Mostrar mensagens com a etiqueta Memoria. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Memoria. Mostrar todas as mensagens

21/11/2009

Mestre Sciascia

De non ser por Juan Cruz o cabodano pasaría desapercibido: hai vinte anos morría en Palermo Leonardo Sciascia. Para epitafio elixiu unha frase de Villiers de l'Isle-Adam: «Lembrarémonos deste planeta.» En O mestre de Regalpetra, a súa biografía de Sciascia, Matteo Collura di que lle sería acaido un parrafeo de Antonio Borgese: «Para cando estea morto, aspiro a unha loanza: que ningunha das miñas páxinas fai propaganda dun sentimento vil ou malvado.»

Merecíao con toda xustiza. Todas as súas páxinas son un monumento á dignidade, un exercicio de radical liberdade. Hoxe poden lerse tamén como un rexistro de intelixencia esperanzada. Cando a morte lle descontaba horas, nunha conversa con Domenico Porcio, Sciascia afirmáballe rotundo:
Porque non hai pesimismo que sexa definitivo cando se escribe. Escribir é sempre un acto de esperanza. No máis fondo hai sempre esperanza.
Algunhas das lacónicas respostas que lle entrega a Porcio, compiladas en Lume na alma, teñen unha actualidade devecida:
—Un cretino é un cretino, dous cretinos son dous cretinos, dez mil cretinos son unha forza histórica.
—Segundo ti, cretino e estúpido son o mesmo?
—Cretino supón unha integridade, é máis forte; é a estupidez de vintecatro quilates. O estúpido é de dezaoito.
—No seu ensaio sobre a estupidez, incluído en Allegro ma non troppo, Carlo Cipolla, ocúpase entre outras cousas da relación entre estupidez e poder.
—Ah, certamente! O poder apóiase moito na estupidez. Cando non está xestionado directamente polos estúpidos.
—Que exemplo lle veñen á cabeza, entre os máis próximos?
—Os gobernos italianos, desde Gasperi en adiante, foron gobernos estúpidos.
—Incapaces de gobernar a cousa pública?

—Estúpidos en canto eran carentes da capacidade de simplificar os problemas e en consecuencia de afrontalos polo lado xusto. Porque o estúpido é complicado, é máis complicado que o intelixente [...] A estupidez é complicada. A conclusión terríbel é que estamos máis en mans dos estúpidos que dos intelixentes.
En Italia hai vinte anos, na Galiza de hoxe tamén, desgraciadamente.

Non podemos esquecer ao mestre Sciascia, os seus libros, o seu exemplo de radical dignidade.

08/11/2009

Testemuño

3C3 distribúe estes días, entre as súas novidades editoriais, Facendo historia con memoria de Lourenzo Fernández Prieto. Unha obra intelixente, de lectura absolutamente recomendábel para reflexionar sobre como se construíu e deconstruíu a memoria do franquismo e da democracia republicana. Non vou estenderme en gabanzas porque o autor e o editor, Amancio Liñares, son bos amigos desde os anos das aulas universitarias e o meu xuízo é (afortunadamente) radicalmente parcial. Quero comentar un dos moitos acertos do autor e o editor: a elección da imaxe da cuberta do libro. É ben difícil facer, cun único fotograma, un balance tan logrado do significado histórico do golpe militar contra a legalidade republicana.


A fotografía acouta o palco presidencial do desfile militar celebrado na Coruña o 14 de abril de 1936 para conmemorar o quinto aniversario da II República. De esquerda á dereita compoñen o grupo de autoridades: o alcalde da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín; o xeneral en xefe da VIII División, Enrique Salcedo Molinuevo; Juana Capdevielle, pedagoga e bibliotecaria, casada con Francisco Pérez Carballo; Rogelio Caridad Pita, xeneral da 15 brigada de infantería; e Francisco Pérez Carballo, avogado e dirixente de Izquierda Republicana, no que era un dos seus primeiros actos públicos como gobernador civil da Coruña. Todos eles serían asasinados tras o golpe de estado do 18 de xullo.


O escrito arxentino Oswaldo Soriano dixo dunha volta que «o fotógrafo é o mellor amigo do home»; tamén é un dos amigos máis fieis da memoria. O cámara que fixou aquel momento da primavera de 1936 non sabía que estaba a deixarnos un testemuño que, a día de hoxe, conserva toda a súa forza para reivindicar a república como único referente ético da nosa democracia e autogoberno. Esa fotografía traza, afortunadamente, a fronteira moral que nos arreda dos exemplares da novísima dereita desmemoriada e desmemorizadora que, como Carlos Negreira, aspiran a gobernar a cidade da Coruña á sombra de Millán Astray. Quen queira unha razón máis para procurar a súa derrota democrática pode deter a súa ollada durante un par de minutos neste retrato da legalidade republicana, raíz fonda das nosas liberdades.

21/10/2009

Memoria plural

Ao longo da súa historia, a xestión do pluralismo ocupa un lugar central na axenda do galeguismo e do nacionalismo; un trazo característico das súas fómulas organizativas e da súa apelación á sociedade, mais tamén un capítulo de difícil coidado e nada doada práctica á hora de combinar a diversidade de voces e compoñentes ideolóxicos e a necesaria formación dun núcleo común de pensamento e acción política.

O Rexionalismo e a Solidariedad Gallega, nos inicios, e as Irmandades da Fala, despois, foron un agregado de elementos doutrinarios e políticos de procedencias moi diversas. O seu pluralismo respondía á necesidade de sumar unha masa crítica mínima, imprescindíbel para poder presentarse diante da cidadanía como un proxecto críbel, pero tamén obedecía a unha estratexia coa que se quería, en clave interclasista, implicar ao conxunto da cidadanía de Galiza.

Interclasismo, converxencia de organizacións diversas (e dispersas) e pluralidade de posicións políticas e ideas que estarán igualmente presentes na constitución do Partido Galeguista e que son elementos que só verán rebaixada a súa importancia, durante un brevísimo período, tras a creación da UPG e o PSG, dun nacionalismo digamos con «distintivo de clase». No derradeiro franquismo e na transición pactada á democracia, na procura da coordinación de forzas ou no desenvolvemento do frontismo incorporase como sinais distintivas, e tamén como desafío, o goberno da diversidade e o pluralismo político-ideolóxico interno nas organizacións dos nacionalistas galegos.

