Mostrar mensagens com a etiqueta PSOE. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta PSOE. Mostrar todas as mensagens

21/12/2009

Pato coxo na Moncloa?

Cando as cousas van mal sempre pode xurdir unha incómoda especulación que complica aínda máis a situación. Rodríguez Zapatero sabe ben o que é iso; na pasada semana tivo que xestionar un insolente ruxerruxe que nos anticipou que está valorando seriamente se será candidato á presidencia do goberno en 2012 (ou cando toque segundo o almanaque electoral que sexa máis propicio).

A día de hoxe, o «efecto ZP» é un retallo de gloria que unicamente reina nas hemerotecas, o líder do PSOE rexistra as súas menores cotas de popularidade e asina poucos éxitos que compensen o devalar da credibilidade da súa acción de goberno. Se a especulación ten unha mínima base real, á súa declinante saúde política hai que engadir un novo síntoma desesperanzador: o esgotamento do seu optimismo antropolóxico. Anuncio pésimo de maiores desfeitas.


Cando a negrura da crise económica semella que aínda se vai espesar máis, cos biorritmos electorais do PSOE procurando os seus mínimos vitais e co inimigo encoraxado ás portas da Moncloa, que Zapatero, a súa contorna política e familiar ou os seus detractores no PSOE comecen a remoer sobre a idoneidade dunha prudente retirada é o sinal que a algúns lle faltaba para certificar a inevitabilidade de vindeiros triunfos do Partido Popular.


A Rajoy a retirada especulativa sábelle a vitoria, non sen razón dixo Henrik Ibsen que «se dubidas de ti mesmo estás vencido de antemán». A imaxe dun presidente semicesante, en fase terminal de goberno, un «pato coxo» na nomenclatura política norteamericana, é o mellor agasallo de Nadal que podía esperar a dirección catastrofista do PP que con el recibe novos azos para seguir na teima de culpar a Zapatero de todos os males da humanidade, sabedores de que noquear a Zapatero é o mesmo que finiquitar ao PSOE.

O anuncio sabatino e solemne de que José Luis Rodríguez Zapatero non tomará unha decisión sobre o seu futuro até 2011 non impide que a imaxe de provisionalidade o acompañe en momentos políticos que lle esixen firmeza e non reflexivas dúbidas. Antes ou máis tarde debate sucesorio estará na axenda do PSOE, algo impensábel hai un ano. Nada impedirá que 2010 inaugure un interregno.

A coxeira do presidente vale para confirmar a súa soidade, o alcance dos abandonos dalgún fieis ministros, as incomodidades debidas ás presións dos filipistas, os desamores doutrora poderosos amigos mediáticos e, sobre todo, que nos próximos tempos unha boa parte dos esforzos do PSOE se destinarán á procura dun eventual substituto. Enerxías e vigores distraídos que mellor estarían empregados na procura de políticas factíbeis para recuperar crédito entre a crecente masa da esquerda abstencionista.


O debate sucesorio, sexa de baixa ou de alta intensidade pouco importará, vaise ordenar atendendo a un sabido comportamento pendular. O candidato ideal será quen máis se afaste e diferencie politicamente de Rodríguez Zapatero. O péndulo anuncia así a cancelación do largocaballerismo, da vocación federalista forte e da avogosa política de valores que, ollando á esquerda, que o PSOE propagandeou (con máis palabras que feitos) nos últimos anos.


Volverá á circulación, como programa de salvación electoral, o conformismo socialiberal, o entendemento cordial cos grandes poderes económicos (de onte, de hoxe e de mañá), o afastamento preventivo das organización sindicais, a volta ao rego da moderación discursiva, e a re-españolización e re-centralización como salvagarda do Estado. Bono pode comezar a soñar novamente con glorias maiores.

12/12/2009

De zombis e outras agonías

Despois de todo o que lle caeu enriba ao PP, calquera outro partido estaría politicamente morto. No Comité Executivo do 3 de novembro, Rajoy tirou das sondaxes e das boas perspectivas electorais para dar vida a un partido suicidado polas retesías internas e rotundamente desacreditado pola couza da corrupción.

Rajoy recorreu ás artes do vudú demoscópico para termar do Partido Popular como un auténtico morto vivente. No seu responso, o presidente do Partido Popular afirmou que «a pesar dos moitos pesares, estamos claramente por enriba do PSOE [...] Somos o partido con máis intención de voto de toda España...»

A pesar dos seus moitos pesares, o PP comportábase como un partido zombi capaz de manter a súa escalada electoral sen encaixar custes polas trangalladas de Gürtel, as desobediencias dos seus baróns ou a guerra intestina polo control de Caja Madrid. Mesmo reducido ás súas funcións básicas ­–erosionar ao goberno do PSOE e liderar todos os malestares, imaxinarios e reais–, o PP mantiña o seu avance triunfal cara á Moncloa.

Daquela os expertos fixeron saber que os efectos da corrupción política sobre os apoios electorais dos partidos afectados adoitan ser retardados e indirectos, os descontos son ao medio prazo e confírmanse como fugas á abstención e non como transferencia de lealdade cara outras opcións. Con todo, algunhas sondaxes evidencian xa a perda de folgos do PP, a última de Público rexistra o desbaldo da avantaxe (que foi de cinco puntos) que o Partido Popular lle ganaba ao PSOE en outubro.

De confirmase esta tendencia, o balance de forzas retornará á situación de empate técnico do verán. En Ferraz estarán máis tranquilos pero non hai motivos para alegrías: o voto declarado ao PSOE está entalado e non hai garantías de que a xestión gobernamental se traduza en medras electorais inmediatas.

O paquete de medidas anticrise de Zapatero-Salgado non é quen de reverter a recuada económica; amais o goberno encara os asuntos críticos con graves erros de coordinación e falta de resolución (Alakrana, caso Haidar...), a súa iniciativa cedeu ao esperar e ver (Estatut...), cada nova medida estrela (Reforma fiscal, Lei de Economía Sustentábel...) tórnase nun «quero e non podo»; e a política de valores e novos dereitos (Lei do aborto...) distrae e só vale para evidenciar o oportunismo fundamentalista do PP.

A ala optimista do PSOE confía no «semestre europeo» e engordar o currículo de Zapatero como estadista internacional. É improbábel que a «presidencia española» poida exercerse de xeito caseiro; isto é, priorizando políticas que reporten beneficios domésticos sensíbeis no Reino de España; Francia, Italia e Alemaña non están por consentir políticas de favor, as súas prioridades son outras. A agonía do PSOE avivécese pero non só por perder posicións diante do Partido Popular, senón por fracasar respecto do segundo partido máis importante na esquerda: o Partido da Abstención. O continxente progresista que recunca no abandono electoral non mingua.

É por iso que a ala pesimista remoe teimosamente en que a única estratexia para gañar pasa por poñer aos abstencionistas de esquerda ao bordo do abismo: facer coincidir eleccións xerais, municipais e autonómicas en 2011, unha aposta de todo ou nada.
Será máis que unha confrontación electoral, elixirase entre cambio ou continuidade no réxime de gobernabilidade do Estado: na mesma tirada decidiríase o poder local, autonómico e estatal.

Unha aposta forte que os estrategos do bordo do abismo consideran imprescindíbel para sacar aos abstencionistas de casa e explotar o voto útil tirando do medo como seu principal catalizador. No laboratorio de estratexias lémbranlles que os experimentos é mellor
facelos con gasosas. Eles retrucan, non sen razón, que levan noves meses experimentando con gasosas e que non queda outra: gañalo ou perdelo todo. Os abstencionistas que elixan e, despois, rían ou choren.


