Mostrar mensagens com a etiqueta LIteratura. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta LIteratura. Mostrar todas as mensagens

17/02/2009

Andoliñas

Galicia-Hoxe fixo unha agradecida homenaxe a Marcos Valcárcel reunindo unha manchea xenerosa das «Andoliñas» que lle publica desde o primeiro de outubro de 2004. Agarimosamente escolmadas por Alfonso Vázquez Monxardín chegaron de balde co exemplar dominical do xornal e regaláronme un serán de felices lecturas. Son amador da prosa concisa de Marcos, deses 1.500 carácteres e da súa arte para sintetizar tanta substancia en tan limitado número de palabras.

Sabemos ben que a norma construtiva de a menor espazo, menor traballo é falaz. A escrita desas anotacións compactadas, coas que Marcos nos dá diaria conta de lecturas, sucesos, valores emerxentes ou frangullas de socioloxía cotiá, resulta un exercicio de estilo custoso e demorado. No resultado abrolla a evidencia de que moita reflexión propia e abondosas lecturas foron pacientosamente destiladas para deixarnos ese grolo diario de realidade analizada, discutida ou informada.


A economía da atención e as novas formas de lectura veloz que se impoñen na rede comportan un desacougante risco: a xeneralización dunha composición sumarial e epidérmica de situacións e opinións. A aprendizaxe do oficio con Marcos Valcárcel é un bo antídoto para non entregarse á superficialidade. Cada andoliña, malia súa brevidade formal, agocha unha envexábel solvencia intelectual e solidez informativa e en moitos casos a andoliña tórnase nunha sorte de ensaio miúdo. Ensaio ao xeito que o definiu Alessandro Baricco, unha tentativa de pensar, escribindo. Un engado suxestivo que nos convoca día a día na derradeira páxina de Galicia-Hoxe.

25/11/2008

Contar

Storytelling, a máquina de fabricar historias e formatear mentes de Christian Salmon é un libro de lectura obrigada se moldeas ideas con palabras. Non me vou deter no libro senón dun episodio que recolle Miguel Roig, director creativo de Saatchi & Saatchi, no limiar da súa edición en español e que lle dá título a súa achega: Son cego e hoxe comeza a primavera.

Lembra Roig que nos anos oitenta traballaba nunha axencia de publicidade que no seu recibidor tiña exposta unha breve, sabida e apócrifa historia:


Un vello pide esmola en Central Park cun cartaz no que conta a súa historia: «Son cego». Un redactor publicitario, camiño do seu estudio, déixalle cada día unha moeda. Un día anúncialle que non lle vai deixar a moeda, senón que lle vai escribir algo no cartaz. Ese día o cego mendicante ve multiplicar os seus ingresos. No serán o publicista explícalle ao cego a clave do éxito recadatorio. Mudou a rotulación do cartaz trocando o «Son cego» por un «Son cego e hoxe comeza a primavera».

Esta narración resume esencialmente a esencia do storytelling: a clave é contar o mesmo pero con outras palabras.

Con esa historia Alonso Álvarez Barreda rodou unha curtametraxe –Historia dun letreiro– coa que gañou o premio Special Cannes 2008, outorgado pola Short Film Corner.



Galardón arrodeado de agre polémica xa que, con anterioridade, Francisco Cuenca Alcaraz contara cinematograficamente a mesma historia nunha curta –Unha esmola, por favor–, que se presentou na cuarta edición do NoTodoFilmFest.



A rede está rabudamente enleada nun debate sobre a existencia (ou non) de plaxio. Se atendemos ao texto de Miguel Roig, a historia orixinal ten máis dun cuarto de século. Como para poñerse a discutir quen plaxia a quen e quen plaxio o que. A cousa é máis simple. Tanto Cuenca Alcaraz como Álvarez Barreda executaron disciplinadamente á fórmula máxica do storytelling: contaron o mesmo con outras palabras/imaxes.

Guillermo Morales, para demostrarnos que sempre se pode ir máis alá, (re)contou a historia e parodiou o debate sobre a orixinalidade das historias narradas neste tempos de coñecemento global e de discusión do copyright.

