Mostrar mensagens com a etiqueta Políticas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Políticas. Mostrar todas as mensagens

29/07/2009

A política da risa

O 1-M agasallounos cunha primavera triste, ha de ser por iso que pasei por alto unha suxestiva achega de Antoni Gutiérrez-Rubí sobre o smart power, a risa política e a política do sorriso. O seu título é, de por si, un manifesto inapelábel: «Os tristes non gañan eleccións (Nin lideran, nin seducen, nin convencen)». E desde xa é recomendábel a súa lectura en toda ocasión en que a melancolía ou o pesimismo comecen a roernos a vontade ou a ilusión. Nas súas letras faise un feliz, erudito e divertido repaso polas virtudes intelectuais da risa como «aliada natural da política emocional, a política do futuro» e como expresión do smart power.

«O poder intelixente sorrí, non ameaza», salienta Antoni Gutiérrez-Rubí. O riso non é precisamente un punto forte do noso Quinto Presidente nin da súa amigábel administración. Unha carencia que nos enche de esperanzas. O seu «galeguismo cordial» ten unha expresión reprobatoria e severa que constitúe unha emenda a totalidade das súas palabras. Feijóo é un galeguista cordial que cada vez que ten ocasión de dirixirse aos galeguistas/nacionalistas/progresistas nos rifa. O seu é un «galeguismo cordial» amenazador, entregado a un hard power que trabuca convicción con autoritarismo.

Queremos novos argumentos para enfortecer o desexo e vontade de políticas do cambio en Galiza. Aquí teñen un de Gutiérrez-Rubí:
Estou convencido de que os tristes non gañan eleccións. Nin son capaces de liderar emocións positivas (sen as cales non hai proxectos, nin comunidade, nin esperanza). Tampouco a tristeza pode seducir nin infundir ánimos colectivos. Os que cren que é posíbel un proxecto político transformador e progresista desde a cultura do pésimo, do tráxico, do feo (do serio, do adusto, do severo) non se dan conta de que o concepto «canto peor, mellor» é o núcleo psicolóxico e cultural dos pensamentos autoritarios, que ceban o desánimo e o desacougo, para canalizala como raiba agresiva e ameazante.
Gutiérrez-Rubi recupera tamén unhas declaracións de Jaume Sanllorente, fundador da ONG Sorrisos de Bombai, que salienta que «un sorriso é o primeiro paso para a liberdade». Por aí debemos (re)comezar para enfrontar a tristura emocional e a súa irmá inseparábel, o aburrimento intelectual. A oposición, os resistentes e os disidentes para recuperar a iniciativa política necesitan, necesitamos, do concurso da política do sorriso e da gargallada fraternal, tamén do humor e a retranca. Unha oposición irada é unha oposición derrotada. Un goberno amargado é un goberno vulnerábel.

27/11/2008

Antropoloxía política

Neandertais ou Cromañóns? A pregunta de Juan Carrión Maroto abre unha reflexión sobre a evolución do marquetin que nos ofrece no «Suplemento Pymes» de Público. A metáfora antropolóxica permítelle establecer unha taxonomía dual: hai empresas neandertais e empresas cromañóns. A paleoantropoloxía dinos que os cromañóns dispoñían dunha serie de habilidades diferenciais respecto dos neandertais. Resume Carrión: capacidade de futurizar, de aprender, de cambiar, de comunicarse, de colaborar...

A partir dunha constatación histórica («Non sobreviviron os máis fortes, nin os teoricamente máis intelixentes, senón os que mellor se adaptaron aos cambios e os que crearon condutas máis intelixentes»), proxecta as características dos cromañón ao mundo da empresa para identificar como especie gañadora ás empresas cromañonas por serem máis flexíbeis, máis rápidas, máis áxiles, máis innovadoras, máis humanas e por ter unha maior capacidade de aprendizaxe.

Tamén na política

A metáfora foi fabulada exitosamente por Horacio Andrade e pode ser trasposta sen grandes escordaduras intelectuais aos partidos políticos. Andrade construíu dous tipos ideais que farían palidecer de envexa ao mestre Max Weber.

