Mostrar mensagens com a etiqueta Rajoy. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Rajoy. Mostrar todas as mensagens

11/12/2009

Cronicando

Algúns dos titulares do día que remata:

Ferrín, que non ten un apoio unánime, postúlase cunha carta aos académicos

Sabemos pola boca mesturadora de Sabón que Ferrín non ten o aplauso plenario da RAG e tamén que existe un pacto que esixe o acordo por «unanimidade» dos académicos para designar ao novo presidente. Teiman: o candidato debe axuntar todas as sensibilidades. Semella que Méndez Ferrín non cumpre os requirimentos integradores suxeridos polos vencedores do 1-M. Non hai mellor candidato que el precisamente por non satisfacer o principio de unanimidade submisa. Ao redor da súa coraxe e rebeldía hai unha maioría suficiente e afoutada que non se rendirá a San Caetano cada vez que haxa que tomar unha decisión en defensa da nosa lingua ou cultura, e iso é bo para a Academia e para o país. Eu daría por boas cen derrotas (camiño imos delas) se Ferrín fose o novo presidente da Real Academia Galega, outro dos nomes da República das Nosas Letras.

Rajoy sobre o secuestro en Mauritania, «cos terroristas non se negocia nunca»

Si, trátase do presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, o mesmo que se sentaba como ministro da Presidencia no gabinete de José María Aznar que abriu unha mesa de negociación con ETA en 1998. Por certo, o fracaso daquelas negociacións levouno ao fronte do ministerio de Interior. No vocabulario conservador, «nunca» significa, exactamente, «mentres eu non o faga».

Berlusconi, un "súper" primeiro ministro "con dous collóns"

Falaba Rajoy nos corredores do Congreso del Partido Popular Europeo, onde Berlusconi fixo alarde de afouteza testicular. Segundo o tigre de Vila Certosa, á condición de gobernante con dous collóns accédese por liderar a «terceira economía europea», presidir un goberno «forte» e ter unha maioría parlamentaria «cohesionada». Desde agora, xunto á existencia de Estados exitosos e de Estados marrados, funcionará a súa soberbia distinción entre gobernantes con dous collóns e gobernantes castrati. Respecto da nova taxonomía berlusconiana descoñécese a opinión de Angela Merkel, ­lideresa da primeira economía europea, presidenta dun goberno fortísimo e con sólida presenza no Bundestag.

A Xunta vende Galicia en Brasil cun vídeo realizado hai 20 anos

Aínda que se abraie Fernanda Tabarés, a enxeñosa iniciativa de reciclaxe da imaxe (trastempada) de Galiza encádrase perfectamente na nova política do PPdeG, non na da cacarexada carestía e eliminación de gastos suntuarios e superfluos, senón nesa outra que insiste en vender o pasado como única alternativa de futuro.

05/11/2009

Mariano en globo

—Subimos?
—Non, ao contrario, baixamos.
—Peor que iso, señor Ciro, caemos.
—Meu Deus! Guindemos o lastre.
—Xa se tirou a derradeira saqueta.
—Sobe o globo?
—Non.
—Escoito un ruído como de movemento de ondas.
—Temos o mar preto da barquiña.
—Non debe estar a cincocentos pés.
Unha voz poderosa resgou o ar e resoaron estas palabras
—Tiremos todo o que pese, todo, e á graza de Deus.

Se Mariano Rajoy lembrase o arrinque de A Illa misteriosa de Jules Verne sabería ben o que tería que facer para que a súa credibilidade remóntase o voo. Extraviado segue confiando na lealdade do lastre que o torna a el na pexa máis pesada. Agárdase unha aterraxe pavorosa.

04/11/2009

A cadeira baleira

Cando Pasqual Maragall gañou as eleccións catalás en 2003, preguntáronlle a Lluís Llach cal ía ser, na súa idea, o principal problema do novo President; o cantautor tíñao claro: o problema maior sería o PSOE. Non errou. Tras o outubro negro, preguntarse cales son os problemas máis agudos de Rajoy é unha cuestión ociosa; son dous: o Partido Popular e el mesmo, sumatorio da súa indecisión e da falta dun proxecto de goberno para o Estado e para o seu propio partido.