A Fundación Galiza Sempre vén de editar O nacionalismo galego nos seus programas políticos. O século XX, onde axuntan textos fundacionais e programáticos e estudos para a súa análise politolóxica e histórica. A escolma ábrese co «Manifesto da Asemblea de Lugo» de 1918 e péchase coa «Declaración de Barcelona», marco fundacional de Galeusca en 1998, e reúne documentos fundacionais das Irmandades, do Partido Galeguista, e declaracións de principios da UPG e do PSG, xunto con propostas constituíntes para o autogoberno nacional de Galiza e conformación federal do Estado, como as «Bases Constitucionais» de 1976, ou o redeseño estratéxico e organizativo do BNG plasmado en 1990 en «Posición e proposta do BNG perante a unidade do nacionalismo».

Unha presada de documentos de autoría mancomunada, reflexo das organizacións como intelectual colectivo, que compoñen un suxestivo convite á lectura reflexionada sobre a evolución do nacionalismo galego no século pasado. As análises de Xusto Beramendi, X.R. Quintana Garrido, M.A. Fernández Vaz, Noa Ríos Bergantiños, Uxío-Breogán Diéguez e P. Viveiro Mogo ofrecen ricaces interpretacións do tempo histórico, dos avatares organizativos e das posicións políticas nas que se enmarcaron os textos seleccionados.


Mais a compilación de Galiza Sempre vale tamén para reflexionar sobre como se constrúe a memoria. O libro ten valor e solidez sobrada como para non crebar por algúns reparos críticos que se lle pode facer desde a perspectiva da recuperación e estima dunha memoria plural.


O nacionalismo galego é algo máis que o BNG na actualidade ou que o BNPG até o comezo dos anos oitenta, e tamén máis, aínda que en moita menor medida, que o Partido Galeguista ou as Irmandades da Fala no primeiro terzo do século XX. Hai algunhas tradicións esgazadas, ou non, da corrente maioritaria, moi singularmente as referidas ao arredismo nas primeiras décadas do pasado século, ou do independentismo a partir dos anos setenta que, malia a súa maior ou menor relevancia en termos sociais, organizativos, político ou institucionais, tiveron e teñen unha influencia certa no debate de ideas ao redor de Galiza como nación e a procura da súa soberanía política.


A edición da Fundación Galiza Sempre é unha útil recuperación da memoria do nacionalismo mais é tamén a expresión dunha memoria parcial, incompleta, e o criterio da escolla dos textos oficializa unha sorte de xenealoxía ideolóxica do BNG actual que non incorpora formacións e tradicións de pensamento que mesmo confluíron organicamente no seu seo.
A liña xenealóxica vencella Irmandades da Fala-Partido Galeguista-UPG-PSG e o propio BNG. Unha composición feita, en gran medida, desde a primacía dos socios fundadores do BNG na Asemblea de Riazor e daquelas formacións das que se sentían herdeiros; opción non explícita que conduce ao esquecemento do PNG-PG e de toda a tradición que desde o POG vai á segunda Unidade Galega pasando por Esquerda Galega e PSG-EG. Invisibilízanse e enxordécense dúas correntes do nacionalismo contemporáneo incorporadas ao proxecto común, mesmo unha delas disolta organicamente no BNG, caso inédito na intrahistoria da fronte.

Hai un criterio de tratamento singular co PSG; como anota Comba Campoy, coordinadora da publicación, «facendo xustiza a unha fonda evolución ideolóxica, que levou ao PSG a emanciparse do fin para o que tiña sido programado, optamos por incluír un texto de 1974, máis dunha década posterior a súa fundación, onde é explícita a adscrición ao nacionalismo». Alén deste hai outros casos, o de Inzar no espazo organizado do BNG, ao que lle acaería un tratamento semellante e que valería para ilustrar convenientemente a incorporación ao nacionalismo de partidos que orixinariamente non se definiron ideoloxicamente como tales.


Se o que organiza a escolla da Fundación Galiza Sempre é, como se di na presentación, «agrupar os documentos que dan testemuño da traxectoria ideolóxica e programática das organizacións inequivocamente partidarias dos dereitos nacionais do pobo galego», hai sobrados argumentos de xustiza para preparar, cando menos, un outro volume que dea cabida a novos estudos e documentos. Entre os asinantes da primeira entrega hai autores, por citar algúns: Beramendi, Quintana Garrido ou Fernández Váz, que son excelentes coñecedores dalgunhas das tradicións agora non valoradas e outros, como Núñez Seixas, que poderían sumarse para completar o cadro de voces que historicamente protagonizaron o nacionalismo galego.


Coidar do pluralismo do nacionalismo, ou se se quere, do pluralismo do BNG, pide coidar tamén da pluralidade da memoria, é cousa sabida que unha memoria fanada non é a mellor axuda para definir o núcleo común de ningunha forza política ou social nin para a establecer condicións de igualdade entre todos os que comparten un mesmo proxecto de acción. Negándonos retallos da memoria, negámonos posibilidades de futuro.

04/08/2009

Trindade


Hai días que a lectura do xornal teñen un innegábel poder evocador. Hoxe mesmo. Tras o repaso de novas e opinións sobre a absolución (en proceso) de Francisco Camps fun arrastrado por unha onda de agarimosa señardade ás clases de Historia Moderna coas que nos agasallaba don José Manuel Pérez García en 1982, ano triunfal de Felipe Gonzalez e do Rock and Ríos entre outras iconas sentimentais que non dan caducado. Nese ano de fin da Transición, o agarimado Pepe Pérez, home da Escola de Anais trasplantada a Compostela e para nada promarxista, encomendounos o estudo dunha obra que Louis Althusser titulou Montesquieu; la politique et l'histoire e que nos limos na delicada tradución que Ariel lle debeu a María Ester Benítez.

Sobrevivín a Althusser e o seu verbo duro e rematei a lectura convencido da pertinencia da separación de poderes ao xeito de Montesquieu. Co tempo as miñas conviccións separatistas sufriron numerosos axustes de contas a mans dunha teimuda realidade que abonda no totum revolutum de poderes e poderosos. A sentenza dos traxes, feita a medida de Francisco Camps, chégame nun momento de humorado descreimento sobre a acción independente dos poderes executivo, lexislativo e xudicial.


