Mostrar mensagens com a etiqueta Europa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Europa. Mostrar todas as mensagens

17/11/2009

Ciberactivismo (1)

Convidado por Ana Miranda e Oriol Junqueras formei parte da delegación galega que participou no seminario sobre ciberactivismo político que organizou a ALE-Os Verdes o pasado 12 de novembro. A maiores de recomendar a lectura doutras proveitosas e ilustrativas crónicas e achegas do evento, deito aquí un breve catálogo daquilo que nos falta e que nos sería proveitoso ter.

A inexistencia no curruncho galego da Rede dun seguimento informativo, crítico e alternativo, do proceso de construción e das políticas da Unión Europea. Por máis que se comparta que moitas das directivas europeas acoutan as políticas que lle quedan por facer ás nosas institucións de autogoberno, a presenza da axenda europea nos medios dixitais galegos (e non non dixitais tamén) é soberanamente pobre. Neste sentido sería de moito agradecer poder contar cunha «axenda de previsión» dos debates comunitarios para saber con antelación, informar criticamente e xerar alternativas respecto das decisións estratéxicas a UE que máis comprometen a Galiza. A presidencia española da Unión no primeiro semestre de 2010 achega unha excelente ocasións para comezar a dar unha resposta desde o blogomillo e algúns medios dixitais, como vieiros.com ou altermundo.org, á cuestión europea.


As organizacións das nacións sen Estado a penas son audíbeis e visíbeis na babel burocrática da Unión Europea. Consolidar un nó e un espazo de relación na Rede ao redor das súas políticas que serva para a transferencia de experiencias e partillar as súas elaboracións programáticas apúntase como unha necesidade estratéxica decisiva para non ficar sepultados pola podente comunicación dos grandes grupos parlamentarios que xestionan o «bipartidismo europeo».

É sentida a necesidade dun espazo de coordinación e dunha plataforma de transferencia de políticas e experiencia das organizacións nacionalistas abeiradas na ALE, hai sobrados ámbitos nos que trenzar estratexias compartidas, sen ir máis lonxe Escocia, Gales, Galiza, Bretaña procuran hoxe un dominio lingüístico e/ou cultural propio na arañeira, logro xa acadado por Cataluña co .cat ou hai en marcha procesos de ampliación soberana do autogoberno como o de Escocia dos que nos cómpre saber moito máis.

Tamén hai que repensar en clave colaborativa a blogleira galega e a súa coordinación cos medios dixitais de información. Hai moito e moi ben feito pero tamén hai eivas que enfrontar se se quere contar cun solvente soporte de comunicación, infraestrutura dun contradiscurso que sexa quen de discutir e retrucar o Discurso Interpretativo Dominante que enchoupa o actual sistema galego de medios.

Luis Ángel Fernández Hermana escribiu en «Los monasterios del siglo XXI» que «Internet devolveu a voz a millóns de seres que até agora só tiñan ollos.» Niso estamos pero aínda falta moito para crebar de vez as tendencias censatarias que limitan o acceso e participación á sociedade da información e a comunicación, engrosando a fenda dixital e reproducindo na rede desigualdades non menores que as que presiden as canles tradicionais da chamada democracia mediática. A promesa emancipadora que abeira a sociedade do coñecemento aínda ten que vencer poderosos atrancos, a batalla pola igualdade, polas liberdades e os dereitos de cuarta xeración seguramente moi probabelmente se decidirá na rede.

As forzas políticas comprometidas cunha auténtica participación cidadá han ser necesariamente catalizadores do ciberactivismo político se queren vencer a hexemonía que as oligarquías tentan ampliar tamén no mundo dixital. No arrinque do século XX, un entusiasta Lenin proclamou que o socialismo era soviets máis electrificación, no XXI quizais o máis parecido lle sexa democracia solidaria máis internet.
Soñar na rede é (case) de balde...

08/06/2009

Intermitente á dereita

Malos tempos para a lírica europeísta. O europeísmo como formulación da democracia en Europa atravesa as súas horas máis baixas, a UE é un espazo cultural cómodo na súa lixeireza e un artefacto económico outrora solvente que agora reclama urxente rescate. Co europeísmo ocorre o mesmo que co noso galeguismo, embelece e non obriga a nada tornándose así nun pavillón de conveniencia baixo o que cómpre navegar aínda que o frete ideolóxico real sexa o máis afastado da súa esencia. Nada disto mellorará cos resultados das eleccións dominicais.

