Mostrar mensagens com a etiqueta Esquerda. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Esquerda. Mostrar todas as mensagens

23/03/2009

Xenealoxías dunha esquerda

Co X Congreso do Partido da Revolución Democrática como pano de fondo, o escritor, xornalista e historiador Héctor Aguilar Camín (HAC) escribiu en agosto de 2007 unha decena de artigos que apareceron no diario Milenio. Ese material revisado e enriquecido con varios intercambios (máis ou menos) polémicos, algunhas pezas novas sobre a esquerda, o futuro, o progreso e mais o indixenismo revolucionario, e un ensaio sobre «a esquerda mexicana realmente existente», que publicou a revista Nexos en 2005, foron compilados en Pensando en la izquierda, un libro de dimensións cativas pero de substancioso e incómodo contido que circula desde marzo de 2008 co selo do Fondo de Cultura Económica.

Aguilar Camín constata como punto de arrinque que os partidos políticos mexicanos non teñen unha ideoloxía explícita e que «hai grandes intelectuais na esquerda, pero non grandes ideas nas organizacións da esquerda en México» e que «a ideoloxía ou o proxecto histórico pesan menos nos partidos da democracia mexicana que a poxa electoral e a busca de posicións de goberno».


Na plural e enramada tradicións esquerdista recoñece catro liñaxes: a «esquerda revolucionaria» (ER); a «esquerda comunista» (EC), a «esquerda estatista e nacionalista» (EEN), e a «esquerda utópica clásica» (EUC).


A ollada de HAC detense ademais a reconsiderar o papel da esquerda intelectual e da esquerda indixenista en México, ao tempo que certifica o raquitismo e febleza no seu país da tradición socialdemócrata que, para a súa idea, é a única que «podería poñer a esquerda mexicana a tempo co seu presente e en sintonía posíbel co futuro». O seu posicionamento é rotundo, o que falta é precisamente o que é máis necesario en México: unha esquerda socialdemócrata «intransixentemente igualitaria a forza de querer instransixentemente todas as liberdades para todos».


A esquerda e a violencia revolucionaria


A ER anima un proxecto de emancipación que tiña/ten na violencia o seu camiño e a súa fachenda, violencia que no imaxinario histórico de México segue a ser un «recurso lexítimo e celebrado». Malia que se conten a menos os defensores explícitos da acción armada revolucionaria, a violencia como «instrumento válido para protestar, resistir e combater as inxustizas do mundo» conforma unha sorte de lexitimidade soterrada nos continxentes da esquerda mexicana.


«Poucos van á guerrilla, pero poucos a condenan sen dubidar», sentenza Aguilar Camín, quen sostén que «non son as condicións obxectivas as que impoñen a violencia», senón que a loita armada «é a elección de grupos e persoas concretas». Non nega a violencia como factor de cambio e mesmo que xogou un papel no camiño á democracia, pero salienta que para a ER non era a democracia o que se procuraba. Refuta asemade a violencia revolucionaria como catalizador histórico positivo: non hai dúbida de que aceleran a historia, pero «non está claro que o fagan na dirección correcta».


Fronte á ER o pronunciamento de HAC é contudente: «o inherente ao compromiso democrático é rexeitar a violencia, non validala como inevitábel nin como culpa ou responsabilidade de outros», ao tempo que subliña que «as deformidades da democracia deben ser corrixidas cos instrumento da democracia, ningún dos cales inclúe a violencia».


A esquerda comunista


A tradición que entronca co Partido Comunista Mexicano é despachada expeditivamente: «non é revolucionaria nin subversiva», non quería facer a revolución, senón gañar un espazo público e un lugar político de seu para defender o «socialismo real» e enxalzar as causas contra o imperialismo norteamericano.


Salienta HAC que o maior espazo pública gañado pola EC foi na vida intelectual e na opinión pública («libros, revistas xornais e editoriais») e nas universidades («na súa tripla dimensión: burocrática, académica e sindical»). Así, a «confraría comunista» era, atendendo á lectura de HAC, «máis intelectual e burocrática que popular, máis reformista que rupturista, máis eurocomunista que estalinista»; de aí que se tornase na «maior ponte da esquerda mexicana coa democracia» xa que non esixía «a ruptura da orde, senón tolerancia, legalidade, espazos democráticos».