23/11/2009

Declaración de guerra

É imposíbel que as forzas políticas catalás dixestionen resignadamente unha sentenza do Tribunal Constitucional que desarbora o Estatut que foi aprobado polo Parlament e polos cidadás en referendo. Se na sentenza se impón o actual estado de opinión do Tribunal, desaparecerá o termo «nación» do preámbulo, finiquitaranse as referencias aos símbolos e dereitos nacionais, e cancelarase a obrigación de coñecer a lingua catalá. O cadro de novas competencias semella que non padecerá maiores chapodas e o vantaxoso sistema de financiamento non sufrirá ningunha creba.

A previsíbel sentenza non poderá ser cualificada como salomónica pero, de certo, adubarase cunha abondosa dose de ambigüidade para facela máis dixeríbel pola opinión pública catalá. A sentenza sobreentendida dirá, máis ou menos, que Cataluña é, na práctica, unha nación cun sistema de financiamento e un marco competencial que supera en moito as normas dos autogobernos máis avanzados de calquera Estado federal. En poucas palabras, Cataluña é unha nación pero non se pode dicir que é unha nación.

En 1923, o afoutado anarcosindicalista José Peiró preguntábase na Revista España: «Queredes saber en que consiste o catalanismo?» e contestábase cheo de razón: «En pesetas, en pesetas e en pesetas.» Quen aínda crea certa esta versión monetarista do catalanismo poderá confiar en que o capítulo de competencias e financiamento pesará na consideración da opinión pública catalanista máis que as vagas e simbólicas consideracións identitarias. Con todo, a sociedade catalá malamente vai renunciar a poñer en claro que son unha nación, con símbolos, dereitos históricos e unha lingua de seu e, xa que estamos en onda libertaria, é bo lembrar o lema dun fachendoso cartel da CNT-AIT: «Somos e seremos o que queiramos e non o que outros queiran que sexamos.» Este é o espírito que anima o sentir do catalanismo na actualidade e desde esa consciencia autodeterminada se enfrontarán a sentenza do TC.

Unha mala noticia do Constitucional creará un grave problema ao PSC e a Montilla que non poden aceptar mansamente unha decisión que engorda as expectativas electorais de CiU permitíndolle abandeirar a revolta identitaria e erixirse en defensor da integridade do texto do Estatut. A sentenza é tamén un incómodo aguillón para ERC que se distanciou do texto (polas súas eivas en termos soberanistas) e que tentará aproveitar a aldraxante decisión dun moroso Tribunal para dar novos pasos cara á independencia de Cataluña.


De producirse só un rebaixamento mol das referencias identitarias do Estatut, o manual de estratexias permitiría unha distribucións de papeis menos explosiva, máis previsíbel, menos desequilibrante: pragmatismo acomodado para quen lidera o Govern (PSC), apelación soberanista supeditada ao uso pragmático dos novos recursos (ERC); e vindicación identitaria para CiU. Iniciativa podería optar por un virtuoso punto de equilibrio entre PSC e ERC, e o Partido Popular pode despedirse en Cataluña de maiores beneficios debido ao seu papel como gardián dos valores da vella España.


Pero será mellor que os estrategos descarten esa improbábel escenografía e acepten que será misión imposíbel, en nome do pragmatismo e do seny, convencer a ninguén de que o texto estatutario, fanado pola doutrina xacobino-constitucionalista do Tribunal, se axusta á máxima gatopardiana de cambiar algo para que todo siga igual. Poucos aceptarán que Cataluña sexa na práctica unha nación cando o que está en discusión é o seu recoñecemento legal como nación.


A sentenza será lida como (o que é:) unha declaración de guerra por un importantísimo sector da cidadanía de Cataluña xa que na mesma tirada nega unha evidencia política –a normalidade dos símbolos da nación catalá e a súa lexitimidade histórica– e desprézanse decisións libre e democraticamente adoptadas polas institucións e os cidadáns cataláns.


En 2010 celebrarase un referendo para decidir a independencia de Escocia; coa graciosa contribución do Constitucional e a pouco que se se sigan facendo mal as cousas, moitos cidadáns cataláns, convocados ese mesmo ano ás urnas, farán doutro xeito o mesmo: votar por aquelas formacións que abran soberanamente a porta a se gobernar libremente á marxe dunha Constitución trastempada, dos partidos que a divinizan e do capricho dun Tribunal que só serve para negar o futuro de Cataluña como nación no Estado español e en Europa. En Ferraz e en Génova aínda haberá quen crea que máis se perdeu en Cuba.

06/11/2009

Negociar co medo

O Alakrana foi secuestrado a comezos de outubro. A situación dos mariñeiros detidos deu nas últimas horas un xiro inesperadamente dramático. A estas alturas ninguén sabe se estamos en defcon 2 ou defcon 1 pero a situación pinta moi fea e paira sobre os tripulantes do atuneiro unha ameaza de morte.

Ante unha malfadada crise de reféns, o goberno do Estado non parece ter estado moi feliz nas estratexias seguidas, nin nas diplomáticas, nin nas militares, nin nas informativas. Para nada axudaron tampouco as luminosas ocorrencias da maxistratura, nin o sempre pulcro traballo de oposición do Partido Popular que, por boca de Soraya Sainz de Santamaría, parece decidido a facerse cun lugar destacado na historia universal da infamia.


Como eran poucos a fozar sen proveito no asunto, o noso eficaz presidente Núñez Feijóo decidiu sacar peito e tomou unha primeira decisión para blindar a súa imaxe –suspender unha viaxe promocional a Florida–, aínda que di que só o move o seu desexo de estar a carón das familias dos 8 mariñeiros galegos. E unha segunda para reclamar protagonismo: esixe que un representante da Xunta se sente no comité de crise.


Segundo Feijóo: «Non é posíbel exercer o autogoberno nunha comunidade cando hai galegos implicados e non ter información de primeira man». O presidente argumenta: «Temos dereito a dar a nosa opinión e a informar aos galegos.» De la Vega xa dixo que se estudará a petición.


O noso presidente xa quedou como un rei, arroupado por unha postura sensata. Moito mellor quedaría se a defendese hai un mes con igual ardor mediático e con maior convicción política; agora chega moi desvalorizada e ten fasquía de ser unha posturita. O presidente pérdese en posados e marra nos tempos de reacción.


Compárese co que fai Pachi López. Curto e pego de El País: «O lehendakari pediu onte ás autoridades xudiciais que estuden a posibilidade de devolver aos piratas encarcerados en España ao seu país ou a outro da zona, como Quenia, "para que sexan xulgados alí". Tras reunirse coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, o presidente vasco asegurou que o traslado podería facerse "dentro da máis absoluta legalidade"». Uns buscan solucións; outros, que buscan?


As negociacións para a liberación da tripulación do
Alakrana comezaron en Quenia hai uns días. Os expertos din que, en situacións así, as familias pensan co corazón e os secuestradores co peto. De actuar con fría e estrita racionalidade, os piratas poden amagar o que queiran pero sería absolutamente prexudicial facer mal ningún aos mariñeiros; nada gañarían e perderíano todo: non lograrían o diñeiro do rescate, nin a liberación dos seus, serían obxecto dunha acción militar de represalia e darían azos ás políticas de tolerancia cero coas súas actividades por parte dos estados veciños cos que, a día de hoxe, se contrabandean complicidades.