31/10/2008

Steiner e Polo

Hai uns días Manuel Bragado anunciounos que Xerais vai traducir ao galego dous libros de George Steiner, unha peza inédita (George Steiner at the New Yorker) e unha obra clásica (After Babel: Aspect of Language and Translation). Unha forma intelixente e ben brillante de cancelar a agre polémica á que deron pé unhas desafortunadas declaracións de Steiner.

Semellante proceder lembroume unha vella serie de televisión sobre as viaxes de Marco Polo á corte de Kublai Kan. Nun dos capítulos nunha sublevación pacega, os conspiradores asasinan a varios dos amigos e acompañantes de Polo. Fracasada a intentona, o Gran Khan entrega os líderes dos sublevados ao veneciano para que os axustice e salde con sangue a perda dos seus. Marco Polo perdóalles a vida ante o abraio do emperador e explícase: «A nosa vinganza é ser diferentes

A sentenza, que non saíu do Libro do Millón das Marabillas senón da inventiva de dous espertos guionistas —David Butler e Vicenzo Labella
—, define toda unha filosofía da vida para enfrontar aos conflitos, os prexuízos e os agravios que, teño para min, sería do agrado do finado Suso Jares.

Non menos felices son as palabras que Italo Calvino pon en boca do mercador veneciano en diálogo co emperador mongol en As cidades invisíbeis:
Marco Polo describe unha ponte, pedra por pedra.
—Pero cal é a pedra que sostén a ponte? –pregunta Kublai Kan.
—A ponte non está sostida por esta pedra ou por aquela –responde Marco–, senón pola curva do arco que elas forman.
Kublai permanece silencioso, reflexionando. Despois engade:
—Por que me falas das pedras? Só é o arco o que me interesa. Polo responde:
—Sen pedras non hai arco.
Para salvar incomprensións, descoñecementos e desconsideracións da cultura e lingua de Galiza necesitamos efectivamente unha ponte para a lograr a súa proxección internacional de xeito cativador e inclusivo, e o arco desa ponte chama por pedras concretas como as que editorialmente se propón labrar Xerais coas obras de Steiner. Que non sexan as únicas.

30/10/2008

Xornalismo orwelliano

Orwell, nun limiar (fallido) de Rebelión na granxa, escribiu: «Se a liberdade significa algo, é o dereito a dicirlle aos demais o que non queren oír». Unha boa parte da súa produción literaria está dedicada a dar conta desa misión: dicir o que os demais non queren oír e, habería que engadir, dedicada a escribir o que a inmensa maioría non estaba disposto a escribir naqueles tempos. A esa liberdade debemos textos tan gozosos como incomodantes tanto na súa fauna literaria maior como nas súas letras miúdas en xornais e revistas; e mesmo nos seus diarios de paz e de guerra non é difícil atopar esa mesma materia literaria libertaria.

Hai dous anos Global Rhythm Press publicou Orwell periodista, onde axunta un centenar artigos e reseñas que escribiu para The Observer de quen foi analista político e literario e corresponsal posbélico en París, Colonia e Stuttgart. Ás súas costas ficaba xa unha envexábel labor xornalística, primeiro como crítico literario no New English Weekly (1932-1940) e como reporteiro social nas terras de Lancashire e Yorkshire; despois como produtor das emisións da BBC para Singapur e A India; e a partir de 1941 como xornalista cultural en Tribune, a revista da esquerda laborista onde publicaba unha sonada columna sob o título «Ao meu xeito». Entre 1942 e 1947 escribiu para The Observer e mantivo unha colaboración non sempre harmónica co Manchester Evening News até o seu pasamento en 1950.