A malleira das alternativas socialdemócratas en toda Europa e a viraxe cara á dereita compleméntase con subidas preocupantes dalgunhas opcións da extrema dereita e, no mellor dos casos, cun avance dunar, cando non cunha simple presenza resistencialista, das alternativas da outra esquerda e das nacións sen Estado.


O interese por Marx e o socialismo que agromou co crash financeiro é especulativo, erudito e editorial; os cidadáns europeos decidiron buscar a solución concreta para a crise concreta nas fórmulas da dereita e na súa administración bárbara do mercado e do benestar. Podemos seguir culpabilizando ás doutrinas neoconservadoras dos males económicos e sociais que aturamos mais os europeos que votan elixen esmagadoramente a partidos confesionalmente neoliberais para xestionar a saída da crise.

Puxemos a nosa confianza na bondade desa idea fixa que (teoricamente) nos ía conducir a espléndidas vitorias. Agora mellor lembrar o que Jacinto Benavente proclamaba das ideas fixas: «Unha idea fixa sempre parece unha grande idea, non por ser grande, senón porque enche todo un cerebro.» Cómpre reservarlle con urxencia unha parte de maior do noso cerebro colectivo a ideas menos fixas.


En
Disparando aos reloxos fago conta dos resultados no Reino de España nos que uns desganados electores acordaron poñer o intermitente á dereita como preaviso de futuras manobras nas eleccións municipais e lexislativas. Seguro que en Ferraz hai algún compositor de realidades amigábeis que esta presentando os resultados do PSOE como un water-boarding, un simulacro de afogamento de mal gusto e peor grolo. Dirase que foi simplemente un simulacro electoral fallido de doado remedio nas vindeiras eleccións xerais. Mellor ha ser aprender a nadar a contracorrente, evitaranse afogamentos maiores.

Da conxunción planetaria de Zapatero na presidencia da UE e de Barack Obama na Casabranca poden estar certos de que non chegará salvación ningunha. Do uso mediático da corrupción tampouco, o Partido Popular é un
partido teflón ao que lle esvara electoralmente a peor roña da súa corrupción e nepotismo. A teoría do bumerán de Mayor Oreja, outro ataque á intelixencia, e o campismo son dramáticos síntomas do ben afastados que estamos dos ideais dunha democracia esixente.

En Galiza iniciouse antes esa deriva dereitista, xermolou con anticipación ese brote electoral conservador que Núñez Feijóo cualificou como o
«Movemento do 1-M», o retorno revanchista da dereita aos asuntos do goberno. No pizarrín Feijóo pode anotar a súa primeira maioría absoluta. Cunha participación baixísima, certo; maioría absoluta bonsai se se quere, pero maioría efectiva que ratifica as tendencias coas que iniciamos a nosa malfadada primavera electoral: un PPdeG en alza, un PSdeG en vagaroso devalo e un BNG en caída libre.

Perdidos na tradución dos malos resultados do 1-M a unha nova estratexia de avance, Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez estrean mal os seus liderados e, se non se produce unha reacción realista, o posicionamento de PSdeG e BNG nas vindeiras municipais será aínda máis desfavorábel. No actual estado de cousas, os electores galegos visualizan tan só unha mesma e repetida mensaxe: a viraxe á dereita de Europa conduce ao Partido Popular ao goberno do Estado.

Desapiadadamente o 7-X tamén evidencia que en Galiza máis que unha intermitencia á dereita o que ordena o tráfico electoral é, en aparencia, unha dirección única á dereita. PSdeG e BNG necesitan con urxencia outra folla de ruta e mesmo outro código de circulación electoral se queren valerse algo e se queren valer para algo.

19/06/2008

Decisións infames

Malos tempos para a lírica comunitaria europea. Pouco crédito fica das promesas maximalistas para a construción da Europa Social. Encánanse iniciativas que nos abanean entre o abraio e o noxo. Ampliación das xornadas laborais ás 65 horas; fiscalización rexistral dos blogs e a xa bautizada como a Directiva da Vergoña que vén consagrar unha infame vulneración dos dereitos dos inmigrantes.