O presidente do PP é ridiculamente vulnerábel porque a lealdade popular cotiza á baixa e, por moi orteguiano que se poña Gallardón, o camiño máis curto entre o corazón dalgúns baróns e o de Rajoy mídese con magnitudes galácticas. É grotesco porque non ten un programa convincente para enfrontar a crise que non pase polos caprichos da CEOE; e é unha alternativa fraudulenta porque carece de vontade e de ideas para acometer a necesaria limpeza do seu partido como garantía dun goberno honesto.


A avantaxe relativa de Rajoy é que o PSOE é igualmente incapaz de achegar alternativas solventes en ambos os dous capítulos críticos: o devalo económico e a corrupción. O desnorte do executivo de Rodríguez Zapatero é o que máis axuda a disimular as carencias de Mariano Rajoy como opositor con aspiracións a gobernante.


A cousa leva camiño de empeorar porque algún sisudo estratego da Moncloa ou Ferraz convenceu ao presidente para que se concentre na política exterior e non comprometa máis a súa imaxe atendendo problemas domésticos de difícil resolución. Zapatero pode estar certo de que cando remate a súa presidencia na Unión Europea os problemas socioeconómicos estarán agardando por el e terán bastante peor cara.


Rajoy está noqueado pero non será o PSOE quen o deite na lona, serán os disparates propios e os despropósitos da súa tropa. Por iso agardábase con expectación morbosa o discurso de Rajoy ante os sátrapas territoriais para saber se (aínda) era posíbel o retorno á cordura.


Obsequiounos cun peza mediocre que pivotou basicamente en tres argumentos: o imperio da lei do silencio para evitar o deterioro da imaxe do partido; o aval dos resultados políticos en Galiza e Euscadi e nas eleccións europeas; e as excelentes perspectivas que sinalan as sondaxes de intención de voto. Sobre estas bases Rajoy quere (re)edificar o seu liderado e reflotar o Partido Popular como «unha forza nacional, unida e limpa».

Na véspera do Supermartes, os ilusionistas comezaron xa a falar da resurrección de Mariano Rajoy e, cos entusiasmos revolucionados, entregáronse ao seu labor evanxelizador para convencernos de que o presidente do Partido Popular ía saír moi reforzado da crise de autoridade que o abaneou de xeito inmisericorde na última quincena de outubro.


A idea do guión marianista achegouna Saint Exupéry: «o fracaso fortifica aos fortes». Superados algúns reveses parciais, Rajoy pon orde e revalida o seu poder. O Consello Executivo do 3-N convocouse así para escenificar a recuperación vigorosa do seu liderado e sinalar un punto e final co anuncio de que «non haberá próxima vez» para discutir a súa autoridade.


Unha pretensiosa posta en escena. Cando Rajoy deixou de falar a cadeira baleira de Esperanza Aguirre anunciaba silandeira que haberá outras moitas veces e que non han de tardar.

03/11/2009

Lealdades

O diálogo entre Ric Costa e don Vito Correa, que transcribiu Fernando Varela en Público, debrúzate de cheo na máis ardorosa fogueira das vaidades. Os degoiros presidenciais de Costa son acalmados, e ao tempo excitados, polo solícito amo de chaves de Casa Gürtel: «Dentro duns anos ti es o futuro presidente do Goberno, porque se non, o que tedes, o candidato que tedes agora, ben, eu espero que non lle... non lle votedes no 2011, non, pero vaites, non ides gañar nunca, e daquela ti, dentro de pouco, ti es o que vai mandar aí, macho.»

Co candidato que tedes agora non ides gañar nunca. Esa mesma xélida, arredada e inapelábel sentenza pendura desde o Congreso de Valencia no pescozo de Mariano Rajoy, ánima en pena que ocupa a presidencia do Partido Popular. Os seus días son descontados. No Comité Executivo de hoxe Rajoy debería adoptar unha decisión para a eternidade, unha decisión pola que sexa lembrado agarimosamente pola manda conservadora en séculos vindeiros.

Faría ben en inspirarse no Partido Justicialista arxentino. Moitas familias políticas están tan dividas e enfrontadas como o peronismo pero poucas están tan precariamente instaladas na beira do precipicio fraticida e ningunha é máis dada ao engano e á irresponsabilidade suicida. E malia todo debe ser o único partido do mundo que instituíu o Día da Lealdade. Todos os 17 de outubro reúnense para certificar como sangran as feridas debidas ás súas retesías intestinas e renovar o seu compromiso de fraternal e eterno odio para proseguir unha guerra familiar sen cuartel.