Así, o formateado neandertal caracterízase por:

1. Estrutura pesada
2. Reactiva (orientada ao presente)
3. Ríxida
4. Incapaz de aprender
5. Incapaz de adaptarse a condicións cambiantes
6. Incapaz de moverse cando é necesario
7. Resposta lenta
8. Tecnoloxía primitiva
9. Aversión ao risco
10. Ve á contorna como unha ameaza.
Pola contra, o formateado cromañón ofrece esta fasquía:
1. Estrutura lixeira
2. Proactiva (orientada ao futuro)
3. Flexíbel
4. Gran capacidade de aprendizaxe
5. Gran capacidade de adaptación
6. Gran mobilidade
7. Resposta rápida
8. Tecnoloxía adecuada á situación
9. Disposición a asumir riscos
10. Ve á contorna como unha oportunidade.
Certamente existen partidos cromañóns e partidos neandertais, pero tamén partidos nos que coexisten en precario equilibrio evolutivo as dúas especies. Actualmente o Partido Popular ofrecésenos como un sumatorio antropolóxico-político de cromañóns e neandertais en coexistencia nada pacífica. Hai tipos ideais neandertalenses como Acebes (en retiro), Pujalte, Esperanza Aguirre e, como non, José María Aznar. E hai idealizados cromañóns como Pons ou Gallardón.

A historia evolutiva da especie humana saldouse coa superioridade dos cromañóns, pero esa non ten porque ser necesariamente a historia do Partido Popular. É máis, a propia existencia de Aznar é unha aterradora refutación das teorías evolucionistas e un mal anunciou de que unha parte da especie está en dramática regresión. O planeta dos simios máis que unha ficción ou unha metáfora para as soberbias reflexións de Manuel Vázquez Montalbán, é hoxe o horizonte intelectual do xenio que dirixe a FAES.



Alén da tentación caníbal que anima o debate no Partido Popular, hai que deterse a reflexionar sobre as vantaxes competitivas dos cromañóns. Na esquerda e na dereita, aquí e acolá.

As ofertas para a política 2.0 han ofrecer estruturas lixeiras e de participación aberta, han ter vontade anticipatoria, deben fundarse no coñecemento e na avaliación das políticas propias, serán inclusivas e integradoras, deben ser propositivas e cómprelles responder axilmente ás necesidades emerxente ao tempo que crean novas necesidades; a súa aposta é a mobilización de persoas e ideas, apoiándose na rede e nas novas tecnoloxías, e toca asumir as decisións, as súas consecuencias e os riscos e enfrontar os problemas e desafíos como oportunidades e non como amedrentadoras ameazas.

17/07/2008

A roda do poder

Existen numerosos iesebenes sobre o Poder político e os seus usos e relacións, un amplísimo abano de páxinas que cobren desde as ciencias sociais e as memorias ao xornalismo ou á matinación ensaística; tamén na literatura de ficción é doado compilar un feixe de excelentes obras que debullan de xeito preciso como facerse co poder político, como mantelo e tamén como se pode derramar e perder de vez; ou onde se realizan precisas diseccións sobre a súa natureza, compoñentes, dinámicas e impactos.

Entre outras, a factoría literaria mexicana tennos achegado numerosos títulos que diagnostican as tramas do Poder ao que deu vida a Revolución de 1905 e o seu usufruto polo PRI. O xornalista, novelista e historiador Héctor Aguilar Camín entregounos, polo de agora, unha tríade de pezas imprescindíbeis nas que inspecciona as relación do Poder político co Poder do Petróleo (Morrir en el golfo); co Poder Mediático (La guerra de Galio) e do Poder Político coas súas propias vísceras (La conspiración de la fortuna).


Na exitosa e cinematográfica Morrir en el golfo, Anabela Guillaumin, esposa de Francisco Rojano Gutiérrez, un desafiante e emerxente dirixente priísta, ofrece unha fórmula para facerse oco na Columna do Poder: «Non fales de fracaso. Ti sabes como é a política. Vai e vén, é unha roda da fortuna [...]. Que é o fracaso político? É un pretexto para os pusilánimes. Un verdadeiro político non fracasa nunca, está sempre na xogada. É unha rolda da fortuna e o que importa é non soltarse. Ás veces estás arriba, ás veces abaixo. Pero iso non é o importante. O importante é seguir pegado a roda, manterse aferrado á roda. Non soltarse, carallo. Non soltarse.»


