08/04/2006

De gobernos e cidadáns

Retallos de papel que agardan toda a semana pola tregua sabatina para ser lidos. Entre tantos, un clarificador artigo de John Berger que publicou El País o mércores 5 de abril. En «Un muro y un bulldozer», o mestre dos modos de ver constrúe, cun xeito moi weberiano, unha triade de tipos-ideais de goberno: o Conservador, o Construtor e o Desmantelador.

Tipos de gobernos

O tipo dominante, segundo agudamente enxerga Berger, é o goberno desmantelador, tensionado pola deconstrución «da herencia social, económica e ética do pasado e, especialmente, de todos os mecanismos, asociacións e normas que expresan solidariedade». Os gobernos que ofrecen propostas de construción rarean e os gobernos conservadores, aínda numerosos, séguennos a ofrecer unha «defensa de institucións e costumes xa existentes, máis ou menos respectadas», afirmando «lealdades compartidas», pero sen achegar auténticas solucións ao problemas emerxentes que enfrontan os cidadáns.


Tipos de cidadáns

Entendo que os tipos-ideais de formas de gobernar sinaladas por Berger ben poderían ser relacionadas con cinco tipos, igualmente ideais, de cidadáns: os cidadáns inexistentes, os cidadáns pasivos, os cidadáns reactivos, os cidadáns resistentes e os cidadáns pro-activos, resultando así un cadro que nos permita definir tanto a substancia das políticas públicas como as capacidades da sociedade civil dun país para enfrontalas, reencamiñalas, impedilas ou reforzalas.


Inexistentes


A bolsa de cidadáns inexistentes identifica a importantes segmentos da poboación que, por ter insatisfeitas as súas necesidades básicas, non están en condicións de exercer os seus dereitos políticos. Gaña peso esta caste de cidadanía fanada polo desemprego, a nova e vella pobreza e as multiples formas de exclusión social por razóns de xénero, raza, etnia, relixión ou opcións sexuais; son cidadáns non visibilizados polos gobernantes e as súas políticas, permanentemente desatendidos nas súas demandas, sen voz e nunha boa parte dos casos sen voto, sen capacidades de incidencia política e presión social.

Pasivos


As causas xeradoras de cidadáns pasivos son numerosas e moi varidadas, desde a aceptación dos valores dominantes e o conformismo, até o adaptacionismo e a resignación social, erramos se cremos que a cidadanía pasiva é unicamente consecuencia da coerción e non do consenso e o convencimento. Os cidadáns pasivos son o substrato político dos gobernos conservadores e un apoio durminente daqueles gobernos desmanteladores que non amenacen as súas formas de vida e subsistencia. Nutren as filas os partidos de goberno con independencia das políticas que os seus dirixentes postulan e executan.

Resistentes


A cidadanía reactiva está nutrida por dúas grandes achegas: a dos cidadáns resistentes, que manteñen de modo, máis ou menos permanente, unha posición confrontativa coa orde gobernamental existente e as súas políticas, sexan estas conservadoras, construtivas ou desmanteladoras; sosteñen estratexias defensivas de dereitos e intereses e usan un amplo repertorio de instrumentos e formas de loita –desde partidos a sindicatos ou lobbies–, teñen desiguais capacidades de presión política, mediática e social; mobilizan ideas, teñen voz e exprésanse electoralmente con maior ou menor incidencia.

Reactivos


Existe unha segunda compoñente que suma forzas temporeiramente ás bolsas de resistencia, son os que propiamente deben ser catalogados como cidadáns reactivos, aqueles que fronte a determinadas situacións ou políticas ameazantes elixen a protesta, a mobilización e a oposición; ármanse de instrumentos de presións menos consistentes —plataformas, grupos de afectados...—, adoitan ser moi intensivos nas súas campañas esgotándose normalmente nun ciclo curto de denuncia-mobilización-negociación. Co desenlace positivo da súa protesta adoitan retornar ás filas dos cidadáns pasivos, coa súa derrota ou o entalamento das solucións ás súas demandas poden engrosar tanto as bolsas de resistencia como as filas dos cidadáns inexistentes se as políticas desmanteladoras foron quen de fender de vez todas as súas asociacións e normas solidarias.

Proactivos


Alén do antagonismo, hai grupos cidadáns con capacidade de previsión, iniciativa política e estratexias de alcance medio e de longo alcance que adiantan propostas para enfrontar necesidades sentidas e atender asemade demandas políticas, económicas ou socioculturais emerxentes. Adoitan xerar formas de mobilización de ideas, valores e intereses sob a forma de redes, discuten o existente e o que está por vir da man de gobernos desmanteladores e conservadores, e ás veces tamén dalgúns gobernos construtores. Son demandantes de políticas democráticas fondamente participativas, teñen habelencias sociais e recursos comunicacionais con capacidade para xerar «comunidades», virtuais e reais, son cualitativamente moi relevantes pero son pouco numerosos polo que adoitan a traballar en sintomía coas organización de resistencia máis abertas, menos enquistadas e máis receptivas as fórmulas de proposta + protesta e alternativas alternativas.

Unha difícil alquimia social


Estas categorías de cidadanía non sinalan compartimentos sociais estancos, inamobíbeis; prén a transferencia dos cidadáns dunhas categorías cara a outras, nunha boa parte dos casos, son debidas a procesos impulsados por gobernos conservadores ou desmanteladores máis que polos gobernos construtores. O tránsito desde a cidadanía inexistente a calquera outra forma de cidadanía é o máis dificultoso, pero que cidadáns de orde abandonen a súa pasividade e se afilien temporeiramente a políticas reactivas ou de resistencia é, pola contra, bastante máis común. A derrota de movementos reactivos como saben moi ben os gobernos desmanteladores engordan as camadas de cidadáns pasivos, e os proxectos de deconstrución económica e social extrema crean cidadáns inexistentes.


Os cidadáns proactivos favorecen a formación de gobernos construtores, pero non teño moi claro as posbilidades reais que ten un goberno construtor para xerar cidadáns proactivos. Mesmo entre os gobernantes construtores predominan aínda os que confian máis nos recursos da administración que nas capacidades autoorganizativas e proactivas da sociedade civil, de modo que non sempre favorecen o exercicio dunha democracia esixente, radical ou altamente participativa (adxetívese como se desexe) e si unha cooptación das redes sociais máis proactivas na xestión gobernamental.

Estes días pasados os produtores de leite iniciaron mobilización de presión fronte ás grandes multinacionais lácteas. A protesta perante o que se entenden como políticas de deconstrución do sector pode camiñar cara ao seu entalamento instalándose nunha loita reactiva e resistente. É a primeira vez que se produce unha gran mobilización desta caste coa presenza dun goberno –digamos– construtor na Xunta de Galicia, confiemos na habelencia e intelixencia dos novos gobernantes para ser quen de dialogar cos labregos resistentes, lograr deseñar e levar a bo fin políticas proactivas que enfronten os problemas presentes e aseguren a sustentabilidade económica e social dun dos sectores máis dinámicos da Galiza campesiña.

Tempos taxados

Despediuse un marzo maieante e estreouse un abril de días-non días. Xornadas na súa máis minguada expresión, sen tempo para case que nada, fóra dunha febre fabril de sobrados desalentos e esixencias. Días que empatan cos versos de Brecht: «Tan breve era o tempo / que entre a mañá e a noite / non había mediodía». Aínda así, nas súas firgoas, recuperei vencellos con activismos pasados, recibín unha encomenda dunha consultora esquecida e deixeime enlear nunha manda civil na que terei que gastar letras. Haberá que pedir tempo prestado ao soño para chegar vivo a un vindeiro maio que marceará.

26/03/2006

Unha nova ONG: Repsol

Nas páxinas salmóns de El País axuntan artigos dando conta das dificultades de Repsol-Ypf en Bolivia por causa da intervención do goberno de Evo Morales. Avisan afoutadamente que «Repsol non vai tirar a toalla en Bolivia» e poñen cifras ao sacrificio que fai a petroleira: Repsol investiu 1.000 millóns de euros en Bolivia e só repatriu 30 millóns. Altruismo en estado puro, Repsol é unha auténtica ONG.