O tempo non pasou en balde para O espírito das leis. Hoxe a pouco que abramos os ollos mostrarásenos revelador o misterio da Santísima Trindade para explicar o xogo cómplice e a relación complicada dos Tres Poderes. O PODER (con letras grandes) é un e trino en moitos dos territorios deste magoado Estado e tampouco é cousa ir proclamando por aí que Montesquieu era un tronado que cría nos paxaros preñados e a escrupulosa segregación entre pluriempregados lexisladores, togados xuíces e traxeados gobernantes.


Pero a estas alturas, sendo tan promiscuo o revoltallo de poderes, de estar entre nós o Señor da Brède e Barón de Montesquieu de certo que estaría pensando en que paredes medianeiras ou cordóns sanitarios é urxente deliñar para evitar que a porosa división de poderes da nosa democracia se converta nun ménage à trois desvergonzado e dantesco, cando non abertamente pornográfico.


Eu daríame por contento se se implantasen algunhas normas de sentido común como as que rexen a arbitraxe futbolística. Váleme esa que impide que un colexiado pite naqueles partidos onde xogan equipos da súa demarcación territorial. Se os casos de corrupción política se sometesen a ese simple de corrección do imparcial arbitrio é moi posíbel que o 2-1 co que librou na casa Francisco Camps se puidese tornar nun 1-2. Que o xuíz competente, ademais de independente, non sexa veciño de porta con porta estou seguro que faría feliz a Montesquieu e a outros moitos demócratas clásicos.


Entrementres hai que ter fe e crer na independencia e separación dos tres poderes. Independencia e separación de decisións, bolsa e facendas que rexe escrupulosamente as relacións de Camps cos seu amiguito del alma El Bigotes e deste cos consellers que engordaban con fondos públicos as súas empresas, e por suposto dos ditos consellers co president que os nomeou, ese lanzal, elegante e honesto mártir popular que foi bautizado como Francisco Camps Ortiz.

25/07/2009

Compostela transparente

Segundo a ONG Transparencia Internacional, Santiago de Compostela é un dos concellos máis transparente do Estado e o máis de Galiza. A nova chégame cando estou entregado á lectura distraída do Libro do Concello de Santiago (1416-1422) no que Ángel Rodríguez González transcribiu con dedicación a primeira documentación dispoñíbel do goberno municipal compostelán.

O códice, en lingua galega, ficou moito tempo extraviado entre alfaias bibliográficas atesouradas por Neira de Mosquera quen o espremera para confeccionar Monografías de Compostela. En 1967 retornou á orde do Arquivo Municipal de Santiago de Compostela e, en 1992, o Consello da Cultura Galega imprentou a paciente composición de Rodríguez González.
O Libro do Concello pide unha lectura vagarosa xa que é moito o que hai que debullar nas súas reviradas e solemnes letras.


Verdugos, canteiros e carpinteiros


Singularmente gorentosa é a composición e avatares da RPT do concello daquel tempo; ademais dos «políticos» e cargos de confianza, anótanse as condicións salariais e laborais doutros servidores municipais.


Un dos casos literariamente máis felices é o de Afonso da Cana, un honrado carniceiro que ampliou negocio como verdugo da cidade. A (s)elección de Cana dátase o 23 de outubro de 1416 e acompañouse dun estrito código de incompatibilidades e deberes, un salario anual considerábel (300 maravedís en tres cotas de 100) e a súa promoción interna ao posto de pregoeiro de finar Domingos Longo quen daquela se ocupaba de dar as voces oficiais do municipio.

Reflíctese tamén con precisión o catálogo de funcións de Afonso de Cana para que «faça e cumpla o que mandaren as ditas justiças ennos homes e molleres que eles prenderen ou mandaren prender e foren presos e posto enna cadea do conçello [...] enforcando e açoutando ou degolando ou deçepando aquelas persoas que foren sentençiadas enna dita cadea por los alcaldes». Entre as obrigas, a de residencia e non ausencia do termo municipal, a incompatibilidade con calquera outro servizo a «cavaleiro nen escudeiro, dona ou donzela, nen de outra persoa poderosa».


Resolta a selección de persoal rexístrase relixiosamente o pagamento pautado dos seus soldos, os primeiros 100 maravedís sen que chegasen a transcorrer dúas semanas, certificando así que houbo un tempo no que o Concello de Santiago era un excelente pagador de provedores. En anotacións posteriores documéntase a libranza, máis ou menos puntual, dos salarios do verdugo até que comezan a xurdir problemas de liquidez na tesourería municipal por causa duns impagos do arcebispo. Nunca foi duradeira a felicidade de quen cobra do erario público.


A maiores, o municipio tivo que mellorar os seus equipamentos para que o carniceiro-verdugo puidese facer cumpridamente o seu traballo; así, en maio de 1417, atendendo ás indicacións do arcebispo Lope de Mendoza, mándaselle construír ao pedreiro Álvaro da Rocha un novo rollo ou picota no monte Ouriz nas abas da Almáciga. A licitación é rápida, como veloz é o pagamento dos labores do canteiro no mes de xuño. E, xa remantando o ano, faise contrato a Lopo Gómez, carpinteiro, para que faga as escaleiras do rollo.


O financiamento da obra de carpintería había de proceder do cobro dunha débeda que Gil Peres, ex-procurador municipal, tiña pendente co cabildo. Non consta por ningures que Lopo Gómez cobrase, cousa á que non deben ser allea as dificultades para saldar a débeda. Todo hai que dicilo, tampouco hai constancia documental ningunha de que as escaleiras do rollo fosen rematadas. Problemas de recadación e de demora de obras que nos regresan inevitabelmente aos nosos tempos.


Materia literaria farturenta


O Libro acolle outras historias exquisitas como a da manda, remunerada con 150 maravedís, ao crego Juan de Boado para que armase o reloxo da cidade ou a exención de tributos que se lle fai ao bretón Oliver Morín, bulseiro, como agasallo por dedicirse a morar en Compostela. Tamén o adiantados que eran ao seus tempos os rexedores municipais cando a Lionor Garrida –parella de feito do mestre Fernando, cirurxán municipal, «a quen Deus perdon»– lle fixeron recoñecemento de dereitos para eximila de pagar rendas xa que «husava do dito offiçio e era muy conplideyra en el aos visiños [...] e non era casada e eso meesmo era poble e non comprava nen vendya». Nota de que, malia a santidade da cidade, había consideración coas vidas de moral relaxada.

