Mostrar mensagens com a etiqueta Cambio político. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Cambio político. Mostrar todas as mensagens

08/09/2009

2013

A revista Viento Sur estreou o ano 2009 cun volume centenario no que reuniu unha manchea de reflexións anticapitalistas. Unha proveitosa lectura crítica do capitalismo, dos seus límites e da necesidade da súa derrota ética, social, ecolóxica, política, económica e cultural. «Mitos e lendas da dominación» é unha das súas pezas. Asinada por Daniel Bensaid é un recordatorio de que o desafío de toda emancipación é tornar en forza unha debilidade. Aí mesmo Bensaid reivindica a política como a arte de «dar a volta» ás situacións de dominación. Vai un retallo do texto de Bensaid:
Esta dominación recobre toda unha gama de relacións, de hexemonía, de explotación, de opresión, de discriminación, de descualificación, de humillación, obxecto doutras tantas resistencias, aínda que sexan subalternas respecto daquilo ao que resisten. Pero é destino de calquera loita é ser asimétrica, e o desafío de calquera emancipación é converter en forza unha debilidade.

O problema da política, concibida de forma estratéxica e non xestionaria, consiste precisamente en captar os momentos de crises en que esta asimetría pode ser volteada. Iso implica aceptar traballar nas contradicións e as relacións de forzas reais, no canto de crer poder negalas ou subtraerse ilusamente ás mesmas. Porque os subalternos (ou os dominados) non son exteriores ao ámbito político da loita, e a dominación non é nunca enteira e absoluta. A práctica é portadora de experiencias e de coñecementos propios, susceptibles de proporcionar as armas dunha hexemonía alternativa. A liberdade ábrese paso no seo mesmo dos dispositivos de poder. E as normas da dominación poden ser crebadas por unha crise e un acontecemento que non son resultado dunha necesidade da orde social, nin da predestinación dun suxeito histórico, nin dun milagre teolóxico, senón da posta na orde de batalla de prácticas políticas afianzadas no movemento que tende a abolir a orde establecida.
Anunciase un outono quente. O inverno non será máis morno. E, como sempre, o campo do posíbel é moito máis amplo do que nos queren deixar imaxinar, mais a pouco que se impoña a desorientación estratéxica no PSdeG e no BNG a imaxinación pode tornarse nunha fábrica de pesadelos e nunha inmellorábel asistencia para a consolidación do poder conservador en Galiza. Unha situación de dominación (aínda feble) á que temos que darlle a volta canto antes.

Persistir no erro


A nova entrega de Vazquismo 2.0 resulta desalentadora. O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, está convencido de que é mellor camiñar só que co nacionalismo e de que, dentro de tres anos e medio, a cousa no OK Corral do Noroeste se vai resolver nun duelo a dous. Respostas estratéxicas tiradas da entrevista de Pachi Vázquez en El País-Galicia:
P: E o modelo de pactos co BNG tamén se manterá?


R. O PSdeG entra nunha etapa na que imos a por todas. Somos capaces, e demostrámolo moitas veces, de gobernar con capacidade propia, con criterio propio e con autonomía.


P. E no Goberno galego, sería partidario de repetir un pacto como o do bipartito?


R. O PSdeG está a construír un modelo propio para Galicia, e iso é o único que nos guía. Non contemplamos ningunha outra alternativa. Se algunha cousa non nos funcionou ben neste modelo anterior é que non definimos un proxecto único, sólido e desde a base. Non temos nada que ver en termos ideolóxicos co nacionalismo. Logo os cidadáns votan e os gobernos confórmanse como queren os cidadáns, non como queren os partidos. Pero se somos capaces de gobernar en maioría as grandes cidades, por que non construír unha alternativa política propia. Eu teño a sensación de que o PSdeG cada vez vai estar máis forte, ímonos apontoar máis, porque fixemos un exercicio de humildade, ao asumir que moitas cousas non as fixemos ben e queremos facelas ben. Houbo un certo distanciamento cidadán, abordar os problemas con maior profundidade... Se se dan as circunstancias dentro de tres anos e medio de que temos unha maioría sólida, aínda que non absoluta, para gobernar, tomariamos a decisión de gobernar. E se non nos deixan gobernar, que o faga quen teña que facelo. Que o modelo do País Vasco está aí Que pode darse? Que aínda non tendo maioría absoluta o PP poida gobernar? Pois pode pasar. E tampouco pasa nada, se o deciden os cidadáns.
A idea de que os gobernos se conforman como queren os cidadáns, non como queren os partidos é o grande descubrimento de Manuel Vázquez. A súa materialización práctica é a aceptación de que goberne a lista máis votada. Esta estratexia ofrécelle ao PSdeG unha (aparente) vantaxe, nunha situación de feroz bipolarización axudaralle a engordar o chamado voto útil. E, a seguir, entregaralle o goberno dos principais municipios do país ao Partido Popular como un adianto de prórroga da súa permanencia na Xunta de Galicia. Sacas de cemento electoral para ampliar e fortecer a hexemonia do PPdeG.

Fago referencia concreta á estratexia do PSdeG porque o BNG non é moi dado, nestes tempos, a explicitar publicamente estratexia ningunha, a táctica ocupa todo o lugar na súa comunicación e limítase a acomodarse tacticamente á marxe que deixan as manobras dos demais. O BNG, coa mesma solvencia, pódese singularizar como un aliado (case) incondicional do PSOE nas Cortes ou optar por unha olímpica indiferenza no Pazo do Hórreo, cando non pola colaboración resignada en concellos veciños doutros nos que se asume como principal oposición ao PSOE. Unha táctica líquida que se adapta ao colector político en cada ocasión e que pode rematar por converterse aos ollos de moitos cidadáns nun babel estratéxico tan incomunicábel como comprensíbel.