Algúns datos para explicar tanto altruismo
  • A finais del 2002, Repsol YPF poseía en Bolivia dereitos mineiros sobre 38 bloques: 13 bloques de exploración, cunha superficie neta total de 13.670 quilómetros cadrados e 25 bloques de explotación cunha área total neta de 1.770 quilómetros cadrados.
  • A producción neta en 2002 foi de 6,9 millones de barrís de petróleo, incluíndo condensados e líquidos separados do gas natural, e 88,5 billóns de gas natural. As reservas probadas netas de petróleo e gas natural a fin dese año estimábanse en 1.293 millones de barrís.
  • Repsol posúe o 30% das reservas de hidrocarburos bolivianos e, a través del grupo Andina, controla o 25,7% das reservas de gas natural, uns 49 trillóns de pés cúbicos que significan perto do 1% das reservas mundiales. Repsol, British Gas, a francesa Total e Petrobras controlan o 70% del gas boliviano.
  • A produción neta do ano 2002 foi de 6,9 millones de barrís de petróleo, incluíndo condensados e líquidos separados do gas natural, e 88,5 billóns de gas natural.
  • O custe promedio para a produción dun barril equivalente de petróleo é de 5,6 dólares a nivel mundial, pero en Bolivia o custe redúcese no caso de Repsol-Ypf a tan só 1 dólar. As transnacionais que operan en Bolivia teñen así os custes máis baixos na busca e obtención dun barril equivalente de petróleo, que é de 8,58 dólares a nivel mundial e de 5,66 dólares na media latinoamericana. O custe de Repsol-Ypf é de 0,40 dólares por barril equivalente de petróleo, isto é, 20 veces máis baixo que o promedio internacional e 14 veces máis baixo que o latinoamericano.
  • A taxa de éxito para atopar gas e petróleo en Bolivia é unha das máis baixas do mundo, xa que chega ao 50%, na maioría dos paises produtores sitúase no 20%. Isto significa que 8 de cada 10 intentos por encontrar gas e petróleo están condenados ao fracaso, mentres que en Bolivia cinco de cada dez culmínanse con éxito.
  • As petroleras estranxeiras que explotan os recursos naturais non renovabeis de Bolivia pagan moi poucos impostos. Entre 1998 e 2002, Repsol-ypf pagou apenas 4,3 millóns de dólares como promedio anual.
Coda

Publicidade de Repsol en Perú, aínda que tamén podería ser en Bolivia: "Repsol ofrece cousas moito máis difíciles de obter que o petróleo: experiencia, tecnoloxía e compromiso... Compromiso de crear produtos e servizos de óptima calidade e seguridade, con rigoroso respecto ao medio ambiente."

Sen rastro

Sei polo papel de don Santiago que ANF está doído porque o goberno do PsdeG e o BNG queren trasladarlle á cidadanía que o PPdeG «non quere a reforma estatutaria». O duro Alberto anunciou, perante os micrófonos de Radio 5, que fracasarían na súa estratexia. A derrota da operación mediática do bipartito é ben doada: basta con que o PPdeG presente as bases do seu proxecto de reforma. Algo di que teremos que seguir agardando pola tan desexada proposta, pero iso non é agora o importante. Quedan algunhas declaracións engaiolantes: AFN quere un Estatuto «poida gobernar o centro, o socialismo ou o nacionalismo». Da dereita nin rastro. Un novo caso para Jack Malone e tropa. Así, grazas á virtual instalación do PPdeG no «centro», temos o único parlamento democrático do mundo no que non se senta a dereita —sexa a nova ou a vella—, e iso é grande e inédito mérito. A nova cartografía política sería ilusionante se non fose porque realmente non só temos entre nós a dereita máis conservadora, senón tamén unha das esquerdas máis conservadoras e a un nacionalismo bastante hipnotizado co seu novo estatus gobernamental que ameaza con conservadurizarse. Con todo, AFN acepta felizmente a tese de Manuel Rivas segundo a cal Galiza é o conservador país onde case non existen os conservadores, e isto si que é un gran progreso. Despois de semellante salto adiante, ben podemos agardar un par de meses para saber que reforma estatutaria (non) queren os centristas do PPdeG.

24/03/2006

Cesamento permanente do fogo

O anuncio do cesamento do fogo da ETA é, sen dúbida, a mellor noticia do que levamos andado no século XXI. Coméntase e analízase moito e moi cautelosamente. Oportunidade histórica, responsabilidade, e apertura dun diálogo para-que-si. Do lido, entre o mellor, o artigo de Sergi Pamies en El País. Pamies repara no impacto e o tratamento televisivo da esperanzadora nova e na conclusión recupera unha declaración de Lisa Simpson, emitida simultaneamente á de ETA en Antena 3. «Sigo defendendo as miñas crenzas, pero non podo defender como o fixen.» Unha axustada sentenza necesaria para rematar de vez cos anos de medo e chumbo. Quilómetro 0 para a paz e a soberanía democrática de Euscadi.

20/03/2006

Faraldo 1978 / 1998

Entre libros vellos vou dar con Antolín Faraldo, un ensaio histórico de Francisco Fernández del Riego que se imprentou en Vigo no ano 1978 grazas ao mecenazgo do Banco del Noroeste. O exemplar está siglado —leva o número 3.463– e aínda conserva entre as súas páxinas a tarxeta de presentación de José Souto Villar, director do desaparecida entidade bancaria. A peza facía parte dunha serie que titularon «Hombres que hicieron Galicia»; un limiar de Domingo Garcia-Sabell antecede ás 92 páxinas de miúda letra que escribiu don Paco e a unha manchea de textos do propio Faraldo. A presentación que do xornalista betanceiro fai Del Riego non pode ser máis desmitificadora: «Non poseía, quezáis, unha formación intelectual rigorosa, nin coherencia firme no planteamento das súas ideas, nin siquera unha doutrina programática ben definida»; aínda así ficas apegado ás letras pousadas de don Paco que te van levando polo tempo, país e ideas de Faraldo. Vinte anos despois daquela edición, Xerais levou á imprenta Antolín Faraldo. O gran soñador unha nova entrega de Del Riego dedicado ao ideólogo do provincialismo. Con vagar habería que facer a lectura en paralelo de ambas as dúas obras para comprobar canto madureceu, como un bo viño, a figura de Antolín Faraldo na obra de Del Riego, ilustrado colleteiro da memoria do país.

19/03/2006

Ao lonxe

Regreso ás aulas da USC para falar de proxectos de cooperación e a súa avaliación. Todo é ir e abrirse a caixa das lembranzas. Sinto unha señerdade fonda e o desexo irresistíbel de coller un avión para logo deixarme abafar pola quentura imposíbel de Managua ou a encorante altura de La Paz. Váleme tamén a fritanga ruidosa en Matagalpa ou unha noite caída en Illa Zapatera. Estou disposto a transaccionar e darme por contento cun paseo polas herdades baldías de Irupana coa ollada posta nas súas courelizadas montañas. Porén agora mesmo non enxergo nada máis que as rúas molladas de SCQ e, malia a súa maxia, o cambio de paisaxe é abismalmente decepcionante.

Castores acurralados

Deixou o sardo no seu caderno carcelario unha nota sobre o comportamento dos castores. Ao parecer durante séculos foron cazados para poder extraer dos seus testículos unha substancia usada con fins medicinais. Sabedores diso, cando caían nunha trampa, os castores arrincábanse a dentadas os testículos coa esperanza de, aínda eivados, poder salvar a vida. Estes días castores universitarios, acurralados por necesidades estratéxicas, decidiron facer o propio e, convencidos por un reitor entregado a comenencias familiares, acordaron amputarse algunhas das súas partes máis valiosas. Un alto prezo en credibilidade o que van pagar por acariñar o poder universitario. Próeme unha tristeza infinita.