Con semellante historial, a relación de Orwell co xornalismo dá para delirantes especulacións pero tamén para felices reflexións e, sobre todo, achega horas de boa lectura como as que ofreceu nas páxinas de The Observer. Nelas demostra, unha vez máis, ser un agudo analista político e un excelente lector e crítico literario. Orwell tiña ideas ben claras sobre cales eran os sinais de calidade de calquera traballo xornalístico (como reflectiu en A politica e a lingua inglesa), pero tamén de cales eran as limitacións da crítica literaria do seu tempo:


Con frecuencia teño a sospeita de que, aínda nos seus mellores momentos, a crítica literaria é fraudulenta, pois en ausencia dalgunha regra aceptada –calquera referencia externa que poida dar significado á afirmación de que tal ou cal libro é “bo” ou “malo”– todo xuízo literario consiste en inventar unha serie de normas para xustificar unha preferencia instintiva. Cando un libro nos provoca unha reacción, se é que nola provoca, xeralmente dicimos “este libro gústame” ou “non me gusta”, e despois séguelle a interpretación racional. Pero “este libro gústame” si é, ao meu xuízo, unha reacción literaria; a non literaria sería “este libro está do meu lado, e polo tanto, débolle atopar méritos”. Por suposto, cando un libro se eloxia por motivos políticos, pódese ser sincero emocionalmente, no sentido de que un, en verdade, o aproba profundamente, pero tamén ocorre con frecuencia que a solidariedade de partido esixe que se minta. Calquera que faga crítica literaria para publicacións políticas sábeo ben. Xeralmente, se un escribe para un xornal co que se está de acordo, peca por comisión, e se se escribe para a oposición, por omisión.
Hai unha recorrente tentación respecto á obra de Orwell: contrapoñer a excelencia do seu labor ensaístico e xornalístico coa suposta menor calidade literaria das súas novelas. O seu colega Cyril Connolly foi o primero en salientar o pretendido gap. A el débese tamén unha celebre sentenza: «literatura é o que pode lerse dúas veces e xornalismo soamente unha». A lectura dos artigos e reseñas de The Observer esnaquiza a rotunda divisoria de Connolly. As achegas xornalísticas de Orwell ben pode lerse dúas, tres, catro... ou cantas veces se queira, como a excelente literatura que son.

23/10/2008

Caro Amigo escribe

Caro Amigo escribe sobre invisíbeis emocións de seres anónimos que se apagan nun non-lugar desmemorizado e atemporal. Nun arrabalde avellentado e envellecido, nunha casa ausente con paredes que coutan todas as súas lembranzas, Home Vello entrégase cada día a unha ollada instalada na rutina e nunha espera pautada por automutilacións, dores de baixa intensidade e pouco sangue que se acompañan coa escoita xorda das voces do televisor.

A fiestra (in)discreta enmarca a unha penélope en fase terminal, Muller Vella, que tece un pano de negrura no balcón. Ao veciño de soidades fronteirizas Muller Vella vaille armando (sen sabelo) outro horizonte, recuperándolle a Home Vello un tempo para si. Da desmemoria retorna unha canción wolof que saúda cada pór do sol e Home Vello revive. Mentres Muller Vella malla un tramado de pano que a desaparece, un envurullo que consome a súa solporizada vida e alumbra, con axuda da cesarea dun final Home Vello, o primeiro fío do destino solitario dunha outra Muller Vella chamada a tecer a todas as horas.

Caro amigo escribe e fai así máis luminosa a cerna do xornal co que remato un día que foi sinalado tamén polo recoñecemento grande das letras doutro admirado imaxinador de emocións. Súmome aos parabéns.

08/10/2008

A voz de ROP

Remato un día de moitas palabras, lendo –escoitando– a ROP (en «As Nosas Voces» do CCG). Agasállanos cunha visión magnífica e engaiolante das relacións de Galiza e Europa grazas ao feliz afastamento ao que foi convidado polo Centro Galego de Bos Aires en 1957.

A súa poderosa oratoria está inzada de fermosísimas inspiracións, a maioría firmes candidatas a figurar no libro de honra da nosa mellor publicidade nacional. Unha de moitas: «A primeira obra de arte de Galiza é a paisaxe». E reflexións de gran fondura existencial sobre o bo morrer que, de certo, serían do agrado de Ramón Sampedro: «En Galiza sábese morrer, en Galiza mórrese con beleza [...]. Mórrese como morre o pobo, como morren os grandes piñeiros cando caen, como morren as ondas na arnela da Lanzada.» Pero tamén outras de matinación histórica que dan para moito pensar: «O que é a arela de Galiza: desexar moitas cousas; romperse no empeño, pero deixar sempre completo o espírito, máis alto cada vez».