Obxectivo 2013


Todo é indicativo de que a dixestión do 1-M está sendo pesada de máis e de que, como dirían os clásicos, as condicións subxectivas están moito peor que as condicións obxectivas. A abatida interiorización da derrota por parte do PSdeG e do BNG é o que fai máis intimidatoria a dominación do Partido Popular. Os agoiros prognostican o goberno conservador de Galiza para unha longa tempada. Os entusiastas de Feijóo extrapolan a partir dun (aínda non confirmado) dominio electoral, unha hexemonía duradeira, consolidada, esmagadora.

A contracorrente, hai xa uns días, Fermín Bouza iniciaba unha mobilización de ideas ao redor do que deu en chamar Obxectivo 2013: a recuperación do autogoberno galego para as políticas de cambio. Un razoábel convite para pasar páxina e estrear unha nova axenda de prioridades políticas. O desafío implícito en Obxectivo 2013 é converter as debilidades en fortalezas e non aceptar o imaxinario conservador da súa hexemonía en Galiza como unha inapelábel condena perpetua. Darlle a volta a ese futuro non desexábel é o obxectivo en 2013. A non esquecer que para chegar con ben a 2013, previamente hai que resolver positivamente as citas de 2011 e 2012.

A estratexia colaborativa non é a elección primeira nin de PSdeG nin de BNG. Tamén é notorio que a simple reedición dun pacto obrigado polas circunstancias aritméticas non tirará aos abstencionistas e desencantados da súa inacción ou do seu cabreo. O apelo sentimental ou o amedrentamento ante renovados triunfos da dereita han ter menos eficacia que unha oferta útil de colaboración, cun programa claro e compromisos de rexeneración das prácticas de goberno ensaiadas con desigual fortuna no pasado.

Tamén está claro que isto non será posíbel se non se conforma un polo de opinión, transversal ao PSdeG e BNG, para poñer en primeiro plano da axenda do país a necesidade dunha nova política colaborativa dos progresistas, galeguistas e nacionalistas. Non vaia ser o demo que por causa da desconexión PSdeG-BNG comece a estenderse a idea de que para derrotar ao Partido Popular, previamente vai ser necesario derrotar a estratexia isolacionista que anima Manuel Vázquez (PSdeG) e aproveita para non definirse Guillerme Vázquez (BNG).

Hoxe mesmo Juan Varela lembrábanos os fundamentos da Educación 2.0. Son 4 C: Comunicar, Compartir, Colaborar, Confiar. Tamén valen para a Política 2.0. Engádanlle, se queren, dous máis: Construír e Confrontar (co PP). Ese é o código aberto de Obxectivo 2013, o da cidadanía comprometida co cambio en Galiza, coa recuperación do novo autogoberno para as políticas do cambio. Código aberto que debería ser, na miña idea, tamén o do BNG e do PSdeG.

05/11/2008

Obama, hope & change

Escribiu Mia Couto que a maior das pontes é a que permite o paso desde o desespero á esperanza. A esa grande arquitectura política dedicouse neste último ano Barack Obama. E demostrou que podía facerse. A súa rotunda vítoria electoral así o certifica. Hai moitas e moi boas análises que explican a revolución democrática que el personaliza. Os primeiros compases deste video, que espalla Calidonia, son unha excelente introdución á que, para a miña idea, é a razón máis relevante do seu éxito: a historia que contaba Obama era a mellor. Unha historia para un novo tempo. A mellor e a que unha gran maioría de estadounidenses querían volver escoitar desde hai moito tempo. Escoitar e darlle a forza e o poder necesario para que se faga realidade.

04/11/2008

Derrotas disciplinarias

«Os efectos directos [da crise] sobre a xente aínda non chegaron. Creo que veremos á xente saíndo á rúa cando os empregos e os servizos comecen a colapsar, cando se deixe de falar da banca. Serán as consecuencias dese colapso e non o colapso en si, o que saque á xente á rúa». A previsión é do cineasta Ken Loach. As crise alimenta a necesidade dun cambio de raíz. Con todo, ese cambio é tan só unha posibilidade e Loach é pouco optimista na súa diagnose sobre o estado actual das forzas que aspiran a gran transformación do mundo: «A esquerda tivo un longo período de derrotas [...] Hai unha sensación de que non se pode gañar e ese é un problema.»

Xa, en 1938, no seu clásico Programa de Transición, León Trotski reparaba como o sol podía pasar pola porta dos cavilosos revolucionarios sen deterse: «As condicións obxectivas da revolución proletaria non só están maduras senón que empezaron a descomporse. [...] Todo depende do proletariado, é dicir, da súa vangarda revolucionaria A crise histórica da humanidade redúcese á dirección revolucionaria».

A súa linguaxe pode semellar hoxe en día un tanto ruda e trastempada pero o dilema de don León é o mesmo que subliña Mr. Ken setenta anos despois: As condicións obxectivas están maduradas, as que non están ben logradas son as condicións subxectivas; hai condicións para o proceso pero non actores preparados; non hai falla de necesidade, hai falla de ideas, convicción e confianza nas propias forzas. O corpo [social] pídeo pero a cabeciña [política] está en condicións de dar conta do pedimento. Esa é a vella espiral que segue a desenrolar moitas das impotencias e imposibilidades do noso mundo e do noso tempo.