Non sei se as transparencias administrativas coas que se engalana actualmente SCQ resultarán tan gozosas para os lectores de séculos vindeiros; en calquera caso, nas microhistorias da Compostela transparente do século XV hai unha mina literaria, un tesouro para a creación tan ricaz como a materia de Bretaña, cousa que ben nos demostrou Marcos S. Calveiro coa súa magnifica Festina lente ambientada na igualmente transparente Compostela dos séculos XVI e XVII.

19/06/2009

O prisioneiro Ferrer

Tristes ausencias: Hortesia Bussi, Ralf Darendorf, Vicente Ferrer... A viúva dunha historia da dignidade, unha intelixencia atenta aos conflitos do cambio, un humanista solidario... O obituario cárgase hoxe con grandes perdas para a humanidade.

De inmediato, e paradoxalmente, a súa apenada desaparición vainos facer moito máis visíbeis e recoñecíbeis para ese «gran público» que eloxiou criticamente Dominique Wolton. Ofreceránsenos biopics informativos, compactados e simplificados en grandes trazos e titulares. Nada que obxectar.


Hai, porén, unha estampa da vida de Ferrer que me gustaría que non se esvaecese nas memorias mediáticas: a súa militancia no POUM e o seu paso polo campo de concentración que se instalou, temporeiramente, nunha fábrica de curtidos betanceira. Vicente de la Fuente García, que foi alcalde de Betanzos entre 1979 e 1983, recuperou esa liña biográfica de quen será chorado como un «filántropo xigantesco» e «un santo en vida» e que foi tamén un combatente republicano e un represaliado do franquismo.

Na súa boa memoria lean «Un recluso en Betanzos, llamado Vicente Ferrer» para saber máis daquelas derrotas e das solidariedades primeiras que marcaron a súa vida.

22/05/2009

Trilos: Memoria

A favor dos dereitos de autor e contra os excesos apoloxéticos, Camilo reivindícase e reivindica a boa memoria.

02/05/2009

A fin da fronteira

A comezos de abril, compartimos con Bouzafría e familia uns días feirados nas terras da Paradanta. A casa familiar acubilla unha biblioteca que foi arrebatada ao trapeiro e que semella suspensa no tempo da transición política. Máis de dous centos de volumes de editoriais, coleccións e revistas nas que fixen unha boa parte das miñas lecturas de adolescencia: Argos Vergara, Ruedo Ibérico, a colección «Reno» de Plaza y Janés, Grijalbo, Galaxia e, como non, Bruguera. Non podían faltar tampouco exemplares de Tiempo de historia e Historia 16. Literatura, clásicos e outros novísimos que xa nesta hora son clásicos, historía divulgativa, xornalísmo de investigación, memorias e obras de pensamento político. Alí descansan en ordenada anarquía Jack Kerouac e León Trotsky, Risco, Llorenç Villalonga e Sven Hassel, acaroados, entre outros, a Curzio Malaparte ou Harold Wilson.

A ollada detívoseme en Cabos sueltos de Enrique Tierno Galván, unha edición de Bruguera-Zeta de 1981. Unhas memorias que o vello profesor renuncia a etiquetar como tales para outorgarlles, en cambio, a modesta condición de ser fíos de lembranzas desnobelados sen maiores pretensións. As súas letras comezan co golpe militar contra a República e ponlles fin cunha cea compartida con Felipe González na que se decidiu a converxencia do PSP co PSOE en 1978.

Don Enrique tivo unha vida intensa e hai un mundo de cousas en Cabos sueltos que poderíamos reseñar. No capítulo 30 détense a comentar a aparición de El País que cualifica como «un xornal liberal, discreto e equilibrado» e do que salienta que se converteu «en certo modo, no orientador da clase dirixente en canto ao descubrimento do camiño máis sensato e moderado» e nun «espello de equilibrio e xuízo». O vello profesor non economiza gabanzas: «El País representaba o liberalismo permanente, e aínda, malia todo, representa se non o liberalismo permanente, si cando menos a crítica obxectiva e neutral fronte ás posicións que se exceden do tolerábel».

O eloxio ten moito máis mérito xa que Tierno Galván non deixa tamén de consignar a súa queixa amigábel: «Ao PSP, El País nunca lle foi propicio [...] Ao chegar as eleccións, o xornal inclinouse abertamente polo PSOE, como partido socialista maioritario, e contribuíu a que se debilitara o noso partido. Pensaría, creo eu, o elenco político do diario, que os partidos menores facían máis dano que ben á política nacional.» Hai unha última afirmación do vello profesor que ten un valor engadido nestes días: «El País presentouse ponderado na exposición e correcto canto á delimitación das fronteiras do permitido moralmente e do non permitido.»

Dáse por certo que o xornal madrileño negouse a publicar, o pasado xoves, unha columna dun dos seus máis brillantes xornalistas, Enric González, que contiña a seguinte afirmación: «Calquera día, en calquera empresa, van rebaixar o soldo aos obreiros para financiar a ludopatía bolsista dos donos. Xa sei que esaxero, que esas cousas non pasan».

Entristece saber que esas cousas pasan e produce arrepío comprobar a susceptibilidade dos donos de PRISA. Pero o que máis dano fai é verificar que as fronteiras entre o que está moralmente permitido e o que non semellan estar, a estas alturas, esvaecidas cando non borradas de vez nese medio que, noutrora, foi un espello de equilibrio e xuízo. Triste de asombrar. Como para deixar de ir ao quiosco.

08/01/2009

Bueno

A poucos días da morte de Marijé Díaz, antiga compañeira de aventuras militantes, chega coa noitébrega a mala nova do pasamento de Agustín Bueno. Todo o que se diga da bondade de Agustín ha de quedar en testemuño apoucado. Non podo gabarme de ser o seu amigo, nin de tratos persoais maiores, funlle un admirador na distancia longa e benefícieime da súa bondadosa achega a través de persoas interpostas que o tiñan por amigo de corazón.