03/03/2006

Cartas boca arriba

Son amador do xénero epistolar, ese antecedente ilustre e ilustrado do posteo virtual, de aí que viole reincidentemente o correo privado de sonadas personalidades. Gusto moi especialmente da Correspondencia de Manuel Antonio e das Cartas desde o cárcere de Antonio Gramsci. Hoxe comecei o asalto ao voluminoso epistolario que Ricardo Carballo Calero compuxo, entre 1932 e 1984, para Francisco Fernández del Riego. Avancei tan só nas cartas escritas até 1933 pero nelas descúbrese unha xeración de mozos que, de non fallarlle a época (coma faldadamente ocorreu), estaban dispostos a paparse o mundo. Nas letras enxérgase un hiperactivo Carballo Calero, mergullado paixonalmente na acción político-cultural do galeguismo ferrolán, publicista incansábel e estudante por libre que (abusivamente) recorre aos servizos do correspondente del Riego para conseguir apuntamentos e programas académicos cos que enfrontarse aos exames. Mandados de servizo que un xenerosísimo Paco atende sen maiores demoras malia ter que sufrir pouco amigábeis observacións sobre o uso de palabros como cordileira, atafeigado ou ser reprendido por descoñecer o significado do verbo aturar. Aturar si que lle aturou unhas cantas o bo de don Francisco a un terríbel Ricardo que naqueles efervescentes anos gastaba mesmo palabras acedas para o home a quen en 2006 dedicamos o Día das Letras cando lle espetaba a del Riego: «Quen fixo a barbaridade de conceder 500 pesetas para un cursillo dado polo ignorantón de Lugrís?» Son as cousas que ten poñer as cartas boca arriba.

27/02/2006

Sondaxes X

Unha notábel discrepancia sobre o grao de soberanismo/rexionalismo que alenta a cidadanía galega deveu en guerra de papel. O contraste de resultados entre a sondaxe do CIS e os estudos encargados polo Secretarío Xeral da Vicepresidencia, Antón Losada volveron poñer en primeiro plano a finalidade das enquisas. Teño para min que hai dous tipos de sondaxes: as que se fan para influír na opinión pública; e as que se fan para coñecer as valoración dos cidadáns e influír ao mesmo tempo na opinión cidadá. A enquisa neutral, positivista e obxectiva hai tempo que non se practica nas sociedades do consumo e a infrainformación. As análises de opinión realizadas lembran ao estilo do trompetista Joe King Oliver que adoitaba a tocar cun pano sobre a man para evitar que lle copiasen os seus virtuosos exercicios jazzísticos. O pano cubre a análise real e nas enquisas só temos acceso a unha virtuosísima interpretación. Dick Morris, un dos máis sobranceiros asesores políticos estadounidenses, subliñou categoricamente a relevancia das sondaxes na escolla das súas estratexias, valorando o traballo do seu equipo de campañá escribiu: «Nós traballamos xuntos, cada quen se expresa e cando non estamos de acordo sometemos a decisión ao mestre absoluto de Occidente: as enquisas.» A autoridade do Meste Absoluto tamén é en Galiza o recurso supremo de lexitimación das estratexias e posicións políticas; de aí as paixóns interpretativas que xera. Eu non acredito nelas pero non por iso deixo de lelas e analizalas con firme devoción xa que forman parte do discurso político de quen as encarga e publicita. As dúas máximas sobre as que se fundamentan a investigación dos Expedientes X de Danna Scully e Fox Mulder valen tamén para achegarnos as nosas sondaxes de opinión. «Nós queremos crer», pero «a verdade está aí fóra».

24/02/2006

Dez anos

Vieiros cumpre hoxe 10 anos. Naceu como o barrio galego na rede en 1996 e axiña mudaría a súa natureza para ser o primeiro xornal dixital en lingua galega. Centovinte anos antes, Lamas Carbajal daba ao prelo O tío Marcos da Portela, o xornal fundacional da prensa en galego. Co gallo do centenario do nacemento de Lamas Carbajal, López Cuevillas anota: «Tiña un xornal agudo e destemido como unha donicela, e dende el atacaba aos inimigos e defendía aos amigos, en prosas cheas de graza e intención.» A nosa donicela na rede ten xa dez anos. Destemida e aguda, armada de prosas cheas de coraxe e intención. Coidemos da donicela e mimemos a súa aufoutada liberdade.

23/02/2006

23-F, o Partenón e dona Lola

Cesare tira de rapantes e imaxes televisivas para recuperar o seu 23-F, Jan dá conta daquel día que quedou marcado na súa memoria por un abraiante natalicio. Eu souben do golpe de Tejero á saída dunha clase de xeografía, dérannos as notas do primeiro parcial, unha das miñas cualificacións universitarias máis altas, tamén a que menos me prestou. Moita perplexidade e bastante balbordo nos corredores da facultade, procuramos a rúa. Chega alancando pola escaleiras un bo amigo. Excitado pregunta: Sabedes o que pasou? E antes de nós responder explica, abatido, que escoitou na radio que se acababa de descubrir unha fenda no Partenón que ameazaba seriamente o seu equilibrio e futuro. Conseguimos convencelo con poucas palabras de que hai outras urxencias. Aínda que son tempos de extremoso seitarismo, eu —daquela militante da LCR— axudo a baleirar e trasladar a sitio seguro os arquivos do PST, un dos mais dolorosos cismas do meu partido e da Cuarta Internacional. Á carreira marcho para miña casa e destrúo —seguindo os vellos manuais de seguranza– a miña axenda e varios cuadernos con notas de xuntanzas, tamén achanto nunha solitaria papeleira ducias de números do Combate e boletíns internos que hoxe serían tesouros de coleccionista. Despois chamo a casa para falar coa nai. Lola, filla de Domingos o Ardeiro, republicano que padeceu oito anos de prisión a causa do golpe militar que triunfou en 1936. Ela acougame: «Non vai ir para arriba». Recoméndame que vaia para casa e dáme consellos que filialmente desoio. Son xa as 19.30 h. e, atendendo ao único consello político que me deu meu pai en toda a súa longa vida —«Nunca sexas un esquirol»—, acudo epicamente a unha asemblea de distrito na que imos preparar a resistencia democrática. Somos menos de cen. Non concluímos nada e saio coa firme convicción de que se o golpe triunfa imos sufrir unha cazata brutal. Hai xente vixiando o Cuartel do Hórreo, agora corazón da democracia galega, daquela primeirísima amenaza das nosas liberdades. Disolvémonos. Pásanse consignas de fráxil protección, seguranza incerta e cándida autodefensa. A principal preocupación son as previsíbeis e incontrolábeis operacións de castigo dos grupos da ultadereita que en Compostela aínda conservan folgos e abondoso rancor. Recibo unha cita para ir a unha mesa de grupos nunha casa de seguridade. Hai que localizar a alguén da UPG-ANPG para que se sumen. Casualmente dou na praza de Puente Castro cun dos seus dirixentes locais. Temos estado xuntos ducias de veces en manifestacións e asembleas. Achégome, fai que non me coñece. Nega ser quen eu sei quen é. De todas maneiras pásolle a cita. Marcho botando pestes para o meu cuarto, acubíllome nunha pensión doméstica na daquela arrabaldizada Rúa do Home Santo. Alí vívese o golpe con alleada normalidade e dona Mercedes prepara a cea de case sempre: ovos fritidos, patacas e salchicas. Sucédense as noticias, pasan vagarosamente as horas de espera e a radio confírma o vaticinio de doña Lola, a filla do Ardeiro. Durmo sen maiores problemas tranquilizado máis polas palabras maternas que polas serodias declaracións de Juan Carlos, o monarca tardón. Deixei de crer nos reis hai tempo, pero sigo a ter unha fe indestrutíbel nos prognósticos políticos da miña nai e, ende ben, o Partenón aínda segue en pé.

16/02/2006

Poetizarse

Roubolle a miña directora Poetízate xa que ela non o precisa. Esta antoloxía da poesía galega é o último esforzo de Cabrafanada por facernos mellores persoas. Reúne a 80 poetas por (case) rigorosa orde de aparición e achega un restra de poemas pensados para os que non estamos afeitos a ler poesía. A escolma axunta a poetas clásicos e modernísimos, aos épicos e aos experimentais, aos formais e aos desestruturantes, aos gamberros e aos orixinais, aos provocadores, aos subvertidores... Todos e todas convocadas con letras para se divertir, cantar, rapear, musicar, rebelarse e entreterse. Se son tan pouco líricos coma min cambiarán de parecer sobre a (nosa) poesía tras ler este libro. Palabra, dillo un hooligan prosaico.

07/02/2006

Teimando

Co retorno de Lolo ao blogmillo activo ven o mandado de facer un catálogo mínimo das miñas teimas. Ao xeito de galano polo seu regreso, estas son:
  1. Pedir os cafés fervendo e deixar esmorecer a súa quentura até tomalos fríos (para poder liquidalos dun único grolo).

