Mostrar mensagens com a etiqueta Poder. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Poder. Mostrar todas as mensagens

29/07/2009

A política da risa

O 1-M agasallounos cunha primavera triste, ha de ser por iso que pasei por alto unha suxestiva achega de Antoni Gutiérrez-Rubí sobre o smart power, a risa política e a política do sorriso. O seu título é, de por si, un manifesto inapelábel: «Os tristes non gañan eleccións (Nin lideran, nin seducen, nin convencen)». E desde xa é recomendábel a súa lectura en toda ocasión en que a melancolía ou o pesimismo comecen a roernos a vontade ou a ilusión. Nas súas letras faise un feliz, erudito e divertido repaso polas virtudes intelectuais da risa como «aliada natural da política emocional, a política do futuro» e como expresión do smart power.

«O poder intelixente sorrí, non ameaza», salienta Antoni Gutiérrez-Rubí. O riso non é precisamente un punto forte do noso Quinto Presidente nin da súa amigábel administración. Unha carencia que nos enche de esperanzas. O seu «galeguismo cordial» ten unha expresión reprobatoria e severa que constitúe unha emenda a totalidade das súas palabras. Feijóo é un galeguista cordial que cada vez que ten ocasión de dirixirse aos galeguistas/nacionalistas/progresistas nos rifa. O seu é un «galeguismo cordial» amenazador, entregado a un hard power que trabuca convicción con autoritarismo.

Queremos novos argumentos para enfortecer o desexo e vontade de políticas do cambio en Galiza. Aquí teñen un de Gutiérrez-Rubí:
Estou convencido de que os tristes non gañan eleccións. Nin son capaces de liderar emocións positivas (sen as cales non hai proxectos, nin comunidade, nin esperanza). Tampouco a tristeza pode seducir nin infundir ánimos colectivos. Os que cren que é posíbel un proxecto político transformador e progresista desde a cultura do pésimo, do tráxico, do feo (do serio, do adusto, do severo) non se dan conta de que o concepto «canto peor, mellor» é o núcleo psicolóxico e cultural dos pensamentos autoritarios, que ceban o desánimo e o desacougo, para canalizala como raiba agresiva e ameazante.
Gutiérrez-Rubi recupera tamén unhas declaracións de Jaume Sanllorente, fundador da ONG Sorrisos de Bombai, que salienta que «un sorriso é o primeiro paso para a liberdade». Por aí debemos (re)comezar para enfrontar a tristura emocional e a súa irmá inseparábel, o aburrimento intelectual. A oposición, os resistentes e os disidentes para recuperar a iniciativa política necesitan, necesitamos, do concurso da política do sorriso e da gargallada fraternal, tamén do humor e a retranca. Unha oposición irada é unha oposición derrotada. Un goberno amargado é un goberno vulnerábel.

03/11/2008

Sofía dos presaxios

O estado da opinión pública nunha democracia esixente ten sentir republicano aínda que só fose pola razón subliñada por Daniel Afonso Castelao: «Nunha monarquía hai un rei; nunha república hai tantos reis como cidadáns»; de aí que calquera actuación que singularice e contraste a opinión da Casa Real coa opinión cidadá maioritaria remexe paixóns e fundamentos constitucionalistas e invita, sobre todo, a discutir a utilidade da voz da Monarquía.

Por máis que a familia política considere a polémica como unha «chorrada», canto máis se sabe do pensamento forte de Sofía de Grecia máis se apaga o verniz democrático da Coroa. Á parte da poxa de loanzas e (des)lealdades monárquicas ao que se entregaron Partido Popular e PSOE e da certeza de que algún secretario o vai pasar realmente mal, a enleada serviu basicamente para convencer a unha inmensa maioría de cidadáns de que o que máis lle reina á Casa Real é permanecer nun estado de invisibilidade e silencio mediático (case) permanente.

Maquiavelo sempre preocupado polo porvir dos príncipes reiteraríalle a Sofía a súa sabida sentenza: Qui nescit dissimulare nescit regnare [Quen non sabe disimular non sabe reinar]. Disimular, ficar inmóbil, facerse invisíbel, permanecer en silencio; eses son as máis intelixentes estratexias que ten a familia Borbón para garantirse un futuro confortábel. Calquera outro curso de acción e toda innovadora declaración de principios aleitan os peores presaxios sobre unha institución que, cada vez, é máis valorada como unha tradición ornamental e menos como unha necesidade democrática.

31/10/2008

O mundo de Sofía

As declaracións «confidenciais» coas que Pilar Urbano compaxinou La reina muy de cerca son o biocombustíbel dun incendio mediático finisemanal que contribuirá, de certo, a engordar os beneficios do editor e a facer, de paso, máis redondos os dereitos de autora da (in)oportuna e (in)exacta xornalista. Tócalle agora ao Samain ocuparse de arrefriar as convulsións mediáticas para restablecer o sentido de Estado na súa clásica manifestación como silencio de Estado.