Todo indica que os secuestradores provocan esta escalada de tensión para forzar unha resolución máis rápida e máis rendíbel. A súa estratexia pasaría por avivecer os terrores das familias como un elemento desequilibrante e multiplicar, co estado de alarma, a presión sobre as autoridades para lograr a liberación dos piratas detidos e para afrouxar máis a bolsa. O manual de racionalidade indica que esta sería a conduta que máis os beneficia pero a marxe para a irracionalidade é, con todo, inmenso.

É máis doado saber como poden pensar os piratas que saber como pensa saír desta o goberno. Tamén é ben dificultoso determinar se o Partido Popular pensa, ou se pensa unicamente en que, con tal de erosionar ao PSOE, todo vale. O goberno á parte de gobernar esta difícil situación, debe tamén render contas e informar con transparencia. A oposición... Nada, mellor imos deixalo.


A falta de entendemento de goberno e oposición indican unha cativeza de miras políticas que provoca pavor e tristeza e fannos acredores das palabras que Eça de Queirós dedicou ao seu país:
Em Portugal não há ciência de governar nem há ciência de organizar oposição. Falta igualmente a aptidão, e o engenho, e o bom senso, e a moralidade, nestes dois factos que constituem o movimento político das nações.
Chegado a este punto, un só confía en que o armador, co mellor dos sentidos, puxera o asunto en mans de negociadores profesionais que estean a facer caladamente o seu delicado traballo de mediación, sen ningún outro interese que a rápida liberación dos mariñeiros secuestrado e o seu feliz retorno cos seus.

13/10/2009

Descrédito partidario

Co inicio do outono comezan a chegar as primeiras sondaxes sobre a temperatura política do Estado. O cadro de tendencias non mudaron substancialmente respecto das enquisas da primavera: os apoios do PSOE seguen recuando e o sorpasso do Partido Popular parece ser confirmado; a popularidade de Rodríguez Zapatero cae como un peso morto; as súas políticas económicas carecen de engado entre os cidadáns e engordan a abstención con votantes progresistas. Os indicadores do Barómetro do CIS de setembro empeoran drasticamente cando se valora o momento político e económico. Case o 71% dos entrevistados cren que a situación económica do país é «mala» ou «moi mala», dato que desmellora o de hai dous meses, cando o 65,2 por cento opinaba así. Un 12% dos enquisados consideran xa á clase política e aos partidos como o principal problema do Estado, tras o desemprego, a crise económica, o terrorismo e a inmigración e seguido, a moi curta distancia, pola inseguridade cidadá. Unha inestábel polvoreira.


A falta de capacidade para enfrontar a crise económica con medidas eficaces é o factor fundamental dos descontos electorais do PSOE. As catas demoscópicas son anteriores ás revelacións do caso Gürtel pero as corruptelas e indicios de corrupcións maiores fan perder ao Partido Popular aproximadamente un 5 por cento dos seus apoios. É previsíbel que, aínda que con demora, os conservadores padezan maiores descontos electorais en posteriores sondaxes. A negativa de Ric Costa a exercer como comedor dos pecados (propios e alleos) agranda a fondura da crise do Partido Popular. O pasado martes e 13 será difícil de esquecer na rúa Génova. Agárdase de Rajoy un exercicio de autoridade. Canto máis tarde, peor será para o seu futuro político.

Por unhas razóns, ou por outras, a lexitimidade e o crédito cidadán de PP e PSOE sofren un acusado devalo pero, de momento, iso non se traduce nas enquisas nun aumento de audiencia doutras ofertas partidarias. Nunhas vindeiras eleccións, UPyD posibelmente confirme a súa condición de terceira forza política no Estado, por diante de Izquierda Unida, pero aínda está moi lonxe de ser unha ameaza para conservadores e socialistas. O entalamento electoral de CiU, PNV, mais tamén do BNG, e o retroceso de ERC, descartan significativas transferencias de lealdades en Cataluña, Euscadi e Galiza.

Todo empeora pero pouco cambia na cartografía electoral. Neste estado de cousas, a solución de goberno segue sendo, malfadadamente, cousa de dous partidos que referencian os dous grandes espazos políticos tradicionais dos socialdemócratas e dos conservadores. Un bipartidismo, de minguante crédito, hexemoniza o sistema de participación política; aínda así, multiplícanse os indicios de que a crise política será de tanto calado como a depresión económica e que todo conduce cara a unha segunda transición da que sairá unha nova ordenación de poderes e un novo estado de partidos.

En 2006, Ralph Dahrendorf, ante o xermolar de liderados populistas, reflexionaba sobre a crise dos partidos tradicionais e concluía que necesitaban «con urxencia recuperar o apoio dos cidadáns» e que para iso «necesitan claridade programática, honestidade organizativa e unha boa comprensión das inquietudes dunhas sociedades que perderon as súas estruturas tradicionais».

É improbábel que PP e PSOE decidan un cese temporeiro de hostilidades e acorden apuntalar o actual sistema de representación de intereses e mellorar a calidade das súas solucións á crise política e económicas investindo na eficacia dos seus programas, na transparencia das súas organizacións e decisións, e nunha coidada atención das demandas e desexos dos cidadáns. Deberían ter presente que con esta axenda quen teña coraxe, terá vantaxe. Indolentes, mellor absterse.

Disparando aos reloxos # 17

12/10/2009

Unha política máis esixente


12-O, un día revirado para José Luís Rodríguez Zapatero. No desfile rigorosos apupos, no pequeno almorzo unha desesperanzadora sondaxe de El Público. Unha folla do almanaque para arrincar antes de que remate o día. O resumo do inquérito é esmagador: os conservadores conseguen unha avantaxe de 5 puntos na estimación de voto (PP: 43%, PSOE 38%), a valoración de Rodríguez Zapatero esbarróase, o PSOE perde 2,5 millóns de votos (5,6 puntos menos que en 2008) e as fugas de votos socialistas camiñan en todas as direccións (PP, IU, UPyD), Rajoy obtén mellor valoración que Zapatero en Andalucía, o rexeitamento do Partido Popular redúcese en todo o Estado, as preferencias dos electores máis novos asinan un empate... Anuncio de desastres maiores.


O factor de desconto electoral fundamental do PSOE son as súas políticas económicas. O Partido Popular perde apoios pola multiplicación dos casos de corrupción pero a trabada é moito menor. A enquisa é anterior a primeira gran traca do gürtelazo, haberá que agardar para contabilizar os seus efectos, pero a orballada previa de corrupcións corruptelas fai perder ao Partido Popular (tan só) o 6% dos votos. O acantoamento dos votantes socialistas na abstención como consecuencia do desencanto do programa económico é o que engorda o saldo positivo do Partido de Gürtel.


Na súa análise, José Luís de Zarraga, faise a pregunta de todas as preguntas: É posíbel que a corrupción non afecte ao voto do PP? A súa resposta:
Aínda que na conxuntura pola que está a pasar o Goberno non se note, o PP está a perder votos por mor da corrupción, aínda que por agora en moita menor proporción que os perdeu fai 15 anos o PSOE.

Hai que advertir, con todo, que o efecto dos escándalos de corrupción política sobre o voto aos partidos afectados como proban as experiencias anteriores en España é retardado e indirecto. É retardado sempre porque as imaxes dos partidos e a adhesión afectiva dos seus votantes que son factores moi determinantes do voto cambian lentamente. A corrupción produce unha deterioración segura da imaxe do partido e debilita a disposición a votarlle. Pasa factura sempre, pero esta adoita abonarse a medio prazo.