Don Mariano, hoxe é un excelente día, impoña o seu férreo e absoluto criterio e institucionalice o Día da Lealdade Popular; non dubide en reeditar o vello lema dos xusticialistas: «Non hai nada máis sagrado para un peronista que outro peronista.» O Partido Popular é unha irmandade de honestos, incondicionais e leais, de xenerosos e desinteresados, un retallo do paraíso na terra, a cifra máxica da nosa redención e a salvación de España. Ánimo Mariano! Ti es o que vai mandar aí, macho!

30/10/2009

Autoridade indiferente

O pensamento conservador (de onte, de hoxe e de mañá) sente unha debilidade esencial pola idea de auctoritas. Autoridade, tradición e relixión identifican os compoñentes básicos do seu código ideolóxico; daquela non é de estrañar que a creba do principio de autoridade arrastre aos fieis do Partido Popular á máis extrema histeria.

No mes de outubro, o estoupido de Gurtel, as avivecidas retesías coa lideresa e as enleadas campistas dinamitaron a auctoritas de Mariano Rajoy, presidente impasíbel do Partido Popular (Aceptemos acriticamente o presuposto de que Rajoy tivese auctoritas algunha vez e de que historicamente sexa algo máis que un declinante epígono do Aznarato).


Agora tan só se debate se Rajoy é un presidente sen autoridade (como opinan os inimigos) ou un presidente desautorizado (como sosteñen os menos inimigos). O xurista e historiador Theodor Mommsem dicía que a autoridade é máis que unha opinión e menos que unha orde e, na súa idea, autoridade era unha opinión que cómpre tomar en conta. De todos é sabido que Rajoy non dá ordes e que as súas opinións se van co vento. É un líder impasíbel e imposíbel.

No tempo das colonias americanas, os Vicerreis practicaban unha fórmula de desobediencia amigábel perante a autoridade da Coroa que hoxe está plenamente vixente no Partido Popular: acatábanse os desexos do monarca pero non se cumprían. Así os baróns «populares» asumen anxelicalmente os ditados presidenciais pero despois fan o que boamente lles peta. E don Mariano castígaos coa súa indiferenza mentres deixa pasar as horas até a súa seguinte desautorización.


Rajoy non o ten doado. O presidente de honra do seu partido, José María Aznar, sinalou os requirimentos de éxito (electorais e políticos) futuros: «Un líder, non varios; un partido, non varios; un proxecto, non varios. A conxunción destas tres cousas a min deume resultado.»
O Aznarato era un réxime de liderado forte construído sobre unha autoridade política central. Aznar era moito máis que un líder era un cruce entre un duce e un condottiero.

Desoíndo a sabedoría popular Mariano Rajoy convocou o comité executivo do PP para o vindeiro martes, vainos chamar á orde no día do deus da guerra. E fixo unha bíblica advertencia: «Teño paciencia, pero Santo Xob só hai un na historia.» Rajoy síntese inspirado e cre estar reforzado pola súa (previsíbel) vitoria na sucesión presidencial de Caja Madrid, folgos que aproveitou para defenestrar a Ric Costa e coa mesma o día 3 intentará facerse aceptar como macho alfa da manda conservadora.

Todo o mundo (menos Rajoy) dá por descontado que non será quen de imporse, queda unicamente por saber se os desconformes, críticos e disidentes lle ensinan os cairos ou se seguen apegados á fórmula vicerreinal de acatar pero non cumprir. Nestes tempos de caos e devalo de ánimo tan só os moi sufridores da santa causa conservadora aceptarán de bo grao a don Mariano como dominamatrix.

Hanna Arendt, que se ocupou ben do tema da autoridade, deixou escrito que «a palabra auctoritas deriva de augere, “aumentar”, e o que a autoridade ou quen a detenta aumenta constantemente é a fundación»; a fundación; é dicir, o patrimonio político ou electoral recibido. E nesta materia a Mariano Rajoy non lle dan saído de ningún xeito as contas.

A diferenza de Camps e de Aguirre, a súa achega de valor de poder engadido é mínimo. Quizais como consecuencia da súa (de)formación profesional, Rajoy consume o seu liderado rexistrando e xestionando pasivamente as propiedades herdadas pero non é quen de ampliar nin o patrimonio nin os seus beneficios. É aínda máis peor: comeza a estenderse pavorosamente a idea de que a súa falta de executividade desbalda actualmente todo o que Aznar lle deixou como legado: un liderado indiscutido, un único partido, cunha única autoridade central e un único proxecto.