Europa enrócase cunha norma que permite aos Estados membros reter aos inmigrantes á espera de expulsión, incluídos os menores, en centros de internamento até un máximo de 18 meses e que, tamén, prohibe volver á UE durante cinco anos a calquera inmigrante que sexa expulsado dun Estado membro. Como ben evidenciaron Delors e Rocard non deixa de resultar preocupante que «o primeiro proceso de codecisión sobre inmigración sexa un proxecto ligado á represión, antes de que as condicións de acollemento e de integración dos estranxeiros non comunitarios». A proposta chega cando aínda está quente o estrepitoso fracaso do Cumio da FAO sobre a fame no mundo, un dos catalizadores fundamentais das ondas migratorias desde o Sur Global.

Os eurodeputados do Partido Socialista (agás excepcións: Borrel, Obiols e Grau) aplaudiron da Directiva, bendicida tamén polo Goberno de España, aínda que esta é unha emenda á totalidade dos valores e dos novos dereitos cos que se adornan electoralmente. Triste de asombrar que se entenda que hai que apoiar a Directiva por ser «un avance na creación dunha política de inmigración común». É unha mala política común e tamén unha brutal recuada no respecto aos dereitos fundamentais das persoas inmigrantes ademais de ser unha vítoria dos peores postulados da máis resesa dereita. Semellante xiro copernicano respecto das políticas inmigratorias rebaixa a credibilidade do proxecto Zapatero 2.0 e a confiabilidade na súa política de valores.

Avaliando as enquisas sobre a mantenza de valores racistas e sexistas realizadas por WorldPublicOpinion.org, Peter Singer deixou unha achega sobre a asunción falsaria de certos novos valores: «Isto pode significar que as enquisas [...] indican non unha igualdade xeneralizada senón unha hipocrisía xeneralizada. No entanto, a hipocrisía é o tributo que rende o vicio á virtude, e o feito de que os racistas e os sexistas deban pagar este tributo é sinal de que algo se avanzou moralmente. As palabras teñen consecuencias, e é probable que o que unha xeración diga pero non crea verdadeiramente, a próxima si o crea e mesmo actúe en consecuencia. A aceptación pública das ideas é en si mesma un tipo de progreso, pero o que realmente importa é que xera presión que se pode utilizar para obter avances concretos.»

A Directiva da Vergoña evidencia, malfadadamente, un cambio de rumbo: nesta Europa sen proxecto social xa non hai lugar nin para a igualdade xeneralizada nin para a hipocrisía xeneralizada. Acabaremos tendo señardade daquela Europa de dobre rexistro moral xa que a que agora se nos anuncia é simplemente infame.

17/07/2007

Profecías

A profética previsión de José Saramago respecto da futura absorción de Portugal polo Reino de España é a causa dunha feliz barafunda en El País e, ao tempo, dun pequeno e previsíbel terremoto patriótico no Estado veciño. A reedición no século XXI da filipina anexión de Portugal por España é máis un produto da fábrica imaxinativa de Saramago que un proxecto dunha Realpolitik.

Para o autor do Ensaio sobre a cegueira, Portugal sería unha autonomía dentro de España, bautizada agora como Iberia. «Não iríamos ser governados por espanhóis, haveria representantes dos partidos de ambos os países, que teriam representação num parlamento único com todas as forças políticas da Ibéria, e tal como em Espanha, onde cada autonomia tem o seu parlamento próprio, nós também o teríamos» sentenza Saramago para quen «seríamos aqui aquilo que os catalães querem ser e estão a ser na Catalunha.»

Retrúcalle o xornalista do Diário de Noticias apuntando que «algumas das províncias espanholas também querem ser independentes» e zanxa o Nobel asegurando que «a única independência real que se pede é a do País Basco e mesmo assim ninguém acredita.» O escritor portugués ten unha fe ilimitada nas capacidades de España.

