Mostrar mensagens com a etiqueta Cataluña. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Cataluña. Mostrar todas as mensagens

27/11/2009

Dignidade e xornais

Vitor Hugo definiu a prensa como «o dedo indicador» dun país. Onte, en todos os quioscos cataláns, o dedo sinalaba unha única dirección: a defensa da dignidade e dos dereitos políticos de Cataluña. Sen medias palabras:
Non estamos ante unha sociedade débil, prostrada e disposta a asistir impasíbel ao abaixamento da súa dignidade. [...] Ninguén que coñeza Cataluña porá en dúbida que o recoñecemento da identidade, a mellora do autogoberno, a obtención dun financiamento xusto e un salto cualitativo na xestión das infraestruturas son e seguirán sendo reclamacións tenazmente expostas cun amplísimo apoio político e social. Se é necesario, a solidariedade catalá volverá articular a lexítima resposta dunha sociedade responsable.

A reacción de El Mundo fronte á iniciativa dos xornais de Cataluña é sobradamente ilustrativa daqueles que cren que só existe un espazo de decisión política real (a do Estado), unha única canle para representar intereses cidadáns ou políticos (os partidos), un xeito de xestionar a cousa pública (o bipartidismo) e unha norma pechada, inmóbil, para determinar o que é lexítimo, procedente, obrigatorio, xusto, necesario e deber de salvación (A Constitución de 1978).

En termos informativos, políticos e empresariais, P.J. Ramírez está (xenerosamente) disposto a aceptar a confrontación de intereses e proxectos co Grupo PRISA, pero resúltalle intolerábel a aparición de ningún outro axente mediático que intente intervir de xeito decisivo na conformación da opinión pública, sinalar outra axenda e incentivar calquera outro debate.


É innegábel que o bipartidismo aleita unha sorte de solidariedade antagonista, necesítase do outro axente contraditor para ser un mesmo, para que se valoricen as accións propias, para converterse nun instrumento fundamental do sistema de poder. A irrupción como unha única soa voz dos xornais cataláns obriga por iso a P.J. Ramírez a afirmar a norma básica da democracia bipartidista: na repartición de poderes e influencias non hai lugar para un terceiro convidado.
Aos demais, fóra dos dous grandes, quédalle a política banal e os poderes de tramoia e cartón pedra.

A dereita mediática, como a dereita política, xudicial, económica, cre que Cataluña (e aos seus medios de comunicación) unicamente está capacitada para ser protagonista de políticas sen consecuencias, para ser actor trivial nun xogo que Laureano X. Vidal, un arroutado dirixente do PRI, definiu con brutal clareza: «A política é deixar que a xente loite para quedarse como estaba.» Cataluña pode pelexar polo que queira pero vai quedarse tal como estaba.


Vidal tamén deixou este outro luminoso aforismo: «Un louco secuéstrate para curar dunhas feridas inexistentes. Boa definición da política, non si?» O Tribunal Constitucional, P.J. Ramírez, o seu odiado/amado Mariano Rajoy e todos os partidarios do inmobilismo constitucional están decididos a curar a Cataluña das feridas imaxinarias que parece ser que lle produciu o Estatut. Eles son os vixiantes das nosas (inconscientes) liberdades.

23/11/2009

Declaración de guerra

É imposíbel que as forzas políticas catalás dixestionen resignadamente unha sentenza do Tribunal Constitucional que desarbora o Estatut que foi aprobado polo Parlament e polos cidadás en referendo. Se na sentenza se impón o actual estado de opinión do Tribunal, desaparecerá o termo «nación» do preámbulo, finiquitaranse as referencias aos símbolos e dereitos nacionais, e cancelarase a obrigación de coñecer a lingua catalá. O cadro de novas competencias semella que non padecerá maiores chapodas e o vantaxoso sistema de financiamento non sufrirá ningunha creba.