05/08/2008

Macbeth na Moncloa

A crise económica, si; pero non só a crise económica. O Goberno do Estado e o seu partido enfróntanse tamén a unha crise de credibilidade e a estratexia, que inauguraron tras as eleccións do 9-M, rende resultados negativos que tamén explican o empate técnico entre o PSOE e o Partido Popular que rexistra ameazantemente a última enquisa do CIS.

Non é unha lei de bronce infalíbel pero os cidadáns adoitan a xulgar os gobernos polo que estes lle poñen no prato. E o gabinete de Rodríguez Zapatero non poderá superar doadamente esa avaliación por parte duns cidadáns educados (economicamente) para seguirlle a pista ao euribor, ás taxas do paro e ao ipc como indicadores supremos de bonanza económica.

O verán anuncia un outono quente e un inverno económico de longa duración. A crise económica, antes negada, ocupa agora o centro da axenda de preocupación cidadáns e neste punto mesmo coinciden a axenda mediática e a da clase política.
O cambio de ciclo económico chama tamén por unha radical mudanza dalgunhas das políticas animadas polo PSOE tras o 9-M, aínda que no horizonte non hai propósito de emenda ningún.

Fin do talante, recuperación do background do felipismo

ZP 1.0 deseñouse combinando ingredientes pouco usados na botica política do felipismo: unha abondosa camada de sensibilidade pluralista, mesturada con diálogo como cemento das políticas de alianzas; reforzábase a credibilidade con doses de autocrítica para facer máis atractivos os compromisos e os seus resultados limitados; e patrocinouse unha axenda atenta aos valores e ás preocupación sociais emerxentes. Etiquetouse todo coa marca de Talante e o seu principio activo era, simplemente, non facer o mesmo que o Partido Popular.

ZP 2.0 ármase agora con outro tipo de compoñentes, unha boa parte deles testados, con desigual fortuna, durante a era felipista. A planta do partido é a planta do Estado. O Estado é unitario e o goberno é a súa expresión, o PSOE debe ser un actor político unitario supeditado ao presidente Zapatero. Un partido total que ocupa discursivamente todo o espazo progresista e apenas deixa marxe para ningunha esquerda practicábel. En breve, impulsarase un rápido tránsito do ao buenismo progresista ao estatalismo responsábel –un clásico do felipismo–, o retorno a un principismo estatalista como fundamento de toda realpolitik.


Sen rodillo parlamentario e sen sinais manifestas de corrupcións maiores pero coas tentadoras prepotencias en alza, o PSOE tira de presidencialismo, de empate coa monarquía e de representación da estabilidade institucional como bazas adicionais para deixar atrás as proclamas do socialismo inxenuo de ZP 1.0. ZP 2.0 é un produto máis maduro que leva camiño de parecerse moito ao Terceiro Felipe, o do ensimismamento gobernativo.

E a crise será a coartada (resignada ou perfecta, pouco importa) para aminorar os contidos sociais que aínda restan do proxecto ZP 1.0 e, a pouco que apuren as circunstancias, nada importará, outra volta, se o gato é branco ou é negro mentres cace ratos. Moito terá que empregarse a factoría de Caldera para que a política de valores non derive cara a unha desvalorización da política.


Deixar sen argumentos ao PP


Na actualidade, a maior parte dos esforzos comunicacionais e politicos do PSOE diríxense desmantelar de vez os enmarcados políticos do Partido Popular na pasada lexislatura. Trabállase contra a vella axenda discursiva dos conservadores: «España se rompe», «Complicidade e brandura policial fronte ao terrorismo», «Goberno refén dos nacionalistas», «Non pintamos nada en Europa» e «A crise xa está aquí».

De aí a transubstanciación da España plural na proclamación dun Goberno de España receoso á hora de modificar a xeopolítica tradicional do socialistas: nin bilateralismo, nin novos avances nos autogobernos, e peche autonómico sobre o basal de consenso callado en Andalucía e Valencia co Partido Popular.

Para evitar síndromes de Estocolmo con altos custes electorais pasouse dunha política de alianzas aberta aos nacionalistas e á esquerda a unha estratexia de soidade parlamentaria co que se conta poder desfacerse da idea de ser un partido con ataduras, principal escollo para lograr unha futura maioría absoluta. No fondo, hai tamén unha decidida aposta por un sistema político de 2 forzas substanciais (PSOE-PP) e un resto marxinal de forzas nacionalistas: isto é, aspírase á simplificación extrema do modelo que Felipe González e Manuel Fraga construíron nos anos oitenta e prorrogaron até mediado dos noventa. Bipartidismo sen turnismo que se podía garantir grazas á crise de liderato e de proxecto do Partido Popular, e que a remontada de Mariano Rajoy pon agora dramaticamente en cuestión.

A política do diálogo deu paso á asunción entusiasta das políticas policiais para enfrontar o problema da violencia en Euscadi. A renovada fe policial retroaliméntase coa exitosa cazata da cúpula etarra e o esborrallamento político da esquerda abertzale. Bambi exerce agora como un desapiadado Pokemon policial para facer valer o imperio da lei. O saldo élle grandiosamente beneficioso e se vai ben non hai nada que cambiar segundo reza o credo conformista de Ferraz.


Para facerse valer en Europa, ouvear como se estivésemos en terra de lobos: devaluar un pouco máis a Europa Social e apostar pola estabilidade, o control e a seguridade fronte ás liberdades. Se, finalmente, Obama gaña haberá que gastar esforzos e simpatías para restablecer o vencello transatlántico. Con McCain, pois o mesmo: hai que facerse querer novamente polo amigo americano. Sarkozy sinala o camiño que Zapatero está desexando seguir.


