23/03/2009

Xenealoxías dunha esquerda

Co X Congreso do Partido da Revolución Democrática como pano de fondo, o escritor, xornalista e historiador Héctor Aguilar Camín (HAC) escribiu en agosto de 2007 unha decena de artigos que apareceron no diario Milenio. Ese material revisado e enriquecido con varios intercambios (máis ou menos) polémicos, algunhas pezas novas sobre a esquerda, o futuro, o progreso e mais o indixenismo revolucionario, e un ensaio sobre «a esquerda mexicana realmente existente», que publicou a revista Nexos en 2005, foron compilados en Pensando en la izquierda, un libro de dimensións cativas pero de substancioso e incómodo contido que circula desde marzo de 2008 co selo do Fondo de Cultura Económica.

Aguilar Camín constata como punto de arrinque que os partidos políticos mexicanos non teñen unha ideoloxía explícita e que «hai grandes intelectuais na esquerda, pero non grandes ideas nas organizacións da esquerda en México» e que «a ideoloxía ou o proxecto histórico pesan menos nos partidos da democracia mexicana que a poxa electoral e a busca de posicións de goberno».


Na plural e enramada tradicións esquerdista recoñece catro liñaxes: a «esquerda revolucionaria» (ER); a «esquerda comunista» (EC), a «esquerda estatista e nacionalista» (EEN), e a «esquerda utópica clásica» (EUC).


A ollada de HAC detense ademais a reconsiderar o papel da esquerda intelectual e da esquerda indixenista en México, ao tempo que certifica o raquitismo e febleza no seu país da tradición socialdemócrata que, para a súa idea, é a única que «podería poñer a esquerda mexicana a tempo co seu presente e en sintonía posíbel co futuro». O seu posicionamento é rotundo, o que falta é precisamente o que é máis necesario en México: unha esquerda socialdemócrata «intransixentemente igualitaria a forza de querer instransixentemente todas as liberdades para todos».


A esquerda e a violencia revolucionaria


A ER anima un proxecto de emancipación que tiña/ten na violencia o seu camiño e a súa fachenda, violencia que no imaxinario histórico de México segue a ser un «recurso lexítimo e celebrado». Malia que se conten a menos os defensores explícitos da acción armada revolucionaria, a violencia como «instrumento válido para protestar, resistir e combater as inxustizas do mundo» conforma unha sorte de lexitimidade soterrada nos continxentes da esquerda mexicana.


«Poucos van á guerrilla, pero poucos a condenan sen dubidar», sentenza Aguilar Camín, quen sostén que «non son as condicións obxectivas as que impoñen a violencia», senón que a loita armada «é a elección de grupos e persoas concretas». Non nega a violencia como factor de cambio e mesmo que xogou un papel no camiño á democracia, pero salienta que para a ER non era a democracia o que se procuraba. Refuta asemade a violencia revolucionaria como catalizador histórico positivo: non hai dúbida de que aceleran a historia, pero «non está claro que o fagan na dirección correcta».


Fronte á ER o pronunciamento de HAC é contudente: «o inherente ao compromiso democrático é rexeitar a violencia, non validala como inevitábel nin como culpa ou responsabilidade de outros», ao tempo que subliña que «as deformidades da democracia deben ser corrixidas cos instrumento da democracia, ningún dos cales inclúe a violencia».


A esquerda comunista


A tradición que entronca co Partido Comunista Mexicano é despachada expeditivamente: «non é revolucionaria nin subversiva», non quería facer a revolución, senón gañar un espazo público e un lugar político de seu para defender o «socialismo real» e enxalzar as causas contra o imperialismo norteamericano.


Salienta HAC que o maior espazo pública gañado pola EC foi na vida intelectual e na opinión pública («libros, revistas xornais e editoriais») e nas universidades («na súa tripla dimensión: burocrática, académica e sindical»). Así, a «confraría comunista» era, atendendo á lectura de HAC, «máis intelectual e burocrática que popular, máis reformista que rupturista, máis eurocomunista que estalinista»; de aí que se tornase na «maior ponte da esquerda mexicana coa democracia» xa que non esixía «a ruptura da orde, senón tolerancia, legalidade, espazos democráticos».


O nacionalismo revolucionario


O estatismo e o nacionalismo revolucionario, xunto co discurso antineoliberal, son consideradas por HAC como «o verdadeiro corazón da esquerda mexicana». O proxecto histórico nacido da revolución de 1910 que aspiraba facer do Estado «o instrumento da xustiza social contra os poderes privador e o baluarte de defensa da nación contra a ameaza exterior» é a cerna da cultura da esquerda mexicana e o PRD representaría versión dese proxecto como priismo de esquerdas, unha proposta que non aspiraba a revolución, senón a ocupar o poder do Estado para a defensa da soberanía nacional e as causas populares fronte ás estratexias neoliberalizadoras aleitadas pola globalización.


A esquerda utópica


Tamén identifica HAC unha esquerda utópica, «altar de poucos cregos e moitos fieis», que reivindica «a certeza histórica, filosófica e moral de que a historia camiña cara á sociedade sen clases e que o socialismo ten que ser o punto de chegada da historia; a fin plenamente humana da historia». É minoritaria como proxecto de política práctica, pero é a reserva moral dun franxa tan numerosa como ben intencionada da esquerda mexicana, nela bota as súas raíces «os únicos trazos autenticamente autocríticos do PRD [...] denunciando a corrupción, o clientelismo, o pragmatismo electoral, o esquecemento dos principios; o triunfo dos politicastros e a manipulación da vida partidaria».