  2. Non usar nunca o envés das páxinas dos cadernos nos que escribo.

  3. Aborrecer aquel libro ao que, por descoido, lle fago unha enruga na capa, e procurar un novo exemplar para compensar a baixa.
  4. Trabar nas unllas con paixón caníbal.

  5. Pampar, ollando pola ventá, despois de poñer os carpíns.

O político

Na sobremesa, perdo tempo zapeando até dar con O político, unha cinta de Robert Rossen que foi gañadora de tres oscar en 1949. Co título orixinal de All the King´s mens, foi a terceira peza cinematrográfica de Rossen, tras Johny O'Clock e Body and Soul. O político está baseada nunha novela, coa que Robert Penn Warren ganou o Pulizter, onde se narra o fulgurante ascenso de Willie Starks, un afoutado político local que contudentemente se abre paso na carreira electoral até chegar a ser gobernador. Para manterse no cumio do poder, Starks bota man da chantaxe, a extorsión e mesmo do asasinato. Un alegato ferozmente crítico contra o todo vale con tal de gañar que tan ben caracteriza a berlusconización da política dos nosos tempos. O filme ten momentos memorábeis como ese no que Starks afirma que «a merda sempre teima por quedarse pegada», unha cínica sentenza que nos advirte, non obstante, sobre unha das máis comúns tentacións do exercicio do poder: o seu irmanamento coa corrupción. O seu pasado esquerdista e as acedas denuncias desta película fixeron de Robert Rossen unha doada presa na caza de bruxas impulsada polo senador MacCarthy que nestes días volve ás pantallas con Boas noites e boa sorte de George Clooney. Axiña poderemos ver tamén o remake de All the King´s mens que dirixe Steven Zaillian e protagonizan Sean Penn, Jude Law e Kate Winslet, e comparar co orixinal de Rossen.

29/01/2006

Paixóns estatutarias

A Eric Hobsbawm gústallle lembrar que a gran paixón do século XIX e das décadas iniciais do XX foi a política. No Estado indefiníbel onde vivimos, as paixóns políticas arrastran un pouso de tempos pasados de modo que memoria e revisionismo histórico se amalgaman intimamente nas posicións ideolóxicas. Complicando as cousas, as ondas do odio salientan como un dos laboratorios máis avanzados no procesado de paixón, revisionismo histórico e proxecto político. A FAES non se queda atrás na elaboración de novos compostos de manipulación, persuasión e ortopedia emocional. O debate do Nou Estatut disparou a produción de paixóns anulando ou narcotizando unha boa parte da cidadanía esixente, vixiante e intelixente.


As cores das paixóns políticas

O filósofo italiano Remo Bodei dedicou algunha das súas máis felices monografías ao estudo das paixón, das súas xeometrías e mesmo do seu cromatismo. Bodei entende que as paixóns «preparan, conservan, memorizan, reelaboran e presentan "os significados reactivos" máis directamente atribuídos a persoas, cousas e acontecementos polos suxeitos que os experimentan». Entendo que o pantone das paixóns escollido por Bodei axuda a iluminar o debate político actual. Remo Bodei diferencia tres tipos de paixóns: as paixóns vermellas, que supoñen expectativas de cambios profundos, amor á posteridade, esperanza e sentido de solidariedade; as paixóns negras, reaccionarias e conservadoras, vinculadas co sentido de autoridade e coa apoloxía –ou amenaza– da guerra como estado permanente da natureza; e as paixóns grises, inspiradas nos ideais da democracia liberal, asociadas coa profesionalidade tecnocrática, a ganancia e a mercantilización do mundo, incluída, claro está, a mesmísima política.


Derrota da paixón vermella

No proceso de propedéutico, memorialistico e reelaborador da opinión pública española respecto do Nou Estatut, a enxeñaría paixonal do black block conservador logrou callar o debate de angustias cismáticas, catastrofismo civil e inseguranzas apocalípticas. Retornaron do pasado todos os medos e pavores xerados polo espectro da «España rota» e mesmo un acalado ruído de sables nos cuarteis. Acebes, sempre tan preciso, bautizou o Nou Estatut como «o Estatuto da ruptura e a insolidariedade». O escenario da desputa foi ocupado pola paixón negra. O banco de cerebros do PSOE non foi quen de centrar a axenda do debate no seu proxecto de «España plural» e de pouco valeron as proveitosas lecturas de ZP sobre a «outra idea de España» e o seu discurso republicano civilista. Ao final, chapodouse o Nou Estatut atendendo de esguello ao patrón paixonal mobilizado polo Partido Popular e, outro tanto, reparando no barómetro electoral sondeado silandeiramente polo CIS. O resultado é decepcionante polo que ten de rebaixamento da España plural prometida e, realmente, e porque inviabiliza calquera avance substancial na construción da España plurinacional a partir dunha lectura avanzada da actual orde constitucional. Con todo, os beneficios da redución de expectativas non son marxinais para o PSOE: atemperou as tensións internas co bonovazquismo, ampliou a marxe da súa política de alianzas cara a CiU, minimalizou a dependencia dos excesos independentistas de ERC e obriga ao PP a revisar a súa estratexia de acoso e derrubo. O PSOE acomoudouse na paixón grisallenta e sacrificou calquera tentación paixonal vermella. É mellor o Nou Estatut que o Antic Estatut e por iso semella que hai que darse por contentos. Das expectativas de cambios profundos, a esperanza dunha solución de futuro e o sentido dunha solidariedade realmente esixente no combate contra as desigualdades pouco queda. Como veñen rulando as cousas, no debate do Novo Estatuto de Galiza poderemos falar do que queiramos e nos termos que queiramos, pero escoller o que se di escoller, sospeito que nos van deixar elixir entre paixóns negras ou grises. De nós depende que se amplien as cores da paleta que tintará o futuro do noso autogoberno. De momento, todo aínda está en branco, tan branco como a skyline que pecha, tras a nevoada, a paisaxe de Galiza desta fin de semana.

22/01/2006

Cinema solidario

O amigos da Coordinadora de ONGD piden unhas letras para presentar un ciclo de cinema que acompaña a súa campaña sobre os Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio. Os films de Oito olladas para o milenio son unha aproximación, á súa maneira, a cada un dos Obxectivos. Proxectaranse: O pesadelo de Darwin, Nin un menos, Moolaadé, O sangue do condor, No mundo a cada rato, A princesa Mononoke e A toma. As películas poderán verse os días 9, 10, 11 e 12 de febreiro, no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, en dous pases: ás 21 e 23 h. Aí quedan as letras...


Olladas para outro mundo, tan necesario como posíbel

A vista chega antes que as palabras. Os seres humanos ollamos e vemos antes de falar. Ademais John Berger, o grande escritor e artista plástico británico, lémbranos que a nosa ollada é a que establece o noso lugar no mundo e dalgún modo a que informa o noso coñececemento e explicación do mundo. As imaxes chaman polas palabras. A ollada reclama logo pola voz. Quizais de aí proceda a enerxía cultural das imaxes e o poderío comunicativo que o cinema e a televisión teñen na nosa sociedade.

Neste noso planeta globalizado, a invisibilidade é un dos máis nefastos nutrintes das desigualdades abismais, da distibución darwinista dos bens e riquezas, do mantemento dunha meirande parte da Humanidade nos arrabaldes da pobreza extremosa. Os pobres, no Norte e no Sur, son as máis das veces cidadáns e cidadás invisíbles, persoas ninguneadas ás que se lle negan imaxes e voz. Causas, dignidades, países, comunidades e persoas son agochadas, empardecidas, negadas.

Moitos dos medios, que recrean as imaxes que nos informan ou entreteñen, constrúen de modo cómplice e interesado panos de fume, enganos autocompracentes, ilusións virtuais de doado consumo, que invisibilizan a pobreza e as súas causas, que toldan as políticas e as organización que idean e materializan solucións solidarias na loita contra a pobreza e as desigualdades.

Moitos, pero non todos. Hai quen traballan na factoría dos espellismo, pero hai tamén moitos outros cineastas e realizadores televisivos que imaxinan e recuperan historias, voces e imaxes que enfrontan os problemas da humanidade e os chaman polo seu nome, asentando compromisos, valores de liberdade e vontades de transformación igualitaria das relacións internacionais, da cooperación entre os países, dos diálogos entre as diferentes culturas, dos vencellos comunitarios e da convivencia entre as persoas.

