Mostrar mensagens com a etiqueta Cidadanía. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Cidadanía. Mostrar todas as mensagens

08/09/2009

2013

A revista Viento Sur estreou o ano 2009 cun volume centenario no que reuniu unha manchea de reflexións anticapitalistas. Unha proveitosa lectura crítica do capitalismo, dos seus límites e da necesidade da súa derrota ética, social, ecolóxica, política, económica e cultural. «Mitos e lendas da dominación» é unha das súas pezas. Asinada por Daniel Bensaid é un recordatorio de que o desafío de toda emancipación é tornar en forza unha debilidade. Aí mesmo Bensaid reivindica a política como a arte de «dar a volta» ás situacións de dominación. Vai un retallo do texto de Bensaid:
Esta dominación recobre toda unha gama de relacións, de hexemonía, de explotación, de opresión, de discriminación, de descualificación, de humillación, obxecto doutras tantas resistencias, aínda que sexan subalternas respecto daquilo ao que resisten. Pero é destino de calquera loita é ser asimétrica, e o desafío de calquera emancipación é converter en forza unha debilidade.

O problema da política, concibida de forma estratéxica e non xestionaria, consiste precisamente en captar os momentos de crises en que esta asimetría pode ser volteada. Iso implica aceptar traballar nas contradicións e as relacións de forzas reais, no canto de crer poder negalas ou subtraerse ilusamente ás mesmas. Porque os subalternos (ou os dominados) non son exteriores ao ámbito político da loita, e a dominación non é nunca enteira e absoluta. A práctica é portadora de experiencias e de coñecementos propios, susceptibles de proporcionar as armas dunha hexemonía alternativa. A liberdade ábrese paso no seo mesmo dos dispositivos de poder. E as normas da dominación poden ser crebadas por unha crise e un acontecemento que non son resultado dunha necesidade da orde social, nin da predestinación dun suxeito histórico, nin dun milagre teolóxico, senón da posta na orde de batalla de prácticas políticas afianzadas no movemento que tende a abolir a orde establecida.
Anunciase un outono quente. O inverno non será máis morno. E, como sempre, o campo do posíbel é moito máis amplo do que nos queren deixar imaxinar, mais a pouco que se impoña a desorientación estratéxica no PSdeG e no BNG a imaxinación pode tornarse nunha fábrica de pesadelos e nunha inmellorábel asistencia para a consolidación do poder conservador en Galiza. Unha situación de dominación (aínda feble) á que temos que darlle a volta canto antes.

Persistir no erro


A nova entrega de Vazquismo 2.0 resulta desalentadora. O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, está convencido de que é mellor camiñar só que co nacionalismo e de que, dentro de tres anos e medio, a cousa no OK Corral do Noroeste se vai resolver nun duelo a dous. Respostas estratéxicas tiradas da entrevista de Pachi Vázquez en El País-Galicia:
P: E o modelo de pactos co BNG tamén se manterá?


R. O PSdeG entra nunha etapa na que imos a por todas. Somos capaces, e demostrámolo moitas veces, de gobernar con capacidade propia, con criterio propio e con autonomía.