Por outra banda, o efecto electoral desa deterioración adoita ser indirecto, porque máis que a cambiar o voto induce á abstención. É certo que nos partidos principais hai un núcleo maioritario de votantes que se identifican con eles e vótanlles en calquera circunstancia aínda que sexa a desgusto, pero con eses votos sostense o solo electoral do partido, non se gañan as eleccións.
Estas contas explican a estratexia da indiferenza de Mariano Rajoy; a pegada negativa chegará pero, segundo os seus cálculos, farase notar nos minutos de lixo cando o partido electoral estea xa decidido. Non é difícil prever as liñas grosas da súa estratexia, aguantar e tirar para adiante, intensificar o acoso ao goberno a través da presión mediática e de accións de barra brava no Parlamento, coordinar coas megacorporacións (CEOE, CECA...) a fronte de rexeitamento das políticas sociais e laborais do Goberno, e manter na rúa unha guerra de baixa intensidade ao abeiro do malestar xerado pola recuada económica como parte das manobras de contención dos electores progresistas na abstención xa que desargumentadas as posicións de esquerda ninguén vai dar a cara nos bares por un goberno indeciso, desnortado e cun líder que perde vagarosamente forza.

Se os estrategos de Génova non fallan, Zapatero seguirá caendo como un peso morto, será incapaz de aprobar os orzamento de 2011 (por abandono dos seus actuais socios parlamentarios que non van querer pagar a factura electoral do seu seguidismo) e non quedará outra que convocar elección xerais coincidindo coas eleccións municipais. Unha convocatoria de todo ou nada. É entendíbel que Ferraz non queira pensar en semellante cita e de aí que se confíe cegamente en que Gürtel crebe o espiñazo do Partido Popular e xubile anticipadamente a Mariano Rajoy. Unicamente iso adiantaría os efectos electorais negativos, forzaría unha crise de sucesión no Partido Popular e deixaría ao PSOE como única alternativa de goberno.


Lajos Kossuth, o líder da revolución húngara de 1848, dicía que a política é a ciencia das esixencias, non lle faltaba razón; por iso os electores vanlle esixir ao PSOE moito máis que unha desesperada política-do-mal-menor, canto máis tarden en transformar a súa estratexia de medo á dereita nunha política de confianza na esquerda máis peor lles vai ir. Faríanse un ben se deixasen de pensar no afundimento apocalíptico da Casa Gürtel e comezasen a traballar nunha nova estratexia coa que recuperar algo de engado cidadán. Unha estratexia de cambios sociais, económicos e político esixentes e de calidade, sen enxeñosas improvisacións, xestos baldeiros e paus de cego.

30/09/2009

Colesterol

Se non fose pola metaforación o noso entendemento do mundo avanzaría morosamente. Metáforas, alusións, alegorías, analoxías, tropos e símbolos compoñen unha fermosa caixa de ferramentas para a comprensión das realidades que nos cercan. Aristóteles, que xa lle deu unha pensada ao tema, concluíu que a capacidade de xerar metáforas nos descubría o poder da mente sobre a posibilidade das cousas.

Confeso que sobre metaforación eu apenas lles sabía nada, débolle a José Blanco o estímulo do meu interese e a un traballo de Jenny Moix Queraltó os saberes que aquí transcribo. Descoñecía, por exemplo, que actualmente en Grecia lle chaman metáfora ao autobús que transporta os viaxeiros do avión á terminal do aeroporto. O ministro de Fomento, como é competencia do seu ramo, de certo que si o sabía e por iso no seu artigo paisano agasallounos cunha cegadora metáfora: «Hai que renovar os alicerces sobre os que se sustenta o noso crecemento. Herdamos unha economía con aparencia saudábel, pero que tiña un colesterol moi alto».


Os meus altísimos (e case suicidas) rexistros de colesterol fanme máis (irresponsabelmente) sabido nesta materia. A estratexia de contención do colesterol está delimitada pola dieta mediterránea, Zarator 40, beber abondosa auga, e Danacol. A primeira para atacar de raíz o problema; o segundo para reducilo a unhas dimensións manexábeis; o terceiro para adelgazar os apetitos; e o último, fundamentalmente, para distraerse até que estudos clínicos independentes (e non comerciais) demostren a súa salvífica eficacia.

Segundo Blanco, o colesterol da nosa economía é «o excesivo peso da construción residencial». Para combater os seus efectos danosos, a botica económica ofrece I+D+i, mellora nas formacións profesionais e universitaria e TIC para atacar o problema de fondo; obra pública para reducir a zona cero do crash do ladrillo a unhas dimensións razoábeis; estímulo do emprendemento en sectores alternativos (servizos ás persoas, melloras da habitabilidade e medio ambiente, enerxías renovábeis...) para atraer apetitos investidores; e a lectura dos artigos de José Blanco e dos propagandistas da Vicepresidencia Segunda para distraer os nosos leceres.

Tras a marrada reforma fiscal de Robín Hood, tócalle a quenda este novo salto ao baleiro. Persístese no erro: para facer as políticas dos outros (liberais ou tecnoconservadores) os electores prefiren aos outros. Se teñen dúbidas en Ferraz que reparen no infortunio dos curmáns alemáns e nos apuros dos veciños peninsulares. O adianto dos orzamentos do Estado consagra unha chapoda suicida do gasto en I+D+i, non introduce cambios substanciais na ordenación de prioridades con apostas innovadoras e alternativas para dar conta da estratexia de economía sustentábel da que se fai apostolado retórico e, baixo corda, segue confiando máis no cemento que no coñecemento.

Menos mal que nos quedan as metáforas de Blanco; son o noso Danacol diario, non fan ben pero distraen, até que contabilidades electorais independentes demostren o contrario.

04/09/2009

A Taxa Robín

O executivo de Rodríguez Zapatero caeu ao engado da estratexia de J. Gouncourt quen aseguraba que «un goberno sería eterno se ofrecese ao pobo, todos os dias, un fogo de artificio». Na tempada estival, e para zafar dos rigores da crise, o goberno gastou en artificios publicitarios e confiouse ao ruído mediático. O máis espectacular foi, sen dúbida, o anuncio blanquista dunha inmediata reforma fiscal destinada a gravar aos máis ricos en beneficio dos que menos teñen.

Algún espelido redactor cualificouna como a política de Robín Hood. José Blanco argumentou, na mellor tradición da socialdemocracia reformista, a necesidade dunha maior equidade e xustiza fiscal. Elena Salgado sumoulle razóns de índole contábel: a presión fiscal sobre as maiores rendas está tamén esixida polo enfraquecemento da caixa de caudais do Estado e polo compromiso reiterado de soster, sen mingua, as políticas sociais como paliativo da crise económica.

A oposición do Partido Popular á máis cativa presión fiscal forma parte do seu ADN; CiU, que nesta materia comparte código, adiantou que as mudanzas prexudicarían as clases medias. Eleváronse voces críticas a favor do alivio fiscal que nin tan sequera remitiron cando o presidente Zapatero balizou o alcance da reforma. Será un axuste temporeiro e limitado dos impostos, non se lle tocará ás rendas salariais, non se modificará nin o IRPF nin o imposto de sociedades, gravaranse tan só as grandes rendas de capital.