O nacionalismo revolucionario


O estatismo e o nacionalismo revolucionario, xunto co discurso antineoliberal, son consideradas por HAC como «o verdadeiro corazón da esquerda mexicana». O proxecto histórico nacido da revolución de 1910 que aspiraba facer do Estado «o instrumento da xustiza social contra os poderes privador e o baluarte de defensa da nación contra a ameaza exterior» é a cerna da cultura da esquerda mexicana e o PRD representaría versión dese proxecto como priismo de esquerdas, unha proposta que non aspiraba a revolución, senón a ocupar o poder do Estado para a defensa da soberanía nacional e as causas populares fronte ás estratexias neoliberalizadoras aleitadas pola globalización.


A esquerda utópica


Tamén identifica HAC unha esquerda utópica, «altar de poucos cregos e moitos fieis», que reivindica «a certeza histórica, filosófica e moral de que a historia camiña cara á sociedade sen clases e que o socialismo ten que ser o punto de chegada da historia; a fin plenamente humana da historia». É minoritaria como proxecto de política práctica, pero é a reserva moral dun franxa tan numerosa como ben intencionada da esquerda mexicana, nela bota as súas raíces «os únicos trazos autenticamente autocríticos do PRD [...] denunciando a corrupción, o clientelismo, o pragmatismo electoral, o esquecemento dos principios; o triunfo dos politicastros e a manipulación da vida partidaria».


A esquerda intelectual


A cultura e a intelectualidade mexicana, segundo a anatomía debuxada por Aguilar Camín, ten «o corazón botado á esquerda»; malia iso, ningún partido da esquerda mexicana acompañou a súa acción cun «potente debate de ideas». A esquerda ten os recursos intelectuais para facelo, pero HAC sinala que carece da liberdade para facelo, adoece de capacidade crítica e autocrítica. Os intelectuais de esquerda contan cun afinado arsenal crítico pero tamén cunha audiencia entre as bases militantes pouco dada ao consumo de reflexións matizadas. O resultado é unha esquerda intelectualmente entalada que pasou polo derrumbe do socialismo real sen facer a crítica do sucedido.


En opinión de HAC, «a xente de esquerdas oe máis aos seus xornalistas que aos seus intelectuais», e, para el, o xornalismo de esquerdas deixou de ser unha forza renovadora ao encerrarse nos lindeiros da causa e as súas crenzas, ao derramar a súa pluralidade e ao ser cada vez máis reiterativo, autorreferencial e impermeábel a debater ideas, proxectos, medios e fins.


A esquerda indixenista


A insurrección en Chiapas, segundo HAC, engordou a aceptación da violencia como instrumento lexitimo do cambio e entregou a esquerda ao que denomina «unha utopía particularista»: un indixenismo radical, non integracionistas e multicultural que se levou por diante «a tradición intelectual máis nobre da esquerda: o seu universalismo progresista», eivando á esquerda como «a ala radical do proxecto universalista de liberdade, igualdade e fraternidade».

Sostén Aguilar Camín que a esquerda mexicana é desde 1994 «obrigadamente indixenista» por unha dupla vía: «polo rexeitamento da pobreza, o racismo e a desigualdade» e pola súa «consagración acrítica e particularista» do mundo indíxena «como o repositorio venerábel dun México profundo»; e laméntase a seguir da perda do vello internacionalismo e de que se tornase en resistencia á internacionalización, ao facer da globalización o «demo recorrente» da esquerda e da deriva indixenista a mostra máis clara de que «a esquerda mexicana quere fronteiras nacionais».