A España-que-se-rompe por mor da atroz política de concesións do goberno Zapatero aos nacionalistas preséntase aos ollos do escritor portugués como un espazo político e económico dotado dunha irresistíbel capacidade de atracción. O estudo do castelán e a penetración das empresas españolas son argumentadas como indicadores da inevitábel «incorporación» de Portugal á órbitra de España. A forza do campo gravitatorio do novo Estado filipino español é ridículo se se compara coa que exerce en Lisboa e Madrid a República Imperial dos Estados Unidos de América, pero aquí a veciñanza territorial semella ser o factor desequilibrante da quimeira proanexionista.

Aínda que o correspondente de El País a reinterpreta como lle peta, A jangada de pedra narra menos o proceso de integración que o proceso de segregación dos dous Estados peninsulares respecto do espazo político que lle sería propio na Unión Europea. O romance ten a vocación de exorcismo literario fronte aos perturabadores males do isolacionismo da República portuguesa e do Reino de España respecto á daquela refulxente Comunidade Económica Europea.

É bastante improbábel que Portugal poida ser taxonomizado con un Estado fallido e que o seu destino histórico sexa ser papado por un Estado que xestiona penosamente a súa bagaxe plurinacional. De disolverse o Estado portugués nalgún espazo político faríao no seo da Unión Europea e non en España. Nin Aznar, nos seus máis delirantes soños como Oitava Potencia Mundial, chegou tan lonxe.

José Saramago é un grandísimo escritor e hai sobradas razóns para que fose acollido cos brazos abertos na nosa República das Letras. Ben asimilado pola nomenklatura cultural do Reino de España, é posíbel que considere que o novo Estado de Iberia había ser un agarimoso anfitrión da vella Lusitania. O vello Marx non se cansaba de repetir que a existencia determina a conciencia e non lle faltaba razón. Con todo, é máis doado que un escritor portugués entre polo ollo de agulla do Cervantes que Portugal sexa recibido en condicións de igualdade nun Estado forxado sobre o desequilibrio económico dos seus territorios, a asimetría política e unha uniformización cultural sobradamente pailoca.

19/02/2005

A estratexia kafkiana

Derramo as primeiras horas do día reflexivo por mor dunha gripallada que me deitou na señerdade. Comprobo nos papeis, na arañeira e nas conversas que unha boa parte dos meus decidiron sumarse á estratexia kafkiana. A advertencia de Franz non é despreciábel: «Na túa loita co resto do mundo, aconsélloche que te poñas do lado do resto do mundo.» No referendo de mañá, Cesare, Brétemas, Cabrafanada, Ro, Coco... na súa loita (indiscutíbel) por unha Europa mellor estarán do lado dos que cren que a do TCE é a única Europa factíbel. Eu hai tempo que decidín equivocarme novamente e non votarei o mesmo que eles. Creo sinceramente que para avanzar na construción europea se necesita dunha reserva crítica sen a cal non se poderá practicar ningunha das liberdades da Constitución nin garantir ningún dos seus fermosos dereitos e valores. Como a mormeira non me deixa pensar autonomamente, boto man dunha cita de Khalil Gibran: «Non progresas mellorando o que xa está feito, senón esforzándote por lograr o que aínda queda por facer.» Entendo que até o TCE a construción da UE era un marco aberto, plástico e dinámico, coa súa aprobación entusiasta / resignada / posibilista sospeito que se vai achicar a súa profundidade de campo, que entrará nunha fase de conservadorismo constitucional e o que non estea no papel non existirá na axenda política, social e económica da Nova Europa. Coa papeleta que se non vai vir enriba, temos todas as papeletas para volver coincidir nas papeletas. Se a gripe española nos deixa.