P. E no Goberno galego, sería partidario de repetir un pacto como o do bipartito?


R. O PSdeG está a construír un modelo propio para Galicia, e iso é o único que nos guía. Non contemplamos ningunha outra alternativa. Se algunha cousa non nos funcionou ben neste modelo anterior é que non definimos un proxecto único, sólido e desde a base. Non temos nada que ver en termos ideolóxicos co nacionalismo. Logo os cidadáns votan e os gobernos confórmanse como queren os cidadáns, non como queren os partidos. Pero se somos capaces de gobernar en maioría as grandes cidades, por que non construír unha alternativa política propia. Eu teño a sensación de que o PSdeG cada vez vai estar máis forte, ímonos apontoar máis, porque fixemos un exercicio de humildade, ao asumir que moitas cousas non as fixemos ben e queremos facelas ben. Houbo un certo distanciamento cidadán, abordar os problemas con maior profundidade... Se se dan as circunstancias dentro de tres anos e medio de que temos unha maioría sólida, aínda que non absoluta, para gobernar, tomariamos a decisión de gobernar. E se non nos deixan gobernar, que o faga quen teña que facelo. Que o modelo do País Vasco está aí Que pode darse? Que aínda non tendo maioría absoluta o PP poida gobernar? Pois pode pasar. E tampouco pasa nada, se o deciden os cidadáns.
A idea de que os gobernos se conforman como queren os cidadáns, non como queren os partidos é o grande descubrimento de Manuel Vázquez. A súa materialización práctica é a aceptación de que goberne a lista máis votada. Esta estratexia ofrécelle ao PSdeG unha (aparente) vantaxe, nunha situación de feroz bipolarización axudaralle a engordar o chamado voto útil. E, a seguir, entregaralle o goberno dos principais municipios do país ao Partido Popular como un adianto de prórroga da súa permanencia na Xunta de Galicia. Sacas de cemento electoral para ampliar e fortecer a hexemonia do PPdeG.

Fago referencia concreta á estratexia do PSdeG porque o BNG non é moi dado, nestes tempos, a explicitar publicamente estratexia ningunha, a táctica ocupa todo o lugar na súa comunicación e limítase a acomodarse tacticamente á marxe que deixan as manobras dos demais. O BNG, coa mesma solvencia, pódese singularizar como un aliado (case) incondicional do PSOE nas Cortes ou optar por unha olímpica indiferenza no Pazo do Hórreo, cando non pola colaboración resignada en concellos veciños doutros nos que se asume como principal oposición ao PSOE. Unha táctica líquida que se adapta ao colector político en cada ocasión e que pode rematar por converterse aos ollos de moitos cidadáns nun babel estratéxico tan incomunicábel como comprensíbel.


Obxectivo 2013


Todo é indicativo de que a dixestión do 1-M está sendo pesada de máis e de que, como dirían os clásicos, as condicións subxectivas están moito peor que as condicións obxectivas. A abatida interiorización da derrota por parte do PSdeG e do BNG é o que fai máis intimidatoria a dominación do Partido Popular. Os agoiros prognostican o goberno conservador de Galiza para unha longa tempada. Os entusiastas de Feijóo extrapolan a partir dun (aínda non confirmado) dominio electoral, unha hexemonía duradeira, consolidada, esmagadora.

A contracorrente, hai xa uns días, Fermín Bouza iniciaba unha mobilización de ideas ao redor do que deu en chamar Obxectivo 2013: a recuperación do autogoberno galego para as políticas de cambio. Un razoábel convite para pasar páxina e estrear unha nova axenda de prioridades políticas. O desafío implícito en Obxectivo 2013 é converter as debilidades en fortalezas e non aceptar o imaxinario conservador da súa hexemonía en Galiza como unha inapelábel condena perpetua. Darlle a volta a ese futuro non desexábel é o obxectivo en 2013. A non esquecer que para chegar con ben a 2013, previamente hai que resolver positivamente as citas de 2011 e 2012.

A estratexia colaborativa non é a elección primeira nin de PSdeG nin de BNG. Tamén é notorio que a simple reedición dun pacto obrigado polas circunstancias aritméticas non tirará aos abstencionistas e desencantados da súa inacción ou do seu cabreo. O apelo sentimental ou o amedrentamento ante renovados triunfos da dereita han ter menos eficacia que unha oferta útil de colaboración, cun programa claro e compromisos de rexeneración das prácticas de goberno ensaiadas con desigual fortuna no pasado.