Este é hoxe o cine que nos convoca, as imaxes que nos chaman a deitar a nosa ollada sobre as razóns que animan a construción dun mundo máis xusto, igualitario e equitativo. Son películas que chaman á solidariedade e regalan as súas imaxes, palabras e ilusións ás causas, dignidades, países, comunidades e persoas que son agochadas, excluídas, negadas na visión compracida da actual (des)orde mundial.

Cidadáns e cidadáns da nosa casa-mundo aos que os Obxectivos de Desenvolvemento Milenio achegan compromisos, políticas e esperanzas para erradicar a pobreza extrema e a fame, para acadar a educación primaria universal, para garantir a igualdade de xénero e a autonomía das mulleres, para minguar a mortalidade infantil e mellorar a saúde materna, para combater a SIDA, o paludismo e outras doenzas mortíferas, para asegurar a sustentabilidade ambiental, e para fomentar a mancomunidades mundial de esforzos a prol do desenvolvemento.

Eses son o Obxectivos que hoxe nos convidan ao cine, que nos chaman a compartir películas con historias, imaxes e palabras –ficcionadas e reais– que renovan o noso compromiso con outro mundo que é tan necesario como posible para tornar a pobreza en historia pasada.

15/01/2006

Escenarios futuros

En «Dinero», o suplemento económico dominical de La Vanguardia, leo unha completa entrevista con Alexandre Adler, un dos máis influentes coolhunters xeopolíticos de Europa. En 2005 Adler deu á imprenta O informe da CIA. Como será o mundo en 2020? que reproduce un documento desclasificado do Consello Nacional de Intelixencia (CNI) estadounidense. Na entrevista, o historiador e politólogo francés, que ganou sona coma analista de Le Courier Internationale, Le Monde e Le Figaro, repasa os catro escenarios que enxergan as reflexións do CNI e que son adoptados pola CIA como marco das súas operacións de futuro. Eis son:
  • A Pax americana. Os Estados Unidos confirman o seu papel como potencia hexemónica, nun contexto internacional onde o Estado-nación continuará a ser a estrutura básica da orde planetaria, aínda cando a centralización da información e o coñecemento, grazas á expansión das TIC, contribuirá a erosionar a súa preponderancia. Avivecerase a inmigración aleitando o multiculturalismo e a creación de Estados multiétnicos. Afondaranse nas desigualdades e proliferarán democracias incertas.

  • A onda de Davos. China e mais A India protagonizarán un vizoso crecemento económico, tinxindo de orientalismo a mundialización económica. Os xigantes asiáticos acurtarán distancias coas economías de Europa Occidental e os EUA e converterán os seus mercados no epicentro da tecnoloxía e o comercio planetario. Malia as turbulencias económicas recorrentes, os factores de estabilidade lograrán imporse e permitirán buscar solucións a problemas como a reciprocidade económica China-EUA ou a converxencia económica na Unión Europea.

  • O novo Califato. Nos países islámicos o crecemento do radicalismo relixioso sentará as bases dunha nova autoridade supraestatal, ao xeito dos antigos califatos, que desafiará os valores e modo de vida occidental ao conformarse un bloque de poder agresivo e hostil cara a maioría de países veciños non musulmáns.

  • Apocalipse now. A proliferación de armas de destrución masiva e o medo aos ataques terroristas, xunto coa consolidación do Califato, servirán de pretexto para a construción dunha orde orwelliana na que se reforzarán os sistemas de democracia autoritaria e a imposición de drásticas medidas de control sobre os cidadáns so o pretexto de garantir a seguridade nacional. Neste escenario asistiríase a unha xeneralización da violencia entre os Estados e a un desfiuzamento das economías dos países desenvolvidos que alentaría desavinzas entre eles que poderían desembocar nunha guerra de dimensións mundiais.
Preguntado sobre cales son as principais ameazas que pesan sobre o progreso social e económico planetario, Alexandre Adler responde: «En orde inversa á importancia: o terrorismo islamista e as tensións recorrentes para crear na terra do Islam unha gran coalición antidesenvolvemento en nome do novo Califato (...); o impacto económico derivado da loita contra o cambio climático e o proceso de ralentización que podería provocar; e, por cabo, o freo do crecemento económico en China por razóns internas —envellecemento, crise ecolóxica— e externas —proteccionismo— que podería conducir a unha sorte de estratexia autárquica, nacionalista e antimundialista en Pequín. Tamén podemos considerar o ascenso gradual dunha especie de socialfascismo en Europa Occidental que paralizaría pouco a pouco os sistemas políticos nacionais e a UE.» De cara a segunda década do século XXI, Adler considera que «a forza de Europa é a súa diversidade e o seu gusto pola democracia e o intecambio de ideas» e que a súa principal febleza «reside na demografía, a débeda social, o envellecemento e a debilidade do investimento e a investigación». Se non hai outras alternativas que as que albisca o informe editado por Adler, entendo ben porque mingua o interese da humanidade por interrogarse sobre o futuro. Mellor non saber. Que o horror nos colla por sorpresa.

13/01/2006

Futuros desgobernados

Durante moitas décadas a reflexión futurista, con todo o seu ADN utópico, foi patrimonio do pensamento progresista. Predicir e prefigurar mundos desexábeis foi un das máis poderosas forzas motrices da humanidade que quería transformar o mundo. En La Vanguardia, Kepa Aulestia reflexionaba, días atrás, sobre as dificultades que se nos impoñen para gobernar o futuro. No seu artigo apunta: «Os gobernos dos países desenvolvidos e democráticos actúan condicionados pola cíclica avaliación electoral das súas políticas, nun exercicio no que a cidadanía deses países valora por riba de todo se lle vai ben ou lle podería ir mellor. O futuro contemplado nos programas partidarios non vai moito máis alá do percorrido dunha ou como máximo dúas lexislaturas.» Se así fose eu xa me daría por contento. Unha das sombras máis preocupantes da Nova Xunta de Galicia é a súa incapacidade inaugural para transmitir coherentemente políticas de futuro. As urxencias do día a día ameazan con converter a Xunta nun ambulatorio de xestión que se ocupa máis do urxente que do importante. Na propia linguaxe faise sentir a mudanza e fálase —e pénsase— máis en termos de «posicionamento» que de «estratexia», de «proxecto» que de «proceso», de «metas» que de «horizontes». A Vitor Hugo debéselle o sonado aforismo no que advertía: «O futuro ten moitos nomes. Para os débiles é o inalcanzábel. Para os medorentos, o descoñecido. Para os valentes é a oportunidade.» Non sei cal dos dous –medorento ou débil— é o adxectivo máis acaído para a cualificar o goberno galego. Pódeme a sospeita de que na casa-mundo, nos tempos presentes, unicamente a dereita neoliberal e os estrategas empresariais se ocupan do futuro; no resto do espectro ideolóxico e das actividades profesionais imponse un presentismo esmagador e, no mellor dos casos, un cortopracismo miope e condescedente. Pode que sexa debido, como apunta Aulestia, a nosa incapacidade de desexar outro futuro que non sexa o que se faga rendíbel no presente; aínda que tamén pode ser que, simplemente, teña cinicamente razón Paul Valéry e que «o problema dos nosos tempos é que o futuro xa non é o que era.»

08/01/2006

Na mortalla

Viaxo á fronteira oriental para repoñer forzas e desconectar da rede fabril. Acóllenme hospitalariamente na casa do J.A.S., Eduvigis, Concha e Moriquitiña, na Veiga de Cascallá. Son días da matanza do marrao e acudimos a axudar, un pouco, e coa idea de entorpecer o menos posíbel. Os primeiros días de xaneiro son frescos pero o sol, cando parte o día, é agarimoso. Axúntase a familia, o clan estenso e a veciñanza para ordenar a mortalla nun tríptico laboral tallado por habelencias milenarias e tradicións indiscutíbeis. É a penúltima matanza da aldea, só fica para mediados de mes o sacrificio dos animais de Luís. O San Martiño chega vagaroso ás terras de Rubiá.

