As ideas de goberno
Na primeira tirada, na súa intervención de investidura, verificarase até onde alcanza o rigor, a renovación e a integración do seu programa de goberno. Unha parte da parroquia (ultra)conservadora, cos hooligans de Galicia Bilingüe á cabeza, escoitará axexante ás súas palabras para ter confirmación dun programa (contra)reformista forte ou comprobar se Núñez Feijóo pertence a esa categoría de políticos que, segundo Jardiel Poncela, son como os cinemas de barrio, que primeiro fan que entres e despois cambian o programa. Todos os demais agardamos que, superados os furores da campaña, ofreza, cando menos, as liñas fundamentadoras da súa estratexia para o avance do noso autogoberno e o combate da crise económica.En campaña Núñez Feijóo gastou o seu tempo, como lle correspondía na súa condición de candidato retador, en dicir o que el non faría e en presentar o seu programa de demolición das políticas do goberno bipartito. As ideas de goberno, a contrario do que dicía John Steinbeck, non son como coellos, non basta con ter dúas, aprender a manexalas e ter, en pouco tempo, paridas unha ducia. O martes veremos se Feijóo se decanta pola retórica da solemnidade ou da eficacia; terá que elixir entre a presentación de boas intencións ou a exposición das medidas de choque que adoptará o seu executivo. Haberá das dúas colleitas, pero veremos onde pon énfase e como gradúa a súa (obrigada) oferta de consenso e colaboración aos partidos da oposición.
O equipo
Confíase en que, nesta semana, ademais se vaian sabendo os nomes do novo executivo que, outra volta, serán contrastados coas proclamas de renovación e integración. En materia de recursos humanos prometeu tamén caras novas con capacitación política e solvencia tecnocrática. Aínda que os confidenciais acollen quinielas, algunhas delas con nomes pavorosos e arrepiantes, a conformación da aliñación de Feijóo xestiónase coa maior das discrecións, entre outras cousas, debido á innovadora metodoloxía aplicada polo presidente do Partido Popular: Feijóo non ofrece cargos, indaga o grao de disponibilidade e condicións dos interlocutores para incorporarse a un gabinete xenérico e sen repartición definitiva de papeis. Malia as cualidades inicialmente ofertadas, do caderno de Alberto todo apunta que sairá un «tecnogoberno» feito a imaxe e semellanza do seu presidente: o novo executivo terá un Presidente e haberá «outros 10», a inmensa maioría de rebaixado peso político e inmaculados certificados de penais fraguianos.Novo diálogo coa cidadanía?
Unha empresa de eventos traballa no acto público de toma de posesión do quinto presidente do autogoberno galego. Hai quen afía críticas á espreita de saber a canto ascende o custe da sesión sabatina. Feijóo está obrigado polas súas palabras a pregarse a un acto austero e sobrio, contido en gastos e grandioso en formas e palabras. Con todo, o máis importante é saber até que punto aproveitará a ocasión para formalizar solemnemente un novo estilo de relacións coa cidadanía. Na noite electoral ofreceuse como presidente de todos e todas as galegas, veremos como se visualiza nas bancadas e que sociedade civil é convidada ao bautismo presidencial. Saberemos, con toda certeza, se o auditorio é o dunha Galiza plural ou simplemente do Partido Popular de Galicia.
Sem comentários:
Enviar um comentário