Asinaturas pendentes da esquerda realmente existente


Entre outras asinaturas pendentes da esquerda mexicana, HAC sinala:

  1. Cambiou a súa linguaxe pero non a matriz das súas conviccións, a esquerda deixou de ser expresión política nos marxes, é formalmente unha opción de goberno pero non deseña nin goberna o cambio, o resiste, e tórnase, mesmo desde os gobernos, nunha sorte de oposición.
  2. Cre na democracia tan só como un medio e a lealdade ás institucións está condicionada a que as institucións lle sexan favorábeis.
  3. Non fixo a paz co mundo da empresa e mercado, denuncia a pobreza pero non sabe dar unha resposta positiva á privación das maiorías creando riqueza para acrecentar a accesibilidade a bens e servizos e mellorar a oportunidade dos máis.
  4. Ten unha resposta pobre, cando non arcaica, para as dúas realidades claves do mundo moderno: democracia e globalización. Non remata de ter un proxecto eficaz no económico, garantindo taxas altas de crecemento, e, no político, asegurando altos índices de gobernabilidade democrática.
Coda

Hai intelectuais de dereitas, de esquerdas, e incómodos. Héctor Aguilar Camín gañouse merecidamente a súa clasificación, cando menos, entre os intelectuais incómodos. Coñecedor das normas e usos do poder –político, mediático e económico– non é un observador inxenuo nin un incauto anotador de realidades. A súa (suposta) veciñanza política e persoal a Carlos Salinas de Gortari, que HAC nega con vehemencia, pode empardecer entre nós a recepción das súas opinións sempre controvertidas.


Pensando en la izquierda
axunta descricións, ás veces esquemáticas pero non grotescas nin caricaturizadas das tradicións da esquerda mexicana, que evidencian as súas carencias democráticas e as súas inconsistencias e fraquezas ideolóxicas. Non vale contentarse pensando que a súa versión da esquerda socialdemócrata non resiste nin unha crítica livián e que calquera pode trazar un panorama igualmente pouco grato dos herdeiros e epígonos da Segunda Internacional. Certo é tamén que aquilo que describe é a esquerda mexicana, pero non é menos verdade que esa esquerda maniféstase con acentos propios entre nós.


Moacyr Scliar sostén provocadoramente que «o escritor é aquele que olha para a banana e come a casca». Esa corrosiva e autocrítica descrición non é aplicábel a Héctor Aguilar Camín que non se queda na pelica da (nosa) esquerda (mexicana). Fala do substancial e a sua lectura crítica convida á relectura crítica da nosa propia esquerda.

05/08/2008

Macbeth na Moncloa

A crise económica, si; pero non só a crise económica. O Goberno do Estado e o seu partido enfróntanse tamén a unha crise de credibilidade e a estratexia, que inauguraron tras as eleccións do 9-M, rende resultados negativos que tamén explican o empate técnico entre o PSOE e o Partido Popular que rexistra ameazantemente a última enquisa do CIS.

Non é unha lei de bronce infalíbel pero os cidadáns adoitan a xulgar os gobernos polo que estes lle poñen no prato. E o gabinete de Rodríguez Zapatero non poderá superar doadamente esa avaliación por parte duns cidadáns educados (economicamente) para seguirlle a pista ao euribor, ás taxas do paro e ao ipc como indicadores supremos de bonanza económica.

O verán anuncia un outono quente e un inverno económico de longa duración. A crise económica, antes negada, ocupa agora o centro da axenda de preocupación cidadáns e neste punto mesmo coinciden a axenda mediática e a da clase política.
O cambio de ciclo económico chama tamén por unha radical mudanza dalgunhas das políticas animadas polo PSOE tras o 9-M, aínda que no horizonte non hai propósito de emenda ningún.

Fin do talante, recuperación do background do felipismo

ZP 1.0 deseñouse combinando ingredientes pouco usados na botica política do felipismo: unha abondosa camada de sensibilidade pluralista, mesturada con diálogo como cemento das políticas de alianzas; reforzábase a credibilidade con doses de autocrítica para facer máis atractivos os compromisos e os seus resultados limitados; e patrocinouse unha axenda atenta aos valores e ás preocupación sociais emerxentes. Etiquetouse todo coa marca de Talante e o seu principio activo era, simplemente, non facer o mesmo que o Partido Popular.