Estampa


A mortalla é unha ilustración da vella Europa campesiña. John Berger deixou, en Porca terra, unha estampa da matanza nas montañas da Alta Saboia: «Unha noite de xaneiro meu avó tomou a decisión. "Mañá", dixo, "imos matar o porco". O día que matabamos o marrao todo mundo tiña unha tarefa. E desde ese día sabiamos que, por moi lonxe que aínda estivese, a primavera comezaba achegarse. (...) Fun co avó botarlle unha ollada ao cocho. "É tan grande coma unha bancada da igrexa", dixo Pépé con fachenda. "É máis grande que o do ano pasado", dixen eu desexoso de compartir a súa ledicia. "É o máis grande que lembro. Son todas esas balocas que lle deu Mémé. Quedaría sen comer por el, se tivese que facelo." Pasou a man polo lombo do porco, coma celebrando nel as virtudes de miña avoa.»

Dos días e os seus labores


Frío e algo neboento, o primeiro día acorda coa matanza de catro marraos. Dous marchan para lonxe, dous quedarán na casa. Un piadoso cambio de horario fai que perdamos o sacrificio dos animais. Non recorreron á tecnificada pistola, morreron con mazo e coitelo, tarecos máis tradicionais que aseguran boa morte ao marrao e non deturpan gravemente a calidade do seu sangue, visceras e carne, segundo me convence Álvaro co asentimento cómplice de Ricardo que fixo as veces de matachín. O becho despelicado, unha vez pendurado, é baleirado dos seus liviáns, riles, figado e tripallada. O sangue recollido será materia prima para unhas gorentosas filloas. Ao pé da sombra do marrao preparase inmediatamente a asadura co seu fígado e abondoso pimento doce e picante. Cando demedia o día, o padal agradece o pan branco e a quentura picante da asadura acompañada dun grolo de viño doméstico. Non rematan os labores sen limpar a tripallada na friaxe das augas mansas do río. Augas abaixo marchan os derradeiros bocados dos marraos e a bile verdosa da súa agonía.
A noite foi de ceo raso e, co dealbar, a escarcha sela os campos e padrerías e traza a liña alba dos cumes. No alpendre, os marraos pasaron a noite ao frío e agardan para ser despezados. Obando mañexa coitelo e machada coa precisión dun cirurxán plástico e o animal descomponse nun complexo quebracabezas de músculos, tecidos grasos e osos. A carnadura ten a friaxe da morte e das primeirizas horas do día. Na mesa corrida, as mans das mulleres forman unha precisa cadea de produción que dirixe unha sabedoría antiga: curtan as pezas, retallan e clasifican os anacos de carne e graxa en diferentes cubetas, á espera de que o adubío de especias e aceite faga o seu macerante traballo. A machada tronza os ósos da cachucha e as costela que repousarán no botelo e nas androias. Fóra das mans, a única máquina complexa é a picadora eléctrica que remoe na carne e nos coiros. Vagarosamente ímponse a orde esnaquizada do animal que pendura en pezas enteiras ou nas cubetas do adubo co arrecendo da zorza. A festa dos sabores é honrada pola febras fritidas dun porco que soubo de castañas, patacas e outros naturais alimentos. Os grolos de viño valdeorrés sinalan pracenteiros relanzos a un padal que cata unha carne que lembra a tenrura da manteiga. O orballo saúda a terceira xornada que será de labores embutidos. Fritir coas primeiras horas de día a zorza para calibrar sales e pincantes, e encher logo as tripas e o bandullo, segmentar e atar os intestino, e colgar as restras de chourizos e as pezas do salchichón, tamén o botelo e as androias. Salgar lacóns, xamóns e panceta. Deixar repousar na espera do afumado e outras mil pequenas tarefas que aos inexperienciados se nos escapan.

A aldea esvaecida


Houbo momentos para a andadura polas rúas estreitas, as congrostras da aldea e pouco transitados camiños de pescador. No lugar aínda manda o que é propio da arquitectura tradicional: lousado, pedra, madeira en portas, contras, galerías e solainas. Tamén paredes de palla-barro nalgunhas construcións abandonadas á ruína do tempo. Informan de que hai sesenta casas, corenta delas con lume e moradores; a inmensa maioría con máis de sesenta anos. JAS faime saber que na Veiga e os outros lugares da contorna ninguén mantén facenda animal, agás algúns cochos e pitas, e que son poucos os que cultivan a terra. Hai coidado das vides, recóllense castañas no outono e mesmo hai quen anda na crianza silvestre de paspallás, pero o gando desapareceu para deixar as cortes a burras solitarias que cada vez cargan fardeis máis lixeiros. O devalo demográfico anuncia difíciles porvires. A sentenza é repetida e reiterada por moitas e diferentes voces: á aldea quédanlle dez ou quince anos; un horizonte demasiado estreito para unha comunidade que só recibe contados reforzos por causa das xubilacións e o retorno dos emigrados noutrora ás zonas industriais do Estado. Coa súa deshumanización a aldea leva camiño de converterse nun non-lugar. Unha desértica utopía.


As xentes na mesa da memoria


Ao redor da mesa séntanse todas as mans que axudan na mortalla e de quen queda en casa para garantir a loxística da mantenza e a despensa. Sopa de caldo, cocido, carne asada, bacallao, pescada fritida e os primeiros produtos da matanza: zorza, frebas e costelas, arman a ementa dos días de labor, dos xantares e as súas ceas. Pero a mesa é ademais foro faladoiro que reúne retallos de moitas vidas, visións fraccionadas dunha comunidade de parentesco e solidariedades primarias que teima por seguir sendo unha unidade de vida e convivencia. Co ritmo da culler e o garfo paútase o relato de historias familiares, de anécdotas que ilustran os caracteres e de lembranzas particulares que xa son patrimonio inmaterial de todos os convocados pola mortalla. Voces diferentes que se suman para narrar un memorial de futuros incertos que procuran a súa solución en pasados compartidos.

O futuro que non nos deixa ser

A estadia na Veiga váleme para moito. Para o descanso e para recuperar abandonados praceres: as camiñadas breves, escoitar historias doutras vidas, reparar na paisaxes e imaxinar futuros para aldeas deixadas pola xente. Tamén para verficar outra volta a coñecida tese bergeriana sobre os campesiños como unha clase de sobreviventes, sobreviventes que despois dunha milenaria historia, poden deixar de ser. No «Epílogo histórico» que cerra Porca terra, Berger faise eco da ameaza exterminista que axexa ás comunidades campesiñas: «Durante o último século e medio, a teimosa capacidade dos campesiños para sobrevivir confundiu aos administradores e teóricos. Aínda hoxe pódese dicir que os campesiños compoñen a maior parte dos habitantes do globo. Pero este feito oculta outro máis importante. Por primeira vez na historia suscítase a posibilidade de que esa clase de sobreviventes poida deixar de existir. Poida que dentro dun século os campesiños desaparezan. Na Europa Occidental, se os plans saen conforme foron previstos polos economistas, en vinte e cinco anos non quedarán campesiños.» O prazo mortífero hai meses que se cumpriu: Porca terra escribiuse en 1979, xa can aló vinte e seis anos, e eles, ende ben, seguen aí. Mais por canto tempo? Dez, quince anos, máis? Canto durará a prorroga? A cantas mortallas máis teremos a fortuna de asistir?

06/01/2006

Pasado e presente

Marc Augé trama en As formas do esquecemento un convincente eloxio da desmemoria. A miña formación coma historiador faime recear de calquera caste de esquecemento social, pero Augé ten engaiolantes argumentos que, ao cabo, me fan sucumbir ante as súas razóns. Xa nas primeiras liñas do limiar adianta a súa tese: «O esquecemento é necesario para a sociedade e o individuo. Hai que saber esquecer para saborear o gusto do presente, do instante e a espera, pois a propia memoria necesita tamén do esquecemento: hai que esquecer o pasado próximo para recuperar o pasado remoto.»

Fútbol e memoria

Matino na proposta de Marc Augé ao fío do acontecido nas bancadas no partido da selección galega. Numerosos seareiros optaron por instalarse no pasado próximo (a Era Fraga), renunciaron a saborar o gusto do presente (o logro da selección e o seu fútbol) e, ao tempo, esquecéronse felizmente da memoria remota (os éxitos deportivos da selección galega de 1922-23). Elixiron libremente focalizar o seu entusiasmo na lembranza da natureza supracaprina de Manuel Fraga. Como exercicio de desafogo serodio é manifestamente insatisfactorio, coma síntoma dun estendido estado de ánimo parapolítico adianta molestas consecuencias.