Non teño tan claro como don Ramón que ese desexo maximalista sexa moi propio do noso país; a experiencia si que confirma que nos esnaquizamos con renovada frecuencia nos nosos empeños, e son bastante menos optimista que o señor de Trasalba sobre a forteza do espírito colectivo e sobre a súa continuada tendencia alcista.

30/06/2008

Libros, búmerangs e patinadores

Sergio Ramírez decidiuse a encadernar as entradas do blog que aniña en boomeran(g). A edición de Alfaguara compila desde o posteado inaugural de xaneiro de 2007 até os de xaneiro do presente 2008, pouco máis dun ano de creación dixital na que se suman 228 pezas. A papelización do blog ofrécenos un «libro duplicado», como tería a ben cualificalo Calidonia, sen maiores engadidos que un prefacio onde Ramírez repara nos vellos e novos instrumentos da escritura e o transcendental cambio –cultural, crítico e democrático– que significa poder tirar libremente botellas ao mar dixital que inventou Internet.

A preguiza editorial podería ter sido vencida para achegarnos (aínda que só fose) un índice onomástico e temático para facilitar outras lecturas e procuras diferentes da simple sucesión cronolóxica dos textos. Elixiuse unha económica e simple transposición de contidos cara outro soporte; con todo, ademais de ser «outra obra de arte xenerosamente agasallada aos editores para a súa [proveitosa] comercialización», Cuando todos hablamos é tamén unha sorte de libro búmerang e a traxectoria da súa lectura condúcenos inevitabelmente ao punto de partida xa que quen guste do libro procurará a ligazón case diaria co blog e a web do escritor de Masatepe.

Do blog ao libro e do libro ao blog; xogo de pantalla-papel-pantalla que serve para fidelizar lectores e para ampliar o seu número, pero sobre todo para subliñar que, cada vez máis, o labor do editor orixinal repousa fundamentalmente no coidado do contido e non na natureza formal do soporte, de xeito que a súa tarefa nuclear é a busca de contidos que poidan ser conxugados en diferentes formatos, facilitando o seu nomadeo dun medio a outro e lograr deste xeito unha distribución cada vez máis porosa, capilar e estendida.

Na actualidade, a tea de araña que tecen autores, axentes literarios e editores vese obrigada a ter unha estrutura multimedia. Son precisos diferentes ganapáns para atrapar distintos graos de atención literaria: puntuais, seriados, compactos, volateis, liquidos ou solidamente fidelizados. Máis preto de nós, a edición en triplo soporte –papel-prensa, xornal dixital e libro– de Os grouchos de Manuel Rivas abonda intelixentemente nesta estratexia relacional e multimediática. Os que gustamos do grouchos de Rivas temos así numerosas baiucas editoriais onde catalos.

Necesítanse soportes, diferentes e complementarios, para sumar á audiencia a novos lectores cada vez máis sometidos aos rigores dunha atención parcial continua que se impón como consecuencia da cultura dixital. Como salienta Vicente Verdú, «os nativos da era dixital compoñen un grupo diferente de consumos e coñecementos, tamén de acelerado consumo do coñecemento [...] Os suxeitos da era dixital non son máis parvos pero si máis superficiais, animais patinadores. As novas tecnoloxías formáronlles un cerebro tendente a gañar axilidade e recordar menos, a viaxar moito sen afondar en ningures». Canto máis se multipliquen as formas de presenza dun contido máis doado que entre no campo de atención do animal patinador e máis posibilidades haberá de que deteña a súa veloz marcha para entregarse a súa lectura ou botar un groucho.