A estratexia do camaleón


Agás no tocante á crise, todos os enmarcados fortes do Partido Popular foron maiormente desactivados. Daquela porque recupera crédito cidadán o Partido Popular e o perde o PSOE? En gran medida por que neste proceso o PSOE, nunha sorte de camaleonismo estratéxico, non recorreu a políticas públicas alternativas e optou simplemente por apropiarse das políticas de firmeza do Partido Popular. O principio activo de ZP 2.0 é facer o mesmo que o PP pero con formas diferentes. Como o camaleón, adóptanse as cores da contorna pero non as formas. Dúas reservas: non anunciar políticas de carestía e axuste duro fronte á crise [de momento] e intensificar unha política de valores de baixo custe; é dicir, políticas de valores con cargo aos cidadáns e non as arcas do Estado. Poden facer o mesmo pero mellor que o Partido Popular, é a única lección en limpo que se pode tirar dos 100 primeiros días de glorias gobernamentais do novo executivo.

E esa estratexia de apropiación e substitución xunto co retorno aos consensos dos dous grandes son as vías privilexiadas para manterse na cima da columna do Poder. Unha política de consensos que serve para afianzar a imaxe do Partido Popular como un partido máis de complemento que de oposición e para adocenar o cambio de orientación estratéxica do propio PSOE.


Non son consensos obrigados polas debilidades do PSOE, son consensos libremente promovidos e dirixidos a debilitar a capacidade opositora do Partido Popular, facendo, con menor crispación e rexeitamento social, as políticas autonómicas, xudiciais e de loita antiterrorista esixidas polos conservadores. A estas alturas, Mariano Rajoy xa estará reparando na difícil convivencia consensual que lle ofrece Zapatero.


A gaiola de Macbeth


Alberto Manguel
no seu Diario de lecturas anotou: «Don Quixote sabe que os seus actos terán consecuencias aínda que estas permanezan invisíbeis para el. O dilema de Macbeth é que quere actos sen consecuencias: a única imposibilidade real.»
O PSOE atoarse no mesmo dilema que Macbeth, forzou un radical cambio no seu posicionamento crendo que non ía ter consecuencia negativa ningunha.

A estratexia de clonación amábel das políticas conservadoras baleira de confianza as propostas do PSOE; o seu soberbio isolacionismo e o seu camaleonismo político non son a solución e por iso devalúase gravemente a credibilidade do proxecto ZP 2.0. O presidente que proclamaba que non ía fallarnos, comeza a fallar e moito. A enquisa do CIS unicamente advirte de que se camiña cara un fallo xeral do sistema operativo de ZP 2.0. Zapatero como Macbeth pode dicir: «Non teño espora que aguilloe os costados do meu plan, senón só a ambición do salto que, ao lanzarse, sobe demasiado e cae do outro...» O maior perigo é, efectivamente, caerse polo outro lado.

26/06/2008

Simplicissimus


Wu Ming preséntanos as catro regras basicas do País Simple (e simplificado). Primeira Regra: Eliminar a dúbida. O País Simple é un país a priori. Segunda Regra: Reducir o mundo á verdade necesaria. X é sempre igual a X. O País Simple admite unha única identidade. Terceira Regra: Eliminar as minorías. No País Simple a democracia vai da man da maioría. Cuarta Regra: Eliminar a información. O País Simple só admite a tautoloxía.

Unha das consecuencias do proxecto ZP 2.0 quere ser a simplificación de España, o tránsito da España Plural á España Simple e a mudanza da esquerda plural na esquerda simple; ambas as súas simplificación son requerimentos necesarios para resolver a máis complexa alquimia política: pasar de ser maioría minoritaria a ser maioría absoluta.

Corremos o perigo de simplificar, pero as catro regras semella que están a tornarse nos piares comunicacionais do goberno do PSOE. [1] Non dubidaban cando afirmaban (hai tres meses) que non había crise nin agora cando se sostén que a cousa pinta fea e ben fea ou simplemente e cinicamente que é opinábel. [2] Teiman en reducir todas as alternativas á verdade necesaria: Eles gañaron as eleccións e o premio é gobernar, os demais non as gañaron (ou as perderon) e non poden condicionar a gobernalidade de ningunha maneira. Toda crítica é enterrada na lodeira da demagoxía. [3] O gasto en tensión bipartidista realizado na campaña electoral prosegue á procura da máxima simplificación e do descarte de forzas participantes nas decisións: hai unha maioría [minoritaria] e sobra cunha única minoría [a poder ser moi minorizada], as outras minorías [nacionalistas] non poden ser tomadas en conta. [4] Hai que adelgazar a información até deixala liofilizada cunha machacona repetición da mesma idea expresada en formas diferentes; eis é o cuarto esforzo supremo destes primeiros meses da nova andaina gobernamental. A idea é simple: eles son a forza do cambio, todo o demais é involución.

En medio de tanta simplicidade comeza abrirse paso unha evidencia: só cambiarán de estratexia se son forzados ao cambio. Sobra unilateralismo e falta concertación de políticas. A catálise innovadora do goberno de ZP e do PSOE está esgotada e as eleccións do 9-M non abriron un novo ciclo de reformismo forte, ao contrario, cancelaron o talante, o diálogo e a construción dunha maioría plural para a trasformación democrática do Estado e o avance político e social dos dereitos dos cidadáns. Camiño dos cen días non é que o programa sexa pobre, simplemente non hai balance. O único cambio é o triunfo dun transformismo baldeiro que conduce a ningures.