Crente galego, de tolerancia infinita, de modestia amigábel e entregas xenerosas, Bueno era un facilitador das mellores causas e unha peza imprescindíbel para calquera iniciativa social ou solidaria que botase raíz no barrio do Castiñeiriño, un dos máis vizosos laboratorios da acción comunitaria en SCQ.


Estou certo que Bueno compartía a cartografía que tracexou o teólogo valenciano José Ignacio González Faus cando fixou que «a terra está dividida en tres únicos continentes: o das vítimas, o dos indiferentes e o dos comprometidos». Unha forma humildosa de describir a vida de Agustín sería dar conta da súa enxeñaría solidaria para tender pontes entre o continente do compromiso e o das vítimas, e para roubarlle terra, aire e razóns ao mundo dos indiferentes.


Como o premio Nobel da Paz, Elie Wiesel, sabía que «actualmente a crueldade máis grande é a indiferenza» e que «coñecer pero non actuar é unha forma de consentir as inxustizas». Ao coidado da xustiza dedicouse con enteireza, foi unha loita admirábel e de logrados froitos. Raiola, Irimia, a Asociación de Veciños do Castiñeiriño, o movemento de crentes galegos... e mil iniciativas máis tecéronse coa axuda das mellores fibras de Agustín Bueno, un home bo ao servizo do ben dos demais. A súa familia, amigos e conveciños están de loito, o mellor da humanidade tamén, perdeu a un dos seus.

30/12/2008

Na xungla de papel

Nestes días de andaina iniciática dun novo xornal de Galicia, vénseme á cabeza, como retrouso, Los demasiados libros, un título imprecindíbel no que o poeta e ensaista mexicano Gabriel Zaid reflexionou sobre a sobreprodución de títulos e os futuros posíbeis da industria editorial. Galiza agarda por un ensaio de razóns semellantes, que ben se podería titular Os demasiados medios, para explicar cabalmente a proliferación de cabeceiras informativas (reais, irreais e virtuais) que inzan os quioscos e a rede dun país de poucos lectores pero de abondosas axudas públicas (directas ou indirectas) ás empresas de comunicación. As razóns son sabidas pero tamén son pudorosamente obviadas.

De modo xenérico, para facer cartos cun xornal hai tres instrumentos: a publicidade, as promocións e a venda do papel impreso ou da visita virtual. No que D. C. Hallin e P. Mancini denominaron sistema político-mediático mediterráneo habería que sumarlles as subvencións e axudas públicas, auténtico cuarto piar do negocio da comunicación nos países latinos.

Neste ecosistema mediático, o equilibrio de ingresos é altamente inestábel e calquera novo produto pode provocar turbulencias con graves impactos no balance de resultados, máis aínda en tempos de crise global dos media; por iso a algúns (poucos) gustaríalles que a xestión das axudas e as publicidades das administracións públicas aténdese escrupulosamente ao efecto Mateo segundo o cal «ao que máis ten, máis se lle dará; e ao que menos teña, aínda o pouco que teña se lle quitará»; de aí a carraxe provocada porque a directriz bíblica se aplique de xeito imperfecto e que non se impuxese (aínda) a expropiación do pouco que reciben os menos podentes.

Non é ningún segredo que, en Galiza, o medio de comunicación que máis ten é tamén o que máis recibe e que este feito contábel non impide ao seu dono autoproclamarse «o último editor independiente de España» ou aparecer como o denunciador da falta de librecompetencia mediática («A competencia non está nos medios, senón que vén do mundo político, dun fondo de réptiles empresarial, de nacemento espúreo»).

Coraxe manda: «Non edito ni falo para que me queiran, senón porque quero a Galicia.» Esta a súa divisa non foi garantía suficiente para que non deformase grotescamente un medio de comunicación até convertelo nun medio de obsesión. A axenda obsesiva enfía a Cidade da Cultura, a Feira da Habana, a competencia xornalística e as tentacións de San José, o negocio eólico e outras moitas paixóns e odios máis ou menos fabulados. Unha axenda que tapa os méritos de quen lle discute a súa predominancia e arrogancia mediática, fabrica éxitos artificiais para quen se lle entrega mansamente, e afoga a todos os demais na indiferenza.

A posición herdada no mercado mediático galego alenta sobradas prepotencias e sabe que se pode facer e dicir o que queira porque só se escoitará alto e claro unicamente o que el desexe; e que a onde non cheguen as súas palabras de orde chegarán as súas ordes de silencio. E así se seguirá até que os lectores rescindan a súa lealdade ou un mal paso na xestión aboque á grande empresa á creba.

Falamos moito de que a nosa democracia está mediatizada e de que, como afirma Salvador Cardús, «os medios se converteron no escenario da política», mais en verdade a algúns aínda lles parece que a política está pouco mediatizada e aspiran a que os «homes de empresa» do cuarto poder sexan quen determinen as grandes decisións, cando menos, do primeiro e segundo poder. Esa caricatura mesiánica dos grupos mediáticos como auténticos demiurgos da cousa pública empata moi ben cun modelo de política patricia que despreza as representacións plebeas e cun entendemento oligárquico do que é autogoberno democrático.

O Galicia

Con semellante pano de fondo, releo Castelao na luz e na sombra, onde Valentín Paz Andrade rememora a fundación do xornal Galicia en 1922. Unha aventura cunha liña editorial esteada na independencia, no liberalismo e na galeguidade.

Paz Andrade, como director, entendía innovadoramente a caricatura e o editorial como «dúas pezas claves para gañar lectores» e por iso privilexiou o humor gráfico da man de Castelao e institucionalizou na prensa galega o editorial xa que, na súa idea, a «quen lee, gústalle recibir preformada unha opinión idónea a soster sobre os acontecementos ao ritmo que van sucedendo». Valores, posición editorial e humor son compoñentes imprescindíbeis de todo bo xornal e o Galicia foi naqueles tempos un excelente xornal.

Don Valentín fai tamén memoria da recepción do novo xornal: «O diario en aquele dia lanzado [25 de xullo de 1922] foi acollido como nos agardabamos. Con quentura e ledicia no pobo e nas crases media e culta. E con receio no estamento dominante da sociedade. Con receio, mais sin xenreira.» É ben posíbel que a ollada que nos ofrece sobre o acollemento do Galicia estea cangada de candidez e dunha nostalxia optimista, pero de todo é certo que se o xornal de Paz Andrade saise a rúa hoxe atoparíase con toda a quentura da xenreira e con todos os receos imaxinábeis xa que, tal como está o mercado mediático, os que máis teñen unicamente son quen de imaxinar dúas políticas: o exterminismo ou o canibalismo.