25/06/2008

O emperador

O emperador do mestre K. cumpre tres décadas. Escribiuno, catro anos despois do derrocamento do Rei de Reis, debullando testemuños para reconstruír un ecosistema político aleitado coas materias primas de toda autocracia: a discrecionalidade máis absoluta e a submisión máis extrema. «Engaiolábame a estrutura do poder autoritario e o seu funcionamento, e atopei no réxime de Haile Selassie e na forma en que funcionaba o seu pazo e a súa corte un exemplo fascinante de poder autoritario –confesoulle a Ricardo Cayuela Gally– fascinábame tanto ese tema porque en Polonia viviamos baixo un réxime autoritario e esas analogías de funcionamento parecíanme chocantes e clarificadoras a un tempo».

Biografía do poder absoluto


Guiado por Teferra Gebrewold, un antigo responsábel do Ministerio de Comunicacións durante o reinado do Negus, Kapuscinsky procedeu como un coleccionista desexoso de recuperar «cadros condenados á aniquilación para facer con eles a exposición da antiga arte de reinar»; nun «país en que se coñecían só os métodos máis crueis da loita polo poder».

Esa vontade restauradora da memoria deseña a trama fundamental da súa narración. Na súa cerna, o retrato de Haile Selassie reflectido nas voces dalgúns dos seus colaboradores máis directos: «Un personaxe simpático, un político perspicaz, un pai tráxico, un avaro patolóxico; condenaba á morte a inocentes e indultaba a culpábeis por simples caprichos do poder, sen máis: labirintos da política de pazo, ambigüidades, escuridade que ninguén é capaz de esculcar.»

Kapuscinski ofreceunos unha biografía do poder que desvelaba a natureza dual do Elixido de Deus: «Naqueles anos existían dúas imaxes de Haile Selassie. A primeira –coñecida pola opinión pública internacional– presentaba ao Emperador como un monarca talvez un tanto exótico pero valente, ao que caracterizaban unha enerxía inesgotábel, unha mente esperta e unha profunda sensibilidade; como o home que plantara cara a Mussolini, recuperando o imperio e o trono, e que se fixou o ambicioso obxectivo de sacar ao seu país do subdesenvolvemento e xogar un papel importante no mundo. A segunda imaxe –que ía formando gradualmente a parte crítica e, ao principio, pouco numerosa da opinión pública etíope– presentaba ao Monarca como un soberano capaz de facer calquera cousa con tal de manter o seu poder e, ante todo, como un gran demagogo e un paternalista teatral, que cos seus xestos e palabras enmascaraba a venalidade, a cerrazón e o servilismo da elite gobernante, por el creada e mimada.» Para recoñecer finalmente que «como adoita ocorrer na vida, ambas dúas as imaxes eran auténticas».

Contra a cancelación da conciencia histórica


Trinta anos despois, «Etiopía, o país da miseria máis espantosa e da ignorancia máis atroz» presenta unha fasquía callada de continuidades e rupturas: os derrocadores do León Triunfante de Xudá foron a súa vez derrocados, pero non houbo Restauración do pasado pero tampouco avances fundamentais que mellorasen un escasísimos logros da experiencia do socialismo (ir)real no Corno de África. Os «discursos cesáreos sobre o desenvolvemento» soan tan ocos como hai tres décadas; a miseria máis espantosa segue a gobernar a vida de millóns de persoas e a señardade polo Emperador non pasa do estampado das camisolas nas que compite con Bob Marley.

Resisten moitísimo mellor o paso do tempo as páxinas de Kapuscinski e axúdannos a emendar a súa diagnose sobre a obsolescencia prematura da prosa xornalística e a necesidade «ensaificación» para superar o seu esgotamento inmediato: «A capacidade de retentiva do home é cada vez máis escasa. Hoxe asistimos á desaparición da conciencia histórica. A historia substitúese polo collage. As xeracións en proceso de maduración a penas saben o que ocorreu hai vinte anos. Este é un fenómeno enteiramente novo. Esa ruptura co pasado suxire a pregunta de como escribir con este transfondo para que ao día seguinte non se converta en papel de refugallo. [...]. Como evitar que a propia escritura se volva obsoleta tan rapidamente?» En O emperador atopamos un excelente manual de estilo para superar a desmemoria e a escrita con data de caducidade inmediata.