Onte en Público, Vicenç Navarro ilustrou as políticas de regresividade fiscal achegando algúns datos contundentes que xustifican unha reforma impositiva máis ambiciosa e equitativa:
Durante a década 1996-2006, os beneficios empresariais aumentaron un 33% na media da Unión Europea dos Quince (UE-15) e un 36% na zona euro. [...] As empresas españolas viron aumentar os seus beneficios netos un 73% (máis do dobre da media da UE-15). Este aumento das rendas de capital tivo lugar á conta das rendas do traballo. A masa salarial (que mide tales rendas) descendeu moi marcadamente, pasando de representar o 70% da renda nacional na zona euro, no ano 1992, ao 62% no ano 2005, descenso que foi, mesmo, máis acentuado en España, onde pasou de representar o 72% da renda nacional ao 61%.
Os maiores patrimonios, acubillados nas Sociedades de Investimentos de Capital Variábel, seguirán evadindo as súas contribucións a todo gasto público e tributarán un ridículo 1%. O ridículo muda en escándalo se se compara co 30% que pesa sobre as achegas das empresas, por nada dicir dese 43% que coroa aos máis gorentosos ingresos salariais ou o máis común 16-20% dos soldos acomodados.

A Vicepresidenta económica cortoulle o paso a calquera tentación de crear unha Taxa Robín que acrecente a presión fiscal sobre as tapadeiras fiscais ao estilo das SICAV. Salgado santificou que non se lles vai tocar nin un decimal xa que «o diñeiro viaxa á velocidade da luz» e non é cousa de provocar a súa fuxida masiva.


Para que non se piren aos paraísos fiscais o goberno seguirá dándoselles o abeiro das SICAV, a versión local dos paraísos fiscais que ideou o Partido Popular en 2003. Mentres o Partido Socialista non renuncie ao seu conformismo e se tome máis en serio o seu reformismo, Robín Hood terá que seguir recluído nas fonduras do bosque de Sherwood.

08/08/2009

Reforma? Revolución?

«Está xogándose un papel na historia. Se consegue endereitar o barco, será lembrado como o temoeiro das grandes reformas. Pero se non se engancha ao relanzamento, corre o risco de inmobilizar España nas lameiras dun estancamento que empardecerá tamén as luces da súa revolución social». Quen escribe é Gianni Perrelli, colaborador de L’Expresso. Grandes reformas? Revolución social? Ás veces os xornalistas gastan grandes palabras para definir realidades políticas mínimas e minimalistas. Noutrora, o propio Perrelli referiuse a España como «laboratorio social de vangarda». Hai bastante tempo que o «largocaballerismo» de Rodríguez Zapatero se diluíu en socialiberalismo.

Visto desde a Italia de Berlusconi quizais a súa política de evocacións republicanas nos poña na vangarda, mesmo é posíbel a súa evanescente xestións da continuidade podan ser exportadas como «grandes reformas» e tamén que, fronte á dereita retrógada do PP ou da CEOE, o seu cambio livián poda interpretarse como un convite á revolución social. Que o crean os italianos que len L’Expresso é unha fabulación menor de inofensivas consecuencias. Que o crean os comunicólogos da Moncloa, e o reseñen no seu boletín de prensa internacional, é un malfadado síntoma de que imos camiño de que o espellismo substitúa definitivamente o principio de realidade. Haberá que volver ler Reforma ou revolución para aclararse as ideas.

28/07/2009

Sorpasso sen sorpresa

Xullo despídese con sondaxes triunfantes e alarmantes. Entendo razoábeis as consideracións de Fermín Bouza sobre a cociña dos resultados e a sobreponderación que se fai dos apoios ao Partido Popular pero, aínda así, creo que a entrega do CIS debería servir cando menos para acender as luces de alarma no PSOE e forzar un cambio da súa estratexia política ao respecto de tres ideas fixas que, ao meu entender, pesan negativamente na súa planificación do futuro.

Unha primeira que, co paso do tempo e as eleccións europeas, xa se depreciou bastante: aínda que a Depresión 2.0 estea aleitada fundamentalmente polo fracaso das receitas neoliberais iso non se vai traducir en custes electorais do PP como alternativa grotescamente neoliberal. Os descontos electorais da crise van a cargo de quen detenta o poder económico determinante; é dicir, o goberno do Estado e o PSOE. Os autogobernos do Partido Popular por moito que se agrave a situación económica e se dispare o desemprego nas súas comunidades poderán derivar, doadamente, responsabilidades e custes cara ao goberno de España. Se a evolución da crise, como se deduce das declaracións de Elena Salgado, acaba adoptando a forma dun U cunha base dilatada no tempo e haberá que agardar até 2012 para que o nivel de riqueza será equivalente ao de 2007, a cousa pinta fea para o PSOE.


Segunda. A denuncia da corrupción e corruptelas derivadas do caso Gürtel e o seu aproveitamento político producirá réditos electorais menores para o PSOE e resulta impensábel que descualifique a Mariano Rajoy na carreira presidencial cara á Moncloa. O que faría competitivo ao PSOE neste terreo non é a denuncia da corrupción doutros partidos senón poder acreditar o seu goberno cun catálogo indiscutíbel de boas prácticas. As dimisións de Bermejo e Alberto Saiz forzadas por desmandos de «jara y sedal» afean a conduta ética dos gobernantes do PSOE e neutralizan, en parte polo procedemento infame da xeneralización abusona, as trangalladas e corrupacións maiores do partido de Rajoy e as súas alegre compañías.


Terceira. O voto do medo non é a mellor estratexia para mobilizar ao electores do morno centrismo e da esquerda volátil. A día de hoxe a xordeira e enroque do PSOE é o principal estímulo dos abstencionistas. Tampouco axuda a mellorar as cousas o limitadísimo impacto positivo que están tendo as políticas económicas do goberno no referido a paliar o desemprego entre as mulleres e a xente nova, dous dos quiñóns máis importantes das reservas electorais do PSOE.
Crer que se conseguirá a súa mobilización exclusivamente cunha política de valores resulta dunha candidez imperdoábel.

O centro de gravidade da política trasladouse cara a economía e a eficacia das solucións do goberno. A maior eficacia da realpolitik económica maior rendibilidade electoral. Non pesan as políticas de valores? Pesan pero, ao meu entender, fanno como valores de desconto; facelo ben coa política enerxética nuclear non suma pero resta se se fai mal xa que esgota o crédito verde que fronte ao PP facía máis vantaxoso ao PSOE en termos ecolóxicos.


Unha parte importante da base electoral progresista está abocada pola desmellora do seu benestar e ingresos a comportarse como homo aeconomicus e a xulgar ao goberno polo que lle pon no prato. Que o goberno se arrepuxera fronte á CEOE na mesa do diálogo social aforra unha nova fenda no descrédito pero pouco máis. E, sen paixóns mediantes, é máis que razoábel que un certo economicismo determine as preferencias electorais vindeiras, mesmo nos cidadáns máis proclives ás políticas de valores, xa que fóra do mercado laboral non hai posibilidade ningunha de garantir ás persoas nin igualdade de oportunidades, nin de resultados nin de trato, a tripla igualdade na que se asenta toda política de valores.


Sobre estas cuestións reflexiono na entrega semanal de «Disparando aos reloxos» tamén sobre o uso e importancia dos inquéritos como instrumentos de construción de opinión pública máis que como medio de representación dos pareceres maioritarios dos cidadáns comúns. Neste sentido hai poucas sentenzas sobre as estatísticas e as sondaxes que sexan tan brillantes como a de Homer Simpsom: «A xente pode vir con estadísticas para probar calquera cousa. O 14 por cento da xente sabe iso.» Nesas estamos cando finaliza xullo e lemos a explotación de datos de Sondaxe ou do CIS.