A esquerda intelectual


A cultura e a intelectualidade mexicana, segundo a anatomía debuxada por Aguilar Camín, ten «o corazón botado á esquerda»; malia iso, ningún partido da esquerda mexicana acompañou a súa acción cun «potente debate de ideas». A esquerda ten os recursos intelectuais para facelo, pero HAC sinala que carece da liberdade para facelo, adoece de capacidade crítica e autocrítica. Os intelectuais de esquerda contan cun afinado arsenal crítico pero tamén cunha audiencia entre as bases militantes pouco dada ao consumo de reflexións matizadas. O resultado é unha esquerda intelectualmente entalada que pasou polo derrumbe do socialismo real sen facer a crítica do sucedido.


En opinión de HAC, «a xente de esquerdas oe máis aos seus xornalistas que aos seus intelectuais», e, para el, o xornalismo de esquerdas deixou de ser unha forza renovadora ao encerrarse nos lindeiros da causa e as súas crenzas, ao derramar a súa pluralidade e ao ser cada vez máis reiterativo, autorreferencial e impermeábel a debater ideas, proxectos, medios e fins.


A esquerda indixenista


A insurrección en Chiapas, segundo HAC, engordou a aceptación da violencia como instrumento lexitimo do cambio e entregou a esquerda ao que denomina «unha utopía particularista»: un indixenismo radical, non integracionistas e multicultural que se levou por diante «a tradición intelectual máis nobre da esquerda: o seu universalismo progresista», eivando á esquerda como «a ala radical do proxecto universalista de liberdade, igualdade e fraternidade».

Sostén Aguilar Camín que a esquerda mexicana é desde 1994 «obrigadamente indixenista» por unha dupla vía: «polo rexeitamento da pobreza, o racismo e a desigualdade» e pola súa «consagración acrítica e particularista» do mundo indíxena «como o repositorio venerábel dun México profundo»; e laméntase a seguir da perda do vello internacionalismo e de que se tornase en resistencia á internacionalización, ao facer da globalización o «demo recorrente» da esquerda e da deriva indixenista a mostra máis clara de que «a esquerda mexicana quere fronteiras nacionais».

Asinaturas pendentes da esquerda realmente existente


Entre outras asinaturas pendentes da esquerda mexicana, HAC sinala:

  1. Cambiou a súa linguaxe pero non a matriz das súas conviccións, a esquerda deixou de ser expresión política nos marxes, é formalmente unha opción de goberno pero non deseña nin goberna o cambio, o resiste, e tórnase, mesmo desde os gobernos, nunha sorte de oposición.
  2. Cre na democracia tan só como un medio e a lealdade ás institucións está condicionada a que as institucións lle sexan favorábeis.
  3. Non fixo a paz co mundo da empresa e mercado, denuncia a pobreza pero non sabe dar unha resposta positiva á privación das maiorías creando riqueza para acrecentar a accesibilidade a bens e servizos e mellorar a oportunidade dos máis.
  4. Ten unha resposta pobre, cando non arcaica, para as dúas realidades claves do mundo moderno: democracia e globalización. Non remata de ter un proxecto eficaz no económico, garantindo taxas altas de crecemento, e, no político, asegurando altos índices de gobernabilidade democrática.
Coda

Hai intelectuais de dereitas, de esquerdas, e incómodos. Héctor Aguilar Camín gañouse merecidamente a súa clasificación, cando menos, entre os intelectuais incómodos. Coñecedor das normas e usos do poder –político, mediático e económico– non é un observador inxenuo nin un incauto anotador de realidades. A súa (suposta) veciñanza política e persoal a Carlos Salinas de Gortari, que HAC nega con vehemencia, pode empardecer entre nós a recepción das súas opinións sempre controvertidas.


Pensando en la izquierda
axunta descricións, ás veces esquemáticas pero non grotescas nin caricaturizadas das tradicións da esquerda mexicana, que evidencian as súas carencias democráticas e as súas inconsistencias e fraquezas ideolóxicas. Non vale contentarse pensando que a súa versión da esquerda socialdemócrata non resiste nin unha crítica livián e que calquera pode trazar un panorama igualmente pouco grato dos herdeiros e epígonos da Segunda Internacional. Certo é tamén que aquilo que describe é a esquerda mexicana, pero non é menos verdade que esa esquerda maniféstase con acentos propios entre nós.


Moacyr Scliar sostén provocadoramente que «o escritor é aquele que olha para a banana e come a casca». Esa corrosiva e autocrítica descrición non é aplicábel a Héctor Aguilar Camín que non se queda na pelica da (nosa) esquerda (mexicana). Fala do substancial e a sua lectura crítica convida á relectura crítica da nosa propia esquerda.

2 comentários:

Nygard disse...

Moi bo... e curiosamente dá conta dunha necesidade común. Na nosa casa tamén falta esa esquerda que bota de menos HAC.

Poderiamos dicir que por ter, nós temos todas esas e dúas máis:
- a esquerda comunista que realmente non o é.
- a esquerda sen ideoloxía e conservadora que se alía coa anterior.

Ogallé me engane.

O Fuco disse...

Sobre a socialdemocracia, ou mellor, sobre o suicidio da socialdemocracia, recoméndoche un artigo de Ignacio Sotelo que podes ler en http://claves.progresa.es/Sumarios.php. Saúdos.