O antifraguismo retrospectivo


De seguir xeneralizándose este estado de ánimo, en poucos meses afirmarase solidamente a crenza de que «contra Fraga viviamos mellor». Para miña idea, instalarse en termos simbólicos e políticos no «antifraguismo» –como xa aconteceu noutro tempo co «antifranquismo posfranquista»– é unha estratexia tan insensata como suicida. Na súa cerna, o pasado próximo embafa por igual a memoria remota e o momento presente. Por resolver a cuestión con trazos grosos: o entusiasmo antifraguista primario agocha unha realidade incuestionabel agora en transo de ser esquecida, a dereita xa era hexemónica en Galiza antes da arribada de Manuel Fraga por moito que a el se deba a institucionalización do seu réxime de ultradominación política. Antes de Fraga, a sociedade civil xa era un ermo no que o conservadorismo mandaba e gobernaba. Na sociedade política, con algo menos de desafogo, ocorria outro tanto. Pasar por alto esta agre realidade só servirá para aleitar futuras derrotas a mans dunha remozada dereita galaica.

O futuro conservador xa está aquí

A compracencia antrifraguista entálanos nun mundo que xa non é. Alberto Núñez Feijoo ten máis claro que os seus rivais políticos que a mellor vía para recuperar o poder perdido é ensaiar unha proposta conservadora sen atumes e que o seu liderado non pode ser o dun «continuísta sen complexos». Sabe que o seu proxecto terá maiores posibilidades de éxito na medida en que sexa inequivocamente o dunha dereita posfraguista e, mesmo, postaznariana. Quen crea que revivindo o pasado fraguista freará a emerxencia desta nova alternativa de poder conservador marra desgrazamente de estratexia. A memorialística antifraguista non eivará a formación da nova dereita galega nin removerá os alicerces sociais sobre os que estea o seu poder. Para fender as súas posibilidades de éxito, posibelmente un dos mellores remedios sexa esquecerse de Fraga e comezar a ocuparse de ANF, non só para evitar que siga engrandando o seu liderado, senón básica e fundamentalmente facendo unha política para baleirar realmente os seus caladoiros electorais que seguen practicamente intocábeis.

O muíño e o vento

O PPdeG campa felizmente nunha maioría de concellos e deputacións, axístelle unha lei electoral que prima a representación da Galiza oriental, conta coa complicidade de abundantes medios e centros de poder financeiro e empresarial e, ademais, ordena a maior parte da vida asociativa e civil do país. Electoralmente foi vencida por unha estreita marxe, socialmente é máis que discutíbel que teña sufrido derrota ningunha. A dereita galega aínda tendo perdido a Xunta de Galicia conserva unha amplísima reserva do poder. A apocalipse anunciada tras a derrota de Manuel Fraga non se produciu. O cisma disolvente tampouco. Nunha das súa cartas a Theo, Vicent Van Gogh observaba: «O muíño xa non está, pero o vento segue aínda.» En 2006, o vento conservador bruará con moita máis forza; con tanta, que só unha abobada e solemne esquerda seguirá lembrándose do muíño, de Fraga e do fillo do muiñeiro, sen decartarse do diluvio que se nos vén enriba.

28/12/2005

Das idades do home

Meu pai suma 83 anos. Naceu cando facía a súa estrea a primeira selección galega de fútbol. Coma quen di o país tivo que agardar unha vida enteira para reencontrarse coa selección. Mañá poderá, poderemos, velos xogar en San Lázaro. Nas últimas semanas enterramos gozosos esforzos na rede e no papel para saudar o reencontro coa nosa historia e o futuro. Pagou a pena, coma o 2005 que xa se despide. Este intenso ano no que vivimos perigosamente. E xa que estamos, saúde, liberdade e felicidade para o 2006.

19/12/2005

Exercitando a memoria das nosas escolas

Hai uns días, desde as páxinas de La Vanguardia, Zygmunt Bauman lembrábanos que «a cultura de hoxe non consiste na capacidade de aprender senón na habelencia para esquecer. Se non esqueces rapidamente o que sabes para aprender o novo, tórnaste en redundante e estarás na listaxe de despedidos do próximos expediente de crise. Así que é mellor esquecer o que sabes.» Na noite da edición tiveron a ben premiar ese imprescíndibel exercicio de memoria e recuperación histórica que é Historia da educación e cultura en Galicia. Hai libros que poderían ser obra de diferentes e distintos autores por máis que sexa orixinal o argumento ou personalísimo o seu estilo; outras obras só poden ser inequívocamente produtos dun único autor. Teño para min que ninguén máis que Antón Costa podería ter dedicado unha vida de sabedorías e intelixencias a un libro como a Historia da educación e a cultura en Galicia. O filósofo e pedágogo Massimo Borghesi, tamén nun exemplar atrasado de La Vanguardia (desculpen a reincidencia mediática), sinalaba que «o coñecemento é o diálogo dun ser humano con quen son ou foron noutros lugares e noutros momentos da nosa historia. Sen ese diálogo, que converte os datos en experiencia, os seres humanos doutras culturas e doutras épocas son iso: pasado e lonxanía. Sen ese diálogo eles están mortos e nos orfos e perdidos.» No xeneroso volume escrito por Antón Costa, non se estiban datos sobre a educación e cultura galega e europea, senón que se dialoga felizmente con eles, coas súas consecuencias e cos seus protagonistas, e a escola doutros tempos exprésase viva nestas páxinas para achegarnos intelixentes retallos sobre o seu presente e azaroso futuro.

14/12/2005

Lázaro, letras, loito

Por Brétemas sei do pasamento de Lázaro Enríquez. Confío, e prego, en que na noite dos premios da edición honren o seu nome. Ninguén o merece máis cá el. A súa valía humana é máis grande que a nosa dor que hoxe é moita, moitísima, infinita. Pendurado da parede máis vistosa da casa está o galano caligráfico dos amigos cando abandonei a fabrica de libros: as feitucas letras de Lázaro reproducen palabras propias e a feliz palabra de todos: Liberdade. O seu trazo alegre, rebelde, teimoso e combativo vaime acompañar sempre, na vida e na memoria da súa grandeza como persoa e artista.

06/12/2005

Coa cola da raposa

Afirma Navaza que «o BNG xa non é o que era: unha organización compacta, diversa e plural no seu interior pero activada para reaccionar como unha soa voz, unha soa gorxa, en canto xurdise o menor anuncio de treboada». Hai moito tempo que non é así, pero o identificador de sanedríns recupera a idea á luz das declaracións de Beiras nas que nos advertía sobre a posta en cuestión da credibilidade da nova Xunta por causa das retesías públicas entre os dous socios de goberno e tamén pola lacerante oposición que lidera Francisco Rodríguez Sánchez tanto diante de Touriño e ZP como fronte a Anxo Quintana.

Ao tempo, Ismael Rego, o voceiro socialista no pazo do Hórreo, asomouse á prensa para recomendarlle ao BNG que deixe de ser «goberno e oposición» e advírtelle que «as saídas de ton ás que nos ten afeitos Rodríguez na fin de semana» son pouco beneficiosas para o nacionalismo gobernante. Eles saben ben dos problemas que crean as declaracións despropositadas do outro Paco.

O pai dunha amiga miña refírese ao BNG coma «os que tira a raposa coa cola», subliñando metaforicamente a fraxilidade dunha organización á que a mais leve sacudida mediatica ou debate público fai abanear. A liviandade do poder que xestiona o BNG e feble rede dos seus apoios sociais non se viron aínda fortalecidos pola achega do seu paso pola Nova Xunta e calquera disputa deixa en claro que o BNG é un partido gobernante con pés de barro e con sobradas fendas na súa arquitectura.

As liñas vermellas

Non andan desencamiñados aqueles que pensan que o BNG se disolveu efectivamente o día que tomaron posesión Anxo Quintana, Ánxela Bugallo, Fernando Blanco, Teresa Táboas e mais toda a rolada de directores xerais, secretarios xerais técnicos e delegados provinciais. Disolveuse o BNG como espazo de iniciativa política e derramouse a organización como sostén da acción de goberno para embarcarse nunha xestión doméstica do aparato e na asunción dunha estratexia de diferenciación da marca de máis que dubidosos réditos electorais.