03/07/2009

Cuestións (democráticas) nucleares

Hai unhas semanas, Xurxo Pérez Pintos declaraba en ANT: «A idea de que as centrais nucleares son de dereitas ou de esquerdas paréceme unha parvada. Eu son bastante partidario da enerxía nuclear e non son de dereitas. […] Dentro do mix tecnolóxico é case imprescindíbel unha fracción nuclear. Pero como se di o veleno está na dose.» Onte o goberno acordou prorrogar a vida da central nuclear de Garoña até 2013. En Caderno de paso doulle unha reviravolta á decisión do goberno Zapatero e ao seu impacto en dúas cuestións nucleares da acción política: a confianza e a credibilidade.

Alén da crítica frontal ou aceptación mesurada da enerxía nuclear argumentadas desde a esquerda ou desde posicións liberais (pouco ou nada centristas), a decisión do goberno de Rodríguez Zapatero liquida parte (se non todo) o seu crédito verde e evidencia a fraudulenta relación que trama cos cidadáns ao redor das súas ofertas electorais. Haberá quen diga que Rodríguez Zapatero elixiu unha terceira vía entre pro-nucleares e abolicionistas; si, unha terceira vía enchoupada, como a Terceira Vía de Blair, dun cinismo acomodaticio que cancela de vez toda idea dunha visión cívica ou republicana do goberno.

15/06/2009

Partido tapón

«Desdichada cosa es caminar tan sin luz en el proceder que sean los aciertos debidos al acaso y cosa natural los yerros.» Calquera diría que Quevedo escribía pensando nos estrategos de Ferraz. Para non deixalos sós, José Montilla manifestou a Público que «os deputados do PSC serven para que non goberne Rajoy». Esta declaración deume pé para reflexionar en Disparando aos reloxos sobre a metamorfose do PSOE nun «partido tapón» que enxalza a súa utilidade como capacidade para bloquear o avance doutra forza política. Non é moi esperanzador que o programa de goberno que se non ofreza sexa «que non goberne o Partido Popular» e desacouga que o PSOE desatenda a mensaxe dunha boa parte dos abstencionistas do 7 de xuño: «Para facelo como a dereita, que goberne a dereita». É igualmente preocupante que a falta de engado e ilusión se trate de compensar coa mobilización «voto do medo» e que se crea, inxenuamente, que basta con que se enroque o Goberno para que recupere imaxe de solvencia e ampliar a súa credibilidade electoral. Malfadada cadea de falta de luces que só serve para facer inevitábel novos triunfos da dereita. Que alguén acenda o candil!

01/06/2009

Irrealpolitik

A verdade revelada polo ministro de Fomento sobre a AVE galega é unha soberbia mostra da Irrealpolitk que nos goberna. Blanco crese mesmo merecedor do aplauso cidadán por ter cancelado, na súa idea, unha fuxida cara adiante que non conducía cara a ningures. Semellaba unha rendición de contas pero non pasa de ser unha aldraxe á intelixencia. Hai a penas uns meses o propio Blanco reiteraba solemnemente o compromiso do PSOE e do goberno central coa data de chegada da AVE a Galiza en 2012.

A Irrealpolitk baséase na irresponsabilidade corporativa e na crenza de que o custe electoral das promesas incumpridas é nulo ou próximo a cero. Houbo un tempo en que se enxalzou a Realpolitik para descualificar como literatura utópica calquera vontade emancipatoria ou transformadora do noso mundo. A Realpolitik é na actualidade desprazada por unha Irrealpolitk que fai da falsidade, a fraude e a mentira medios de relación coa cidadanía. As revelacións de Blanco son a antítese da coraxe democrática e un exercicio de cinismo autoesculpatorio do que me (pre)ocupo na entrega semanal de Disparando aos reloxos.

09/04/2009

Relevos e revelacións

Tras o nomes e as primeiras explicacións, os relevos ministeriais decididos por Rodríguez Zapatero devólvenlle toda a súa actualidade á definición de política que nos deixou Groucho Marx: «A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois remedios errados.» Zapatero inclinouse por mudar o seu Vicepresidente Económico pero mantén ao fronte da área económica do seu goberno aos mesmos ministros suxerindo así que o problema non é a política senón o ritmo de aplicación que lle imprimía Pedro Solbes. Co tempo poderemos determinar se Salgado ten máis ou menos swing que Solbes pero que ninguén agarde maior coñecementos nin maior capacidade de innovación que o ministro agora cesado.

O perfil publicamente descoñecido e baixamente cualificado de Elena Salgado é emendado nas edicións de hoxe cunha solemne declaración: será Rodríguez Zapatero quen dirixa a política económica e Salgado xestionará as grandes liñas ordenadas polo presidente. Hai un proverbio nixeriano que di que «Non podes chantar un coitelo na túa propia perna e presumir diso.» Nesas anda o goberno do Estado.

Á luz das explicacións, Pedro Solbes prestará o seu derradeiro servizo a Zapatero facendo de «comedor de pecados». Onte El País serviulle tres ingratos pratos. De primeiro: era o ministro que quería ser ex-ministro o que obstaculizaba a posta en marcha das iniciativas anti-crise. De segundo: o gran enmascarador da gravidade da situación e quen nos vendeu o espellismo dunha España sen crise foi o agora cesado Solbes. De sobremesa, un sucedáneo, unicamente Solbes tomaba decisións no tocante ás políticas de reactivación económica no goberno; Corbacho, Sebastián, Álvarez, Espinosa, Garmendia e Corredor non teñen responsabilidade política corporativa neste tema. Produce arrepío ver como se escribe a historia gobernamental.


Zapatero esixe eficacia e resultados ao curto prazo. Sabe ben o que se xoga e por iso, baixo o presuposto de procurar unha maior iniciativa política, acaba de blindar o executivo con toda a plana maior do PSOE. O Presidente do partido, o seu secretario xeral e o seu vicesecretario xeral sentaranse no Consello de Ministros. Algo xa está garantido, o fracaso do goberno decapitará o partido. Poderá cambiar de persoas e de ritmos, pero como non cambie de políticas mal futuro se lle aveciña. O desemprego avanza sen tregua cara a unha fatídica cifra. Cando redondeemos os 4 millóns de parados no Estado, o Partido Popular estará en inmellorábeis condicións para presentar unha moción de censura. Con case toda certeza non haberá maioría parlamentaria que a faga prosperar pero, tanto ten, nese momento Rodríguez Zapatero comezará a deixar de ser presidente do Goberno.

06/04/2009

Sorpassos e sorpresas

O Publiscopio dominical certifica un sorpasso sen sorpresa: a intención de voto declarado do Partido Popular adianta en punto e medio á do PSOE. A vitoria do 1-M en Galiza engorda en 3 puntos a intención electoral que beneficia ao partido de Rajoy que en nada se ve gravado polos chanchullos, corrupcións e corruptelas. Pola súa parte, a crise económica que deviu en crise de credibilidade e falta de iniciativa política roe ferozmente na base electoral do goberno e o seu partido.