31/05/2008

Obituario trastempado

Pasei a derradeira semana de abril, o mes máis cruel que mestura memoria e desexo, nun non-lugar do Sur Global. Entre outras ignorancias, o silencio informativo imposto pola ausencia de xornais, radios ou tv entendíbeis ou unha internet accesíbel impediume saber á súa hora da morte de Charles Tilly.

Hoxe, entre retallos virtuais atrasados, dou cun artigo no que se fai memoria do sociólogo norteamericano lembrándonos que «Chuck [Tilly] ensinaba aos seus estudantes e colegas que a crítica implacábel necesariamente debe vir acompañada, cando menos, da insinuación dunha solución ou dun camiño alternativo.» Unha suxestión que debería formar parte do libro de estilo de toda proposta de pensamento crítico.

Houbo un tempo en que moitos para desempoeirarnos intelectualmente frecuentabamos as súas obras sobre a acción colectiva, os movementos sociais, as transformacións revolucionarias ou a formación dos Estados-nación. Hai un libro seu que ten, para miña idea, un dos títulos máis engaiolantes das ciencias sociais contemporáneas –Grandes estruturas, procesos amplos, comparacións enormes–, no que fai unha intelixente discusión, crítica e radical, das herdanzas intelectuais do pensamento evolucionista do século XIX. Nalgures, entre os restos do meu naufraxio lector, agarda vez a súa monografía Violencia colectiva. Unha boa homenaxe, a súa lectura.

04/04/2008

Nanoliteratura

Andrés Neuman nunha substanciosa achega –El equilibrista– reúne unha presada de brillantes sentenzas e agudos microensaios. O autor valida que, tamén no que lle toca ao rexistro literario e filosófico, levaba razón E. F. Schumacher. O pequeno, á maiores de ser fermoso, pode ser dobremente intelixente.

Os aforismos de Neuman destilan ironía («Escribide mal e chamaranvos rupturistas»); felices paradoxos («A antítese sálvalle a vida á tese»); burlas brancas («Ciencias ou letras? Eu pensaría no ou») e pretas («Ao finar o pescador porá boca de peixe»); xunto con variadas formas do saber («A imaxinación completa a verdade»); utilitarios consellos («Puntúo como respiro; respiro como puntúo») ou certificacións demoledoras («Rematar unha obra é unha proeza. A única maior é comézala»).


El equilibrista
é unha excelente mostra da idea que Neuman ten da literatura: «Hai cando menos dúas formas de concibir a literatura: como se fose unha porta (un van que cruzar) ou como un cuarto (un lugar de residencia) [...] Máis que ser un lugar habitábel, para min a literatura cumpre a función das portas. Mesmo existen portas tan amplas que poden inventar cuartos.»

Sabemos ben que unha cousa é abrir unha porta e outra cousa distinta convidar a entrar. Neuman convida a entrar e mesmo a afincarnos pracenteiramente na súa breve literatura.

20/03/2008

Guerra e linguaxe

O quinto aniversario do inicio da guerra de Iraq cólleme lendo un ensaio de Adan Kovacsics, saído do prelo de Acantilado, que se titula Guerra y lenguaje. No capítulo que dá título ao volume, Kovacsics reconstrúe o tempo intelectual que saudou o estourido da Grande Guerra e a emerxencia dunha nova actividade literaria posta ao servizo da maquinaria de guerra que tivo na creación do Cuartel de Prensa de Guerra do Imperio Austro-hungaro o seu momento fundacional. A súa razón de ser era, como nos lembra Kovacsics, que «a guerra era un produto, que non só necesitaba de operarios nas fabricas ou soldados na fronte ou directivos nos andares superiores ou mandos nos cuarteis, senón tamén publicistas.»

O campo de acción do Cuartel de Prensa de Guerra non eran outros que «a propaganda, difusión de fazañas militares, reforzamento da moral da tropa e da poboación» e, sobre todo, ofrecer directrices positivas á prensa. En palabras do fundador do Cuartel, o comandante Maximilian von Hoen, «a prensa do país necesita directrices permanentes para desenvolver unha actividade produtiva. Non basta con censurala, o cal non é agradábel. Debe ser guiada nun sentido positivo.»