Os retallos das opinións reais descúbrennos a Sofía de Grecia como unha avantaxada alumna da Escola de Partido da rúa Xénova e evidencian que á monarquía española hai tempo que se lle parou o reloxo da historia. Con todo, González Pons, deixando as cousas branco sobre negro, á parte de considerar a Raíña unha muller-bandeira, quixo subliñar que esas opinións son as dunha «muller de setenta anos católica». Efectivamente, son opinións retrogradas que a Raíña transmite en confianza a unha supernumeraria do Opus Dei de 68 anos. Opinións que se comparten por proximidade ideolóxica e xeracional.

O inmobilismo dinámico é a esencia da Casa Real e, en materia de avances sociais, Sofía de Borbón segue a doutrina da Raíña Vermella que atopou Alicia tras o espello: «Fai falta correr todo canto unha poida para permanecer no mesmo sitio.» O noso caos constitucional outorga a Monarquía un papel moderador e desa nobre misión equilibradora arredáronse en Santa Compaña Pilar e Sofía para espanto das nomemklaturas do bipartidismo benpensante.


O papel reservado é dar unha aparencia de modernidade coidando dunha cerna de pousado tradicionalismo segundo os canóns dunha monarquía parlamentaria de baixo perfil. O papel publicado por Pilar Urbano indica que no Pazo da Zarzuela reina soberana a monarquía católica, fórmula máxica de todo o pensamento reaccionario español.

As manifestacións son todas elas desgrazadas pero de escasos efectos prácticos por non ser (afortunadamente) case que ningún dos asuntos materia da súa competencia; agás, claro está, esa forma mol de eutanasia política que se chama abdicación. Sofia teno claro e Filipe de Borbón (por se non o tiña) xa o pode ter tamén: «A El-Rei só pode xubilalo a morte.»

Son as leis da bioloxía e non as da oportunidade política as que xestionan os relevos monárquicos dos Borbóns; as forzas da natureza gobernan o destino do reino. A mesma Sofía de Grecia é unha forza da natureza, da natureza máis reaccionaria da monarquía española.

17/07/2008

A roda do poder

Existen numerosos iesebenes sobre o Poder político e os seus usos e relacións, un amplísimo abano de páxinas que cobren desde as ciencias sociais e as memorias ao xornalismo ou á matinación ensaística; tamén na literatura de ficción é doado compilar un feixe de excelentes obras que debullan de xeito preciso como facerse co poder político, como mantelo e tamén como se pode derramar e perder de vez; ou onde se realizan precisas diseccións sobre a súa natureza, compoñentes, dinámicas e impactos.

Entre outras, a factoría literaria mexicana tennos achegado numerosos títulos que diagnostican as tramas do Poder ao que deu vida a Revolución de 1905 e o seu usufruto polo PRI. O xornalista, novelista e historiador Héctor Aguilar Camín entregounos, polo de agora, unha tríade de pezas imprescindíbeis nas que inspecciona as relación do Poder político co Poder do Petróleo (Morrir en el golfo); co Poder Mediático (La guerra de Galio) e do Poder Político coas súas propias vísceras (La conspiración de la fortuna).


Na exitosa e cinematográfica Morrir en el golfo, Anabela Guillaumin, esposa de Francisco Rojano Gutiérrez, un desafiante e emerxente dirixente priísta, ofrece unha fórmula para facerse oco na Columna do Poder: «Non fales de fracaso. Ti sabes como é a política. Vai e vén, é unha roda da fortuna [...]. Que é o fracaso político? É un pretexto para os pusilánimes. Un verdadeiro político non fracasa nunca, está sempre na xogada. É unha rolda da fortuna e o que importa é non soltarse. Ás veces estás arriba, ás veces abaixo. Pero iso non é o importante. O importante é seguir pegado a roda, manterse aferrado á roda. Non soltarse, carallo. Non soltarse.»


Mariano Rajoy, que tivo en Manuel Fraga a un dos máis insignes mestres na arte de supervivencia política en condicións electorais extremas, é un seguidor incombustíbel desta fórmula. Tras o fracaso do 9-M, aferrouse a roda e segue na xogada á espera de novas oportunidades. Esperanza Aguirre subestimou a súa impoñente capacidade de adherencia a máis mínima fibra de poder. Grande erro. Rajoy agarda agora a que o devalar da credibilidade de Zapatero e a agudeza da crise económica o coloquen novamente na crista da onda. Poucos, coma el, saben que a política vai e vén.