09/06/2008

O novo arsenal


Relato, argumentos e valores, diálogo na rede e novas formas de dirixirse ás audiencias salientan no novo arsenal da comunicación política que se testou nas primarias demócratas.
«O relato é a chave de todo»; a partir desta sentenza de Greenberg, Gutiérrez-Rubí tracexou o brillante eloxio da política como relato. Unha política «que interprete, que dea sentido á realidade e que converta en comunicación o proxecto político, é unha nova oportunidade para a humanización da política no século XXI». O poder das imaxes, os valores, o diálogo e as palabras ao servizo dos proxectos de cambio político.

Outro analista, Silva-Herzog Márquez, amais de recoñecer o habelencioso uso da Rede e a súa intelixente estratexia para captar doadores, conclúe que o éxito de Obama foi inserir o argumento no «centro da política»: «A súa campaña non é emisión de frases baleiras, ladaíñas pegañentas e imaxes trilladas. Por suposto, concreta o seu discurso en lemas, melodías e estampas. [...]. O notábel é que, alén desas mercadorías, reivindica a política argumentativa nun tempo que decretou a morte da deliberación racional e que se entrega ao tráfico mediático das emocións. Barack Obama reviviu a figura do home que razoa en público en busca da persuasión».


Gutiérrez-Rubí reparou tamén no engado da súa voz, «unha voz moi peculiar que parece case un rumoreo. A reacción psicolóxica das persoas que lle oen é pensar que cada unha delas é a destinataria única das súas palabras». Para el, a mellor arma de Obama foi o clásico micro de bóla na man co que se pasea polos escenario, sempre rodeado de seguidores que case absortos «cren que escoitan a voz do futuro Presidente dos Estados Unidos». Xa o dixo Miguel Torga: «Somos a voz que temos.»

05/04/2008

Leoas e cordeiros

Casa grande é sempre mala de gobernar. A estas alturas Mariano Rajoy debe estar batendo coa mesma conclusión á que chegou o shérif Ed Tom Bell: «Gobernar aos bos custa moi pouco. Pouquísimo. E aos malos non hai modo de gobernalos. Ao menos que eu saiba.» Rajoy debe demoler unha idea solidamente asentada –o PP non é un partido para os cambios– e recuperar o espírito reformista do XIII Congreso do Partido Popular de 1999, pero ambas as dúas operacións nin son doadas nin garanten, de entrada, mellores réditos electorais.

O noso paisano saldou as contas maiores co pasado e, se noutrora non tivo pena ningunha para presentarse como un continuísta sen complexos, agora non lle queda máis remedio que sumarse ás teses dun conservadorismo dinámico para introducir cambios no seu partido e no seu discurso.
Rajoy sabe que desta volta non poderá zafar cunha dose de transformismo gatopardiano e que terá que facer algo máis. Non basta con atender á melodía que a orquestra do Titanic sigue tocando en pleno naufraxio, pero outros cantos de serea achegan tamén poucas certezas e esperanzas.

Ao público e aos medios encántanlle os audaces fracasados que sempre atesouran mellores epitafios que os grises xestores das rutinas posibilistas; pero fracasar brillantemente non é o obxectivo político-vital de Mariano Rajoy, xa que para iso xa tería atendido a demanda de Elvira no balcón da derrota.


En A actitude conservadora, Michael Oakeshott tira algunhas conclusións respecto da disposición das persoas conservadoras fronte aos cambios que son inevitábeis:
  1. A innovación implica unha perda segura e unha ganancia probábel.
  2. Mentres máis se pareza a innovación ao crecemento menos posibilidades haberá de que acabe predominando a perda.
  3. A innovación que vén corrixir un defecto puntal e se deseña para compensar algún desaxuste específico é máis desexábel que a alentada por unha noción de melloramento xeral ou por unha visión de perfección.
  4. Preferirá as pequenas e limitadas innovacións ás grandes e incertas e o ritmo lento ao rápido, para poder así deterse a observar os efectos que se producen e axustar o que proceda.
  5. Estimará que a ocasión máis favorábel para a innovación é aquela na na que o cambio proxectado terá máis probabilidades de axustarse ao que pretende e menos de rematar corrompido polas consecuencias non buscadas e non controlábeis.
A guía de navegación de Oakeshott non está mal, pero tamén neste caso todo depende do estado da mar, da tripulación, do ben estivada que estea a carga reformista e do volume de lastres necesarios para dar estabilidade identitaria á nave. Segundo as certezas de todas as nais do mundo, o máis peor de todo son as malas compañías. E a Mariano non lle faltan malos, peores e pésimos compañeiros de viaxe. Polo de pronto, Rajoy a diferenza de Ulises non pediu que o atasen ao mastro, aliviouse de ataduras anteriores e parece decidido a pilotar os cambios.

Con todo, podemos adiantar unha primeira conclusión para o tránsito do Partido Popular cara ao seu XVI Congreso atendendo ao aforismo de Woody Allen: «A leoa e o cordeiro durmirán xuntos, pero o cordeiro durmirá ben pouco».

