23/11/2009

Declaración de guerra

É imposíbel que as forzas políticas catalás dixestionen resignadamente unha sentenza do Tribunal Constitucional que desarbora o Estatut que foi aprobado polo Parlament e polos cidadás en referendo. Se na sentenza se impón o actual estado de opinión do Tribunal, desaparecerá o termo «nación» do preámbulo, finiquitaranse as referencias aos símbolos e dereitos nacionais, e cancelarase a obrigación de coñecer a lingua catalá. O cadro de novas competencias semella que non padecerá maiores chapodas e o vantaxoso sistema de financiamento non sufrirá ningunha creba.

A previsíbel sentenza non poderá ser cualificada como salomónica pero, de certo, adubarase cunha abondosa dose de ambigüidade para facela máis dixeríbel pola opinión pública catalá. A sentenza sobreentendida dirá, máis ou menos, que Cataluña é, na práctica, unha nación cun sistema de financiamento e un marco competencial que supera en moito as normas dos autogobernos máis avanzados de calquera Estado federal. En poucas palabras, Cataluña é unha nación pero non se pode dicir que é unha nación.

En 1923, o afoutado anarcosindicalista José Peiró preguntábase na Revista España: «Queredes saber en que consiste o catalanismo?» e contestábase cheo de razón: «En pesetas, en pesetas e en pesetas.» Quen aínda crea certa esta versión monetarista do catalanismo poderá confiar en que o capítulo de competencias e financiamento pesará na consideración da opinión pública catalanista máis que as vagas e simbólicas consideracións identitarias. Con todo, a sociedade catalá malamente vai renunciar a poñer en claro que son unha nación, con símbolos, dereitos históricos e unha lingua de seu e, xa que estamos en onda libertaria, é bo lembrar o lema dun fachendoso cartel da CNT-AIT: «Somos e seremos o que queiramos e non o que outros queiran que sexamos.» Este é o espírito que anima o sentir do catalanismo na actualidade e desde esa consciencia autodeterminada se enfrontarán a sentenza do TC.

Unha mala noticia do Constitucional creará un grave problema ao PSC e a Montilla que non poden aceptar mansamente unha decisión que engorda as expectativas electorais de CiU permitíndolle abandeirar a revolta identitaria e erixirse en defensor da integridade do texto do Estatut. A sentenza é tamén un incómodo aguillón para ERC que se distanciou do texto (polas súas eivas en termos soberanistas) e que tentará aproveitar a aldraxante decisión dun moroso Tribunal para dar novos pasos cara á independencia de Cataluña.


De producirse só un rebaixamento mol das referencias identitarias do Estatut, o manual de estratexias permitiría unha distribucións de papeis menos explosiva, máis previsíbel, menos desequilibrante: pragmatismo acomodado para quen lidera o Govern (PSC), apelación soberanista supeditada ao uso pragmático dos novos recursos (ERC); e vindicación identitaria para CiU. Iniciativa podería optar por un virtuoso punto de equilibrio entre PSC e ERC, e o Partido Popular pode despedirse en Cataluña de maiores beneficios debido ao seu papel como gardián dos valores da vella España.


Pero será mellor que os estrategos descarten esa improbábel escenografía e acepten que será misión imposíbel, en nome do pragmatismo e do seny, convencer a ninguén de que o texto estatutario, fanado pola doutrina xacobino-constitucionalista do Tribunal, se axusta á máxima gatopardiana de cambiar algo para que todo siga igual. Poucos aceptarán que Cataluña sexa na práctica unha nación cando o que está en discusión é o seu recoñecemento legal como nación.


A sentenza será lida como (o que é:) unha declaración de guerra por un importantísimo sector da cidadanía de Cataluña xa que na mesma tirada nega unha evidencia política –a normalidade dos símbolos da nación catalá e a súa lexitimidade histórica– e desprézanse decisións libre e democraticamente adoptadas polas institucións e os cidadáns cataláns.


En 2010 celebrarase un referendo para decidir a independencia de Escocia; coa graciosa contribución do Constitucional e a pouco que se se sigan facendo mal as cousas, moitos cidadáns cataláns, convocados ese mesmo ano ás urnas, farán doutro xeito o mesmo: votar por aquelas formacións que abran soberanamente a porta a se gobernar libremente á marxe dunha Constitución trastempada, dos partidos que a divinizan e do capricho dun Tribunal que só serve para negar o futuro de Cataluña como nación no Estado español e en Europa. En Ferraz e en Génova aínda haberá quen crea que máis se perdeu en Cuba.

1 comentário:

duar disse...

Eu que vou a cotio a madrí, xente de todas as ideoloxías, sempre din a culpa as teñen as autonomías.sempre din ten que vir alguén que ramate con ilas. Incríble, o fascismo emerxe, cat e cav poderán fuxir, e nós?.haberá solución para nos? Ten que haber unha respostas democrática=nacionalista=galeguista. Non só pola nosa cultura senón pola LIBERDADE, saudos e parabéns