Tamén está claro que isto non será posíbel se non se conforma un polo de opinión, transversal ao PSdeG e BNG, para poñer en primeiro plano da axenda do país a necesidade dunha nova política colaborativa dos progresistas, galeguistas e nacionalistas. Non vaia ser o demo que por causa da desconexión PSdeG-BNG comece a estenderse a idea de que para derrotar ao Partido Popular, previamente vai ser necesario derrotar a estratexia isolacionista que anima Manuel Vázquez (PSdeG) e aproveita para non definirse Guillerme Vázquez (BNG).

Hoxe mesmo Juan Varela lembrábanos os fundamentos da Educación 2.0. Son 4 C: Comunicar, Compartir, Colaborar, Confiar. Tamén valen para a Política 2.0. Engádanlle, se queren, dous máis: Construír e Confrontar (co PP). Ese é o código aberto de Obxectivo 2013, o da cidadanía comprometida co cambio en Galiza, coa recuperación do novo autogoberno para as políticas do cambio. Código aberto que debería ser, na miña idea, tamén o do BNG e do PSdeG.

06/05/2007

Municipais07: Espazo lixo

A política local(izada) obriga sempre a reparar no espazo. De feito, a precampaña electoral das municipais tornouse nun coctel remexido de corrupción do espazo urbano –coa visibilización dos alcaldes/promotores–, de deturpación do espazo de cidadanía –coa multiplicación de votantes ausentes de aquí e do alén–, e de confusión de espazos –coa privatización do gobernamental na rede clientelar do xenuinamente partidario como puxo en claro o continuismo da política de cheque en man na que se enzoufou o PSdeG inspirándose infelizmente no manual de boas prácticas caquiquís da Era Fraga–.

Como o cheiro do lixo, os nosos concellos achegan arrecendos doces e agres, salgaduras e acideces, e fermentos e carroñas que resultan do apodrecemento da acción dos seus gobernos e da falta de vida das sociedades civís locais. É quizais o que máis se achega a trasposición
á política do «Espazo Lixo», que nos describe Rem Koolhass: «O "espazo lixo" é un Triángulo das Bermudas, unha cápsula de Petri abandonada: suprime as distincións, socava a determinación e confunde a intención coa execución; reempraza a xerarquía pola acumulación, a composición pola adición [...] O "espazo lixo" é aditivo, estratificado e lixeiro, non está artellado en diferentes partes, senón subdividido, despezado igual que o cadáver dun animal desgarrado...».

Un mundo no que todo se mestura e no que urxe separar, xa desde a orixe, o que é política democrática do que é a corrupción da democracia.

03/01/2007

Lume baixo as cinzas

Hai unha cara oculta da sociedade civil que só en contadas ocasións se enxerga. Está poboada por cidadáns inexistentes, tolleitos nos seus dereitos políticos e sociais. Os gobernantes non os atenden, a súa política tórnaos en discurso baleiro ou nunha renuncia á igualdade. Viven nos arrabaldes do Norte e nos slums do Sur Global, en non-lugares cartografados pola exclusión social, a pobreza e a segregación espacial. Hai pouco máis dun ano a revolta das banlieues alumeounos coas súas labaradas; desde aquela nada mudou e baixo a cinza segue habendo lume.

A morte de Zyad Benna e Bouna Traoré, electrocutados cando fuxían da polícia, detonou en novembro de 2005 o estourido das banlieues; en días, a revolta estendeuse á totalidade dos arrabaldes parisienses; nun mes a 300 concellos. A protesta deitou unha contabilidade impactante: 10.000 vehículos incendiados; 233 edificios públicos con destrozos; un morto; 4.402 persoas detidas; 422 condeas de prisión; 200 millóns de euros en danos económicos...

A revolta só foi sorpresiva para a clase política de Francia, un dos países europeos cunha das fendas entre gobernantes e gobernados máis insalvábeis e cunha política patricia cada vez máis institucionalizada. Asistidas por poderosas burocracias e mass media, fortalecidas por mecanismos de represión e integación cultural forzosa, as elites francesas buscan desactivar as garantías de protección social e a expropiación de dereitos políticos inaugurando unha nova democracia censataria: se non estás no mercado, non es cidadán, non existes na política. Francia é hoxe un despropositado modelo social de fabricación de non-cidadáns e de marxinación urbanística, segregación étnica e pobreza estrutural.