Tempo de guerra en que, segundo Karl Kraus, «as plumas se mergullan en sangue e as espadas en tinta» e nos que toda comunicación fai da mentira a súa pedra angular: «A mentira é na guerra ou unha borracheira ou unha ciencia. Esta é a máis prexudicial para o organismo.»


Iraq –como todas as guerras– atopou xustificación nunha mentira –a existencia de armas de destrución masiva– e tentouse construíu a súa leximación co concurso dun entusiasta coro de xornalistas e opinadores armados. Confirmouse a Gran Mentira, houbo algúns actos puntuais de emenda intelectual, pero a cinco anos vista, os principais responsables, se fose o caso, volverían acariñar a mentira como excusa para iniciar unha nova «guerra xusta, nobre e necesaria».


Das moitas ricaces reflexións do ensaio de Kovacsics, recupero dúas. Primeira: «Chama a atención, nos prolegomenos da invasión de Iraq, a énfase na decisión, por unha banda, e a pobreza nos argumentos e palabras, por outra.» E segunda: «Aínda que media un abismo entre os manifestantes contrarios á inminente guerra de Iraq e os entusiastas e fervorosos patriotas que se agolpaban ante os escaparates da Neue Freie Press na Viena de 1914, algo os irmanda. Cidadáns ou súbditos, o certo é que a decisión respecto á guerra ou á paz non a toman eles, senón que se adopta noutro lugar. A corrente que conduce á determinación ou, mellor dito, á decisión flúe por outra parte, por outras bocas e mans.»


Ambas as dúas obrígannos a enfrontar unha pregunta incómoda: eles maniféstanse igual de decididos a iniciar novas guerras con idéntica falta de verdade e argumentos, pero estamos hoxe os cidadáns en mellores condicións que hai cinco anos para interferir, condicionar ou anular a corrente que toma a decisión da guerra ou da paz?

07/03/2008

O preito de don Manuel

Se Leonardo Sciascia fose galego, tería feito un delicioso libro sobre laicismo, librepensamento e xustiza tomando como materia histórica o proceso penal de 1880 contra Curros Enríquez. En 2001, Benito Montero Prieto ocupouse da composición documental e de desenvurullar o tramado xudicial que fixo que Curros tivese que dar conta nos tribunais dos seus versos.

Entendeu Manuel Mella Montenegro, xuíz de instancia de Ourense, que os versos de Aires da miña terra contiñan aldraxes e burlas a Deus e ao Papa e eran constitutivos dun delito contra a liberdade de cultos segundo o artigo 240 do Código Penal daquela vixente.

A sentenza de Mella Montenegro, do 4 de agosto de 1880, condenou a Manuel Curros Enríquez á pena de 2 anos, 4 meses e un día de prisión correccional e 250 pesetas de multa con arresto substitutorio de 1 día por cada 5 pesetas non pagadas, coas accesorias de suspensión de todo cargo e dereito de sufraxio durante a condena, así como a inutilización dos libros ocupados. Rudo castigo a unhas letras libres.

A Audiencia da Coruña atendeu a apelación de Curros o 11 de marzo de 1881 e revogou a sentenza do xulgado ourensán, absolvendo a Curros do delito que se lle imputaba, ao tempo que declaraba que esta causa non prexudicaba o seu bo nome e reputación e ordenaba devolver ao editor os exemplares secuestrados do libro Aires da miña terra e cancelar a fianza prestada polo procesado.

Hoxe Manuel Rivas ocupouse de actualizar o caso contra Curros á luz do nomeamento de Rouco Valera como presidente da Conferencia Episcopal e Dolores Vilavedra vindicou ao poeta e xornalista de Celanova como o noso inconformista rabudo máis universal. A ocasión era acaída, Sciascia tampouco a deixaría pasar en balde o douscentos aniversario da súa morte para evidenciar que Curros Enríquez segue vivo, moi vivo.