02/09/2007

Revolucións culturais pendentes

«A radio tamén é un soporte literario. Digámolo doutra maneira, noutras xeografías, noutras culturas, ensaístas, dramaturgos, narradoras, poetas escriben para a radio. O medio xera corpus ensaísticos e creativos propios, específicos. Obras que logo subsisten autónomas e libres do soporte e do contexto para o que naceron.» Quen escribe é Ana Romani, condutora do «Diario Cultural» da Radio Galega, e faino a propósito da edición de Clío nas ondas onde Ramón Villares recompilou as súas colaboracións radiofónicas. Tras esa feliz iniciativa editorial, agora Laiovento achéganos –non menos felizmente– Caderno da Revolución Cultural de Xavier Queipo que reúne textos radiados no mesmo programa entre setembro de 2005 e outubro de 2006.

Son 53 chamados de atención sobre a urxente necesidade de dar inicio a unha Revolución Cultural en Galiza. Interpeladores, incómodos, intelixentes, agudos, sempre críticos e, non poucas veces, desesperanzados pero cheos de razóns e mobilizados pola paixón. Ás menos veces, entendo, que non atinan plenamente na destinataria da crítica, pero agradécense igualmente por ser un eficaz antídoto fronte á autocompracencia.


Queipo aproveitou cumpridamente ese envexábel o oco libertario que aniña no «Diario Cultural» e que a súa directora describe así: «un espazo no que desde o respecto á liberdade de opinión se convida a persoas representativas da cultura do país a expresar as súas visións sobre o acontecer social e cultural, unha plataforma de expresión de diversidade que os autores convidados exercen sen mediación ningunha e con liberdade e responsabilidade». Que non nos falte nunca.


Repaso de actualidade que vai alén da inmediatez e do curto prazo, os textos de Queipo emprázannos con teimosía a desencadear unha Revolución Cultural no noso pequeno País sen Estado. Unha revolución cultural ben diferente da que revoltou a China nos anos sesenta, pero igualmente concibida como un gran salto adiante que nos permita ser máis felices, libres e diferentes como persoas e como nación.
Unha revolución cultural que ten ten múltiples substancias, e todas necesarias. Nunha volta, para mudar o xeito de abordar as ideas, os enfoques e os problemas; noutra xeira para «espantar os medos e abrir portas a unha liberdade sen cadeas, sen silencios cómplices, sen calumnias».

Cambio copernicano imprescindíbel «para pensar ao medio prazo, para adoptar unha praxe de goberno e non meramente de xestión administrativa», un espazo novo onde «para poder gobernar haxa que demostrar que se está para servir e non para servirse, contas claras e auditorías voluntarias»; impostergábel tamén para desprazar «o culto aos resultados ao curto prazo pola sensibilidade e o respecto ás máis dignas reivindicacións dos administrados: estar seguros de que as decisións se toman logo dunha reflexión demorada onde se consideren con ponderación todos os elementos da situación». Unha arte de gobernar ben distinta.


Unha revolución cultural que é tan necesaria como global para desamortizar, en definitiva, «a leira que temos na cabeza»; un desafío cru, nada asequíbel, de solución graves e máis doadamente practicábeis se atendemos as cousas pequenas, aos espazos de decisións próximos, en definitiva, á cotidianeidade que nos reclama xustiza e maiores felicidades.


Co fío bramante da Revolución Cultural, Queipo encadernou, entre outros obxectos de reflexión, películas, libros, exposicións, candidaturas ao Nobel, ecocabreos, problemas malditos, blogs, poesía, causas da nosa lingua, e a Galiza e o mundo que el soña baixo o alento de que «é precisa unha Revolución Cultural. Aquí no noso pequeno País sen Estado e no mundo. Para iso é necesaria unha batalla das ideas, un gran chimpo adiante, unha recuperación da dignidade e do exercicio da palabra. Da palabra viva e do diálogo. Da palabra viva e o libro. Da palabra viva e as imaxes.»


Palabras vivas, diálogos, dignidade, razóns críticas, imaxes emancipadoras e un desexo continuado para que sexamos «libres e diferentes, galegos de nación e diferentes, solidarios e diferentes, felices e diferentes». Certo é que esa Revolución Cultural é unha tarefa mancomunada que aínda temos pendente e á que non poucas veces o escritor recoñece como unha prédica no deserto.

Recoméndolles a lectura –ou a escoita (acompáñase cun CD coas gravacións do programa)– de Caderno da Revolución Cultural, un libro feliz, libre e diferente; un pequeno paso que sirve para prepararnos (auto)criticamente para un gran salto adiante.

30/07/2006

Centralidade

No particular barallete da clase política hai moitas palabras talismán. Centralidade é, sen dúbida, unha das máis engaiolantes. Ninguén sabe de certo que significa, pero a centralidade é sempre cousa boa, valor en alza, atributo positivo.

Centralidade dialoga con centrismo; isto é, unha formulación mornecida e nada extremosa das posicións. En termos ideolóxicos e políticos, centrismo é sinónimo de socialiberalismo ou socialdemocracia, tamén dun galeguismo, máis cultural que político, que se afasta equidistante do independentismo arredista e do centralismo asoballador. Na forma de facer política, centralidade evoca accesibilidade e proximidade, e da súa combinación co centrismo resulta unha formulación vaga pero de grande audiencia entre as clases medias urbanas e vilegas.

Máis filosófica, a centralidade estéase no virtuoso termo medio e no valor da «tranquilidade» como garantía da convivencia. O reformismo light identifica a súa proposta operativa e salienta, sempre que o deixamos, que as solucións non teñen ideoloxia, non hai solucións de esquerdas nin de dereitas, hai tan só problemas e solucións; así, a centralidade acoirázase cunha consistencia tecnocrática –case irrebatíbel– que pon en primeiro plano a eficiencia e a eficacia e deixa para a derradeira ringleira as ideas e motivacións.