William Gamson analizou como a inxustiza torna en indignación moral, nunha ira «que pon lume no estómago e ferro na alma». Sábese ademais que a atomización social, a carencia de organizacións e redes sólidas, é suplida pola imitación. A protesta medra así polo mimetismo de pequenos grupos que se apropian do repertorio de loita dos motíns: ataques vandálicos ás sedes gobernamentais e destrución polo lume. Francia experimentou hai un ano a primeira manifestación á grande escala das formas de protesta dos cidadáns inexistentes.

Podemos crer que Galiza nada ten que ver con Francia, que nas nosas cidades aínda non aniñan arrabaldes desgonzados e apartheids sociais; podemos compracernos co espellismo do noso benestar, mais o certo é que o mundo rural galego é hoxe a nosa banlieue. Deixado á súa sorte durante décadas, sometido a unha esmagadora creba das solidariedades comunitarias, envellecido e debruzado no baleiramento demográfico, subsidiado para deixar de producir e deixar de ser, invisibilizado tanto nas políticas macroeconómicas como nas microsociais, o mundo campesiño foi entregado á nada.

Os lumes do verán pasado iluminaron a fraxilidade produtiva do noso agro e tamén botaron luz sobre esa cara agochada do país, arrumbada na periferia da nosa fráxil sociedade do benestar, cangada de dependencias desatendidas, derrotada polo abandono histórico dos poderes públicos. O rural galego vai camiño de converterse nun non-lugar, nun espazo anónimo de convivencias desequilibradas, socialmente moi vulnerábel, habitat dunha cidadanía inexistente desfiuzada no exercicio dos seus dereitos... Fóra do foco das megapolíticas, demasiado pasivizado para ser masa crítica dun estourido social, non é terra abonada para a protesta nin a ira, como moito, é un territorio para a súa irmá extraviada: a loucura. Con todo, aínda hai lume baixo a cinza.

Publicado en Tempos Novos # 115 (Decembro 2006), pp. 91-92

08/07/2006

Boomerang

Convídanme a participar nun curso estival. Teño unha cadeira na mesa redonda que ten que dar conta da pregunta: «Favorece Internet a relación da Administración coa cidadanía?». Levo horas ordenando información e remoendo nela malia que a resposta é tan doada como afirmativa. Con todo, xunto unha boa restra de matices críticos sobre a intensidade, calidade e oportunidade das relacións que entre cidadáns e poderes públicos estimulan as infotecnoloxías. A pregunta incomódame porque é asimétrica e unilateral. Máis pertinente é unha outra: «Favorece internet a relación dos cidadáns coa Administración?» ou outra aínda mellor: «porque os gobernos están só interesados en arrebolar o boomerang e nada lles preocupa que nunca volva?» Tampouco é que atope estimulantes respostas pero aprendo cousas ben interesantes sobre os boomerangs e así descubro que os de caza, os chamados kylie, nunca volven. E iso case que o explica todo: máis que cidadáns somos presas que zafamos como podemos no medio dunha cazata neotecnolóxica desmedida e democraticamente pouco interesada.