ZP 2.0 ármase agora con outro tipo de compoñentes, unha boa parte deles testados, con desigual fortuna, durante a era felipista. A planta do partido é a planta do Estado. O Estado é unitario e o goberno é a súa expresión, o PSOE debe ser un actor político unitario supeditado ao presidente Zapatero. Un partido total que ocupa discursivamente todo o espazo progresista e apenas deixa marxe para ningunha esquerda practicábel. En breve, impulsarase un rápido tránsito do ao buenismo progresista ao estatalismo responsábel –un clásico do felipismo–, o retorno a un principismo estatalista como fundamento de toda realpolitik.


Sen rodillo parlamentario e sen sinais manifestas de corrupcións maiores pero coas tentadoras prepotencias en alza, o PSOE tira de presidencialismo, de empate coa monarquía e de representación da estabilidade institucional como bazas adicionais para deixar atrás as proclamas do socialismo inxenuo de ZP 1.0. ZP 2.0 é un produto máis maduro que leva camiño de parecerse moito ao Terceiro Felipe, o do ensimismamento gobernativo.

E a crise será a coartada (resignada ou perfecta, pouco importa) para aminorar os contidos sociais que aínda restan do proxecto ZP 1.0 e, a pouco que apuren as circunstancias, nada importará, outra volta, se o gato é branco ou é negro mentres cace ratos. Moito terá que empregarse a factoría de Caldera para que a política de valores non derive cara a unha desvalorización da política.


Deixar sen argumentos ao PP


Na actualidade, a maior parte dos esforzos comunicacionais e politicos do PSOE diríxense desmantelar de vez os enmarcados políticos do Partido Popular na pasada lexislatura. Trabállase contra a vella axenda discursiva dos conservadores: «España se rompe», «Complicidade e brandura policial fronte ao terrorismo», «Goberno refén dos nacionalistas», «Non pintamos nada en Europa» e «A crise xa está aquí».

De aí a transubstanciación da España plural na proclamación dun Goberno de España receoso á hora de modificar a xeopolítica tradicional do socialistas: nin bilateralismo, nin novos avances nos autogobernos, e peche autonómico sobre o basal de consenso callado en Andalucía e Valencia co Partido Popular.

Para evitar síndromes de Estocolmo con altos custes electorais pasouse dunha política de alianzas aberta aos nacionalistas e á esquerda a unha estratexia de soidade parlamentaria co que se conta poder desfacerse da idea de ser un partido con ataduras, principal escollo para lograr unha futura maioría absoluta. No fondo, hai tamén unha decidida aposta por un sistema político de 2 forzas substanciais (PSOE-PP) e un resto marxinal de forzas nacionalistas: isto é, aspírase á simplificación extrema do modelo que Felipe González e Manuel Fraga construíron nos anos oitenta e prorrogaron até mediado dos noventa. Bipartidismo sen turnismo que se podía garantir grazas á crise de liderato e de proxecto do Partido Popular, e que a remontada de Mariano Rajoy pon agora dramaticamente en cuestión.

A política do diálogo deu paso á asunción entusiasta das políticas policiais para enfrontar o problema da violencia en Euscadi. A renovada fe policial retroaliméntase coa exitosa cazata da cúpula etarra e o esborrallamento político da esquerda abertzale. Bambi exerce agora como un desapiadado Pokemon policial para facer valer o imperio da lei. O saldo élle grandiosamente beneficioso e se vai ben non hai nada que cambiar segundo reza o credo conformista de Ferraz.


Para facerse valer en Europa, ouvear como se estivésemos en terra de lobos: devaluar un pouco máis a Europa Social e apostar pola estabilidade, o control e a seguridade fronte ás liberdades. Se, finalmente, Obama gaña haberá que gastar esforzos e simpatías para restablecer o vencello transatlántico. Con McCain, pois o mesmo: hai que facerse querer novamente polo amigo americano. Sarkozy sinala o camiño que Zapatero está desexando seguir.