O presidente do Partido Popular non anda unicamente mal en
auctoritas, tamén está frouxo en historia sagrada. Debería saber que as desventuras de Xob non son unha parábola sobre a paciencia como virtude necesaria nun mundo de aflicións; é un tratado sobre o sufrimento dos inocentes. E, en toda esta desatinada historia, Mariano Rajoy é calquera cousa menos inocente.

26/10/2009

Liberalismo grotesco

Nas vésperas de serlle entregado o premio Príncipe de Asturias das Letras, Ismail Kadare deixouse entrevistar para desvelar, entre outras intelixencias, como o grotesco enfía moitas veces a orde de cousas: «O grotesco ten unha cerna dolorosa, desapiadada. E o grotesco ábrese camiño a couces en situacións tan propicias como unha ditadura. [...] Hai unha comicidade en todo o grotesco, unha comicidade dolorosa.»

O grotesco non só reina nas ditaduras, tamén o fai con idéntica dolorosa comicidade nas democracias, ben basta con seguir as afliccións de Mariano Rajoy para decatarse do seu enraizamento entre a clase política. Ao grotesco pertencen as indecisións e indiferenzas do líder do Partido Popular diante das corrupcións maiores e menores do caso Gürtel e non menos chocalleira e irrisoria é a súa intervención na guerra sucesoria de Caja Madrid.


A mediados de agosto os medios quixeron saber da opinión do presidente dos conservadores sobre a posíbel fusión das caixas de aforros galegas, fose porque non sabía que contestar, fose por non tomar partido nunha lea entre entidades poderosas, Mariano Rajoy esquivou o asunto cunha manifestación de principios: declarouse «liberal de verdade» e sentou cátedra afirmando que «os políticos non deben entrar en asuntos que non lle competen». Auténtica delicatessen liberal.

Tres meses despois Rajoy tenta facer valer a súa decrecida autoridade na elección do presidente de Caja Madrid. Tras resolución gatopardiana sobre a rexeneración do Partido Popular na Comunidade Valenciana, a súa credibilidade cifra as súas cotas máis baixas. O ensaio de cambialo todo para que nada cambie unicamente valeu para devalorizar o seu propio liderado e reforzar o de Camps na súa satrapía.


Agora o seu círculo de adeptos esíxelle unha resposta contundente fronte ás manobras de Esperanza Aguirre que quere colocar a un propio no cume da entidade financeira madrileña. Rajoy apadriña a Rodrigo Rato, un candidato bastante máis cualificado e honesto que Ignacio González, o home de palla da lideresa, mais non é a excelencia o que guía a estratexia marianista.


A ocupación da presidencia de Caja Madrid por parte dun fiel de Esperanza Aguirre confirmaría a súa autonomía política e renovaría as súas credenciais para suceder a don Mariano no caso da súa xubilación anticipada. O reduto aguirrista non se deixa domesticar e asáñase por seguir ampliando os seus poderes e leva, polo de agora, vantaxe na guerra de baixa intensidade que libra co aparato marianista.


Á hostilidade de Aguirre súmase o ameazante prestixio de Rodrigo Rato, de entre todos os ex- do Partido Popular é o que ten mellores credencias democráticas e un currículo con maiores recoñecementos públicos. A opción, que no seu día descartou Aznar en beneficio de Rajoy como candidato «continuísta sen complexos», é vindicada agora, coa lingua pequena por parte de moitos dirixentes conservadores, como un inmellorábel sucesor.

Se Rajoy consegue orientar as apetencias de Rato cara á xestión da entidade madrileña desfarase temporeiramente dun perigoso competidor e infrinxirá unha severa derrota á Aguirre como voceira da oposición interna no seu partido. Dúas vitorias polo prezo dunha. Aínda que non é moi dado as decisión rotundas, a don Mariano vaille parte do seu crédito e futuro político en ser quen de impoñer o seu «dedazo». Fallarlle a Rato sería un convite a regresar á primeira fila da política activa, non atopará peor incentivo que as promesas incumpridas.