No topten de liderados continúa á cabeza Rosa Díez, o novidoso é que Rajoy iguala xa a valoración de Zapatero. Na táboa de apoios declarados UPyD cede o cuarto posto a IU que, coa estrea de Cayo Lara, recuperou algúns folgos e acariña case o 4%. CiU remonta posicións até as acadas o 9-M mentres que ERC erosiónase vagarosamente pero estabiliza o seu voto declarado no 0,6%. A derrota do PNV tradúcese no seu entalamento electoral e as eleccións galegas pasan factura ao BNG que cae até unha intención de voto do 0,6%, a máis baixa rexistrada nos Publiscopios desde marzo de 2008.


Relevo con sorpresa


Este é un cadro suficientemente crítico para que se acendan as luces de alarma en Ferraz. Despois dunha silandeira participación no G-20, na que o presidente do Goberno do Reino volveu participar,
sen iniciativas na carteira, como amábel asentidor, e tras a aceptación de Zapatero como amigo de Obama no facebook da diplomacia norteamericana, anunciase un inminente cambio de goberno.

O ovo kinder de Pascua trae sorpresas gobernamentais: a ascensión meteórica da férrea e entregada Elena Salgado en substitución do alicaído Pedro Solbes, a repesca do incombustíbel e todopoderoso Manuel Chaves e o ambicionado nomeamento de José Blanco como ministro de Fomento. Será difícil que Salgado achegue espírito innovador ás políticas económicas pero recoñecéselle capacidade de encaixe numantino, dedicación laboriosa e unha incondicionalidade tecnocrática cega ao Presidente Zapatero. Atributos apropiados para quen vai ser axente pasivo de políticas económicas e activo suficiente para quen confíe en que o cambio de rumbo das demais economías dos países do G-20 nos arrastre no seu ronsel cara novas boanzas.

Cando o BOE publique o nome dos novos ministros, a lexislatura terá pasado politicamente o seu ecuador e comezará a máis longa precampaña electoral da democracia en España. As eleccións ao Parlamento Europeo serán un mero test de resistencia (para o PSOE: saber até onde cae) e elasticidade (para o PP: saber até onde medra) e un fabuloso teatro de operacións para ensaiar un bipartidismo reforzado. A partir do accidente electoral europeo todo será pura e dura campaña (pre)electoral até a remuda ou confirmación do arrendatario da Moncloa. Collamos o bloc de notas, a gravadora e a cámara de vídeo porque non asistiremos a nada igual no resto dos nosos días.


O modelo Chaves


Mentres Rodríguez Zapatero non confirme a aliñación definitiva e vexamos cantos de tantos ministros galegos quedan no seu gabinete, a noticia de maior impacto nesta banda é que José Blanco vai sentar no Consello de Ministros. Todo apunta a que lle tocará Fomento, un cargo no que se terá que estar espilido para atender os compromisos contraídos con Galiza en materia de infraestruturas ferroviarias. A besta negra de Magdalena Álvarez deixará lugar nos rotativos galegos para Blanco que se ten adornado coa aureola dos políticos conseguidores. Será unha proba de lume para as súas aspiracións electorais futuras.

Con todo, o máis significativo é que o Vicesecretario Xeral do PSOE adianta varios pasos na súa folla de ruta político-persoal. Hai tempo que quen vai ser o seu compañeiro ministerial, Manuel Chaves, sinalou o camiño para facer unha carreira política de éxito e non suxeita a caprichosos vaivéns. Primeiro, cómpre afianzarse no aparato, despois darse a coñecer como xestor nun ministerio e, finalmente, construír unha baronía territorial facéndose cargo dos destinos do autogoberno na patria pequena. E tras esta gloria xa se verá...

Ninguén como Chaves compartiu conspiración, política e mantel con Felipe González en Suresnes e segue actualmente na primeira liña da acción partidaria. Pepe Blanco terá agora ocasión de seguir aprendendo do Presidente do seu Partido pero, en calquera caso, non é difícil predicir que a solución de liderado do PSdeG será provisoria. Con toda certeza, Pachi Vázquez sumará aritmeticamente os apoios necesarios para ser secretario xeral na remuda de Emilio Pérez Touriño, máis improbábel é que, se as cousas volven minimamente ao rego e o PSOE recupera folgos electorais, sexa o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia en 2013. José Blanco ten marcado na súa axenda ese ano cun círculo vermello. Aí prevé comezar o resto da súa vida política.

04/09/2008

Import/export

Fernando Scornik Gerstein lembra en Público a manda que Rodríguez Zapatero lle fixo a Jesús Caldera para que se ocupase de «exportar o pensamento progresista». Onte no mesmo «Dominio Público», Pedro Chaves Giraldo vaticinaba o advenimento dun período posneoliberal, de xeito que a factoría de ideas de Caldera poderá dispoñer (teoricamente) dun amplo mercado mundial no que colocar os seus produtos progresistas nas mentes e corazóns de millóns de cidadáns. Hai fame de cambio ideolóxico e o think tank de JC pode colmar o baleiro deixado pola creba imaxinativa da socialdemocracia alemana, primeiro, e despois da Terceira Vía de Blair, cualificada acedamente por Chaves como unha proposta «de subordinación indecorosa da esquerda socialdemócrata ás esixencias do neoliberalismo».

Na súa achega Scornik Gerstein emprégase a fondo para identificar moitas das ideas practicadas polo PSOE que o seu novo xerente ideolóxico non debera exportar malia que moitos dirixentes socialistas as consideren progresistas. O ben norteado artigo de Scornik, con todo, comparte xornada informativa coas reveladoras declaracións de Celestino Corbacho, sucesor ministerial parcial de Caldera, quen considera que non é razoábel que se siga recorrendo á contratación en orixe; é dicir, de inmigrantes. Este luminoso anuncio asume con toda crueza, como diría o bendito Lakoff, o marco interpretativo da ultradereita que identifica aos «inmigrantes» como desalmados usurpadores dos postos de traballo dos «nacionais».


El País ofrece unha curiosa interpretación das palabras do novo ministro de Traballo: «En contra das aparencias, as declaracións de Corbacho non implican, de momento, un cambio na política desenvolvida polo Executivo durante a pasada lexislatura. Pero si supoñen un xiro de cento oitenta graos respecto ao discurso do seu antecesor, Jesús Caldera, quen adoitaba incidir no aspecto solidario das decisións do Gabinete sobre os estranxeiros.» Dísenos en poucas palabras que Corbacho cambia de discurso, adoptando o da dereita ultramontana, pero aínda así non mudará a súa práctica política. O noso paisano, Tomás Bárbulo, sabido en ambigüidades, documenta a súa explicación con dúas declaracións de anónimos altos cargos do ministerio: [1] «É posible facer a mesma política cun discurso distinto»; e [2] «O discurso do novo ministro é máis cómodo para nós. Permitiranos seguir traballando sen necesidade de estar permanentemente á defensiva fronte ao PP» (ao parecer amólanlle menos estar á defensiva perante outras forzas). Ás dúas sentenzas sóbralles cinismo e fáltalles vergoña.

Un dito africano afirma sensatamente que «a faba non debe crecer no camiño da vaca ou da cabra». As posibilidades de prosperar da faba son as mesmas que as dunha política progresista que se pretenda arroupar na verborrea ultraconservadora. Entregado o PSOE á súa indecorosa subordinación discursiva respecto da paleodereita, Caldera vai ter que reconverter rapidamente a súa empresa de exportación ideolóxica e montar urxentemente unha importadora de ideas para a nova dereita progresista que Celestino Corbacho acaba de presentar en sociedade.