25/01/2005

A canseira do salmon

Leo o artigo que Coco publica en Vieiros. Documento nel a sindrome da canseira do salmón que roe no ánimo crítico de toda unha xeración de militantes da esquerda. Vale dicir que estamos fartos de ter que votar a todo que NON e que ansiamos a non seguir contracorrente e poder dicirlle que SI a algo. O finado de Mario Onaindia aleccionounos hai ben anos sobre a necesidade de abandonar o territorio ideal da esquerda anti-todo e avanzar, sen dubidas, na construción dunha esquerda que fose pro-algo. A recomendación está aí mais desta volta non toca ser pro-esta-Constitución, que respecto pero sobre a que teño abondosas dúbidas e críticas. Verifico asemade a disimetría perversa que se produce neste pre-debate referendatario: o texto consitucional é excelente até que os partidarios do NON demostren o contrario. O argumentario do NON é sometido a unha rigorosa análise de calidade da que está preservada a propaganda do SI. A xustificación das posturas contrarias a esta Constitución debílitase se se arma con palabras totem (neoliberalismo, nacións sen Estado, déficit democrático, autodeterminación, pobo...) mentres que a afirmación da Consitución se estea, sen complexos, en palabras totem identificadoras de ideais e valores non menos virtuais ou dificilmente practicábeis. A carga de esixencia democrática está tan desigualmente repartida que un, só por aforrarse enerxías intelectuais, estaría disposto a asumir a vía de Los del Río para a sancionar a Constitución Europea: «Nós por qué imos dicir non, se non a limos.» [desculpen a ligazón a tan (des)prestixioso medio]. Subscribo, con todo, as palabras de Coco: «Hai xente a que nos gustaría un nacionalismo político –non ideolóxico– europeísta e moderno, capaz de levar ata as últimas consecuencias un proxecto de soberanía nacional no marco dos grandes ideais emancipadores nacidos en Europa: liberdade, igualdade e fraternidade» e comparto a súa canseira asalmonada, pero non o sentido do seu voto. Farei por aguantar criticamente até o seguinte relanzo do río e, se facemos ben as cousas, poder votar que SI no vindeiro referendo do Estatuto de Galiza.

24/01/2005

Esencialismo europeista

Acudo ao debate sobre a Constitución Europea que promoven Tempos Novos e Vieiros. No acto Miguel Barros, concelleiro vigués do PSdeG, defende afervoadamente o SI botando man dunha retórica enchoupada en palabras totem, teleoloxismo e unha visión culturalista e mesmo providencialista de Europa e do que, reiteramente, identifica como Civilización Occidental. Manda nas súas palabras un europeísmo esencialista tan primario e unha interpelación cívica tan cándida que desarma calquera vontade de Realpolitik. Carlos Aymerich na súa quenda debullou con precisión de constitucionalista o Tratado, sinalou os déficits democráticos concretos, subliñou as carencias da súa arquitectura institucional e fuxiu (maiormente) do doutrinarismo para argumentar o NON. Hai unha divisoria histórica que diferencia o nacionalismo cívico do nacionalismo esencialista e no curso do debate evidenciouse tamén a existencia dun europeismo esencialista e dun europeismo cívico. Gañou por convicción, capacidade analítica e fondura democrática o argumentario de Aymerich. De Barros salvouse apenas o seu optimismo cego sobre o explendoroso futuro que lle agarda á Unión Europea.

18/01/2005

Suxestivo Babel Euroconstitucional

Na pasada fin de semana, os principais xornais entregaron, acompañando ao suplemento dominical, o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa. Editáronse catro millóns de exemplares desigualmente repartidos entre as linguas do Estado: 3.540.000 en castelán, 400.000 en catalán, 30.000 en euscaro e 30.000 en galego. En Galiza a difusión letrada non deu para moitas farturas: tocounos un exemplar por cada 66 cidadáns... quizais por iso os trasnos da loxística quixeron botar unha man e ciscaron polos quioscos unha partida adicional de Euroconstitucións en catalán, e mesturando allos con bugallos e carallos tornaron o esforzo divulgador nunha romexida torre de Babel. Con todo, a máis feliz das iniciativas débese, como non, a El País que, sabedor de que para que triunfe o SI no referendo é máis necesaria a seducción que a información, decidiu acompañar os exemplares gratuítos da Euroconstitución cun libro de galano: La Celestina de Fernando de Rojas. Aí si que estivo viva a intelixencia polanquista.

17/11/2004

Constitucion furtiva

Comezo a ler La Constitución furtiva, un libro de Xavier Pedrol e Gerardo Pisarello para cargarme de razóns e votar NON no referendo que se anuncia. Argumentos para convencer a Cessare (e a min mesmo) de que para facer realidade o noso imaxinario de Europa é urxente –e necesario– aleitar unha cidadanía crítica antes que a servidume civil e o desinterese pro-europeísta. Para a miña idea o que fará posíbel a nova Constitución é a súa discusión e non o aplauso unánime e pechado que se nós propón.