01/07/2006

Monopoly do medo

Mil millóns de persoas viven en arrabaldes ou cidades miseria. O seu número duplicarase nas próximas dúas décadas. Un informe da ONU resume a contabilidade negra que resulta de cruzar pauperismo e urbanismo. O balanzo de contas entre a economía dos cidadáns inexistentes e a irracionalidade lucrativa do cemento non deixa firgoa ao engano: hai 2.000 millóns de pobres urbanos, a metade vivindo no desfiuzado territorio dos slums. A moi meritoria iniciativa Sen permiso publica, nas súas últimas entregas dixitais, unha entrevista co xeógrafo radical Mike Davis e un artigo de Joseph Choonara sobre o medre dos arrabaldes no Sur Global. Moi aconsellábeis para reparar como se está armando o escenario urbano onde se han representar caoticamente futuros pesadelos. Fronte a eles a enxeñaría de orde investe na arquitectura e ecoloxía do medo, desprezando darwnianamente ás capacidades dunha case que inexplorada arquitectura da solidariedade. O habitat da cidadanía é fraxil e altamente vulnerábel. E por todas partes Plan Xerais de Ordenación do Medo están encofrando a igualdade e liberdade cunha argamasa de exclusión social, segregación espacial, explotación económica, inacción política e banalización ética. Na primeira idade media as cidades eran espazos de liberdade. Todo parece indicar que en futuras idades demediadas certamente non será así.

02/06/2006

Slums

Robert D. Kaplan en O retorno da antiguidade. A política dos guerreiros, dando conta da capacidade militar dos Estados Unidos, reparaba en que as tácticas de combate estadounidenses están deseñadas para escenarios non-urbanos e advirtía do desfase que existía entra esa aplicación táctica e o feito de que, antes do 2010, máis da metade da poboación mundial vivirá en núcleos urbanos e vilegos. A loita pola hexemonía militar, na súa idea, non se dirimirá con combates librados en selvas, zonas pantanosas, montañas enramadas ou desertos, senón que será resolta nas rúas, canellóns, prazas, arrabaldes e barrios das megacidades. Desde aquela no Pentágono fixeron todo o posíbel por adaptarse a esa nova realidade demográfica e militar.
Os militares van uns cantos pasos por diante dos estrategas da cooperación para o desenvolvemento que seguen entalados nun modelo de intervención que focaliza a súa atención no mundo rural e desatende, aínda en grande medida, a pobreza urbana.
Hai un par de meses, Mike Davis tiraba do prelo Planet of slums, unha reflexión radical sobre as cidades da miseria no tempo da globalización. Nunha entrevista concedida a Tom Engelhardt, Davis enfatiza: «sen pretender minimizar as contradicións sociais explosivas que aínda subxacen nas zonas rurais, está claro que a futura guerrilla, a insurrección contra o sistema mundial, desprazouse á cidade. Ninguén entendeu isto con maior claridade que o Pentágono (...). Os seus estrategas están a anos luz na comprensión do fenómeno do mundo dos arrabaldes pobres con respecto aos xeopolitólogos e responsábeis internacionais cunha visión tradicional...».

Planet of slums finaliza cunha frase lapidaria: «Se o imperio pode utilizar tecnoloxías orwellianas de represión, os marxinados teñen aos deuses do caos da súa parte». Explícase Davis: «O caos non sempre entraña unha forza maligna. O peor escenario imaxinábel sempre é aquel en que a xente é silenciada. O seu desterro faise permanente. Estase producindo unha selección implícita da humanidade. Desígnase ás persoas que deben morrer e esquécese o asunto do mesmo xeito que esquecemos o holocausto da SIDA ou que acabamos sendo inmunes ás chamadas de socorro da fame negra. Hai que acordar ao resto do mundo, e os pobres das cidades miseria e arrabaldos degradados están experimentando cun amplo abano de ideoloxías, plataformas e modos de utilización da desorde: desde ataques case apocalípticos contra a propia modernidade até atentados de vanguarda para inventar novas modernidades, novas clases de movementos sociais. Pero un dos problemas fundamentais radica en que, cando se ten a tanta xente loitando por postos de traballo e espazo, a forma obvia de regulalos é mediante o xurdimento de padriños, xefes tribais, líderes étnicos, que operan sobre principios de exclusión étnica, relixiosa ou racial. Iso tende a crear guerras autoperpetuantes, case eternas, entre os propios pobres.» Neste inferno orwelliano, apocalíptico ou caótico ímonos xogar, máis pronto que tarde, as políticas de igualdade e as nosas liberdades cidadáns.