A estratexia do camaleón


Agás no tocante á crise, todos os enmarcados fortes do Partido Popular foron maiormente desactivados. Daquela porque recupera crédito cidadán o Partido Popular e o perde o PSOE? En gran medida por que neste proceso o PSOE, nunha sorte de camaleonismo estratéxico, non recorreu a políticas públicas alternativas e optou simplemente por apropiarse das políticas de firmeza do Partido Popular. O principio activo de ZP 2.0 é facer o mesmo que o PP pero con formas diferentes. Como o camaleón, adóptanse as cores da contorna pero non as formas. Dúas reservas: non anunciar políticas de carestía e axuste duro fronte á crise [de momento] e intensificar unha política de valores de baixo custe; é dicir, políticas de valores con cargo aos cidadáns e non as arcas do Estado. Poden facer o mesmo pero mellor que o Partido Popular, é a única lección en limpo que se pode tirar dos 100 primeiros días de glorias gobernamentais do novo executivo.

E esa estratexia de apropiación e substitución xunto co retorno aos consensos dos dous grandes son as vías privilexiadas para manterse na cima da columna do Poder. Unha política de consensos que serve para afianzar a imaxe do Partido Popular como un partido máis de complemento que de oposición e para adocenar o cambio de orientación estratéxica do propio PSOE.


Non son consensos obrigados polas debilidades do PSOE, son consensos libremente promovidos e dirixidos a debilitar a capacidade opositora do Partido Popular, facendo, con menor crispación e rexeitamento social, as políticas autonómicas, xudiciais e de loita antiterrorista esixidas polos conservadores. A estas alturas, Mariano Rajoy xa estará reparando na difícil convivencia consensual que lle ofrece Zapatero.


A gaiola de Macbeth


Alberto Manguel
no seu Diario de lecturas anotou: «Don Quixote sabe que os seus actos terán consecuencias aínda que estas permanezan invisíbeis para el. O dilema de Macbeth é que quere actos sen consecuencias: a única imposibilidade real.»
O PSOE atoarse no mesmo dilema que Macbeth, forzou un radical cambio no seu posicionamento crendo que non ía ter consecuencia negativa ningunha.

A estratexia de clonación amábel das políticas conservadoras baleira de confianza as propostas do PSOE; o seu soberbio isolacionismo e o seu camaleonismo político non son a solución e por iso devalúase gravemente a credibilidade do proxecto ZP 2.0. O presidente que proclamaba que non ía fallarnos, comeza a fallar e moito. A enquisa do CIS unicamente advirte de que se camiña cara un fallo xeral do sistema operativo de ZP 2.0. Zapatero como Macbeth pode dicir: «Non teño espora que aguilloe os costados do meu plan, senón só a ambición do salto que, ao lanzarse, sobe demasiado e cae do outro...» O maior perigo é, efectivamente, caerse polo outro lado.

04/06/2008

Soidades zapatistas


Laura Castellanos, xornalista, e Ricardo Trabulsi, fotógrafo, armaron Corte de caja con dúas macroentrevistas ao subcomandante Marcos e con retratos en Cidade de México e Chiapas. Unha síntese adiantouse en Gatopardo, agora sae a segunda edición do libro tras esgotar os primeiros 2.000 exemplares. Sublíñase a perda de vigor dos vencellos do zapatismo cos intelectuais e coa esquerda en México e no mundo. O seu isolacionismo mediático faise sentir de xeito ancorante. Unha intervención contrainsurxente gaña credibilidade e entolda o futuro. Marcos exprésao claramente: «Estamos como en 1993, pero ao revés. Daquela estabamos preparando o alzamento, sen medios, sen xente, sen atención, non existiamos logo, pero agora é ao revés. É o goberno o que está preparando o ataque.» Illado, á defensiva, xa hai quen cualifica a Marcos como un «mito en crise».Tanta soidade constrasta coa simpatía política e a solidariedade doutrora. Entre tanto abandono o éxito editorial é o único que bota pouco de luz sobre a situación desesperanzada do EZLN e non estraña que o Subcomandante faga un eloxio da indefinición estratéxica: «O EZLN está nunha indefinición, estamos afeitos a iso e é así como nos saen mellor as cousas». Agardar e ver, zafar como se poida.