01/09/2007

Fake policy

George Bernanos afirmaba que prefería perder lectores antes que enganalos. As conviccións do escritor son pouco compartidas entre as nosas clases dirixentes moito máis dispostas a mentir que a perder electores; temerosos, os máis, a dicir verdades incomodas que lles resten audiencias. Sei que o dilema non ten porque adquirir unha fasquía tan maniquea; pódese dicir a verdade e gañar electores e, mesmo, dicir mentiras e perdelos a mancheas. Aínda así, o formateado que máis se leva na política oficial fai abuso da media verdade e da mentira enteira para minimizar os custos das decisións impopulares.

Os adiantos orzamentarios do presidente Zapatero (se o debate parlamentario non o remedia) engrosarán a política de ambiguedades calculadas que é esa forma mol, anestésica e amábel da mentira/media verdade coa que o Goberno se relaciona cos cidadáns electores dos feudos electorais secundarios. Nos caladoiros primarios as promesas sostéñense nunha verosimilitude orzamentaria moito máis sólida.

Outro escritor, Elbert Hubbard, advertiunos cinicamente: «a mentira é un triste substituto da verdad, pero é o único que se descubriu polo de agora». Así o cren tamén os estrategos do centro gobernamental. A dinámica mentira/media verdade está tan institucionalizada que non é de estrañar que os resignados cidadáns sinalen a política como un territorio privilexiado da falsidade e que Xavier Queipo dese cunha reveladora pintada na que unha man anónima escribiu: «Queremos mentiras novas.» Xa que fronte á política mentira non se pode esixir a verdade, pidamos cando menos un chisco de imaxinación.

26/03/2007

Tempos incertos

Agarimosamente, Cesare teima por facer de min un bo liberal e achégame, desde as terras altas, Tempos incertos. Democracia, liberdade e dereitos humanos no século XXI do controvertido e multimillonario pensador George Soros. O seu ensaio é un alegato sobre a necesidade de construír sociedades abiertas, sabedoras das súas imperfeccións como garantía da súa capacidade de progreso e xeración dun mundo mellor. Á luz desa idea forza, Soros fai un repaso especulativo dos problemas malditos da humanidade no século XXI.

O home sábese poderoso e practica unha arrogancia expositiva que, con frecuencia, resulta amolante e convida ao abandono da lectura. As dúas primeiras liñas do limiar son exemplares: «Moita xente soña con facer do mundo un lugar mellor; pero eu realmente podo.» Se non abandonas é debido a que Soros é rabudamente intelixente.

Reivindícase como un «estadista sen Estado» e achega visión inconformes, vale dicir alternativas, á política global do noso tempo. Tamén dá conta da súa implicación na campaña electoral presidencial dos Estados Unidos para lograr a derrota de George Bush. Soros escribe: «O obxectivo último ha ser rescatar ao Partido Republicano dos extremistas conservadores e relixiosos que actualmente o controlan. A democracia estadounidense baséase en dous partidos que compiten por un terreo neutral; pero o sistema viuse socavado cando os extremistas se fixeron co control do Partido Republicano. Se queremos recuperar o equilibrio, hai que derrotar aos extremistas.»


É difícil non facer unha lectura presentista de parágrafos de Tempos incertos como este e apegalos ás manifestacións últimas de Jesús de Polanco. Histerias do Partido Popular á parte, Polanco comparte moitos dos atributos de George Soros: é endiañadamente intelixente, é rico, sábese influente e está investido como un demiurgo da arquitectura e equilibrios dos poderes realmente existentes no Estado español. El coñece dos fluxos e centros de poder decisivos que condicionan, desde os sumidoiros decisionais, a nosa epidérmica democracia e determinan as liñas do terreo de xogo.

As palabras de Polanco son especialmente incómodas porque desvelan toda a súa capacidade para actuar á marxe do escrutinio dos cidadáns, no labirinto inaccesíbel dos sottogovernos e nos grandes mercados de favores. Ese tipo de poder é temíbel cando se exerce na sombra, pero produce espanto aínda maior cando sae á luz. Opaco e incontrolábel infunde abraio cando se manifesta sen máscaras e pantallas.


Branko Crvenkovski, presidente de Macedonia, cualificou a George Soros como un «estadista sen Estado» e alegou a prol da súa etiquetaxe que os estados teñen intereses, pero non principios, e que Soros tiña «principios, pero non intereses». É mellor non caer no atordoamento idealista de Crvenkovski, Soros e Polanco teñen tantos principios como intereses, iso é o que os fai poderosos, temíbeis e, como sabe Mariano Rajoy e troupe, tan desmedidamente perigosos. Moito máis agora, cando xa teñen máis pasado que futuro vital que xestionar. Sen ataduras, con recursos sobrados, nada teñen que perder e poden permitirse a liberdade de exercer o seu poder á luz do sol. E son moitos os que se poden verse queimados polo sol, ou o que é o mesmo, queimados por un poder que se vira contra ti.