As inxerencias de Rajoy no relevo directivo de Caja Madrid lévanse mal coa doutrina liberal non-intervencionista pero empatan excelentemente ben con ese cinismo pragmático que lle obriga a entrar entrar en asuntos (que si lle competen) para seguir manténdose no cumio do poder do Partido Popular. Mariano Rajoy cre que os cidadáns temos memoria de peixe e de que ninguén acudirá as hemerotecas para saber das súas apoloxéticas declaración liberais de hai tres meses. Non é preciso, cada día está máis claro que a materia ideolóxica do minguante líder conservador non é o liberalismo senón o cinismo. Grotesco, triste de asombrar, para rir por non chorar.

16/10/2009

O Partido dos Cínicos

O vello Proudhon defendía que a política era a ciencia da liberdade. Seguramente a día de hoxe tería graves reparos para asignarlle un estatuto científico ao oficio da política, pero mantería con toda razón que a liberdade segue a ser a súa materia prima fundamental. Nunha fermosa imaxe, José Luís Sampedro, obxectualiza a liberdade como un papavento:
A liberdade é como os papaventos: só voan cando están atadas. A corda que as retén é a responsabilidade inseparábel da liberdade. [...] Por iso os revolucionarios de 1789 suxeitaron o seu papavento da liberdade con dúas cordas: a igualdade e a fraternidade.
Coidar dese papavento e das súas cordas non debera ser oficio para cínicos pero todo indica que o Partido dos Cínicos acabará ocupando todo o espazo político do Partido Popular e aínda moito máis. Non son preocupantes os cínicos clásicos, antisistemas, libertarios e irrespectuosos coas autoridades e os poderosos, senón os cínicos modernos que abrollan, precisamente, á sombra dos grandes poderes e que viven para a defensa dos seus intereses e das súas miserias.

A solemne rolda de prensa de onte podería ter servido para sentar as bases dunha refundación do Partido Popular e anunciar medidas de rexeneración e facer rendición democrática de contas. Derramou a ocasión e o discurso que fixo Rajoy, pola contra, só pode considerarse como o manifesto fundacional do Partido dos Cínicos, pavillón de conveniencia que afilia a todos aqueles que da política fan oficio da desvergoña no mentir ou na defensa e práctica de accións civicamente rexeitábeis.

Deixóunolo claro o outro día Billy Bragg: «O inimigo de todos nós non é o conservadorismo, senón o cinismo, que destrúe a esperanza nun mundo mellor.» Confiemos en poder derrotar o seu discurso cos nosos papaventos de liberdade.

15/10/2009

Ese líder chamado Rajoy

Tras as tirapuxas, as declaracións solemnes, os desmentidos, os compromisos e os trasacordos do martes 13 e da amencida dun tristeiro mércores 14, nada volverá ser como antes na relación de Rajoy con Camps e viceversa. Na estelar rolda de prensa de hoxe Rajoy insistiu en que a vida segue igual; pode enganarse canto queira pero atrás quedan definitivamente os tempos felices nos que afirmaba de Camps: «Somos parecidos, temos vidas paralelas.»

O espectáculo que nos regalou o Partido Popular é un híbrido da derradeira noite do Titatic e do camarote do irmáns Marx. Drama e disparate. O seu balance provisorio pode resumirse no retrouso da canción de Rubén Blades: «Yo que pensaba 'hoy no es mi día estoy salá', pero Pedro Navaja tu estas peor, no estás en na'». Aínda que resulte ben difícil determinar se é Camps ou Rajoy quen protagoniza a escea terminal de Pedro Navajas.

Entre o imposíbel e o inevitábel


Francesc Cambó deixou dito que «hai dúas maneiras certas de chegar ao desastre: unha, pedir o imposíbel; outra, atrasar o inevitábel». Des que se fixo público a entrega primeira do sumario de Gürtel, os dirixentes populares teiman en pedir o imposíbel e en adiar o inevitábel. Con este guión compareceu hoxe Rajoy diante dos medios de comunicación. Por máis empeño que lle poña é imposíbel que as revelacións sobre a trama de financiamento ilegal dos conservadores non teña efectos políticos de calado, e é inevitábel que han de ter que tomar de decisións contundentes se se quere rexenerar a credibilidade do Partido Popular.