18/03/2008

Matinar en rede

No kit aconsellábel para desenferruxar ideas e relativizar as políticas convencionais pode incluírse Repensar a política na era dos movimentos e das redes, obra que é resultado dos esforzos do Colectivo Política en Rede que reúne a 40 investigadores-activistas e activistas-investigadores ao abeiro do Transnational Institute (TNI).

O Transnational Institute (TNI) é unha rede descentralizada de investigadores e activistas de países do Sur, Europa e dos Estados Unidos que ten por obxectivo crear e promover a cooperación internacional para analizar e buscar posíbeis solucións a problemas globais como o militarismo, a extensión da pobreza e marxinación social e a degradación ambiental, a maiores de reflexionar sobre os retos da democracia, o futuro dos Estados e os partidos políticos, e o papel que desempeñan na creación de novas políticas democráticas as coalicións das organizacións sociais locais e globais.

A pretensión do TNI é desenvolver «unha visión política alternativa á ofrecida polas teorías políticas e de desenvolvemento convencionais, coa perspectiva de superar os modelos tradicionais socialdemócratas e da esquerda».

Repensar a política... é unha reflexión aberta sobre as novas e vellas formas de facer política e sobre os síntomas de esgotamento que evidencian as «institucións tradicionais de control democrático» ao redor de tres centros de interese: os movementos sociais, as redes e as novas formas de organización; os desafíos dos partidos políticos, a representación política e reposicionamento das institucións públicas na sociedade en rede; e as posibilidades emancipatorias que ofrecen as novas ferramentas tecnopolíticas.

Principios para comezar a pensar en común

Como inicio da análise cada un dos membros do Colectivo Política en Rede explicitou os principios que consideraba máis importantes para reinventar a organización política. A seguir unha manchea deles, algunha reflexións en termos de política en primeira persoa, outras para os instrumentos colectivos.

Christophe Spehr: «Sinceridade na política, por suposto, pero tamén na organización, nas relacións político-persoais. Polas nosas veas corre demasiada táctica. Tendemos a pensar que debemos agochar os nosos obxectivos, as nosas estratexias, os nosos problemas, e que non poderemos triunfar se os expomos abertamente. Pero a realidade é totalmente distinta. A xente está farta das organizacións políticas que só din bobadas. Todo o mundo sabe que son bobadas. [...] Parece que á esquerda lle resulta especialmente difícil ser sincera.»

Alessandra Mecozzi: «A transformación non se pode alcanzar cun único actor. Necesitamos unha pluralidade de actores coa capacidade de converxer en problemas comúns e, ao mesmo tempo, estar arraigados no seu propio terreo social. Para ser transformadores, é necesario estar aberto aos demais; estar arraigado pero sen unha identidade pechada.»

Joan Subirats: «Hai outro desafío que consiste en como transformar as institucións sen ser absorbidos por elas. É dicir, en como manter a súa capacidade transformadora construíndo alternativas (disidencia), opóndose directamente a novas tendencias autoritarias (resistencia) e apreciando a capacidade de influencia que existe dentro das institucións (incidencia). Seguramente, non é necesario que unha persoa, unha organización ou un colectivo intenten facer estas tres cousas simultaneamente.»

Judy Rebick: «Non só o persoal é político, senón que o político é tamén persoal. Debemos combater as nosas propias tendencias a ser dominantes ou submisos, a ser dogmáticos ou dóciles, a ser pechados ou sectarios. [...] Con todo, debemos entender este cambio persoal como algo necesario para ser máis eficaces e igualitarios no noso traballo.»

Pódense ler máis e sería aconsellábel pensar en facer algo semellante aquí para reflexionar (doutro xeito) sobre o que temos esvaradizamente entre as mans.

16/03/2008

125 anos sen o constatador

Hai 125 anos que finou ese señor barbudo ao que lle debemos tanto. Sobre a súa achega, Manuel Vázquez Montalbán deixounos unha estampa esclarecedora: «Marx e o marxismo son dúas cousas diferentes. Marx non é un profeta. É un constatador. Constata unha situación determinada, e ponlle unha linguaxe da súa contemporaneidade. Ao parecer a esquerda ten que pedir perdón por seguir constatando que existe a loita de clases.»