09/10/2008

Azaña reloaded

No día en que os xornais dan conta da abxuración parlamentaria do franquismo por parte do PPdeG, leo/escoito, grazas á xentileza memorialística do Ministerio de Cultura, «Paz, piedad y perdón», o discurso que Manuel Azaña pronunciou en Barcelona o 18 de xullo do segundo ano da guerra en defensa da República.

Eran as 19.35 da tarde e supoño que era un día de calores mediterráneos pero iso non abrandou a firmeza nin a enerxía do verbo do presidente da Segunda República. Rotundo pero reflexivo: «O que importa é ter razón e, despois de ter razón, importa case tanto saber defendela, porque sería triste cousa que tendo razóns parecese como se a tivesemos perdido a forza de palabra entolemiadas e de feitos reprobábeis. É certo que ao cabo a verdade e a xustiza se abren paso, máis para que o abran, é indispensábel que a verdade se depure e se purifique no íntimo da conciencia e se acicale baixo a lima dun xuízo independente, e que saía á luz co apoio e o seguro dunha responsabilidade.»

Pasei un bo rato coa súa oratoria pousona, de repenique vagoroso e firme como martelo que bate o ferro. Unha melancólica forma de rematar o día e lembrar ao avó Domingos, O Ardeiro, correlixionario de Santiago Casares Quiroga e azañista entusiasta que nunca soubo do discurso de don Manuel por estar no cárcere da Coruña purgando ás súas fidelidades republicanas.

25/06/2008

O emperador

O emperador do mestre K. cumpre tres décadas. Escribiuno, catro anos despois do derrocamento do Rei de Reis, debullando testemuños para reconstruír un ecosistema político aleitado coas materias primas de toda autocracia: a discrecionalidade máis absoluta e a submisión máis extrema. «Engaiolábame a estrutura do poder autoritario e o seu funcionamento, e atopei no réxime de Haile Selassie e na forma en que funcionaba o seu pazo e a súa corte un exemplo fascinante de poder autoritario –confesoulle a Ricardo Cayuela Gally– fascinábame tanto ese tema porque en Polonia viviamos baixo un réxime autoritario e esas analogías de funcionamento parecíanme chocantes e clarificadoras a un tempo».

Biografía do poder absoluto


Guiado por Teferra Gebrewold, un antigo responsábel do Ministerio de Comunicacións durante o reinado do Negus, Kapuscinsky procedeu como un coleccionista desexoso de recuperar «cadros condenados á aniquilación para facer con eles a exposición da antiga arte de reinar»; nun «país en que se coñecían só os métodos máis crueis da loita polo poder».

Esa vontade restauradora da memoria deseña a trama fundamental da súa narración. Na súa cerna, o retrato de Haile Selassie reflectido nas voces dalgúns dos seus colaboradores máis directos: «Un personaxe simpático, un político perspicaz, un pai tráxico, un avaro patolóxico; condenaba á morte a inocentes e indultaba a culpábeis por simples caprichos do poder, sen máis: labirintos da política de pazo, ambigüidades, escuridade que ninguén é capaz de esculcar.»

Kapuscinski ofreceunos unha biografía do poder que desvelaba a natureza dual do Elixido de Deus: «Naqueles anos existían dúas imaxes de Haile Selassie. A primeira –coñecida pola opinión pública internacional– presentaba ao Emperador como un monarca talvez un tanto exótico pero valente, ao que caracterizaban unha enerxía inesgotábel, unha mente esperta e unha profunda sensibilidade; como o home que plantara cara a Mussolini, recuperando o imperio e o trono, e que se fixou o ambicioso obxectivo de sacar ao seu país do subdesenvolvemento e xogar un papel importante no mundo. A segunda imaxe –que ía formando gradualmente a parte crítica e, ao principio, pouco numerosa da opinión pública etíope– presentaba ao Monarca como un soberano capaz de facer calquera cousa con tal de manter o seu poder e, ante todo, como un gran demagogo e un paternalista teatral, que cos seus xestos e palabras enmascaraba a venalidade, a cerrazón e o servilismo da elite gobernante, por el creada e mimada.» Para recoñecer finalmente que «como adoita ocorrer na vida, ambas dúas as imaxes eran auténticas».

Contra a cancelación da conciencia histórica


Trinta anos despois, «Etiopía, o país da miseria máis espantosa e da ignorancia máis atroz» presenta unha fasquía callada de continuidades e rupturas: os derrocadores do León Triunfante de Xudá foron a súa vez derrocados, pero non houbo Restauración do pasado pero tampouco avances fundamentais que mellorasen un escasísimos logros da experiencia do socialismo (ir)real no Corno de África. Os «discursos cesáreos sobre o desenvolvemento» soan tan ocos como hai tres décadas; a miseria máis espantosa segue a gobernar a vida de millóns de persoas e a señardade polo Emperador non pasa do estampado das camisolas nas que compite con Bob Marley.

Resisten moitísimo mellor o paso do tempo as páxinas de Kapuscinski e axúdannos a emendar a súa diagnose sobre a obsolescencia prematura da prosa xornalística e a necesidade «ensaificación» para superar o seu esgotamento inmediato: «A capacidade de retentiva do home é cada vez máis escasa. Hoxe asistimos á desaparición da conciencia histórica. A historia substitúese polo collage. As xeracións en proceso de maduración a penas saben o que ocorreu hai vinte anos. Este é un fenómeno enteiramente novo. Esa ruptura co pasado suxire a pregunta de como escribir con este transfondo para que ao día seguinte non se converta en papel de refugallo. [...]. Como evitar que a propia escritura se volva obsoleta tan rapidamente?» En O emperador atopamos un excelente manual de estilo para superar a desmemoria e a escrita con data de caducidade inmediata.

31/05/2008

Obituario trastempado

Pasei a derradeira semana de abril, o mes máis cruel que mestura memoria e desexo, nun non-lugar do Sur Global. Entre outras ignorancias, o silencio informativo imposto pola ausencia de xornais, radios ou tv entendíbeis ou unha internet accesíbel impediume saber á súa hora da morte de Charles Tilly.