Centralidade na cerna

Non é logo estraño que a batalla pola centralidade sexa a cerna de todos os movementos tácticos e de todas as apostas estratéxicas das forzas políticas. En Galiza, tamén. Aquí documéntase unha centralidade paifoca e xeometrizada que gastan os dirixentes socialistas virtuosamente empeñados en ocupar a escea entre os dous extremos malos que topografían o PPdeG e o BNG. É unha centralidade pasiva xa que depende do que os outros fan, propoñen ou promoven, e fundaméntase na incapacidade (teórica) que as outras dúas forzas teñen para dialogar e pactar entre si. Touriño séntese como o dono da alfandega pola que debe transitar todos os acordos políticos e os antagonismos exterministas que trazaron noutrora a relación BNG-PPdeG é a chave que lle permite ao PSdeG ocupar esa pasiva, pero cómoda, posición de intermediación.

Presidencialismo

O principal recurso que adorna a centralidade dos «socialistas galegos» é a Presidencia da Xunta de Galicia. O presidencialismo é un adubío imprescindíbel da centralidade. Coma un novo rei-sol, centro da galaxia política galega, o Presidente convoca todos os focos mediáticos e atesoura unha gran forza de atracción gravitatoria. O presidencialismo de Touriño é aínda de rango doméstico, non é quen de borrar a imaxe do presidencialismo autocrático de Manuel Fraga, e unicamente é logra imporse sen discusións no seu propio partido. Touriño quere ser como Mitterrand, pero aínda non é como Maragall, e tampouco iguala a Ibarra ou ao Chaves. O presidente Touriño inténtao pero non lle sae. O 24 de xullo intentouno coa celebración da véspera coas forzas vivas da cultura e fracasou. O 25 de xullo tentouno arroupándose na delegación rexia e tampouco brillou. Magoantemente, todas as propostas de Touriño escintilean como un brinde ao sol e contrúen un sumatorio de declaracións que non conducen a maioría das veces a ningunha acción práctica.

O presidencialismo de Touriño maniféstase na aminoración da importancia do PSdeG como forza de goberno e no abaixamento do perfil político dos conselleiros socialistas. No aniversario da vitoria electoral, Touriño acudiu ao comite executivo dos socialistas para lembrarlle que el, e só el, era o factor da vitoria. A desaparición do sempre molesto Francisco Vázquez agranda o seu dominio no PSdeG e, de feito, non hai contrapoder ningún agás o que queira execer o lucense José Blanco, secretario de organización do PSOE.

Centralidade mediática e pouco máis

A centralidade do PSdeG e de Touriño é mediática, fundamentalmente mediático, establécese en termo de comunicación, de comunicación de imaxes e non tanto de mensaxes. Fernando Salgado está a conseguir, cunha intelixente e clientelar política de medios relativizar o peso dos poderes comunicacionais menos amábeis a base de reforzar a influencia dos máis acomodados aos intereses do touriñismo. Toda a atención que recibe dos medios aínda non consegue acrecentar o seu liderato diante da sociedade. Vai por diante nos inqueritos pero malia o intensivo investimento no seu liderato non consegue afastarse significativamente de Anxo Quintana. Non o consegue á hora de establecer a axenda política sobre os intereses de Galiza, no Estatuto, no financiamento nin na priorización da construción das infraestruturas, tampouco na creación de imaxinarios colectivos, compartidos ilusionadamente por todos (ou a maioría) dos galegos.

A xuntanza que o pasado 29 reuniu a Quintana e Feixoo pon en evidencia a fraxilidade de tal caste de centralidade pasiva e fundamentada na inacción política. A acusación de deslealdade e a recuperada teoría da pinza han de volver a primeira liña argumentativa do PSdeG para repoñerse do seu paso á periferia do debate sobre o futuro do autogoberno galego. A centralidade sen proxecto político de nada vale. Un dos máis talentosos deputados socialistas argumentaba hai anos que para vender máis, a panadería debe estar instalada no centro da cidade. Tiña toda a razón, pero ademais diso, tamén é preciso ter pan para vender, ou a falta de pan, tortas. O problema do PSdeG non a centralidade da súa panadería, é a incapacidade da súa panificadora de ideas.

21/07/2006

Civicismo

O politólogo irlandés Philip Pettit pasa por ser un dos ideólogos de cabeceira de Rodríguez Zapatero, á par do noso paisano Suso de Toro e doutros (polo de agora) invisíbeis e influentes autores dos que aos poucos iremos sabendo. Pettit, sonado profesor de Princeton, é autor de Republicanismo, unha obra que apareceu cando se esgotaba o século XX e que sexa pola súa serodia lectura presidencial ou polo vigor das súas ideas volve estar de feroz actualidade.

De paso por Cataluña, hai unhas semanas, foi obxecto de distintas entrevistas nas que aproveitou para popularizar a súa aposta polo republicanismo e, tamén, polo que el deu en chamar civicismo.
O neoloxismo civicismo é urxido pola taxonomía política dominante nos EEUU, onde republicano identifica unha opción (ultra)conservadora e liberal chega nalgúns casos mesmo a ser sinónimo de socialdemócrata. Pettit entende que dado que moitos dos ideólogos do liberalismo do XIX hibridáronse co republicanismo, é necesario un termo que permita a superación de nocións tradicionais como «liberal» ou «republicano», esa tradición mestiza liberal-republicana é o que el denomina «civicismo». A seguir unha peza.