14/03/2008

O compás ideolóxico do votante medio

O actual código de circulación electoral semella prohibir calquera xiro á esquerda. Moitos dos analistas do 9-M subliñan que o electorado esvarou de modo xeneralizado cara a posicións máis moderadas e votou opcións situadas á dereita das súas preferencias políticas. Entre antigos electores de IU ou ERC, o voto útil ao PSOE verifica o seu desprazamento pragmático cara a postulados ideoloxicamente máis mornos, algo que acontece tamén nos segmentos máis radicais da esquerda volátil acantoados noutrora na abstención. Votantes propios do PSOE tamén exerceron o seu voto aceptando esa deriva dereitizante xa que o programa de Zapatero 2.0 está moito máis centrado que o de Zapatero 1.0.

Pola súa parte, a estratexia do Partido Popular renunciou hai tempo ao centrismo reformista que abandeirou en 1996-1999 e procurou a fidelización dunha base electoral que, ao longo de catro anos, macerou regresivamente nun caldo ultraconservador. Presentouse e obtivo os seus votos argumentándose como unha dereita alén da dereita.

O desprazamento electoral de votantes de EA ao PNV ou do PNV cara ao PSE, ou de ERC cara a CiU obedeceu tamén a un estímulo político de moderación. A única excepción serían os electores de Unión Progreso y Democracia, apegados a transversalidade do novo españolismo, que proviñan do PP, xa que os que votaron ao PSOE en 2004 tamén xiraron nas súas preferencias cara á dereita.

O termómetro do CIS

Os CIS gasta abondosos esforzos demoscópicos para fixar a temperatura ideolóxica do votante estándar do Estado español determinando o seu autoposicionamento nunha regra do 0 ao 10, onde 0 é a posición de máxima esquerda e o 10 a da dereita máis extrema.


Desde 1996 a 2008 é posíbel identificar seis fases.

[1] 1996-2000: Xiro acusado á dereita. Prodúcese unha crecente dereitización do votante medio pasando dun 4,79 ao 5,1 en xaneiro de 2000. Durante o goberno, en minoría parlamentaria, do Partido Popular, a autolocalización ideolóxica do votante estándar virou do centro-esquerda ao centro-dereita sobardando a divisoria do 5.

[2] 2000-2003: Moderación centrista. Sinálase un retorno ao valores medios de principios de 1996 –4,79–, un aggiornamento moderado como consecuencia da instalación do PP nunha cómoda maioría.

[3] Xiro moderado á dereita. De xaneiro de 2003 a finais do verán de 2004 documéntase unha etapa de moderada dereitización que leva ao votante estándar a achegarse aos valores promediais do período 2001-2003 ao redor de 4,9.

[4] Outono 2003–marzo 2004: xiro acusado á esquerda. O votante medio xira decididamente cara ás posicións de centro-esquerda. Son os tempos que van desde o Nunca Máis ás mobilización contra a guerra de Iraq e as mentiras do 11-M. O votante autositúase no verán de 2004 nun 4,60, desde 1996 o votante medio nunca foi máis de centro-esquerda que neste momento.

[5] Marzo 2004–verán 2006: Reequilibrio cara ao centro-dereita. Desde a toma de posesión de Rodríguez como presidente vaise producir unha moderada dereitización que nunca acadará os valores dos periodos anteriores, cifrándose sempre por debaixo do 4,8 con oscilacións cara ao centro-esquerda que nunca caen por debaixo do 4,65.

[6] Outono 2006–xaneiro 2008: xiro á dereita. Desde o outono de 2006 apúntase unha tendencia xeral á dereitización pasando dun rexistro de 4,65 en outubro de 2006 a un de 4,80 en xaneiro de 2008, unha tendencia que cabalga co fracaso do proceso de paz en Euscadi e que se activa intensamente a partir da voadura da T-4 en decembro de 2006.

Haberá que agardar a que o CIS nos entregue os datos do último trimestre para saber se o triunfo do PSOE se produciu co compás ideolóxico do votante medio mirando cara á dereita (cara ao centro-dereita) ou virando cara á esquerda (cara ao centro-esquerda).