Mariano Rajoy, que tivo en Manuel Fraga a un dos máis insignes mestres na arte de supervivencia política en condicións electorais extremas, é un seguidor incombustíbel desta fórmula. Tras o fracaso do 9-M, aferrouse a roda e segue na xogada á espera de novas oportunidades. Esperanza Aguirre subestimou a súa impoñente capacidade de adherencia a máis mínima fibra de poder. Grande erro. Rajoy agarda agora a que o devalar da credibilidade de Zapatero e a agudeza da crise económica o coloquen novamente na crista da onda. Poucos, coma el, saben que a política vai e vén.

09/06/2008

O novo arsenal


Relato, argumentos e valores, diálogo na rede e novas formas de dirixirse ás audiencias salientan no novo arsenal da comunicación política que se testou nas primarias demócratas.
«O relato é a chave de todo»; a partir desta sentenza de Greenberg, Gutiérrez-Rubí tracexou o brillante eloxio da política como relato. Unha política «que interprete, que dea sentido á realidade e que converta en comunicación o proxecto político, é unha nova oportunidade para a humanización da política no século XXI». O poder das imaxes, os valores, o diálogo e as palabras ao servizo dos proxectos de cambio político.

Outro analista, Silva-Herzog Márquez, amais de recoñecer o habelencioso uso da Rede e a súa intelixente estratexia para captar doadores, conclúe que o éxito de Obama foi inserir o argumento no «centro da política»: «A súa campaña non é emisión de frases baleiras, ladaíñas pegañentas e imaxes trilladas. Por suposto, concreta o seu discurso en lemas, melodías e estampas. [...]. O notábel é que, alén desas mercadorías, reivindica a política argumentativa nun tempo que decretou a morte da deliberación racional e que se entrega ao tráfico mediático das emocións. Barack Obama reviviu a figura do home que razoa en público en busca da persuasión».


Gutiérrez-Rubí reparou tamén no engado da súa voz, «unha voz moi peculiar que parece case un rumoreo. A reacción psicolóxica das persoas que lle oen é pensar que cada unha delas é a destinataria única das súas palabras». Para el, a mellor arma de Obama foi o clásico micro de bóla na man co que se pasea polos escenario, sempre rodeado de seguidores que case absortos «cren que escoitan a voz do futuro Presidente dos Estados Unidos». Xa o dixo Miguel Torga: «Somos a voz que temos.»

12/03/2008

Lonxe/perto

O futuro xa está aquí. Importamos o máis peor das campañas electorais made in USA. Presidencialismo forzado e reforzado. Xogo político sometido a un permanente trastorno bipolar. Debates en paralelo, sen converxencia, e con axendas altamente selectivas. Mobilización de medos máis que de valores, ou o que é máis extremo: conversión do medo nun valor electoral central. Importancia crecente das políticas coactivas e reactivas fronte ás políticas propositivas e proactivas. Paquetes de medidas estrelas que se impoñen aos programas mediante a mercantilización das ofertas electorais. Ao contrario do hip-hop na confrontación electoral o menos importante é a letra, a música é a que manda.

Triunfo do soporte audiovisual sobre a prensa papel, acelerado avance cara unha sorte de videocracia. Os novos formatos falan do esmorecemento da política de cara a cara e da prima dunha política unidireccional, sen retornos. Algúns medios ofrecen maiores posibilidades democráticas e a política na rede aínda non desequilibra o conxunto en favor dunha maior ligazón, interrelación e participación. Ao que parece as urnas acabarán converténdose en receptáculos para sumar os silencios dos cidadáns e non as súas voces.