Republicanismo segundo Pettit


Na entrevista que concedeu a Sin permiso, presenta longamente o que identifica como a substancia do republicanismo: «A idea principal é que, na medida do posíbel, ninguén debe estar suxeito ao control incontrolado doutros –ao seu poder arbitrario-, nin sequera ao control incontrolado do Estado; e iso, a pesar do feito de que o Estado é necesario como un medio para minguar os niveis privados de control incontrolado que algúns poden ter sobre outros. O Estado reducirá os niveis privados de control incontrolado protexendo ou fortalecendo aos relativamente débiles -e nalgúns aspectos todos somos débiles- e restrinxindo ou regulando aos relativamente fortes. E o Estado fará isto, sen ser el mesmo un centro de control incontrolado, en tanto existan apropiados impedimentos constitucionais, democráticos e contestatarios impostos polos cidadáns sobre o Estado. Estes impedimentos servirán como poderes de control de cada cidadán. Eles asegurarán que mentres o Estado controle ás persoas, como ten que facelo para cumprir o seu cometido, en si mesmo representa un centro de control controlado –poder non arbitrario– e entón é algo non esencialmente hostil á liberdade.»


A desertización da nosa sociedade civil

O galeguismo republicano dos anos trinta que tanto lle presta a Suso de Toro ou a Brétemas, e do que me manifesto igualmente querenciado, pode/debe reactualizarse, para fornecernos aínda hoxe toda súa riqueza democrática e transformadora, á luz de obras como a de Philip Pettit. Por exemplo, achegando unha reflexión sobre a necesaria redución do peso que ten a Administración galega como forza organizadora do país ou, sobre o que é o seu envés, chamando urxentemente a atención sobre o papel protagonista que lle toca e corresponde ás entidades da sociedade civil.


As institucións do autogoberno en Galiza non son un instrumento facilitador do protagonismo cidadán, moi ao contario foron, e seguen a ser, o seu principal substitutivo. A herdanza da Era Fraga neste terreo é pesada e nada fácil de cancelar. A Xunta foi durante dezaseis anos un centro de control incontrolado e tamén un instrumento de permanente intervencionismo nos asuntos civís; un poderoso desincentivador e un catalizador negativo das potencialidades do emprendemento político, social e mesmo económico dos cidadáns e as súas organizacións.


Posibelmente o produto político máis duradeiro do fraguismo sexa a conversión da nosa sociedade civil nun ermo, a súa política de desertización civil. O keynesianismo conservador polo que se viu abducido Manuel Fraga trouxo como principal consecuencia unha sociedade civil anémica, desposeída, subalterna, subsidiada, entregada, pasiva.

No tempo do ultradominio conservador sobrou administración da sociedade e faltou goberno. Faltou goberno como capacidade relacional, como espazo incentivador das iniciativas privadas e comunitarias, como elemento de regulación á súa vez regulado polos impedimentos constitucionais, democráticos e contestatarios dos que fala Pettit. Fartámonos da Xunta de Galicia como unha organización detentadora dun poder plenipotenciario, omnipresente e adoecimos malfadamente de institucións socializadoras do Poder Galego.

A contraparte necesaria do cambio


Tras un ano de percorrido, no goberno bipartito persiste esa mesma fascinación respecto da Administración galega como forza motriz das transformacións e como sostén da arquitectura básica do país. Mesmo os partidos da coalición son un algo menosprezados pola nomenklatura gobernamental como instrumentos coprotagonistas do cambio político.

O cambio como impulso da xestión política abafa ou empardece nas prioridades o cambio como impulso da acción dos cidadáns ou cando menos do diálogo entre goberno e a cidadanía. Algúns dos máis espertos xestores no círculo próximo recoñecen xa que podemos «gobernar pero non cambiar o país», a descuberta de falta de apoios sociais organizados e complicidades en vez de servir para certificar a necesidade dun labor construtivo ou constituínte da cidadanía, conduce á estratexia contraria, paliar a carencia reforzando a Administración como substitutivo. Para gobernar doutra maneira, a sociedade civil ten que deixar de ser unha mera comparsa retórica oaa se tornar nunha auténtica contraparte con capacidade propositiva, con vontade contestaría e con recursos de mobilización que a fagarn un auténtico contrapoder.

Herdanzas que hai que recuperar

O nacionalismo irmandiño dos anos vinte e trinta enfrontou a construción dunha nación sen poder contar con institucións propias, Galiza fíxose en grande medida sobre a base das capacidades da súa sociedade civil e non como unha sombra ben guiada da súa sociedade política.

Ese civilismo, fondamente republicanista, é unha tradición que temos urxentemente que recuperar para tecer redes autónomas de contestación, reequilibrio e enriquecemento das políticas públicas, como unha garantía de saúde democrática das institucións e como unha panca para remover as estruturas do vello caciquismo e evitar o xurdimento dun novo clientelismo aleitado polas formas tecnocráticas de gobernar eficazmente; é dicir, de administrar sen ser contestados ou incomodados pola expresión crítica e autónoma de demandas non atendidas ou de dereitos vulnerados.

Hoxe calquera reflexión que se faga nesta liña ponse fóra da sempre loada Realpolitik e significa entregarse á ensonación ficcional, o que non resulta estraño porque hoxe en Galiza iso que chamamos sociedade civil e outros antes chamaron comunidade ou simplemente pobo é en grande medida un non-lugar; unha utopía que aínda agarda polo seu tempo. Óscar Wilde dixo unha vez: «A un mapa do mundo no que non se atope o país Utopía non paga a pena nin botarlle unha ollada.» O mesmo pode dicirse dun país que non se atope unha utópica sociedade civil.