29/08/2008

Latas e abrelatas

Rafael Reig lembrábanos hai poucos días que a invención do abrelatas se produciu con máis de cincuenta anos de atraso respecto da estandarización das latas de conserva en 1812. Até 1854 baionetas, navallas e outros instrumentos agudos ou contundentes (mesmo disparos) foron empregados para abrir as conservas enlatadas.

A lata do verán, o adianto electoral, padeceu unha falta de sincronización semellante. O PSOE ideou moito antes o produto que un instrumento para abrilo sen maiores riscos. Celebrar as eleccións galegas en outono era útil (basicamente para a estratexia de Ferraz), pero os adiantadores carecían do instrumento –unha razoábel xustificación de país e non partidaria– para abrir unha lata que tiña xuño como data de caducidade. Con todo, ensaiáronse toda sorte de agudas e contundentes presión para forzar a decisión presidencial con axuda de non poucos medios. Agosto foi escenario así dunha disputa pacega destinada a torcer a vontade de Pérez Touriño que deixa á luz varias conclusións:

1| O Congreso do PSdeG foi pechado en falso, a repartición de parcerías de poder non saciou ás apetencias da facción blanquista que quere ocupar o baleiro producido pola extinción do vazquismo antes de que o touriñismo se consolide cun segundo mandato.
2 | O episodio político que xerou maior inestabilidade gobernamental en Galiza desde 2005 non foi causado polas friccións co socio nacionalista senón polas tensións entre as diferentes bandeirías do PSdeG.
3 | Tristemente, o maior engrandecemento da figura presidencial de Touriño é debido a que achegou unha solución a un problema creado por el mesmo e o seu partido.
4 | A demostración de autoridade do Presidente será inevitabelmente respondida por un exercicio continuado de rebeldías de baixa intensidade e a desacreditación coa lingua pequena do liderato do Secretario Xeral do PSdeG.

Cando Pasqual Maragall foi elixido President preguntaron a Lluis Llach cal sería o principal problema que tería que enfrontar e o cantautor contestou, con enorme clarividencia, que o problema de Maragall sería o PSOE. Onte Touriño exerceu sorpresivamente de Pasqual Maragall. Decida agora ser Maragall por un día ou Maragall para sempre, Emilio Pérez Touriño pode estar certo de que os seus inamistosos amigos de Ferraz e a rúa do Pino agardan para saldar contas. Quizais, sen ser consciente, Pérez Touriño decidiu non abrir a lata electoral pero si abriu o melón sucesorio no PSdeG.

06/08/2008

Prensa amiga, inimiga e veraz

Unha cínica pero lúcida sentenza do pasado século establecía que a Prensa estaba para apoiar aos amigos, afundir aos inimigos e dicir a verdade en todo os demais casos. O actual código de circulación da información e da opinión segue a respectar escrupulosamente estas normas de conduta.

Houbo un tempo en que un dos deportes máis habituais dos cidadáns escépticos consistía en ler en paralelo El Mundo e El País para reconstruír dúas visións de calquera feito nas que era practicamente imposíbel atopar puntos de coincidencia.

O irresistíbel ascenso mediático de Losantos na COPE moveu o marco informativo alén do delirio pero non contribuíu a maiores coincidencias entre os dous grandes medios, aínda que si permitiu ao ABC afianzarse como unha opción informativa conservadora máis equilibrada ou menos desquiciada.

Libertad Digital
tivo un efecto deshinhibidor que a dereita situada máis alá da dereita aproveitou para verificar que en democracia a mala baba non ten cancelas e que a xustiza é vesga, razón pola que só se perseguen determinadas narracións apoloxéticas da violencia ou determinadas difamacións da intelixencia.

Pola súa parte, como o seu contrapunto informativo, El Plural, dirixido por Enric Sopena, naceu para certificar que non hai nada máis parecido a un bobo de dereitas que un bobo progresista e que, se nos despistamos, de tanto combater ao monstro remataremos por ser como o mesmo monstro.

Non por ampliar o relatorio de medios atoparemos moitos exemplos que se arreden da sabida máxima de apoios incondicionais aos amigos, bombardeo en alfombra para os inimigos e ponderadas verdades para todos os demais se queda oco.

A aparición da Sexta e de Público, trabadas con madeira de Zapatero segundo os seus detratores, mudou parcialmente o estado das cousas das relación do Poder coa Prensa, ampliando a autonomía presidencial respecto do complexo comunicacional-cultural ideado por Polanco-Cebrián e multiplicando, consecuentemente, as incomodidades mercantís de PRISA.


Distensión mediática


Á prensa séntanlle ben os períodos de distensión política. Ao minguar a polarización amigos-inimigos queda maior espazo para dicir a verdade de todos os demais, xa que, fóra deses excepcionais momentos, o trastorno bipolar rexe o xogo político do Estado e abafa calquera posición de matiz. O XVI Congreso do Partido Popular representou un significativo avance para cancelar as políticas de crispación e para alentar tamén un clima de distensión mediática e confrontación ideolóxica máis morna.

Hai pouco máis dun ano, cando o pasamento de Jesús de Polanco, Jorge Semprún resumiu con intelixencia medida a súa grande obra: «Conseguiu crear un grupo de prensa potente, independente e autónomo, que soubo manterse fronte, ao lado, en contra, pero nunca dominado por ningún grupo político.» Semprún puido dicir máis: construíu un grupo e comunicación que, á parte de estar fronte, ao lado e en contra, tamén tivo debaixo a algún que outro goberno e que tivo detrás a outros máis. Hoxe ten que contentarse con situarse ao lado, pero non por riba de Zapatero.


O novo rumbo que Mariano Rajoy tenta dar ao Partido Popular axuda a desactivar o clima de guerra fría mediática e é, parcial e serodiamente, unha resposta en positivo á demanda que o finado Polanco fixera no seu día sobre a necesidade de poder contar cun partido «de dereitas e laico», que PRISA apoiaría «porque é o que fai falta [en España]». En apenas un ano, o Partido Popular pasou do boicot a antesala do abrazos e, se Rajoy é quen de dar cumprimento a súa política de liquidación da herdanza aznarista, estarían logradas as condicións para recuperar o favor e ser tratado como amigo ou case-amigo por PRISA.

Na mesma dirección, hai cada vez máis indicios de que PRISA anda a procura dunha maior centralidade política, á busca dunha equidistancia virtuosa respecto de Ferraz e Génova, o que contibuiría a modificar substancialmente a nosa cartografía mediática.

Os rastreadores non se cansan de medir milimetricamente os distanciamentos tan críticos como elásticos de El País respecto de Ferraz e A Moncloa. Cada crítica provoca a inmediata contraofensiva de Público para evidenciar as incongruencias ou falla de memoria de PRISA, aínda que iso o leve, non poucas veces, a visitar a hemeroteca de El Mundo.
Na actualidade, PRISA non quere ser un medio incondicional do Presidente e do seu Partido, réinalle con ser leal e moderadamente crítico.

O último cuadrimestre será decisivo para ver como sedimentará o seu cambio de posicionamento. Non é previsíbel que se produza un envocarmento drástico no seu sistema de preferencias, de modo que seguirá habendo amigos, inimigos e indiferentes, pero amigos e inimigos serán, cada vez máis, obxecto de críticas cómplices: serán loados polos acertos, aguilloados polos seus desacertos e aconsellados cando non saiban se subir ou baixar. Teño para min que, se prevalece a intelixencia, será sobre a base da crítica cómplice sobre a que se afiancen as novas relacións da voz máis poderosa do cuarto poder co Partido Popular e o PSOE.