Consolídase a fenda gobernantes e gobernados ou entre políticos e cidadáns ao tempo que se consagra o papel dos medios audiovisuais como nexos fundamentais da relación. A política de proximidade e de encontro pertence ao pasado, a política de plató é o presente e o futuro. Política participasiva, asentada nos electores como consumidores, e campañas electorais cun final moderadamente interactivo: co voto podes alterar o final non o argumento nuclear, non podes cambiar os actores, nin os diálogos nin o escenario tan só fica o consolo de poder elixir entre un the end ou outro. Iso ou apagar a caixa boba democrática e absterse.

Quizais aínda leve razón Sartre e o campo do posible sexa máis amplo do que a realidade nos permite sospeitar. Quizais haxa marxe abondo para ensaiar unha política entre iguais, P2P, unha política novamente personalizada e instalada democraticamente no cara a cara. Unha política de compromisos directos, de complicidade cidadá, non como alternativa global á política mediática, si cando menos como un necesario elemento corrector. A xente do Partito Democratico en Italia anda ensaiando algunhas políticas de proximidade das que deberiamos coidar tamén na fronteira oeste de Europa.

01/09/2007

Fake policy

George Bernanos afirmaba que prefería perder lectores antes que enganalos. As conviccións do escritor son pouco compartidas entre as nosas clases dirixentes moito máis dispostas a mentir que a perder electores; temerosos, os máis, a dicir verdades incomodas que lles resten audiencias. Sei que o dilema non ten porque adquirir unha fasquía tan maniquea; pódese dicir a verdade e gañar electores e, mesmo, dicir mentiras e perdelos a mancheas. Aínda así, o formateado que máis se leva na política oficial fai abuso da media verdade e da mentira enteira para minimizar os custos das decisións impopulares.

Os adiantos orzamentarios do presidente Zapatero (se o debate parlamentario non o remedia) engrosarán a política de ambiguedades calculadas que é esa forma mol, anestésica e amábel da mentira/media verdade coa que o Goberno se relaciona cos cidadáns electores dos feudos electorais secundarios. Nos caladoiros primarios as promesas sostéñense nunha verosimilitude orzamentaria moito máis sólida.

Outro escritor, Elbert Hubbard, advertiunos cinicamente: «a mentira é un triste substituto da verdad, pero é o único que se descubriu polo de agora». Así o cren tamén os estrategos do centro gobernamental. A dinámica mentira/media verdade está tan institucionalizada que non é de estrañar que os resignados cidadáns sinalen a política como un territorio privilexiado da falsidade e que Xavier Queipo dese cunha reveladora pintada na que unha man anónima escribiu: «Queremos mentiras novas.» Xa que fronte á política mentira non se pode esixir a verdade, pidamos cando menos un chisco de imaxinación.

08/07/2006

Boomerang

Convídanme a participar nun curso estival. Teño unha cadeira na mesa redonda que ten que dar conta da pregunta: «Favorece Internet a relación da Administración coa cidadanía?». Levo horas ordenando información e remoendo nela malia que a resposta é tan doada como afirmativa. Con todo, xunto unha boa restra de matices críticos sobre a intensidade, calidade e oportunidade das relacións que entre cidadáns e poderes públicos estimulan as infotecnoloxías. A pregunta incomódame porque é asimétrica e unilateral. Máis pertinente é unha outra: «Favorece internet a relación dos cidadáns coa Administración?» ou outra aínda mellor: «porque os gobernos están só interesados en arrebolar o boomerang e nada lles preocupa que nunca volva?» Tampouco é que atope estimulantes respostas pero aprendo cousas ben interesantes sobre os boomerangs e así descubro que os de caza, os chamados kylie, nunca volven. E iso case que o explica todo: máis que cidadáns somos presas que zafamos como podemos no medio dunha cazata neotecnolóxica desmedida e democraticamente pouco interesada.

17/11/2004

Constitucion furtiva

Comezo a ler La Constitución furtiva, un libro de Xavier Pedrol e Gerardo Pisarello para cargarme de razóns e votar NON no referendo que se anuncia. Argumentos para convencer a Cessare (e a min mesmo) de que para facer realidade o noso imaxinario de Europa é urxente –e necesario– aleitar unha cidadanía crítica antes que a servidume civil e o desinterese pro-europeísta. Para a miña idea o que fará posíbel a nova Constitución é a súa discusión e non o aplauso unánime e pechado que se nós propón.