Hoxe, entre retallos virtuais atrasados, dou cun artigo no que se fai memoria do sociólogo norteamericano lembrándonos que «Chuck [Tilly] ensinaba aos seus estudantes e colegas que a crítica implacábel necesariamente debe vir acompañada, cando menos, da insinuación dunha solución ou dun camiño alternativo.» Unha suxestión que debería formar parte do libro de estilo de toda proposta de pensamento crítico.

Houbo un tempo en que moitos para desempoeirarnos intelectualmente frecuentabamos as súas obras sobre a acción colectiva, os movementos sociais, as transformacións revolucionarias ou a formación dos Estados-nación. Hai un libro seu que ten, para miña idea, un dos títulos máis engaiolantes das ciencias sociais contemporáneas –Grandes estruturas, procesos amplos, comparacións enormes–, no que fai unha intelixente discusión, crítica e radical, das herdanzas intelectuais do pensamento evolucionista do século XIX. Nalgures, entre os restos do meu naufraxio lector, agarda vez a súa monografía Violencia colectiva. Unha boa homenaxe, a súa lectura.

30/05/2008

Brevidades

En Servabo. Memoria de final de século, Luigi Pintor ofrécenos poucas e afinadas letras para reconstruír unha biografía callada de firmes compromisos e décadas de mesta historia. Considerado por Berlinguer como a pluma «máis brillante e aguda» de Italia, Pintor traballou, entre 1945 e 1965, en L’Unita e foi fundador, en 1969, de Il Manifesto do que será director en diferentes etapas.

Un post de Brétemas sobre a lectura en pantallas e as sabidas recomendacións de acoutar os textos a esas mínimas e máxicas duascentas palabras faime lembrar a testemuña minimalista de Pintor: «Durante anos apliquei á escritura as técnicas meticulosas que se usan nun teclado. Recortaba e limaba os meus escritos publicados no xornal: interminábeis resumos de discursos alleos e tímidas probaturas personais, descubrindo que de tres liñas sempre hai unha que sobra e chegando á conclusión de que dúas páxinas (como aínda sosteño) son suficientes para esgotar calquera argumento. Agora penso que practiquei unha profesión e un tipo de existencia moi diferente do que me propuxera. Dúas páxinas acumuladas cada día no curso dos anos, como os novelescos peixiños de ouro colombianos, forman unha pila dunha altura semellante a 12.000 follas de calendario, un longo fragmento de vida.»

07/03/2008

A voz de Xocas

En 2004 Afonso Vázquez-Monxardín recompilou para o Arquivo Sonoro de Galicia os testemuños orais de Xaquín Lorenzo. Agora aboian no meu babel bibliotecario cos seus refachos de memoria e autenticidade, pescudas intelixentes nas raíces do país. «Somos un pouco afeccionados a falar de Galicia, da casa galega, da etnografía galega, do folclore galego, da historia galega; todo isto está moi ben. Pero detrás diso hai algo, que é o pobo galego. É a xente que fixo todo iso, e iso témolo un pouco esquecido e só cando un se mete a fondo ao estudo destas cousas chega a identificarse con ese pobo, co pobo de Galicia. E entón é cando un lle ve as súas grandes virtudes e os seus defectos, porque tamén os ten. E cando nós nos damos conta de que somos nós. Que temos unha personalidade, mellor ou peor, pero nosa.»

Tamén, nalgún dos seus parladoiros reflítese unha ollada atenta e actualísima do mundo en proceso de globalización. «Cando penso que hai tanta xente morrendo de fame, cando hai nacións enteiras que están na maior miseria e que se están gastando miles de millóns en armamento; cando o armamento dun só día, os gastos dun só día dunha destas nacións calquera bastaba para paliar a fame de moitos centenares de homes, síntome horrorizado precisamente porque estamos nunha época en que o mal está dominando o mundo.»

E gosto especialmente deste retrinco, un chamado a fundirse na paisaxe, sorte de camuflaxe antropolóxica e ambiental. «Eu séntome dediante dunha paisaxe. Admiro o regato que pasa aos meus pés, as árbores, o cantar dos paxariños, os montes que quedan derredor. Pero ao pouco tempo prescindo da paisaxe como tal e síntome eu parte da paisaxe. O mesmo que está alí o regato e está o paxaro e está a árbore e está o monte estou eu. Eu son parte da paisaxe. E logo vén un terceiro estadio, que dura moi pouco pero que me produce unha impresión tremenda, que é o desexo de fundirme na paisaxe, de desaparecer eu e de ser eu paisaxe. Así sinto eu a necesidade de me fundir na terra, en Galicia. Porque para nós a terra é Galicia.»

Rescatadas as voces de Xocas dos caos bibliográfico, procurolle un lugar onde non se volvan extraviar. Para regresar a elas cando pete e preste.

06/03/2008

Haroldo Conti

Haroldo Conti foi desaparecido polos xenerais da ditadura arxentina en maio de 1976. Atrás 51 anos de vida dedicada aos oficios máis variados: mestre rural, empresario de transporte, director e actor teatral, guionista, piloto civil, profesor de filosofía e latín, narrador e xornalista. Quitándose importancia, Conti dicía que «á parte de escribir, e non moi ben que digamos, non sei facer outra cousa.» Deixounos imaxes dunha vida, catro novelas, algunha peza teatral, guións levados ao cine e unha presada de contos que reuniu Bartebly Editores. Aínda acosado polos esbirros da ditadura decidiu permanecer en Arxentina. Gabriel García Marquez conta que no seu escritorio tiña pendurado un letreiro que dicía: «Hic meus locus pugnare est et hinc non me removebunt [Este é o meu lugar de combate e de aquí non me moverán].» Souben del hai moitos anos polas letras de Mario Benedetti e hoxe recupero a súa memoria e a súa lectura.

11/03/2007

Memoria derrubada

Desaloxada a resistencia, a Ungdomshuset [Casa da Mocidade], no barrio de Noerrebro, foi finalmente derrubada. En 1982 o concello cedera o vello edificio para crear un centro social autoxestionado que se tornou nunha referencia fundamental da cultura alternativa danesa. Agora no seu predio erguerase unha igrexa da seita cristiá Casa do Pai. Ruth Evensen, voceira dos fundamentalistas, cualificou a Ungdomshuset como «a maior bomba incendiaria e o sitio máis perigoso para a saúde de Copenhague». Era moito máis.