A previsíbel sentenza non poderá ser cualificada como salomónica pero, de certo, adubarase cunha abondosa dose de ambigüidade para facela máis dixeríbel pola opinión pública catalá. A sentenza sobreentendida dirá, máis ou menos, que Cataluña é, na práctica, unha nación cun sistema de financiamento e un marco competencial que supera en moito as normas dos autogobernos máis avanzados de calquera Estado federal. En poucas palabras, Cataluña é unha nación pero non se pode dicir que é unha nación.

En 1923, o afoutado anarcosindicalista José Peiró preguntábase na Revista España: «Queredes saber en que consiste o catalanismo?» e contestábase cheo de razón: «En pesetas, en pesetas e en pesetas.» Quen aínda crea certa esta versión monetarista do catalanismo poderá confiar en que o capítulo de competencias e financiamento pesará na consideración da opinión pública catalanista máis que as vagas e simbólicas consideracións identitarias. Con todo, a sociedade catalá malamente vai renunciar a poñer en claro que son unha nación, con símbolos, dereitos históricos e unha lingua de seu e, xa que estamos en onda libertaria, é bo lembrar o lema dun fachendoso cartel da CNT-AIT: «Somos e seremos o que queiramos e non o que outros queiran que sexamos.» Este é o espírito que anima o sentir do catalanismo na actualidade e desde esa consciencia autodeterminada se enfrontarán a sentenza do TC.

Unha mala noticia do Constitucional creará un grave problema ao PSC e a Montilla que non poden aceptar mansamente unha decisión que engorda as expectativas electorais de CiU permitíndolle abandeirar a revolta identitaria e erixirse en defensor da integridade do texto do Estatut. A sentenza é tamén un incómodo aguillón para ERC que se distanciou do texto (polas súas eivas en termos soberanistas) e que tentará aproveitar a aldraxante decisión dun moroso Tribunal para dar novos pasos cara á independencia de Cataluña.


De producirse só un rebaixamento mol das referencias identitarias do Estatut, o manual de estratexias permitiría unha distribucións de papeis menos explosiva, máis previsíbel, menos desequilibrante: pragmatismo acomodado para quen lidera o Govern (PSC), apelación soberanista supeditada ao uso pragmático dos novos recursos (ERC); e vindicación identitaria para CiU. Iniciativa podería optar por un virtuoso punto de equilibrio entre PSC e ERC, e o Partido Popular pode despedirse en Cataluña de maiores beneficios debido ao seu papel como gardián dos valores da vella España.


Pero será mellor que os estrategos descarten esa improbábel escenografía e acepten que será misión imposíbel, en nome do pragmatismo e do seny, convencer a ninguén de que o texto estatutario, fanado pola doutrina xacobino-constitucionalista do Tribunal, se axusta á máxima gatopardiana de cambiar algo para que todo siga igual. Poucos aceptarán que Cataluña sexa na práctica unha nación cando o que está en discusión é o seu recoñecemento legal como nación.


A sentenza será lida como (o que é:) unha declaración de guerra por un importantísimo sector da cidadanía de Cataluña xa que na mesma tirada nega unha evidencia política –a normalidade dos símbolos da nación catalá e a súa lexitimidade histórica– e desprézanse decisións libre e democraticamente adoptadas polas institucións e os cidadáns cataláns.


En 2010 celebrarase un referendo para decidir a independencia de Escocia; coa graciosa contribución do Constitucional e a pouco que se se sigan facendo mal as cousas, moitos cidadáns cataláns, convocados ese mesmo ano ás urnas, farán doutro xeito o mesmo: votar por aquelas formacións que abran soberanamente a porta a se gobernar libremente á marxe dunha Constitución trastempada, dos partidos que a divinizan e do capricho dun Tribunal que só serve para negar o futuro de Cataluña como nación no Estado español e en Europa. En Ferraz e en Génova aínda haberá quen crea que máis se perdeu en Cuba.