Moito temo que as declaracións de Beiras alporizarán aos gardiáns da ortodoxia pero non quebrarán a ensoñación na que está subsumida a fronte nacionalista. O abano renovador do BNG está tan fragmentado como falto de vigor e capacidade de reacción, e o baleiro estratéxico e organizativo ocúpao, coma sempre, a UPG que exerce como principal actor colectivo á hora de fixar as liñas vermellas delimitadoras da política que é posíbel practicar. As advertencias sabatinas de Rodríguez cumpren neste sentido un papel director fundamental. A UPG é a dona das lindes e reina ademais na maquinaria que administra a política como resistencia e inmobilismo.

Os novos xestores como solución?

Hai quen confía en que os xestores nacionalistas da Nova Xunta acabarán por artellar un numeroso e influente bloque de poder que será unha peza fundamental para crebar a hexemonía da UPG. Pragmáticos, con proxección pública e chegada mediática, informados e en conexión cos novos apoios sociais que se traman desde o poder, a nova clase política nacionalista é identificada coma a forza emerxente que sostén, e sosterá a Quin, no liderado da organización, na súa política de renovación e de apertura á sociedade.

Con todo, o quintanismo non existe como programa de ideas, como modelo de organización, nin tan sequera como agrupamento de militantes, e non parece que na axenda do propio Quin sexa unha prioridade organizar os seus apoios para facer realidade un Novo BNG. A esperanza que representou a corrente dos non adscritos estragouse no proceso de renovación traumática que forzou o retiro de Beiras e debilitou, ou liquidou de vez, os elementos secundarios da oligarquía partitocrática –Unidade Galega, Esquerda Nacionalista, Inzar, PNG...– sen erosionar substancialmente o que era a súa cerna –a UPG–. Hoxe o BNG é a UPG, o quintanismo difuso e os restos dese naufraxio.

Dicía G.K. Chesterton que el estaba disposto a crer no imposíbel pero non no improbábel. E é bastante improbábel que sobre a estreita base de políticos profesionalizados, que comparten xestión gobernamental e militancia partidaria, se poida gobernar un aparato díscolo e unhas bases militantes dificilmente contentábeis pola acción dun goberno sometido por igual a apretadas ataduras e a vindicacións maximalistas.

A UPG máis doutrinaria sábeo ben: o BNG é o seu couto privado. Ademais, grazas a súa colonización das organizacións sociais do nacionalismo –CIG, CAF, Mesa pola Normalización, ASPG, ADEGA...–, conta con sobrados aliados para fortalecer a súa estratexia de contrapoder e contención do nacionalismo de xestión, garavata e coche oficial. No futuro, o papel destas organizacións será duplo: converterse nun ariete fronte á xestión dos conselleiros do PSdeG e ser, ao tempo, nunha panca de presión para facer das consellarías do BNG unha correa de transmisión das políticas que a UPG deseña ferreamente.

Agardando unha palabra

O mesmo Chesterton escribiu que a idea que non trata de converterse en palabra é unha mala idea, e a palabra que non trata de converterse en acción é unha mala palabra. Parece que é urxente que Quintana comunique as súas ideas, lles poña palabras e as acompañe de accións. Se ademais o fai para abrir un diálogo coas demais fraccións compometidas coa renovación da organización e a política do BNG, o 2006 deixaría de ser para o nacionalismo galego un ano horribilis máis. Iso ou agardar a que a cola da raposa o derrube todo.

05/12/2005

De mazás e bostas

Nunha tregua da invernía leo ao sol «Unha carga de merda», un dos ensaios que John Berger recompilou en Cada vez que dicimos adeus. Un texto esclarecedor que debe lerse a seguir do magnífico post «A bosta: protagonista silenciosa da nosa historia e devir» que Correlo escribiu en Naraío nazón. Berger recolle un conto que o seu fillo Yves escoitou na escola: Unha fermosa mazá despréndese da árbore e vai caer perto dunha bosta de vaca. Na súa humildade, a bosta saúda ao fermosísimo froito. «Bo día, señora Mazá». A soberbia impón o distante silencio. A bosta tenta, con todo, callar conversa: «Aquí a herba é moi doce». Reiterado e despreciante silencio. Nese momento un home cruza a horta, olla para a mazá e cóllea. Traba nela e a bosta, que non se pode conter, di: «Vémonos axiña, señora Mazá.» Xa se sabe, a mazá é símbolo de poder e sabedorías prohibidas, e a merda é só simbolo de si mesma.

04/12/2005

Vello desamor

As macondianas chuvias obríganme a procurar refuxio nun beirado. Alí dou cun coñecido das tropelarías universitarias na mocidade tardía. El daquela pertencía á vangarda. Co tempo aprobou unhas oposicións para entrar na Administración autonómica e exerceu de cadro sindical até que o o autoritarismo tecnocrático dos xestores, o corporativismo dos propios e os excesos ideolóxicos da nomenclatura o entregaron ao desencanto e a unha feliz vida doméstica. Recuperouse algo do nihilismo cando Nunca Máis, o 13-M e o Hai que botalos. A pouco máis de cen días do cambio político ten o fardel cheo de queixas e de desconsoladas críticas. Abeirado da chuvia sírvolle de muro das lamentacións. Amólalle ver nos «vellos compañeiros de loita» –así os clasifica– os atributos do poder e cre recoñecer xa os síntomas irreversíbeis que cangrenan o exercicio democrático do goberno: amiguismo, xordeira perante os cidadáns e prepotencia. Malia que traballa lonxe da zona cero, sométeme a un interrogatorio de terceiro grao para que lle confirme desmandos, abusos e intolerancias do superasesor que chegou a subconselleiro e ante os meus silencios e vagas informacións achégase á cerna da súa dor. Atopouse cun vello camarada convertido agora nun arrogante mandamáis que o ignorou, que non quixo recoñecelo, que lle negou a palabra porque el non é máis ca un bedel. No curso do seu monólogo apenas se din pronunciado algunhas frases contemporizadoras. A súa torrenteira verbal era imparábel, baixaba coa forza do desconsolo e o desamor. Despedímonos en canto acalmou a chuvia.

03/12/2005

Benvida e adeus

Como limiar do insomnio leo a John Berger. Fíxenme traer o libro de lonxe. Está publicado na Arxentina por Ediciones La Flor. Cada vez que decimos adiós axunta vintecatro textos aparecidos, entre outros medios, en Harper's magazine, Guardian, El País ou New Society, que van precedidos por unha efectista nota ao lector na que se le: «Viaxo. Vivo os anos. Este libro fala dalgúns encontros, citas ás que acudín (Aquelas ás que non acudín forman parte doutra historia.) Cada relato comeza cunha imaxe que conxura algo do lugar no que se produciu o encontro. Algúns deses lugares poden localizarse facilmente nun mapa outros non. Todos por suposto, foron visitados por outros moitos viaxeiros. Agardo que tamén os lectores se abraien dicindo: eu estiven alí...» Roldando por librarías un venres chuvioso descubro outra edición dos mesmos textos baixo o selo de Huerga y Fierro. Puxéronlle por título Siempre bienvenidos e na impactante nota ao lector pódese ler: «Viaxei por moitos lugares. Vivín os meus anos. Velaquí un libro de benvidas, de admiracións rendidas (se omito algunha, é outra historia). Cada ensaio iníciase cunha imaxe que conxura o momento en que se fixou o meu encontro con ela. Algúns considerarán difícil achar nun mapa os lugares que aquí se glosan, para outros, pola contra, resultará sinxelo. Lugares por suposto, que foron visitados igualmente por máis viaxeiros. Só teño a esperanza de que os meus lectores os reconezan neste libro e poidan dicir: eu estiven alí». Para o editor arxentino son relatos, para o hispano son ensaios. Non son dous libros distintos, non son dúas notas diverxentes para lectores diferentes. Son os mesmos artigos e dúas lecturas diferentes con matices e substancias, ás veces, dificilmente harmonizábeis. Mais estes desencontros entre tradutores e editores definen precisamente o meu momento e o de moitos dos que cada día me laboralmente arrodean: non sabemos se nos gobernan as benvidas ou os adeuses. Non sabemos se cada vez que dicimos adeus, dicimos sempre benvida, ou viceversa. Non temos moi claro se debemos aledarnos polas chegadas ou entristecernos coas idas. Manu Chao definiu este duplo e contraditorio estado anímico como «malalegría». O único realmente claro é que, si, nós estamos alí, enleados e malalegrados.