Á marxe de todas as reservas sobre posíbeis efectos electorais negativos do escándalo da economía en negro do Partido Popular, a exposición pública dos trapos sucios da casa Gürtel e o desencontro con Camps esnaquizan de vez a coalición de intereses que callou no Congreso de Valencia no que se renovou o liderado de Mariano Rajoy tras a derrota electoral de 2008. Nestes momentos, continuidade ou refundación é unha dicotomía enganosa, non hai posibilidade ningunha de continuidade, pode haber refundación con Rajoy ou sen Rajoy, pero os tempos de Rajoy como continuísta sen complexos pertencen ao pasado. Toca liderar unha refundación non gatopardiana do Partido Popular.


Liderado pasivo

Unha lectura de El Mundo, xornal amigo, dá boa conta da malleira que está levando o presidente do Partido Popular. El Mundo esixe un duce ou, se non queda outra, un condottiero, Rajoy ofrécese como un xestor de rendas pasivas: falto de capacidade de iniciativa e anticipación, sen autoridade e desposuído de calquera dos atributos que se lle piden a un líder en situacións de crise.

A listaxe de atributos desexábeis para un líder é inmensa, Isaac Berlin anotou algúns dos requirimentos básicos:
Damos confianza a determinadas persoas non polas súas calidades intelectuais, senón porque lles atribuímos bo ollo, sentido e olfacto político, porque cremos que non nos defraudarán cando veñan os momentos de tensión e conflito, porque confiamos no seu sentido de ponderación e equilibrio necesarios para manter as coalicións necesarias e non xerar antagonismos innecesarios.
A tradución que Mariano Rajoy fai destas palabras é: «Din unha resposta política axustada a cada caso concreto», o que quere dicir exactamente é que se entregou ao wait and see, ao quietismo decisional e, sobre todo, á innovadora estratexia de indiferenza. Aqueixado da síndrome de Bartleby, diante de calquera encomenda de liderado, Rajoy sempre prefire non facelo.

Está dispoñíbel na rede Líderes para el cambio social, un magnífico traballo colectivo de Ignasi Carreras, Amy Leaverton e María Sureda. Nin ten que dicir que Rajoy non encaixa con modelo positivo de liderado de cambio ningún. Nas súas páxinas Carreras debulla diferenzas entre xestores e líderes que ben resume nunha frase: «Os líderes xeran cambios. Os xestores conseguen resultados predicíbeis.»


O plus de resistencia

Rajoy quere sobrevivir como xestor previsíbel das boas expectativas electorais que as sondaxes de opinión dan ao Partido Popular. A súa principal baza é o temor das familias conservadoras a ofrecer unha imaxe de desunión, factor de desconto electoral que é, sempre, de moita maior virulencia que os casos de corrupción, máis fáciles de contrabandear no sabido «son todos iguais». Para que complicar aínda máis unha situación xa de por si desfavorábel, preguntaralle enchoupado de sentido común Rajoy á dirixencia das bandeirías «populares».

Rajoy segue confiando en que ninguén se arrisque a moverlle a cadeira aínda que só sexa porque no soto da súa conciencia comparte a definición que Elbert Hubbard deu dun conservador: «Un home demasiado covarde para loitar e demasiado gordo para fuxir.» O presidente do Partido Popular confía no peso dos intereses compartidos por todas as tribos conservadoras e na covardía dos presuntos sucesores que ían ter que estrearse cunha problemática rendición de contas ante os cidadáns por causa das retesías internas, do Gürtel e da perda de iniciativa política que representaría, a estas alturas, remudar o liderado partidario.


A segunda fortaleza de Rajoy radica no substrato resistencialista da súa concepción política e que parece tomado directamente do nacionalismo galego. Poucos terían sobrevivido a episodios como os «hilillos de plastilina» do Prestige, á mentira
institucionalizada da intervención militar en Iraq ou ao infame teatro do 11-M, á perda do poder en 2004 e á súa segunda derrota electoral ante Zapatero en 2008. As únicas alegrías políticas de Rajoy son o triunfo en Galiza o 1-M e a vitoria nas pasadas eleccións europeas. Ración mínima.

É posíbel que nestes atribulados tempos Rajoy repita como un mantra unha sentenza que lle debe a Fraga Iribarne: «En política todas as vitorias son efémeras, e todas as derrotas provisorias.» Filosofía que explica a lonxevidade política de don Manuel e que nestes días ha de ser un dos poucos consolos espirituais que lle quedan a don Mariano.