06/03/2008

Haroldo Conti

Haroldo Conti foi desaparecido polos xenerais da ditadura arxentina en maio de 1976. Atrás 51 anos de vida dedicada aos oficios máis variados: mestre rural, empresario de transporte, director e actor teatral, guionista, piloto civil, profesor de filosofía e latín, narrador e xornalista. Quitándose importancia, Conti dicía que «á parte de escribir, e non moi ben que digamos, non sei facer outra cousa.» Deixounos imaxes dunha vida, catro novelas, algunha peza teatral, guións levados ao cine e unha presada de contos que reuniu Bartebly Editores. Aínda acosado polos esbirros da ditadura decidiu permanecer en Arxentina. Gabriel García Marquez conta que no seu escritorio tiña pendurado un letreiro que dicía: «Hic meus locus pugnare est et hinc non me removebunt [Este é o meu lugar de combate e de aquí non me moverán].» Souben del hai moitos anos polas letras de Mario Benedetti e hoxe recupero a súa memoria e a súa lectura.

01/03/2008

De figos e paraísos

A Israel Punzano case todo se lle escapou do previsto na entrevista que concertou con Gioconda Belli. Convocou á escritora nicaraguana no restaurante La Poma (A Mazá) para evocar a icona do primeira catástrofe da Humanidade e falar da súa última novela, O infinito na palma na man, unha eséxese do Xénese.

Coas primeiras palabras descubre que o tal Paraíso é hoxe un Inferno cartografiado no norte de Iraq e que a mazá non era o froito prohibido, que a froita da maldita tentación era o figo. Gioconda manifesta ademais unha franca simpatía pola tentadora serpe.


Israel, malia o seu nome de Terra Prometida, anda frouxo en historia sagrada e bate a seguir con eses alegres paradoxos que marcan a vida dos nicaraguanos. Belli gaña un premio de novela pero reivindícase como poeta. Con loábeis excepcións, o narrador en Nicaragua adoita ser oral e o escritor que aspire a calquera recoñecemento ha ser poeta. A razón é a primacia intelectual de Rubén Dario. En Nicaragua o que non se conta, se canta. Narración oral e poesía fan xustiza a unha lingua literaria tan libre como imaxinativa.

Máis sorpresas. Gioconda ao contrario da súa tocaia non se agocha tras un tímido e forzado sorriso. Nicaragua, país de volcáns, terremotos e paixóns, non é proclive á contención. A poeta creba os seus parlamentos con explosivas gargalladas. En Nicaragua nin os risos nin os choros son mesurados, nin a historia nin a natureza lles fixeron concesións nese sentido. Fala moito, como unha imparábel torrenteira formada polas chuvias tropicais, e a enxurrada de verbos lévase por diante os formalismos brevialistas dunha acoutada entrevista. Israel, iso pasa cando se entrevistan a forzas da natureza.

Nicaragua é país de estreiteces entre dúas masas continentais e dous inmensos océanos. Espazo sometido a constrate e contradicións. País de oposicións e de espírito de contradición. Por iso contradí Gioconda Belli a pretensión materna de apertar os seus vencellos coa Nai Patria cando a manda a estudar a Madrid para evitar a súa estadía nos Estados Unidos. Na capital da vella metrópole, lonxe de namorarse do ADN hispano-imperial, coida da herdanza indixenista que lle achegou o seu avó e que ela deixou impresa en La mujer habitada, un memorial da resistencia fronte á primeira e á derradeira tentación colonial.

A incomodidade conxénita de Belli traza a súa vida. Gioconda medrou, como poeta e combatente sandinista, na máis antiimperialista das terras de Centroamérica para rematar repousando media vida na California da Republica Imperial de Norteamérica. Un auténtico Casus Belli.

Para fechar a entrevista estaba previsto un picoteo, pero os falares de Gioconda bébense o tempo e non queda lugar para o xantar. Israel documenta o exceso. El ten espazo para unha entrevista de 3.500 carácteres e ela infinitas palabras. O infinito cábelle a Gioconda Belli na palma da man e nos beizos. Pobre Israel, outra vez será.