O edificio construirase en 1897 como Folket Hus [Casa do Pobo] e foi un centro do movemento obreiro e socialista danés até os anos sesenta do pasado século. Nese palacete de rudos tixolos, o 29 de agosto de 1910, durante a Segunda Conferencia das Mulleres da Internacional Socialista, Clara Zetkin e Rosa Luxemburgo proclamaron o Día Internacional da Muller Traballadora. Un curruncho memorioso da vontade de emancipación agora reducido a unha especulativa morea de entullos. Unha mágoa.

09/03/2007

Un casares no asento de atrás

Débolle dous escritores a Pedro, meu pai. Un deles é Xosé Luís Méndez Ferrín, o outro é Carlos Casares a quen hoxe lembro pola feliz iniciativa de Marcos Valcárcel. Meu vello gañou a vida no tráfico entolemiado de Vigo como taxista nun tempo en que a COPE aínda non colonizaba as esculcas radiofónicas dos profesionais do volante e no que era posíbel escoitar na Radio Popular de Vigo o desafío democrático e galeguista diante do resistente tardofranquismo.

Ao taxi 159 correspondíalle a parada da Gran Vía, a carón da cafetaría –aquí falla a memoria– Paquetá ou Gran Vía (?) (que Brétemas me asista). Alí tertuliaba Ferrín camiño do Santa Irene ou retornando logo das aulas á casa. Non sei cantos sentaban á mesa para compartir o café, a charla e as sabedorías do cartógrafo de Tagen Ata, sei que nun segundo auditorio silencioso procuraban as súas palabras meu pai e algúns outros abraiados taxistas.

Fascinado pola súa oratoria e cultura, Pedro quería saber máis do home da palabra apaixonada e sometíame a riguroso interrogatorio. Galeguista e roxo, eu debía coñecelo. Canso de agochar como podía a miña ignorancia e de esquivar malamente as preguntas do meu pai, comecei a informarme sobre Méndez Ferrín e cun emprestado Percival comecei a frecuentalo.

Se a entrada de Ferrín no meu pobre horizonte literario foi consecuencia da teimuda curiosidade paterna, a de Carlos Casares foi un produto accidental, resultado dun involuntario bookcrossing.

Descoñezo canto libro galego circulante había á altura de 1978. Teño para min que o libro en galego era un obxecto íntimo destinado a ser degulido pracenteiramente no dominio doméstico. Como fose, alguén (unha muller), tirou a pasear un exemplar de Vento ferido e, no cabo dunha carreira ao centro de Vigo, deixouno perdido no asento traseiro do taxi do meu pai. Como outros restos de abandonos involuntarios -paraugas, bolígrafos, chaveiros...–, aquel libro de Casares foi dar a miña mesa. Foi o meu primeiro casares e quizais do que mais gostei.

O Vento ferido era dunha descoñecida Lucía que riscou o seu nome na páxina de honra e, a xulgar pola cantidade de palabras subliñadas, fóralle libro esforzado e de dedicada atención. A miña lectura seguía as historias de Carlos Casares e, á par, o telegrafeo morse das palabras sinaladas por Lucía con trazos firmes e letras redondas de sinonimia aclaratoria.

O libro accidentalmente liberado uniuse así á que era unha raquítica biblioteca persoal en lingua galega na que Rosalía, Silvio Santiago e Ferrín, agora coa incorporación de Casares, xa daban para un tute literario.

Nunca crucei palabra con Carlos Casares, aínda que algunhas veces, seguindo a miña tradición familiar, unínme ao segundo auditorio de escoitantes anónimos da súa tertulia na cafetería Alameda (creo que esta vez non me falla a memoria). Sentencioso, divertido e informado, Casares debullaba o noso tempo, as cousas da vida e facía memoria viva de letras e autores. Así o recordo...

Non descarto que hoxe para honrarlle, non deixe abandonado nun taxi calquera un exemplar de Vento ferido. Para pechar o círculo ou, non sei, se para darlle aínda máis traballo aos da centraliña do Radiotaxi e aos de obxectos perdidos...

01/02/2007

Castelao non tiña reloxo

Entre amolado e irónico, durante a súa estadía parisiense, escribe no seu Diario de 1921: «Teño a manía de non mercar un reló porque tódolos amigos téñeno pra me dicir a hora a min. Coma estou soio i eiquí todo se fai a horas fixas pensei en mercar un...» Unha metáfora do nacionalismo de onte. Medía o tempo con horas prestadas. Todo nel adquiría a dimensión dunha eternidade teleolóxica.

Alguén describiu Galiza como o país onde todo estaba por vir e nada chegaba. Aínda que «os tempos son chegados», apenas nada ten prazo. Non é estraño tampouco que nos sorprendamos pola actualidade de textos de denuncia do nacionalismo que suman case cen anos. As cousas da res publica tiñan unha medida discrecional que non era a medida do tempo. Co cambio político de 2005 os herdeiros de Castelao recibiron un reloxo. E con el a vertixe. Agora o PP esíxelle data a todo e mesmo o BNG reflexionou xa sobre a conveniencia do cambio de fuso horario. O mal non está aí, o problema é que o tempo corre afusquinadamente achegándonos sen remedio a 2008. O ano da reválida. De todas maneiras, para algúns semella que o tempo non se move.

24/01/2007

Kapuscinski

Hoxe non hai tempo para nada, así que copipasteo e adapto as letras e imaxe de Cabrafanada: Vaise un xornalista excepcional e unha mente lucidísima. Desde Ébano a Lapidarium IV (que lin perdido nas terras de Bolivia) até Os cínicos non serven para este oficio aprendín outra forma de ver o mundo en cada páxina de Kapuscinski. Dos seus libros, reteño unha das súas frases lapidarias: «A maior debilidade da cultura; que é incapaz de deter o asasinato». E unha exhortación intelixente: «Saber! Hai que saber! É unha obrigación ética, un deber moral. Ninguén se pode xustificar dicindo que «non o sabía». E por que non o sabía? Era imposíbel de verdade ou, sencillamente, resultaba máis cómodo non saber e máis fácil a absolución?» Con el soubemos moito sobre o noso mundo. Un brinde por un compañeiro eterno.