14/10/2009

Feijóo no top-ten conservador

Días atrás Claudio Magris alertaba sobre o triunfo do que chamou a «política pop», derivación extremosa da videocracia que ten como característica máis salientábel a tendencia a «facer da imaxe un fin en si mesmo». A boa imaxe (propia) e a mala ou pésima imaxe (allea) tornouse no catalizador de celebridades políticas e mediáticas. O gürtelazo significará inevitabelmente (quérese dicir, antes ou despois) a eclipse ou obrigado ocaso dalgúns liderados do Partido Popular postaznarista e mesmo, a pouco que se extravie, a escaseza de exercicios de autoridade de Rajoy pode ser causa da súa xubilación forzosa.

Na galería de notábeis do Partido Popular, Núñez Feijóo, pola contra, protagoniza unha carreira meteórica que, desde o 1-M, o empolicou no cumio do top-ten dos «populares». Se non é o terceiro, é o segundo currículo máis prometedor da nomenklatura conservadora. A súa imaxe obra as miraxes que a súa acción de goberno non é quen de certificar. Núñez Feixóo é a Francisco Camps, o mesmo que Gianfranco Fini quere ser a Berlusconi, a oferta dunha dereita de escuros historiais que aspira a ofrecerse como modernización conservadora.


Andrea Camilleri, unha intelixencia non precisamente rebaixada de crítica, agasallou a Fini con palabras que resumen as súas aspiracións: «Di cousas xustas, laicas, modernas. Unha dereita finalmente respectábel». Esa é a imaxe que Feijóo cultiva de si mesmo para mellor posicionarse ante un eventual desfondamento da cúpula do Partido Popular como consecuencia do peso inculpatorio do caso Gürtel. Nas despreocupadas tertulias dos moi poderosos insisten: Mariano Raxoi ten quen o suceda, xa pode fracasar tranquilo.


En Caderno de paso matino sobre o irresistíbel encanto de Alberto Núñez Feijóo entre os vips da novísima dereita e sobre os seus valores como gobernante (inéditos) e as súas grandes (e polo de agora discretas) ambicións presidenciábeis.

13/08/2009

Mariano Liberal

Para non comprometerse na lea da fusión das caixas de aforro galegas Rajoy tirou de etiqueta. Definiuse como «liberal de verdade», dixo que se ía gardar de intervir ou opinar e que os políticos «non deben entrar en asuntos que non lle competen». Que sexa don Mariano o apóstolo da non inxerencia do poder político nos asuntos das caixas é un exercicio de cinismo que fai burla das hemerotecas. Cada vez que o presidente do PP bota a lingua a pacer, fai rogativas para que os cidadáns teñan a memoria dos peixes. A batalla polo control de Caja Madrid protagonizada por Aguirre e Gallardón, sen dúbida ningunha, hai que encaixala na política de neutralidade do Partido Popular nos mercados financeiros. Neutralidade exquisita, absolutamente liberal.

Mariano Rajoy non é un liberal, é un (neo)conservador. E, como nos lembrou Robert Nisbet, non hai principio máis fundamental na filosofía conservadora que o da incompatibilidade absoluta entre liberdade e igualdade. Alguén dixo con sarcasmo que os conservadores son os liberais que lle teñen pánico á igualdade. Nesa onda sintoniza a inmensa maioría do Partido Popular que condena calquera forma de igualdade sexa para poder competir nos mercados, para usar a lingua propia, para acceder á todo servizo de benestar ou, mesmo, para render contas diante da lei e dos xuíces. «Todos somos iguais pero un somos máis iguais que outros» resume o credo dos paleo e dos neo conservadores.


Rajoy non é un liberal de verdade, é un liberal de coña. En rigor, é un avantaxista que segundo a súa comenencia fai uso, ou esmaga impiamente, unha ou outra liberdade pero que sacrifica sempre a máis mínima igualdade de oportunidades. O seu é un infraliberalismo darwinista que argumenta a pasividade nos mercados porque é a mellor fórmula para que impoña o imperio dos máis fortes, das grandes corporacións. Seguindo a súa particular teoloxía política, Mariano Rajoy proclama sempre a súa vocación polos máis poderosos. Cando un dos seus podentes amigos financeiros ou empresariais estea en perigo de crash teremos ocasión de ver en que queda o seu neutralismo. Daquela Mariano Liberal cruzará os dedos e confiará en que os peixes non nos lembremos de nada. Non sabe el canto nos gustaría a algúns poder borralo da nosa memoria xunto con todas as súas trapalladas doutrinais.