a liberdade segue a ser a súa materia prima fundamental. Nunha fermosa imaxe, José Luís Sampedro, obxectualiza a liberdade como un papavento: A liberdade é como os papaventos: só voan cando están atadas. A corda que as retén é a responsabilidade inseparábel da liberdade. [...] Por iso os revolucionarios de 1789 suxeitaron o seu papavento da liberdade con dúas cordas: a igualdade e a fraternidade.Coidar dese papavento e das súas cordas non debera ser oficio para cínicos pero todo indica que o Partido dos Cínicos acabará ocupando todo o espazo político do Partido Popular e aínda moito máis. Non son preocupantes os cínicos clásicos, antisistemas, libertarios e irrespectuosos coas autoridades e os poderosos, senón os cínicos modernos que abrollan, precisamente, á sombra dos grandes poderes e que viven para a defensa dos seus intereses e das súas miserias.
A solemne rolda de prensa de onte podería ter servido para sentar as bases dunha refundación do Partido Popular e anunciar medidas de rexeneración e facer rendición democrática de contas. Derramou a ocasión e o discurso que fixo Rajoy, pola contra, só pode considerarse como o manifesto fundacional do Partido dos Cínicos, pavillón de conveniencia que afilia a todos aqueles que da política fan oficio da desvergoña no mentir ou na defensa e práctica de accións civicamente rexeitábeis.
Deixóunolo claro o outro día Billy Bragg: «O inimigo de todos nós non é o conservadorismo, senón o cinismo, que destrúe a esperanza nun mundo mellor.» Confiemos en poder derrotar o seu discurso cos nosos papaventos de liberdade.
